413 Muíño do Tinghilado

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: A Coruña
  • Concello: Neda
  • Parroquia: Santa María de Neda
  • Lugar: Santa María
  • Paraxe: As Moas
  • Dirección: Non procede
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 43.50475544648615
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.152291284820535
  • Coordeadas UTM: Datum europeo 1950 (ED 50): H 29 // X 568.649,54 m / Y 4.817.432,33 m
  • Clasificación: Fabricación de fariñas
  • CNAE: 10.61 Fabricación de produtos de muiñaría.
  • Tipoloxía: Muíño hidráulico de dorna ou caldeira (rodicio en tina)
  • Comarca: Ferrol
  • Marco Xeográfico: Ribeiras do Belelle no seu tramo final
  • Ámbito: Rural
  • Acceso: Entraremos en Neda pola estrada AC-115. No estribo dereito da ponte de Santa María sobre o Belelle, apartaremos polo camiño que vai cara a As Augas e A Mourela. A uns cento setenta metros do cruce, atoparemos na beira dereita do camiño o Muíño do Tinghilado.

Tipo de propiedade:

Privada

Visitable:

Exteriormente

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

As referencias máis antigas de muíños fariñeiros movidos por auga remóntanse á primeira metade do século III a.C., no caso dun muíño de roda horizontal en Bizancio (Turquía), e ao ano 240 a.C., no dun muíño de roda vertical en Alexandría (Exipto).

Os muíños de roda vertical aparecen xa ben documentados por Vitrubio cara ao ano 25 a.C., con evidencias arqueolóxicas de principios do século primeiro (da era cristiá) achadas en San Giovanni dei Ruoti (Italia) e do ano 57 d.C. achadas en Avenches (Suíza). Os traballos máis recentes sobre o complexo muiñeiro de Barbegal (Francia) dátano a comezos do século II, mentres que de finais deste s.II é o de Martres-de-Veyre (Francia) e do ano 275 é o muíño escavado en Roma (Italia).

Porén, as evidencias arqueolóxicas dos muíños de roda horizontal máis antigas son, polo de agora, case tres séculos máis novas, de finais do s.III en Chemtou e Testour (Tunes), e do ano 630 en Cork (Irlanda).

De acordo coas ditas evidencias, os muíños de roda vertical (aceas) foron difundidos por todo o Imperio Romano desde o século I despois de Cristo, mentres que os de roda horizontal (rodicios) non se difundiron ata finais do século III.

A pesar da gran difusión da muiñaría hidráulica, é difícil atopar vestixios xa que os muíños construíanse mediante estruturas de madeira e moitas veces sobre barcas ou aproveitando os alicerces das pontes, tamén de madeira. Só cando a construción realízase con sólidas estruturas pétreas , o seu rastro pode permanecer ao longo dos séculos.

No caso de Galicia, “o país dos mil ríos”, os cursos de auga van ser cumpridamente aproveitados ao longo da historia, e aínda que non se dispoña de evidencias arqueolóxicas, malia a case segura existencia de restos de madeira enterrados baixo dos arrastres dos ríos e dos lodos dos esteiros, os muíños do río Belelle aparecen solidamente documentados dende a Idade Media, cando no ano 1111 dona Munia Froilaz de Traba funda o Mosteiro de Pedroso, en recordo dun fillo morto nas augas do río Grande de Xubia.

A enerxía hidráulica vai ser tamén o motor fundamental da primeira industrialización. De feito, xa contra 1775 dátanse os primeiros aproveitamentos hidráulicos da Ilustración no río Xubia, na ría de Ferrol, os muíños de Lestache, construídos coa vontade de obter grandes producións de fariña para o abasto comarcal e aínda a exportación.

O coñecido como Muíño do Tinghilado (tamén Muíño das Moas, ou Muíño do Foxo) aproveita as augas derivadas do río Belelle que veñen do muíño de Moncho. Localízase no lugar de Santa María, na freguesía de Santa María de Neda (Neda, A Coruña), e ten seguramente orixe medieval, como tamén ocorre con outros da zona. O nome de “o tinghilado” venlle de que na beira do camiño tiña un alboio para gardar as carretas do reparto da fariña.

Enrique Cal Pardo recolle no apeo do ano 1549 de Santa María de Neda a existencia “dunha casa con dous muíños, cos seus rodicios e catro moas –correntes e moentes- e unha pequena insua a horta” que ten que ser o mesmo muíño que aquí trátase.

Dos trece muíños que recolle na parroquia de Santa María de Neda o Interrogatorio do Catastro do Marqués de Ensenada, feito en 1752, figura en As Moas un muíño con dúas moas (dous pares de moas), propiedade do veciño de San Martiño de Xubia, Antonio Pérez Robles, que pensamos que poderíase tratar do antepasado do que aquí ocúpanos.

No rexistro da Contribución Industrial dos anos 1880 a 1904 non nos atrevemos a identificar algún que pareza relacionado co que estúdase aquí, nin por localización nin polo nome do propietario.

Porén, no rexistro da Contribución Industrial de 1925 atopamos un muíño dunha moa de trigo e dúas moas de millo situado en Santa María e do que figura como propietario Manuel Fojo Teijeiro. Fojo, Foxo, era fillo de muiñeiro, e cos seus pais, Xesús Foxo e Amalia Teixeiro, e os seus irmáns percorreu varios muíños da comarca, sempre en réxime de aluger.

Nos rexistros da Contribución Industrial de 1932, 1937, 1938 e do período 1940-1945, non somos quen de identificar este muíño, aínda que sábese que estaba en funcionamento.

No rexistro de 1950 identificamos un muíño de dúas moas do que figura como propietaria Aurora García Arribe, a dona de Manuel Foxo. Aínda que figura como situación o lugar de Os Castros, é de supor que trátase do seu domicilio, non da situación do muíño, no que ela quedara ao fronte trala suposta morte do seu home.

Rematada a Guerra Civil (1936-1939), Manuel Foxo, simpatizante da República, fora preso, trasladado con outros veciños a Narón e alí fusilado e dado por morto. Pero só estaba ferido, e agochado pola beiramar conseguiu chegar ao Pazo da Mercé (vid. ficha 068), onde foi atendido polo médico alí residente, Francisco Cebreiro Barros (Paco da Mercé).

Xa curado, viviu escondido no muíño, axudando á súa muller ata que algúns anos despois, coa axuda do párraco de Santa María e duns militares ferrolanos puido reaparecer e vivir en liberdade.

As diferentes designacións para unha mesma localización (As Moas, Santa María, As Augas,...) complican a identificación dos muíños ao longo dos anos, complicación acentuada moitas veces polo cambio no propietario ou arrendatario na data do rexistro.

O muíño tiña tres pedras, cos rodicios traballando en caldeira, e deixaría de traballar nos primeiros anos da década de 1960 e sería abandonado. A casa anexa foi rehabilitada para o seu uso como vivenda habitual.

Descrición Xeral do Entorno:

O muíño sitúase na ribeira dereita do río Belelle, entre este e o rego do Basteiro, aproveitando as augas do muíño de Moncho (vid. ficha 412), que serán a continuación aproveitadas no muíño do Carreiro (vid. ficha 414).

Construcción:

Posiblemente tivera a súa orixe no século XVIII e fora máis adiante obxecto de reformas. En calquera caso, traballaba antes de 1925, ano en que aparece citado con Manuel Foxo Teixeiro como propietario.

Abandono:

Deixaría de traballar contra 1960, sendo abandonado, aínda que rehabilitada como vivenda habitual a casa anexa.

Descrición:

A presa érguese nunha revolta do río Belelle, derivando as augas pola marxe dereita por unha gabia ou cano de uns douscentos corenta metros de lonxitude e ancho variable de ata dous metros cara ao muíño de Moncho. Esta gabia de alimentación parece ser o resultado da transformación dun antigo rego dos prados e labradas polas que vai pasando antes de volver ao leito do Belelle.

As augas accionan os muíños do Muíño de Moncho (vid. ficha 412) e continúan polo rego outros trescentos trinta metros, ensanchándose e afondando a gabia para, a través de tres ocos case cadrados (un deles hoxe en día cegado), chegar ás caldeiras deste muíño.

As augas saen do muíño baixo tres aberturas de sección aproximadamente trapezoidal, e xúntanse nun cano común que prolóngase nunha lonxitude de uns cento dez metros antes de volver ao leito do río Belelle. No seu camiño de volta, as augas procedentes do muíño do Tinghilado alimentan ao muíño do Carreiro (vid. ficha 414).

O edificio do muíño é de planta rectangular, duns doce metros de lonxitude e seis de ancho. A cuberta é de fibrocemento (uralita) sobre armadura de madeira e a dúas augas. No fronte de augas arriba ábrense unha bufarda ou fachal sobre o cano que chega ao muíño, mentres que na fachada de augas abaixo é un oco que conforma unha fiestra, pechada con dúas follas con vidros en marcos de madeira. As paredes son de cachotería rebocada, coas xambas, soleiras e linteis dos ocos de cantería de granito.

O muíño ten anexa a casa vivenda, de planta trapezoidal duns oitenta metros cadrados, cunha fronte de doce metros e un fondo de cinco a oito metros. Componse de planta baixa e un andar, coas paredes de cachotería de granito, ben traballada inda que moi irregular. A cuberta, a dúas augas, é de tella do país.

O muíño tiña tres pedras, é dicir, a construción acollía tres muíños, un albeiro (para trigo) e dous negreiros (para millo), aínda que hoxe vemos unha das entradas cegada, polo que só deberon de traballar dúas pedras nos seus últimos anos.

Unha vez rematou a súa vida industrial, o muíño foi abandonado, mentres que a casa vivenda anexa foi rehabilitada e continúa o seu uso como vivenda habitual.

Tempo de uso:

Todo o ano, acomodándose aos caudais que levara o río.

Sistema de produción:

A enerxía hidráulica é a asociada aos recursos hídricos (fluviais e mariños), cuxa enerxía potencial pode aproveitarse para a súa transformación en enerxía mecánica. Un metro cúbico de auga pode proporcionar 9.800 Joule de enerxía mecánica por cada metro que descenda, polo que un caudal dun metro cúbico por segundo nun salto dun metro pode proporcionar 9.800 Watts de potencia mecánica. Posto que o rendemento das máquinas hidráulicas é moi elevado, a cantidade de enerxía aproveitada é moi grande.

O elemento ou convertedor enerxético máis antigo para o aproveitamento da enerxía da auga é a roda hidráulica, que transforma a enerxía da auga en enerxía mecánica de rotación. A auga actúa sobre unhas paletas ou cae nuns cubos situados na periferia da roda e co seu movemento e o seu peso fai virar dita roda: a auga transfire a súa enerxía facendo virar o eixo da roda.

A tipoloxía básica das rodas hidráulicas resúmese na roda hidráulica vertical, documentada xa desde o século II a.C. e perfectamente descrita por Marco Vitruvio Polion, e a roda hidráulica horizontal, que a pesares dunha aparente maior simplicidade ao non necesitar engrenaxes para a conversión do xiro, non se atopa documentada antes do século III d.C. Ámbolos dous tipos de convertedores hidráulico mecánicos foron ampla e profusamente empregados para a moenda de cereais, e coñécense habitualmente como muíño romano, o de roda vertical, e muíño grego (ou nórdico), o de roda horizontal.

Ademais da fundamental moenda de cereais, as rodas hidráulicas empregáronse profusamente para todo tipo de aplicacións, xa fose aproveitando o xiro directamente (moenda, elevación de auga, barrenado, laminación) ou converténdoo en movemento alternativo (batáns, mazos, foles, serras). A enerxía hidráulica coñecerá despois unha aplicación de gran éxito ao asociarse a un xerador eléctrico para converterse en electricidade.

A pesares de que as rodas hidráulicas horizontais (rodicios) apenas evolucionaron ao longo dos séculos, por contra nas primitivas rodas hidráulicas verticais (aceas) foron moitas as modificacións introducidas e as variantes desenvolvidas buscando a mellor adaptación ás condicións do emprazamento para a optimización do aproveitamento hidráulico.
A optimización nos deseños básicos logrou instalacións hidráulicas de gran eficiencia (aceas de vertido conducido, muíños de dorna ou caldeira), tanto para pequenos como para grandes caudais, con rendementos de conversión normalmente superiores ao 60%.

A construción chamada “Muíño do Tinghilado” tiña tres muíños con cadanseu rodicio (roda hidráulica horizontal) introducido en cadansúa caldeira (un cilindro vertical de pedra), cada un deles solidario cun eixo vertical que arrastra a moa xiratoria (capa) sobre a moa fixa (pé) de cada muíño. Cada muíño son realmente un par de moas e, para evitar confusións e non dicir “un muíño de tres muíños”, xa que chamámoslle tamén muíño ao edificio que acolle un ou máis muíños, adoitase dicir “un muíño de tres pedras” ou “un muíño de tres moas”, ou das que sexan, entendendo por moa o par de pedras ou moas que conforman un muíño.

A auga derivada do río remansa no cubo e sae pola billa da canela ou cubeta no inferno do muíño, golpeando nas dezaoito pas ou penlas do rodicio e facéndoo virar. O eixo inferior do rodicio apoia co grilo (tamén ovo ou aguillón) na ra (tamén pía ou porca) que vai encaixada na mesa, madeiro que pode subirse e baixarse (darlle o tempero) dende o tremiñado do muíño para axustar a finura da moenda. O eixo superior, a vara, é de madeira, vai encaixado no rodicio e remata na parte de enriba nun eixo de ferro que pasa polo burato que ten o pe do muíño (a moa inferior) axustado na buxa ou chumaceira na que xira. Unha peza de ferro con forma de aspa, a segorella, situada na parte superior do eixe do rodicio, entra a modo de chavella no centro da capa (a moa que xira) e lle transmite o movemento.

Nos muíños de dorna, a auga entra lateralmente nun cilindro vertical (a caldeira) que ten no seu fondo o rodicio. O movemento rotatorio da auga e, sobre todo, o peso da auga acumulada sobre o rodicio, o fan virar, saíndo a auga despois pola parte de abaixo da caldeira.

O gran bótase na moega (pode ter unha capacidade de até uns noventa quilogramos) e pola quenlla ou calexa, sacudida polo tarabelo, cae no ollo ou foxo e métese entre as dúas moas, que ao xirar o van desfacendo e desprazando cara a periferia das pedras, converténdoo na fariña que ao fin cae na caixa.

Actividades laborais:

O muiñeiro, e ás veces un axudante eran os únicos operarios necesarios para o funcionamento e mantemento do muíño.

Emprego:

Sen datos.

Materias Primas:

Traballábase fundamentalmente con trigo, en menor medida con millo (maínzo), e raramente con centeo e orxo (cebada). Na antigüidade, antes da chagada do maínzo, moíase o millo miúdo ou paínzo, hoxe desaparecido.

Produtos Elaborados:

Fariñas de trigo, de millo (maínzo), e de mestura.

Distribución e comercialización:

Local e comarcal.

Referencias Bibliográficas:

Cal Pardo, E., 1984. El monasterio de San Salvador de Pedroso en tierra de Trasancos. La Coruña: Diputación de La Coruña. ISBN 84-505-0120-2.

Caro Baroja, J., 1995. Historia de los molinos de viento, ruedas hidráulicas y norias. Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía (IDAE), Madrid: Tabapress. DL M-41843-1995. ISBN 84-86850-64-9.

Colectivo Libunca, 2008. “A terra patrimonial: o muíño das moas na ínsula de Balvís, unha enxeñaría medieval”, Revista de Neda: anuario cultural do Concello de Neda. nº 11, dir. Manuel Pérez Grueiro, Concello de Neda, Neda, Coruña, p. 61-63. DL C-837-1998. ISSN 1139-1154.

Deibe, E., 2002. “O muíño de Foxo. Biografía dun muiñeiro: unha vida de lenda”, Revista de Neda: anuario cultural do Concello de Neda. nº 5, dir. Manuel Pérez Grueiro, Concello de Neda, Neda, Coruña, p. 121-126. DL C-837-1998. ISSN 1139-1154.

Deibe, E., 2005. “Dos molinos en el Belelle”, Revista de Neda: anuario cultural do Concello de Neda. nº 8, dir. Manuel Pérez Grueiro, Concello de Neda, Neda, Coruña, p. 47-51. DL C-837-1998. ISSN 1139-1154.

Fernández Couto, A. (coord.), 2009. Muíños de Neda. Fotografías de José López Dopico “Casoco”, Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do Colexio de Educación Infantil e Primaria de Maciñeira, Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Neda: Concello de Neda. DL C-1640-2009.

Fernández Lavandera, E.; Fernández Rodríguez, C.M., 1998. Los molinos: patrimonio industrial y cultural. Granada: Grupo Editorial Universitario. ISBN 84-89908-29-X.

García-Diego Ortiz, J.A.; García Tapia, N., 1987. Vida y técnica en el Renacimiento. Manuscrito de Francisco Lobato, vecino de Medina del Campo. Valladolid: Universidad de Valladolid. ISBN 84-7762-104-7.

González Tascón, I., 1987. Fábricas hidráulicas españolas, 2ª ed. 1992, Madrid: Centro de Publicaciones del Ministerio de Obras Públicas y Transportes (CEDEX-CEHOPU) y Turner Libros. ISBN 84-7790-147-3.

Lorenzo Fernández, X., 1962. “Etnografía: cultura material. Os oficios: O pan”, Historia de Galiza, Ramón Otero Pedrayo (dir.), Buenos Aires: Editorial Nós, vol. II, O home-II, p. 671-681.

Lorenzo Fernández, X., 1983. Os oficios. Biblioteca Básica da Cultura Galega, Vigo: Editorial Galaxia. DL VG-18-1983. ISBN 84-7154-425-3.

Lucas, A.R., 2006. Wind, Water, Work. Ancient and Medieval Milling Technology. Leiden (The Nederlands): Brill. ISBN 978-90-04-14649-5.

Madoz Ibáñez, P., 1846-1850. Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones de Ultramar. 16 vol., Establecimiento tipográfico de P. Madoz y L. Sagasti, Madrid, (vol 6-9: Est. Tipografico-Literario Universal; vols 10-11: Imprenta al Diccionario Geográfico, á cargo de José Rojas; vols 12-16: Imprenta del Diccionario geográfico estadístico-histórico de Pascual Madoz). Existe una versión digitalizada y de libre acceso a través de la Biblioteca Virtual de Andalucía: http://www.juntadeandalucia.es/cultura/bibliotecavirtualandalucia [Acceso 17 octubre 2009].

Pérez Villar, G., 2006. “Unha ruta turística polos muíños do río Belelle”, Revista de Neda: anuario cultural do Concello de Neda, nº 9, dir. Manuel Pérez Grueiro, Concello de Neda, Neda, Coruña, p. 158-175. DL C-837-1998. ISSN 1139-1154.

Respuestas Generales del Catastro del Marqués de la Ensenada, 1750-1754, 13.000 localidades en 545 vols. conservados en el Archivo General de Simancas, microfilmados en la década de 1980 y digitalizados en 2004 y 2005 con un total de 350.000 imágenes, Ministerio de Cultura del Gobierno de España, Madrid. [en liña]. Dispoñible na Internet: http://pares.mcu.es/Catastro [Acceso 3 agosto 2009].

Reyes Mesa, J.M., 2001. Evolución y tipos de molinos harineros: del molino a la fábrica, Fundación Juanelo Turriano, Granada: J.M. Reyes. DL GR-506-2001. ISBN 84-89685-46-0.

Sanmartín Corral, S., 2005. “Los molinos del Belelle: posible proyecto de rehabilitación”, Revista de Neda: anuario cultural do Concello de Neda, nº 8, dir. Manuel Pérez Grueiro, Concello de Neda, Neda, Coruña, p. 36-46. DL C-837-1998. ISSN 1139-1154.

Santalla López, M., 2011. Muíños, fornos e pan de Neda. Biblioteca de Ferrolterra, Ferrol: Edicións Embora. DL C-2554-2011. ISBN 978-84-92644-36-0.

Xunta de Galicia, 2007-2011. Plan de Ordenación do Litoral [en línea]. Disponible na Internet: http://www.xunta.es/litoral [Acceso 28 marzo 2013].

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 7-III Neda // ED 1950: H 29 // X 568.649,54 m / Y 4.817.432,33 m

Instituto Geográfico Nacional. Serie MTN25 (Mapa Topográfico Nacional 1:25.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional25.jsp [Acceso 9 abril 2014].

Instituto Geográfico Nacional. Serie MTN50 (Mapa Topográfico Nacional 1:50.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional50.jsp [Acceso 9 abril 2014].

Instituto de Estudos do Territorio da Xunta de Galicia. Mapas de Galicia 1:5.000, Santiago de Compostela: Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas [en liña] Dispoñible na Internet: http://sitga.xunta.es/sitganet [Acceso 24 abril 2014].

Instituto de Estudos do Territorio (IDE) da Xunta de Galicia. Información Xeográfica de Galicia: visualizador de mapas [en liña]. Dispoñible na Internet: http://mapas.xunta.es/visualizador-de-mapas [Acceso 4 outubro 2015].

Data de Actualización:

15 xullo 2016