458 Muíño de Luis de Canido

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: A Coruña
  • Concello: Neda
  • Parroquia: San Pedro de Anca
  • Lugar: O Roxal
  • Paraxe: A Ponte de Canido
  • Dirección: Non procede
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 43.49448722974256
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.126493798515298
  • Coordeadas UTM: Datum europeo 1950 (ED 50): H 29 // X 570.747,38 m / Y 4.816.387,31 m
  • Clasificación: Fabricación de fariñas
  • CNAE: 10.61 Fabricación de produtos de muiñaría.
  • Tipoloxía: Muíño hidráulico de rodicio
  • Comarca: Ferrol
  • Marco Xeográfico: Ribeiras do Belelle no seu tramo final no val de O Roxal
  • Ámbito: Rural
  • Acceso: Saímos de Ferrol pola estrada C-641 cara a Xubia e Oviedo. A pouco máis de un quilómetro despois da ponte de Xubia, apartaremos á dereita pola carreteira DP-5503 cara ao Roxal. Uns dous quilómetros e medio máis adiante, xa na aldea do Roxal, apartamos outra vez á dereita por unha carreteira estreita, baixando uns trescentos metros cara ao río Belelle e a Ponte de Canido. Antes da ponte, atopamos na beira esquerda o muíño de Luciano e o de Luis de Canido; e, na beira dereita, o reconstruído muíño do Chanquelo.

Tipo de propiedade:

Privada

Visitable:

Exteriormente

Xestión de visitas:

Pódese xestionar un mellor coñecemento da zona coa empresa "Motus, Gestión de Tiempo Libre"

Historia:

As referencias máis antigas de muíños fariñeiros movidos por auga remóntanse á primeira metade do século III a.C., no caso dun muíño de roda horizontal en Bizancio (Turquía), e ao ano 240 a.C., no dun muíño de roda vertical en Alexandría (Exipto).

Os muíños de roda vertical aparecen xa ben documentados por Vitrubio cara ao ano 25 a.C., con evidencias arqueolóxicas de principios do século primeiro (da era cristiá) achadas en San Giovanni dei Ruoti (Italia) e do ano 57 d.C. achadas en Avenches (Suíza). Os traballos máis recentes sobre o complexo muiñeiro de Barbegal (Francia) dátano a comezos do século II, mentres que de finais deste século II é o de Martres-de-Veyre (Francia) e do ano 275 é o muíño escavado en Roma (Italia).

Porén, as evidencias arqueolóxicas dos muíños de roda horizontal máis antigas son, polo de agora, case tres séculos máis novas, de finais do século III en Chemtou e Testour (Tunes), e do ano 630 en Cork (Irlanda).

De acordo coas ditas evidencias, os muíños de roda vertical (aceas) foron difundidos por todo o Imperio Romano desde o século I despois de Cristo, mentres que os de roda horizontal (rodicios) non se difundiron ata finais do século III.

A pesar da gran difusión da muiñaría hidráulica, é difícil atopar vestixios xa que os muíños construíanse mediante estruturas de madeira e moitas veces sobre barcas ou aproveitando os alicerces das pontes, tamén de madeira. Só cando a construción realízase con sólidas estruturas pétreas, o seu rastro pode permanecer ao longo dos séculos.

No caso de Galicia, “o país dos mil ríos”, os cursos de auga van ser cumpridamente aproveitados ao longo da historia, e aínda que non se dispoña de evidencias arqueolóxicas, malia a case segura existencia de restos de madeira enterrados baixo dos arrastres dos ríos e dos lodos dos esteiros, os muíños do río Belelle aparecen solidamente documentados dende a Idade Media, cando no ano 1111 dona Munia Froilaz de Traba funda o Mosteiro de Pedroso, en recordo dun fillo morto nas augas do río Grande de Xubia.

Documentada primeiro no 1520 (viaxe de Carlos I a Flandes) e no 1554 (viaxe de Felipe II, aínda príncipe, para casar coa que vai ser María I de Inglaterra), dende o derradeiro terzo do século XVI a ría de Ferrol é unha necesaria escala na ruta de Flandes e un refuxio seguro da Real Armada nas invernadas. A ría de Ferrol recibirá en adiante a unha morea de soldados e xente de guerra á que terá que alimentar; a escaseza na contorna de moendas e fornos panadeiros bastantes, vai obrigar á súa construción con cargo á facenda real para garantir o abasto das armadas.

Contra 1588, reinando xa Felipe II, vaise escoller a vila de Neda, de longa tradición panadeira, para asentar as chamadas "Casas Reales y Hornos de Provisión", conxunto de vivendas e fábricas de galleta autorizadas por real provisión para o abasto das armadas que en Ferrol recalaban (vid. ficha 238).

No verán de 1590, após de dous anos de obras, dez mestres malagueños do biscoito comezan a súa actividade en Neda nunhas instalacións provisionais edificadas no lugar chamado Campo dos Fornos. Dezaoito fornos panadeiros estaban a funcionar a pleno rendemento no ano 1591; o trigo chegaba (moído ou en gran) ás vilas de Ferrol e Neda por vía marítima dende Lisboa, Porto, Bilbao, ou Orán. O gran que non se daba moído na comarca levábase a moer a Betanzos, e a necesidade dunha meirande capacidade de moenda estimularía a construción de novos muíños e a rehabilitación e ampliación de moitos dos muíños medievais existentes.

O establecemento do Estaleiro e do Arsenal en Ferrol tirará dende 1750 dun enorme crecemento demográfico na comarca toda, coa conseguinte necesidade de abastecemento dos novos veciños, das tropas, dos obreiros e dos escravos aconchegados para as magnas obras militares, portuarias, edilicias e civís. A demanda acadaría tal nivel que o Intendente da Mariña ordenara dar noticia pública de que se adiantaría diñeiro a quen construíse muíños co compromiso de moer grans para a Real Armada da Súa Maxestade. Ademais de construírse ex-novo moitos muíños, moitos van ser os muíños medievais que acometerán a súa modernización ou mesmo reconstrución aproveitando tan favorábel oportunidade.

A enerxía hidráulica vai ser tamén o motor fundamental da primeira industrialización. De feito, xa contra 1775 dátanse os primeiros aproveitamentos hidráulicos da Ilustración no río Xubia, na ría de Ferrol, os muíños de Lestache (vid. ficha 007), construídos coa vontade de obter grandes producións de fariña para o abasto comarcal e aínda a exportación aos territorios americanos.

Descrición Xeral do Entorno:

O muíño sitúase no val do Roxal, na ribeira dereita do río Belelle e case na metade do seu tramo final, entre a fábrica de tecidos (vid. ficha 098) e a fábrica de papel da Gandarela ou muíño das Bombas (vid. ficha 220).

Construcción:

Sen datos, posibelmente nos anos finais do século XIX.

Abandono:

Sen datos, posiblemente no decenio de 1970.

Descrición:

O coñecido como Muíño de Luis de Canido aproveitaba xunto co Muíño de Luciano as augas derivadas do río Belelle pola marxe dereita. Localízase no val do Roxal, ao pé do monte Marraxón, no lugar de O Roxal, na freguesía de San Pedro de Anca (Neda, A Coruña).

Dos trece muíños que recolle na parroquia de Santa María de Neda o Interrogatorio do Catastro do Marqués de Ensenada, feito en 1752, non somos quen de identificar este muíño, se é que existira xa daquela.

No rexistro da Contribución Industrial dos anos 1880 a 1904 non nos atrevemos a identificar algún que pareza relacionado co que estúdase aquí, nin por localización nin polo nome do propietario. Tampouco ousamos facelo nos rexistros da Contribución Industrial de 1925 a 1950. Porén, no rexistro do ano 1956 do Servizo Nacional do Trigo figura en Anca a nome de Manuel e Luis Casal Canido un muíño cun par de moas de mil milímetros de diámetro para trigo e outro par de mil cento cincuenta para pensos que podería ser o que nos ocupa.

Non aparece no rexistro de 1964 pero si no de 1971 e na Contribución Industrial do ano 1976, ainda que só ao nome de Luis Casal Canido.

A indicación da enerxía motriz hidroeléctrica, coa que figuran os vinte e catro muíños rexistrados en 1956 (e tamén os dos anos seguintes), debe ser un erro por hidráulica (ningún deles tiña produción propia de electricidade para accionar os muíños) ou quere indicar que algún dos muíños eran mixtos, é dicir, que tamén podían ser accionados pola enerxía eléctrica da rede pública cando escaseaba a auga.

As diferentes designacións para unha mesma localización (Pename, Os Pazos, As Augas, Anca, Viladonelle, O Roxal...), xa fora por cambiala ou por anotar non a dirección do muíño, senón a do propietario, complican a identificación dos muíños ao longo dos anos, complicación acentuada moitas veces polo cambio no propietario ou arrendatario na data do rexistro.

A presa érguese nun tramo do río Belelle case recto e con moi pouca pendente, derivando as augas pola marxe dereita ata o cubo que comparten os dous muíños por unha gabia ou cano duns douscentos corenta metros de lonxitude e ancho variable de ata dous metros. Pouco antes da entrada no cubo a canle incorpora as augas do Rego dos Gatos. Na planta de moenda consérvanse os pares de moas dos catro muíños con que contaba, tres negreiros (para maínzo) e un albeiro (para o trigo). Na saída dos muíños, as augas continúan por dous canos paralelos; un deles, de uns setenta metros de lonxitude, alimenta o cubo do chamado muíño do Chanquelo, mentres que o outro vai devolver directamente as augas ao Belelle.

Consonte indica Manuela Santalla (2011:65-67), charquelo ou chanquelo é o nome que lle daban no val aos muíños pequenos e muíños dunha soa moa. Porén, este contaba con dúas moas, e coas dúas foi reconstruído.

Nas fotografías do voo americano de 1956 pódese apreciar perfectamente as dúas construcións rectangulares e case paralelas que compartiran a canle e o cubo co que alimentaban a cadanseu muíño. Resulta igualmente visible o pequeno Muíño do Chanquelo, que aproveitaba as augas procedentes do muíño de Luciano.

O edificio dos muíños, de planta baixa, xunto coas casas vivenda anexas e as construcións auxiliares, está pendente de restauración como parte do complexo de lecer e tempo libre “Motus, Gestión de Tiempo Libre” que desenvolveuse dende o ano 2006 ao seu carón.

Tempo de uso:

Todo o ano, acomodándose aos caudais que levara o río.

Sistema de produción:

A enerxía hidráulica é a asociada aos recursos hídricos (fluviais e mariños), cuxa enerxía potencial pode aproveitarse para a súa transformación en enerxía mecánica. Un metro cúbico de auga pode proporcionar 9.800 Joule de enerxía mecánica por cada metro que descenda, polo que un caudal dun metro cúbico por segundo nun salto dun metro pode proporcionar 9.800 Watts de potencia mecánica. Posto que o rendemento das máquinas hidráulicas é moi elevado, a cantidade de enerxía aproveitada é moi grande.

O elemento ou convertedor enerxético máis antigo para o aproveitamento da enerxía da auga é a roda hidráulica, que transforma a enerxía da auga en enerxía mecánica de rotación. A auga actúa sobre unhas paletas ou cae nuns cubos situados na periferia da roda e co seu movemento e o seu peso fai virar dita roda: a auga transfire a súa enerxía facendo virar o eixo da roda.

A tipoloxía básica das rodas hidráulicas resúmese na roda hidráulica vertical, documentada xa desde o século II a.C. e perfectamente descrita por Marco Vitruvio Polion, e a roda hidráulica horizontal, que a pesares dunha aparente maior simplicidade ao non necesitar engrenaxes para a conversión do xiro, non se atopa documentada antes do século III d.C. Ámbolos dous tipos de convertedores hidráulico mecánicos foron ampla e profusamente empregados para a moenda de cereais, e coñécense habitualmente como muíño romano, o de roda vertical, e muíño grego (ou nórdico), o de roda horizontal.

Ademais da fundamental moenda de cereais, as rodas hidráulicas empregáronse profusamente para todo tipo de aplicacións, xa fose aproveitando o xiro directamente (moenda, elevación de auga, barrenado, laminación) ou converténdoo en movemento alternativo (batáns, mazos, foles, serras). A enerxía hidráulica coñecerá despois unha aplicación de gran éxito ao asociarse a un xerador eléctrico para converterse en electricidade.

A pesares de que as rodas hidráulicas horizontais (rodicios) apenas evolucionaron ao longo dos séculos, por contra nas primitivas rodas hidráulicas verticais (aceas) foron moitas as modificacións introducidas e as variantes desenvolvidas buscando a mellor adaptación ás condicións do emprazamento para a optimización do aproveitamento hidráulico.

A optimización nos deseños básicos logrou instalacións hidráulicas de gran eficiencia (aceas de vertido conducido, muíños de dorna ou caldeira), tanto para pequenos como para grandes caudais, con rendementos de conversión normalmente superiores ao 60%.

Cada muíño ten cadanseu rodicio (roda hidráulica horizontal), solidario cun eixo vertical que arrastra a moa xiratoria (capa) sobre a moa fixa (pé) do muíño. Cada muíño son realmente un par de moas e, para evitar confusións e non dicir “un muíño de dous muíños”, xa que chamámoslle tamén muíño ao edificio que acolle un ou máis muíños, adoitase dicir “un muíño de dúas pedras” ou “un muíño de dúas moas”, ou as que sexan, entendendo por moa o par de pedras ou moas que conforman un muíño.

A auga derivada do río remansa na entrada do muíño e sae pola billa da canela ou cubeta do inferno do muíño, accionando as dezaoito pas ou penlas do rodicio e facéndoo virar. O eixo inferior do rodicio apoia co grilo (tamén ovo ou aguillón) na ra (tamén pía ou porca) que vai encaixada na mesa, madeiro que pode subirse e baixarse (darlle o tempero) dende o tremiñado do muíño para axustar a finura da moenda. O eixo superior, a vara, é de madeira, vai encaixado no rodicio e remata na parte de enriba nun eixo de ferro que pasa polo burato que ten o pe do muíño (a moa inferior) axustado na buxa ou chumaceira na que xira. Unha peza de ferro con forma de aspa, a segorella, situada na parte superior do eixe do rodicio, entra a modo de chavella no centro da capa (a moa que xira) e lle transmite o movemento.

O gran bótase na moega (pode ter unha capacidade de até uns noventa quilogramos) e pola quenlla ou calexa, sacudida polo tarabelo, cae no ollo ou foxo e métese entre as dúas moas, que ao xirar o van desfacendo e desprazando cara a periferia das pedras, converténdoo na fariña que ao fin cae na caixa.

Actividades laborais:

O muiñeiro, e ás veces un axudante eran os únicos operarios necesarios para o funcionamento e mantemento do muíño.

Emprego:

Sen datos.

Materias Primas:

Traballábase fundamentalmente con trigo, en menor medida con millo (maínzo), e raramente con centeo e orxo (cebada). Na antigüidade, antes da chegada do maínzo, moíase o millo miúdo ou paínzo, hoxe desaparecido.

Produtos Elaborados:

Fariñas de trigo, de millo (maínzo), e de mestura.

Distribución e comercialización:

Local e comarcal.

Referencias Bibliográficas:

Cal Pardo, E., 1984. El monasterio de San Salvador de Pedroso en tierra de Trasancos. La Coruña: Diputación de La Coruña. ISBN 84-505-0120-2.

Caro Baroja, J., 1995. Historia de los molinos de viento, ruedas hidráulicas y norias. Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía (IDAE), Madrid: Tabapress. DL M-41843-1995. ISBN 84-86850-64-9.

Fernández Couto, A. (coord.), 2009. Muíños de Neda. Fotografías de José López Dopico “Casoco”, Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do Colexio de Educación Infantil e Primaria de Maciñeira, Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Neda: Concello de Neda. DL C-1640-2009.

Fernández Lavandera, E.; Fernández Rodríguez, C.M., 1998. Los molinos: patrimonio industrial y cultural. Granada: Grupo Editorial Universitario. ISBN 84-89908-29-X.

García-Diego Ortiz, J.A.; García Tapia, N., 1987. Vida y técnica en el Renacimiento. Manuscrito de Francisco Lobato, vecino de Medina del Campo. Valladolid: Universidad de Valladolid. ISBN 84-7762-104-7.

González Tascón, I., 1987. Fábricas hidráulicas españolas, 2ª ed. 1992, Madrid: Centro de Publicaciones del Ministerio de Obras Públicas y Transportes (CEDEX-CEHOPU) y Turner Libros. ISBN 84-7790-147-3.

Granados Loureda, J. A., 1999. "Ferrol na Idade Moderna", Historia de Ferrol, VV.AA., A Coruña: Vía Láctea, p. 214. ISBN 978-84-89444-43-0.

Granados Loureda, J.A., 2011. “Un arsenal para el Rey: Ferrol en el Antiguo Régimen (SS. XVI-XVIII)”, Nalgures, Revista de la Asociación Cultural de Estudios Históricos de Galicia, tomo VII, año 2011, p. 55-171. ISSN 1885-6349. [en liña] Dispoñible na Internet http://www.estudioshistoricos.com

Lorenzo Fernández, X., 1962. “Etnografía: cultura material. Os oficios: O pan”, Historia de Galiza, Ramón Otero Pedrayo (dir.), Buenos Aires: Editorial Nós, vol. II, O home-II, p. 671-681.

Lorenzo Fernández, X., 1983. Os oficios. Biblioteca Básica da Cultura Galega, Vigo: Editorial Galaxia. DL VG-18-1983. ISBN 84-7154-425-3.

Lucas, A.R., 2006. Wind, Water, Work. Ancient and Medieval Milling Technology. Leiden (The Nederlands): Brill. ISBN 978-90-04-14649-5.

Madoz Ibáñez, P., 1846-1850. Diccionario geográfico-estadístico-histórico de España y sus posesiones de Ultramar. 16 vol., Establecimiento tipográfico de P. Madoz y L. Sagasti, Madrid, (vol 6-9: Est. Tipografico-Literario Universal; vols 10-11: Imprenta al Diccionario Geográfico, á cargo de José Rojas; vols 12-16: Imprenta del Diccionario geográfico estadístico-histórico de Pascual Madoz). Existe una versión digitalizada y de libre acceso a través de la Biblioteca Virtual de Andalucía: http://www.juntadeandalucia.es/cultura/bibliotecavirtualandalucia [Acceso 17 octubre 2009].

Pérez Villar, G., 2006. “Unha ruta turística polos muíños do río Belelle”, Revista de Neda: anuario cultural do Concello de Neda, nº 9, dir. Manuel Pérez Grueiro, Concello de Neda, Neda, Coruña, p. 158-175. DL C-837-1998. ISSN 1139-1154.

Respuestas Generales del Catastro del Marqués de la Ensenada, 1750-1754, 13.000 localidades en 545 vols. conservados en el Archivo General de Simancas, microfilmados en la década de 1980 y digitalizados en 2004 y 2005 con un total de 350.000 imágenes, Ministerio de Cultura del Gobierno de España, Madrid. [en liña]. Dispoñible na Internet: http://pares.mcu.es/Catastro [Acceso 3 agosto 2009].

Reyes Mesa, J.M., 2001. Evolución y tipos de molinos harineros: del molino a la fábrica, Fundación Juanelo Turriano, Granada: J.M. Reyes. DL GR-506-2001. ISBN 84-89685-46-0.

Rilo González-Vallés, Lucía, 2008. “El centro de actividades de Motus en O Roxal: la recuperación del conjunto etnográfico do muíño de Canido para utilización didáctica y divulgativa”, Revista de Neda: anuario cultural do Concello de Neda. nº 11, dir. Manuel Pérez Grueiro, Concello de Neda, Neda, Coruña, p. 86-89. DL C-837-1998. ISSN 1139-1154.

Rodriguez-Villasante Prieto, J. A., 1996. La Intendencia en la Armada: historia de la gestión económica, financiera y de material. Madrid: Empresa Nacional Bazán de Construcciones Navales Militares S.A., p. 84-85. DL B-39206-1996.

Sanmartín Corral, S., 2005. “Los molinos del Belelle: posible proyecto de rehabilitación”, Revista de Neda: anuario cultural do Concello de Neda, nº 8, dir. Manuel Pérez Grueiro, Concello de Neda, Neda, Coruña, p. 36-46. DL C-837-1998. ISSN 1139-1154.

Santalla López, M., 2011. Muíños, fornos e pan de Neda. Biblioteca de Ferrolterra, Ferrol: Edicións Embora. DL C-2554-2011. ISBN 978-84-92644-36-0.

Xunta de Galicia, 2007-2011. Plan de Ordenación do Litoral [en línea]. Disponible na Internet: http://www.xunta.es/litoral [Acceso 28 marzo 2013].

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 22-I Fene // ED 1950: H 29 // X 570.747,38 m / Y 4.816.387,31 m

Instituto Geográfico Nacional. Serie MTN25 (Mapa Topográfico Nacional 1:25.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional25.jsp [Acceso 9 abril 2014].

Instituto Geográfico Nacional. Serie MTN50 (Mapa Topográfico Nacional 1:50.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional50.jsp [Acceso 9 abril 2014].

Instituto de Estudos do Territorio da Xunta de Galicia. Mapas de Galicia 1:5.000, Santiago de Compostela: Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas [en liña] Dispoñible na Internet: http://sitga.xunta.es/sitganet [Acceso 24 abril 2014].

Instituto de Estudos do Territorio (IDE) da Xunta de Galicia. Información Xeográfica de Galicia: visualizador de mapas [en liña]. Dispoñible na Internet: http://mapas.xunta.es/visualizador-de-mapas [Acceso 4 outubro 2015].

Xunta de Galicia (Consellería do Medio Rural). Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícola (SixPac): visor de mapas [en liña]. Dispoñible na Internet: http://sixpac.xunta.es/visorsixpac/ [Acceso 4 outubro 2015].

Data de Actualización:

14 maio 2017