420 Argaceiros

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: Pontevedra
  • Concello: A Guarda
  • Parroquia: Santa Isabel de Camposancos
  • Lugar: A Guarda
  • Paraxe: Praia de Fedorentos
  • Dirección: Non procede
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 41.908139610134285
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.87651990534971
  • Coordeadas UTM: Datum europeo 1950 (ED50): H 29 // X 510.329,72 m / Y 4.639.829,38 m
  • Clasificación: Industria extractiva
  • CNAE: 08.99 Outras industrias extractivas (Algas).
  • Tipoloxía: Aproveitamento tradicional das algas como esterco
  • Comarca: Baixo Miño
  • Marco Xeográfico: Ribeira dereita do río Miño, nas ladeiras meridionais do Monte Santa Trega
  • Ámbito: Rural e mariñeiro
  • Acceso: Pola autoestrada de peaxe AP-9, chegaremos ata Tui, e dende alí continuaremos pola estrada C-550 cara á Guarda. Xa na vila, continuaremos cara ao norte, cara á saída que vai a Baiona, e, case nos límites da vila, no barrio da Guía, poderemos localizar a beiramar de Fedorentos.

Tipo de propiedade:

Dominio público marítimo terrestre

Visitable:

Si

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

Non sabemos en que momento de ese amplo espazo temporal que chamamos neolítico (8.500 a.C. a 2.500 a.C.), cando xorden as actividades agrícolas, as comunidades primitivas aprenden a mellorar a produtividade da terra por medio do estercado, empregando restos vexetais, animais e minerais da súa contorna ou dos mesmos refugallos da súa alimentación.

O esterco é o elemento fertilizante por excelencia, que repón nas herdades as substancias químicas que as fan aptas para os cultivos. O esterco pode ser de moitas castes, sendo o principal o que se fai a base de estrume (conxunto de vexetais co que se cubría o chan das cortes, e tamén dos patios e rúas diante das casas).

Estércase tamén coa borralla da lareira e do forno e, nas beiramares, coas algas, escamas de peixe (escamallo), cabeza, tripas e aletas de peixe (galdrucho), cangrexos pequenos (patexo) e cunchas machucadas de ameixas e mexillóns. Nos tempos en que tiñan pouco valor comercial, estercábase tamén co mexillón enteiro e mesmo con percebes.

No mar atópanse especies vexetais que dende sempre foron empregadas nas labores agrícolas, as algas ou argazo, tamén chamadas “esterco do mar”, que déixanse podrecer para abonar os campos co seu aporte de minerais, consonte documéntase dende o século XVI no Arquivo do Reino de Galicia.

O carromeiro, marullo ou xerés (Gelidium sesquipedale), a correa, cinta ou espaguete do mar (Himanthalia elongata), o boche (Ascophyllum nodosum), a corbela ou botella (Fucus vesiculosus), a carrasca ou ramallo de mar (Codium tomentoso), o carrapicho, pata de galiña, raspa riza ou musgo de Irlanda (Chondrus crispus), o golfo ou leituga de mar (Undaria pinnatifida ou Wakame), a soja, toco ou faixa (Laminaria saccharina ou Kombu], a gigartina (Gigartina stellata) e outras moitas, indiferenciadas as veces baixo os nomes xenéricos de batume do mar, valume ou ceba, son algunhas das especies de algas empregadas, xunto coas cunchas escachadas do mexillón, a ameixa e o croque, así como a estrela de mar, chamada en algures cruceta no argot labrego.

En tempos máis recentes, a demanda de xelatinas vexetais (o agar-agar, para espesar, xelificar e emulsionar) na industria alimentaria, a farmacéutica e a cosmética, déralle un novo valor á comercialización do carromeiro, e ducias de persoas o arrincaban das pedras ou o recollían en portiños e praias cando era arroxado polo mar nas marusías.

Aínda hoxe desenvólvese tal actividade en algunhas zonas nas que se produce unha grande acumulación das algas demandadas pola industria. De feito, España e o primeiro produtor de carromeiro de Europa, e o segundo a nivel mundial, despois do Xapón.

Seguindo o exemplo dos asiáticos, e impulsada por cociñeiros de sona e aínda por algunha industria conserveira galega, comeza a ter tamén certa importancia a utilización da “verdura de mar” na gastronomía, xa para a preparación de ensaladas ou para acompañar como guarnición doutras viandas.

A extracción e aproveitamento das algas en Galicia ven regulada na Lei 11/2008, de 3 de decembro, de pesca de Galicia. Para poder recoller as algas, fai falta solicitar un plan de explotación anual á Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos da Xunta de Galicia, que aproba anualmente un Plan Xeral de Explotación Marisqueira para o ano seguinte. Para o ano 2016 foi autorizada a extracción de algas a cinco empresas e a vinte confrarías de pescadores, en diferentes zonas que cobren practicamente todo o litoral, dende Ribadeo a A Guarda.

Descrición Xeral do Entorno:

As algas recóllense naquelas zonas nas que, polas particularidades da costa, os ventos dominantes e o movemento das augas, tense unha mellor produtividade ao producirse unha grande acumulación, xa sexa flotante ou depositada nas rochas e praias. Neste caso tomouse como exemplo a cala e praia de Fedorentos, localizada no linde norte da vila de A Guarda.

Construcción:

Non existen construcións específicas para as tarefas relacionadas co aproveitamento tradicional como esterco.

Abandono:

Non existen construcións específicas para as tarefas relacionadas co aproveitamento tradicional como esterco.

Descrición:

No apartado “Sistema de produción” descríbese o proceso e os accesorios nel empregados.

Tempo de uso:

Segundo as zonas de explotación, dende tres meses ata todo o ano, adaptándose aos períodos nos que o mar leva cara a terra máis algas, por exemplo, tralos temporais do inverno e nas grandes mareas equinocciais.

Sistema de produción:

O argazo apañábase nas pedras costeiras, praias e furnas. As algas recollíanse con angazos, entre as penedas da costa, nas praias onde as bota a marea ou nas furnas nas que se amorean (por exemplo, na Furna da Baleeira, en Laxe, ou na Pena Furada, en Loiba, Ortigueira, entre outras moitas localizacións). Apañábanse tamén no mar, dende unha embarcación pequena.

Cando a costa era pouco accesible dende terra, os argaceiros achegábanse coas gamelas na baixamar e rozaban con fouces nas pedras, rochas e cons, apañando tamén co arrastrón nas zonas somerxidas. Descargaban despois nos peiraos, nas pedras ou nas praias e carrexábase con cestos, cabalerías ou carros fora do alcance da marea e das ondas, formando bardas para deixalo escorrer e secar estendido ou en montiños no tendal. Así amoreado, déixanse algún tempo ao ar para que tamén a chuvia lles lavara o salitre.

Escorrido ou medio seco, tirábase o argazo das bardas con trueiros, cavóns e ganchas, e botábase dentro do carro ou en cestos para levalo ás leiras e botalo nas herdades como abono. Tamén, mesturado con fariña, verzas e patacas empregábase para alimentar aos porcos.

O argazo seco tamén enrolábase en mollos e vendíase por feixes ou rolos aos labregos. Os mollos xa secos e ben apiñados, tamén gardábanse en cabanóns, e tíñanse á venda todo o ano. Cabalos, burros e bois eran a forza motriz para levar ou tirar das cargas, até que na década de 1950 chegaron os primeiros camións e camionetas, e anos máis tarde, os tractores.

As modalidades de recollida hoxe en día son a pé, mergullo en apnea e mergullo con subministro de aire dende a superficie.

Actividades laborais:

Man de obra principalmente feminina nas colleitas a pé e principalmente masculina nas feitas a flote.

Emprego:

Dificilmente avaliable ao ser un traballo esporádico e de temporada, ademais de ter sido abandonado en moitos lugares polo emprego de fertilizantes artificiais. A produción oriéntase hoxe en día á industria.

Materias Primas:

Algas.

Produtos Elaborados:

Algas para estercar as terras, e algas para as industrias química, farmacéutica, cosmética e alimentaria.

Distribución e comercialización:

Local (como abono) e nacional (para a industria).

Referencias Bibliográficas:

Bárbara Criado, I.M.; Cremades Ugarte, J., 1987. Guía de las algas del litoral gallego, Francisco Armesto Ramón (coord.), Casa de las Ciencias, La Coruña: Ayuntamiento de La Coruña. DL C-556-1987.

Dosil Mancilla, F.J., 2007. Los albores de la botánica marina española (1814-1939), Madrid: Consejo Superior de Investigaciones Científicas. DL 9061-2007. ISBN 978-84-00-08518-6.

Graells y de la Agüera, M. P., 1870. Exploración científica de las costas del Departamento Marítimo de Ferrol, Madrid: Establecimiento Tipográfico de T. Fortanet. Disponible en http://www.galiciana.bibliotecadegalicia.xunta.es/gl/consulta/registro.cmd?id=4847 [Acceso 12 marzo 2015].

Lorenzo Fernández, X., 1962, “Etnografía: cultura material. A terra: Estrume e esterco”, Historia de Galiza, Ramón Otero Pedrayo (dir.), Buenos Aires: Editorial Nós, vol. II, O home-II, p. 185-188.

Lorenzo Fernández, X., 1962, “Etnografía: cultura material. Os produtos do mar: Olgas”, Historia de Galiza, Ramón Otero Pedrayo (dir.), Buenos Aires: Editorial Nós, vol. II, O home-II, p. 412.

Lorenzo Fernández, X., 1982. “Estrume e esterco”, A terra, Biblioteca Básica da Cultura Galega, Vigo: Editorial Galaxia, p. 24-30. DL VG-283-1982. ISBN 84-7154-407-5.

Lorenzo Fernández, X., 1982. “Olgas”, O mar e os ríos, Biblioteca Básica da Cultura Galega, Vigo: Editorial Galaxia, p. 119. DL VG-425-1982. ISBN 84-7154-421-0.

Uris Guisantes, J.A., “Patrimonio, arquivo e documentación. Anacos de historia. Argazos”, Galicia Suroeste [en liña]. Dispoñible na Internet: http://www.galiciasuroeste.info/varios/anacos.htm [Acceso 7 novembro 2015].

Veiga Villar, A.J., 1999. Caracterización de la flora y vegetación bentónica marina intermareal y de su riqueza en recursos explotables en las Rías Baixas gallega (NO. Península Ibérica), Tesis doctoral dirigida por Ignacio Bárbara Criado y Javier Cremades Ugarte, A Coruña: Departamento de Bioloxía Animal, Bioloxía Vexetal e Ecoloxía da Universidade da Coruña. ISBN 978-84-692-8960-0 [en liña]. Dispoñible na Internet: http://ruc.udc.es/dspace/handle/2183/5603 [Acceso 7 novembro 2015].

Xunta de Galicia, 2007-2011. Plan de Ordenación do Litoral [en línea]. Disponible na Internet: http://www.xunta.es/litoral [Acceso 28 marzo 2013].

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 298-IV A Guarda // Datum europeo 1950 (ED50): Fuso 29 // X 510.329,72 m / Y 4.639.829,38 m

Instituto Geográfico Nacional. Serie MTN25 (Mapa Topográfico Nacional 1:25.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional25.jsp [Acceso 9 abril 2014].

Instituto Geográfico Nacional. Serie MTN50 (Mapa Topográfico Nacional 1:50.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional50.jsp [Acceso 9 abril 2014].

Instituto Hidrográfico de la Marina, 1963. De Islas Cíes al Río Miño. Océano Atlántico Norte. Costa NW de España. Carta 924, con levantamientos no datados y correcciones hasta 1977. Cádiz: Talleres del Instituto Hidrográfico de la Marina. DL CA-1143-1971.

Instituto de Estudos do Territorio da Xunta de Galicia. Mapas de Galicia 1:5.000, Santiago de Compostela: Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas [en liña] Dispoñible na Internet: http://sitga.xunta.es/sitganet [Acceso 24 abril 2014].

Instituto de Estudos do Territorio (IDE) da Xunta de Galicia. Información Xeográfica de Galicia: visor de mapas [en liña]. Dispoñible na Internet: http://mapas.xunta.es/visualizador-de-mapas [Acceso 4 outubro 2015].

Xunta de Galicia (Consellería do Medio Rural). Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícola (SixPac): visor de mapas [en liña]. Dispoñible na Internet: http://sixpac.xunta.es/visorsixpac/ [Acceso 4 outubro 2015].

Data de Actualización:

17 setembro 2016