416 Vidrios Automáticos del Noroeste, S.A. (VANOSA)

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: Pontevedra
  • Concello: Vigo (ata 1941, Lavadores)
  • Parroquia: Santa Mariña de Cabral
  • Lugar: Vigo
  • Paraxe: O Sello
  • Dirección: Avenida de Ramón Nieto – Vigo
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.226572563562335
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.677178131362894
  • Coordeadas UTM: Datum europeo 1950 (ED 50): H 29 // X 526.775,09 m / Y 4.675.163,87 m
  • Clasificación: Fabricación de vidro e produtos de vidro
  • CNAE: 23.11 Fabricación de vidro plano. 23.13 Fabricación de vidro oco.
  • Tipoloxía: Fabricación automática de vidro oco e vidro plano
  • Comarca: Vigo
  • Marco Xeográfico: Outeiros de O Barreiro e O Sello, na freguesía de Cabral, na aba sur occidental do Coto Ferreira, na transición do curso alto ao
  • Ámbito: Rural (hoxe en día, urbano)
  • Acceso: Unha vez en Vigo, colleremos pola Avenida de Ramón Nieto adiante, ata chegar á altura do campo de fútbol do Barreiro, e continuamos uns douscentos metros ata o cruce. Comeza alí un tramo recto de uns seiscentos metros de lonxitude: na man dereita atópanse as ruínas do conxunto das empresas de Manuel Álvarez, e na man esquerda están aínda as vivendas edificadas para os seus traballadores.

Tipo de propiedade:

Privada

Visitable:

Exteriormente

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

Corría o ano 1891 cando Manuel Álvarez Pérez, nado dezaoito anos antes en Gomesende (Ourense), como tantos outros paisanos, marchaba para Cuba. Alí exercería diferentes oficios ata que fundou un pequeno serradoiro no que elaboraba táboa fina para a embalaxe do tabaco, actividade coa que acadaría un certo desafogo económico.

Casará en Santa Clara coa cubana Clara O’Farrill O’Farrill, coa que terá numerosa descendencia. En 1918, rematada a Gran Guerra (1914-1918), regresará coa súa familia á metrópole, establecéndose en Vigo. Dedicado á especulación en divisas, estará a piques da ruína pola depreciación do marco alemán, ameaza que vai converter en oportunidade desfacéndose dos marcos coa compra en Silesia (daquela Alemaña, e dende 1945, Polonia) dun gran lote de porcelana, louza e cristal da fábrica de Koenigszelt.

Descoñecedor do negocio, en 1922 funda a sociedade “Álvarez y Rey”, asociado co comerciante local Manuel Rey Vázquez. O socio comercial separaríase en 1927 e Álvarez establecerá unha nova sociedade baixo a razón “Manuel Álvarez e Hijos”, da que os seus fillos, Manuel e Moisés, serán socios industriais. A actividade comercial a complementarán co decorado da louza branca, empregando un pequeno forno ou “mufla” para a fixación dos debuxos nas pezas.

A boa marcha dos negocios fará que as actividades trasládense a unhas novas instalacións no barrio de Casablanca, na periferia da cidade e sen urbanizar aínda. Alí se construirá a vivenda familiar, un despacho de louza e porcelana, unha fábrica de vidro, dous talleres de tallado de cristal e de decorado de porcelana, louza e cristal, almacéns, e catro tendas de venda polo miúdo. Cando comezaba a Guerra Civil (xullo 1936) empregaba a setenta e sete traballadores, mulleres na súa maioría.

Na nova situación, coa perda dos principais mercados urbanos españois, na zona republicana, Álvarez orientou a produción aos xoguetes e o vidro, industrias practicamente inexistentes na zona dos sublevados. O encargo en 1937 dun importante pedido de frascos de vidro para os laboratorios alemáns Merck, decidirá ao empresario a construír unha nova fábrica de vidro, e unha fábrica de porcelana.

O crecemento das vendas animará á empresa a construír unha nova fábrica en terreos dos barrios de O Barreiro e O Sello, en Cabral (daquela concello de Lavadores), que o promotor non chegaría a ver, pois morrería en 1938, cando xa traballaban para el catrocentas sesenta e dúas persoas. O primeiro forno do complexo comezaría a traballar na primavera de 1939, a finais dese ano xa funcionaban as seccións de vidro e louza, e en 1941 a empresa “Manuel Álvarez e Hijos” tiña en funcionando a pleno rendemento as tres novas fábricas: a de vidro soprado baixo a marca comercial “Casablanca” (vid. ficha 413); a de louza coa de “Royal China” (vid. ficha 407); e a de porcelana coa de “Santa Clara” (vid. ficha 398). O complexo contaba tamén cunha barriada de vivendas para os traballadores, escola, igrexa e servizo médico. Ademais, abrirían tendas de comercialización dos seus produtos co nome de “Establecimientos Álvarez” en numerosas cidades de toda España. As vellas instalacións do barrio de Casablanca traballarían ata os comezos da década de 1950, e serían adquiridas vinte anos despois para inaugurar en 1975 a primeira sucursal do “Corte Inglés” en Galicia.

Tras un longo e complicado período sucesorio, que suporá a descapitalización e a posterior intervención da sociedade polos bancos acredores, Moisés Álvarez O’Farrill quedará en 1952 como único propietario e xerente da empresa do seu pai, que adaptará a súa razón social co nome de “Manuel Álvarez e Hijos, S.A.” (MAHSA), e que naquel ano acadara os tres mil trinta e tres empregados.
Aproveitando as súas relacións co novo réxime, Moisés Álvarez conseguiría en 1957 recuperar o control da súa empresa, que perdera nesta xeira practicamente a metade dos seus traballadores. O empresario continuaría entón coa súa angueira de crecemento e diversificación de riscos, segregando en empresas distintas o desenvolvemento de novas actividades.

No mesmo ano de 1957, Moisés Álvarez crearía a empresa “Alfares de Pontesampaio” (PONTESA), que inauguraría en Pontesampaio, no mes de setembro de 1961, as súas instalacións para a fabricación de louza fina vitrificada para servizos de mesa (vid. ficha 384).

Continuando no seu tirar cara adiante, o establecemento en 1964 na área Vigo-Porriño dun Polo de Desenvolvemento, con vantaxes de todo tipo para a implantación industrial (expropiación de terreos, exención de impostos, subvencións e crédito oficial), daríalle pé á creación de tres novas empresas: “Vidrios Automáticos del Noroeste” (VANOSA), en Cabral, que fabricaría servizos de mesa de vidro recocido, irrompibles, marca “Dural”; “Moisés Álvarez e Hijos” (MOAHSA), en Coruxo, especializada en louza monococción, de baixo prezo, destinada a colexios, cuarteis e similares (vid. ficha xxx); e “Porcelanas Sanitarias de Pontesampaio” (PONTASANI), en O Porriño, orientada inicialmente á fabricación de material sanitario (pratos de ducha, lavabos, bañeiras, bidés, etc.), pero cuxa produción, ante unha chea de problemas, reorientaríase a complementar ás de outras empresas do grupo.

Aínda poría en funcionamento “Porcelanas Vigo” (POVISA), que fabricaría as calcomanías para a decoración da louza, e “Refractarios Álvarez” (REALSA) para fabricar os refractarios empregados nos procesos de cocción. O complexo industrial de Álvarez contaba en 1973 con nove fábricas cun cadro de persoal de catro mil douscentos traballadores, pero non era quen de liberarse do seu crónico endebedamento.

En 1975, no vertixe dunha desesperada situación financeira, reorganizábase o grupo empresarial por concentración de sociedades, constituíndose coa parte industrial o “Grupo de Empresas Álvarez” (GEA), mentres que “Manuel Álvarez e Hijos” quedaba coa comercialización da produción nos seus trinta e tres establecementos de venda polo miúdo.

Trala morte de Moisés Álvarez en outubro de 1975, as sociedades serán intervidas polo “Instituto Nacional de Industria” (INI) e a “Sociedade para el Desarrollo Industrial de Galicia” (SODIGA) para a súa reestruturación. Fracasado o intento malia gastar nel máis de vinte mil millóns de pesetas (uns cento vinte millóns de euros), comezará en 1991 un proceso de reprivatización no que se sucederán tres empresarios diferentes, e que rematará sen éxito coa suspensión de pagos e o peche sucesivo das diferentes instalacións industriais, apagándose os fornos da derradeira delas, VANOSA, no mes de marzo do ano 2002.

Descrición Xeral do Entorno:

A fábrica edificouse nunha ampla zona chá dos outeiros de O Barreiro e O Sello, na freguesía de Cabral, na aba sur occidental do Coto Ferreira, na transición do curso alto ao medio do rio Lagares, e na súa marxe dereita.

Construcción:

1964.

Abandono:

2002.

Descrición:

As instalacións de “Vidrios Automáticos del Noroeste, S.A.” (VANOSA) en Cabral comezaron a construírse contra 1964 na ampla zona que dende 1937 ocupaba a empresa “Manuel Álvarez e Hijos” e na que dende 1941 estaban en funcionamento as fábricas “Casablanca”, de vidro soprado (vid. ficha 413), “Royal China”, de louza (vid. ficha 407), e “Santa Clara”, de porcelana (vid. ficha 398).

A nova fábrica de vidro, que vai xubilar á vella “Casablanca” en pouco tempo, tiña o proceso de fabricación automatizado, empregando un moderno sistema de aire comprimido para a conformación das pezas, ás que dábaselle un recocido despois do arrefriado para obter un vidro temperado “irrompible”.

Tempo de uso:

Todo o ano.

Sistema de produción:

O vidro (tamén chamado impropiamente “cristal”) é un material inorgánico duro, fráxil, transparente e amorfo que se atopa na natureza, aínda que tamén pode ser producido polo ser humano. O vidro artificial úsase para facer xanelas, lentes, botellas e unha gran variedade de produtos utilitarios e decorativos. O vidro é un tipo de material cerámico amorfo que obtense quentando en fornos de reverbero entre 1.000 ?C e 1.500 ?C (dependendo do proceso e do tipo de forno) area de sílice (SiO2), carbonato de sodio (natrón, CO3Na2) e carbonato de calcio (calcaria, CO3Ca), moídos e ben mesturados. En función das características do produto desexado, engádense na mestura diferentes substancias, como óxido de manganeso, ácido bórico, litarxirio, alumina, etc.

Os fornos de reverbero, cunha cámara abovedada revestida de ladrillo refractario, poden ser de crisois (recipientes dun material refractario para fundir a mestura) sobre soleira plana, ou ben de cubeta, nos que a soleira forma unha cubeta con lixeira pendente pola que circula o baño xa fundido.

O vidro xa fundido refínase, quentándoo un pouco máis para axudar ao desprendemento das burbullas gasosas que contén no seu seo. Rematado o refino déixase arrefriar para que adquira a pastosidade suficiente para podelo traballar.

A elaboración da peza final faise por prensado, laminado, estirado ou soprado, segundo as características que queiran dárselle.

Os obxectos fabricados de vidro deben someterse a un proceso de arrefriado uniforme para eliminar as tensións internas que puideran ter aparecido polo arrefriamento irregular que sufre a masa vítrea durante a súa elaboración. Con esta finalidade a peza volve a quentarse (recocido) para despois darlle un arrefriado controlado, obtendo así unha peza de meirande dureza e menor fraxilidade.

Actividades laborais:

Os vidreiros tradicionais, fabricante de vidro oco soprado, traballan de maneira artesanal, con producións intermitentes. Os fabricantes de vidro plano, e tamén os de vidro oco, ámbolos dous con sistemas de produción modernos, traballan de maneira permanente.

Emprego:

A finais de 1969 “Moisés Álvarez e Hijos, S.A.” figura no epígrafe de vidro con 738 traballadores. Serían na súa meirande parte mulleres e corresponderían á fábrica de “Vidrios Automáticos del Noroeste, S.A.” (VANOSA), xa que nese ano a “Casablanca”, de vidro soprado, non traballaba.

Materias Primas:

Area de sílice (SiO2), carbonato de sodio (natrón, CO3Na2) e carbonato de calcio (calcaria, CO3Ca), mais outras substancias, como óxido de manganeso, ácido bórico, litarxirio, alumina, etc.

Produtos Elaborados:

Envases e recipientes de vidro oco para todo tipo de usos (industriais, farmacéuticos, botellería, etc.).

Distribución e comercialización:

Nacional e internacional.

Referencias Bibliográficas:

Carmona Badía, J.; Nadal Oller, J., 2005. El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Córdoba de la Llave, R., 2008. “Las artes del fuego: metalurgia y alfarería”, Ars Mechanicae: ingeniería medieval en España, Pedro Navascués Palacio (coord.), Madrid: Ministerio de Fomento (CEDEX-CEHOPU) y Fundación Juanelo Turriano, p. 203-213. DL M-46232-2008. ISBN 978-84-7790-470-0.

Entremos na Panificadora. “Patrimonio Industrial da Ría de Vigo. Fichas.” Inventario Histórico do Patrimonio Industrial da Ría de Vigo (IHPIRV) [en línea]. Disponible na Internet: http://www.entremosnapanificadora.com [Último acceso 25 de marzo do 2013].

Fernández Negral, J., 2009. Estudio del proceso de calcinación y uso de la cal en los procesos sidero-metalúrgicos y en la construcción. Análisis de los procesos de obtención y de la estructura de los hornos. Tesis Doctoral (inédita). Departamento de Enxeñaría Industrial II, Universidade da Coruña.

García Alén, L., 1983. La alfarería de Galicia, colaboración de Alfredo García Alén y Xosé M. Gómez Vilasó, edición facsimilar del 2008, Catalogación Arqueológica y Artística de Galicia del Museo de Pontevedra, La Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-3508-2008. ISBN 978-84-95892-75-1.

Gross, K., 1942. “Hornos industriales”, Manual del Ingeniero, Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, 2ª ed. trad. de la 26ª edición alemana. Barcelona: Gustavo Gili, tomo IV, capítulo X: Hornos industriales, p. 1017-1076.

Lorenzo Fernández, X., 1962. “Etnografía: cultura material. Os oficios: Oleiros e telleiros”, Historia de Galiza, Ramón Otero Pedrayo (dir.), Buenos Aires: Editorial Nós, vol. II, O home-II, p. 516-530.

Lorenzo Fernández, X., 1983. “Oleiros e telleiros”, Os oficios, Biblioteca Básica da Cultura Galega, Vigo: Editorial Galaxia, p. 80-94. DL VG-18-1983. ISBN 84-7154-425-3.

Navas Novas, A.M., 2006. “Manuel Álvarez Pérez (1873-1938) e Moisés Álvarez O’Farrill (1904-1975)”, Empresarios de Galicia, Xoán Carmona Badía (coord.), Centro de Investigación Económica e Financeira (CIEF), A Coruña: Fundación Caixa Galicia, p. 318-343. DL C-2900-2006. ISBN 84-96494-83-7.

Quasebart, K., 1942. “Fabricación del vidrio”, Manual del Ingeniero, Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, trad. de la 26ª edición alemana. Barcelona: Gustavo Gili, tomo IV, capítulo VIII: Cerámica y vidrio, sección III, p. 920-944.

Sobrino Fagilde, I., 2008. Arquitectura industrial en la provincia de Pontevedra. Vigo y zona de influencia (eje norte-sur), Vigo: Colegio Oficial de Arquitectos de Galicia [en línea]. Disponible na Internet: http://noncommon.files.wordpress.com/2012/04/00-a-indyarq_1-393_low.pdf [Último acceso 27 de junio del 2013].

Taboada Arceo, A., 1971. Galicia, estructura y ritmo socio-económicos. La Coruña: Servicio de Estudios y Publicaciones de las Cámaras Oficiales de Comercio, Industria y Navegación de Galicia. DL C-145-1971.

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 223-IV Mos // Datum europeo 1950 (ED50) H 29 // X 526.775,09 m / Y 4.675.163,87 m

Instituto Geográfico Nacional. Serie MTN25 (Mapa Topográfico Nacional 1:25.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional25.jsp [Acceso 9 abril 2014].

Instituto Geográfico Nacional. Serie MTN50 (Mapa Topográfico Nacional 1:50.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional50.jsp [Acceso 9 abril 2014].

Instituto de Estudos do Territorio da Xunta de Galicia. Mapas de Galicia 1:5.000, Santiago de Compostela: Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas [en liña] Dispoñible na Internet: http://sitga.xunta.es/sitganet [Acceso 24 abril 2014].

Instituto de Estudos do Territorio (IDE) da Xunta de Galicia. Información Xeográfica de Galicia: visualizador de mapas [en liña]. Dispoñible na Internet: http://mapas.xunta.es/visualizador-de-mapas [Acceso 4 outubro 2015].

Xunta de Galicia (Consellería do Medio Rural). Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícola (SixPac): visor de mapas [en liña]. Dispoñible na Internet: http://sixpac.xunta.es/visorsixpac/ [Acceso 4 outubro 2015].

Data de Actualización:

4 xullo 2016