504 Compañía Azufrera del Noroeste

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: Pontevedra
  • Concello: Redondela
  • Parroquia: Santo André de Cedeira
  • Lugar: Canguelos
  • Paraxe: As Muradas
  • Dirección:
    Non procede
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.287589565915106
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.649508463165262
  • Coordeadas UTM: Datum ETRS89: H 29 // X 528.896,48 m / Y 4.681.773,57 m
  • Clasificación: Industria química
  • CNAE: 20.20 Fabricación de pesticidas e outros produtos agroquímicos.
  • Tipoloxía: Fabricación de xofre e pesticidas derivados
  • Comarca: Vigo
  • Marco Xeográfico: Ribeira esquerda da Enseada de San Simón, na ría de Vigo.
  • Ámbito: Rural e mariñeiro
  • Acceso:
    En Santiago de Compostela enfiaremos a estrada nacional N-550 (ou ben a autoestrada AP-9) cara a Pontevedra e Redondela. Dende Redondela continuaremos pola estrada nacional N-552 cara a Vigo e chegando a Rande miraremos na banda dereita as edificacións do Grupo Vieira, onde estivera a fábrica de xofre e derivados.
  • Tipo de propiedade: Privada no dominio público marítimo terrestre
  • Visitable: Exteriormente

Xestión de visitas:

Non procede.

Historia:

O xofre é un dos elementos máis abundantes na cortiza terrestre e, cunha cor amarela característica, atópase en forma nativa en rexións volcánicas, nas proximidades de augas termais e en minas de cinabrio, galena, blenda e estibina. Combinado localízase en grandes cantidades en diferentes puntos do planeta en forma de sulfuros (pirita, galena) e de sulfatos (xeso). O xofre e os seus compostos ocupan un lugar preeminente entre os produtos químicos fundamentais para a industria química, tanto inorgánica como orgánica.

Coñecido e aproveitado dende a antigüidade, menciónase xa na Biblia e en varios papiros exipcios, onde se lle adxudicaba propiedades medicinais e empregábase na purificación dos templos. As erupcións volcánicas arrastraban consigo, invariablemente, enormes cantidades de xofre; e o cheiro do dióxido de xofre e do sulfuro de hidróxeno considerábanse síntomas da actividade do deus subterráneo, Hefesto, para os gregos, Vulcano, para os romanos. Ao atoparse zonas volcánicas nas illas e diferentes lugares das costas do mar Mediterráneo, o xofre foi coñecido e empregado polos antigos gregos e romanos, que queimaban xofre para branquear teas co anhídrido sulfuroso contido nos produtos da combustión.

O interese polo xofre incrementouse con coñecemento da pólvora, unha mestura deflagrante de xofre, carbón e salitre (nitrato potásico) que foi descuberta en China cara o século IX e formulada cara ao ano 1040, aínda que non hai evidencia do seu uso militar ata o ano 1132. Extendida vía a India polo Medio Oriente, introduciríase en Europa polos árabes e os bizantinos cara ao ano 1200.

Durante moito tempo, o único provedor de xofre foi Sicilia, dende 1282 na Coroa de Aragón, e dende 1713 como virreinato no Imperio Español. Pola crecente importancia do ácido sulfúrico en moitos procesos industriais, desde principios do século XVIII, as fragatas inglesas bombardearon varias veces as costas sicilianas tratando de apropiarse desta riqueza que, en 1861, coa reunificación nacional, pasaría ás mans da monarquía italiana.

A explotación industrial das piritas da franxa ibérica, iniciada en 1725 coa concesión polo goberno de Felipe V ao cabaleiro sueco Liebert Wolters Vonsiohielm do arrendamento por trinta anos das minas de Riotinto, Guadalcanal, Cazalla e Galaroza, e as melloras na posta a punto dos procedementos de obtención de xofre e ácido sulfúrico a partir da tostación de piritas, farían que nos anos finais do século XVIII os enormes xacementos españois de piritas foran obxecto da atención de varios estados europeos desexosos de tomar o control destas fontes de xofre e ácido sulfúrico.

Os xacementos sicilianos foron abandonados e toda a atención concentrouse en España ata que se descubriu o primeiro e riquísimo xacemento subterráneo de xofre na península de Florida, nos Estados Unidos. Posto en explotación contra 1891 co método deseñado por Herman Frasch, consistente en inxectar vapor de auga sobre quentado que fundía o xofre baixo terra e o empuxaba en estado líquido cara á superficie onde, ao arrefriarse, formaba enormes montículos sobre o chan, producíronse enormes cantidades de xofre co que os xacementos españois e italianos foron pasando a segundo plano.

Aínda que ata principios de século XX, Italia mantívose como o principal país produtor de xofre, a explotación en condicións moito máis favorables dos xacementos do Golfo de México, a mellor organización da explotación e a calidade dos métodos técnicos empregados, farían que, xa en 1915-1920, a cifra de produción de xofre americano alcanzase á italiana, e que pouco despois superásea.

O xofre emprégase para a produción de ácido sulfúrico, fabricación de pólvora e material pirotécnico, fosfatos fertilizantes, laxantes, exfoliantes, insecticidas e funxicidas, vulcanizado do caucho e branqueo do papel, entre outros usos e aplicacións industriais.

Descrición Xeral do Entorno:

A fábrica edificouse na beiramar da ribeira esquerda da Enseada de San Simón, próxima ao estreito de Rande, na ría de Vigo, nunha zona a carón da vía do ferrocarril de Redondela a Vigo e da estrada Redondela-Vigo, e cun máis que doado acceso marítimo.

Construcción:

1923.

Abandono:

Contra 1950.

Descrición:

De comezos do decenio de 1920 é a noticia de que, grazas á boa disposición da compañía “Vidriera Gallega” (vid. ficha 406), pronto ía aveciñarse, lindando cos seus terreos, unha empresa química que produciría xofre e a partir del, fabricaría sulfato de cobre, abonos e outros produtos químicos para favorecer á agricultura.

A nova industria xurdiría en 1923 da asociación da compañía estadounidense “Stauffer Chemical Co.” co empresario español Juan F. Fernández Celaya. Nos anos seguinte as instalacións fabrís foron edificándose na contorna de As Muradas (Canguelos, San Andrés de Cedeira, Redondela) en bancais paralelos á liña costeira, e quedaron configuradas por un conxunto de construcións separadas nas que se desenvolvían os diferentes procesos produtivos.

A empresa encetaría a produción contra 1933, pero traballaría moi por debaixo da súa capacidade produtiva, acumulando perdas até a metade da década. A situación vai reverter co comezo da Guerra Civil en 1936, ano en que xa triplicou beneficios. Malia os problemas de abasto de cobre (as minas de Riotinto, en Huelva, quedaran en poder da República), traballouse a tres quendas, mesmo os días festivos, subministrando xofre e derivados ás industrias e ao sector agrícola das zonas rebeldes. Xunto coa “Industrial Química de Zaragoza” subministraría xofre sublimado aos establecementos industriais das Illas Canarias.

No proceso de refinación do xofre obtense xofre sublimado (flor de xofre) por destilación lenta e posterior condensación do xofre bruto procedente dos depósitos nativos de xofre ou dos carbonatos (malaquita, azurita), sulfuros (calcopirita, calcosina, covellina) e sulfatos (calcantita) presentes na natureza.

O xofre refinado así obtido preséntase en partículas finas e emprégase pulverizado contra dos fungos, ácaros e algas. Contén ácido sulfuroso, que coa humidade ambiental transformase lentamente en ácido sulfúrico, polo que para certos usos purifícase por lavado con auga amoniacal para eliminar o sulfuroso.

Ademais do seu emprego como funxicida, acaricida e alguicida, o xofre ten numerosas aplicacións en diversos procesos industriais, como a fabricación de fertilizantes, ácido sulfúrico, insecticidas, branqueadores, mordentes, pólvoras, e produtos farmacéuticos, na elaboración de vinos e cervexas, ou na vulcanización do caucho.

A fábrica obtería a finais de 1938 autorización para ampliar as instalacións con dúas novas cámaras de sublimación, cos seus fornos e un muíño triturador, pero non chegaría a realizar o investimento para aumentar a súa capacidade de produción. Xa no decenio de 1940, a empresa estadounidense faríase coa totalidade do capital societario, pero remataría por abandonar a actividade produtiva, e gran parte das construcións serían derrubadas. Os terreos serían con posterioridade ocupados na segunda metade do século XX polas instalacións frigoríficas do grupo empresarial de Eduardo Vieira, conservándose aínda algunha das pequenas edificacións da antiga industria do xofre.

Tempo de uso:

Todo o ano.

Sistema de produción:

O máis antigo procedemento de separación do xofre elemental da ganga coa que aparece combinado (arxila, xeso) é por fusión, aportándolle ao mineral o calor necesario. Por mor da escaseza de carbón e outros combustibles alternativos, amoreábase o mineral nunha superficie inclinada a xeito de forno, cubríndoo con terra e deixando uns respiradoiros como chemineas polas que con leña préndese lume. Parte do xofre quéimase formando dióxido de xofre e fornecendo calor ao xofre remanente que ao fundir escorre purificado e sae pola base do forno, coándose en moldes de madeira humectada.

No territorio italiano, e en Sicilia en particular, empregáronse inicialmente uns fornos ao descuberto, a “calcarella” consistentes nun foso construído en plano inclinado para permitir a coada do xofre cara o orificio de sangrado e recollida. A carga podía ter catro ou cinco metros cúbicos de mineral, a fusión era rápida e recollíase o xofre en menos de vinte e catro horas, iso si, cun baixo rendemento xa que case dous terzos volatilizábanse en forma de anhídrido sulfuroso. Para evitar o desperdicio de mineral procedeuse ao recubrimento da masa en fusión: desta maneira naceu o “calcarone”, con mellor rendemento (un 50%) e cun importante aforro de combustible; en cada carga podíanse tratar ata 2.000 metros cúbicos de mineral e o proceso duraba entre vinte e trinta días.

A fins do século XIX comezaron a empregarse fornos de cámaras (deseñados polo enxeñeiro siciliano Roberto Gill), de meirande rendemento (un 75%). Os fornos Gill consistían en dúas ou máis cámaras tipo “calcarone” acaroadas e comunicadas entre si por uns condutos para o paso dos gases liberados no proceso. Unha vez rematada a fusión na primeira cámara deixábanse pasar os gases (a uns 200 ?C) á cámara contigua, iniciándose un novo proceso de fusión, cun gran aforro de combustible.

O xofre obtido por estes métodos contiña un 2% de impurezas, e ás veces máis. Para separalas recórrese ao refinado por destilación lenta (sublimación) e posterior solidificación dos vapores, xa fora no mesmo lugar da produción ou nos países consumidores. No proceso de refino obtense xofre sublimado (flor de xofre).

Dende a posta en explotación en 1891 dos grandes depósitos estadounidenses co método Frasch, a meirande cantidade do xofre elemental do mundo obtense co este sistema das pedras calcarias porosas que o conteñen. O vapor de auga inxectado no xacemento, entre 150 e 750 m baixo terra, funde o xofre, que ascende impulsado por aire comprimido. Xa na superficie, o xofre arrefría e solidifica, apilándose ata o momento de subministralo para o seu consumo en bruto, moído ou refinado.

No canto de partir das piritas, a mena sulfurosa quéntase a uns 150 ?C co que funde o xofre e sepárase da ganga. O quecemento pode ser directo ou por vapor de auga para mellor enriquecer o concentrado por flotación.

Hoxe en día, as cantidades máis importantes de xofre (ao redor do 48%) obtéñense por desulfuración do gas natural e do petróleo, e cantidades menores obtéñense por purificación dos gases residuais da industria do carbón. A desulfuración faise por vía húmida, coa absorción do anhídrido sulfuroso con calcaria para formar xeso (sulfato de calcio).

Actividades laborais:

Sen datos.

Emprego:

Sen datos.

Materias Primas:

Mineral de xofre, sulfuros (piritas de cobre ou calcopiritas FeCuS2), sulfatos (xeso CaSO4.2H2O) e carbón (ou outro combustible).

Produtos Elaborados:

Xofre elemental, flor de xofre (xofre sublimado), xofre sublimado lavado, anhídrido sulfuroso, ácido sulfúrico, pesticidas e outros derivados do xofre.

Distribución e comercialización:

Nacional.

Referencias Bibliográficas:

Álvaro Moya, Adoración (2012). “La inversión directa estadounidense en España: un estudio desde la perspectiva empresarial (c. 1900-1975)”, Estudios de Historia Económica, núm. 60, 2012, Madrid: Banco de España. ISSN: 1579-8682 [en línea]. Disponible en: http://www.bde.es/f/webbde/SES/Secciones/Publicaciones/PublicacionesSeriadas/EstudiosHistoriaEconomica/Fic/roja60.pdf [Acceso 18 de noviembre del 2015].

Berea Cruz, Eduardo; García Movilla, Carlos (1993). Inventario del Patrimonio Arquitectónico Industrial en Vigo y su comarca. Madrid: Secretaría de Publicaciones del Ministerio de Obras Públicas y Urbanismo.

Carmona Badía, Xoán; Nadal Oller, Jordi (2005). El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Córdoba de la Llave, Ricardo (2008). “Las artes del fuego: metalurgia y alfarería”, Ars Mechanicae: ingeniería medieval en España, Pedro Navascués Palacio (coord.), Fundación Juanelo Turriano, Madrid: Ministerio de Fomento (CEDEX-CEHOPU), p. 203-213. DL M-46232-2008. ISBN 978-84-7790-470-0.

Gross, K. (1942). “Hornos industriales”, Manual del Ingeniero, Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, 2ª ed. trad. de la 26ª edición alemana. Barcelona: Gustavo Gili, tomo IV, capítulo X: Hornos industriales, p. 1017-1076.

Lara Coira, Manuel (2016). Pegadas da industrialización en Galicia: a enseada de San Simón. Santiago de Compostela: Ensenada de Ézaro Ediciones. DL C-1725-2016. ISBN 978-84-942943-6-5.

Migueles González, Juan (s.d.). “As antigas empresas”. Anecdotario Redondelán [en liña]. Dispoñible na Internet: http://anecdotarioredondelan.jimdo.com/as-antigas-empresas/ [Acceso 19 marzo 2018].

Román Losada, Alberte (2009). Sal, sardiña e peiraos. Achega ao patrimonio marítimo da Enseada de San Simón, Redondela: Asociación Cultural Alén Nos [en línea]. Disponible na Internet: http://issuu.com/salamatu [Último acceso 2 de abril del 2011].

Sobrino Fagilde, Iria (2008). Arquitectura industrial en la provincia de Pontevedra. Vigo y zona de influencia (eje norte-sur), Vigo: Colegio Oficial de Arquitectos de Galicia [en línea]. Disponible na Internet: http://noncommon.files.wordpress.com/2012/04/00-a-indyarq_1-393_low.pdf [Último acceso 27 de junio del 2013].

Taboada Arceo, Antonio (1971). Galicia, estructura y ritmo socio-económicos. La Coruña: Servicio de Estudios y Publicaciones de las Cámaras Oficiales de Comercio, Industria y Navegación de Galicia. DL C-145-1971.

Vilar Rodríguez, Margarita; Lindoso Tato, Elvira (2009) “El negocio de la Guerra Civil en Galicia, 1936-1939”, Revista de Historia Industrial, nº 39, Año XVIII, 2009, p. 153-192, Barcelona: Universitat de Barcelona, Departament d'Història i Institucions Econòmiques. ISSN: 1132-7200.

Xunta de Galicia, 2007-2011. Plan de Ordenación do Litoral [en línea]. Dispoñible na Internet: http://www.xunta.es/litoral [Acceso 28 marzo 2013].

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 223-II Redondela // Datum ETRS89: H 29 // X 528.896,48 m / Y 4.681.773,57 m

Instituto Geográfico Nacional. Serie MTN25 (Mapa Topográfico Nacional 1:25.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional25.jsp [Acceso 9 abril 2014].

Instituto Hidrográfico de la Marina, 1964. De Cabo Corrubedo a Cabo Silleiro. Océano Atlántico Norte. Costa NW de España. Carta 925, con levantamientos no datados y correcciones hasta 1977. Cádiz: Talleres del Instituto Hidrográfico de la Marina. DL CA-293-1972.

Instituto de Estudos do Territorio (IDE) da Xunta de Galicia. Información Xeográfica de Galicia: visualizador de mapas [en liña]. Dispoñible na Internet: http://mapas.xunta.es/visualizador-de-mapas [Acceso 4 outubro 2015].

Xunta de Galicia (Consellería do Medio Rural). Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícola (SixPac): visor de mapas [en liña]. Dispoñible na Internet: http://sixpac.xunta.es/visorsixpac/ [Acceso 18 xuño 2017].

Data de Actualización:

24 marzo 2018