452 Galicia Industrial (Barcón y Cía.)

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: A Coruña
  • Concello: Neda
  • Parroquia: Santa María de Neda
  • Lugar: Xubia
  • Paraxe: A Ponte de Xubia
  • Dirección: Avenida do Xubia, 1, 15570 Xubia, Neda (A Coruña)
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 43.51696242179219
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.150982366821268
  • Coordeadas UTM: Datum europeo 1950 (ED 50): H 29 // X 568.740,77 m / Y 4.819.001,73 m
  • Clasificación: Industria téxtil
  • CNAE: 13.10 Preparación e fiado de fibras téxtiles. 13.20 Fabricación de tecidos téxtiles.
  • Tipoloxía: Fábrica de fiados e tecidos de algodón
  • Comarca: Ferrol
  • Marco Xeográfico: Desembocadura do río Xubia no fondal da ría de Ferrol
  • Ámbito: Rural (hoxe urbano)
  • Acceso: Sairemos de Ferrol pola coñecida como Carreteira de Castela, a estrada C-641 e a pouco menos de sete quilómetros chegaremos á ponte de Xubia. Unha vez cruzada, na man esquerda, atópase a entrada ao complexo industrial.

Tipo de propiedade:

Privada

Visitable:

Exteriormente

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

Aínda que no centro e o norte da Europa non fallan achados que proban a existencia no neolítico de tecidos de liño e de la (o tecido europeo de lá máis antigo que se coñece descubriuse nun lamazal danés e datárase contra o 1500 a.C), e mesmo o emprego de certos aparellos para elaboralos, en Galicia temos que esperar até a cultura castrexa para contar con testemuñas directas da primitiva industria do tecido.

Antes da invención das cizallas –probabelmente na Idade de Ferro– a lá arrincábase a man ou con peites de cobre. No tempo dos romanos, a lá, o liño, e o coiro vestían á poboación europea; o algodón da India era unha curiosidade da que só os naturalistas oíran falar; e a seda, importada dende China pola Ruta da Seda, era un luxo extravagante.

Despois da romanización, son case que inexistentes as referencias aos tecidos en Galicia, aínda que cabe supor que continuarían coa técnica romana. Xa na Idade Media galega, atópanse referencias documentais (vendas, testamentos) aos tecidos, nomeadamente de liño, deixando mesmo pegadas nalgunhas tampas sepulcrais de Noia e Compostela (Santa Susana).

Malia que a elaboración de tecidos de lá tivera algunha importancia en todo o nordés da provincia de Pontevedra (nomeadamente, Cotobade, Tabeirós e Montes), e que en Monforte se traballara a seda, dun xeito que arrela foi o liño a principal fibra obxecto de transformación téxtil. Porén, e a maiores das actividades do rural que servían para completar a subsistencia das familias campesiñas, sábese de algunha experiencia coa lá propiamente industrial, como fora a fábrica de panas dos irmáns Lees en Pontevedra (vid. ficha 232).

Pódese dicir que dende principios do século XVIII o liño é o motor económico principal na vida rural dunha Galicia súper poboada, cunha difusa e parcelada poboación campesiña que atopa nas feiras locais a consolidación da transacción polo miúdo de fibras, fíos e tecidos.

Xa no tránsito do século XVIII ó XIX son famosos os lenzos de Viveiro e de Mondoñedo, de Padrón e de Caldas, e os centros de recolleita e comercialización de liño de Verín, A Fonsagrada e Ordes, mais as liñeiras de Galicia non son bastantes para o abastecemento dos seus teares, e vai medrando a entrada de expedicións das veigas leonesas e zamoranas, e mesmo de Rusia, os países do Báltico e Holanda, chegando a supor o oitenta por cento dos lotes manexados nos teares galegos.

A comezos do século XIX, a perda dos mercados coloniais, a competencia do contrabando británico de tecidos de la e de algodón, a importación de fiados de liño e a consolidación do téxtil catalán coa competencia crecente do algodón, vai acelerar a decadencia de todo o téxtil galego, xa fose de liño, de lá ou mesmo de algodón.

Por outra banda, a repatriación de capitais americanos e os fortes ingresos xerados pola exportación de gran favorecería en Galicia algúns investimentos produtivos que buscaban aproveitarse do devandito arancel para implantar modernas industrias de tecidos de liño.

Tres foran os estabelecementos que se puxeran daquela en marcha en Galicia para a fabricación de tecidos de liño: en 1845 a fábrica do Seixo (vid. ficha 154); en 1847 a fábrica do Roxal (que comezara en 1843 co algodón, vid. ficha 098); e en 1850 a fábrica de Chavín (vid. ficha 376).

Desestimados os intentos de mecanización do traballo do liño, as novas iniciativas téxtiles que xorden en Galicia a comezos da década de 1870 van quedar restrinxidas o ramo do algodón, favorecidas pola avanzada liquidación das industrias rurais, o que lles supón unha menor competencia na conquista dunha pequena parcela do mercado rexional. Foron estas industrias “La Primera Coruñesa” (1873), “Barcón y Cía.” (1873), e “La Arzuana” (1890, vid. ficha 201), pero esta é xa outra historia…

Descrición Xeral do Entorno:

A fábrica situárase na ribeira esquerda do río Xubia, xa na súa desembocadura no esteiro da ría de Ferrol.

Construcción:

1791, como fábrica de pranchas de cobre; acondicionada en 1874 para a fabricación de tecidos de algodón; modernizada no decenio de 1980.

Abandono:

Como fábrica de produtos de cobre, en 1868. Privatizada e reconvertida en fábrica de tecidos de algodón en 1874, traballaría até 1982. Modernizada dende 1982, continúa traballando na actualidade con todo tipo de fibras téxtiles.

Descrición:

O 6 de novembro de 1790 don Eugenio Izquierdo –Director do Gabinete de Historia Natural e Conselleiro de Guerra– chega a Galicia para analizar as posibilidades dos ríos da rexión para o seu aproveitamento hidráulico no arrastre de maquinaria industrial para a elaboración de prancha de cobre. Elixe a marxe esquerda do “río de San Sadurniño xunto á ponte de Xubia”, xa nas proximidades da súa desembocadura na ría de Ferrol.

Entre 1791 e 1794 constrúese a chamada “Presa do Rei” para levar a auga do río Xubia ás instalacións dos Reais Establecementos de Cobrería. Entre 1791 e 1798 os técnicos ingleses supervisan a instalación das máquinas e a construción e posta en marcha dos fornos, e en 1803 iníciase a fabricación de prancha de cobre laminado, cravos e porlóns para a Mariña. A fabricación suspéndese durante os convulsos tempos da guerra de independencia contra os franceses (1808-1814), trasladándose a elaboración de prancha de cobre e a fabricación de fusís aos Reais Arsenais de Ferrol.

A comezos de 1811 as Cortes de Cádiz deciden aproveitar os Reais Establecementos de Xubia para a fabricación de moeda de cobre, o que terá lugar, aínda que con descontinuidades, desde principios de 1813 ata 1868. Ademais de cuñar moeda, en algúns períodos vólvense a subministrar produtos de cobre ós arsenais de Ferrol.

En 1868 suspéndese definitivamente a actividade como Fábrica Real e nos orzamentos xerais do Estado para o exercicio 1869-1870 xa non se prevé asignación algunha para o establecemento de Xubia, esmorecendo sen obxecto ata que en 1873 sae a pública poxa “de acordo coas regras de desamortización” e a fábrica de prancha, bulóns e cravos de cobre pasa a propiedade privada (vid. ficha 114).

Trala desamortización dos Reais Establecementos de Cobrería de Xubia en 1873 e a súa venda a intereses privados, foi o seu novo primeiro propietario don Eduardo Bassave Rodríguez e Alburquerque, marqués de San Eduardo, quen xa en 1874 vende as instalacións a don Diego Francisco Barcón y Quevedo. Este, xunto con outros empresarios, inicia a reestruturación da fábrica para dedicala ao fiado de algodón baixo a razón social “Sociedad Textil Barcón, Paredes y Cía.”. Dúas turbinas hidráulicas moven teares e fusos, e unha caldeira de vapor traballa para o secado do fío.

Tralas oportunas modificacións nos sistemas de arrastre hidráulico directo que movían os teares e a adaptación dunha turbina hidráulica para o arrastre dun alternador eléctrico, dende 1892 as instalacións funcionan mediante a electricidade producida coas augas do río Xubia, que proporciona tamén a luz eléctrica para o alumeado da fábrica. En 1893, con 170 CV hidráulicos instalados (125 kW), acciónanse 140 teares mecánicos e a fábrica téxtil de Barcón é a máis importante de Galicia.

En 1928 a empresa é adquirida pola sociedade “Galicia Industrial, S.A.”, á fronte da que está don Dionisio Tejero Pérez, e mantén a súa actividade na fabricación de fiados e tecidos de algodón.

O día 1 de xaneiro de 1956 a empresa cambia de nome ao ser absorbida pola firma “Dionisio Tejero, S.A.”.

Trinta anos despois, o 1 de marzo de 1982 a fábrica é adquirida polo gran grupo téxtil que forman “Textil Santanderina S.A.”, “Vic Industrial S.A.” e “Gerona Textil S.A.”, que proceden a un forte investimento para súa ampliación e modernización e lle dan o nome de “Galicia Textil S.A.”. En 1990 a modernización alcanzará tamén á vella central hidroeléctrica, que vai continuar subministrando electricidade cunha potencia instalada de 200 kW. Actualmente a superficie construída é duns dezaoito mil metros cadrados sobre unha superficie total duns cincuenta mil metros cadrados.

Tempo de uso:

Todo o ano.

Sistema de produción:

Cinco foron as fibras téxtiles fundamentalmente empregadas dende a Idade Media para a elaboración de tecidos, redes e cordas: dúas de orixe animal, a lá e a seda, e tres de orixe vexetal, o cáñamo, o liño e o algodón. A lá e o liño, abondosas no norte da península, serían as preferidas para a confección de vestimenta. O algodón quedou practicamente restrinxido á súa zona de cultivo, o val do Guadalquivir, de Xaén a Cádiz, empregándose para vestidos. A seda, ligada a poboacións de orixe musulmán, dende Aragón ata Granada e Málaga, pasando por todo Levante, só foi utilizada en roupas suntuarias. E o cáñamo, cultivado en na metade meridional peninsular, A Mancha, Murcia e Andalucía, empregábase para a confección de tecidos bastos e resistentes, cordas e enxarcia para as embarcacións.

As fibras en si mesmas son materias carentes das mínimas propiedades industriais, polo que precisan dunha primeira modificación que converta o pelo dun animal ou o talo dunha planta en un elemento apropiado –a fibra limpa, cardada e peiteada– para ser traballado até se transformar en fío continuo. O fiado das fibras era a segunda transformación, consistente na agrupación e torcido dos filamentos de tal xeito que quedaran trabados entre eles formando un fío continuo, a base das seguintes transformacións.

As fías (as fibras xa fiadas) agrupábanse entón para obter a lonxitude desexada da tea a confeccionar, o urdido que se montaba no tear para proceder á realización da trama que daría como resultado o tecido. Ademais dos teares, verticais ou horizontais, a textura podía tamén ser realizada tecendo con agullas, cunha febra continua que evolucionaba sobre si mesma, uníndose por medio de unha grande variedade de puntos acaídos ó resultado desexado, dende unha media a unha rede formada por mallas. Os tecidos xa fabricados e finalizado o seu acabado (abatanado, lavado, etc.) cortábanse co tamaño e a forma requirida para a elaboración de vestidos, cobertores, velas, toldos, bandeiras, etc.

A mecanización vai mudando os usos e costumes, facilitando o traballo e a competitividade, mellorando a calidade e reducindo os custos. A baratura do fiado de importación facilitou o abandono dos duros labores do cultivo do liño, que non chegou a se mecanizar en Galicia. Aínda que si se mecanizaron as tarefas do urdido, do branqueado, do tecido, que mudaron a individualidade dos teares rurais pola centralización do maquinismo, demandando nesta angueira un novo e principal ben que vai ser en adiante imprescindíbel na industrialización: a enerxía.

A fabricación de tecidos comeza polo procesado da fibra, sexa o vélaro das ovellas (ou o pelo doutros animais, coello, camelo, alpaca, vicuña), a seda dos vermes, ou a fibra do liño, do algodón ou de calquera outra planta téxtil (cánabo, yute, ramio). A la debe ser clasificada e lavada antes do seu fiado. A seda desenrólase dos casulos despois de abrandar a goma natural en auga quente, o que permite unha separación doada sen romper as finas fibras. A fibra do liño vai obterse despois dunha serie de operacións mecánicas e químicas. O algodón en bruto procésase coa desmotadora, que elimina as sementes e outras impurezas, antes de ser transportado en balas á fiadura.

Obtida unha fibra susceptible de ser fiada, os filamentos continuos agrúpanse e tórcense para formar longos fíos de varias febras. Os filamentos rotos e o material de refugallo aproveitanse e fíanse de maneira similar á empregada para as fibras curtas.

As fibras sintéticas (sexan rayón e acetatos derivados da celulosa, ou ben fibras realmente sintéticas, como nailon, poliéster, polipropileno, fibras acrílicas ou mesmo fibra de vidro) subminístranse xa en forma de filamentos ou de fibras curtas, xa como fibra de filamento continuo. As fibras sintéticas curtas procésanse antes do fiado de forma similar ao algodón cru ou a la, mentres que as de filamento continuo convértense en fío igual que a seda.

Unha vez fiadas as fibras, o fío obtido vai tecerse, a man ou a máquina, para obter a tea ou tecido. Un tecido é unha estrutura téxtil obtida por entrelazamento de un só fío (tecido de punto) ou de dúas ou máis series de fíos, cada unha das cales móvese segundo unha determinada lei (tecido plano e tecido aglutinado).

O tecido de punto é o formado por mallas, bucles ou puntos, empregando un só fío moi longo. Faise anoando o fío para formar unha reixa cunha serie de lazadas máis ou menos amplas unidas entre si. Pódese tamén facerse pasando unha lazada de fío sobre unha agulla para logo pasala a outra agulla, entrelazando sempre o mesmo e único fío para formar unha soa estrutura. Os ligamentos básicos do tecido de punto son: baeta, flanela, jersei, piqué. As teas de tecido de punto son difíciles de manexar, esvaran ao cortalas e estiran doadamente, pero adáptanse moi ben ao corpo.

O tecido plano faise nunha máquina chamada tear, manual ou mecánico, e vai elaborándose entrecruzando unha serie de fíos paralelos entre sí (trama) con outra serie de fíos, tamén paralelos entre sí (urdidoura), e que normalmente forman un ángulo recto cos primeiros. Segundo que os fíos de trama e urdidura se crucen simplemente, ou que cada dous fíos de urdimbre contiguos se crucen alternativamente de dereita a esquerda e viceversa (abrazando, en cada cruce, o fío da trama), vanse obter tecidos de ligamento recto, ou tecidos con ligamento de volta (gasas). Os ligamentos fundamentais de urdidura e trama son o tafetán (tecido liso, ou á plana), a estameña (tecido cruzado, ou sarga) e o satén (raso).

O tecido aglutinado fabrícase con fibras non fiadas (naturais ou sintéticas) que van humectarse e someterse a presión e calor, co cal as fibras van adherirse formando o tecido. Os sistemas principais son os que empregan resinas aplicadas sobre o retículo das fibras que saen da máquina formadora, e os que utilizan fibras termoplásticas que forman o retículo e se prensan entre rulos quentes.

Os produtos téxtiles poden tinguirse de varias maneiras: coloreando as teas xa tecidas (tinguido na peza); poden tinguirse as fibras nunha cuba antes do fiado (tinguido en bruto); e pode tinguirse o fío antes de tecelo (tinguido no fío). No caso dos fíos sintéticos, pódeselle dar un tinguido previo incorporando pigmentos coloreados na solución de fiado antes da extrusión dos filamentos (tinguido en masa ou solución).

O estampado dos tecidos faise principalmente por huecograbado por medio de rulos de cobre nos que as depresións cúbrense coa pasta de estampado. Pódese facer tamén por impresión en relevo ou co emprego de retículas.

Ademáis do tinguido e o estampado, as teas poden recibir outros acabados para mellorar o aspecto ou cualidades: resistencia ás engurras, pregaduras permanentes, resistencia ao encollido, etc.

Actividades laborais:

O proceso industrial comezaba coa recepción, selección e clasificación da fibra, seguida do procesado previo ao fiado, propio de cada fibra. Obtida a fibra, os filamentos continuos agrúpanse e tórcense para formar longos fíos de varias febras, pasando entón do fiado ao tecido. Os operarios neste proceso mecanizado eran basicamente mulleres, axudadas por nenas. Os homes atendían ao mantemento das máquinas.

Emprego:

A finais de 1969 “Galicia Industrial” declaraba na Cámara da Coruña cento trinta “produtores” na fábrica téxtil de Xubia.

Materias Primas:

Fibras téxtiles naturais e artificiais.

Produtos Elaborados:

Tecidos de toda clase de fibras téxtiles e as súas mesturas, algodón poliéster, lino, tencel, polipropileno, lycra, etc. Encadrada no que chámase téxtil de cabeceira, fabricando unicamente tecidos en cru. Os procesos de tintura e acabado do tecido se fan en outros centros produtivos do grupo para transformarse en tecidos de moda que se distribúen por todo o mundo.

Distribución e comercialización:

Internacional.

Referencias Bibliográficas:

Bello Platas, A.I., 2006. A ceca de Xuvia. A derradeira fábrica de moeda de Galicia, Ferrol: Edicións Embora. DL C-2806-2006. ISBN 84-95460-55-6.

Bello Platas, A.I., 2007. A fabricación de fusís na ría de Ferrol, Ferrol: Edicións Embora. DL C-4251-2007. ISBN 978-84-95460-73-8.

Brüggemann, H., 1942. “Tecnología textil y fabricación del papel. Industrias textiles”, Manual del Ingeniero, Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, 2ª ed. trad. de la 26ª edición alemana, Tomo IV. Barcelona: Gustavo Gili, Capítulo VII, p. 777-857.

Carmona Badía, J., 1990. El atraso industrial de Galicia. Auge y liquidación de las manufacturas textiles (1750-1900), Barcelona: Ariel. DL B-35453-1990. ISBN 84-344-6566-3.

Carmona Badía, X., 1990. “Crisis y transformación de la base industrial gallega, 1850-1936”, Pautas regionales de la industrialización española (siglos XIX y XX), Jordi Nadal Oller y Albert Carreras Odriozola (dirección y coordinación), Ariel, Barcelona, p. 23-48. DL B-218-1990. ISBN 84-344-6563-9.

Carmona Badía, J.; Nadal Oller, J., 2005. El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Córdoba de la Llave, R., 2008. “Industrias del tejido y del cuero”, Ars Mechanicae: ingeniería medieval en España, Pedro Navascués Palacio (coord.), Fundación Juanelo Turriano. Madrid: Ministerio de Fomento (CEDEX-CEHOPU), p. 225-233. DL M-46232-2008. ISBN 978-84-7790-470-0.

Escrigas Rodríguez, G., 2001. “A fábrica de Xubia, subhastada en 1870”, Revista de Neda: anuario cultural do Concello de Neda. nº 4, dir. Manuel Pérez Grueiro, Concello de Neda, Neda, Coruña, p.. DL C-837-1998. ISSN 1139-1154.

Fernández Negral, J., 1991. Segundo centenario dos Reais Establecementos de Xuvia. De fábrica de cobrería a centro textil, 1791-1991, Cuadernos Ateneo Ferrolán, Ano 9, núm. 7, 1991. DL C-1.482-1991.

Lindoso Tato, E., 2006. “A la sombra del Arsenal: la oferta empresarial ferrolana en siglo XIX”, Cuadernos de Estudios Gallegos, LIII, nº 119, enero-diciembre 2006, p. 271-304. ISSN 0210-847 X.

Lindoso Tato, E., 2006. Los pioneros gallegos. Bases del desarrollo empresarial (1820-1913), LID Editorial Empresarial, Madrid. DL SE-4354-2005. ISBN 84-88717-94-6.

Lindoso Tato, E., 2006. “Dionisio Tejero Pérez (1856-1941), Empresarios de Galicia, Xoán Carmona Badía (coord.), Centro de Investigación Económica e Financeira (CIEF). A Coruña: Fundación Caixa Galicia, p. 218-235. DL C-2900-2006. ISBN 84-96494-83-7.

Lorenzo Fernández, X., 1962. “Etnografía: cultura material. Os tecidos”, Historia de Galiza, Ramón Otero Pedrayo (dir.), Buenos Aires: Editorial Nós, vol. II, O home-II, p. 623-658.

Lorenzo Fernández, X., 1983. “Os tecidos”, Os oficios, Biblioteca Básica da Cultura Galega, Vigo: Editorial Galaxia, p. 223-273. DL VG-18-1983. ISBN 84-7154-425-3.

Madoz Ibáñez, P., 1846-1850. Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones de Ultramar. 16 vol., Establecimiento tipográfico de P. Madoz y L. Sagasti, Madrid, (vol 6-9: Est. Tipografico-Literario Universal; vols 10-11: Imprenta al Diccionario Geográfico, á cargo de José Rojas; vols 12-16: Imprenta del Diccionario geográfico estadístico-histórico de Pascual Madoz). Existe una versión digitalizada y de libre acceso a través de la Biblioteca Virtual de Andalucía: http://www.juntadeandalucia.es/cultura/bibliotecavirtualandalucia [Acceso 17 octubre 2009].

Nadal Oller, J.; Carmona Badía, X., 2005. Galicia industrial (c. 1750-2005). Catálogo de la exposición: Vigo, 28 oct. 2005-22 ene. 2006; A Coruña, 2 mar. 2006-4 jun. 2006. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2469-2005. ISBN 84-95892-18-9.

Vázquez Seijas, M., 2002. “La fábrica de moneda de Jubia”, Revista de Neda: anuario cultural do Concello de Neda. nº 5, dir. Manuel Pérez Grueiro, Concello de Neda, Neda, Coruña, p. 103-120. DL C-837-1998. ISSN 1139-1154.

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 7-III Neda // Datum europeo 1950 (ED50) H 29 // X 568.740,77 m / Y 4.819.001,73 m

Instituto Geográfico Nacional. Serie MTN25 (Mapa Topográfico Nacional 1:25.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional25.jsp [Acceso 9 abril 2014].

Instituto Geográfico Nacional. Serie MTN50 (Mapa Topográfico Nacional 1:50.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional50.jsp [Acceso 9 abril 2014].

Instituto de Estudos do Territorio da Xunta de Galicia. Mapas de Galicia 1:5.000, Santiago de Compostela: Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras [en línea] Disponible en Internet: http://sitga.xunta.es/sitganet [Acceso 24 abril 2014].

Instituto de Estudos do Territorio (IDE) da Xunta de Galicia. Información Xeográfica de Galicia: visualizador de mapas [en liña]. Dispoñible na Internet: http://mapas.xunta.es/visualizador-de-mapas [Acceso 4 outubro 2015].

Xunta de Galicia (Consellería do Medio Rural). Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícola (SixPac): visor de mapas [en liña]. Dispoñible na Internet: http://sixpac.xunta.es/visorsixpac/ [Acceso 4 outubro 2015].

Data de Actualización:

7 marzo 2017