517 Abellarizas (Alvariza de Acevedo)

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: Pontevedra
  • Concello: Lalín
  • Parroquia: Santa Mariña de Zobra
  • Lugar: Acevedo
  • Paraxe: A Alvariza
  • Dirección: Non procede
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.566235729750765
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.212539063713052
  • Coordeadas UTM: Datum ETRS89: H 29 // X 564.634,05 m / Y 4.712.947,66 m
  • Clasificación: Industria alimentaria
  • CNAE: 10.89 Elaboración de outros produtos alimenticios (mel).
  • Tipoloxía: Apicultura tradicional
  • Comarca: Deza
  • Marco Xeográfico: Aba oriental da Serra do Candán
  • Ámbito: Rural
  • Acceso: En Lalín collemos a estrada PO-534 ata o cruce de Vilatuxe (14 km) e alí apartamos pola esquerda cara a Zobra, a uns nove quilómetros. Arrancando do cruce de Zobra para Acevedo e marchando cara A Trigueira, a un quilómetro e xusto antes de cruzar o río Zobra, na man dereita da carreteira e a uns vinte metros dela, atópase a coñecida como Alvariza de Acevedo.

Tipo de propiedade:

Privada

Visitable:

Exteriormente

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

O mel é unha substancia alimenticia doce e viscosa producida polas abellas e outros insectos. As abellas producen mel a partir das secrecións azucradas das plantas (o néctar floral) ou doutros insectos (pulgóns) por medio da regurxitación, a actividade encimática e a evaporación da auga do néctar. As abellas almacenan o mel nunhas estruturas de cera, chamadas panais, que elas mesmas fabrican.

Pola súa produción comercial e consumo humano en todo o mundo, a variedade de mel producido polas abellas melíferas é a máis coñecida (hai en algures meles velenosos por proceder de flores tóxicas, como as dos rododendros e azaleas). O mel pódese obter de colonias de abellas silvestres ou de colmeas de abellas domesticadas, unha práctica coñecida como apicultura.

O mel obtén a súa dozura dos monosacáridos frutosa e glicosa, e ten aproximadamente a mesma dozura relativa que a sacarosa (azucre granulado). A maioría dos microorganismos non prosperan no mel, polo que o mel selado non se descompón (mesmo despois de miles de anos) e mesmo pódese empregar como conservante.

A pintura rupestre atopada na Cova da Araña (Bicorp, Valencia), datada arredor do 8.000 a.C., pasa por ser a máis antiga referencia da colleita do mel polos humanos. Representa un home empolicado nunha árbore apañando o mel dun panal ou colmea silvestre coas abellas ao seu redor. Xa no período Neolítico europeo (contra o 5.000 a.C.) os cazadores-apañadores aprenden a controlar ás abellas e seus enxames, recollendo os abundantes excedentes de mel dos panais (as abellas producen case que o triplo do mel que precisan para sobrevivir).

Algúns datos amosan a existencia no Exipto predinástico (4.000-3.000 a.C.) de prácticas apícolas que van mellorando os rudimentarios procedementos primitivos de domesticación das abellas. Máis adiante, documentado en papiros datados no ano 2.400 a.C., pódese observar o traslado de colmeas nas embarcacións do río Nilo.

Polos cuños de abellas nas moedas na Anatolia (1.000 a.C.) e na Tracia (480 a.C.) sábese tamén do coñecemento e mesmo veneración da apicultura polos gregos. Deles herdarían os romanos as prácticas apícolas e o culto ás abellas. Pódese dicir que en tódalas sociedades avanzadas de calquera época atópanse vestixios do coñecemento das abellas e da explotación racional do mel e da cera que elas elaboran.

A escaseza e carestía do azucre, obtido na India da cana dende o 400 d.C., faría que fose o mel practicamente o único edulcorante empregado, dándolle un enorme pulo a apicultura en todo o mundo. Porén, a apicultura chegaría ao seu apoxeo no século XVI, pois coa plantación nas zonas tropicais americanas da cana de azucre que levara Cristóbal Colón, a produción de azucre iría abaratándose progresivamente e substituiría ao mel en moitos dos seus usos.
Con todo, a práctica da apicultura non se interrompería en ningún momento, mellorándose dende o século XIX coa construción de panais con marcos móbiles, que evitan a destrución das colmeas ao realizar a colleita de mel.

Hoxe en día, cos aportes de numerosos estudosos, o emprego de coidadosas técnicas e aparellos apícolas mellora non só o rendemento das colmeas senón a saúde das abellas e do territorio todo, pois non hai que esquecer a importancia do efecto polinizador das abellas para a conservación da biodiversidade e as cadeas tróficas (atribúese a Albert Einstein a frase “Sen abellas non hai alimentación para os humanos”). En Galicia, desde a súa fundación en 1980, a Asociación Galega de Apicultura (AGA) desenvolve e participa en actividades de modernización e mellora da apicultura como parte da industria alimentaria.

Descrición Xeral do Entorno:

As alvarizas localízanse en lugares pouco frecuentados, solleiros e abeirados dos ventos, da choiva e da friaxe. As veces próximos ás vivendas, e lonxe delas noutros casos, pero sempre mirando ao nacente para aproveitar a caloriña do sol primeiro tralo friaxe da noite. Para o sustento das abellas, a súa contorna ten que ter a auga achegada e a vexetación abondosa. Neste caso tomouse como exemplo a alvariza de Acevedo, na aba oriental da Serra do Candán.

Construcción:

Comezos do século XIX.

Abandono:

Primeiro terzo do século XX.

Descrición:

O clima temperado de Galicia favoreceu a produción de mel en todo o territorio dende a antigüidade, sendo a tradicional cría de abellas en trobos unha actividade produtiva complementaria da vida doméstica. Documentada nun preito de 1573 entre os veciños de Rois e Iria Flavia sobre o mel, o Catastro do Marqués de Ensenada rexistra a existencia de 366.329 cortizos en Galicia, dos que a Igrexa é a principal propietaria.

Ademais de introducir unha importante e variada novidade de oficios e artes tradicionais, o asentamento das ordes monásticas en Galicia trouxo consigo novos coñecementos que perfeccionaron os primitivos e artesanais existentes no campo galego. Entre outros procesos (pesca, minería, ferrería, curtido), o aproveitamento da neve e a produción do viño, do aceite e do mel, incorporarían entón novas técnicas e procedementos.

No caso que preséntase aquí como exemplo, a alvariza de Acevedo, en Santa Mariña de Zobra (Lalín), serían os monxes do próximo Mosteiro de Aciveiro (fundado en 1135 pola Orde Beneditina e incorporado ao Císter contra 1170) quen introducirían a apicultura nos Montes do Testeiro. Estes montes, e os do Candán, acollen unha gran cantidade de alvarizas, das que os monxes aproveitarían o mel (para consumo propio e alleo) e a cera (para candeas e exvotos), que xunto co comercio do xeo das neveiras do Candán para conservar as mercadorías que os arrieiros transportaban da costa ao interior, reportaríanlles importantes beneficios.

Unha alvariza ou abellariza (tamén chamada, cortín -nos Ancares-, alvar -no Courel e no Incio-, alvarizal ou oseira) é unha construción tradicional, típica de Galicia (especialmente nas serras), consistente nun muro de cachotes, xeralmente circular, onde se garda un conxunto de colmeas (tamén chamado apiario). A colmea é o recipiente artificial no que aniñan as abellas domésticas (as silvestres ou ventureiras crían nos árbores) e fan o mel e a cera.

A colmea, que coñécese tamén cos nomes de cortiza, cortizo, covo e trobo, está feita de cortiza, vimbio ou madeira (de castiñeiro, cerdeira, carballo ou sobreira). Pode ter formas redondas (elípticas cando se aproveitan toros de árbores valeirados) ou cadradas (de táboas cravadas como nunha caixa), de uns 50 ou 60 centímetros de altura e de 30 a 50 centímetros de lado (ou de diámetro). No interior leva unha estrutura de paus cruzados para dar soporte aos favos (os paneis). A tampa da colmea (o candullo) pode ser de cortiza, de madeira ou un colmado cónico.

Nos apiarios domésticos os trobos adoitan situarse nun recuncho da horta pouco frecuentado, solleiro e abeirado dos ventos, da choiva e da friaxe, e normalmente á beira dunha sebe ou dun valado de lousa ou de cachote. Porén, nas serras centrais e orientais os trobos adóitanse situar lonxe das casas, en ladeiras solleiras e abrigadas e no interior de pequenos recintos murados, as alvarizas, que os protexen do asalto dos animais, especialmente do oso (de aí o nome de oseira). Ás veces acomódanse tamén en enfestas montesías e en socalcos, pero sempre mirando ao nacente para aproveitar a caloriña do sol primeiro tralo friaxe da noite. Para o sustento das abellas, a súa contorna ten que ter a auga achegada e a vexetación abondosa.

As alvarizas son de sinxela construción, de planta circular, ovalada ou rectangular, e adoitan teren muros de fábrica de cachotaría de granito ou de xisto de dous ou tres metros de altura. As paredes van coroadas cunha barda voada un palmo cara o exterior, a xeito de beiril ou tornarratos. Nas terras de Soneira, Xallas e Bergantiños no interior do valado vai unha cuberta de laxes de granito con divisións, onde acomódanse os trobos abeirados e separados por laxes verticais. Tamén pódense atopar alvarizas a xeito de alpendres (chamadas “fornos das abellas”), ou de nichos nos muros das propias casas (as “lacenas” das provincias da Coruña e Pontevedra), nos que entran e se acomodan as abellas.

A grandura dunha alvariza é moi variábel, consonte a riqueza do dono, e pódense atopar con diámetros dos cinco aos dez metros, e con 70 a 200 trobos no seu interior. O acceso faise por un pequeno oco pechado cun portelo de madeira de pouca altura (para que o oso en pé non poda bater coas patas dianteiras), polo que as persoas deben entraren axeonlladas. Os trobos no interior colócanse en socalcos ou no terreo inclinado sobre unhas plataformas de lousa para os illar da humidade do chan. As veces contan cun pequeno pendello para gardar as ferramentas e utensilios do apicultor.

Os apiarios tradicionais, antano presentes en todo o territorio galego, aínda poden atoparse máis ou menos conservados na Costa da Morte, nos montes dos Ancares e do Courel e as serras do Candán e do Suído, como o aquí recollido no faldreo do Testeiro lalinense.

Tempo de uso:

Todo o ano.

Sistema de produción:

Ademais do mel e a cera da apicultura tradicional, o apicultor retira das colmeas outras substancias elaboradas polas abellas, o propóleo (unha resina coa que vernizan a colmea e selan pequenos buratos), a xelea real (a substancia coa que alimentan ás larvas) e a apitoxina (o veleno das abellas), e máis o pole que as abellas levaron dende as flores ás colmeas.

Na primavera e no verán o apicultor fai traballos de control da poboación das colmeas e de extracción do mel (a esmelga, operación de tirar o mel) e da cera. Para iso controla ás abellas coa axuda do fumeiro, retira os panais melíferos e raspa ou corta os opérculos de cera que pechan as celas do mel, desbotando os favos (celas) que teñen propóleo, larvas ou están baleiros. O prensado dos paneis melíferos extrae o mel deles. Os restos do prensado lévanse ao apiario para que as abellas aproveiten o mel que puidera quedar neles. Co moderno centrifugado non se destrúen os panais, que poden ser reempregados aforrándolle ás abellas o traballo de facer uns novos.

A cera recupérase dos opérculos (os tapóns das celas) e dos paneis vellos. Aplicándolles calor, a cera funde, fíltrase e arrefríase, flotando na auga, da que é doado separala.

No inverno o traballo do apicultor consiste na preparación do material para a seguinte tempada e a vixilancia das poboacións de abellas para a prevención e tratamento de posibles enfermidades ou pragas.

Actividades laborais:

Man de obra case sempre masculina en todo o proceso.

Emprego:

No traballo artesanal, un o dous apicultores por colmea.

Materias Primas:

Néctar e polen de flores, e resinas dalgúns árbores (recollidos e procesados polas abellas).

Produtos Elaborados:

Mel e cera.

Distribución e comercialización:

Comarcal e rexional.

Referencias Bibliográficas:

Caamaño Suárez, Manuel (2006). As construcións da arquitectura popular. Santiago de Compostela: Hércules de Ediciones. ISBN 84-96314-34-0.

Catastro de Ensenada (1752). Portal de Archivos Españoles (PARES) [en línea] Disponible en http://pares.mcu.es/Catastro/ [Acceso 13 agosto 2018].

Rivero de Aguilar García-Valiño, Gonzalo (5 decembro 2015). Alvariza no Pazo do Faramello. Comunicación persoal a Manuel Lara Coira; entrevista no Faramello.

Lorenzo Fernández, Xaquín (1962). “Etnografía: cultura material. A facenda: Outras construcións adxectivas”, Historia de Galiza, Ramón Otero Pedrayo (dir.), Buenos Aires: Editorial Nós, vol. II, O home-II, p. 144-148.

Lorenzo Fernández, Xaquín (1962). “Etnografía: cultura material. A facenda: Outros animais domésticos”, Historia de Galiza, Ramón Otero Pedrayo (dir.), Buenos Aires: Editorial Nós, vol. II, O home-II, p. 327-333.

Lorenzo Fernández, Xaquín (1982). “Construcións adxectivas: Outras construcións adxectivas”, A casa, Biblioteca Básica da Cultura Galega, Vigo: Editorial Galaxia, p. 169-174. DL VG-218-1982. ISBN 84-7154-404-0.

Lorenzo Fernández, Xaquín (1982). “A facenda: Outros animais domésticos”, A terra, Biblioteca Básica da Cultura Galega, Vigo: Editorial Galaxia, p. 244-256. DL VG-283-1982. ISBN 84-7154-407-5.

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 153-IV Soutelo de Montes // Datum ETRS89: Fuso 29 // X 564.634,05 m / Y 4.712.947,66 m

Instituto Geográfico Nacional. Serie MTN25 (Mapa Topográfico Nacional 1:25.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional25.jsp? [Acceso 9 abril 2014].

Instituto de Estudos do Territorio (IDE) da Xunta de Galicia. Información Xeográfica de Galicia: visor de mapas [en liña]. Dispoñible na Internet: http://mapas.xunta.es/visualizador-de-mapas [Acceso 24 outubro 2017].

Xunta de Galicia (Consellería do Medio Rural). Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícola (SixPac): visor de mapas [en liña]. Dispoñible na Internet: http://sixpac.xunta.es/visorsixpac/ [Acceso 14 xullo 2018].

Data de Actualización:

13 agosto 2018