479 Estaleiro de Ramón Aguilar

Galería de Fotos

VerVerVerVer
  • Provincia: A Coruña
  • Concello: Fene
  • Parroquia: Santo Estevo de Perlío
  • Lugar: Perlío
  • Paraxe: A Ostreira
  • Dirección: Non procede
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 43.47171117564256
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.180014597198465
  • Coordeadas UTM: Datum europeo 1950 (ED 50): H 29 // X 566.688,82 m / Y 4.814.078,52 m
  • Clasificación: Construción naval
  • CNAE: 30.11 Construción de barcos e estruturas flotantes.
  • Tipoloxía: Carpintería de ribeira artesanal
  • Comarca: Ferrol
  • Marco Xeográfico: A Ribeira de Perlío, na desembocadura do río de Magalofes na marxe esquerda da ría de Ferrol
  • Ámbito: Rural e mariñeiro (hoxe urbano)
  • Acceso: Sairemos de Ferrol pola estrada nacional N-651, cara a Fene. A uns cinco quilómetros, ao final da ponte das Pías e antes de entrar en Perlío, apartaremos pola dereita, cara ao portal de entrada a factoría e instalacións de ASTANO, hoxe Navantia, onde estivera o primitivo estaleiro.

Tipo de propiedade:

Pública

Visitable:

Exteriormente

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

Nunha rexión como Galicia, con extensa costa, algunhas lagoas e numerosos cursos fluviais, debe sen dúbida ser case tan antiga como a aparición do home a industria de construción e reparación de embarcacións, aínda que ata o momento só poidamos remontarnos no tempo ata o achado dunha embarcación prehistórica —a monóxila— feita do tronco oco dunha árbore e desenterrada dos lodos prehistóricos do esteiro do río Ulla.

Desde este remotísimo descubrimento, e sen dubidar de que a construción de embarcacións mantívose activa en tantos séculos escuros, a falla de máis datos obríganos a un prodixioso salto na historia, que nos leva aos albores do século XII, cando as correrías dos normandos e os zanfoneos dos árabes fixeron, por fin, pensar en defenderse no mesmo elemento mariño.

Iniciada a actividade naval militar en Cantabria e Cataluña, a mariña castelá tomou en Galicia as súas primeiras naves, e contra 1122 Diego Xelmírez emprendeu a tarefa de crear a primeira escuadra galega: ordenou traer desde Arlés, Pisa e Xénova expertos en construción de barcos e homes entendidos nas prácticas do mar. Coa construción baixo a dirección do Mestre Oggiero de dúas galeras birremes nos afamados estaleiros de Iria Flavia, establécese a primeira base naval da armada galega no mar de Arousa.

O inicio do século XIV trasládanos á desembocadura do río Belelle no mar de Xubia (ría de Ferrol) para encontrar os arsenais nos que os carpinteiros de Neda construíron as naves que en 1340 ao mando do capitán Alonso Esquío combateron aos berberiscos no sur peninsular, e cuxa destacada intervención moveu á concesión por Alfonso XI de foros e privilexios á Vila de Neda.

A finais do século XV, cando os Reis Católicos confirmaron á Vila de Foz as súas franquías e inmunidades, os seus estaleiros eran dos principais de Galicia, destacando tamén nesta época os estaleiros de Pontevedra e –xa a principios do XVI– os diversos arsenais da ría ferrolá fundamentalmente ocupados na construción de galeras para a armada real.

Se xa en 1346 se documenta o transporte de vino desde Ribadeo a Brest, non é de estrañar a solvencia dos seus varadoiros, nos que tamén se reparaban as embarcacións que transportaban madeira a Andalucía e retornaban co valioso sal.

Noia é outra poboación costeira que destaca no século XVII, xunto coas xa nomeadas, pola calidade dos seus estaleiros e varadoiros.

Serían sen dúbida numerosos, ademais destes establecementos principais, os pequenos estaleiros e carpinteiros de ribeira diseminados polas praias e enseadas galegas. Recoñécese incluso como frecuente o desprazamento dos mestres y operarios de algún estaleiro para a construción das embarcacións que se demandaban en circunstanciais emprazamentos que se configuraban como varadoiros para a ocasión.

A pesca e o comercio marítimo souberon das gabarras de Viveiro; as bucetas de O Barqueiro; os barlotes de Bares; os traiñóns de Cariño; os trincados de Maniños e Barallobre; as miñotas de Miño e as sadiñas de Sada; as lanchas de Fisterra; os galeóns de Arousa; as batelas e os anguleiros de Tui; os botes, menuetas, chalupas, gamelas, chalanas, faluchos,pataches… e, por suposto, as dornas: dornas de O Son, de Castiñeiras, de O Grove…

Estaleiros de Domaio, de Baldráns, de Cangas, de Coruxo… Afortunadamente podemos recuperar a memoria de moitos deles nos traballos de Staffan Mörling ou de José María de Juan-García. Non son, sen embargo, demasiados os que hoxe sobreviven á invasión do ferro e, sobre todo, dos plásticos. Aínda estamos a tempo de fixar no recordo a pegada da maioría de eles e aínda quizá de conservar a memoria viva do traballo amoroso de algún dos que, en verbas de Antón Avilés de Taramancos, “na outra banda do mar…están a construír a torre de cristal da miña infancia”.

Descrición Xeral do Entorno:

O estaleiro situárase na beiramar da ribeira de Perlío, na beira esquerda da desembocadura do río Cádavo (ou río de Magalofes), ao sur da Punta das Pías (posibelmente asento dunha salga romana), na marxe esquerda da ría de Ferrol, a carón do camiño que levaba ao embarcadoiro de Perlío, nunha zona moi ben comunicada por mar e por terra, próxima a vía do ferrocarril Betanzos-Ferrol e a estrada nacional N-VI de Madrid a Ferrol.

Construcción:

1914.

Abandono:

1941, vendido aos promotores de ASTANO.

Descrición:

Ramón Aguilar Colomer foi un rico comerciante de orixe catalán aveciñado en Ferrol e con intereses nalgunhas das fábricas de curtidos estabelecidas nas ribeiras de Maniños (vid. ficha 338), Barallobre (vid. ficha 335 e ficha 365) e Perlío (Fábrica do Ramo). O seu fillo, Ramón Aguilar León, asentaría en Barallobre, casado dende 1819 con Francisca García. O matrimonio tería nove fillos e os seus descendentes espallaríanse polas ribeiras de Fene dedicándose maioritariamente a actividades relacionadas co mar.

O carpinteiro de ribeira Jacobo Aguilar Rodríguez, coñecido como Jacobo de Roque pola súa pertenza ao Voto de San Roque, establecera na ribeira de Maniños un estaleiro no que construíu trincados dende os anos finais do século XIX e no que traballaban tamén os seus fillos, Ramón e Antonio Aguilar Pérez (vid. ficha 336).

Nos primeiros anos do século XX Ramón decidiu independizarse do seu pai e despois dun tempo en Montevideo (Uruguay), retornou para fundar en 1914 un estaleiro propio na Ostreira, na ribeira de Perlío. O pequeno taller de carpintería de ribeira de Ramón Aguilar Pérez (máis coñecido como Ramón de Roque ou Ramón dos barcos) dedicouse a construción e reparación de embarcacións de madeira para actividades pesqueiras e de cabotaxe. 

No seu pequeno estaleiro traballaría con media ducia de homes, incorporando, respectivamente en 1924 e 1926, os seus fillos maiores, José e Jacobo Aguilar Blanco, para construír e reparar as ordes do seu pai pequenas embarcacións de madeira, de non máis de trinta e dous metros de eslora.

Do estaleiro sairían embarcacións como o cargueiro “Perla del Río”, construído en 1918, con 150 toneladas de arqueo total e 90 de arqueo neto, 242 toneladas de desprazamento e 210 de carga, 25’20 metros de eslora entre perpendiculares, 6’94 metros de manga, 3’04 metros de puntal e 2’95 metros de máximo calado. Dotado cunha máquina Diesel de 160 cabalos de vapor, podía alcanzar unha velocidade de 6 nós.

Outras construcións notables serían o cargueiro “Joven Conchita”, construído en 1919, con 136 toneladas de arqueo total e 133 de arqueo neto, 200 toneladas de carga, 24’70 metros de eslora entre perpendiculares, 6’98 metros de manga, 3’28 metros de puntal e 3’36 metros de máximo calado. Dotado cunha máquina de vapor de 112 cabalos, podía alcanzar unha velocidade de 9 nós. Con tres paus, podía tamén navegar a vela para aforrar carbón.

O “Juana y Maruja”, construído en 1928, con 14’60 metros de eslora entre perpendiculares, 4’58 metros de manga, e 1’45 metros de puntal; o “Leticia”, construído en 1936, con 24’00 metros de eslora entre perpendiculares, 6’00 metros de manga, e 3’75 metros de puntal; e o pesqueiro “Francisco Yáñez”, construído en 1939, con 18’91 metros de eslora entre perpendiculares, 4’75 metros de manga, e 2’82 metros de puntal, serían os últimos buques construídos no estaleiro dos Aguilar.

Despois de varias negociacións comezadas en 1940 con José María González-Llanos Caruncho, o pequeno taller de carpintería de ribeira sería vendido e no seu emprazamento estabeleceríase no outono de 1941 a empresa “Astilleros y Talleres del Noroeste S.L.” (ASTANO), que chegaría a ser un dos motores económicos da ría de Ferrol (vid. ficha 477).

Ramón Aguilar Pérez continuaría ligado como accionista ao novo estaleiro ata o seu pasamento, o 5 de xuño de 1947, con tan só sesenta e un anos. Os seus fillos foran contratados como traballadores da nova empresa, con emprego en diferentes gremios consonte a súa capacitación: José e Jacobo, carpintería de ribeira; María del Carmen, administración; Ramón, gálibos; e Fidel, maquinaria.

Tempo de uso:

Todo o ano.

Sistema de produción:

A construción do casco de madeira coas súas divisións internas, as casetas sobre cuberta e o proceso de posta á boia corresponden ao ámbito gremial da carpintería de ribeira. Cando un carpinteiro de ribeira deixa de traballar por conta doutros e establécese ao fronte do seu propio estaleiro convértese en construtor naval, e a súa responsabilidade abarca todas as actividades empresariais que implica a construción dunha embarcación.

O proceso de construción que tradicionalmente seguiron os carpinteiros de ribeira artesanais é de tipo secuencial. O barco contrátase sobre a base dunhas dimensións principais (eslora total, manga fora de forros e puntal de construción) e unha sinxela especificación de materiais, cuxa complexidade aumenta co tamaño.

O carpinteiro define a forma do casco coa elaboración da maqueta ou maqueto, un modelo a escala reducida do medio casco en madeira, ou ben, no canto de embarcacións menores, mediante a construción e o montaxe dos elementos principais (roda, codaste, unha ou varias cadernas), que sérvenlle de elementos directores para obter a superficie empregando rixideiras (junquillos).

A elaboración das pezas que van formar a estrutura comeza coa selección da madeira, e continua co trazado e o corte. O proceso construtivo, así sinxelamente descrito, remata coa montaxe a bordo e a ensamblaxe dunhas pezas coas outras. Finalmente, o coidadoso calafateado e impermeabilizado do casco debería garantir a completa estanquidade da embarcación.

Despois dos últimos retoques e o pintado do barco, chegaba o momento da verdade, a botadura da embarcación ao mar, proba real e definitiva da bondade da construción. O acto supuña sempre un gran acontecemento público e o feliz desenlace liberaba as tensións entre vivas expresións de ledicia e xúbilo.

No traballo tradicional xeralmente non se facían planos, gozando dunha ampla liberdade para definir as formas do casco e os aspectos construtivos da estrutura, respectando as dimensións principais e os escantillóns dos elementos básicos do proxecto. As montaxes mecánicas as realizaba normalmente persoal alleo ao estaleiro.

Por contra, e ademais da propia dimensión empresarial, a carpintería de ribeira industrial tiña como diferenzas significativas o feito de que traballábase sempre sobre plano e de que dispuñan de un cadro de persoal estable, levándose xeralmente a cabo as montaxes mecánicas nos seus propios talleres.

No paso da construción en madeira a construción en aceiro, os traballos van facerse sempre sobre planos, e a caldeiraría e a chapa revisten unha menor complexidade, podendo resumirse no debuxo e marcado, corte, pregado, montaxe, axuste e acabado. As unións facíanse a medio de bulóns remachados ata a xeneralización a finais do decenio de 1940 dos procesos de fusión por soldadura por arco eléctrico.

Actividades laborais:

O traballo desenvolvíase nun areal, baixo un cuberto ou, no mellor dos casos, no varadoiro dun estaleiro xa consolidado. O traballo era sempre desenvolvido por homes con cadansúa especialización: carpinteiro de ribeira, calafate, mecánico, pintor. Un deles, máis experimentado e capaz, era o responsable do deseño e trazado das formas, ademais de dirixir a construción da embarcación.

Emprego:

No momento de maior actividade traballaran seis carpinteiros de ribeira, un calafate e un mecánico.

Materias Primas:

Madeira, estopa e brea, cravazón, bulóns, pintura.

Produtos Elaborados:

Embarcacións de madeira de pequeno tamaño e variado porte.

Distribución e comercialización:

Local e rexional.

Referencias Bibliográficas:

Aguilar Sardina, Jacobo (2009). ASTANO en el recuerdo [En línea] Accesible en Internet: http://fenecom.blogspot.com.es/2009/05/astano-en-el-recuerdo-i.html [Acceso 12-08-2017].

Artime González, Anselmo (1994). La construcción de embarcaciones de madera en los astilleros de Luanco, Luanco: Museo Marítimo de Asturias. ISBN 84-86889-28-6.

Ateneo Ferrolán (2009). "A construcción naval na ría de Ferrol". Cadernos do Ateneo Ferrolán, ano XX, número 19, 2008. Ferrol: Ateneo Ferrolán. DL C-994-2009. ISBN 84-933518-1-4.

Ballestero Aguilar, Alfonso (1993). Juan Antonio Suanzes 1891-1977: la política industrial de la postguerra, León: LID Editorial Empresarial. ISBN 84-8871-711-3.

Blanco García, Jesús (2008). Guía de las embarcaciones tradicionales gallegas. Colección Mar de Fora, Vigo: Edicións Nigra Trea. DL VG-488-2009. ISBN 978-84-95364-87-6.

Carmona Badía, Xoán; Nadal Oller, Jordi (2005). El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Giráldez Rivero, Jesús (n.d.). El bulto y la sombra: la financiación del sector pesquero y la hipoteca naval (1900-1959), [En línea] Accesible en Internet http://www.usc.es/estaticos/congresos/histec05/b6_giraldez.pdf [Acceso 12-08-2017].

Hein, H. (1942). “Arquitectura naval”, Manual del Ingeniero, Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, trad. de la 26ª edición alemana. Barcelona: Gustavo Gili, tomo IV, capítulo I: Medios de transporte, sección I, p. 1-87.

Juan-García Aguado, José María de (2001). La carpintería de ribera en Galicia (1940-2000), Monografías nº 95, A Coruña: Servicio de Publicacións da Universidade da Coruña. DL C-2261-2001. ISBN 84-95322-71-4.

Juan-García Aguado, José María de (2009). “A carpintaría de ribeira na ría de Ferrol”. A construción naval na ría de Ferrol. Cadernos do Ateneo Ferrolán, ano XX, número 19, 2008. Ferrol: Ateneo Ferrolán, p. 33-40. DL C-994-2009. ISBN 84-933518-1-4.

Juan-García Aguado, José María de (2011). A carpintería de ribeira en Galicia (1940-2000), Cangas do Morrazo: Edicións Morgante, DL M-28444-2011. ISBN 978-84-15166-18-4.

Juan-García Aguado, José María de; Rey Fraguela, Juan (2008). “Los últimos carpinteros de ribera de Neda”, Revista de Neda: anuario cultural do Concello de Neda, nº 11, dir. Manuel Pérez Grueiro, Concello de Neda, Neda, Coruña, p. 76-85. ISSN 1139-1154.

Lara Coira, Manuel (2009). “Carpintería de ribeira”, Galegos, número 5, I trimestre 2009, Ensenada de Ézaro, Santiago de Compostela, p. 94-97. DL VG-549-2008. ISSN 1889-2590.

Lorenzo Fernández, Xaquín (1962). “Etnografía: cultura material. Os oficios: Carpinteiros de ribeira”, Historia de Galiza, Ramón Otero Pedrayo (dir.), Buenos Aires: Editorial Nós, Vol. II, p. 486-491. ISBN 84-9745-054-X.

Lorenzo Fernández, Xaquín (1983). Os oficios, Biblioteca Básica da Cultura Galega, Vigo: Editorial Galaxia, p. 301-305. ISBN 84-7154-425-3.

Máiz Vázquez, Bernardo; Freire Hermida, Enrique (2009). As embarcacións tradicionais: do Arco Ártabro a Ribadeo, Museo do Pobo Galego, Ferrol: Edicións Embora. DL C-387-2009. ISBN 978-84-92644-01-8.

Marco Hernáez, Julio Aurelio (1945). El Ferrol del Caudillo. Guía de la ciudad. Año I de su publicación. 2ª época. Enero de 1945. La Coruña: Talleres de Litografía e Imprenta Roel.

Martín Aceña, Pablo; Comín Comín, Francisco (1991). INI, 50 años de industrialización en España, Madrid: Espasa-Calpe. ISBN 84-239-6238-5.

Massó y García-Figueroa, José María (1992). Barcos en Galicia. De la prehistoria hasta hoy y del Miño al Finisterre, (2ª ed.), Pontevedra: Diputación Provincial de Pontevedra. ISBN 84-86845-7629-3.

Mörling, Staffan (1989). As embarcacións tradicionais de Galicia, Santiago de Compostela: Xunta de Galicia. DL C-1237-1989. ISBN 84-453-0070-9.

Pazos Pérez, Lino José (2009). Aqueles barcos de madeira. Carpinterías de ribeira. Apuntamentos para una memoria marítima de Galicia. Pontevedra: Damaré Edicións. ISBN 978-84-935835-8-3.

San Román López, Elena (1999). Ejército e industria: el nacimiento del INI, Barcelona: Crítica. ISBN 84-7423-992-3.

Schwartz, Pedro; González, Manuel Jesús (1978). Una historia del Instituto Nacional de Industria 1941-1976, Madrid: Tecnos. ISBN 84-3090-770-X.

Xunta de Galicia (2007-2011). Plan de Ordenación do Litoral [en línea]. Disponible na Internet: http://www.xunta.es/litoral [Acceso 13 agosto 2017].

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 22-I Fene // Datum europeo 1950 (ED50) H 29 // X 566.688,82 m / Y 4.814.078,52 m

Centro Nacional de Información Geográfica, Fotototeca Digital, Instituto Geográfico Nacional, Ministerio de Fomento del Gobierno de España [en línea]. Disponible en internet: http://fototeca.cnig.es/ [Acceso 25 junio 2017].

Instituto Geográfico Nacional. Serie MTN25 (Mapa Topográfico Nacional 1:25.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional25.jsp [Acceso 9 abril 2014].

Instituto Geográfico Nacional. Serie MTN50 (Mapa Topográfico Nacional 1:50.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional50.jsp [Acceso 9 abril 2014].

Instituto Hidrográfico de la Marina, 1959. Ría de El Ferrol del Caudillo (hoja II). Desde el Castillo de S. Felipe hasta el fondo de la ría. Océano Atlántico Norte. Costa NW de España. Carta 9293, con levantamientos efectuados en 1953 y 1956 y correcciones hasta 1976. Cádiz: Talleres del Instituto Hidrográfico de la Marina. DL CA-95-1972.

Instituto Hidrográfico de la Marina, 1960. De Punta Frouseira a las Islas Sisargas, con las rías de El Ferrol del Caudillo, Ares, Betanzos y La Coruña. Océano Atlántico Norte. Costa NW de España. Carta 929, con levantamientos no datados y correcciones hasta 1978. Cádiz: Talleres del Instituto Hidrográfico de la Marina. DL CA-1074-1971.

Instituto de Estudos do Territorio da Xunta de Galicia. Mapas de Galicia 1:5.000, Santiago de Compostela: Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas [en liña] Dispoñible na Internet: http://sitga.xunta.es/sitganet [Acceso 24 abril 2014].

Instituto de Estudos do Territorio (IDE) da Xunta de Galicia. Información Xeográfica de Galicia: visor de mapas [en liña]. Dispoñible na Internet: http://mapas.xunta.es/visualizador-de-mapas [Acceso 13 agosto 2017].

Xunta de Galicia (Consellería do Medio Rural). Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícola (SixPac): visor de mapas [en liña]. Dispoñible na Internet: http://sixpac.xunta.es/visorsixpac/ [Acceso 13 agosto 2017].

Data de Actualización:

8 setembro 2017