418 Hijos de Carlos Albo

Galería de Fotos

Ver
  • Provincia: Pontevedra
  • Concello: Vigo (até 1904, Bouzas)
  • Parroquia: San Francisco do Berbés
  • Lugar: Beiramar
  • Paraxe: Rúa Jacinto Benavente
  • Dirección: Rúa Jacinto Benavente, 41 – 36208 Vigo
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.22785997938571
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.736277924797037
  • Coordeadas UTM: Datum Europeo 1950 (ED 50): H 29 // X 521.879,28 m / Y 4.675.336,89 m
  • Clasificación: Fabricación de conservas de peixe
  • CNAE: 10.22 Fabricación de conservas de peixe (Conservas de mariscos, de moluscos e de peixes).
  • Tipoloxía: Conserva hermética de peixe en envase metálico
  • Comarca: Vigo
  • Marco Xeográfico: Beiramar da que fora a praia de Coia, entre o Berbés e a punta de San Gregorio e a praia de Bouzas, na marxe esquerda da ría de
  • Ámbito: Urbano
  • Acceso: En Vigo, localizaremos a rúa Jacinto Benavente, entre o Berbés e Bouzas, e entre a rúa da Paz e a de A Coruña, na beira esquerda, no número 41, atópanse as instalacións da conserveira Albo.

Tipo de propiedade:

Privada

Visitable:

Exteriormente

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

Venancio Albo Bernales, oriúndo de Limpias (Cantabria), casaba en Londres coa irlandesa Mary Kay Hudden e ámbolos dous establecíanse en Burdeos, onde en 1848 nacería Carlos Albo Kay. Poucos meses despois, os Albo retornaban a España para estabelecerse en Santoña (Cantabria).

Despois dunhas experiencias co bocarte en salmoira, Carlos Albo, asociado con Manuel Arredondo, comezaría en 1887 a súa actividade empresarial coa explotación de parques ostreícolas e a fabricación de conservas e escabeches. A súa produción de bonito en escabeche e de sardiña en aceite e escabeche axiña destacaría nos mercados madrileños, ademais de venderlles a empresarios vigueses da sardiña as latas de bonito que lles demandaban os seus clientes estranxeiros.

A boa marcha do negocio vai permitir que a compañía “Albo y Arredondo” merquen en 1893 o local no que traballaban en Santoña, e que en 1895 establezan unha segunda fábrica no porto asturiano de Candás. Aínda medrarían poñendo fábricas nas localidades asturianas de Pravia (1898) e La Arena (1900).

En 1902, disolvida a compañía, Carlos Albo comezaba en solitario como industrial da conserva, coa fábrica cántabra de Santoña, e as asturianas de Candás e La Arena. Para mellorar a súa oferta de sardiña, en 1906 Carlos Albo aparece como fabricante na Coruña de sardiña para exportación. Trala morte do fundador en 1909, a empresa continuaría coa denominación de “Viuda e Hijos de Carlos Albo”.

Xa en 1921, feito o reparto da herdanza entre os irmáns Albo Abascal, créase a sociedade regular colectiva “Hijos de Carlos Albo”, na que, con seis dos irmáns, entraría como socio o seu cuñado Segismundo García Encinar.

Os beneficios que reportou a Gran Guerra (1914-1918) permitirían en 1917 o estabelecemento de dúas novas plantas en Bermeo e en Vigo, daquela respectivamente líderes nos desembarcos de bonito e sardiña. De maneira temporal, os Albo traballarían tamén en Fuenterrabía, Lastres e Cudillero. No decenio de 1920 completarían a súa estrutura con dúas novas plantas permanentes, no porto asturiano de Ribadesella e no lucense de Celeiro, ademais de construír unha nova fábrica para conservas herméticas en Santoña, quedando a vella para salga.

Nos finais da década de 1920 a empresa decide ampliar as instalacións de Vigo e crear un gran complexo produtivo. O arquitecto Jenaro de la Fuente deseñaría en 1929 a nova fábrica sobre unha parcela duns seis mil trescentos metros cadrados; dada a forte pendente da parcela, a fábrica iría composta por varios pavillóns graduados, con fachada de cantería, piares e estruturas de sostén en formigón armado e cubertas de tella do país sobre estrutura metálica. A fachada principal imita un pazo galego, mentres que as instalacións introducen os máis modernos sistemas de fabricación importados dos Estados Unidos, Alemaña e Inglaterra.

A nova fábrica viguesa comeza a funcionar en 1933, e en 1934 convértese na sede central do grupo, que cerraría a fábrica da Coruña e centraría a produción en Vigo, Bermeo, Candás e Santoña, coas fábricas de Celeiro, Ribadesella e La Arena como auxiliares.

Trala Guerra Civil Española (1936-1939), Albo ampliará a estrutura produtiva cunha nova fábrica na localidade asturiana de Tapia de Casariego (1942), especializada na elaboración de fabada, e outra, para a elaboración de paté de foie-gras na onubense de El Repilado (Jabugo, 1958).

A crisis de aprovisionamento dos anos finais do decenio de 1960 vai conducir á concentración de empresas no sector. O grupo Albo mantería ata 1985 seis fábricas: Vigo, Celeiro, Tapia, Candás, Santoña e Bermeo, consolidándose como a terceira conserveira española, tras Massó e Garavilla.

Despois do peche da fábrica de Bermeo en 1986, a internacionalización e a forte competencia levarían ao peche das fábricas de Santoña (2006) e Candás (2009), mantendo a estrutura produtiva en tres plantas, Celeiro, especializada en túnidos, Tapia, cos pratos preparados, e Vigo, que, coa excepción da anchoa, traballa tódolos produtos tradicionais de Albo.

No mes de outubro do ano 2015, o grupo inversor “China Resources Holding”, por medio da pesqueira “Shanghai Kaichuang” da filial “Shanghai International Ocean Resources”, acordaba a adquisición das marcas e da produción de “Hijos de Carlos Albo”, mentres que a familia Albo conservaría o patrimonio inmobiliario. Finalmente, o 10 de xuño do ano 2016 asinábase a compra das 74 marcas rexistradas de Albo, así como todos os terreos e edificios da conserveira nas localidades galegas de Vigo e de Celeiro e na asturiana de Tapia de Casariego.

Descrición Xeral do Entorno:

A fábrica situárase na marxe dereita da baixada á ribeira da praia de Coia, entre a Avenida de Beiramar e a rúa Tomás Alonso.

Construcción:

1917.

Abandono:

As instalacións de Vigo, e tamén as de Celeiro e as de Tapia, continuaban en funcionamento no mes de agosto do ano 2016.

Descrición:

As instalacións de Conservas Albo, que foran ampliándose a partir da nova fábrica de 1933, chegarían a ocupar unha enorme parcela de máis de seis mil metros cadrados na esquina da rúa da Paz, con algo máis de cen metros de fondo entre a rúa Jacinto Benavente e a rúa Camilo José Cela, e unha fronte de uns sesenta metros.

No interior da parcela distribúense, ademais da primitiva fábrica, as diferentes naves que foran edificándose para dar servizo aos incrementos da produción.

A nova fábrica encargóuselle a Jenaro de la Fuente Álvarez, un dos arquitectos vigueses de máis sona na época, e o edificio acomodouse próximo ao mar, case na estrema dereita da praia de Coia. A parcela é de planta trapezoidal, cunha fronte duns 62 m mirando ao poñente (WNW, rúa Jacinto Benavente), uns laterais de uns 99 m, o que mira ao norte (rúa da Paz), e de 105 m, o do sur, e o cerramento posterior de uns 82 m, cunha vía de servizo con saída a rúa da Paz (polo norte).

A fachada principal, cunha fronte de 24 m na rúa Jacinto Benavente, é de estilo rexionalista construída en cantería. Desenvólvense tras dela unha serie de pavillóns graduados paralelos á rúa da Paz, que ascende con forte pendente, resoltos con piares de formigón armado, estrutura metálica na cuberta e fachada de pedra de cantería moi traballada.

En 1957 vai reformarse a fachada principal na planta baixa, substituíndo os tres vanos centrais por un lintel recto que dispón unha porta de cocheira ou entrada de garaxe.

As diferentes ampliacións da industria e a súa adaptación á normativa sanitaria foron engadindo naves e recintos que ocupan a totalidade da parcela, ademais de modificar interiormente as instalacións. Na esquina suroeste da parcela levantouse posteriormente un edificio de planta rectangular e tres alturas, con 52 m de fondo e 12 m de fachada na rúa Jacinto Benavente.

Fronte da fachada principal, do outro lado da rúa Jacinto Benavente, levantouse nos anos finais do decenio de 1960 un edificio de planta case cadrada e dúas alturas, destinado a pavillón deportivo, cunha estrutura de formigón armado e unha gran bóveda parabólica de cuberta sobre o corpo central, recuado 6 m das liñas frontal e traseira, 12 m do lateral do sur, e entre 16 e 10 m no lateral norte. A súa fachada principal, enfrontada á da fábrica, ten uns 53 m de lonxitude. O fondo é de 56 m, con 44 m de anchura na fachada traseira e 53 m no lateral da rúa da Paz. O edificio emprégase como almacén da empresa.

Tempo de uso:

Dependendo fundamentalmente das mareas da pesca ou do marisqueo dos produtos elaborados.

Sistema de produción:

Completadas as capturas, os barcos retornaban dirixíndose ás proximidades das conserveiras para entregar a súa pesca. O penetrante son dos bucios ou caracolas (ou das sirenas) advertía aos de terra da chegada do peixe e os veciños –mormente mulleres– aprestábanse para o desembarcar nas praias ou, no mellor dos casos, peiraos. Unha vez descargado o peixe das embarcacións –mormente sardiña, pero tamén xarda e agullas–, trasladábase nas patelas á fábrica para proceder á preparación das conservas.

Para moitos veciños das conserveiras, as tarefas xa comezaban coa recollida e transporte de leña ata as praias próximas, onda se recibían os mexillóns (e tamén as navallas, os croques e as ameixas) e se cocían en auga de mar, escunchándoos despois e limpando a vianda antes de transportala ás fábricas para o seu envasado. Nas modernas fábricas, o proceso facíase xa no interior delas.

No caso da sardiña e outros peixes (xardas, agullas, bocarte, atún), tralo carrexo das patelas das embarcacións á fábrica e a descarga das patelas nas mesas, procedíase ao descabezado, eviscerado, limpeza e lavado do peixe. O proceso seguía despois co cocido das pezas en salmoira ou ben ao vapor. Para o cocido ao vapor púñanse as sardiñas (ou o peixe que fora) nas grellas de arame, que pasaban ao carro para as introduciren nos torradores onde se cocían co vapor producido na caldeira da fábrica.

Sacábanse logo os carros coas grellas e púñanse os peixes e mariscos xa cocidos nas mesas de empacado onde se colocaban nas latas e se lles botaba o aceite ou o prebe (escabeche, salsa de tomate, salsa de vieira). Unha vez as latas enchidas de aceite, pasaban á sección de pechado, onde se cerraban con estañado por soldadura manual, nos primeiros tempos, e despois nas máquinas de sertido ou peche mecánico por compresión. As latas introducíanse seguidamente no autoclave para o seu esterilizado, tralo que se lavaban para quitarlles todo rastro de aceite ou graxa e se levaban ao estoxado e se colocaban nas caixas nas que se levarían á distribución e venda.

O desenvolvemento da industria foi introducindo modernizacións que supoñían tanto melloras produtivas como hixiénicas: canles de eviscerado, canles de lavado e salmoirado, mesas circulares de dobre carrusel para o abasto de latas baleiras e material a empacar, fornos de cocción continua de vapor aberto, transportadoras de latas, etc.

No ano 1960 xa se empacaban os túnidos mecanicamente, e en 1962 introducíase na liña da sardiña o novo sistema de recepción e tratado do peixe, pasando primeiro aos tanques de salmoira refrixerada e de alí ao corte e eviscerado mecánico, para continuar en bandexas plásticas aos fornos de cocción e seguidamente ás mesas de empacar, todo elo sen intervención de man de obra.

Actividades laborais:

Man de obra principalmente feminina na limpeza, preparación e empacado da vianda. Persoal masculino na atención da maquinaria e supervisión dos procesos.

Emprego:

Ainda que en anos anteriores chegou a ter uns catrocentos empregados, no mes de decembro do ano 1969 declaraba trescentos nove “produtores”. No ano 2015 eran cento vinte os traballadores da empresa na planta de Vigo.

Materias Primas:

Peixes e mariscos, principalmente bonito del norte (Thunnus alalunga) e atún claro (Thunnus albacares, chamado rabil, atún branco ou atún tropical, tamén yellowfinn tuna), ademais de sardiña, lura, mexillón, zamburiña, míllaras de pescada.

Produtos Elaborados:

Conservas de peixes (bonito, atún claro, sardiña, míllaras de pescada), cefalópodos (luras e polbo) e moluscos (mexillón, zamburiña) en diferentes preparacións (en aceite de oliva, en aceite de oliva virxe extra, en escabeche, ao natural, etc.).

Distribución e comercialización:

Nacional e internacional.

Referencias Bibliográficas:

Carmona Badía, J.; Nadal Oller, J., 2005. El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Escudero Domínguez, L.J., 2004. “Los primeros fabricantes de la industria conservera en Santoña”, Monte Buciero, núm. 10, 2004, Santoña: Ayuntamiento de Santoña, p. 141-169. ISSN 1138-9680.

Escudero Domínguez, L.J.; Carmona Badía, X., 2011. “Los Albo: la fuerza tranquila”, Las familias de la conserva. El sector de las conservas de pescado a través de sus sagas familiares. Xoán Carmona Badía (dir. e coord.). Fundación Cluster de Conservación de Productos del Mar e ANFACO-CECOPESCA, Pontevedra: Diputación de Pontevedra, p. 44-67. DL C-891-2011. ISBN 978-84-938942-0-7.

Fernández Casanova, C., 1998. “Cambio económico, adaptacións e resistencias nos séculos XIX (dende 1870) e XX”, Historia da pesca en Galicia, Carmen Fernández Casanova (coord.), Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela, p. 139-206. DL C-1816-1998. ISBN 84-8121-719-0.

Niese, H., 1942. “Industrias de la alimentación y afines. Curado y conservación del pescado”, Manual del Ingeniero, Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, 2ª ed. trad. de la 26ª edición alemana, Tomo IV. Barcelona: Gustavo Gili, Capítulo X, p. 643-647.

Pérez Fernández, F., 2016. Arquitectura industrial en Vigo (1898-1939): orígenes, evolución y estado actual (usos y perspectivas de futuro), Colección Vigo na memoria. Vigo: Instituto de Estudios Vigueses. DL VG-73-2016. ISBN 978-84-89599-61-1.

Taboada Arceo, A., 1971. Galicia, estructura y ritmo socio-económicos. La Coruña: Servicio de Estudios y Publicaciones de las Cámaras Oficiales de Comercio, Industria y Navegación de Galicia. DL C-145-1971.

Xunta de Galicia, 2007-2011. Plan de Ordenación do Litoral [en línea]. Disponible na Internet: http://www.xunta.es/litoral [Acceso 16 agosto 2016].

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 223-III Vigo // Datum europeo 1950 (ED50): H 29 // X 521.879,28 m / Y 4.675.336,89 m

Instituto Geográfico Nacional. Serie MTN25 (Mapa Topográfico Nacional 1:25.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional25.jsp [Acceso 9 abril 2014].

Instituto Geográfico Nacional. Serie MTN50 (Mapa Topográfico Nacional 1:50.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional50.jsp [Acceso 9 abril 2014].

Instituto Hidrográfico de la Marina, 1964. De Cabo Corrubedo a Cabo Silleiro. Océano Atlántico Norte. Costa NW de España. Carta 925, con levantamientos no datados y correcciones hasta 1977. Cádiz: Talleres del Instituto Hidrográfico de la Marina. DL CA-293-1972.

Xunta de Galicia (Consellería do Medio Rural). Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícola (SixPac): visor de mapas [en liña]. Dispoñible na Internet: http://sixpac.xunta.es/visorsixpac/ [Acceso 4 outubro 2015].

Data de Actualización:

16 agosto 2016