463 Caleras de Valdeorras

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: Ourense
  • Concello: O Barco de Valdeorras
  • Parroquia: San Amaro do Barco de Valdeorras
  • Lugar: O Barco
  • Paraxe: Valorca
  • Dirección: Non procede.
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.41965650311314
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -6.987204061767557
  • Coordeadas UTM: Datum europeo 1950 (ED 50): H 29 // X 665.854,55 m / Y 4.698.472,92 m
  • Clasificación: Fabricación de cal
  • CNAE: 23.52 Fabricación de cal e xeso.
  • Tipoloxía: Caleira continua
  • Comarca: Valdeorras
  • Marco Xeográfico: Ribeira dereita do río Sil no Barco de Valdeorras, a carón da estación de ferrocarril, no lugar hoxe coñecido como Camiño das Ca
  • Ámbito: Rural (hoxe urbano)
  • Acceso: En Ourense enfiaremos a estrada nacional N-120 cara a Madrid. Unha vez pasada A Rúa e Vilamartín, apartaremos á dereita pola estrada nacional N-536 cara a O Barco. A pouco máis dun quilómetro veremos na esquerda as instalación da CEDIE. Xa no centro da vila, localizaremos a estación do ferrocarril, a carón da que estiveran as vellas instalacións da caleira.

Tipo de propiedade:

Privada.

Visitable:

A zona foi urbanizada e non hai pegadas da vella industria.

Xestión de visitas:

Non procede.

Historia:

Despois de quizais un millón de anos de asimilación do lume como axente externo e como idea, hai uns trinta mil ou corenta mil anos que os humanos comezaban coa domesticación daquela fonte de luz e calor. E entre a queimadura sufrida polo contacto cunha arbore abatida polo raio e o traslado dun cacho de madeira ardendo ao interior da cova puideran transcorrer cen mil anos.

A calor está presente na base de numerosos procesos de transformación da materia, dende a preparación dos alimentos ata a fabricación dos máis sofisticados materiais cerámicos. Deixou anotado Plinio O Vello na súa Historia Natural: “O lume toma a area e devólvenos xa vidro, xa prata…Polo lume derrétense as pedras e fanse bronce; polo lume faise o ferro… Co lume calcinase esa pedra que forma o cemento que sostén as casas por riba das nosas cabezas… Hai varias cousas ás que é conveniente expor máis dunha vez á acción do lume. O mesmo material orixinal é unha cousa despois da primeira exposición, outra despois da segunda…”.

O forno configúrase así como a ferramenta básica que controla o lume e na que se xera a calor necesaria para que teñan lugar as transformacións da materia, e foron multitude os diferentes tipos de fornos que os humanos construíron para darlle resposta ás súas diferentes necesidades de transformación da materia, dende os fornos para coce-lo pan aos fornos de fusión e tratamento de materiais, pasando por suposto polos fornos de calcinación de minerais siderúrxicos e polos fornos de elaboración do cal.

Quentarse, mellorar o confort e espantar aos animais puido ser o primeiro paso na manipulación do lume. Viría despois a preparación dos alimentos, coa necesaria aparición do instrumento ou recipiente que facilita a acción do calor e é contedor moitas veces imprescindíbel. O fogar, un sinxelo círculo protexido por pedras, foi a primeira estrutura elemental na domesticación do lume.

Todo comeza a primeira vez que obsérvase con valor de pregunta o residuo que queda no lume dos seus fogares, fose barro endurecido, po branco ou nódulos metálicos: o humano primitivo comeza aquí unha busca que inda non rematou pero que foi deixando respostas e significados. O barro endurecido pola acción da calor daría paso á cerámica; o po branco levaría á preparación do cal e o xeso; e as brillantes gotas de metal fundido solidificadas en nódulos metálicos serían o comezo da metalurxia.

Téñense recollidas noticias do antiquísimo uso do cal (carbonato de calcio) e do xeso (sulfato de calcio), primeiro para o uso simbólico e decorativo daquel po branco, despois, xa en Babilonia como base para a realización de frescos e revocado de paredes. Fálase tamén do uso polos asirios dun cemento ou aglomerante feito de cal, area e calcaria triturada. Os exipcios empregaron o xeso finamente moído como estuco para decoración e como escaiola para unir bloques na pirámide de Keops. Na Anatolia e na India coñecíase asemade a cal na decoración e na construción. Atopáranse restos dun forno de cal do 2.500 a.C.

O cal –e o xeso– está presente en tódalas culturas dende os tempos máis remotos, e foran os romanos os que difundirían o coñecemento da argamasa, un morteiro elaborado con cal aérea, cal graxa, area e auga coñecido cando menos dende o século IV a.C. (opus caementicium) e amplamente empregado en todo tipo de obras nos dous séculos derradeiros da república o II e o I a.C.

O consumo de cal na Idade Media faise abundantísimo, tanto que nalgúns casos mesmo denunciase a contaminación nas vilas. No 1234 os homes libres de Newcastle foron autorizados para sacar “carbón de mar” (carbón mineral, pedra que se queima en razón do seu contido en xofre e materias graxas) que comeza daquela a empregarse nas caleiras en razón da escaseza de leña. No século XV fálase de certa clase de terra que arde como o carbón de leña.
En Galicia os peregrinos transportaban pedra calcaria de Triacastela ata os fornos de Castañeda (Figueiroa, Arzúa, Coruña), onde se fabricaba o cal para a construción da catedral santiaguesa.

Os primeiros fornos de cal serían moi semellantes ás carboeiras, construídos o ar amoreando pedra calcaria e combustible e cubrindo ben o conxunto con arxila para mante-la calor e impedir a entrada de aire.

A técnica da domesticación do lume correría parella coas diferentes tentativas que se foron desenvolvendo na construción de diversos tipos de fornos quer para a elaboración de cerámica, quer para a fabricación de cal ou a metalurxia dos diversos metais, perfeccionando en cada caso os deseños básicos de cada un deles para acadar a optimización dos procesos, tanto no que atinxe á calidade do produto final como no que respecta ao consumo de combustibles.

No canto do cal e das caleiras, os primitivos fornos de calcinación artesanal da pedra calcaria a partires do rudimentario braseiro no chan, foron desenvolvendo grandes estruturas cilíndricas verticais habitualmente escavadas aproveitando a configuración do terreo nas proximidades da canteira de calcaria, estruturas nas que se colocaban coidadosamente as pedras calcarias mesturadas coa leña formando internamente unha cúpula a xeito de falsa bóveda baixo a cal se prendía o lume que ía calcinar as pedras para convertelas en cal (vid. ficha 183).

Estes fornos descontinuos, que pasarían do emprego da cada vez máis escasa leña á utilización do máis eficaz carbón de leña, primeiro, e á do carbón mineral, despois (vid. ficha 181), evolucionarían cara aos fornos continuos, de meirande produtividade e menor consumo enerxético (vid. ficha 209).

Descrición Xeral do Entorno:

As instalacións que configuraran o conxunto da industria de fabricación de cal, acaroadas á estación ferroviaria do Barco, localízanse na ribeira dereita do río Sil ao seu paso pola vila valdeorresa.

Construcción:

1900.

Abandono:

1956, ano en que “Caleras de Valdeorras” vai integrarse na “Compañía Española de Industrias Electroquímicas” (CEDIE).

Descrición:

O empresario asturiano Marcelino Suárez González, nado en Levinco-Cabañaquinta (Vega, Aller) trasladaríase a Coruña, onde poría en marcha un comercio de distribución de materiais de construción, carbón e calcaria.

Pronto vai sentirse atraído pola actividade mineira e comercial que, estimulada pola construción do ferrocarril e das estradas de comunicación coa meseta, estaba a desenvolverse na comarca de Valdeorras. Contra 1899 exerce diferentes actividades comerciais nesta zona, solicita concesións mineiras para ferro e calcaria e en 1900 consigue os permisos para por en marcha unha fábrica de cal vivo baixo a razón social “Caleros del Sil de Marcelino Suárez González”, que convertería despois en “Caleras de Valdeorras”.

A pedra calcaria extraída nos próximos montes de Mariñán, en Vilarrica-Xagoaza, sería trasladada por un tranvía aéreo dende a explotación canteira ata a batería de fornos da factoría construída a carón da estación de ferrocarril do Barco de Valdeorras. O transporte tiña máis de tres quilómetros de cable suspendido en vinte e tres cabaletes con sistema “Roe et Beddington” e a factoría comezaría a traballar con tres fornos de cuba continuos de trinta metros cúbicos de capacidade cada un.

Os fornos traballaban con antracitas de Brañuelas (León) e das dez mil toneladas de calcaria anualmente extraídas en Xagoaza obtiñan unhas tres mil toneladas de cal cada ano. Traballaban entón catorce operarios nos fornos, ademais dos dezaseis empregados nas canteiras.

O cal vivo obtido (óxido de calcio, CaO) empregábase na construción, como corrector das terras ácidas e para preparar o caldo bordelés (cal e sulfato de cobre) co que se combatían as enfermidades das vides no Bierzo e Valdeorras.

En 1905, Marcelino Suárez casa con Elena Quiroga Velarde, filla do deputado Manuel Quiroga Vázquez, e vai establecerse na vila de Viloira, na ribeira esquerda do río Sil fronte do Barco de Valdeorras. Despois de mercar varios dereitos de explotación de hulla e antracita no veciño Bierzo, e para dar saída aos produtos da explotación das súa minas (carbóns, calcaria e cal) e a outros produtos relacionados, Suárez establecería cos seus irmáns unha importante rede comercial con almacéns na Coruña, Vigo, Marín e Vilagarcía.

Despois do excelente desenrolo dos negocios carboeiros durante a Primeira Guerra Mundial (1914-1918), a volta do carbón británico traería unha forte recesión ao sector. A crise carboeira váiselle xuntar aso irmáns Suárez coa aparición dunha forte competencia no negocio do cal, asunto este que o empresario asturiano vai esquivar mediante acordos cos competidores, o que lle permitirá en 1930 ampliar a fábrica do Barco a cinco fornos, producindo vinte mil toneladas anuais de cal vivo, cal graxo e cal en po.

Pero de aquí en adiante os negocios van empeorar, e Marcelino Suárez venderá ao Banco Pastor as súas participacións a comezos do decenio de 1940. En 1950 a financeira coruñesa inauguraba no Barco unha nova fábrica, a “Compañía Española de Industrias Electroquímicas” (CEDIE), que fabricará carburo de calcio utilizando o cal da vella empresa local. De a pouco, “Caleras de Valdeorras” iría desmantelándose co traslado das súas instalacións a nova fábrica, ata desaparecer en 1956 integrada na CEDIE.

CEDIE tivera a súa orixe contra 1942 como proxecto carboquímico, co propósito de integrar verticalmente a produción do cal para, co concurso da electricidade que produciría “Fuerzas Eléctricas del Noroeste” (FENOSA), obter primeiro carburo de calcio e de este, acetileno. Da posterior polimerización do acetileno obteríanse diferentes hidrocarburos combustibles e outros produtos derivados.

Tempo de uso:

As caleiras primitivas traballaban nos meses de menos chuvias, entre xuño e outubro. O deseño dos fornos continuos, coas bocas de carga protexidas, habían de permitir traballar a meirande parte do ano.

Sistema de produción:

Na primitiva explotación a pedra calcaria (calcita, carbonato cálcico, CO3Ca) arrancábase na canteira e levábase a cocer en braseiros elementais preparados no chan ou nos fornos (as caleiras) dispostos con tal propósito a carón das canteiras.

A caleira, unha estrutura cilíndrica normalmente de uns catro ou cinco metros de altura e uns tres metros de diámetro interior no pe, era escavada na terra aproveitando a configuración do terreo nas proximidades da canteira de calcaria. Na base, no seu fronte tiña unha abertura ou porta, a boqueira, franqueada por uns saíntes de pedra a xeito de contrafortes a cadanseu lado, os brazos, e no interior un zócalo, a zapata, todo en derredor da parede interior e cun metro de altura sobre o chan.

As calcarias ou pedras de cal íanse pondo en fiadas encol da zapata e, ao chegar a certo alto, as fiadas ían estreitándose formando unha falsa bóveda que enchíase de calcaria por riba ata chegar á mesma cheminea do forno. Baixo a bóveda metíase despois a leña de toxo que se tiña preparada e púñaselle lume que cumpría manter prendido cerca de tres días, ata calcinar as pedras para convertelas en cal. Segundo Xaquín Lorenzo cada fornada viña consumindo uns cincuenta carros de toxo.

Se co forno ardendo ameazase chuvia tiñan que tapalo ben con xestas por riba, pois de chegar a auga ao cal que se ía formando no interior poderíase fende-lo forno e quedar inutilizado pola forte dilatación que sofre o cal vivo (óxido de calcio, CaO) ao reaccionar coa achega e incorporación da auga para dar cal apagado ou cal morto (hidróxido de calcio, Ca(OH)2). Con posterioridade, o cal apagado vai reaccionando co anhídrido carbónico do aire (CO2) para cristalizar a xeito de carbonato cálcico (CO3Ca).

Rematado o proceso deixábase enfréa-lo forno e tirábase o cal con pás botándoa en cestos para vendela aos que alí ían a procurala ou para levala á venda ao seu destino final. O forno podía ser propio, mailo corrente, como se facía cos de cerámica, é que se alugase para preparar a fornada.

Como xa quedou anotado, a evolución dende os primitivos braseiros aos fornos descontinuos continuaría coa substitución da cada vez máis escasa leña á utilización do máis eficaz carbón de leña, primeiro, e á do carbón mineral, despois, para finalmente evolucionar cara aos fornos continuos, de meirande produtividade e menor consumo enerxético.

Actividades laborais:

O traballo de extracción da calcaria na canteira era normalmente desenvolvido por homes, ás veces co concurso de mulleres para o carrexo en cestos das pedras miúdas. Os fornos eran sempre atendidos por homes, o mesmo que a diferente maquinaria auxiliar da canteira e da fábrica.

Emprego:

En 1900 a industria empregaba a treinta homes, con catorce operarios nos fornos e dezaseis nas canteiras. En 1916 a planta de transformación contaba con vinte e oito traballadores (sen datos dos empregados nas canteiras). En 1969 CEDIE declaraba douscentos setenta e seis “produtores”.

Materias Primas:

Pedra calcaria, “mármol” (calcita, carbonato cálcico, CO3Ca).

Produtos Elaborados:

Cal vivo (óxido de calcio, CaO).

Distribución e comercialización:

Local, comarcal e rexional. O cal producido utilizábase na construción, para a corrección do solo nos campos e para o tratamento das vides. Vendíase principalmente polas comarcas de Valdeorras e O Bierzo, pero tamén chegaba ás cidades de Vigo e A Coruña.

Referencias Bibliográficas:

Bauer, G. (Georgius Agricola), 1556. De re metallica. Fasimil del Max-Planck-Institut für Wissenschaftsgeschichte (Instituto Max Planck para la Historia de la Ciencia) [en línea]. Dispoñible na Internet: http://libcoll.mpiwg-berlin.mpd.de [Último acceso 7 de abril del 2011].

Carmona Badía, J.; Nadal Oller, J., 2005. El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Córdoba de la Llave, R., 2008. “Las artes del fuego: metalurgia y alfarería”, Ars Mechanicae: ingeniería medieval en España, Pedro Navascués Palacio (coord.), Madrid: Ministerio de Fomento (CEDEX-CEHOPU) y Fundación Juanelo Turriano, p. 203-213. DL M-46232-2008. ISBN 978-84-7790-470-0.

Fernández Negral, Justino, 2009. Estudio del proceso de calcinación y uso de la cal en los procesos sidero-metalúrgicos y en la construcción. Análisis de los procesos de obtención y de la estructura de los hornos. Tesis Doctoral (inédita). Departamento de Enxeñaría Industrial II, Universidade da Coruña.

Gross, K., 1942. “Hornos industriales”, Manual del Ingeniero, Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, 2ª ed. trad. de la 26ª edición alemana. Barcelona: Gustavo Gili, tomo IV, capítulo X: Hornos industriales, p. 1017-1076.

Gurriarán Rodríguez, Ricardo, 2006. “Marcelino Suárez González (1866-1949)”, Empresarios de Galicia, Xoán Carmona Badía (coord.), Centro de Investigación Económica e Financeira (CIEF), A Coruña: Fundación Caixa Galicia, p. 236-257. DL C-2.900-2006. ISBN 84-96494-83-7.

Lara Coira, Manuel, 2010. “La minería y el patrimonio minero en Galicia”. Tierra y tecnología, revista de información geológica, número 36, segundo semestre 2009, Madrid: Ilustre Colegio Oficial de Geólogos, p. 65-76. DL-M-10.137-1992. ISSN 1131-5016.

Lorenzo Fernández, Xaquín, 1962. “Etnografía: cultura material. Os oficios: Caleiros”, Historia de Galiza, Ramón Otero Pedrayo (dir.), Buenos Aires: Editorial Nós, vol. II, O home-II, p. 530-531.

Lorenzo Fernández, Xaquín, 1983. “Caleiros”, Os oficios, Biblioteca Básica da Cultura Galega, Vigo: Editorial Galaxia, p. 95-97. DL VG-18-1983. ISBN 84-7154-425-3.

Meijide Pardo, Antonio, 1996. “Descubrimiento y explotación de las calizas de Moeche por el mineralogista alemán J.A. Pensel (1806-1818)”, Anuario Brigantino, nº 19, p. 171-184, Betanzos. ISSN 1130-7625.

La minería de Galicia, 1991, Santiago de Compostela: Dirección Xeral de Industria de la Xunta de Galicia. DL C-1341-1991.

Mirre, J.C., 1990, Guía dos minerais de Galicia, Vigo: Galaxia. D.L. VG-328-1990. ISBN 84-7154-729-5.

Schulz, G., 1835, Descripción geognóstica del Reino de Galicia, acompañada de un mapa petrográfico de este país, Herederos de Collado, Madrid, ed. facsimilar de 1985 da Área de Xeoloxía e Minería do Seminario de Estudos Galegos, Sada (Coruña): Ediciós do Castro.

Taboada Arceo, A., 1971. Galicia, estructura y ritmo socio-económicos. La Coruña: Servicio de Estudios y Publicaciones de las Cámaras Oficiales de Comercio, Industria y Navegación de Galicia. DL C-145-1971.

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 190-II Rubiá // Datum europeo 1950 (ED50) H 29 // X 665.854,55 m / Y 4.698.472,92 m

Centro Nacional de Información Geográfica, Fotototeca Digital, Instituto Geográfico Nacional, Ministerio de Fomento del Gobierno de España [en línea]. Disponible en Internet: http://fototeca.cnig.es/

Instituto Geográfico Nacional. Serie MTN25 (Mapa Topográfico Nacional 1:25.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional25.jsp [Acceso 9 abril 2014].

Instituto Geográfico Nacional. Serie MTN50 (Mapa Topográfico Nacional 1:50.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional50.jsp [Acceso 9 abril 2014].

Instituto de Estudos do Territorio da Xunta de Galicia. Mapas de Galicia 1:5.000, Santiago de Compostela: Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas [en liña] Dispoñible na Internet: http://sitga.xunta.es/sitganet [Acceso 27 maio 2017].

Instituto de Estudos do Territorio (IDE) da Xunta de Galicia. Información Xeográfica de Galicia: visualizador de mapas [en liña]. Dispoñible na Internet: http://mapas.xunta.es/visualizador-de-mapas [Acceso 27 maio 2017].

Xunta de Galicia (Consellería do Medio Rural). Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícola (SixPac): visor de mapas [en liña]. Dispoñible na Internet: http://sixpac.xunta.es/visorsixpac/ [Acceso 27 maio 2017].

Data de Actualización:

28 maio 2017