530 Curtidoiro do Liñar

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: Lugo
  • Concello: Alfoz
  • Parroquia: San Pedro de Mor
  • Lugar: O Liñar
  • Paraxe: Liñar
  • Dirección: O Liñar, 4 - 27775 Mor-Alfoz (Lugo)
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 43.540559151925265
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -7.42357801081846
  • Coordeadas UTM: Datum ETRS89: H 29 // X 627.353,09 m / Y 4.822.050,18 m
  • Clasificación: Fábrica de curtidos
  • CNAE: 15.11 Preparación, curtido e acabado do coiro; preparación e tinguido de peles.
  • Tipoloxía: Curtido tradicional en píos (“noques”)
  • Comarca: A Mariña Central
  • Marco Xeográfico: Val entre o rego de Granda e o rego de Ferreira, nas abas orientais do norte da serra do Xistral.
  • Ámbito: Rural
  • Acceso: En Mondoñedo, deixamos a estrada nacional N-634 e apartamos á esquerda pola estrada LU-160, cara a Ferreira do Valadouro. Ao pasarmos O Castro d’Ouro, pasada a Estación de Servizo e antes do Instituto de Ensino Secundario, apartamos a esquerda e a uns trescentos vinte metros atoparemos o casal de Liñar.

Tipo de propiedade:

Privada

Visitable:

Exteriormente

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

Non somos hoxe en día conscientes da gran importancia que tivo a industria do coiro, que elaboraba as pezas que despois empregaríanse sen curtir como soporte para a escritura (pergameo), e curtida no almacenamento de líquidos (pelellos) e no manexo do aire (foles, mesmo musicais), nos arreos de labranza (arneses, correas e atalaxes), para o traballo dos albardeiros (cinchas, selas, albardas e alforxas), talabarteiros e gornicioneiros (cartucheiras, cintos e talabartes), para pezas da vestimenta (chalecos, petos, luvas, chapeus, cintos), no calzado (zocos, botas, zapatos), no recubrimento de embarcacións, na elaboración de cordas e enxarcia, para xuntas de estanquidade ou aínda para as correas de transmisión da primeira maquinaria.

A actividade de curtume, como a téxtil, xorde e desenvólvese intimamente unida ao mundo rural, compartindo as actividades propias do campo para fornecer as súas necesidades específicas e servindo moitas veces aquelado cos traballos agrícolas para complemento dos minguados ingresos dos labregos.

Podemos distinguir entre curtidores independentes, que curtirían unha ou dúas peles ao ano para as súas propias necesidades, e curtidores rurais, que á vez que traballan os seus propios coiros, preparan a xornal outros cedidos por tratantes ou comerciantes urbanos. En ambos os casos, os campesiños son propietarios dos pilos nos que traballan as peles. Finalmente, un terceiro grupo de campesiños traballarían en pilos prestados ou en pilos da comunidade.

Aínda que o curtido espallábase por toda Galicia, sendo habitual a existencia de curtidores en moitas parroquias, algunhas zonas concentraban un gran número destes curtidores “a tempo parcial”, como nas terras de Cea e Allariz, na antiga provincia de Ourense, Noia e Caldas, na de Santiago, Vilalba e Chantada, na de Lugo, e Soutomaior, na de Tui.

A evolución desta industria continúa, xa como unha actividade urbana ou peri-urbana nos séculos XVII e XVIII, coa construción de píos por e para o gremio de zapateiros, necesitados de abastecerse de materia prima para o seu traballo, como ocorría en Betanzos ou en Melide. Outras veces as instalación eran do propio concello, como no caso de Chantada, e outras, en fin, de particulares.

Pronto a industria do coiro dará un avance cualitativo e cuantitativo co nacemento, no tránsito do século XVIII ao XIX da fábrica de curtidos construída por un empresario como un asentamento especificamente dedicado á produción de coiros, cunha centralización nas súas instalacións de tódalas actividades do proceso, con traballadores asalariados que preparaban os pelicos ao mandado do dono, e cunha clara orientación a cubrir as necesidades e demandas do mercado.

Desta forma, os asentamentos dispersos e rudimentarios evolucionan dando paso aos centros especializados, nunha transición gradual que pasa polos asentamentos gremiais proto industriais, primeiro, e as fábricas populares, despois, para chegar finalmente aos modernos curtidoiros.

Consonte os datos do Catastro de Ensenada, contra 1752 o gremio de zapateiros de Betanzos contaba con cincuenta e catro inscritos, pero tan só seis desenvolvían moi rudimentarias tarefas de curtume. Vai ser contra os comezos da década de 1770 cando aparecen nas contornas de Ferrol os primeiros curtidoiros (vid. ficha 329) estabelecidos co novo modelo organizativo de factoría centralizada, coa introdución de capital privado e de emprego asalariado, liberados do control gremial.

Descrición Xeral do Entorno:

O curtidoiro sitúase na aldea do Liñar, na marxe esquerda do rego de Ferreira, no val entre este e o rego de Granda, nas abas orientais do norte da serra do Xistral.

Construcción:

Antes de 1845.

Abandono:

Contra 1890.

Descrición:

Non se coñece a data da construción da fábrica de curtumes de O Liñar, mais sábese que o 22 de outubro de 1845 o notario Justo María Alonso Abella, natural de Ribadeo e veciño de Mondoñedo, mercaba a Nicolás Couso e os seus acredores a casa fábrica de curtidos, co seu muíño de casca e outros predios anexos (Otero, 2018:35). O pequeno establecemento iría sendo reformado ata chegar a acadar en 1889 unha completa transformación.

En 1868 as propiedades pasan a súa viúva, Justa Alonso Díaz, quen daquela ten alugada a fábrica a Vicente Sixto Pico. Contra 1873 a dirección da fábrica sería de novo xestionada pola familia Alonso, e Sixto correrá coa súa propia fábrica de curtumes en O Penido. En 1882 serán Pascual e Justo Alonso Alonso, fillos de Justa, os donos da fábrica. Morto Pascual, a súa viúva e o seu fillo venderán a súa metade a Justo, quen quedará como único propietario.

No ano 2009 Paula Ferreiro e Marco Candia mercarán a propiedade, xa ruinosa, a Justo, fillo de Benito Alonso Pérez, xuiz en Foz e que a herdara en 1964 do seu pai, Justo Alonso Alonso. Os novos propietarios procederán á restauración parcial das construción para o seu emprego como vivenda.

O curtidoiro de O Liñar, como era habitual en Galicia, especializarase na elaboración de becerro (coiro para zocos, zapatos e botas) e sola (coiro para piso de zapatos e botas). Chegaría a fabricar unha media de 2.300 pezas anuais no cuadrienio de 1863 a 1867.

Consonte os datos tomados de Otero (2017, ficha 92, páxina 367 da súa tese de doutoramento), a instalación fabril está fechada con valado de cachotaría de granito por todos os seus ventos, conformando un recinto fechado de 1.480 m2. A edificación principal consta de tres naves contiguas de 67, 120 e 89 m2 respectivamente en dirección do oeste ao leste. Son construcións estruturadas nun baixo e nun andar con lousado a dúas augas. O andar superior está a nivel do recinto, mentres a planta baixa está escavada no lado norte xa que se aproveitou a pendente natural do terreo.

A nave oeste, da que se conservan as paredes, tiña pías na planta baixa (na escavación acreditouse a presenza parcial da base dos muros das pías), que foron eliminadas antano para a utilización dese andar como corte para o gando, polo que se descoñece o número. O primeiro andar serviu coma escola do Reirado a mediados do século XX e coma vivenda desde o decenio de 1960 até o de 1980; posteriormente, quedou sen uso mais nun aceptábel grao de conservación do lousado e dos cerramentos. Actualmente, é utilizada como vivenda tras unha rehabilitación realizada no 2011.

A nave central é a maior do conxunto fabril e aínda conserva as paredes e as pías (15 en total), así coma as canles de condución da auga. Constaba igualmente de dous andares e pódese apreciar, pola presenza dun vertedoiro e da boca dun forno de pan, que o superior foi empregado como vivenda.
A nave leste atópase parcialmente derrubada, aínda que conserva as 11 pías, e as canles de condución da auga e drenaxe. O primeiro andar empregouse como vivenda até o decenio de 1960, momento no que tivo que ser abandonada debido ao avanzado grao de deterioro.

Todas as pías da instalación responden ao mesmo esquema construtivo: muro de coio de 40 cm de grosor impermeabilizado con morteiro de barro e cal, e rematado con “pezas” de granito, algunhas delas traballadas a modo de canle de condución da auga. Gran parte das pías constan de drenaxes ben cara ao exterior do edificio ou ben cara ás pías contiguas.

As edificacións están construídas fundamentalmente en cachotaría de granito, se ben utilizáronse extensamente xógaras (coio de aluvión) do rego que pasa preto en case todas as construcións, e case exclusivamente nas paredes das pías. As xógaras selábanse con cal para darlle estabilidade a construción.

A fábrica tamén dispuña dun secadoiro de peles (71 m2) e dun alpendre (41 m2) probabelmente utilizado como almacén da cortiza. Aínda están en pé tamén un pequeno pendello, empregado como galiñeiro, e un forno de pan. Anexo ao curtidoiro, fica a nave onde se realizaba a moenda da casca (68 m2), coma testemuña a pedra de moer atopada durante a limpeza e a escavación da construción. Actualmente é utilizada como vivenda.

O curtidoiro aniñou a oitenta metros do Rego de Ferreira e a unha cota quince metros superior, polo que a auga para o proceso collíase dun manancial que abrolla moi pretiño e que hoxe en día utilízase como traída de auga privada.

Tempo de uso:

Todo o ano.

Sistema de produción:

Curtido é o proceso mediante o que unha pel, un material orgánico, transfórmase en coiro, un material imputrescible, flexible, resistente á humidade e con notables propiedades mecánicas. Tecnicamente, o curtido consiste en aumentar a resistencia á hidrólise das proteínas (coláxeno) que configuran a pel mediante a acción dun axente que orixina tal cambio químico, o curtinte.

O proceso iniciábase coa chegada da pel en bruto, con pelo e restos de carne cando viña dos matadoiros veciños, e ademais cunha abondosa dose de sal incorporada cando procedente do Río da Prata. Comezaban entón os labores de ribeira, limpeza e primeira preparación dos pelellos para hidratar e abrandala pel manténdoa mergullada en auga varios días, xa nunha corrente fluvial, xa en pozos construídos ao efecto. Os coiros lavábanse ben, deixábanse a mollo e deseguido mergullábanse nuns pozos cheos de auga con cal apagado, os caleiros ou pelamios, para que os poros abriran tanto para favorecer a retirada do pelo como para unha mellor penetración das sustancias curtintes coas que logo sería tratada a pel.

A pel permanecía nos caleiros entre quince e vinte días e, unha vez sacada do pelamio actuaban os “zurradores” para retirarlle a súa pelame e os anacos de carnaza que quedasen do desencoirado, uniformando á vez a superficie da pel e separando as partes inútiles para o curtido. Os oficiais completaban o depilado traballando a pel até retirarlle todo o pelo, rañando coas súas características coitelas romas pola flor da pel, a parte exterior, na que se atopa o pelo.

Rematadas as tarefas de ribeira, o caldeo ou corrida nos pozos chamados mudanzas ou alpages, enchidos con auga acidulada pola casca de carballo e con diferentes concentracións (a menor, no de primeira mudanza), limpaba os restos de cal e completaba o enchido da pel e a apertura dos seus poros que xa se encetara nos pelamios. As veces, cos coiros “brandos” ou de res menor, antes do caldeo adoitábase levar a pel aos pozos de desengraxado, nos que permanecía mergullada en excrementos animais (unha mestura de canina, gallinácea, palomina e outros) para facer máis doada a posterior retirada dos restos do cal.

Os coiros xa limpos e preparados trasladábanse entón aos pozos de curtir propiamente ditos, chamados noques, pilos ou asentos, nos que a pel conseguía as súas propiedades de resistencia á auga e á humidade, volvéndose elástica e resistente á vez. Alí os coiros colocábanse coa flor (a cara na que tivera o pelo) cara abaixo, alternados con casca de carballo moída previamente e ben cubertos de auga. Nesta situación permanecían entre tres e cinco meses, tralo que retirábanse dos noques, limpábanse e cepillábanse e voltaban a se mergullar noutros noques –“de segundo asiento”– mesturados con casca moída igual que na volta anterior agás o sentido da pel, agora coa flor cara arriba. A pel íase pasando duns pozos aos outros nun proceso lento e laborioso, sempre mergullada nunha solución rica en tanino obtida a partir da cortiza do carballo.

No procedemento tradicional de curtido o axente curtinte, o tanino, procedía da casca de certos árbores, como a aciñeira ou o sanguiño, sendo o carballo o máis adoito a empregar en Galicia. Para mellorar o proceso, a casca pulverizábase nos chamados muíños de casca, consistentes nun murete circular de trinta ou corenta centímetros de alto e de tres a catro metros de diámetro, arredor do que unha besta facía roular unha roda de cantería que ía esmagando a casca depositada no interior do beiril.

Unha vez o coiro curtido procedíase ao seu remate, no que o proceso finalizaba coa preparación e secado da pel curtida, o pelico. Levantada a pel dos noques procedíase o seu enxugado e aireado, tralo que viña o batido ou mazado cun martelo de madeira, para deixar a peza compactada nun espesor uniforme e cunha aparencia máis homoxénea, finalizando aquí o proceso para os coiros duros (de vacún adulto) destinados á fabricación de sola.

No caso dos coiros brandos (de animais menores como xatos, ovellas ou rebezos), que destinábanse fundamentalmente á elaboración do “becerro”, o rematado era máis complexo, incluíndo o engraxado a base de saín (graxa de sardiña), o estirado e o luneteado, entre outras operacións menores.

As fábricas de coiros aproveitaban tódolos refugallos do proceso e os vendían: a casca xa usada e enxoita para as lareiras; os restos da carnaza para facer a cola que demandaban os carpinteiros e as fábricas de papel; o pelo desprendido da pel e enxoito para a fabricación de cepillos e brochas.

O proceso de curtido tradicional, co tanino de árbores e arbustos como curtinte, necesitaba entre dez e dezaoito meses dende a chegada da pel ata a saída do coiro e precisaba grandes cantidades de casca (uns cinco quilogramos de casca para cada quilogramo de pel).

Empregáranse despois, xa na década de 1850, extractos concentrados de quebracho ou castiñeiro para acelerar o curtido e finalmente taninos artificiais para o curtido vexetal rápido, xeneralizado na década de 1870. Cara a 1880 comezaría o curtido mediante sales de cromo e a finais da década de 1910 o curtido ao cromo suplantaría totalmente ao curtido vexetal. Mentres o curtido dunha peza de sola polo sistema tradicional precisaba duns catrocentos dez días, cos novos sistemas abondaba con cento oitenta.

O curtido ao alume ou curtido en branco segue a empregarse na preparación de peles finas moi flexibles e suaves, xeralmente empregadas nas luvas.
Aínda que os aires da revolución industrial chegaran tamén a industria do curtido, non o fixera na cerna dos labores (a transformación da pel), senón unicamente nas endeitas de preparación e remate, e algunhas tenerías empregaban contra 1850 máquinas para o descarnado, o pelado, o batido e a división da pel.

O conxunto das edificacións para o traballo dos coiros normalmente distribuiase en cinco compoñentes: o almacén das materias primas e local da moenda da casca configuraban a entrada do establecemento; viña despois o departamento dos labores de ribeira, cos seus lavadoiros e caleiros; o terceiro espazo contaba cos píos de mudanza e asento; o espazo para o enxugado e aireado estaban as veces nun primeiro andar, para mellorar a ventilación; o derradeiro, a zona de remate, xuntábase as veces co anterior.

A ocupación nas fábricas de curtidos era de cinco a sete persoas nas pequenas, e de dez a quince nas grandes.

Os produtos que se elaboraban recibían distintos nomes: solas (vacún), becerros (tenreiro), badanas (carneiro ou ovella), cordobáns (cabra), baldeses (adelgazadas para luvas), baquetas (vaquetas, coiro de vitela, tenreira para albardeiros) e corregeles (tamén chamado crupón, folla enteira de coiro flexible e groso de boi ou vaca, para solas e correas).

Actividades laborais:

Man de obra masculina en todo o proceso.

Emprego:

Sen datos. Posibelmente, entre tres e cinco homes.

Materias Primas:

Peles de animais, principalmente vacún.

Produtos Elaborados:

Peles curtidas, principalmente becerro (73%), ademais de sola (26%) e badana (1%).

Distribución e comercialización:

Principalmente na contorna do curtidoiro, con algúns clientes importantes en Lugo, Vilarramil e Castropol.

Referencias Bibliográficas:

Carmona Badía, Xoán; Nadal Oller, Jordi (2005): El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Córdoba de la Llave, Ricardo (2008): “Industrias del tejido y del cuero”, Ars Mechanicae: ingeniería medieval en España, Pedro Navascués Palacio (coord.), Fundación Juanelo Turriano. Madrid: Ministerio de Fomento (CEDEX-CEHOPU), p. 225-233. DL M-46232-2008. ISBN 978-84-7790-470-0.

Lorenzo Fernández, Xaquín (1962): “Etnografía: cultura material. Os oficios: curtidores ou coireiros”, Historia de Galiza, Ramón Otero Pedrayo (dir.), Buenos Aires: Editorial Nós, vol. II, O home-II, p. 550-558.

Lorenzo Fernández, Xaquín (1983): “Curtidores ou coireiros”, Os oficios, Biblioteca Básica da Cultura Galega, Vigo: Editorial Galaxia, p. 123-133. DL VG-18-1983. ISBN 84-7154-425-3.

Otero Eiriz, Claudio (2017): A industria do coiro en Galicia: historia e patrimonio. Tese doctoral, inédita. Departamento de Economía Aplicada, Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago de Compostela.

Otero Eiriz, Claudio (2018): As fábricas de curtumes de Alfoz. Historia e patrimonio. Cadernos do Seminario de Estudos do Valadouro, núm. 8, Área de Sociedade. DL LU 148-2018. ISBN 978-84-09-06197-6.

Wagner, A. (1942): “Curtido y elaboración de pieles”, Manual del Ingeniero, Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, trad. de la 26ª edición alemana, tomo IV. Barcelona: Gustavo Gili, Capítulo VI, p. 703-744.

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 9-III Ferreira /// Datum ETRS89: H 29 // X 627.353,09 m / Y 4.822.050,18 m

Centro Nacional de Información Geográfica, Fotototeca Digital, Instituto Geográfico Nacional, Ministerio de Fomento del Gobierno de España [en línea]. Disponible en internet: http://fototeca.cnig.es/ [Acceso 21 agosto 2018].

Instituto de Estudos do Territorio (IDE) da Xunta de Galicia. Información Xeográfica de Galicia: visualizador de mapas [en liña]. Dispoñible na Internet: http://mapas.xunta.es/visualizador-de-mapas [Acceso 18 agosto 2018].

Instituto Geográfico Nacional. Serie MTN25 (Mapa Topográfico Nacional 1:25.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional25.jsp? [Acceso 9 abril 2014].

Xunta de Galicia (Consellería do Medio Rural). Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícola (SixPac): visor de mapas [en liña]. Dispoñible na Internet: http://sixpac.xunta.es/visorsixpac/ [Acceso 18 agosto 2018].

Data de Actualización:

1 agosto 2019