472 Metalgráfica Gallega (MEGASA)

Galería de Fotos

VerVer
  • Provincia: Pontevedra
  • Concello: Vilagarcía de Arousa
  • Parroquia: Santa Baia de Vilagarcía
  • Lugar: Vilagarcía de Arousa
  • Paraxe: As Carolinas
  • Dirección: Avenida de As Carolinas, 25-31. 36600 Vilagarcía de Arousa (Pontevedra)
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.59445671810221
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.755738735198975
  • Coordeadas UTM: Datum europeo 1950 (ED 50): H 29 // X 520.164,53 m / Y 4.716.058,86 m
  • Clasificación: Industria metalgráfica
  • CNAE: 25.92 Fabricación de envases e embalaxes metálicos lixeiros.
  • Tipoloxía: Litografado e fabricación de envases de folla de lata
  • Comarca: O Salnés
  • Marco Xeográfico: Valgada na aba dos montes do Pousadoiro, na marxe esquerda da desembocadura do río Ulla na ría de Arousa
  • Ámbito: Rural (hoxe urbano)
  • Acceso: Dende Santiago de Compostela dirixímonos pola estrada nacional N-550 a Padrón, onde apartaremos pola estrada C-550 cara a Vilagarcía de Arousa. Xa na cidade, sairemos pola Avenida Juan Carlos I na procura da Avenida das Carolinas e a estrada nacional N-640. A un centenar de metros da primeira redonda, na man esquerda atopábase a metalgráfica.

Tipo de propiedade:

Privada

Visitable:

Exteriormente

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

Contra 1890, o avogado coruñés Germán Suárez Pumariega fundaba na Coruña La Artística, un establecemento dedicado ao estampado de folla de lata e papel, e á fabricación de envases metálicos para toda clase de industrias. As necesidades financeiras levaron á entrada en 1899 dun socio capitalista, Manuel Salgado Rosendo, converténdose en sociedade regular colectiva que xiraba baixo a denominación de “Germán Suárez y Salgado,S.R.C.” (vid. ficha 225).

Ampliando as súas actividades, José Suárez Pumariega instalaba cara a 1900 no Areal vigués un taller de envases para a puxante industria conserveira. Pouco despois, asociábase cun grupo de conserveiros locais e fundaban unha sociedade anónima para o litografado e fabricación de envases metálicos: nacía La Metalúrgica (vid. ficha 224). Os comezos foron complicados e o mal funcionamento da empresa nos primeiros anos levaría a José Suárez Pumariega a abandonar a empresa do Areal e fundar en 1903 no Campo de Coia unha nova fábrica de envases metálicos litografados: La Artística (vid. ficha 226).

Coa forte expansión da industria conserveira nestes anos, as industrias metalgráficas non daban abasto, polo que Germán Suárez Pumariega, irmán de José e propietario de La Artística coruñesa, “ante la acumulación de pedidos a los que no puede dar abasto en su taller de La Coruña” decidiu constituír en Vigo, a sociedade regular colectiva “Germán Suárez, Salgado y Fadrique”, tamén dedicada á industria cromolitográfica sobre metal.

As dificultades das conserveiras pola primeira crise sardiñeira galega, que vai estenderse do 1909 ao 1913, leva consigo unha forte caída na demanda de envases, e os irmáns Germán e José Suárez Pumariega deciden crear un novo estabelecemento litográfico na cidade portuguesa de Oporto, ademais de fusionar as súas empresas viguesas, constituíndo a finais do 1910 a sociedade regular colectiva “Hermanos Suárez, Salgado y Fadrique”, que xiraría baixo a razón social de “La Artística. Manufacturas de hoja de lata”. A nova sociedade vai centrarse na litografía e potenciar a fabricación de envases de folla de lata, creando unha nova sección dedicada á produción de aneis másticos, pola crecente importancia dos novos envases de conservas, que empregaban un aro de goma para lograr o hermetismo do cierre.

Nas décadas de 1910 e 1920 a coruñesa “La Artística” (dende 1930 rexistrada como “La Artística-Suárez Pumariega”), xunto coas viguesas “La Metalúrgica” e máis “La Artística”, van situarse na cabeza do sector en España, cubrindo por máis de medio século a meirande parte da demanda de envases de folla de lata na Península Ibérica.

As innovacións nos procesos de fabricación e cerre dos envases, co progresivo abandono do soldado das tapas e a súa substitución polo rebordado ou sertido, provocou un aumento na demanda de nova maquinaria. A situación derivada da Primeira Guerra Mundial (1914-1918), co difícil abasto de materias primas e de maquinaria procedentes do estranxeiro, xeraría un intenso proceso de substitución das importacións, coa reinversión dos beneficios acumulados na creación de talleres destinados á produción de maquinaria para a industria conserveira.

No caso das industrias metalgráficas, esta diversificación produtiva dende a litografía e a produción de latas cara as construcións mecánicas, vai sustentarse nas seccións coas que contaban para a reparación da súa propia maquinaria, talleres mecánicos e de fundición anexos ás fábricas. No ano 1916 “La Artística” comezaría a fabricación de maquinaria, manual e automática: engomadoras, sertidoras para latas redondas e rectangulares, etc. E no ano 1917, “La Metalúrgica” decidía montar talleres mecánicos e de fundición anexos á fábrica, adquirindo terreos lindeiros para a ampliación das instalacións.

A demanda de maquinaria medraría tanto nos seguintes anos que a comezos de 1921 os socios van constituír “Talleres Mecánicos Alonarti, S.A.” (vid. ficha 253), cuxo obxecto social vai ser dedicarse exclusivamente “a la fabricación y la reparación de maquinaria”.

Neste mesmo ano de 1921, o apoderado de La Artística, Estanislao Núñez Barrio, decidiría separarse da sociedade para montar a súa propia empresa metalgráfica. Núñez sería asasinado por partidarios da República nas proximidades da súa vivenda do vigués barrio de Lavadores durante os desgraciados sucesos do mes de xullo de 1936, o que significaría a desaparición da súa iniciativa.

As outras tres empresas aproveitarían as circunstancias da Guerra Civil (1936-1939) para a subministración de conservas á intendencia do exército e ás poboacións ocupadas, e mesmo coas exportacións a Alemaña. Pero esta favorable situación vai tornarse desfavorable coa militarización sufrida en outubro de 1938 para a fabricación das bombas de man Laffitte, que ocasionará trastornos e dificultades á boa marcha do negocio, incrementadas coas restricións as importacións de folla de lata, colores, vernices, caucho e papel, e que van durar ata ben avanzada a década de 1950.

“La Metalúrgica” non vai adaptarse a nova situación e abandonará a produción e desaparecerá no decenio de 1950. “La Artística” viguesa y “La Artística” coruñesa farán investimentos en nova maquinaria (formadora-soldadora, rebordeadora-tamponadora, etc.) e na substitución das vellas litográfica planas polas modernas rotativas.

A diversificación do sector da conserva (bonito, berberecho e mexillón) pola escaseza de sardiña, e a introdución de novos tipos de envases no decenio de 1960 obriga a novos investimentos e ampliacións de capital. Porén xa non se recuperaría o anterior pulo, e as empresas veríase grandemente afectadas pola crise conserveira da década de 1970 e primeiros anos da do 1980.

En 1970 “La Artística, S.A.” vai transformarse nunha nova empresa “Litografía La Artística Carnaud, S.A.” (Artiscar), resultado do acordo estratéxico coa francesa Carnaud-Forges de Basse Indre. O complexo conxunto de La Artística-Alonarti comeza a desmembrarse en 1994 e a sección de envases sería absorbida no 2005 polo grupo Crown Cork e incorporada a La Artística Carnaud. Pola súa banda, nun derradeiro esforzo de supervivencia, en 1982 “La Artística-Suárez Pumariega” converteríase en “La Artística Laboral”, pero, incapaz de competir nos novos mercados, desaparecería xa en 1989.

O indubidable interese do mercado galego de envases para a industria conserveira impulsaría algunhas significativas iniciativas foráneas, como foi a da “Metalgráfica Malagueña, S.A.” (METALSA), que contra 1960 implantaríase en Vilagarcía de Arousa, transformándose xa en 1964 en “Metalgráfica Gallega, S.A.” (MEGASA).

Descrición Xeral do Entorno:

A fábrica situárase no barrio de As Carolinas, na beira esquerda da estrada que sae de Vilagarcía cara Caldas e Pontevedra.

Construcción:

1963.

Abandono:

2013.

Descrición:

Metalgráfica Malagueña, S.A. (METALSA) tíñase constituído en 1936 en Málaga dedicada á elaboración de envases metálicos estampados mediante procedementos litográficos. A meirande parte da súa produción destinábase a industria conserveira galega, con firmas como “Curbera”, “Rábago”, “Barreras”, “Pita”, “Lores” o “Thenaisie” entre a súa clientela, con envíos de ata 40.000 envases diarios nos períodos de maior demanda.

Na expansión da empresa nos comezos da década de 1960 decidiríase o establecemento dunha factoría en Vilagarcía de Arousa, inicialmente acomodada na nave dunha antiga conserveira situada no porto vilagarcián. Ademais de José Sánchez, o director, en 1961 varias familias malagueñas mesmo trasladáranse a vivir en Vilagarcía, así como houbera despois vilagarciáns que marcharan a Málaga a traballar na central.

De a pouco, a filial da empresa malagueña comezaría a construír unha nova nave en As Carolinas, e en 1964 pasaría a converterse en “Metalgráfica Gallega, S.A.” (MEGASA), unha vez adquirida por José Rey Davila e Jesús Lorenzo Filgueira. A subministración de estaño era daquela escasa e cara, e a nova fábrica vai contar cunha planta para a recuperación do estaño dos recortes e sobrantes da folla de lata, abundantes nas principais fábricas de envases, como xa fixera José Ramón Curbera no decenio de 1920 nas vellas instalacións viguesas de “La Cristina” (vid. ficha 200).

Serían os seus principais clientes as conserveiras de Vilanova de Arousa de Antonio Pérez Lafuente (en A Xunqueira), e dos herdeiros de Manuel Pérez Lafuente (en O Cabo), a cambadesa de José Peña Oubiña (vid. ficha 323) e a grovense de Eugenio Escuredo Lastra (vid. ficha 467).

O crecemento da empresa, que chegaría a ocupar o terceiro lugar entre os provedores de envases para o sector das conservas de pescado da Península Ibérica, foi obrigando á ampliación das instalacións, estendéndose na ocupación dunha parcela de 23.779 metros cadrados que ía pouco a pouco sendo rodeada por vivendas co desenvolvemento urbano dun barrio que está situado nunha das principais vías de acceso á cidade. A nova veciñanza comezaría a pedir o traslado da factoría a un polígono industrial, e os traballadores (uns 150) e a empresa (representada por José Rey Abelenda) foron analizando as posibilidades de traslado e modernización das instalacións.

A comezos do ano 2009 a familia Rey vendía a empresa á multinacional holandesa Impress Metal Packaging, que contaba xa cunha fábrica no veciño concello de Meis. Un par de anos máis tarde, a multinacional irlandesa Ardagh Group absorbía Impress e no mes de novembro do 2011 a nova dirección comunicaba a súa decisión de trasladar as instalacións á fábrica de Meis.

Despois de dous anos de negociación, no 2013 consumábase o traslado da actividade fabril a Meis e o abandono das vellas instalacións de As Carolinas.

Tempo de uso:

Todo o ano.

Sistema de produción:

A elaboración dos envases de folla de lata litografados pode describirse diferenciado nas súas etapas fundamentais:

- abastecemento de folla de lata, estaño, chumbo, vernices;
- preparación da folla de lata para a impresión;
- litografado;
- construción dos envases;
- expedición e venda.

A organización interna do traballo viña estruturada en dúas seccións ben diferenciadas, a litografía, e a construción dos envases.

Na primeira sección decorábase a folla de lata, trasladando os modelos proporcionados polos conserveiros o elaborados pola propia empresa ás matrices litográficas. Trala descomposición nas tintas requiridas para conseguir os colores desexados, preparábase unha nova matriz para levar a cabo o proceso de impresión.

A impresión facíase nos primeiros tempos con pedras litográficas e pranchas de aluminio nas máquinas de estampar planas. Posteriormente, faríase en rotativas, de moito maior rendemento (até dúas mil follas á hora, fronte as cincocentas da máquina plana). Tamén introduciríanse procedementos fotomecánicos.

A sección de fabricación dos envases na metalgráfica iría asociada ao proceso de cambio técnico que a partires de 1900 vai substituír a destreza dos soldadores da folla de lata (verdadeira aristocracia obreira, con elevados xornais e gran poder de negociación colectiva) pola mecanización dos talleres coa introdución de prensas, embutidoras, sertidoras, soldadoras, cerradoras e outras innovacións técnicas que permitían o seu manexo por mulleres, adolescentes e nenos, forza de traballo máis barata, menos conflitiva e non sindicada.

A xeneralización dun novo tipo de envase ou lata de conservas, na que a soldadura de estaño e chumbo que ás veces contaminaba o produto envasado vai ser substituída pola presión dunhas pestanas practicadas na base e no corpo do envase sobre un ariño de goma que garantía o hermetismo do peche.

Nos envases de dúas pezas, o corpo fabricábase por embutido, dándolle forma á folla de lata nunha matriz. Nos envases de tres pezas, o corpo soldábase mecanicamente, xuntándose co fondo empregando os ariños de goma na rebordeadora ou sertidora. En calquera caso, o cliente recibía o envase coa súa tapa, xa fora para soldar ou para sertir.

O proceso de fabricación dos envases pódese resumir en dous tipos de actividades, as de transformación da materia prima (folla de lata) para obter cada envase (corte do metal e conformación da peza), e as de barnizado ou pintado do material.

Actividades laborais:

Man de obra moi cualificada (debuxantes, litógrafos, impresores) no litografado; tamén nos primeiros tempos da fabricación (soldadores), aínda que vai ser substituída coa mecanización do proceso. Empregarán entón maioritariamente mulleres, porque supoñían man de obra dócil e barata, rebaixando os custos de produción.

Emprego:

A finais de 1969 a empresa declaraba cento sesenta “produtores”. No momento do traslado no ano 2013 eran uns cento quince os traballadores na fábrica.

Materias Primas:

Folla de lata, estaño, chumbo, vernices.

Produtos Elaborados:

Envases litografados para conservas.

Distribución e comercialización:

Nacional e internacional.

Referencias Bibliográficas:

Carmona Badía, J.; Nadal Oller, J., 2005. El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Carmona Badía, X., 2011. “Los Pérez Lafuente y los Lafuente González de Vilanova de Arousa: la victoria de los patrianos”, Las familias de la conserva. El sector de las conservas de pescado a través de sus sagas familiares. Xoán Carmona Badía (dir. e coord.). Fundación Cluster de Conservación de Productos del Mar e ANFACO-CECOPESCA, Pontevedra: Diputación de Pontevedra, p. 348-367. DL C-891-2011. ISBN 978-84-938942-0-7.

Córdoba de la Llave, R., 2008, “Las artes del fuego: metalurgia y alfarería”, Ars Mechanicae: ingeniería medieval en España, Pedro Navascués Palacio (coord.), Madrid: Ministerio de Fomento (CEDEX-CEHOPU) y Fundación Juanelo Turriano, p. 203-213. DL M-46232-2008. ISBN 978-84-7790-470-0.

Giráldez Rivero, J., 2010. “Las empresas metalgráficas en Galicia (1890-1936)”, Investigaciones de Historia Económica, vol. 6, núm. 17, junio 2010, p. 119-148.
Gross, K., 1942. “Hornos industriales”, Manual del Ingeniero, Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, 2ª ed. trad. de la 26ª edición alemana, Tomo IV. Barcelona: Gustavo Gili, Capítulo X, p. 1017-1076.

Hofman, H.O., 1925: Tratado de metalurgia general. Trad. por Rafael Hernández del original inglés del Instituto Tecnológico de Massachusetts, Barcelona: Gustavo Gili.

Lara Coira, M., 2010: “La minería y el patrimonio minero en Galicia”. Tierra y tecnología, revista de información geológica, número 36, segundo semestre 2009, Madrid: Ilustre Colegio Oficial de Geólogos, p. 65-76. DL-M-10.137-1992. ISSN 1131-5016.

La minería de Galicia, 1991, Dirección Xeral de Industria de la Xunta de Galicia, Santiago de Compostela. DL C-1341-1991.

Nadal Oller, J., 1992. Moler, tejer y fundir: estudios de historia industrial. Barcelona: Ariel. ISBN 84-344-6570-1.

Rodríguez Marín, Francisco José. “Patrimonio y ciudad: la fábrica de Metalsa y el retablo cerámico de Nuestra Señora de la Soledad”, Isla de Arriarán: revista cultural y científica, núm. 18, 2001, p. 7-10. Málaga: Asociación Cultural Isla de Arriarán. ISSN 1133-6293. Disponible na Internet: https://dialnet.unirioja.es/servlet/revista?codigo=7860 [Acceso 29 abril 2017].

Rodríguez Marín, Francisco José. “Málaga, pionera de la técnica metalgráfica en España: las fábricas Metalgraf y Metalsa”, Patrimonio industrial agroalimentario: Testimonios cotidianos del diálogo intercultural, Miguel Ángel Álvarez Areces, (coord.) Colección Los Ojos de la Memoria, nº 9, Gijón: CICEES, 2009, p. 293-306. ISBN 978-84-935766-8-4.

Taboada Arceo, A., 1971. Galicia, estructura y ritmo socio-económicos. La Coruña: Servicio de Estudios y Publicaciones de las Cámaras Oficiales de Comercio, Industria y Navegación de Galicia. DL C-145-1971.

Vázquez Vaamonde, M.C., 1994. Sargadelos-Carril-Santiago. Cadernos do Seminario de Sargadelos. Sada-Coruña: Ediciós do Castro. DL C-524-1994. ISBN 84-7492-701-3.

Vázquez Vaamonde, M.C., 1995. La metalurgia en Galicia de los siglos XVIII al XX: ferrerías, fundiciones y forjas. Departamento de Historia II, Área de Historia Contemporánea, Tesis Doctoral dirixida por Ramón Villares Paz, Santiago de Compostela: Universidade de Santiago.

Villaronga García, M., 2013. La ciudad de Arousa: Vilagarcía, Carril, Vilaxoán, Cortegada, Vilanova. Mil años buscando un lugar en el mapa. Pontevedra: Diputación de Pontevedra. DL PO-653-2013. ISBN 978-84-8457-410-1.

Xunta de Galicia, 2007-2011. Plan de Ordenación do Litoral [en línea]. Disponible na Internet: http://www.xunta.es/litoral [Acceso 28 marzo 2013].

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 152-I Vilagarcía de Arousa // Datum europeo 1950 (ED50) H 29 // X 520.164,53 m / Y 4.716.058,86 m

Instituto Geográfico Nacional. Serie MTN25 (Mapa Topográfico Nacional 1:25.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional25.jsp [Acceso 9 abril 2014].

Instituto Geográfico Nacional. Serie MTN50 (Mapa Topográfico Nacional 1:50.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional50.jsp [Acceso 9 abril 2014].

Instituto de Estudos do Territorio da Xunta de Galicia. Mapas de Galicia 1:5.000, Santiago de Compostela: Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras [en línea] Disponible en Internet: http://sitga.xunta.es/sitganet [Acceso 24 abril 2014].

Instituto de Estudos do Territorio (IDE) da Xunta de Galicia. Información Xeográfica de Galicia: visualizador de mapas [en liña]. Dispoñible na Internet: http://mapas.xunta.es/visualizador-de-mapas [Acceso 4 outubro 2015].

Xunta de Galicia (Consellería do Medio Rural). Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícola (SixPac): visor de mapas [en liña]. Dispoñible na Internet: http://sixpac.xunta.es/visorsixpac/ [Acceso 4 outubro 2015].

Data de Actualización:

30 abril 2017