477 Astilleros y Talleres del Noroeste (ASTANO)

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: A Coruña
  • Concello: Fene
  • Parroquia: Santo Estevo de Perlío
  • Lugar: Perlío
  • Paraxe: A Ostreira
  • Dirección: Non procede
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 43.47452188086518
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.176559911987283
  • Coordeadas UTM: Datum europeo 1950 (ED 50): H 29 // X 566.688,82 m / Y 4.814.078,52 m
  • Clasificación: Construción naval
  • CNAE: 30.11 Construción de barcos e estruturas flotantes. 33.15 Reparación e mantemento naval.
  • Tipoloxía: Construción de barcos e estruturas flotantes
  • Comarca: Ferrol
  • Marco Xeográfico: A ribeira de Perlío, na desembocadura do río de Magalofes na marxe esquerda da ría de Ferrol
  • Ámbito: Rural e mariñeiro (hoxe urbano)
  • Acceso: Sairemos de Ferrol pola estrada nacional N-651, cara a Fene. A uns cinco quilómetros, ao final da ponte das Pías e antes de entrar en Perlío, apartaremos pola dereita, cara ao portal de entrada a factoría e instalacións de ASTANO, hoxe Navantia.

Tipo de propiedade:

Pública

Visitable:

Exteriormente

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

Finalizada a Guerra Civil Española (1936-1939) e nun contexto de illamento internacional, o novo réxime de goberno asume dende unha visión autárquica da economía o obxectivo de “propulsar e financiar, en servicio da Nación, a creación e rexurdimento das nosas industrias, en especial das que se propoñan como fin principal a resolución dos problemas impostos polas exixencias da defensa do país ou que se dirixan ao desenvolvemento da nosa autarquía económica” (en español no orixinal), tal e como viña expresado no artigo primeiro da lei fundacional do 25 de setembro de 1941 do “Instituto Nacional de Industria” (INI).

O INI fora promovido por Juan Antonio Suanzes Fernández, General Inspector de Ingenieros Navales de la Armada, un mariño ferrolán convencido do papel estratéxico da mariña militar e mercante na soberanía de España e que xa viña traballando na recomposición da flota española dende a constitución en 1908 da Sociedade Española de Construción Naval (SECN). Empeñado na independencia do aporte estranxeiro (en 1908 o 80% dos materiais e pezas da construción naval eran importados) chegará ao conflito aberto cos intereses da inglesa Vickers nos anos 1933 e 1934, cando xa conseguira reducir a un 5% a importación de pezas para os barcos e “A Naval” competía cos estaleiros británicos.

Ademais de fomentar a industria nos sectores considerados estratéxicos para o país, o INI tería tamén unha importante actividade no impulso da industria en sectores non desenvolvidos pola iniciativa privada, desenvolvendo directamente deste xeito un “capitalismo de Estado”. 

E vai ser neste contexto no que José María González-Llanos Caruncho, un experto enxeñeiro naval que traballara na dita “Sociedad Española de Construcción Naval”, vai mercar en Perlío (Fene) un pequeno taller de carpintería de ribeira, constituíndo o 15 de outubro de 1941 a empresa “Astilleros y Talleres del Noroeste S.L.” (ASTANO), que chegaría a ser un dos motores económicos da ría de Ferrol.

Con todos os seus erros, o INI tería un indiscutible efecto positivo no tránsito da España de 1940, subdesenvolvida e cunha economía fundamentalmente primaria, a puxante e “terciarizada” de 1970. Coa apertura da economía española ao comercio internacional e especialmente a Comunidade Económica Europea, as empresas do INI perderían as súas vantaxes competitivas (incentivos fiscais, arancelarios, cambiarios e financeiros) e irían sendo privatizadas no decenio de 1980.

No marco dos plans de reconversión do sector naval e no medio dunha durísima crise económica, ASTANO vai comezar en 1984 un longo e complexo proceso de reconversión, integrándose no grupo de estaleiros civís do Estado, “Astilleros Españoles” (AESA). No mes de xullo do ano 2000 o goberno autorizaría a integración dos estaleiros civís e os militares, constituíndo a “Empresa Nacional Bazán de Construcciones Navales”, con sede en Madrid e que ocuparía a décima posición por tamaño entre todos os estaleiros do mundo, con 11.700 empregados en 12 centros de traballo. O proceso suporía a desaparición de ASTANO e a súa integración cos estaleiros ferroláns da Bazán baixo o nome de “Izar”, que dende o ano 2005 pasaría a chamarse “Navantia”.

Descrición Xeral do Entorno:

Os estaleiros sitúanse na beiramar da ribeira de Perlío, na beira esquerda da desembocadura do río de Magalofes na marxe esquerda da ría de Ferrol, a 
carón da vía do ferrocarril Betanzos-Ferrol e próximo a estrada nacional N-VI de Madrid a Ferrol.

Construcción:

1941.

Abandono:

1984, integrándose en AESA, para chamarse IZAR no 2000 e NAVANTIA dende o ano 2005.

Descrición:

O carpinteiro de ribeira Jacobo Aguilar Rodríguez, coñecido como Jacobo de Roque pola súa pertenza ao Voto de San Roque, establecera na ribeira de Maniños un estaleiro no que construíu trincados dende os anos finais do século XIX e no que traballaban tamén os seus fillos, Ramón e Antonio Aguilar Pérez (vid. ficha 336).

Nos primeiros anos do século XX Ramón decidiu independizarse do seu pai e despois dun tempo en Montevideo (Uruguay), retornou para fundar en 1914 un estaleiro propio na Ostreira, na ribeira de Perlío. O pequeno taller de carpintería de ribeira de Ramón Aguilar Pérez (máis coñecido como Ramón de Roque) dedicouse a construción e reparación de embarcacións de madeira para actividades pesqueiras e de cabotaxe. Ademais dos seus fillos maiores, José e Jacobo Aguilar Blanco, con el traballaban media ducia de homes, construíndo e reparando pequenas embarcacións de madeira, de non máis de trinta e dous metros de eslora.

O pequeno estaleiro sería mercado por José Maria González-Llanos y Caruncho, Capitán de Fragata e Doutor Enxeñeiro Naval que traballara na ferrolán “Sociedade de Construción Naval” e o 15 de outubro de 1941 constituíuse en Ferrol ante o notario José Roán Tenreiro, notario de Ferrol, a empresa “Astilleros y Talleres del Noroeste, S.L.”, que pronto sería coñecida como ASTANO. Os dezaseis socios fundadores serían José Maria González-Llanos y Caruncho, Antonio Porto Correa, Cristóbal Rodríguez Peña, Benito Alvariño Grinaldos, Alberto Fernández Martínez, Antonio Veiga López, Antonio Castro Pazos, Alejandro MacKinlay y de la Cámara, Anselmo Seoane Vázquez, José Maria Rey Sánchez, Andrés Ardao Varela, Enrique Martínez de la Cueva, Alfonso Vizoso Saavedra, Ramón Aguilar Pérez, José Prieto Martínez y Alfonso Molina Bardao. O capital social foi de dous millóns de pesetas e a sociedade constituíuse por vinte anos prorrogables co obxecto de construír e reparar pequenas embarcacións de madeira e de aceiro.

Sen apenas medios nin útiles, a nova industria comezou a súa actividade con vinte e oito traballadores, construíndose uns galpóns e tres gradas e aproveitando os tres mil metros cadrados das instalacións que foran de Ramón Aguilar entre a rampla de Perlío e a desembocadura do río Magalofes.

Nos primeiros anos construíanse pequenas embarcacións de pesca con casco de madeira, con esloras inferiores aos trinta metros e pequeno tonelaxe, inferior ás 296 TRB. A propulsión era por máquinas de vapor que subministraban os propios armadores. No mes de decembro de 1942 entregábase a “Planas y Cía., S.A.” o primeiro buque, o “Comandante Lobo”, un pesqueiro de vinte e tres metros de eslora.

A construción en madeira vai ir sendo desprazada pola construción en aceiro. En 1943 construiríanse para a viguesa “Pesqueros Tabeirones, S.L.” os pesqueiros “Tabeirones I” e “Tabeirones II”, os primeiros que terían o casco de aceiro remachado.

De camiño a sociedade vai ampliar o capital social e converterse en anónima. En 1944, coa entrada do grupo do Banco Pastor, “ASTANO, S.A.” faría unha notable ampliación das instalacións (talleres, gradas, carros varadoiros, diques secos), acometendo a construción de buques dun meirande tamaño e aumentando no decenio de 1950 a súa capacidade produtiva ao servizo da flota pesqueira e mercante española, ao abeiro dos estímulos crediticios a construción naval e a lei de protección da mariña mercante, converténdose nunha industria que vai vertebrar a actividade económica da comarca de Fene e, xunto coa Bazán, da ría de Ferrol toda.

Entre 1941 e 1946 botaríanse vinte e tres barcos de madeira, dous pesqueiros, tres costeiros, sete bateas, un lanchón, catro barcazas, unha lacha de pasaxe e unha de servizo, dous buques hidrográficos, unha cabria e un remolcador. En xeral, o período de 1941 a 1960 virá definido pola especialización nos buques relacionados coa pesca, dos que construiría oitenta e dúas unidades, costeiras, atuneiras e bacallaeiras. A empresa tampouco escatimaría esforzos para poderlle ofrecer aos seus clientes sistemas de propulsión propios, fabricados nos seus talleres, o que sería posible xa dende 1948.

No decenio de 1960, sinaladamente dende 1963, comezaría a construción de grandes petroleiros e cargueiros de carga xeral, modernizándose as instalacións e converténdose nun referente mundial na construción de petroleiros de ata trescentas mil toneladas. Moitos traballadores dos estaleiros de ribeira da ría van neste período incorporarse á empresa, e o emprego directo vai superar os cinco mil traballadores. En 1968, no contexto da especialización da empresa na construción de superpetroleiros, entraría en servizo a chamada “Ponte das Pías”, reducindo uns oito quilómetros o acceso a cidade dende o sur e asegurando a conexión directa Bazán-Astano (“Pero Faustino, esto no es un puente, es una pasarela” diríalle na inauguración Francisco Franco, o xefe do estado, a Faustino Fernández, o construtor).

Entre 1961 e 1980 a carteira de pedidos vai centrarse nas grandes unidades como alternativa as incertezas na demanda de pesqueiros. Serían os anos dos proxectos en colaboración con Elcano, Campsa e outros armadores españois e arxentinos, ao mesmo tempo que mirábase de impulsar a fabricación de equipos frigoríficos industriais e motores diesel.

No decenio de 1970 vai construír once buques para a “Gulf Oil Corporation” e catro para a “Texaco Oil Company”. En 1972 acudirían máis de catrocentos expertos de todo o mundo a presenciar a botadura do “Artega” (326.000 t), a unidade meirande ata entón construída en grada. A construción de buques como o “Santa María” (1975, 365.000 toneladas de peso morto) o converterían en competencia dos grandes estaleiros do mundo.

Pero vai ser tamén neste período no que aboien as graves dificultades financeiras da empresa, debidas ao recurso maioritario ao crédito bancario para a expansión das actividades. A excesiva concentración do crédito no Banco Pastor forzaría a entrada na sociedade do Instituto Nacional de Industria (INI), que tomaría en 1972 o control do 60% do capital social. 

Porén, os problemas van agudizarse coa crise petroleira xurdida no outono de 1973, que levaría a infrautilización da capacidade produtiva da empresa (tan só un 30% en 1979). Estúdase entón a diversificación e especialización en quimiqueiros, carriers e plataformas petrolíferas, ao mesmo tempo que unha “operación acordeón” converte ao INI no único accionista da sociedade.

No decenio de 1980 ASTANO, o mesmo que os demais estaleiros do INI, comezaba un longo e complexo proceso de reconversión no medio dunha durísima crise económica, na que os 5.854 traballadores de 1982 veríanse reducidos aos 2.017 de 1992, cifra que continuaría minguando nos anos seguintes (1.150 empregados no ano 2000).

No marco dos plans de 1984 de reconversión do sector naval, ASTANO acometería unha fonda reestruturación para centrarse en tres liñas de actividade: as plataformas móbiles de perforación, as reparacións navais e os desmantelamentos (axiña abandonados pola baixa rendibilidade). As tres áreas nas que vai quedar organizado, Construción Naval, Reparacións e Fabricación de Maquinaria e Construción Metálica tamén quedarían reducidas a dúas coa segregación da última para a constitución de “Industrias Metálicas del Noroeste” (IMENOSA).

Malia as dificultades do momento, ASTANO aínda entregaría cinco grandes unidades a un mercado limitado e tremendamente competitivo, o Petrojarl Foinaven (1996), o Texaco Captain (1996), o Discoverer Enterprise (1998), o Discoverer Spirit (1999) e o Discoverer Deep Seas (2000), mantendo un permanente esforzo de mellora da calidade e a xestión.

No ano 2000 ASTANO pasara dos 3.000 m2 de 1941 aos 755.000 m2, con dúas gradas de 337 m de largo, dous diques secos 2.700 m de peiraos de armamento, 18 grúas de 10 a 100 t de forza ascensional, e unha grúa pórtico de 800 t.

No mes de xullo do ano 2000 o goberno autorizaría a integración dos estaleiros civís do Estado agrupados na empresa “Astilleros Españoles” (AESA) cos estaleiros militares agrupados na “Empresa Nacional Bazán de Construcciones Militares”, constituíndo a “Empresa Nacional Bazán de Construcciones Navales”, con sede en Madrid e que ocuparía a décima posición por tamaño entre todos os estaleiros do mundo, con 11.700 empregados en 12 centros de traballo. O proceso suporía a desaparición de ASTANO e a súa integración cos estaleiros ferroláns da Bazán, sumando entón máis de catro mil empregos directos baixo o nome de “Izar”.

No mes de marzo do ano 2005 a “Sociedad Estatal de Participaciones Industriales” (SEPI), herdeira do antigo INI acometería unha nova reestruturación dos estaleiros, que pasarían a agruparse baixo unha nova sociedade chamada “Navantia”, coas instalacións repartidas entre as factorías de Ferrol e de Fene e un emprego conxunto próximo as tres mil persoas.

Tempo de uso:

Todo o ano.

Sistema de produción:

O proceso de construción que tradicionalmente seguiron os carpinteiros de ribeira artesanais é de tipo secuencial, contratándose o barco sobre a base dunhas dimensións principais (eslora total, manga fora de forros e puntal de construción) e unha sinxela especificación de materiais, cuxa complexidade aumenta co tamaño.

O carpinteiro definía a forma coa elaboración dun modelo a escala reducida do medio casco en madeira, ou ben, no canto de embarcacións menores, mediante a construción e o montaxe dos elementos principais (roda, codaste, unha ou varias cadernas), que sérvenlle de elementos directores para obter a superficie.

A elaboración das pezas que van formar a estrutura comezaba coa selección da madeira, continuando co trazado e o corte. O proceso construtivo, así sinxelamente descrito, remataba co montaxe a bordo e o ensamblaxe dunhas pezas coas outras.

No traballo tradicional xeralmente non se facían planos, gozando dunha ampla liberdade para definir as formas do casco e os aspectos construtivos da estrutura, respectando as dimensións principais e os escantillóns dos elementos básicos do proxecto. As montaxes mecánicas as realizaba normalmente persoal alleo ao estaleiro.

Por contra, e ademais da propia dimensión empresarial, a carpintería de ribeira industrial tiña como diferenzas significativas o feito de que traballábase sempre sobre plano e de que dispuñan de un cadro de persoal estable, levándose xeralmente a cabo as montaxes mecánicas nos seus propios talleres.

No paso da construción en madeira a construción en aceiro, os traballos van facerse sempre sobre planos, e a caldeiraría e a chapa revisten unha menor complexidade, podendo resumirse no debuxo e marcado, corte, pregado, montaxe, axuste e acabado. As unións facíanse a medio de bulóns remachados ata a xeneralización a finais do decenio de 1940 dos procesos de fusión por soldadura por arco eléctrico.

Actividades laborais:

Nos seus comezos en 1941 o estaleiro contou con vinte e oito persoas: dous xefes de primeira; dous mestres de primeira; dous mestres de segunda; un delineante proxectista; un encargado; doce oficiais de primeira (19’80 pta/mes); cinco oficiais de segunda (17’75 pta/mes); e tres oficiais de terceira (15’75 pta/mes).

Emprego:

En 1941, 28 traballadores; en 1951, 1.225; en 1969, 3.083; en 1972, 6.000; en 1982, 5.854; en 1992, 2.017; no ano 2000, un milleiro de traballadores.

Materias Primas:

Madeira, estopa, brea, cravazón, bulóns, pintura, chapa de aceiro, parafusos, porcas, arandelas, eléctrodos de soldadura.

Produtos Elaborados:

Embarcacións de madeira e de aceiro de variado porte.

Distribución e comercialización:

Nacional e internacional.

Referencias Bibliográficas:

Aguilar Sardina, Jacobo (2009). ASTANO en el recuerdo [En línea] Accesible en Internet: http://fenecom.blogspot.com.es/2009/05/astano-en-el-recuerdo-i.html [Acceso 12-08-2017].

Artime González, Anselmo (1994). La construcción de embarcaciones de madera en los astilleros de Luanco, Luanco: Museo Marítimo de Asturias. ISBN 84-86889-28-6.

Ateneo Ferrolán (2009). "A construcción naval na ría de Ferrol". Cadernos do Ateneo Ferrolán, ano XX, número 19, 2008. Ferrol: Ateneo Ferrolán. DL C-994-2009. ISBN 84-933518-1-4.

Ballestero Aguilar, Alfonso (1993): Juan Antonio Suanzes 1891-1977: la política industrial de la postguerra, León: LID Editorial Empresarial. ISBN 84-8871-711-3.

Blanco García, Jesús (2008). Guía de las embarcaciones tradicionales gallegas. Colección Mar de Fora, Vigo: Edicións Nigra Trea. DL VG-488-2009. ISBN 978-84-95364-87-6.

Carmona Badía, Xoán; Nadal Oller, Jordi (2005). El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Giráldez Rivero, Jesús (n.d.). El bulto y la sombra: la financiación del sector pesquero y la hipoteca naval (1900-1959), [En línea] Accesible en Internet http://www.usc.es/estaticos/congresos/histec05/b6_giraldez.pdf [Acceso 12-08-2017].

Hein, H. (1942). “Arquitectura naval”, Manual del Ingeniero, Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, trad. de la 26ª edición alemana. Barcelona: Gustavo Gili, tomo IV, capítulo I: Medios de transporte, sección I, p. 1-87.

Juan-García Aguado, José María de (2001). La carpintería de ribera en Galicia (1940-2000), Monografías nº 95, A Coruña: Servicio de Publicacións da Universidade da Coruña. DL C-2261-2001. ISBN 84-95322-71-4.

Juan-García Aguado, José María de (2009). “A carpintaría de ribeira na ría de Ferrol”. A construción naval na ría de Ferrol. Cadernos do Ateneo Ferrolán, ano XX, número 19, 2008. Ferrol: Ateneo Ferrolán, p. 33-40. DL C-994-2009. ISBN 84-933518-1-4.

Juan-García Aguado, José María de (2011). A carpintería de ribeira en Galicia (1940-2000), Cangas do Morrazo: Edicións Morgante, DL M-28444-2011. ISBN 978-84-15166-18-4.

Juan-García Aguado, José María de; Rey Fraguela, Juan (2008). “Los últimos carpinteros de ribera de Neda”, Revista de Neda: anuario cultural do Concello de Neda, nº 11, dir. Manuel Pérez Grueiro, Concello de Neda, Neda, Coruña, p. 76-85. ISSN 1139-1154.

Lara Coira, Manuel (2009). “Carpintería de ribeira”, Galegos, número 5, I trimestre 2009, Ensenada de Ézaro, Santiago de Compostela, p. 94-97. DL VG-549-2008. ISSN 1889-2590.

Lorenzo Fernández, Xaquín (1962). “Etnografía: cultura material. Os oficios: Carpinteiros de ribeira”, Historia de Galiza, Ramón Otero Pedrayo (dir.), Buenos Aires: Editorial Nós, Vol. II, p. 486-491. ISBN 84-9745-054-X.

Lorenzo Fernández, Xaquín (1983). Os oficios, Biblioteca Básica da Cultura Galega, Vigo: Editorial Galaxia, p. 301-305. ISBN 84-7154-425-3.

Máiz Vázquez, Bernardo; Freire Hermida, Enrique (2009). As embarcacións tradicionais: do Arco Ártabro a Ribadeo, Museo do Pobo Galego, Ferrol: Edicións Embora. DL C-387-2009. ISBN 978-84-92644-01-8.

Marco Hernáez, Julio Aurelio (1945). El Ferrol del Caudillo. Guía de la ciudad. Año I de su publicación. 2ª época. Enero de 1945. La Coruña: Talleres de Litografía e Imprenta Roel.

Martín Aceña, Pablo; Comín Comín, Francisco (1991). INI, 50 años de industrialización en España, Madrid: Espasa-Calpe. ISBN 84-239-6238-5.

Massó y García-Figueroa, José María (1992). Barcos en Galicia. De la prehistoria hasta hoy y del Miño al Finisterre, (2ª ed.), Pontevedra: Diputación Provincial de Pontevedra. ISBN 84-86845-7629-3.

Mörling, Staffan (1989). As embarcacións tradicionais de Galicia, Santiago de Compostela: Xunta de Galicia. DL C-1237-1989. ISBN 84-453-0070-9.

Pazos Pérez, Lino José (2009). Aqueles barcos de madeira. Carpinterías de ribeira. Apuntamentos para una memoria marítima de Galicia. Pontevedra: Damaré Edicións. ISBN 978-84-935835-8-3.

San Román López, Elena (1999). Ejército e industria: el nacimiento del INI, Barcelona: Crítica. ISBN 84-7423-992-3.

Schwartz, Pedro; González, Manuel Jesús (1978). Una historia del Instituto Nacional de Industria 1941-1976, Madrid: Tecnos. ISBN 84-3090-770-X.

Xunta de Galicia (2007-2011). Plan de Ordenación do Litoral [en línea]. Disponible na Internet: http://www.xunta.es/litoral [Acceso 13 agosto 2017].

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 22-I Fene // Datum europeo 1950 (ED50) H 29 // X 566.688,82 m / Y 4.814.078,52 m

Centro Nacional de Información Geográfica, Fotototeca Digital, Instituto Geográfico Nacional, Ministerio de Fomento del Gobierno de España [en línea]. Disponible en internet: http://fototeca.cnig.es/ [Acceso 25 junio 2017].

Instituto Geográfico Nacional. Serie MTN25 (Mapa Topográfico Nacional 1:25.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional25.jsp [Acceso 9 abril 2014].

Instituto Geográfico Nacional. Serie MTN50 (Mapa Topográfico Nacional 1:50.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional50.jsp [Acceso 9 abril 2014].

Instituto Hidrográfico de la Marina, 1959. Ría de El Ferrol del Caudillo (hoja II). Desde el Castillo de S. Felipe hasta el fondo de la ría. Océano Atlántico Norte. Costa NW de España. Carta 9293, con levantamientos efectuados en 1953 y 1956 y correcciones hasta 1976. Cádiz: Talleres del Instituto Hidrográfico de la Marina. DL CA-95-1972.

Instituto Hidrográfico de la Marina, 1960. De Punta Frouseira a las Islas Sisargas, con las rías de El Ferrol del Caudillo, Ares, Betanzos y La Coruña. Océano Atlántico Norte. Costa NW de España. Carta 929, con levantamientos no datados y correcciones hasta 1978. Cádiz: Talleres del Instituto Hidrográfico de la Marina. DL CA-1074-1971.

Instituto de Estudos do Territorio da Xunta de Galicia. Mapas de Galicia 1:5.000, Santiago de Compostela: Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas [en liña] Dispoñible na Internet: http://sitga.xunta.es/sitganet [Acceso 24 abril 2014].

Instituto de Estudos do Territorio (IDE) da Xunta de Galicia. Información Xeográfica de Galicia: visor de mapas [en liña]. Dispoñible na Internet: http://mapas.xunta.es/visualizador-de-mapas [Acceso 13 agosto 2017].

Xunta de Galicia (Consellería do Medio Rural). Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícola (SixPac): visor de mapas [en liña]. Dispoñible na Internet: http://sixpac.xunta.es/visorsixpac/ [Acceso 13 agosto 2017].

Data de Actualización:

13 agosto 2017