484 Bassols y Cía. (Ángel Durán y Cía.)

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: Lugo
  • Concello: Viveiro
  • Parroquia: Santa María de Chavín
  • Lugar: Chavín
  • Paraxe: Souto da Retorta – Calvoso
  • Dirección: Non procede
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 43.61327477456242
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -7.589445816299417
  • Coordeadas UTM: Datum europeo 1950 (ED 50): H 29 // X 613.838,72 m / Y 4.830.110,39 m
  • Clasificación: Industria téxtil
  • CNAE: 13.10 Preparación e fiado de fibras téxtiles. 13.20 Fabricación de tecidos téxtiles.
  • Tipoloxía: Fábrica de fiados e tecidos de liño, lá, algodón e seda
  • Comarca: A Mariña Occidental
  • Marco Xeográfico: Ribeira dereita do río Landro, augas arriba do coto do Naseiro
  • Ámbito: Rural
  • Acceso: En Viveiro cóllese a estrada LU-540 cara a Ourol. A uns tres quilómetros e medio, no lugar de Altamira, apartaremos á esquerda, pola LU-161, cara a Chavín. A pouco máis de dous quilómetros e medio chegaremos ao lugar de Calvoso, onde estiveran os talleres de Jaume Bassols e despois os de Ángel Durán e José Barro

Tipo de propiedade:

Privada

Xestión de visitas:

Exteriormente

Historia:

Aínda que no centro e o norte da Europa non fallan achados que proban a existencia no neolítico de tecidos de liño e de la (o tecido europeo de lá máis antigo que se coñece descubriuse nun lamazal danés e datárase contra o 1500 a.C), e mesmo o emprego de certos aparellos para elaboralos, en Galicia temos que esperar até a cultura castrexa para contar con testemuñas directas da primitiva industria do tecido.

Antes da invención das cizallas –probabelmente na Idade de Ferro– a lá arrincábase a man ou con peites de cobre. No tempo dos romanos, a lá, o liño, e o coiro vestían á poboación europea; o algodón da India era unha curiosidade da que só os naturalistas oíran falar; e a seda, importada dende China pola Ruta da Seda, era un luxo extravagante.

Despois da romanización, son case que inexistentes as referencias aos tecidos en Galicia, aínda que cabe supor que continuarían coa técnica romana. Xa na Idade Media galega, atópanse referencias documentais (vendas, testamentos) aos tecidos, nomeadamente de liño, deixando mesmo pegadas nalgunhas tampas sepulcrais de Noia e Compostela (Santa Susana).

Malia que a elaboración de tecidos de lá tivera algunha importancia en todo o nordés da provincia de Pontevedra (nomeadamente, Cotobade, Tabeirós e Montes), e que en Monforte se traballara a seda, dun xeito que arrela foi o liño a principal fibra obxecto de transformación téxtil. Porén, e a maiores das actividades do rural que servían para completar a subsistencia das familias campesiñas, sábese de algunha experiencia propiamente industrial coa lá, como fora a fábrica de panas dos irmáns Lees en Pontevedra (vid. ficha 232).

Pódese dicir que dende principios do século XVIII o liño é o motor económico principal na vida rural dunha Galicia súper poboada, cunha difusa e parcelada poboación campesiña que atopa nas feiras locais a consolidación da transacción polo miúdo de fibras, fíos e tecidos.

Xa no tránsito do século XVIII ó XIX son famosos os lenzos de Viveiro e de Mondoñedo, de Padrón e de Caldas, e os centros de recolleita e comercialización de liño de Verín, A Fonsagrada e Ordes, mais as liñeiras de Galicia non son bastantes para o abastecemento dos seus teares, e vai medrando a entrada de expedicións das veigas leonesas e zamoranas, e mesmo de Rusia, os países do Báltico e Holanda, chegando a supor o oitenta por cento dos lotes manexados nos teares galegos.

A comezos do século XIX, a perda dos mercados coloniais, a competencia do contrabando británico de tecidos de la e de algodón, a importación de fiados de liño e a consolidación do téxtil catalán coa competencia crecente do algodón, vai acelerar a decadencia de todo o téxtil galego, xa fose de liño, de lá ou mesmo de algodón [Carmona, 1990].

Por outra banda, a repatriación de capitais americanos e os fortes ingresos xerados pola exportación de gran favorecería en Galicia algúns investimentos produtivos que buscaban aproveitarse do devandito arancel para implantar modernas industrias de tecidos de liño.

Tres foran os estabelecementos que se puxeran daquela en marcha en Galicia para a fabricación de tecidos de liño: en 1845 a fábrica do Seixo (vid. ficha 154); en 1847 a fábrica do Roxal (que comezara en 1843 co algodón, vid. ficha 098); e en 1850 a fábrica de Chavín que aquí se recolle (vid. tamén ficha 376 e ficha 392).
Desestimados os intentos de mecanización do traballo do liño, as novas iniciativas téxtiles que xorden en Galicia a comezos da década de 1870 van quedar restrinxidas o ramo do algodón, favorecidas pola avanzada liquidación das industrias rurais, o que lles supón unha menor competencia na conquista dunha pequena parcela do mercado rexional. Foron estas industrias “La Primera Coruñesa” (1873), “Barcón y Cía.” (1873, vid. ficha 452), e “La Arzuana” (1890, vid. ficha 201), pero esta é xa outra historia…

Descrición Xeral do Entorno:

O taller situárase na ribeira dereita do río Landro, e a carón da estrada a Viveiro, no Souto da Retorta do lugar de Calvos da parroquia de Chavín.

Construcción:

1850 por Jaume Bassols; rehabilitada en 1894 por Ángel Durán e José Barro.

Abandono:

1864 (Bassols); 1910 (Durán e Barro).

Descrición:

Na parroquia de Chavín, a seis quilómetros de Viveiro, establecérase no ano 1850 a fábrica “Bassols y Compañía”, de fiados e tecidos de liño e algodón. Un motor hidráulico coñecido como turbina Fourneyron accionaba as instalacións, que completábanse cuns muíños fariñeiros (vid. ficha 376). As augas derivábanse do río Landro no paraxe chamado Souto da Retorta, e conducíanse por unha canle de 1.050 metros de lonxitude pola ribeira dereita do río. Segundo Donapetry, as instalacións construíranse baixo a dirección do enxeñeiro de minas hispano-alemán Guillermo Schulz (Wilhelm Phillip Daniel Schulz Schweizer), quen tamén dirixira por un tempo a súa explotación.

O establecemento fabril de Jaume Bassols tivo “vida accidentada y breve” [Donapetry, 1953], funcionando pouco máis de dez anos xa que, co aumento da confección con teas de algodón e a diminución das manufacturas de liño, pecharía en 1864.

Contra 1886 as instalacións, abandonadas e ruinosas, serían adquiridas polo empresario mindoniense Diego Valiño Montenegro, quen dedicaría a finca a plantación de eucaliptos.

No ano 1894 o médico ortegano Ángel Durán Villarnovo, estabelecido n’A Coruña, poría en marcha co seu cuñado Ramón Cao unha fábrica téxtil de xéneros de punto de algodón no Camiño Novo da cidade coruñesa. A pouco melloraría as instalacións ampliando o negocio cun novo socio, Juan Carreras-Presas Mariñas, e xirando con nome de “Fábrica de géneros de punto de Durán y Presas”.

A competencia en prezos e calidades do téxtil catalán e os altos custos do carbón consumido na fábrica polas máquinas de vapor, levaríao a procurar unha fonte enerxética máis aquelada, negociando a adquisición das vellas instalacións movidas pola forza da auga do río Landro que Jaume Bassols construíra corenta e cinco anos antes en Viveiro para a fabricación de lenzos, lonas e velames.

En 1896 Ángel Durán adquiría a finca do Souto da Retorta e formaba sociedade co mindoniense José Barro González e o sogro deste, Domingo Franco, coa intención de recuperar as vellas instalacións de Bassols e poñer en marcha unha nova fábrica téxtil para a fabricación de tecidos de punto baixo a razón social “A. Durán y Compañía”.

José Barro quedaría ao fronte das novas instalacións téxtiles postas en marcha aproveitando as existentes, e ademais ampliaría o negocio, xa en 1897, coa construción dun un serradoiro mecánico para manufacturar doelas, barrotes e casca de piñeiro, e cun muíño fariñeiro con tres moas que axudaría a satisfacer a elevada demanda de moenda existente na comarca, industrias que xirarían baixo a razón social “Barro y Compañía”.

As necesidades de enerxía do conxunto industrial e as boas perspectivas de negocio levaran aos socios a construír unha central hidroeléctrica que substituíra ao vello motor hidráulico Fourneyron de 25 cabalos (uns 18 quilovatios) que fora de Bassols (vid. ficha 376). De camiño comezaron a adaptación das instalacións para a produción de enerxía eléctrica, instalando unha turbina de 70 cabalos (uns 50 quilovatios) para arrastrar unha dínamo Siemens-Halske que proporcionaba corrente continua a 3.000 voltios, e coa que xa dende 1896 comezaran a subministrar a iluminación da vila de Viveiro.

Dende os comezos do novo século, José Barro iría centrando o seu interese na produción de electricidade e na creación dun taller mecánico orientado a industria automobilística, o que xunto coa paulatina perda de peso o levaría a ir prescindindo das outras industrias. En 1907 o serradoiro deixaría de traballar, en 1909 xa non funcionaban os muíños e a fábrica de fariñas, e en 1910 adquiriría as participacións que tiña Ángel Durán no negocio de transportes, no negocio téxtil e na central hidroeléctrica, e liquidaría a cada vez menos rendible fábrica de xéneros de punto.

Reestruturadas as sociedades, José Barro dedicaría as súas enerxías a ampliación da central hidroeléctrica e a consolidación da fundición e do taller mecánico, no que facíase o carrozado e as reparacións necesarias a toda clase de automóbiles (vid. ficha 392).

Tempo de uso:

Todo o ano.

Sistema de produción:

Cinco foron as fibras téxtiles fundamentalmente empregadas dende a Idade Media para a elaboración de tecidos, redes e cordas: dúas de orixe animal, a lá e a seda, e tres de orixe vexetal, o cáñamo, o liño e o algodón. A lá e o liño, abondosas no norte da península, serían as preferidas para a confección de vestimenta. O algodón quedou practicamente restrinxido á súa zona de cultivo, o val do Guadalquivir, de Xaén a Cádiz, empregándose para vestidos. A seda, ligada a poboacións de orixe musulmán, dende Aragón ata Granada e Málaga, pasando por todo Levante, só foi utilizada en roupas suntuarias. E o cáñamo, cultivado en na metade meridional peninsular, A Mancha, Murcia e Andalucía, empregábase para a confección de tecidos bastos e resistentes, cordas e enxarcia para as embarcacións.

As fibras en si mesmas son materias carentes das mínimas propiedades industriais, polo que precisan dunha primeira modificación que converta o pelo dun animal ou o talo dunha planta en un elemento apropiado –a fibra limpa, cardada e peiteada– para ser traballado até se transformar en fío continuo. O fiado das fibras era a segunda transformación, consistente na agrupación e torcido dos filamentos de tal xeito que quedaran trabados entre eles formando un fío continuo, a base das seguintes transformacións.

As fías (as fibras xa fiadas) agrupábanse entón para obter a lonxitude desexada da tea a confeccionar, o urdido que se montaba no tear para proceder á realización da trama que daría como resultado o tecido. Ademais dos teares, verticais ou horizontais, a textura podía tamén ser realizada tecendo con agullas, cunha febra continua que evolucionaba sobre si mesma, uníndose por medio de unha grande variedade de puntos acaídos ó resultado desexado, dende unha media a unha rede formada por mallas. Os tecidos xa fabricados e finalizado o seu acabado (abatanado, lavado, etc.) cortábanse co tamaño e a forma requirida para a elaboración de vestidos, cobertores, velas, toldos, bandeiras, etc.

A mecanización vai mudando os usos e costumes, facilitando o traballo e a competitividade, mellorando a calidade e reducindo os custos. A baratura do fiado de importación facilitou o abandono dos duros labores do cultivo do liño, que non chegou a se mecanizar en Galicia. Aínda que si se mecanizaron as tarefas do urdido, do branqueado, do tecido, que mudaron a individualidade dos teares rurais pola centralización do maquinismo, demandando nesta angueira un novo e principal ben que vai ser en adiante imprescindíbel na industrialización: a enerxía.

A fabricación de tecidos comeza polo procesado da fibra, sexa o vélaro das ovellas (ou o pelo doutros animais, coello, camelo, alpaca, vicuña), a seda dos vermes, ou a fibra do liño, do algodón ou de calquera outra planta téxtil (cánabo, yute, ramio). A la debe ser clasificada e lavada antes do seu fiado. A seda desenrólase dos casulos despois de abrandar a goma natural en auga quente, o que permite unha separación doada sen romper as finas fibras. A fibra do liño vai obterse despois dunha serie de operacións mecánicas e químicas. O algodón en bruto procésase coa “desmotadora”, que elimina as sementes e outras impurezas, antes de ser transportado en balas ao fiado.

Obtida unha fibra susceptible de ser fiada, os filamentos continuos agrúpanse e tórcense para formar longos fíos de varias febras. Os filamentos rotos e o material de refugallo aprovéitanse e fíanse de maneira similar á empregada para as fibras curtas.

As fibras sintéticas (sexan rayón e acetatos derivados da celulosa, ou ben fibras realmente sintéticas, como nailon, poliéster, polipropileno, fibras acrílicas ou mesmo fibra de vidro) subminístranse xa en forma de filamentos ou de fibras curtas, xa como fibra de filamento continuo. As fibras sintéticas curtas procésanse antes do fiado de forma similar ao algodón cru ou a la, mentres que as de filamento continuo convértense en fío igual que a seda.

Unha vez fiadas as fibras, o fío obtido vai tecerse, a man ou a máquina, para obter a tea ou tecido. Un tecido é unha estrutura téxtil obtida polo entrelazado dun só fío (tecido de punto) ou de dúas ou máis series de fíos, cada unha das cales móvese segundo unha determinada lei (tecido plano e tecido aglutinado).

O tecido de punto é o formado por mallas, bucles ou puntos, empregando un só fío moi longo. Faise anoando o fío para formar unha reixa cunha serie de lazadas máis ou menos amplas unidas entre si. Pódese tamén facerse pasando unha lazada de fío sobre unha agulla para logo pasala a outra agulla, entrelazando sempre o mesmo e único fío para formar unha soa estrutura. Os ligamentos básicos do tecido de punto son: baeta, flanela, jersei, piqué. As teas de tecido de punto son difíciles de manexar, esvaran ao cortalas e estiran doadamente, pero adáptanse moi ben ao corpo.

O tecido plano faise nunha máquina chamada tear, manual ou mecánico, e vai elaborándose entrecruzando unha serie de fíos paralelos entre si (trama) con outra serie de fíos, tamén paralelos entre si (urda ou urdido), e que normalmente forman un ángulo recto cos primeiros. Segundo que os fíos de trama e urda se crucen simplemente, ou que cada dous fíos de urdido contiguos se crucen alternativamente de dereita a esquerda e viceversa (abrazando, en cada cruce, o fío da trama), vanse obter tecidos de ligamento recto, ou tecidos con ligamento de volta (gasas). Os ligamentos fundamentais de urda e trama son o “tafetán” (tecido liso, ou á plana), a estameña (tecido cruzado, ou “sarga”) e o satén (raso).

O tecido aglutinado fabrícase con fibras non fiadas (naturais ou sintéticas) que van humectarse e someterse a presión e calor, co cal as fibras van adherirse formando o tecido. Os sistemas principais son os que empregan resinas aplicadas sobre o retículo das fibras que saen da máquina formadora, e os que utilizan fibras termoplásticas que forman o retículo e se prensan entre rolos quentes.

Os produtos téxtiles poden tinguirse de varias maneiras: coloreando as teas xa tecidas (tinguido na peza); poden tinguirse as fibras nunha cuba antes do fiado (tinguido en bruto); e pode tinguirse o fío antes de tecelo (tinguido no fío). No caso dos fíos sintéticos, pódeselle dar un tinguido previo incorporando pigmentos coloreados na solución de fiado antes da extrusión dos filamentos (tinguido en masa ou solución).

O estampado dos tecidos faise principalmente por gravado en baleiro por medio de rolos de cobre nos que as depresións cóbrense coa pasta de estampado. Pódese facer tamén por impresión en relevo ou co emprego de retículas.

Ademais do tinguido e o estampado, as teas poden recibir outros acabados para mellorar o aspecto ou calidades: resistencia ás engurras, pregaduras permanentes, resistencia ao encollido, etc.

Actividades laborais:

O proceso industrial comezaba coa recepción, selección e clasificación da fibra, seguida do procesado previo ao fiado, propio de cada fibra. Obtida a fibra, os filamentos continuos agrúpanse e tórcense para formar longos fíos de varias febras, pasando entón do fiado ao tecido. Os operarios neste proceso mecanizado eran basicamente mulleres, axudadas por nenas. Os homes atendían ao mantemento das máquinas.

Emprego:

A fábrica de tecidos de punto chegaría a empregar unhas cincuenta mulleres, que traballaban en dezaoito teares grandes e doce máquinas de coser nas que remataban as prendas de roupa.

Materias Primas:

Fibras téxtiles naturais, liño (no tempo de Bassols) e algodón, lá e seda importadas directamente desde Francia, Inglaterra y Alemaña (no tempo de Durán).

Produtos Elaborados:

Lenzos, velames e lonas no tempo de “Bassols y Compañía”; medias de todas clases, calcetíns, camisetas e calzóns no tempo de “A. Durán e Compañía” (4.500 pares de prendas fabricados en 1898, cun valor de unhas cen mil pesetas).

Distribución e comercialización:

Nacional.

Referencias Bibliográficas:

Augas de Galicia (2011). “Ficha de caracterización das demandas de auga en centrais hidroeléctricas”, Plan hidrolóxico da demarcación hidrográfica Galicia-costa, Santiago de Compostela: Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia.

Brüggemann, H. (1942). “Tecnología textil y fabricación del papel. Industrias textiles”, Manual del Ingeniero, Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, 2ª ed. trad. de la 26ª edición alemana, Tomo IV. Barcelona: Gustavo Gili, Capítulo VII, p. 777-857.

Carmona Badía, Joam (1990). El atraso industrial de Galicia. Auge y liquidación de las manufacturas textiles (1750-1900), Barcelona: Ariel. DL B-35453-1990. ISBN 84-344-6566-3.

Carmona Badía, Xoán (1990). “Crisis y transformación de la base industrial gallega, 1850-1936”, Pautas regionales de la industrialización española (siglos XIX y XX), Jordi Nadal Oller y Albert Carreras Odriozola (dirección y coordinación), Barcelona: Ariel, p. 23-48. DL B-218-1990. ISBN 84-344-6563-9.

Carmona Badía, Xoán; Nadal Oller, Jordi (2005). El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Córdoba de la Llave, Ricardo (2008). “Industrias del tejido y del cuero”, Ars Mechanicae: ingeniería medieval en España, Pedro Navascués Palacio (coord.), Fundación Juanelo Turriano. Madrid: Ministerio de Fomento (CEDEX-CEHOPU), p. 225-233. DL M-46232-2008. ISBN 978-84-7790-470-0.

Donapetry Iribarnegaray, J. (1953). Historia de Vivero y su Concejo, Vivero: Ayuntamiento de Vivero, edición facsímil de 1991 de la Diputación Provincial de Lugo. DL LU-811-1991. ISBN 84-86824-00-1.

Gross, K. (1942). “Hornos industriales”, Manual del Ingeniero, Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, 2ª ed. trad. de la 26ª edición alemana, Tomo IV. Barcelona: Gustavo Gili, Capítulo X, p. 1017-1076.

Lorenzo Fernández, Xaquín (1962). “Etnografía: cultura material. Os tecidos”, Historia de Galiza, Ramón Otero Pedrayo (dir.), Buenos Aires: Editorial Nós, vol. II, O home-II, p. 623-658.

Lorenzo Fernández, Xaquín (1983). “Os tecidos”, Os oficios, Biblioteca Básica da Cultura Galega, Vigo: Editorial Galaxia, p. 223-273. DL VG-18-1983. ISBN 84-7154-425-3.
Nuevo Cal, Carlos (2004). Viveiro: unha historia en fotografías, 1888-1930, Viveiro: Seminario de Estudos Terra de Viveiro. DL LU-311-2004. ISBN 84-921804-5-5.

Nuevo Cal, Carlos (2006). “José Barro González (1873-1943)”, Empresarios de Galicia, Xoán Carmona Badía (coord.), Centro de Investigación Económica e Financeira (CIEF), A Coruña: Fundación Caixa Galicia, p. 302-317. DL C-2900-2006. ISBN 84-96494-83-7.

Puche Riart, O.; Ayala-Carcedo, F. J. (2001). “Guillermo P. D. Schulz y Schweizer (1800-1877): su vida y su obra en el bicentenario de su nacimiento”. Boletín Geológico y Minero, 112(1): 105-122. ISSN 0366-0176.

Suárez Sandomingo, José Manuel (2014). Orteganos en el mundo: Ángel Durán Villarnovo, médico, empresario e innovador [en línea] Disponible en Internet http://www.galiciadigital.com/opinion/opinion.11435.php [Acceso 14 octubre 2017].

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 8-II Viveiro // Datum europeo 1950 (ED50) H 29 // X 613.838,72 m / Y 4.830.110,39 m

Instituto Geográfico Nacional. Serie MTN25 (Mapa Topográfico Nacional 1:25.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional25.jsp [Acceso 9 abril 2014].

Instituto Geográfico Nacional. Serie MTN50 (Mapa Topográfico Nacional 1:50.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional50.jsp [Acceso 9 abril 2014].

Instituto de Estudos do Territorio da Xunta de Galicia. Mapas de Galicia 1:5.000, Santiago de Compostela: Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestructuras [en liña] Dispoñible na Internet: http://sitga.xunta.es/sitganet [Acceso 24 abril 2014].

Instituto de Estudos do Territorio (IDE) da Xunta de Galicia. Información Xeográfica de Galicia: visualizador de mapas [en liña]. Dispoñible na Internet: http://mapas.xunta.es/visualizador-de-mapas [Acceso 15 outubro 2017].

Xunta de Galicia (Consellería do Medio Rural). Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícola (SixPac): visor de mapas [en liña]. Dispoñible na Internet: http://sixpac.xunta.es/visorsixpac/ [Acceso 15 outubro 2017].

Data de Actualización:

15 outubro 2017