414 Muíño do Carreiro

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVer
  • Provincia: A Coruña
  • Concello: Neda
  • Parroquia: Santa María de Neda
  • Lugar: Santa María
  • Paraxe: As Pereiras
  • Dirección: Non procede
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 43.504282365905134
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.152886735221841
  • Coordeadas UTM: Datum europeo 1950 (ED 50): H 29 // X 568.602,87 m / Y 4.817.394,91 m
  • Clasificación: Fabricación de fariñas
  • CNAE: 10.61 Fabricación de produtos de muiñaría.
  • Tipoloxía: Muíño hidráulico de rodicio
  • Comarca: Ferrol
  • Marco Xeográfico: Ribeiras do Belelle no seu tramo final
  • Ámbito: Rural
  • Acceso: Entraremos en Neda pola estrada AC-115. No estribo dereito da ponte de Santa María sobre o Belelle, apartaremos polo camiño que vai cara a As Augas e A Mourela. A uns cen metros do cruce, atoparemos na beira dereita do camiño o Muíño do Carreiro, tamén chamado das Carregadas, do Pelaio e do Foxo.

Tipo de propiedade:

Privada

Visitable:

Exteriormente

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

As referencias máis antigas de muíños fariñeiros movidos por auga remóntanse á primeira metade do século III a.C., no caso dun muíño de roda horizontal en Bizancio (Turquía), e ao ano 240 a.C., no dun muíño de roda vertical en Alexandría (Exipto).

Os muíños de roda vertical aparecen xa ben documentados por Vitrubio cara ao ano 25 a.C., con evidencias arqueolóxicas de principios do século primeiro (da era cristiá) achadas en San Giovanni dei Ruoti (Italia) e do ano 57 d.C. achadas en Avenches (Suíza). Os traballos máis recentes sobre o complexo muiñeiro de Barbegal (Francia) dátano a comezos do século II, mentres que de finais deste s.II é o de Martres-de-Veyre (Francia) e do ano 275 é o muíño escavado en Roma (Italia).

Porén, as evidencias arqueolóxicas dos muíños de roda horizontal máis antigas son, polo de agora, case tres séculos máis novas, de finais do s.III en Chemtou e Testour (Tunes), e do ano 630 en Cork (Irlanda).

De acordo coas ditas evidencias, os muíños de roda vertical (aceas) foron difundidos por todo o Imperio Romano desde o século I despois de Cristo, mentres que os de roda horizontal (rodicios) non se difundiron ata finais do século III.

A pesar da gran difusión da muiñaría hidráulica, é difícil atopar vestixios xa que os muíños construíanse mediante estruturas de madeira e moitas veces sobre barcas ou aproveitando os alicerces das pontes, tamén de madeira. Só cando a construción realízase con sólidas estruturas pétreas , o seu rastro pode permanecer ao longo dos séculos.

No caso de Galicia, “o país dos mil ríos”, os cursos de auga van ser cumpridamente aproveitados ao longo da historia, e aínda que non se dispoña de evidencias arqueolóxicas, malia a case segura existencia de restos de madeira enterrados baixo dos arrastres dos ríos e dos lodos dos esteiros, os muíños do río Belelle aparecen solidamente documentados dende a Idade Media, cando no ano 1111 dona Munia Froilaz de Traba funda o Mosteiro de Pedroso, en recordo dun fillo morto nas augas do río Grande de Xubia.

A enerxía hidráulica vai ser tamén o motor fundamental da primeira industrialización. De feito, xa contra 1775 dátanse os primeiros aproveitamentos hidráulicos da Ilustración no río Xubia, na ría de Ferrol, os muíños de Lestache, construídos coa vontade de obter grandes producións de fariña para o abasto comarcal e aínda a exportación.

O coñecido como Muíño do Carreiro (tamén chamado “das Pereiras”, “das Carregadas”, “do Pelaio” e “do Foxo”) aproveita as augas derivadas do río Belelle, que lle chegan despois de pasar polo muíño de Moncho (vid. ficha 412) e polo muíño do Tinghilado (vid. ficha 413). Localízase no lugar de O Carreiro, na freguesía de Santa María de Neda (Neda, A Coruña), e ten seguramente orixe medieval, como tamén ocorre con outros da zona. O nome do Carreiro déuselle porque o rego vai polo medio das casas; o das Pereiras, polo nome do sitio no que ten asento; o das Carregadas, por selo nome da familia propietaria; o de Pelaio, porque fora por un tempo o seu muiñeiro; e o de Foxo, porque Manuel Foxo fora tamén muiñeiro nel por un tempo e acabaría por ser o seu propietario.

Enrique Cal Pardo cita do apeo do ano 1549 de Santa María de Neda a existencia “dunha casa con dous muíños, cos seus rodicios e catro moas –correntes e moentes- e unha pequena insua a horta” que pénsase é o muíño do Tinghilado (vid. ficha 413), e menciónase tamén “o muíño das pereiras”, que podería ser o muíño do que aquí trátase.

Dos trece muíños que recolle na parroquia de Santa María de Neda o Interrogatorio do Catastro do Marqués de Ensenada, feito en 1752, figura en Santa María un muíño con dúas moas (dous pares de moas), propiedade de Francisco Fariña, que pensamos que poderíase tratar do que aquí ocúpanos.

No rexistro da Contribución Industrial dos anos 1880 a 1904 non nos atrevemos a identificar algún que pareza relacionado co que estúdase aquí, nin por localización nin polo nome do propietario.

Porén, no rexistro da Contribución Industrial de 1925 atopamos un muíño de tres moas de trigo e unha moa de millo que podería corresponder ao conxunto deste (dúas moas) máis o do Tinghilado (outras dúas moas), dos que figura como propietaria a que sábese que o foi, Matilde Carregado Bernarda. No canto que se di que a situación é en Os Castros, é de supor que trátase do domicilio da propietaria, non da situación dos muíños, que atópanse en Santa María.

Nos rexistros da Contribución Industrial de 1932, 1937 e 1938 mantéñense os mesmos datos de 1925, mentres que nos do período 1940-1945 figura en Santa María un muíño de dúas moas con Juan García Carregado como propietario, e pensamos que trátase deste.

No rexistro de 1950 identificamos no lugar de O Carreiro un muíño de dúas moas, que sen dúbida é este, do que figura como propietario Félix Permuy Feal.

Na estatística do Servizo Nacional do Trigo de 1956, 1964 e 1971, localizamos no lugar de As Augas e a nome de Juana García Carregado un muíño para penso e uso público con dúas moas de 1.200 milímetros de diámetro. O muíño xa non o atopamos entre os rexistrados na Contribución Industrial do ano 1976, polo que xa non debía de traballar.

A indicación da enerxía motriz hidroeléctrica, coa que figuran os vinte e catro muíños rexistrados en 1956 (e tamén os dos anos seguintes), debe ser un erro por hidráulica (ningún deles tiña produción propia de electricidade para accionar os muíños) ou quere indicar que algún dos muíños eran mixtos, é dicir, que tamén podían ser accionados pola enerxía eléctrica da rede pública cando escaseaba a auga.

As diferentes designacións para unha mesma localización (As Moas, Santa María, As Augas,...), xa fora por cambiala ou por anotar non a dirección do muíño, senón a do propietario, complican a identificación dos muíños ao longo dos anos, complicación acentuada moitas veces polo cambio no propietario ou arrendatario na data do rexistro.

Descrición Xeral do Entorno:

O muíño sitúase na ribeira dereita do río Belelle, entre este e o rego do Basteiro, aproveitando as augas do muíño do Tinghilado (vid. ficha 413).

Construcción:

Posiblemente tivera a súa orixe no século XVI e fora máis adiante obxecto de reformas. En calquera caso, traballaba antes de 1752, ano en que aparece citado no Catastro de Ensenada.

Abandono:

Deixaría de traballar nos primeiros anos do decenio de 1970, sendo despois modificada totalmente a casa do muíño e rehabilitada como vivenda habitual.

Descrición:

A presa érguese nunha revolta do río Belelle, derivando as augas pola marxe dereita por unha gabia ou cano de uns douscentos corenta metros de lonxitude e ancho variable de ata dous metros cara ao muíño de Moncho. Esta gabia de alimentación parece ser o resultado da transformación dun antigo rego dos prados e labradas polas que vai pasando antes de volver ao leito do Belelle.

As augas accionan os muíños do Muíño de Moncho (vid. ficha 412) e continúan polo rego outros trescentos trinta metros, accionando os muíños do Muíño do Tinghilado (vid. ficha 413) e continuaban polo rego algo máis de sesenta metros para alimentar aos rodicios do muíño do Carreiro. Hoxe en día modificouse totalmente a vella construción, e edificouse unha vivenda, pasando o rego por baixo dela para saír pola finca, cos corenta metros de rego cubertos, a desaugar no río Belelle.

A vivenda que parece levantada sobre o que fora o muíño é de planta rectangular, duns dez metros de lonxitude e seis de ancho. A planta baixa é de cachotería irregular de granito, e por riba dela ten dous andares máis, o derradeiro baixo unha cuberta de fibrocemento (uralita) a dúas augas. Os andares superiores van rebocados de cemento.

Este edificio ten anexas pola fachada de levante outras construcións máis pequenas que completan o conxunto.

A casa muíño orixinal tiña dúas pedras, é dicir, a construción acollía dous muíños, cada un deles coa súa parella de moas, a do pé e a da capa.

Unha vez rematou a súa vida industrial, a casa do muíño foi modificada totalmente e rehabilitada como vivenda habitual.

Tempo de uso:

Todo o ano, acomodándose aos caudais que levara o río.

Sistema de produción:

A enerxía hidráulica é a asociada aos recursos hídricos (fluviais e mariños), cuxa enerxía potencial pode aproveitarse para a súa transformación en enerxía mecánica. Un metro cúbico de auga pode proporcionar 9.800 Joule de enerxía mecánica por cada metro que descenda, polo que un caudal dun metro cúbico por segundo nun salto dun metro pode proporcionar 9.800 Watts de potencia mecánica. Posto que o rendemento das máquinas hidráulicas é moi elevado, a cantidade de enerxía aproveitada é moi grande.

O elemento ou convertedor enerxético máis antigo para o aproveitamento da enerxía da auga é a roda hidráulica, que transforma a enerxía da auga en enerxía mecánica de rotación. A auga actúa sobre unhas paletas ou cae nuns cubos situados na periferia da roda e co seu movemento e o seu peso fai virar dita roda: a auga transfire a súa enerxía facendo virar o eixo da roda.

A tipoloxía básica das rodas hidráulicas resúmese na roda hidráulica vertical, documentada xa desde o século II a.C. e perfectamente descrita por Marco Vitruvio Polion, e a roda hidráulica horizontal, que a pesares dunha aparente maior simplicidade ao non necesitar engrenaxes para a conversión do xiro, non se atopa documentada antes do século III d.C. Ámbolos dous tipos de convertedores hidráulico mecánicos foron ampla e profusamente empregados para a moenda de cereais, e coñécense habitualmente como muíño romano, o de roda vertical, e muíño grego (ou nórdico), o de roda horizontal.

Ademais da fundamental moenda de cereais, as rodas hidráulicas empregáronse profusamente para todo tipo de aplicacións, xa fose aproveitando o xiro directamente (moenda, elevación de auga, barrenado, laminación) ou converténdoo en movemento alternativo (batáns, mazos, foles, serras). A enerxía hidráulica coñecerá despois unha aplicación de gran éxito ao asociarse a un xerador eléctrico para converterse en electricidade.

A pesares de que as rodas hidráulicas horizontais (rodicios) apenas evolucionaron ao longo dos séculos, por contra nas primitivas rodas hidráulicas verticais (aceas) foron moitas as modificacións introducidas e as variantes desenvolvidas buscando a mellor adaptación ás condicións do emprazamento para a optimización do aproveitamento hidráulico.

A optimización nos deseños básicos logrou instalacións hidráulicas de gran eficiencia (aceas de vertido conducido, muíños de dorna ou caldeira), tanto para pequenos como para grandes caudais, con rendementos de conversión normalmente superiores ao 60%.

A construción chamada “Muíño do Carreiro” tiña dous muíños con cadanseu rodicio (roda hidráulica horizontal), cada un deles solidario cun eixo vertical que arrastra a moa xiratoria (capa) sobre a moa fixa (pé) de cada muíño. Cada muíño son realmente un par de moas e, para evitar confusións e non dicir “un muíño de dous muíños”, xa que chamámoslle tamén muíño ao edificio que acolle un ou máis muíños, adoitase dicir “un muíño de dúas pedras” ou “un muíño de dúas moas”, ou as que sexan, entendendo por moa o par de pedras ou moas que conforman un muíño.

A auga derivada do río remansa no cubo e sae pola billa da canela ou cubeta no inferno do muíño, golpeando nas dezaoito pas ou penlas do rodicio e facéndoo virar. O eixo inferior do rodicio apoia co grilo (tamén ovo ou aguillón) na ra (tamén pía ou porca) que vai encaixada na mesa, madeiro que pode subirse e baixarse (darlle o tempero) dende o tremiñado do muíño para axustar a finura da moenda. O eixo superior, a vara, é de madeira, vai encaixado no rodicio e remata na parte de enriba nun eixo de ferro que pasa polo burato que ten o pe do muíño (a moa inferior) axustado na buxa ou chumaceira na que xira. Unha peza de ferro con forma de aspa, a segorella, situada na parte superior do eixe do rodicio, entra a modo de chavella no centro da capa (a moa que xira) e lle transmite o movemento.

O gran bótase na moega (pode ter unha capacidade de até uns noventa quilogramos) e pola quenlla ou calexa, sacudida polo tarabelo, cae no ollo ou foxo e métese entre as dúas moas, que ao xirar o van desfacendo e desprazando cara a periferia das pedras, converténdoo na fariña que ao fin cae na caixa.

Actividades laborais:

O muiñeiro, e ás veces un axudante eran os únicos operarios necesarios para o funcionamento e mantemento do muíño.

Emprego:

Sen datos.

Materias Primas:

Traballábase fundamentalmente con trigo, en menor medida con millo (maínzo), e raramente con centeo e orxo (cebada). Na antigüidade, antes da chagada do maínzo, moíase o millo miúdo ou paínzo, hoxe desaparecido.

Produtos Elaborados:

Fariñas de trigo, de millo (maínzo), e de mestura.

Distribución e comercialización:

Local e comarcal.

Referencias Bibliográficas:

Cal Pardo, E., 1984. El monasterio de San Salvador de Pedroso en tierra de Trasancos. La Coruña: Diputación de La Coruña. ISBN 84-505-0120-2.

Caro Baroja, J., 1995. Historia de los molinos de viento, ruedas hidráulicas y norias. Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía (IDAE), Madrid: Tabapress. DL M-41843-1995. ISBN 84-86850-64-9.

Colectivo Libunca, 2008. “A terra patrimonial: o muíño das moas na ínsula de Balvís, unha enxeñaría medieval”, Revista de Neda: anuario cultural do Concello de Neda. nº 11, dir. Manuel Pérez Grueiro, Concello de Neda, Neda, Coruña, p. 61-63. DL C-837-1998. ISSN 1139-1154.

Deibe, E., 2002. “O muíño de Foxo. Biografía dun muiñeiro: unha vida de lenda”, Revista de Neda: anuario cultural do Concello de Neda. nº 5, dir. Manuel Pérez Grueiro, Concello de Neda, Neda, Coruña, p. 121-126. DL C-837-1998. ISSN 1139-1154.

Deibe, E., 2005. “Dos molinos en el Belelle”, Revista de Neda: anuario cultural do Concello de Neda. nº 8, dir. Manuel Pérez Grueiro, Concello de Neda, Neda, Coruña, p. 47-51. DL C-837-1998. ISSN 1139-1154.

Fernández Couto, A. (coord.), 2009. Muíños de Neda. Fotografías de José López Dopico “Casoco”, Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do Colexio de Educación Infantil e Primaria de Maciñeira, Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Neda: Concello de Neda. DL C-1640-2009.

Fernández Lavandera, E.; Fernández Rodríguez, C.M., 1998. Los molinos: patrimonio industrial y cultural. Granada: Grupo Editorial Universitario. ISBN 84-89908-29-X.

García-Diego Ortiz, J.A.; García Tapia, N., 1987. Vida y técnica en el Renacimiento. Manuscrito de Francisco Lobato, vecino de Medina del Campo. Valladolid: Universidad de Valladolid. ISBN 84-7762-104-7.

González Tascón, I., 1987. Fábricas hidráulicas españolas, 2ª ed. 1992, Madrid: Centro de Publicaciones del Ministerio de Obras Públicas y Transportes (CEDEX-CEHOPU) y Turner Libros. ISBN 84-7790-147-3.

Lorenzo Fernández, X., 1962. “Etnografía: cultura material. Os oficios: O pan”, Historia de Galiza, Ramón Otero Pedrayo (dir.), Buenos Aires: Editorial Nós, vol. II, O home-II, p. 671-681.

Lorenzo Fernández, X., 1983. Os oficios. Biblioteca Básica da Cultura Galega, Vigo: Editorial Galaxia. DL VG-18-1983. ISBN 84-7154-425-3.

Lucas, A.R., 2006. Wind, Water, Work. Ancient and Medieval Milling Technology. Leiden (The Nederlands): Brill. ISBN 978-90-04-14649-5.

Madoz Ibáñez, P., 1846-1850. Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones de Ultramar. 16 vol., Establecimiento tipográfico de P. Madoz y L. Sagasti, Madrid, (vol 6-9: Est. Tipografico-Literario Universal; vols 10-11: Imprenta al Diccionario Geográfico, á cargo de José Rojas; vols 12-16: Imprenta del Diccionario geográfico estadístico-histórico de Pascual Madoz). Existe una versión digitalizada y de libre acceso a través de la Biblioteca Virtual de Andalucía: http://www.juntadeandalucia.es/cultura/bibliotecavirtualandalucia [Acceso 17 octubre 2009].

Pérez Villar, G., 2006. “Unha ruta turística polos muíños do río Belelle”, Revista de Neda: anuario cultural do Concello de Neda, nº 9, dir. Manuel Pérez Grueiro, Concello de Neda, Neda, Coruña, p. 158-175. DL C-837-1998. ISSN 1139-1154.

Respuestas Generales del Catastro del Marqués de la Ensenada, 1750-1754, 13.000 localidades en 545 vols. conservados en el Archivo General de Simancas, microfilmados en la década de 1980 y digitalizados en 2004 y 2005 con un total de 350.000 imágenes, Ministerio de Cultura del Gobierno de España, Madrid. [en liña]. Dispoñible na Internet: http://pares.mcu.es/Catastro [Acceso 3 agosto 2009].

Reyes Mesa, J.M., 2001. Evolución y tipos de molinos harineros: del molino a la fábrica, Fundación Juanelo Turriano, Granada: J.M. Reyes. DL GR-506-2001. ISBN 84-89685-46-0.

Sanmartín Corral, S., 2005. “Los molinos del Belelle: posible proyecto de rehabilitación”, Revista de Neda: anuario cultural do Concello de Neda, nº 8, dir. Manuel Pérez Grueiro, Concello de Neda, Neda, Coruña, p. 36-46. DL C-837-1998. ISSN 1139-1154.

Santalla López, M., 2011. Muíños, fornos e pan de Neda. Biblioteca de Ferrolterra, Ferrol: Edicións Embora. DL C-2554-2011. ISBN 978-84-92644-36-0.

Xunta de Galicia, 2007-2011. Plan de Ordenación do Litoral [en línea]. Disponible na Internet: http://www.xunta.es/litoral [Acceso 28 marzo 2013].

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 7-III Neda // ED 1950: H 29 // X 568.602,87 m / Y 4.817.394,91 m

Instituto Geográfico Nacional. Serie MTN25 (Mapa Topográfico Nacional 1:25.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional25.jsp [Acceso 9 abril 2014].

Instituto Geográfico Nacional. Serie MTN50 (Mapa Topográfico Nacional 1:50.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional50.jsp [Acceso 9 abril 2014].

Instituto de Estudos do Territorio da Xunta de Galicia. Mapas de Galicia 1:5.000, Santiago de Compostela: Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas [en liña] Dispoñible na Internet: http://sitga.xunta.es/sitganet [Acceso 24 abril 2014].

Instituto de Estudos do Territorio (IDE) da Xunta de Galicia. Información Xeográfica de Galicia: visualizador de mapas [en liña]. Dispoñible na Internet: http://mapas.xunta.es/visualizador-de-mapas [Acceso 4 outubro 2015].

Data de Actualización:

16 xullo 2016