462 Canteira de A Borna

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: Pontevedra
  • Concello: Moaña
  • Parroquia: Santa Olaia de Meira
  • Lugar: Isamil
  • Paraxe: A Borna
  • Dirección: Non procede
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.28239859029579
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.70073865534971
  • Coordeadas UTM: Datum europeo 1950 (ED 50): H 29 // X 524.795,25 m / Y 4.681.411,80 m
  • Clasificación: Canteira
  • CNAE: 08.11 Extracción de pedra ornamental e para a construción.
  • Tipoloxía: Granito en bloques para construción
  • Comarca: O Morrazo
  • Marco Xeográfico: Ao pé meridional do monte Faro de Domaio, na beiramar de Isamil, entre a canteira de O Latón e a praia de A Borna, na marxe dere
  • Ámbito: Rural e mariñeiro
  • Acceso: Sairemos de Pontevedra pola autoestrada AP-9 (ou pola estrada nacional N-550), cara a Vigo. A uns quince quilómetros, antes da ponte de Rande, enfiaremos a estrada C-550 cara a Moaña e Cangas. A uns tres quilómetros e medio, pasado Palmás e o porto de Domaio, apartaremos a esquerda cara a beiramar da praia da Borna e a uns cincocentos metros chegaremos ao que fora o asento da canteira de A Borna.

Tipo de propiedade:

Privada no dominio público marítimo terrestre.

Visitable:

Exteriormente.

Xestión de visitas:

Non procede.

Historia:

O emprego da pedra na construción pérdese no comezo dos tempos, obténdose os materiais apañando as pezas soltas das pedreiras dos montes ou os croios (pedras roladas) das marxes dos ríos.

A precariedade e limitacións do procedemento máis primitivo, vai dar paso ao estabelecemento das canteiras, abertas na tona da terra nos lugares nos que a abundancia de pedra permite arrigala e collela sen moito traballo.

Os materiais aproveitados dependen loxicamente da súa presencia e abundancia en cada comarca, sendo os máis empregados en Galicia o granito, a lousa, a serpentina e o mármore.

Unha canteira é unha explotación mineira, xeralmente a ceo aberto, na que se obteñen rochas industriais, ornamentais ou áridos para construción. As canteiras adoitan ser explotacións de pequeno tamaño, aínda que o conxunto delas representa, probablemente, o maior volume da minaría mundial.

Os produtos obtidos nas canteiras, a diferenza do resto das explotacións mineiras, non son sometidos a concentración, xa que van ser expedidos en bloques.

Os bloques, perpiaños e cachotes transportabanse por terra con gran traballo, dada a precariedade das vías de comunicación. Por iso, sempre que era posible, escollíase o transporte por mar, máis doado e barato, e moitas das canteiras (o mesmo que as barreiras e telleiras) abríanse nas beiramares, singularmente nas proximidades dos portos en construción.

Ademáis das antigas grandes canteiras existentes, como as do Vispón ou da Redonda, na ría de Ferrol, o desenvolvemento urbanístico das vilas costeiras no primeiro terzo do século XX, alumeó numerosas explotacións, facilmente identificables nas paisaxes de Cedeira, Sada, Coruña, Malpica, Corme, Rande ou Meira.

Toda canteira ten unha certa vida útil polo cal, unha vez esgotada, o abandono da actividade pode orixinar problemas de carácter ambiental, principalmente relacionados coa destrución da paisaxe. Porén, algúns dos espazos abertos polas canteiras, co paso do tempo, poden crear novas e harmoniosas paisaxes, ou ser ocupados por outras empresas, como é o caso presente.

Descrición Xeral do Entorno:

A explotación canteira foi aberta na faldra meridional do monte Faro de Domaio, na marxe dereita da ría de Vigo, entre a praia de A Laxe e a praia de A Borna, no seo de A Borna, na mesma beiramar do barrio moañés de Isamil, o que faría máis doado o transporte ao seu destino dos materiais extraídos da canteira.

Construcción:

Cara a 1908.

Abandono:

Como canteira, entre 1938 e 1939. O espazo sería despois aproveitado por “Industrial Navales A Moa” e “Montajes Cancelas”, aínda activas.

Descrición:

A explotación das canteiras do Latón e da Borna comezaría en 1908 pola empresa construtora Antonio Rodríguez Arango, adxudicataria na poxa para a construción en Vigo do coñecido como “Muelle Transversal”. Nestes anos os produtos obtidos eran conducidos en carretas sobre vías ata os embarcadoiros que construíranse tamén para facilitar a estiba da pedra nas gabarras que a levarían ao porto de Vigo.

Tras seis anos de explotación continuada e un período de abandono, dende 1924 as canteiras do Latón (vid. ficha 445) e da Borna, xunto coas máis pequenas de O Arroás e A Laxe, serían explotadas pola empresa “Eraso, Davila y Cía.”, xurdida da unión da viguesa “Joaquín Davila y Cía.” coa guipuscoana de Pasaia “Astilleros Eraso”, con estaleiro tamén en Zumaia e adxudicataria de diversas obras no porto de Vigo. A concesión de A Borna obrigará á construción dun peirao de 35 m de longo cun calado de metro e medio na baixamar. Tamén en O Latón construiríase un embarcadoiro, ademais dunha rampla para a reparación das embarcacións.

Dende 1933 a empresa canteira xestionada por Joaquín Davila Román pasará a chamarse “Construcciones, S.L.”. Entre os anos 1938 e 1939 vai cesar a actividade das canteiras de A Borna e O Latón, desmantelándose parte das súas instalacións.

A tamén moañesa canteira de O Cocho (vid. ficha 309) sería xestionada dende o ano 1926 pola “Sociedad General de Obras y Construcciones” ata o seu peche a finais do decenio de 1960, aínda que a concesión da explotación continuaría vixente ata o ano 1975.

No ano 1956 considerouse rescindida a concesión de O Arroás adxudicada en 1927 a Joaquín Davila, outorgándose por un período de 90 anos a favor de Alfonso Rivero, quen arrendaría a concesión para a construción dunha fábrica de conservas, “Conservas La Guía” (vid. ficha 260). Tralo peche da conserveira contra 1986, os terreos e as instalacións permanecerían abandonadas ata o ano 2008, cando faise cargo deles a empresa “Aislamientos Térmicos de Galicia” (AISTER), rehabilitando e reformando dúas naves da vella conserveira para destinalas a talleres auxiliares de construción e reparación de embarcacións e de pasarelas flotantes (pantaláns).

A pequena canteira coñecida como A Laxe (tamén Xugo dos Bois) vai ser de novo arrendada en 1963 por “Termac Empresa Constructora, S.A.” para a súa explotación. Nesta parcela sitúase dende 1998 a estación depuradora de augas residuais (EDAR).

Tralo abandono da explotación canteira na Borna contra 1939, parte dos terreos son ocupados por “Industrial Navales A Moa” e “Montajes Cancelas”, mentres que os terreos de O Cocho continúan sen outra actividade dende o cese da explotación.

Ademais dos embarcadoiros e os espigóns para dar servizo ás canteiras, erguéranse construcións para almacenaxe de materiais e ferramentas, e cortellos para acoller aos cabalos e mulas empregados para arrastre do material, tendéndose tamén vías para o transporte ata os peiraos dende os que se trasladaba a pedra ás embarcacións.

No lugar da extracción operaban varias grúas de vapor a carbón (na década de 1950 xa serían eléctricas na canteira de O Cocho), as denominadas “grúas do corte”, que axudaban a mover e a cargar as pedras de maior tamaño nas vagonetas que as trasladarían ao peirao. A carga das pedras nas embarcacións facíase coa axuda dunha grúa de similares características situada no embarcadoiro. As vagonetas de envorcado transportaban o material de pequeno tamaño, basculando as caixas para baleirar o seu contido na barcaza.

A area e a pedra de menor tamaño (“morrillo”, “cachote”, etc.) cargábanse manualmente con pas ou outras ferramentas. En moitos casos enchíanse “monicos”, cubos ou outros recipientes de pequenas dimensión que as mulleres cargaban na cabeza e carrexabas ata o lugar no que se localizaban as vagonetas, levándose a cabo igualmente o baleirado destas últimas nas embarcación coa axuda das grúas do peirao.

A dotación das empresas canteiras completábase coas barcazas de transporte (gabarras e gánguiles) e os remolcadores que as arrastraban.

Tempo de uso:

Todo o ano.

Sistema de produción:

Nos primeiros tempos, o traballo era ben sinxelo: íase á pedreira ou ao coiñal, escollíanse consonte o destino previsto as pezas que puideran interesar polo seu tamaño e a súa forma, e trasladábanse ao lugar da obra.

As limitacións do procedemento darán paso ao estabelecemento das canteiras, abertas na tona da terra nos lugares nos que a abundancia de pedra permite arrigala e collela sen moito traballo.

No traballo das canteiras, cumpre distinguir ao pedreiro, que facilita o material arrigando a pedra, e o canteiro, que vai dar forma á peza desexada. Isto no é sempre así, xa que son moitos os canteiros que elixen e arrigan a pedra que lles cumpre. O traballo do canteiro pódese facer na mesma canteira, nun taller ou na propia obra.

Decidida a canteira, xeralmente penedías sobre o terreo nun sitio de carrexo doado, límpase a terra que puidera cubrir os penedos e, posta a pedra ao descuberto para arrigala, búscaselle o andar (a dirección na que ha rachar) e sinálase cunha liña, ao longo da que vanse abrindo uns buratos, afondándoos coa acodadeira ou cincel.

Despois ponse un guillo (cuña de ferro) en cada burato e cálcase co martillón, golpeando deica parti-lo penedo. No tempo no que os guillos eran de carballo, botábase auga na madeira, que ía enchoupando e ao inchar, faguía fende-la pedra.

Segundo o uso que se lle dera á pedra, seguíase fendendo en prismas estreitos e longos para postes, ou curtos e anchos para perpiaños.

Preparadas as pezas, as máis grandes trasládanse aos rebolos ou sobre roletes até o camiño no que as ha collé-lo carro. As pequenas pódense levar en cestos ou padiolas.

Nas obras nas que a pedra ponse tal como se atopa (alicerces, muros de cimento, ou de cachotes), o canteiro limítase a lle “busca-lo ser” para que asente ben no seu sitio, se cadra quitándolle algunha esquina que lle sobre.

Se a obra é de perpiaño, é preciso labra-lo paralelepídedo sacado da canteira, para que as súas caras ofrezan superficies chairas e asenten entre elas sen precisar calzos. Co punteiro e a maceta desbástanse as pedras, e co pico achairanse ben as caras, rematando coa labra a cincel cando se quere pulila máis.

O primeiro paso na mecanización da cantaría foi arrigar co emprego da dinamita en forma de barrenos, cargando con eles os buratos e facéndoos estalar para estourar a pedra, separando despois os cachos coa axuda de pancas. Hoxe en día, ademais de voaduras controladas con moi pequenas cantidades de explosivos de baixa potencia (pólvora de mina), empréganse tamén martelos pneumáticos, sopretes, e ferramenta de corte de diamante.

Para a carga, que facíase primeiro a man ou coa axuda de planos inclinados e grupos de poleas (polispastos), empregaríanse pas escavadoras accionadas a vapor, e despois con motores de combustión interna.

O transporte, por terra nos carros do país ou, preferentemente, por mar nas embarcacións de cabotaxe (galeóns, lanchas), faríase despois, respectivamente, en camións ou en gabarras remolcadas por barcos de vapor.

Os diferentes labores da explotación dunha canteira receben nomes característicos e propios da técnica: banco, berma, pista, noiro final, noiro de traballo, támaras da escavación, praza, curta, etc.

Actividades laborais:

Persoal masculino (pedreiros, canteiros e peóns) en todo o proceso produtivo. Mulleres no carrexo do material aos carros e as embarcacións.

Emprego:

En función da demanda e as puntas de traballo as canteiras podían empregar entre cincuenta e douscentos cincuenta traballadores.

Materias Primas:

Pedra.

Produtos Elaborados:

Bloques de pedra parcial ou totalmente elaborada.

Distribución e comercialización:

A práctica totalidade da pedra ía para as obras portuarias de Vigo.

Referencias Bibliográficas:

Campo Táboas, Tamara, 2017. “As canteiras do litoral moañés”, As canteiras de Moaña e outras xeiras, Premio de Investigación Buxa 2015-2016, Manuel Lara Coira (coord.). Santiago de Compostela: Ensenada de Ézaro Ediciones, 2017. DL C-393-2017. ISBN 978-84-946731-0-8.

Carmona Badía, J.; Nadal Oller, J., 2005. El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Lorenzo Fernández, X., 1962. “Etnografía: cultura material. Os oficios: pedreiros e canteiros”, Historia de Galiza, Ramón Otero Pedrayo (dir.), Buenos Aires: Editorial Nós, vol. II, O home-II, p. 508-514.

Lorenzo Fernández, X., 1983. “Pedreiros e canteiros”, Os oficios, Biblioteca Básica da Cultura Galega, Vigo: Editorial Galaxia, p. 67-76. DL VG-18-1983. ISBN 84-7154-425-3.

Madel, H., 1942. “Explotación a cielo abierto”, Manual del Ingeniero, Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, trad. de la 26ª edición alemana. Barcelona: Gustavo Gili, tomo IV, capítulo II: Laboreo de minas, sección IV: Preparación y beneficio de yacimientos, p. 268-270.

La minería de Galicia, 1991, Santiago de Compostela: Dirección Xeral de Industria de la Xunta de Galicia. DL C-1341-1991.

Mirre, J.C., 1990, Guía dos minerais de Galicia, Vigo: Galaxia. D.L. VG-328-1990. ISBN 84-7154-729-5.

Pereira González, Dionisio, 1999. Imaxes da fatiga: crónica gráfica do traballo na Galiza, Vigo: A Nosa Terra. DL VG-613-1999, ISBN 84-89976-87-2.

Xunta de Galicia, 2007-2011. Plan de Ordenación do Litoral [en línea]. Disponible na Internet: http://www.xunta.es/litoral [Acceso 27 maio 2017].

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 223-I Cangas // Datum europeo 1950 (ED50) H 29 // X 524.795,25 m / Y 4.681.411,80 m

Instituto Geográfico Nacional. Serie MTN25 (Mapa Topográfico Nacional 1:25.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional25.jsp [Acceso 9 abril 2014].

Instituto Geográfico Nacional. Serie MTN50 (Mapa Topográfico Nacional 1:50.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional50.jsp [Acceso 9 abril 2014].

Instituto Hidrográfico de la Marina, 1964. De Cabo Corrubedo a Cabo Silleiro. Océano Atlántico Norte. Costa NW de España. Carta 925, con levantamientos no datados y correcciones hasta 1977. Cádiz: Talleres del Instituto Hidrográfico de la Marina. DL CA-293-1972.

Instituto de Estudos do Territorio da Xunta de Galicia. Mapas de Galicia 1:5.000, Santiago de Compostela: Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas [en liña] Dispoñible na Internet: http://sitga.xunta.es/sitganet [Acceso 27 maio 2017].

Instituto de Estudos do Territorio (IDE) da Xunta de Galicia. Información Xeográfica de Galicia: visualizador de mapas [en liña]. Dispoñible na Internet: http://mapas.xunta.es/visualizador-de-mapas [Acceso 27 maio 2017].

Xunta de Galicia (Consellería do Medio Rural). Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícola (SixPac): visor de mapas [en liña]. Dispoñible na Internet: http://sixpac.xunta.es/visorsixpac/ [Acceso 27 maio 2017].

Data de Actualización:

27 maio 2017