417 Fábrica de armas

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: A Coruña
  • Concello: A Coruña
  • Parroquia: San Vicente de Elviña
  • Lugar: Palavea
  • Paraxe: Pedralonga
  • Dirección: Non procede
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 43.332858818959075
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.394290910980203
  • Coordeadas UTM: Datum europeo 1950 (ED50): H 29 // X 549.333,97 m / Y 4.798.198,38 m
  • Clasificación: Fábrica de armas
  • CNAE: 25.40 Fabricación de armas e municións.
  • Tipoloxía: Armas portátiles de repetición, cortas e longas, semiautomáticas e automáticas, e pezas mecánicas para armamento.
  • Comarca: A Coruña
  • Marco Xeográfico: Periferia do casco urbano da cidade da Coruña
  • Ámbito: Periurbano
  • Acceso: Na Coruña buscaremos a saída pola estrada nacional N-550 cara á Ponte da Pasaxe. No enlace de Palavea apartaremos pola dereita e continuaremos cara a Eirís, de volta á Coruña. A uns douscentos metros, na beira esquerda da estrada, atopamos o portal de entrada á vella Fábrica de Armas.

Tipo de propiedade:

Privada (inicialmente, pública)

Visitable:

Exteriormente

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

Unha arma é un obxecto ou instrumento que serve para atacar ou defenderse, ferir e matar. As primeiras armas serían ferramentas de agresión útiles para a caza e a autodefensa contra os animais. Empregaríanse tamén contra os conxéneres como unha efectiva ameaza e en tarefas de ataque, defensa e destrución de forzas ou instalacións inimigas.

No seu desenvolvemento no tempo, as armas van desde algo tan sinxelo como un pau ou unha pedra á sofisticación dun mísil balístico intercontinental, pasando polas armas de fogo. E, sen dúbida, pode tamén considerarse como arma todo aquilo que induce temor aos contrarios, dende os berros máis primitivos até os medios de guerra psicolóxica empregados no século XX, pasando polo bater dos pes no chan ou das mans nos costados das embarcacións, o golpear dos escudos, os ruídos de tambores e trompetas e as bucinas dos Junkers Ju 87 (os Stukas) no seu ataque en picado.

Serían inicialmente pedreiros, curtidores, carpinteiros e ferreiros quen elaborarían as armas nos seus propios talleres. Despois, a evolución do armamento e a especialización dos artesáns orixinarían as primeiras fábricas de armas.

A localización das fábricas de armas viría condicionada pola existencia dos recursos precisos (pedra, madeira, ferro), a fonte de enerxía (auga) e a dificultade de acceso polos inimigos. Moitas veces os acontecementos derivados do curso dunha guerra obrigarían a mudar ou fundar de novo as fábricas xa existentes.

Tras a declaración de guerra do Reino de España á Convención Nacional Francesa xurdida da revolución, o avance dos exércitos franceses en 1794 sobre as Reais Fábricas de Placencia das Armas, no guipuscoano val do río Deba, obrigaría á evacuación do persoal, materiais e aparellos propiedade do rei. Designaríase entón ao artilleiro Ignacio Muñoz para estudar a localización dunha nova fábrica a construír en Asturias, encargo do que nacería a Fábrica de Armas de Oviedo.

Algo similar vai a ocorrer nos comezos da Guerra Civil Española, no mes de xullo de 1936, cando o gobernador militar de Asturias, o coronel Antonio Aranda únese ao exército rebelde e sitia a cidade de Oviedo, quedando sen posibilidade de traballar a fábrica de armas asturiana. Nos primeiros meses o exército rebelde só podía dispoñer das fábricas de armas de Sevilla e de Granada para o abastecemento das súas tropas, polo que, ademais de militarizar calquera industria que puidera subministrarlles armamento, urxíalles impulsar o establecemento dunha nova fábrica para atender á zona norte da península. Sería entón o artilleiro Saturnino Fernández Landa quen organizaría o traslado de maquinaria á Coruña para instalar unha nova fábrica lonxe do fronte bélico.

A produción de equipamento bélico na Coruña comezaría pola confección de uniformes militares para os sublevados. A tal fin, adquiríronse cincuenta e oito máquinas nunha das fábricas téxtiles de Béjar (Salamanca), trasladándose á Coruña e instalándose no mes de febreiro de 1937 na planta baixa do edificio de Correos e Telégrafos, na avenida da Mariña. Pouco despois habilitaríanse outras dependencias nas Escolas Eusebio da Guarda, nas Escolas Curros Enríquez e nos Talleres La Torre, fronte deste centro escolar. As diferentes instalacións podían producir ata douscentos cincuenta uniformes diarios.

Unha vez que o permitiu a situación da fronte en Asturias, comezou o traslado da maquinaria para a fabricación de armamento e a súa instalación nas dependencias coruñesas. O primeiro que se fabricou na Coruña, con pezas traídas de Oviedo, foi o mosquetón Mauser de 7 milímetros, que se coñecería como o fusil modelo O-C (de Oviedo e Coruña), que continuaría fabricándose até o ano 1943, no que deixaría paso ao Mauser calibre 7’92 mm.

Desenvolvido dende 1940, confeccionaríanse distintos modelos do subfusil automático metrallador de 9 mm longo e con “culatín” retráctil, cos que equiparíanse ás forzas da Garda Civil, paracaidistas e tropas especiais. Desenvolveuse tamén a fabricación da pistola de sinais, posteriormente declarada regulamentaria nos exércitos españois.

A necesidade de dispoñer de persoal preparado para o traballo especializado da factoría, levou a que xa en 1939 creásese a Escola de Formación Profesional Obreira, que dotou de traballadores cualificados á empresa, caracterizada pola súa estreita vinculación ao Exército durante a súa primeira etapa.

O mesmo que noutras empresas públicas –e privadas- daqueles anos, a Fábrica de Armas da Coruña proporcionaría vantaxes sociais ao seu persoal, dispoñendo de economato, servizo médico, actividades culturais e tamén deportivas, nas que destacaría o club de fútbol “Deportivo Xuvenil”, filial do Real Club Deportivo da Coruña.

Contra 1947 desenvolveríase o proxecto de construción dunha nova fábrica que acollese as instalacións dispersas pola cidade. O Concello da Coruña acordou a cesión dos terreos de Pedralonga, en Palavea, e en 1958 comezaría a actividade fabril na Fábrica de Armas da Coruña, que acollería nas súas instalacións a máis de mil douscentos corenta traballadores, algúns dos cales pasarían a residir nas cento dezaoito vivendas que a empresa construíra nas proximidades da fábrica.

A factoría pasaría en 1962 a formar parte da “Empresa Nacional Santa Bárbara de Industrias Militares, S.A.”, integrada no Instituto Nacional de Industria, e, ademais de continuar fabricando as pezas do fusil de asalto "FA-Cetme" de 7’62 mm en colaboración coa Fábrica de Armas de Oviedo, diversificaría a produción fabricando tamén para o sector civil armas portátiles e pezas mecánicas.

No decenio de 1980 o grupo estatal comezaría o seu declive, coa continua redución do persoal. A Xunta de Galicia intentaría en 1996 unha meirande diversificación produtiva, propoñendo a fabricación de discos duros de computadora, pas para as aeroturbinas e armamento deportivo. A proposta fracasou e o goberno do estado vendería no ano 2000 todo o grupo Santa Bárbara á compañía estadounidense “General Dynamics European Land Systems”, que comprometíase a manter a produción nas fábricas de Trubia, Granada, Sevilla, Palencia, Madrid e A Coruña cando menos ata o ano 2010 baixo o nome de “Santa Bárbara Sistemas”. A Fábrica de Armas da Coruña, xa reducida a uns cento oitenta traballadores, pecharía as súas portas o día 28 do mes de xuño do ano 2013.

Descrición Xeral do Entorno:

A fábrica situárase nunha ampla parcela na aba meridional do Monte Mero, ao norte do núcleo de Palavea, entre a autoestrada AP-9, no poñente, a estrada nacional N-550, no sur, e o acceso á cidade por Eirís, no levante.

Construcción:

En 1937 acondicionaríanse as edificacións das Escolas Eusebio da Guarda, as Escolas Curros Enríquez e Talleres La Torre para a confección de uniformes militares e fabricación de armamento. En 1952 comezaría a construción da nova Fábrica de Armas.

Abandono:

Privatizada no 2001, a fábrica de armas pechou no 2013.

Descrición:

A distribución espacial da industria aproveitou as excelentes condicións orográficas e topográficas dos terreos elixidos, un espazo de case dezaseis hectáreas (156.000 metros cadrados) encadrados polo Monte Mero, ao norte, o acceso á cidade, polo este, e a estrada nacional N-550 polo oeste (hoxe en día autoestrada AP-9) e polo sur.

Tempo de uso:

Todo o ano.

Sistema de produción:

Como a de calquera outra máquina, a fabricación de armamento consiste na elaboración dunha serie de pezas (tubos, platinas, bielas, pancas, manivelas, rodas, parafusos, porcas, resortes, engrenaxes, cadeas) para conformar o armazón e os mecanismos da máquina.

As diferentes pezas pódense fabricar nas mesmas instalacións ou ben adquirilas a provedores externos. No taller mecánico propio procederase entón ao ensamblaxe e axuste das diferentes pezas definidas no deseño.

Actividades laborais:

Man de obra case exclusivamente masculina.

Emprego:

Consonte os datos da Cámara de Comercio, Industria e Navegación da Coruña, a 31 de decembro de 1969 a fábrica da Coruña da “Empresa Nacional Santa Bárbara de Industrias Militares, S.A.”, contaba con 810 “produtores”. Uns 180 traballadores nas datas do seu peche no 2013.

Materias Primas:

Aceiros, bronces e aliaxes diversas, así como madeira e mesmo plástico para os acabados.

Produtos Elaborados:

Armas longas e curtas (fusil metrallador Oviedo-Coruña; mosquetón Mauser de 7 mm; subfusil automático metrallador de 9 mm, longo e de culatín retráctil; mosquetón Mauser calibre 7’92; pistolas de sinais; pezas do fusil de asalto "FA-Cetme" de 7’62 mm; subfusil "Coruña" Mod.1941/44 automático metrallador de 9 mm longo).

Distribución e comercialización:

Nacional e internacional.

Referencias Bibliográficas:

Carmona Badía, J.; Nadal Oller, J., 2005. El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Casariego Fernández-Noriega, J.E., 1984. Las armas en España: panorama histórico de su fabricación, Madrid: Ediciones de Arte y Bibliofilia, D.L. 1984. ISBN 84-85005-69-4.

Gross, K., 1942. “Hornos industriales”, Manual del Ingeniero, Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, 2ª ed. trad. de la 26ª edición alemana. Barcelona: Gustavo Gili, tomo IV, capítulo X: Hornos industriales, p. 1017-1076.

Müller, R.; Biniek, G.; Kniehahn, W.; Schroeder, A.; Büttner, C., 1942. “Mecánica de precisión”, Manual del Ingeniero, Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, 2ª ed. trad. de la 26ª edición alemana. Barcelona: Gustavo Gili, tomo IV, capítulo XII: Mecánica de precisión, p. 1129-1188.

Nadal Oller, J.; Carmona Badía, X., 2005. Galicia industrial (c. 1750-2005). Catálogo de la exposición: Vigo, 28 oct. 2005-22 ene. 2006; A Coruña, 2 mar. 2006-4 jun. 2006. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2469-2005. ISBN 84-95892-18-9.

Pereira Martínez, C., 1998. Fábrica de Armas de A Coruña: seis décadas de historia, A Coruña: edición do autor.

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 45-I Arteixo // Fuso 29 / X 549.333,97 m / Y 4.798.198,38 m

Instituto Geográfico Nacional. Serie MTN25 (Mapa Topográfico Nacional 1:25.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional25.jsp [Acceso 9 abril 2014].

Instituto Geográfico Nacional. Serie MTN50 (Mapa Topográfico Nacional 1:50.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional50.jsp [Acceso 9 abril 2014].

Instituto de Estudos do Territorio da Xunta de Galicia. Mapas de Galicia 1:5.000, Santiago de Compostela: Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas [en liña] Dispoñible na Internet: http://sitga.xunta.es/sitganet [Acceso 24 abril 2014].

Instituto de Estudos do Territorio (IDE) da Xunta de Galicia. Información Xeográfica de Galicia: visualizador de mapas [en liña]. Dispoñible na Internet: http://mapas.xunta.es/visualizador-de-mapas [Acceso 4 outubro 2015].

Instituto Hidrográfico de la Marina, 1960. De Punta Frouseira a las Islas Sisargas, con las rías de El Ferrol del Caudillo, Ares, Betanzos y La Coruña. Océano Atlántico Norte. Costa NW de España. Carta 929, con levantamientos no datados y correcciones hasta 1978. Cádiz: Talleres del Instituto Hidrográfico de la Marina. DL CA-1074-1971.

Xunta de Galicia (Consellería do Medio Rural). Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícola (SixPac): visor de mapas [en liña]. Dispoñible na Internet: http://sixpac.xunta.es/visorsixpac/ [Acceso 4 outubro 2015].

Data de Actualización:

9 agosto 2016