411 REACE

Galería de Fotos

VerVerVerVerVer
  • Provincia: Pontevedra
  • Concello: Vigo
  • Parroquia: San Salvador de Teis
  • Lugar: Guixar
  • Paraxe: Avenida de Guixar
  • Dirección: Non procede
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.24843613182927
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.705101311206818
  • Coordeadas UTM: Datum europeo 1950 (ED 50): H 29 // X 524.456,31 m / Y 4.677.615,84 m
  • Clasificación: Industria alimentaria
  • CNAE: 10.43 Fabricación de aceite de oliva. 46.17 Intermediarios do comercio de produtos alimenticios, bebidas e tabaco.
  • Tipoloxía: Almacenaxe, refinado e envasado de aceite
  • Comarca: Vigo
  • Marco Xeográfico: Zona industrial de Guixar-Vigo, na ría de Vigo.
  • Ámbito: Urbano
  • Acceso: En Santiago de Compostela enfiaremos a estrada nacional N-550 (ou ben a autoestrada AP-9) cara a Vigo. Xa en Vigo, localizaremos a rúa Xulián Estévez e continuaremos pola avenida de Guixar. Na man dereita, antes de chegar á primeira travesía de Guixar, atopábanse os depósitos da REACE.

Tipo de propiedade:

Privada

Visitable:

Non queda pegada algunha.

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

É posible que o aceite de sésamo (ajonjolí) fora das primeiras graxas vexetais coñecidas e empregadas dende a antigüidade, pois sábese que os exipcios xa o utilizaban. Os gregos preferirían o aceite obtido das olivas, usándoo na alimentación, nas lámpadas e na unción, xa fora con fins medicinais, deportivos ou sacros.

Os romanos comezarían a trituración da oliva cun muíño de fricción, o trapetum, que vai ser substituído pola máis eficaz mola olearia, enxeño que vaise manter con apenas modificacións na época medieval, prolongándose no tempo cos muíños de pedras cilíndricas (rulas) ou –máis raramente- troncocónicas.

Arrastrada por unha besta arredor dun eixe vertical, unha pedra cilíndrica (ou troncocónica) faise xirar sobre unha estrutura, tamén de pedra, esmagando as olivas ata ter unha masa moída, mestura da polpa e das carabuñas. Nesta operación obtense xa o primeiro aceite, o de meirande calidade.

A masa obtida recollíase en seiróns e, para extraerlle o aceite que aínda gardaba, prensábanse no lagar con prensas verticais de fuso nos muíños (almazaras) pequenos e con prensas de viga nos muíños de maior tamaño. Para facilitar a extracción botábase auga quente por riba dos seiróns amoreados na prensa. O aceite escoaba para un pío e quedaba sobrenadando enriba da auga, deixándose escapar esta e recolléndose o aceite con culleres para gardala en cántaros. Ademais do aceite, obtíñanse as feces (alpechín e borras), desbotándose a fracción noxenta (alpechín) e empregándose as borras para engraxar ás máquinas, obter graxas e fabricar xabón.

En Galicia cociñábase fundamentalmente con manteiga e o pouco aceite que se empregaba viña de fora. Polo século XV parece que xa abundan as oliveiras, polo que cabe supor que obteríase aceite. Os séculos XVII e XVIII coñecen a maior extensión do cultivo das oliveiras e da obtención de aceite. Irá decaendo ao longo do século XIX ata case desaparecer, manténdose esta industria na provincia de Ourense.

Co obxecto social de dedicarse ao almacenaxe, refino e envasado de aceite, a empresa “Refinería del Noroeste de Aceites y Grasas S. A.” (REACE) constituíse en 1956 en Redondela por Rodrigo Alonso Fariña, sendo socios Oswaldo Alonso Fariña, Salvador Guerrero, Eufrasio Juste e Francisco Carrión. A empresa comezaría a traballar no barrio da Portela, nunha nave na que procesaba os aceites e que, polo cheirume que desprendía, os veciños chamaban “A Fedora”.

En 1964 REACE, tamén coñecida como “Aceites de Redondela”, construía no barrio vigués de Guixar e próximos á estación ferroviaria, unha serie de grandes depósitos para o almacenamento dos seus aceites de oliva e dos que xestionaba a Comisaría General de Abastecimientos y Transportes (C.A.T.) para o abastecemento e a regulación dos prezos dos aceites comestibles no territorio nacional. A comisaría abonaba á empresa un canon mensual de almacenaxe en función da cantidade de aceite almacenado nas instalacións. O contrato da almacenaxe regulaba o procedemento para as entregas de aceite, co levantamento da correspondente acta, retirada do precinto da válvula de subministro e novo precintado tralo despacho. Entre 1966 e 1972 a empresa chegaría a almacenar nos seus depósitos máis de doce millóns de quilogramos de aceite de oliva da CAT, aos que un seguro deixaba a salvo de calquera eventualidade.

En 1968, trala compra da maioría das accións da sociedade por Rodrigo Alonso Fariña, o Consello de Administración da empresa quedaba constituído por Isidro Suárez-Díaz Moris, como presidente, e Rodrigo Alonso Seoane, Nicolás Franco Baamonde (irmán do entón Xefe do Estado), Jorge Alonso de la Rosa, e o propio Rodrigo Alonso Fariña, como vogais, actuando como secretario Alfredo Román Pérez. En 1970 sería designado como conselleiro e administrador único o perito industrial José María Romero González.

Dende comezos do ano 1972 as ordes de entrega de aceite emitidas pola CAT foron acumulándose sen que REACE os puidera atender ao non dispoñer das partidas precisas para elo. Realizadas as comprobacións pertinentes, o administrador único de REACE, o dito José María Romero González, presentaba o 25 de marzo de 1972 no Xulgado de Guardia de Vigo a denuncia pola desaparición de 4.036.052 quilogramos de aceite de oliva (uns 3.713.168 litros) propiedade da CAT, valorados a 45’14 pta/l en 167.615.172 pesetas (hoxe, a 4 eur/l, equivalerían a uns 14.852.672 euros).

O asunto nunca sería totalmente aclarado, pero segundo a fiscalía consistiría na venta fraudulenta de aceite aos conserveiros ao final da campaña anual, cando os prezos son máis altos por comezar a escaseza, repoñendo o aceite mercándoo nos inicios da seguinte colleita, cando os prezos son baixos. Unha campaña moi cativa no sector olivareiro en 1971 impediría a compra de aceite suficiente para a reposición do subtraído, e ao non dar atendidos os pedidos no mes de marzo do ano seguinte, descubriríase o fraude.

Na investigación quedaría descuberta unha trama na que terían activa participación inspectores da CAT encargados da comprobación das existencias e da xestión e certificación das cantidades entregadas para o almacenaxe e as retiradas para o mercado, así como membros do Consello de Administración da empresa e socios da Unión de Fabricantes de Conservas de Galicia.

O xuizo comezou o 21 de outubro de 1974 na Audiencia de Pontevedra. O sumario 43/1972, de máis de cinco mil folios, non se poido aportar ao ter desaparecido. O presidente do tribunal conduciu a vista evitando afondar nos detalles do caso, e non se soubo onde fora a parar o aceite subtraído nin quen eran os almacenistas e industriais beneficiados co roubo.

Con so tres procesados, a causa quedou vista para sentencia catro días despois, o venres, día 25. Foron condenados Rodrigo Alonso Fariña, vogal do Consello de Administración de REACE, Alfredo Román Pérez, secretario do Consello de Administración de REACE, e Ángel García Canals, funcionario da Escala Auxiliar da Comisaría de Abastecementos e Transportes na Delegación de Pontevedra.

O denunciante, José María Romero González, aparecera morto a tiros, canda a súa muller e a súa filla, o 30 de setembro de 1972 nunha vivenda en Sevilla. Antonio Cordovés, un taxista vigués chofer habitual de los implicados fora asasinado a tiros na praia de Alcabre o 9 de setembro de 1972. O presidente do Consello de Administración de REACE, Isidro Suárez-Díaz Moris, que fora detido e atopábase na prisión de Vigo, morrera no cárcere no mes de marzo de 1974 por accidente. Antonio Alfageme del Busto, presidente da Unión de Fabricantes de Conservas de Galicia, foi acoitelado e morto no seu despacho na primavera de 1974.

Tralo xuízo, o edificio e os depósitos da empresa en Guixar serían administrados xudicialmente e ofertados en pública poxa. No mes de novembro de 1977 un dos principais acredores de REACE, Francisco Faijes, facíase coa empresa, que pasaba a chamarse “Aceites Rias Baixas, S.A.” (RIBASA). Despois de varios anos de uso, edificio e depósitos quedaron abandonados e no ano 2011, case corenta anos despois da súa construción, foron derrubados coa intención de construír no seu solar un edificio de vivendas.

Descrición Xeral do Entorno:

As instalacións edificáronse na zona portuaria e industrial do noroeste da cidade de Vigo, próximas á estación do ferrocarril de Guixar.

Construcción:

1964.

Abandono:

As instalacións serían aproveitadas dende 1977 baixo unha nova razón social. Abandonadas despois, foron desmantelas no ano 2011.

Descrición:

As instalación de REACE en Guixar construíranse en 1964 nunha parcela da avenida de Guixar, case na esquina da avenida coa primeira travesía.

Ademais do edificio dos laboratorios e oficinas, consistían en trece grandes depósitos metálicos de diferentes tamaños, coas oportunas tubarias e válvulas de enchido e de baleirado e a tubaxe de conexión entre eles para o transvase dos aceites entre depósitos.

Tempo de uso:

Todo o ano.

Sistema de produción:

A elaboración do aceite comeza pola limpeza das sementes e os froitos oleaxinosos (entre eles, sésamo, liñaza, rícino, colza, soia, algodón, argán, oliva, cacahuete, copra). Despois faise a trituración ou esmagamento, fase na que xa se obtén algo de aceite. A masa obtida lévase as prensas nas que coa presión e a axuda de auga quente ou vapor de auga faise a extracción do aceite.

Aínda pódese mellorar o rendemento do proceso cunha terceira fase de extracción na que se aplica un disolvente (bencina e tricloroetileno) aos residuos. O disolvente se separará despois do aceite por destilación.

O aceite obtido déixase entón clarificar en grandes recipientes caldeados, nos que a auga e as impurezas sólidas sedimentan e se depositan no fondo. As fibras e mucilaxes (gomas) sepáranse por filtración en filtros prensa ou por centrifugado a alta velocidade.

Finalmente o aceite cru refínase con ácido sulfúrico (ou ácido fosfórico) en grandes axitadores de lavado, nos que elimínanse a albumina, o mucilaxe e os xabóns. A operación remata coa eliminación dos ácidos libres por neutralización con lixivia de sosa (hidróxido de sodio). Pódese aínda someter a desodorizado (eliminación de volátiles e aldehidos) por quecemento a temperaturas elevadas nos rectificadores.

O aceite cru obtido tamén pódese enviar sen refinar a outros destinos para a súa almacenaxe, mestura de aceites de distinta orixe e posterior refino e desodorizado para súa posterior expedición.

Os distintos aceites obtidos adoitan mesturarse en variadas proporcións para obter uns aceites finais de diferentes calidades e graos de acidez.

Actividades laborais:

Persoal masculino nas diferentes partes do proceso.

Emprego:

A 31 de decembro de 1969 “Refinería del Noroeste” rexistraba nas instalación viguesas trinta e tres traballadores.

Materias Primas:

Aceites de oliva crús.

Produtos Elaborados:

Aceites de oliva refinados.

Distribución e comercialización:

Nacional.

Referencias Bibliográficas:

Carmona Badía, J.; Nadal Oller, J., 2005. El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Entremos na Panificadora. “Patrimonio Industrial da Ría de Vigo. Fichas.” Inventario Histórico do Patrimonio Industrial da Ría de Vigo (IHPIRV) [en línea]. Disponible na Internet: http://www.entremosnapanificadora.com [Último acceso 25 de marzo do 2013].

Krekeler, K., 1942. “Elaboración de las grasas y aceites”, Manual del Ingeniero, Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, 2ª ed. trad. de la 26ª edición alemana. Barcelona: Gustavo Gili, tomo IV, capítulo V: Industrias de la alimentación y afines, Sección V, p. 617-624.

Lorenzo Fernández, X., 1962. “Etnografía: cultura material. Os produtos do campo: o aceite”, Historia de Galiza, Ramón Otero Pedrayo (dir.), Buenos Aires: Editorial Nós, vol. II, O home-II, p. 245-254.

Lorenzo Fernández, X., 1983. “O aceite”, A terra, Biblioteca Básica da Cultura Galega, Vigo: Editorial Galaxia, p. 110-121. DL VG-283-1982. ISBN 84-7154-407-5.

Montes Tubío, F., 2002. “Factorías romanas de aceite en España”, Artifex: ingeniería romana en España, 2002, 2ª ed. 2005, catálogo de la exposión de igual nombre, Ministerio de Fomento (CEDEX-CEHOPU), Fundación Juanelo Turriano, Ministerio de Cultura, Madrid: Secretaría General Técnica del Ministerio de Cultura, p. 303-314. DL M-12127-2002. ISBN 84-369-3567-5.

Montes Tubío, F. de P.; Rojas Sola, J.I., 2008. “Ingenios para la obtención del aceite y el vino”, Ars Mechanicae: ingeniería medieval en España, Pedro Navascués Palacio (coord.), Ministerio de Fomento (CEDEX-CEHOPU) y Fundación Juanelo Turriano, Madrid: Ministerio de Fomento, p. 195-201. DL M-46232-2008. ISBN 978-84-7790-470-0.

Sobrino Fagilde, I., 2008. Arquitectura industrial en la provincia de Pontevedra. Vigo y zona de influencia (eje norte-sur), Vigo: Colegio Oficial de Arquitectos de Galicia [en línea]. Disponible na Internet: http://noncommon.files.wordpress.com/2012/04/00-a-indyarq_1-393_low.pdf [Último acceso 27 de junio del 2013].

Taboada Arceo, A., 1971. Galicia, estructura y ritmo socio-económicos. La Coruña: Servicio de Estudios y Publicaciones de las Cámaras Oficiales de Comercio, Industria y Navegación de Galicia. DL C-145-1971.

Xunta de Galicia, 2007-2011. Plan de Ordenación do Litoral [en línea]. Disponible na Internet: http://www.xunta.es/litoral [Acceso 28 marzo 2013].

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 223-III Vigo // Datum europeo 1950 (ED50) H 29 // X 524.456,31 m / Y 4.677.615,84 m

Instituto Geográfico Nacional. Serie MTN25 (Mapa Topográfico Nacional 1:25.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional25.jsp [Acceso 9 abril 2014].

Instituto Geográfico Nacional. Serie MTN50 (Mapa Topográfico Nacional 1:50.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional50.jsp [Acceso 9 abril 2014].

Instituto de Estudos do Territorio da Xunta de Galicia. Mapas de Galicia 1:5.000, Santiago de Compostela: Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas [en liña] Dispoñible na Internet: http://sitga.xunta.es/sitganet [Acceso 24 abril 2014].

Instituto de Estudos do Territorio (IDE) da Xunta de Galicia. Información Xeográfica de Galicia: visualizador de mapas [en liña]. Dispoñible na Internet: http://mapas.xunta.es/visualizador-de-mapas [Acceso 4 outubro 2015].

Data de Actualización:

13 xullo 2016