451 Curtidoiro de Boo

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: Lugo
  • Concello: Chantada
  • Parroquia: San Salvador de Asma
  • Lugar: Chantada
  • Paraxe: A Ponte (A Touza)
  • Dirección: Non procede
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.60519890176472
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -7.7679843771667265
  • Coordeadas UTM: Datum europeo 1950 (ED 50): H 29 // X 601.177,16 m / Y 4.717.942,79 m
  • Clasificación: Fábrica de curtidos
  • CNAE: 15.11 Preparación, curtido e acabado do coiro; preparación e tinguido de peles.
  • Tipoloxía: Curtido tradicional en píos (noques)
  • Comarca: Chantada
  • Marco Xeográfico: Vila de Chantada
  • Ámbito: Rural (hoxe urbano)
  • Acceso: Na vila de Chantada localizaremos a rúa Juan XXIII e baixaremos cara ao río continuando pola estrada LU-P-1801 ata cruzalo chegando ao barrio Da Ponte. Apartaremos alí pola dereita seguindo o paseo que discorre pola ribeira dereita do río Asma. A poucos metros veremos no alto o espléndido edificio que fora o meirande curtidoiro chantadino.

Tipo de propiedade:

Privada

Visitable:

Exteriormente

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

Non somos hoxe en día conscientes da gran importancia que tivo a industria do coiro, que elaboraba as pezas que despois empregaríanse sen curtir como soporte para a escritura (pergameo), e curtida no almacenamento de líquidos (pelellos) e no manexo do aire (barquíns e foles, mesmo musicais), nos arreos de labranza (arneses, correas e atalaxes), para o traballo dos albardeiros (cinchas, selas, albardas e alforxas), talabarteiros e gornicioneiros (cartucheiras, cintos e talabartes), para pezas da vestimenta (chalecos, petos, luvas, chapeus, cintos), no calzado (zocos, botas, zapatos), no recubrimento de embarcacións, na elaboración de cordas e enxarcia, para xuntas de estanquidade ou aínda para as correas de transmisión da primeira maquinaria.

A actividade de curtume, como a téxtil, xorde e desenvólvese intimamente unida ao mundo rural, compartindo as actividades propias do campo para fornecer as súas necesidades específicas e servindo moitas veces aquelado cos traballos agrícolas para complemento dos minguados ingresos dos labregos.
Os curtidores independentes curtían unha ou dúas peles ao ano para as súas propias necesidades, mentres que os curtidores rurais, á vez que traballan os seus propios coiros, preparaban a xornal outros cedidos por tratantes ou comerciantes urbanos. En ambos os casos, os campesiños son propietarios dos pilos nos que traballan as peles. Finalmente, un terceiro grupo de campesiños traballarían en pilos prestados ou en pilos da comunidade.

Aínda que o curtido espallábase por toda Galicia, sendo habitual a existencia de curtidores en moitas parroquias, algunhas zonas concentraban un gran número destes curtidores “a tempo parcial”, como nas terras de Cea e Allariz, na antiga provincia de Ourense, Noia e Caldas, na de Santiago, Vilalba e Chantada, na de Lugo, e Soutomaior, na de Tui.

A evolución desta industria continúa, xa como unha actividade urbana ou peri-urbana nos séculos XVII e XVIII, coa construción de píos por e para o gremio de zapateiros, necesitados de abastecerse de materia prima para o seu traballo, como ocorría en Betanzos ou en Melide. Outras veces as instalación eran do propio concello, como no caso de Chantada, e outras, en fin, de particulares.

Pronto a industria do coiro dará un avance cualitativo e cuantitativo co nacemento, no tránsito do século XVIII ao XIX da fábrica de curtidos construída por un empresario como un asentamento especificamente dedicado á produción de coiros, cunha centralización nas súas instalacións de tódalas actividades do proceso, con traballadores asalariados que preparaban os pelicos ao mandado do dono, e cunha clara orientación a cubrir as necesidades e demandas do mercado.

Desta forma, os asentamentos dispersos e rudimentarios evolucionan dando paso aos centros especializados, nunha transición gradual que pasa polos asentamentos gremiais proto industriais, primeiro, e as fábricas populares, despois, para chegar finalmente aos modernos curtidoiros.

Consonte os datos do Catastro de Ensenada, contra 1752 o gremio de zapateiros de Betanzos contaba con cincuenta e catro inscritos, pero tan só seis desenvolvían moi rudimentarias tarefas de curtume. Vai ser contra os comezos da década de 1770 cando aparecen nas contornas de Ferrol os primeiros curtidoiros (vid. ficha 329) estabelecidos co novo modelo organizativo de factoría centralizada, coa introdución de capital privado e de emprego asalariado, liberados do control gremial.

Descrición Xeral do Entorno:

A fábrica situárase na rebouza da beira dereita do río Asma, próxima á ponte que leva á vila de Chantada.

Construcción:

Anterior a 1853.

Abandono:

1965.

Descrición:

No Catastro de Ensenada (1752-1754) figura rexistrado Alberto Bó como curtidor e zapateiro, e aínda que nalgún documento posterior se diga que a casa xa fora fundada en 1719, temos que supor que nese tempo a actividade sería a propia dos curtidores que só curtían unha ou dúas peles ao ano para as súas propias necesidades ou dos que ademais preparaban a xornal outros cedidos por tratantes ou comerciantes urbanos, pois xa se ten dito que non sería ata o decenio de 1770 cando aparecen as primeiras factorías de curtido organizadas como tales.

Seguramente o curtido seguiría presente con éxito crecente nas actividades da familia Boo, que nos comezos do século XIX irían transformando a antiga industria conforme ao novo modelo organizativo, converténdoa nunha verdadeira fábrica de curtidos, coñecéndose daquela como a casa-fábrica da Touza. Con anterioridade ao ano 1853 xa figuraría Ramón Boo Meijide como empresario curtidor e titular dun muíño arrastrado por cabalería para esmiuzar a casca.

Casado con Pastora Meijide Vila, dous dos seus fillos, Antonio e Ramón, continuarán vinculados coa industria do coiro de Chantada. Pero mentres son cativos, vai ser Pastora quen durante uns quince anos se faga cargo da industria trala morte do seu home a finais do decenio de 1880.

En 1899 Pastora Meijide Vila vende ao seu fillo Antonio Boo Meijide seis dos vinte e oito píos que conformaban o curtidoiro, funcionando durante uns anos como se foran dúas fábricas independentes. Pero xa dende o ano 1906 quedará Antonio como único director da fábrica que convertérase no maior curtidoiro de Chantada.

Coa adquisición dalgúns aparatos mecánicos, Antonio Boo Meijide iría introducindo algunhas modernizacións no proceso de elaboración dos curtidos na súa fábrica. Por outra banda, o seu irmán Ramón rexentaba na mesma vila un almacén de curtidos nos que comercializaba parte da produción da industria familiar.

O curtidoiro, coñecido como “o do Merluza”, poría fin ás actividades fabrís contra 1965. Nos comezos da década de 1980, ao seu regreso da emigración en Francia, Elena Fernández Doval, xunto co seu marido, Leandro Otero Troitiño, adquiriría a propiedade para convertela na súa residencia habitual.

Tempo de uso:

Todo o ano.

Sistema de produción:

Curtido é o proceso mediante o que unha pel, un material orgánico, transfórmase en coiro, un material imputrescible, flexible, resistente á humidade e con notables propiedades mecánicas. Tecnicamente, o curtido consiste en aumentar a resistencia á hidrólise das proteínas (coláxeno) que configuran a pel mediante a acción dun axente que orixina tal cambio químico, o curtinte.

O proceso iniciábase coa chegada da pel en bruto, con pelo e restos de carne cando viña dos matadoiros veciños, e ademais cunha abondosa dose de sal incorporada cando procedente do Río da Prata. Comezaban entón os labores de ribeira, limpeza e primeira preparación dos pelellos para hidratar e abrandala pel manténdoa mergullada en auga varios días, xa nunha corrente fluvial, xa en pozos construídos ao efecto. Os coiros lavábanse ben, deixábanse a mollo e deseguido mergullábanse nuns pozos cheos de auga con cal apagado, os caleiros ou pelamios, para que os poros abriran tanto para favorecer a retirada do pelo como para unha mellor penetración das sustancias curtintes coas que logo sería tratada a pel.

A pel permanecía nos caleiros entre quince e vinte días e, unha vez sacada do pelamio actuaban os “zurradores” para retirarlle a súa pelame e os anacos de carnaza que quedasen do desencoirado, uniformando á vez a superficie da pel e separando as partes inútiles para o curtido. Os oficiais completaban o depilado traballando a pel até retirarlle todo o pelo, rañando coas súas características coitelas romas pola flor da pel, a parte exterior, na que se atopa o pelo.

Rematadas as tarefas de ribeira, o caldeo ou corrida nos pozos chamados mudanzas ou alpages, enchidos con auga acidulada pola casca de carballo e con diferentes concentracións (a menor, no de primeira mudanza), limpaba os restos de cal e completaba o enchido da pel e a apertura dos seus poros que xa se encetara nos pelamios. As veces, cos coiros “brandos” ou de res menor, antes do caldeo adoitábase levar a pel aos pozos de desengraxado, nos que permanecía mergullada en excrementos animais (unha mestura de canina, gallinácea, palomina e outros) para facer máis doada a posterior retirada dos restos do cal.

Os coiros xa limpos e preparados trasladábanse entón aos pozos de curtir propiamente ditos, chamados noques, pilos ou asentos, nos que a pel conseguía as súas propiedades de resistencia á auga e á humidade, volvéndose elástica e resistente á vez. Alí os coiros colocábanse coa flor (a cara na que tivera o pelo) cara abaixo, alternados con casca de carballo moída previamente e ben cubertos de auga. Nesta situación permanecían entre tres e cinco meses, tralo que retirábanse dos noques, limpábanse e cepillábanse e voltaban a se mergullar noutros noques –“de segundo asiento”– mesturados con casca moída igual que na volta anterior agás o sentido da pel, agora coa flor cara arriba. A pel íase pasando duns pozos aos outros nun proceso lento e laborioso, sempre mergullada nunha solución rica en tanino obtida a partir da cortiza do carballo.

No procedemento tradicional de curtido o axente curtinte, o tanino, procedía da casca de certos árbores, como a aciñeira ou o sanguiño, sendo o carballo o máis adoito a empregar en Galicia. Para mellorar o proceso, a casca pulverizábase nos chamados muíños de casca, consistentes nun murete circular de trinta ou corenta centímetros de alto e de tres a catro metros de diámetro, arredor do que unha besta facía roular unha roda de cantería que ía esmagando a casca depositada no interior do beiril.

Unha vez o coiro curtido procedíase ao seu remate, no que o proceso finalizaba coa preparación e secado da pel curtida, o pelico. Levantada a pel dos noques procedíase o seu enxugado e aireado, tralo que viña o batido ou mazado cun martelo de madeira, para deixar a peza compactada nun espesor uniforme e cunha aparencia máis homoxénea, finalizando aquí o proceso para os coiros duros (de vacún adulto) destinados á fabricación de sola.

No caso dos coiros brandos (de animais menores como xatos, ovellas ou rebezos), que destinábanse fundamentalmente á elaboración do “becerro”, o rematado era máis complexo, incluíndo o engraxado a base de saín (graxa de sardiña), o estirado e o luneteado, entre outras operacións menores.

As fábricas de coiros aproveitaban tódolos refugallos do proceso e os vendían: a casca xa usada e enxoita para as lareiras; os restos da carnaza para facer a cola que demandaban os carpinteiros e as fábricas de papel; o pelo desprendido da pel e enxoito para a fabricación de cepillos e brochas.

O proceso de curtido tradicional, co tanino de árbores e arbustos como curtinte, necesitaba entre dez e dezaoito meses dende a chegada da pel ata a saída do coiro e precisaba grandes cantidades de casca (uns cinco quilogramos de casca para cada quilogramo de pel).

Empregáranse despois, xa na década de 1850, extractos concentrados de quebracho ou castiñeiro para acelerar o curtido e finalmente taninos artificiais para o curtido vexetal rápido, xeneralizado na década de 1870. Cara a 1880 comezaría o curtido mediante sales de cromo e a finais da década de 1910 o curtido ao cromo suplantaría totalmente ao curtido vexetal. Mentres o curtido dunha peza de sola polo sistema tradicional precisaba duns catrocentos dez días, cos novos sistemas abondaba con cento oitenta.

O curtido ao alume ou curtido en branco segue a empregarse na preparación de peles finas moi flexibles e suaves, xeralmente empregadas nas luvas.
Aínda que os aires da revolución industrial chegaran tamén a industria do curtido, non o fixera na cerna dos labores (a transformación da pel), senón unicamente nas endeitas de preparación e remate, e algunhas tenerías empregaban contra 1850 máquinas para o descarnado, o pelado, o batido e a división da pel.

O conxunto das edificacións para o traballo dos coiros normalmente distribuiase en cinco compoñentes: o almacén das materias primas e local da moenda da casca configuraban a entrada do establecemento; viña despois o departamento dos labores de ribeira, cos seus lavadoiros e caleiros; o terceiro espazo contaba cos píos de mudanza e asento; o espazo para o enxugado e aireado estaban as veces nun primeiro andar, para mellorar a ventilación; o derradeiro, a zona de remate, xuntábase as veces co anterior.

A ocupación nas fábricas de curtidos era de cinco a sete persoas nas pequenas, e de dez a quince nas grandes.

Os produtos que se elaboraban recibían distintos nomes: solas (vacún), becerros (tenreiro), badanas (carneiro ou ovella), cordobáns (cabra), baldeses (adelgazadas para luvas), baquetas (vaquetas, coiro de vitela, tenreira para albardeiros) e corregeles (tamén chamado crupón, folla enteira de coiro flexible e groso de boi ou vaca, para solas e correas).

Actividades laborais:

Man de obra masculina en todo o proceso.

Emprego:

Sen datos.

Materias Primas:

Coiros, peles frescas, salgadas e secas.

Produtos Elaborados:

Peles curtidas, pelicos.

Distribución e comercialización:

Local, rexional e nacional.

Referencias Bibliográficas:

Carmona Badía, Xoán; Nadal Oller, Jordi (2005). El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Córdoba de la Llave, Ricardo (2008). “Industrias del tejido y del cuero”, en Navascués Palacio, Pedro (coord.) Ars Mechanicae: ingeniería medieval en España, p. 225-233. Fundación Juanelo Turriano. Madrid: Ministerio de Fomento (CEDEX-CEHOPU). DL M-46232-2008. ISBN 978-84-7790-470-0.

Fernández Vázquez, María Teresa (2002). La industria del curtido en la Galicia contemporánea. Tesis Doctoral (inédita), Universidad de Santiago de Compostela.

Lorenzo Fernández, Xaquín (1962). “Etnografía: cultura material. Os oficios: curtidores ou coireiros”, en Otero Pedrayo, Ramón (dir.),  Historia de Galiza, vol. II, O home-II, p. 550-558. Buenos Aires: Editorial Nós.

Lorenzo Fernández, Xaquín (1983). “Curtidores ou coireiros”, en Os oficios, p. 123-133. Biblioteca Básica da Cultura Galega, Vigo: Editorial Galaxia. DL VG-18-1983. ISBN 84-7154-425-3.

Meijide Pardo, Antonio (1986). “Las primeras industrias del curtido en Betanzos”, en Untia. Boletín do Seminario de Estudios Mariñáns, núm. 2, p. 27-43, Betanzos. DL C-528-1984. ISBN 398-7401-4 [en línea] Disponible en Internet: http://hemeroteca.betanzos.net [Acceso 20 de octubre del 2012].

Otero Eiriz, Claudio (2015). A Chantada fabril: os curtidoiros do Asma na Idade Contemporánea, VII Certame de Investigación Condado de Pallares, Ferreira de Pallares-Guntín-Lugo: Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares. DL LU-29-2015. ISBN 978-84-606-5831-3.

Wagner, A. (1942). “Curtido y elaboración de pieles”, en Manual del Ingeniero, tomo IV, capítulo VI, p. 703-744. Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, trad. de la 26ª edición alemana. Barcelona: Gustavo Gili, .

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 155-I Chantada // Datum europeo 1950 (ED50) H 29 // X 601.177,16 m / Y 4.717.942,79 m

Instituto Geográfico Nacional. Serie MTN25 (Mapa Topográfico Nacional 1:25.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional25.jsp [Acceso 9 abril 2014].

Instituto Geográfico Nacional. Serie MTN50 (Mapa Topográfico Nacional 1:50.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional50.jsp [Acceso 9 abril 2014].

Instituto de Estudos do Territorio da Xunta de Galicia. Mapas de Galicia 1:5.000, Santiago de Compostela: Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras [en línea] Disponible en Internet: http://sitga.xunta.es/sitganet [Acceso 24 abril 2014].

Instituto de Estudos do Territorio (IDE) da Xunta de Galicia. Información Xeográfica de Galicia: visualizador de mapas [en liña]. Dispoñible na Internet: http://mapas.xunta.es/visualizador-de-mapas [Acceso 4 outubro 2015].

Xunta de Galicia (Consellería do Medio Rural). Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícola (SixPac): visor de mapas [en liña]. Dispoñible na Internet: http://sixpac.xunta.es/visorsixpac/ [Acceso 4 outubro 2015].

Data de Actualización:

7 marzo 2017