466 Almuso-Mequinsa

Galería de Fotos

VerVer
  • Provincia: Pontevedra
  • Concello: Vilagarcía de Arousa
  • Parroquia: Santiago do Carril
  • Lugar: Carril
  • Paraxe: Cantalarrana
  • Dirección: Non procede.
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.61179238580508
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.770679937622049
  • Coordeadas UTM: Datum europeo 1950 (ED 50): H 29 // X 518.889,46 m / Y 4.717.957,72 m
  • Clasificación: Fundición de metais no férreos
  • CNAE: 24.53 Fundición de metais lixeiros. 24.54 Fundición de outros metais non férreos.
  • Tipoloxía: Fundición de minerais de estaño e volframio
  • Comarca: O Salnés
  • Marco Xeográfico: Valgada na aba de poñente do monte Xiabre, na marxe esquerda da desembocadura do río Ulla na ría de Arousa.
  • Ámbito: Rural (hoxe urbano)
  • Acceso: Dende Santiago de Compostela dirixímonos pola estrada nacional N-550 a Padrón, onde apartaremos pola estrada C-550 cara a Vilagarcía de Arousa. Ao chegar a Carril, continuando pola avenida de Rosalía Castro e a algo menos de cincocentos metros da rotonda que se atopa fronte á igrexa parroquial, na man esquerda, onda o actual instituto, atopábase a segunda das metalúrxicas carrileñas.

Tipo de propiedade:

Privada.

Visitable:

A zona foi totalmente urbanizada e non queda pegada algunha.

Xestión de visitas:

Non procede.

Historia:

Existen indicios suficientes para crer que nos xacementos mineiros de estaño houbo actividade extractiva xa desde a Idade de Bronce, no terceiro e segundo milenio antes da era cristiá. O que si se ten comprobado é a existencia na Idade Media dun pico na explotación do mineral de estaño na zona de Noia, destinado probabelmente aos talleres de ourivería que eran típicos daquel tempo, particularmente os coñecidos fabricantes de picheis –os picheleiros– de Santiago de Compostela.

O enxeñeiro de minas Henry Winter Burbury, de nacionalidade inglesa aínda que asentado en Noia desde 1883, e que xa solicitara no devandito ano no veciño termo municipal de Lousame (provincia da Coruña) as concesións que serán a base do grupo mineiro San Finx, solicitaba entre os anos 1886 e 1888 no termo municipal de Carbia (designado desde 1950 co nome da súa cabeceira, Vila de Cruces, na provincia de Pontevedra) as concesións mineiras que serán xunto coa mina “Angelita”, xa en Silleda, o inicio do importante grupo mineiro de Fontao. En 1897, probada a viabilidade da ambiciosa explotación créase en Londres a empresa “The San Finx Tin Mines Ltd.” co obxectivo de explotar as minas de Fontao (vid. ficha 106) e de San Finx (vid. ficha 125).

A nova empresa proponse a explotación dos grupos mineiros de San Finx e Fontao ata a obtención do pre concentrado de estaño, que se trasladaría despois ata a planta construída en Carril para o seu concentrado definitivo e o seu envío a Inglaterra desde o próximo porto de Carril.

A planta de concentrados de estaño de Carril, co primeiro proceso de separación magnética mediante bandas cruzadas que se instalou en España (tipo Wetherill-Rowand), inaugurouse en 1897, beneficiándose dun medio industrial propiciado xa desde 1848 coa constitución da “Compañía de Fundición de Hierro en el Carril” (promovida por Luis de la Riva e vinculada ás industrias de Sargadelos, vid. ficha 381) e a instalación no porto de Carril dun alto forno para a obtención de ferro coado ao carbón vexetal.

Serían unha ducia de anos de práctico monopolio da produción de estaño e volframio en Galicia, cunha importante demanda interna de estaño vinculada co proceso de industrialización e máis concretamente coa florecente industria conserveira galega. Outras minas de estaño aproveitarían estas favorables circunstancias para mellorar a súa presenza nos mercados galegos, como ocorreu no caso de Varilongo (Santa Comba).

No transcurso da Gran Guerra (1914-1918) as empresas mineiras radicadas en Galicia, maioritariamente de capital estranxeira, coñecen serios problemas de explotación por diversas razóns, mentres que florecen os mineiros de ocasión, chamados aventureiros ou “rebuscadores” que chegan a gañar ata sete pesetas e media por libra (575 gramos) de mineral lavado. Finalizada a guerra os prezos derrúbanse a uns valores de 1’25 a 1’50 pesetas por libra.
No decenio de 1930 as instalacións de refino do estaño en Carril van languidecer, polo traslado da realización do refinamento dos concentrados ás proximidades das minas.

A explotación de estaño e volframio en Galicia manterase durante a Guerra Civil española (1936-39) e finalizada esta, unha sociedade do grupo Banco Pastor chamada “Industrias Gallegas, S.A.” (INGASA) adquiría en 1940 a concesión e as instalacións das antigas minas inglesas de San Finx, mentres que os irmáns alacantinos César e Fernando Cort Botí fanse, tamén en 1940, co control das minas de Fontao e constitúen “Wolfram Hispania, S.A.”, sociedade que desde 1945 pasa a denominarse “Fomento Hispania, S.A.”.

No mesmo ronsel e co atractivo da forte expansión pola demanda internacional de volframio para usos militares, o santiagués José Parga Moure, con intereses na explotación das minas de estaño e volframio de Varilongo, asociábase en 1943 con Ildefonso Fierro para fundar “Compañía Minera Santa Comba, S.A.” e “Compañía Minera Celta, S.A.” para o beneficio de ditos xacementos.

En plena guerra mundial, os anos 1942 e 1943 ven subir os prezos do volframio por riba das cen pesetas por quilogramo, pero xa en 1944 vense reducidos á metade e iníciase unha nova caída das cotizacións.

Nestes anos de esplendor da minería do estaño e do volframio implántanse en España as primeiras industrias transformadoras de volframio, como, entre outras, “Fundiciones Bersán” en 1944, en Medina del Campo, ou “Almuso”, en 1945, inscrita na Coruña pero con fábrica en Vilagarcía de Arousa.

Tamén se crean as primeiras fundicións formais de estaño e en 1942 a empresa “Minero-Metalúrgica del Estaño, S.A.E.” (MESAE), fundada en 1940 polo empresario barcelonés Torras e o valenciano Tortajada, monta cadansúa planta para fundición de mineral de estaño (casiterita) e recuperación de recortes de folla de lata e residuos de soldaduras brandas (aliaxes de estaño-chumbo) en Villaverde (Madrid) e en Carril (Pontevedra, vid. ficha 455). Isto permitirá a produción nacional de derivados de volframio e de estaño, favorecendo a explotación destes minerais.

Aproveitando a conxuntura Joaquín Otero Goyanes (Coronel Auditor e Marqués de Revilla) obtería para “Minerales Compostela” un aproveitamento mineiro en Santa Comba e promovería en Vilagarcía de Arousa “Metalúrgica del Noroeste” (MNSA, máis coñecida por “mensa”, vid. ficha 455).

Trala recuperación da actividade económica co final da segunda guerra mundial e unha situación claramente alcista dos prezos acentuados coa guerra de Corea (1950-53), pola retirada da produción coreana dos mercados e o aumento da demanda de volframio para a industria de armamento, as cotizacións volven caer, suspendéndose a produción de moitas minas no decenio de 1960.

A factoría do grupo Almuso-Mequinsa pecharía xa neste decenio de 1960, mentres que a da Metalúrgica del Noroeste continuaría funcionando ata finais da década de 1980.

Descrición Xeral do Entorno:

A fábrica situárase na valgada da aba de poñente do monte Xiabre, próxima a beiramar e o areal que discorre entre Carril e Vilagarcía na marxe esquerda da desembocadura do río Ulla na ría de Arousa.

Construcción:

1945.

Abandono:

Segunda metade da década de 1960.

Descrición:

Co atractivo da forte expansión pola demanda internacional de volframio para usos militares, o santiagués José Parga Moure, con intereses na explotación das minas de estaño e volframio de Varilongo, vai asociarse en 1943 con Ildefonso Fierro para fundar “Compañía Minera Santa Comba, S.A.” e “Compañía Minera Celta, S.A.” para o beneficio de ditos xacementos.

Participadas polo grupo empresarial de Ildefonso Fierro e domiciliadas na Coruña baixo a presidencia de Antonio Ortega Lopo, avogado do grupo empresarial, en 1945 van crearse as sociedades “Almuso”, dedicada a manufacturas a partir do tungsteno ou volframio, e “Metalúrgica Química Industrial” (Mequinsa), dedicada a fundición de estaño e fabricación de aliaxes.

Para o tratamento dos minerais de estaño e volframio adquirirían parte das fincas que deran asento a “Serrerías Gallegas”, entre a vía do ferrocarril e a estrada de Carril a Vilagarcía, fronte a fundición de Alemparte (vid. ficha 370). Alí construiríanse as instalacións metalúrxicas do chamado grupo Almuso-Mequinsa. Unhas vías facilitaban o transporte das materias primas e os productos manufacturados entre as instalacións fabrís e o peirao de Alemparte.

A materia prima procedía das minas de Santa Comba, pertencentes ao mesmo grupo inversor, e das minas de Lousame do grupo Banco Pastor. O estaño semi-elaborado subministrábase as fábricas de conserva para o estañado das grellas e o peche das latas, mentres que o volframio en po exportábase a Alemaña e a os Estados Unidos. Fabricábanse tamén filamentos de tungsteno para a fábrica de lámpadas Iria (vid. ficha 199).

Coa caída dos prezos do estaño e o volframio na segunda metade da década de 1950, as empresas extractivas e transformadoras irían minguando a súa rendibilidade. Moitas minas galegas cesarían a explotación, chegándose a importar o mineral para o proceso da China e de Tailandia. Finalmente, o grupo Almuso-Mequinsa abandonaría as factorías de Carril.

Non dispoñemos polo de agora de máis datos sobre as dimensións, disposición en planta e dotación das instalacións industriais da metalúrxica.

Tempo de uso:

Todo o ano.

Sistema de produción:

Os filóns, inicialmente explotados artesanalmente sen criterio técnico algún, van explotarse mediante niveis establecidos por medio de corredores, divididos en macizos por medio de pozos que seguen o filón, arrincándose o mineral por medio de testeiros en realce máis ou menos regulares.

O material arrancado cárgase en vagóns que van verter aos coadoiros que finalmente condúceno á planta de concentración. O mineral pasa por un triturador (machacador) que o escacha, ao que sigue un muíño de bolas (para esnaquizar máis o mineral) e varios muíños (trómeles) de clasificación. Os cachos medianos (granzas) concéntranse en dúas series de peneiras continuas, mentres que os finos trátanse de maneira máis axeitada para o seu enriquecemento.

O concentrado de casiterita obtido (ao que acompañan volframita e piritas férreas, cúpricas e arsenicais) se ensacaba para envialo por medio de carros do país arrastrados por bois (e despois en camións) ata as instalacións de separación que funcionaban en Carril. Polo elevado custo asociado, as empresas mineiras acabarían por construír plantas de separación a carón das minas.

Na antiga fábrica de concentrados de estaño de Carril, o mineral recibido sufría unha calcinación previa, someténdose despois á acción de dous electroimáns de diferentes intensidades, co que se lograba a separación do estaño e o volframio do resto de materiais, que eran refugados. Este proceso de separación magnética mediante bandas cruzadas, do tipo coñecido como Wetherill-Rowand, foi o primeiro da súa clase que se instalou en España.

Con posterioridade os procesos de concentración e separación mellorarían coa incorporación nos lavadoiros de concentradores por impulsos (Jigs), por sacudimiento (mesa Wilfley), e de fluxo por gravidade (de artesa, tipo espiral Humpreys e de quenlla, tipo cono Reitchert).

A flotación e posterior torrado aínda mellorarían a separación dos sulfuros, e o complemento dunha separación electrostática trala separación magnética permitiría acadar concentrados de volframita e de casiterita cunha riqueza respectiva do 65 ao 73% en trióxido de volframio (WO3) e do 68 ao 75% en estaño (Sn).

Actividades laborais:

Sen datos.

Emprego:

Sen datos.

Materias Primas:

Mineral de estaño (Casiterita SnO2 con Wolframita WO4Fe a WO4Mn).

Produtos Elaborados:

Estaño e volframio.

Distribución e comercialización:

Nacional e internacional.

Referencias Bibliográficas:

Carmona Badía, J.; Nadal Oller, J., 2005. El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Córdoba de la Llave, R., 2008, “Las artes del fuego: metalurgia y alfarería”, Ars Mechanicae: ingeniería medieval en España, Pedro Navascués Palacio (coord.), Madrid: Ministerio de Fomento (CEDEX-CEHOPU) y Fundación Juanelo Turriano, p. 203-213. DL M-46232-2008. ISBN 978-84-7790-470-0.

Gross, K., 1942. “Hornos industriales”, Manual del Ingeniero, Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, 2ª ed. trad. de la 26ª edición alemana, Tomo IV. Barcelona: Gustavo Gili, Capítulo X, p. 1017-1076.

Hofman, H.O., 1925: Tratado de metalurgia general. Trad. por Rafael Hernández del original inglés del Instituto Tecnológico de Massachusetts, Barcelona: Gustavo Gili.

Lara Coira, M., 2010: “La minería y el patrimonio minero en Galicia”. Tierra y tecnología, revista de información geológica, número 36, segundo semestre 2009, Madrid: Ilustre Colegio Oficial de Geólogos, p. 65-76. DL-M-10.137-1992. ISSN 1131-5016.

La minería de Galicia, 1991, Dirección Xeral de Industria de la Xunta de Galicia, Santiago de Compostela. DL C-1341-1991.

Nadal Oller, J., 1992. Moler, tejer y fundir: estudios de historia industrial. Barcelona: Ariel. ISBN 84-344-6570-1.

Taboada Arceo, A., 1971. Galicia, estructura y ritmo socio-económicos. La Coruña: Servicio de Estudios y Publicaciones de las Cámaras Oficiales de Comercio, Industria y Navegación de Galicia. DL C-145-1971.

Vázquez Vaamonde, M.C., 1994. Sargadelos-Carril-Santiago. Cadernos do Seminario de Sargadelos. Sada-Coruña: Ediciós do Castro. DL C-524-1994. ISBN 84-7492-701-3.

Vázquez Vaamonde, M.C., 1995. La metalurgia en Galicia de los siglos XVIII al XX: ferrerías, fundiciones y forjas. Departamento de Historia II, Área de Historia Contemporánea, Tesis Doctoral dirixida por Ramón Villares Paz, Santiago de Compostela: Universidade de Santiago.

Villaronga García, M., 2013. La ciudad de Arousa: Vilagarcía, Carril, Vilaxoán, Cortegada, Vilanova. Mil años buscando un lugar en el mapa. Pontevedra: Diputación de Pontevedra. DL PO-653-2013. ISBN 978-84-8457-410-1.

Xunta de Galicia, 2007-2011. Plan de Ordenación do Litoral [en línea]. Disponible na Internet: http://www.xunta.es/litoral [Acceso 28 marzo 2013].

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 152-I Vilagarcía de Arousa // Datum europeo 1950 (ED50) H 29 // X 518.889,46 m / Y 4.717.957,72 m
Instituto Geográfico Nacional. Serie MTN25 (Mapa Topográfico Nacional 1:25.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional25.jsp [Acceso 9 abril 2014].

Instituto Geográfico Nacional. Serie MTN50 (Mapa Topográfico Nacional 1:50.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional50.jsp [Acceso 9 abril 2014].

Instituto de Estudos do Territorio da Xunta de Galicia. Mapas de Galicia 1:5.000, Santiago de Compostela: Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras [en línea] Disponible en Internet: http://sitga.xunta.es/sitganet [Acceso 24 abril 2014].

Instituto de Estudos do Territorio (IDE) da Xunta de Galicia. Información Xeográfica de Galicia: visualizador de mapas [en liña]. Dispoñible na Internet: http://mapas.xunta.es/visualizador-de-mapas [Acceso 4 outubro 2015].

Xunta de Galicia (Consellería do Medio Rural). Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícola (SixPac): visor de mapas [en liña]. Dispoñible na Internet: http://sixpac.xunta.es/visorsixpac/ [Acceso 4 outubro 2015].

Data de Actualización:

30 maio 2017