516 Salto do Mao (Eléctrica de Orense)

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: Ourense
  • Concello: Parada de Sil
  • Parroquia: San Lourenzo de Barxacova
  • Lugar: As Cancelas
  • Paraxe: A Fábrica de Luz
  • Dirección: Non procede
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.3747403387866
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -7.497210012695291
  • Coordeadas UTM: Datum ETRS89: H 29 // X 623.721,88 m / Y 4.692.480,01 m
  • Clasificación: Central hidroeléctrica
  • CNAE: 35.15 Produción de enerxía hidroeléctrica.
  • Tipoloxía: Turbinas hidráulicas
  • Comarca: Terra de Caldelas
  • Marco Xeográfico: Ribeira esquerda do río Mao, a algo máis de dous quilómetros augas arriba da súa desembocadura no río Sil
  • Ámbito: Rural
  • Acceso: Saímos de Ourense pola estrada OU-536 cara a Castro Caldelas. Pasado Leboreiro, en Valilongo apartaremos á esquerda pola carreteira OU-0606 ata A Pedra do Sol, para continuarmos pola OU-0605 cara a Barxacova. Tan pronto se cruza a ponte sobre o río Mao, atópase o Albergue Fábrica da Luz, a antiga central hidroeléctrica do Mao.

Tipo de propiedade:

Privada

Visitable:

Si. Rehabilitada el año 2011 como instalación hoteleira.

Xestión de visitas:

Pódese contactar con persoal do albergue nos teléfonos 988 984 990 ou 679 060 509 ou no seu portal web http://afabricadaluz.com/

Historia:

De entre todas as experiencias dos numerosos investigadores pioneiros ó redor da electricidade (Franklin, Coulomb, Galvani, Volta, Rumford, Ampère), no que aquí nos ocupa, dúas delas resultan de singular transcendencia: en 1800, o arco eléctrico de Humphry Davy, que abriría o camiño á iluminación con enerxía eléctrica; e en 1831 o xerador eléctrico de Michael Faraday, que daría paso ao uso da electricidade sen necesidade de recorrer á amoladura das pilas voltaicas.

Cara a 1870 o enxeñeiro belga Zénobe Théophile Gramme construía a primeira máquina comercial xeradora de corrente continua, a dínamo de Gramme, que permitía a conversión da enerxía mecánica en enerxía eléctrica. A Exposición Universal de Viena de 1873, coas súas pilas, xeradores e espectaculares arcos voltaicos, sería o primeiro escaparate mundial da electricidade.

Continuador con vantaxe de anteriores experiencias, como a do británico Joseph Wilson Swan en 1878, o estadounidense Thomas Alva Edison presentaba no outono de 1879 o prototipo das modernas fontes de iluminación, unha lámpada de incandescencia que, grazas ás súas innovacións, alumaba sen fundirse durante… corenta e oito horas seguidas.

Todos estes avances verían a súa culminación na Exposición Universal de París de 1881, na que, ademais de exhibirse a lámpada incandescente de Thomas Edison, o enxeñeiro francés Marcel Deprez presentaba como resultado dos seus experimentos a posibilidade de transmitir a electricidade a varios centenares de metros de distancia. A experiencia coñecería a maior difusión cando no ano seguinte, empregando unha tensión continua de dous mil voltios, conseguía transmitir unha potencia de 1’5 kW a unha distancia de trinta e cinco millas (uns 56 km). A iluminación eléctrica incandescente con corrente continua comezaría entón a utilizarse comercialmente en todo o mundo, competindo dende estas datas cos farois de gas na iluminación pública. Dende aquela sería imparable a continua evolución técnica para poñer a electricidade ao dispor dos cidadáns e a industria.

En 1882, Tomás Alva Edison estabelecía en Pearl Street (Manhattan, Nova York) a primeira central termoeléctrica, subministrando cento dez voltios en corrente continua aos seus primeiros oitenta e cinco clientes, que axiña van verse multiplicados, estendéndose a luz eléctrica a tódolos fogares. Tralo acordo entre Edison e Swan en 1883 e as melloras introducidas por Swan, a lámpada incandescente de filamento de tungsteno, de menor voltaxe, máis luminosidade e maior duración, coñecería dende 1906 a meirande difusión [Bartolomé, 2007: 42].

A situación da electricidade daría o envorco definitivo en 1888, cando o enxeñeiro turinés Galileo Ferraris conseguiu construír o primeiro motor de corrente alterna sen conmutador, o motor de indución, que desenvolverían Nikola Tesla (1888) e Mikhail Dolivo-Dobrovsky (1889), de gran eficiencia e competitivo cos de corrente continua, apto para múltiples usos e que fixo da corrente alterna a forma máis popular da electricidade.

En 1893 poríase en servizo en Redlands (California, EE.UU.) a primeira central hidroeléctrica comercial de corrente alterna trifásica [Edison Tech Center, n.d.]. A central hidroeléctrica de Jaruga (Dalmacia, Croacia) sería dende 1895 a primeira que na Europa subministrase comercialmente corrente eléctrica alterna, e a segunda no mundo [Delimar et al., 2007].

Despois dos experimentos pioneiros da iluminación eléctrica en España, realizados polos boticarios Antonio Casares Rodríguez (1851, Santiago de Compostela), José Simón Castañer (1852, Madrid), Ramón Torres Muñoz (1852, Madrid), e Francisco Domenech Maranges (1852, Barcelona), a industria eléctrica comeza realmente cando o empresario Tomás Dalmau e o enxeñeiro Narciso Xifra constrúen en 1873 na Rambla de Canaletas de Barcelona a primeira central eléctrica española, instalando catro motores de gas de cincuenta cabalos cada un que movían cadansúa máquina Gramme de douscentos voltamperios. Dende aquela aparecerán no país unha serie de iniciativas para a produción e distribución de electricidade e xa contra 1881 e para mellor atender á crecente demanda, Dalmau e Xifra crearían, tamén en Barcelona, a “Sociedad Española de Electricidad”.

Nestes anos contrastaba o vizoso avance das centrais termoeléctricas fronte ao lento progreso das hidroeléctricas, que xurdirían contra 1885 en diversos puntos de España asociadas a pequenos muíños ou industrias manufactureiras que producían para o seu propio consumo e que nalgúns casos chegaban a distribuír a electricidade a vivendas da veciñanza [Sintes e Vidal, 1933]. Sería fundamental a aportación do taller mecánico xerundense “Planas, Flaquer y Cía.”, estabelecido en 1858 e especializada na construción de motores hidráulicos tipo Fontaine-Baron (unha evolución rexistrada en 1840 da turbina Fourneyron de 1827) e que xa en 1860 tiña fabricadas dezanove turbinas, algunha de 80 cabalos de vapor (uns 60 kW) [Orellana, 1860]; dende 1886 a casa “Planas” interviría na adaptación de moitos motores hidráulicos á produción de electricidade e chegaría a ser a primeira empresa española dedicada á fabricación de material eléctrico [Nadal, 1976].

En Galicia, dende o mes de xuño de 1884 a “Sociedad Anglo Española de Electricidad” iluminaba o Arsenal de Ferrol coa electricidade xerada con magneto dínamos do sistema de Charles Francis Brush nunha pequena instalación termoeléctrica [Carmona, 2016:27], e xa contra 1888 comezaría a funcionar en Pontevedra a que sería en Galicia a primeira central de vapor asociada a unha dínamo Brush para a subministración do alumeado público con fluído eléctrico, instalación que sería seguida por outras iniciativas semellantes –unhas termoeléctricas, hidroeléctricas outras– na Coruña (1890), Mondoñedo (1893), Lugo, Ferrol e Santiago (1894), Ponteareas e Ourense (1895), e Vigo, Monforte, Viveiro, Betanzos e Tui (1896) [Carmona e Nadal, 2005].

A precariedade técnica nestes primeiros tempos fai que predominen as instalacións térmicas (con caldeira de carbón e máquina de vapor, unhas, ou con gasóxeno de carbón e motor de gas, outras) sobre as hidráulicas, xa que os promotores non se atrevían a construír as centrais xeradoras máis aló de dous ou tres quilómetros do centro das localidades ás que ían subministrar con corrente continua. Todas estas primitivas centrais eléctricas eran de pequeno tamaño, normalmente non superior aos douscentos cabalos de vapor (uns 150 kW) e principalmente destinadas ao servizo do alumeado público.

Ademais das de iluminación pública, só temos constancia de dúas empresas que posúen nestes primeiros tempos unha central termoeléctrica para o alumeado das súas instalacións, e ámbalas dúas son fábricas téxtiles e as puxeran en marcha contra 1892: “Galicia Industrial”, en Xubia (Neda) (vid. ficha 452), e “La Primera Coruñesa” (vid. ficha 492).

Coa central hidroeléctrica de Porto de Bois (Viloalle, Mondoñedo), unha das primeiras na Península Ibérica (en 1894 entraría en servizo a de Biel en Vila Real, Portugal [Simões, 1982]), a “Electricista Mindoniense” (vid. ficha 486) proveía desde 1893 o alumeado público de Mondoñedo, aproveitando uns 290 litros por segundo nun salto de 14 metros das augas do río Tronceda cunha turbina de 70 cabalos de vapor que arrastraba unha dínamo Oerlikon de 32 quilovatios [Carmona, 2016]. Nos años seguintes subministrarían electricidade de orixe hidráulica “Alumbrado Eléctrico de Lugo” (1894, Acea de Castro Romay, Lugo, vid. ficha 491), “Antonio Sestelo” (1895, Salto de Pardellas, Ponteareas, vid. ficha 488), “Jesús Adrán” (1896, Salto de Vilanova, Monforte) y “José Barro” (1896, Salto de Chavín, Viveiro, vid. ficha 376), en tódolos casos mediante xeradores de corrente continua [Carmona y Nadal, 2005].

O primeiro terzo do século XX coñecería o progreso do desenvolvemento da industria da electricidade en Galicia, cun forte crecemento das instalacións hidráulicas por riba das térmicas, e o comezo da concentración empresarial neste incipiente sector, o que fai que contra 1931 haxa máis de corenta centrais en funcionamento, dezaoito delas cunha potencia instalada superior aos 500 kVA e que sumaban 45.555 kVA nun total da orde dos cincuenta mil quilovatios instalados. O que comezaba a coñecerse como “grupo galego”, formado polas compañías "Sociedad General Gallega de Electricidad" e “Fábricas Coruñesas de Gas y Electricidad” (vid. ficha 155) estruturadas en torno ao Banco Pastor, controlaba neste ano de 1931 o 76% da electricidade vendida en Galicia [Carmona e Nadal, 2005]; ámbalas dúas desenvolverán unha actuación conxunta baixo o control do Banco Pastor ata a súa formal integración en Fenosa en 1955, rematando así o proceso iniciado coas centrais de Segade (vid. ficha 113) e A Fervenza (vid. ficha 189) a comezos do século XX.

En efecto, finalizada a guerra civil española (1936-1939), o proceso de concentración e ampliación do sector eléctrico galego tería un novo e definitivo impulso cando Pedro Barrié de la Maza, á fronte do “Banco Pastor”, constitúe en Vigo o 23 de agosto de 1943 a empresa “Fuerzas Eléctricas del Noroeste” (FENOSA) para eludir os compromisos existentes coa “Electra Popular de Vigo y Redondela” e poder construír no río Limia o encoro das Conchas para a subministración eléctrica á puxante cidade de Vigo. Transcorridos os vinte anos pactados, a “Sociedad General Gallega de Electricidad” e “Fábricas Coruñesas de Gas y Electricidad” integraríanse en FENOSA en 1955.

O mantemento polo Goberno franquista duns prezos da electricidade artificialmente baixos, coa conseguinte descapitalización das empresas produtoras e a imposibilidade de modernización das súas instalacións para dar cumprido servizo aos seus clientes, faría que a meirande parte das pequenas “fábricas da luz” que comezaran a electrificación das aldeas e vilas galegas, foran pouco a pouco abandonándose ou malvendéndose e integrándose en FENOSA ou nalgunha das outras grandes empresas eléctricas, como BEGASA ou IBERDUERO.

Descrición Xeral do Entorno:

A central situárase na ribeira esquerda do río Mao, a algo máis de dous quilómetros augas arriba da súa desembocadura no río Sil.

Construcción:

1905. Reformada pola “Sociedad General Gallega de Electricidad” a finais do decenio de 1930.

Abandono:

Trala entrada en servizo en 1970 do aproveitamento integral do río Mao na central hidroeléctrica de Regueiro. Restaurada para usos turísticos e hoteleiros no ano 2011.

Descrición:

Ao abeiro da concesión outorgada ao avogado e industrial alaricano Francisco Conde Balbís para o alumeado de Ourense por medio de enerxía eléctrica, en 1895 entraba en servizo a central termoeléctrica por el construída no ourensán Campo dos Remedios (vid. ficha 223).

En 1897 Francisco Conde Balbís obtería a concesión de 1.000 litros por segundo a derivar do río Lonia no lugar de Castadón. Coa entrada en servizo en 1902 da central eléctrica de Castadón, con dous alternadores monofásicos Oerlikon de 110 quilovatios, a central térmica dos Remedios quedará como central de reserva [Carmona, 2016: 38].

Coa idea de cubrir o aumento da demanda e estender a subministración de electricidade cara a Monforte de Lemos, Maceda e Esgos, Conde Balbís, solicitaría outra concesión para o aproveitamento con fins hidroeléctricos do río Mao. A empresa construiría nas proximidades de San Lourenzo de Barxacova unha central na que instalaría dous grupos turbina alternador iguais, con senllas turbinas Schwamkrug e cadanseu alternador síncrono trifásico, cunha potencia total instalada de 800 quilovatios.

Cada turbina recibiría ata 125 litros por segundo das augas derivadas do río Mao por unha condución de algo máis de tres quilómetros que tiña a súa toma no estribo esquerdo da tosta construída nas proximidades da aldea de Ivil, aproveitándose un salto hidráulico duns 410 metros.

En 1905 o Salto do Mao comezaría a subministrar electricidade a cidade de Ourense por medio dunha liña eléctrica de 38 km. Rematados os 17 km da correspondente liña eléctrica e instalado o segundo grupo xerador, dende 1908 o Salto do Mao tamén proporcionaría o servizo de alumeado á vila de Monforte de Lemos (vid. ficha 515).

Fortemente endebedado, Francisco Conde Balbís constituiría en 1906 unha sociedade mercantil comanditaria con Isabel Buhigas Prat e coa entidade coruñesa “Hijos de Marchesi Dalmau”. A razón social “Conde Balbís y Cía.” sería coñecida como “Eléctrica de Orense” e tería nos seus activos a central termoeléctrica dos Remedios, a central hidroeléctrica de Castadón, no río Lonia (360 quilovatios, no termo municipal de Pereiro de Aguiar) e a central hidroeléctrica do río Mao (800 quilovatios, no termo municipal de Parada de Sil).

Polas dificultades financeiras da compañía, o Banco de Vizcaya adquiriría a empresa en 1919 [Carmona, 2016] e, para corrixir deficiencias na subministración, construiría en 1928 unha nova central termoeléctrica de reserva, alimentada por gasóleo, en Portovello, nos terreos comunais de As Lagoas [Somoza, 2001: 236].

Para mellorar o funcionamento da central do Mao e aproveitar máis salto hidráulico, en 1925 construíase nas proximidades da aldea de Ivil un novo encoro augas arriba da tosta existente, cunha presa de gravidade feita en cantería, con 40 metros de lonxitude en coroación e 12 metros de altura sobre o leito do río Mao entre os concellos de Parada de Sil (estribo esquerdo) e Montederramo (estribo dereito). A capacidade de embalse do coñecido como “azud de Ivil” (nalgunhas referencias chámanlle erradamente “azud de Vill”) é pequena de 0’1 hectómetros cúbicos. A nova presa requiriría una nova condución das augas a maior cota, o “canal novo”, pero tiñan que pasar moitos anos ata que quedara abandonado o “canal vello”.

En 1930 a sociedade solicitaría permiso para o derrubamento da fábrica do Campo dos Remedios, trasladando os materiais á finca de Portovello. Nese mesmo ano, a “Eléctrica de Orense” vai ser absorbida pola “Sociedad General Gallega de Electricidad”, coñecida como “La Gallega”.

Ante os continuos problemas do subministro de electricidade na provincia de Ourense, pola carencia de xeración bastante e as estiaxes agravadas pola escaseza e carestía do gasóleo para as centrais de reserva, “La Gallega” decide en 1942 modernizar a central hidroeléctrica do Mao e construír un novo aproveitamento hidroeléctrico, tamén na cunca do río Mao.

A vella central do río Mao sería modernizada coa instalación dunha turbina Pelton fabricada pola compañía “Maquinaria y Metalurgia Aragonesa, S.A.” na súa fábrica de Utebo (Zaragoza). Deseñada para un salto de 400 m e un caudal de 200 l/s, entregaría unha potencia de 900 CV (662 kW).

A nova central construíuse próxima á cola do encalco de Ivil (San Xiao de Pradomao, Parada de Sil), cun importante encoro de regulación nas proximidades de Leboreiro, e entrou en funcionamento en 1949, con dous grupos de 1.200 CV (1.765 kW). O encoro de Leboreiro ten unha presa de 120 metros de lonxitude na coroación e 27 metros de altura, cunha capacidade de 3’7 hectómetros cúbicos e unha lámina de 57 hectáreas. Do seu estribo dereito parte unha condución de case 1.800 metros até a cámara de carga que alimenta a central, que conta hoxe en día cun total de 2.277 kW instalados.

A “Sociedad General Gallega de Electricidad” (SGGE) en 1955 se integraría en “Fuerzas Eléctricas del Noroeste, S.A.” (FENOSA), nunha operación máis do proceso de absorción das empresas eléctricas da rexión que estaba a levar a cabo a empresa de Barrié dende o remate da Guerra Civil española (1936-1939).

O aproveitamento da cunca do río Mao vai completarse en 1978 coa construción do encoro de Edrada (Parada de Sil e Montederramo), uns centenares de metros augas arriba da xunta do río Edrada co río Mao. Conta cunha presa de gravidade de 145 metros de lonxitude na coroación e 37 metros de altura, cunha capacidade máxima de 14 hectómetros cúbicos e útil de 10’5 hectómetros cúbicos e unha lámina de 105 hectáreas.

A vella central do río Mao sería deixada fora de servizo e abandonada en 1970, trala posta en funcionamento da central hidroeléctrica de Regueiro, alimentada dende a presa de Ivil coas aportacións dos encoros de Leboreiro e de Edrada, e dotada con dous turbinas Pelton de 18.500 CV con cadanseu alternador de 17.000 kVA a 11 kV, e unha potencia total instalada de 28.640 kW. As antigas edificacións da central hidroeléctrica do río Mao serían recuperadas no ano 2011 para usos turísticos e hoteleiros cun proxecto da arquitecta e paisaxista Isabel Aguirre de Urcola.

Tempo de uso:

Todo o ano, con algunha interrupción nos anos de fortes secas ou estiaxe.

Sistema de produción:

As primeiras “fábricas de luz” en construírse (despois de 1882) foran moitas veces unha sinxela adaptación dunha dínamo de corrente continua na roda hidráulica dun muíño fariñeiro ou papeleiro xa existente. No mellor dos casos, o motor hidráulico da instalación sería a roda horizontal creada co nome de turbina por Benoît Fourneyron en 1827 (comercializada en Francia a partir do 1837) e a súa variante, rexistrada en 1840 como tipo Fontaine-Baron e amplamente utilizada dende aquela polo seu elevado rendemento. Aínda que as limitacións na transmisión da corrente continua non permitisen o seu transporte a distancias significativas, as primitivas centrais hidroeléctricas constituíron a base da electrificación das poboacións próximas ao seu emprazamento.

Naqueles casos en que a enerxía hidráulica resultaba dificilmente accesible, instaláranse centrais termoeléctricas baseadas en motores de gas ou máquinas de vapor, alimentadas en ámbolos dous casos por carbón, consumido no gasóxeno, no primeiro caso, e na caldeira, no segundo.

Pola incerteza do funcionamento das primitivas centrais hidroeléctricas, e a precariedade técnica nestes primeiros tempos, axiña predominaran as instalacións térmicas (máquina de vapor ou motor de gas) sobre as hidráulicas, xa que os promotores non se atrevían a construír as centrais xeradoras máis aló de dous ou tres quilómetros do centro das localidades ás que ían subministrar. Todas eran de pequeno tamaño, en xeral non superior aos douscentos cabalos de vapor (uns 150 kW) e principalmente destinadas ao servizo do alumeado público.

Pronto deseñaríanse e construiríanse instalacións especificamente destinadas á produción de electricidade, e nelas xa o xerador sería de corrente alterna trifásica (dende 1893), cun transformador eléctrico de saída para elevar o nivel de tensión para o transporte económico da enerxía até os puntos de consumo.

Co obxectivo de optimizar a produción de electricidade, as máquinas hidráulicas (turbinas) que accionaban os alternadores serían elixidas consonte as características de caudal e de altura do aproveitamento hidroeléctrico a desenvolver, sendo as máis frecuentes as turbinas de reacción do angloamericano James Bicheno Francis (1849), as turbinas de acción do estadounidense Lester Allan Pelton (1879) e as xa máis modernas turbinas de fluxo axial do austríaco Viktor Kaplan (1913). A este tres tipos fundamentais pódese engadir o da turbina de fluxo cruzado, desenvolvida de maneira independente polo australiano Anthony Michell (1903), o húngaro Donat Banki (1917) e o alemán Fritz Ossberger (1933), que, aínda que ten un rendemento inferior ás anteriores, resulta moi económica e permite traballar con grandes variacións de caudal.

No caso da primitiva central hidroeléctrica do río Mao as instalacións estiveran orixinariamente dotadas con dúas turbinas Schwamkrug iguais, estimamos que deseñadas para un caudal de 125 l/s e un salto de 410 m, cuxos aproximadamente 550 cabalos accionaban cadanseu alternador síncrono de 400 quilovatios, podendo chegar a dar conxuntamente os 800 kW que temos como única referencia.

No museu de Bolarque (Almonacid de Zorita, Guadalajara) pódese mirar un dos grupos da central do Mao, composto por unha turbina de acción radial centrífuga tipo Schwamkrug, fabricada en Mulhouse en 1906 pola “Societé Alsacienne de Constructions Mecaniques”, acoplada ao seu alternador eléctrico síncrono.

Como quedou anotado, a central non traballaba satisfactoriamente, polo que pensouse en construír un novo canal de adución dende o novo encoro de Ivil, construído en 1925, co que se gañaría salto hidráulico ata os 460 m pero seguirían sen resolver os problemas de regulación do caudal e as serias dificultades nos estiaxes.

Máis adiante (1942) as instalacións da central do Mao serían modificadas substituíndo as dúas turbinas Schwamkrug por unha soa turbina Pelton para aproveitar un salto de 400 metros con un caudal máximo de ata 200 litros por segundo, cunha potencia de 662 quilovatios (900 CV). A turbina Pelton, de eixe horizontal, arrastraría un alternador síncrono trifásico de 750 kVA. Co novo equipamento, a vella central do río Mao seguiría prestando servizo ata a entrada en funcionamento en 1970 da central de Regueiro.

Actividades laborais:

Nos primeiros tempos, o encargado da central, e ás veces un axudante, eran os únicos operarios necesarios para o funcionamento e mantemento das instalacións. Para mellor atender ao servizo día e noite, as centrais desta época tiñan prevista unha casa vivenda para o encargado e a súa familia, completada cunha horta e un galiñeiro para atender á súa mantenza.

Emprego:

Sen datos.

Materias Primas:

Auga.

Produtos Elaborados:

Electricidade.

Distribución e comercialización:

Comarcal.

Referencias Bibliográficas:

Bartolomé Rodríguez, Isabel (2007). “La industria eléctrica en España (1890-1936)”, Estudios de historia económica, nº 50, Madrid: Banco de España. DL M-15409-2008. ISSN 0213-2702.
Blanco Guerra, Manuel (1990). “La Eléctrica de Los Remedios”, Cien años de luz eléctrica en Galicia, Ramón García Fontenla (ed.), introd. de Domingo García Sabell, Madrid: Unión Fenosa, p. 49-50. DL M-45870-1990.
Bolstorff, H. (1926). “Alumbrado”, Manual del Ingeniero, Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, trad. de la 24ª edición alemana, tomo II. Barcelona: Gustavo Gili, Capítulo VI, p. 936-965.
Carmona Badía, Xoán (2016). La Sociedad General Gallega de Electricidad y la formación del sistema eléctrico gallego (1900-1955), Biblioteca de Historia del Gas, Sabadell: Fundación Gas Natural Fenosa. DL B-21370-2016. ISBN 978-84-617-5114-3.
Carmona Badía, Xoán; Nadal Oller, Jordi (2005). El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.
Delimar; Marko; Moser, Josip; Szabo, Aleksandar (2007). "First AC Power Systems in Croatia", 2007 Institute of Electrical and Electronics Engineers (IEEE) Conference on the History of Electric Power Schedule/Program [on line] Available at http://www.ieee.org/web/aboutus/history_center/conferences/che2007/prog_comm [Retrieved 10/08/2017].
Edison Tech Center (n.d.). “Dolgeville Hydro Power 1879”, in The Miracle of Electricity and Engineering, Edison Tech Center, Schenectady, New York, U.S.A. [on line] Retrieved August 29, 2001, from http://www.edisontechcenter.org/Dolgeville.html.
García Fontenla, Ramón (ed.), 1990. Cien años de luz eléctrica en Galicia, introducción de Domingo García Sabell, Madrid: Unión Fenosa. D.L. M-45870-1990.
Holl, P.; Treiber, E. (1929). Turbinas hidráulicas. Trad. por Isabelino Lana Sarrate de la 2ª ed. alemana, Manuales técnicos Labor, Barcelona: Editorial Labor.
Kesten, P., et al. (1926). “Electrotecnia”, Manual del Ingeniero, Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, trad. de la 24ª edición alemana, tomo II. Barcelona: Gustavo Gili, Capítulo VII, p. 966-1227.
Kyser, Herbert (1930). Centrales generadoras de energía eléctrica. Versión directa de la 2ª ed. alemana revisada y ampliada por Manuel Lucini, Barcelona: Editorial Labor.
Ministerio de Fomento (1931). Centrales eléctricas de más de 500 kVA a fines de 1930 (anejo y mapa de la publicación de 1931), Madrid: Consejo de la Energía del Ministerio de Fomento.
Nadal i Farreras, Joaquim (1976). “La contribució gironina al desenvolupament de la industria elèctrica catalana”, Revista de Girona, núm. 75-77, p. 51-58.
Orellana, Francisco José (1860). Reseña completa descriptiva y crítica de la Exposición Industrial y Artística de productos del principado de Cataluña, Barcelona: Establecimiento Tipográfico de J. Jesús.
Pérez Marrero, Jenny Crisal (2017). Catálogo de presas españolas anteriores a 1926 asociadas a procesos industriales. Madrid: Instituto del Patrimonio Cultural Español (IPCE) [en línea] http://www.mecd.gob.es/planes-nacionales/planes-nacionales/patrimonio-industrial/actuaciones/catalogo-presas.html [Acceso 4 julio 2018].
Simões, Ilídio Mariz (1982). “As primeiras instalações de produção e distribução de energia eléctrica em Portugal”, Revista Electricidade, núm. 285, Fevereiro 1982, e núm. 288, Abril 1992.
Sintes Olivés, Francisco F.; Vidal Burdils, Francisco (1933). La industria eléctrica en España. Estudio económico-legal de la producción y consumo de electricidad y de material eléctrico, Barcelona: Montaner y Simón.
Somoza Medina, José (2001). El desarrollo urbano en Ourense, 1895-2000. Tesis doctoral. Facultad de Geografía e Historia de la Universidad de Santiago de Compostela [en línea] Disponible en Internet file:///C:/Users/usuario/Downloads/el-desarrollo-urbano-en-ourense-18952000--0.pdf [Acceso 19 octubre 2017].
United States Department of Energy (USDOE, n.d.). History of Hydropower, Office of Energy Efficiency & Renewable Energy [on line] Available at https://energy.gov/eere/water/history-hydropower [Retrieved 10/08/2017].

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 189-III Castro Caldelas // Datum ETRS89: H 29 // X 623.721,88 m / Y 4.692.480,01 m

Instituto Geográfico Nacional. Serie MTN25 (Mapa Topográfico Nacional 1:25.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional25.jsp [Acceso 9 abril 2014].

Instituto de Estudos do Territorio (IDE) da Xunta de Galicia. Información Xeográfica de Galicia: visualizador de mapas [en liña]. Dispoñible na Internet: http://mapas.xunta.es/visualizador-de-mapas [Acceso 24 marzo 2018].

Xunta de Galicia (Consellería do Medio Rural). Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícola (SixPac): visor de mapas [en liña]. Dispoñible na Internet: http://sixpac.xunta.es/visorsixpac/ [Acceso 30 novembro 2017].

Data de Actualización:

24 xullo 2018