535 Aglomerados Ecar

Galería de Fotos

VerVerVerVer
  • Provincia: Lugo
  • Concello: Mondoñedo
  • Parroquia: Santiago de Mondoñedo
  • Lugar: San Lázaro
  • Dirección: Avenida de Eladio Lorenzo, 37-43 – 27748 Mondoñedo
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 43.43501987817763
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -7.360878692886331
  • Coordeadas UTM: Datum ETRS89: H 29 // X 632.658,49 m / Y 4.810.425,20 m
  • Clasificación: Fábrica de taboleiros de madeira
  • CNAE: 16.21 Fabricación de chapas e taboleiros de madeira.
  • Tipoloxía: Taboleiros de aglomerado de partículas
  • Comarca: A Mariña Central
  • Marco Xeográfico: Entre as faldras setentrionais da serra da Toxiza e a serra de Lourenzá, na valgada de Mondoñedo e na marxe dereita do rego de C
  • Ámbito: Rural
  • Acceso: Na saída de Mondoñedo cara a Ribadeo, no barrio de San Lázaro, localizaremos o cruce da antiga estrada nacional N-634 coa estrada LU-160 que vai a Ferreira do Valadouro. No mesmo cruce, na beira esquerda da nacional, atoparemos as instalacións que foran de Aglomerados Ecar.

Tipo de propiedade:

Privada

Visitable:

Exteriormente

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

Os serranchíns itinerantes foron desaparecendo co estabelecemento das serras mecánicas, unhas movidas pola forza da auga, outras accionadas por máquina de vapor, motor de gasolina ou motor eléctrico. Levábanse entón os troncos a serrar nas fábricas, nas que tamén quedaban a secar, ao aire ou en cámaras de secado nas que se introduce aire quente para acelerar e mellorar o proceso.

Na década de 1830 constrúense en Galicia as primeiras “serras de auga”; os primeiros artefactos para a serrado mecánico da madeira aparecen no sur da provincia de Pontevedra, para o abasto da crecente demanda na construción e no envasado da sardiña salgada na área de Vigo (vid. ficha 361).

Os primeiros serradoiros mecánicos movidos por máquina de vapor, serán inicialmente un fenómeno urbano que, a partir de 1850, vai desenvolverse paseniño na Coruña, Vigo e Ferrol. Pero é dende a década de 1880 cando se produce o verdadeiro desenvolvemento do sector mecánico na primeira transformación da madeira. Ademais, a aparición de novos elementos de demanda vai orientarse ao piñeiro galego (para a construción, a carpintaría, os envases, as travesas e a minería), no canto das frondosas tradicionais.

Primeiro foron os troncos de piñeiro para apuntalar as minas de carbón, que abastecían como frete de retorno aos buques que traían hulla dos portos galeses. Pero vai ser de meirande importancia o subministro de madeira para caixas, caixóns e embalaxe de mercadorías varias.

A táboa e o cadrado de piñeiro abastecían dende a década de 1860 ás industrias de Málaga e Almería que producían táboa pequena e fina (tablilla) e elaboraban caixas para o envío de uva pasa a Inglaterra. Madeira de primeira serra servía tamén á industria galega de salga en diferentes portos do país.

A crecente demanda de táboa e táboa pequena para as industrias marítimas, levou a que un grupo de industriais vigueses establecera en 1879 “La Industrial Hispano Portuguesa”, para a provisión da madeira para envases do sector pesqueiro, serrada pola nova empresa con máquina de vapor no Areal de Vigo. Nos anos seguintes, co mesmo obxectivo, van instalarse na área viguesa outros serradoiros de vapor, aínda que venderán tamén “tablilla” aos exportadores malagueños e almerienses.

Tres anos despois, en 1882, os irmáns Candeira instalaban en Camposancos (A Guarda) as primeiras serras mecánicas a vapor para a elaboración de táboa miúda (vid. ficha 350). Alí, na desembocadura do río Miño, chegaban río abaixo os troncos galegos e portugueses que se enviaban aos portos andaluces para o seu transformado. Unha nova riqueza vai quedar agora na comarca, e pronto se instalarán na zona máis serras, que converterán ao Baixo Miño nunha das áreas pioneiras nesta industria (vid. fichas 354, 355, 468, 523).

Tralas primeiras serras mecánicas a vapor, viguesas e miñotas, outras industrias de serra van espallarse por toda a Galicia atlántica no primeiro terzo do século XX, cunha meirande concentración no sur da provincia de Pontevedra, na bacía ourensá do río Miño, e na área costeira que vai de Ponteceso a Ferrol, convertendo á rexión na primeira produtora española de táboa e táboa miúda para envases. En 1905 se contaban cincuenta e catro serradoiros na provincia de Pontevedra e trinta e sete na da Coruña, respectivamente. Algúns serradoiros do Condado e do Baixo Miño contaban daquela con máis de unha ducia de serras instaladas.

A Gran Guerra (Primeira Guerra Mundial, 1914-1918), coa supresión das importacións de madeira foránea e unha forte subida dos prezos, provocou a expansión dos serradoiros. O remate da guerra abriría unha época difícil, caracterizada polos intentos de concentración que buscaban superar o minifundismo do sector. Contra 1933, eran 495 os serradoiros galegos con serra de cinta que pagaban a contribución industrial, e, coa súa demanda de piñeiro autóctono, dinamizaban a explotación dos montes do país.

O sector da serra, cunha excesiva especialización na primeira transformación da madeira, con apenas valor engadido, enfiaría un forte proceso de reestruturación a partir da década de 1940, do que xurdiría o sector dos taboleiros fabricados, primeiro, por agregación de chapas de madeira natural encoladas, o contra chapado (Peninsular Maderera, en Ferrol, 1945), e despois, a partir de madeira triturada, encolada e prensada, o aglomerado (Tafisa, en Pontevedra, 1958).

A “Peninsular Madereira” desaparecería en 1976, pero a pioneira experiencia de Tafisa tería unha brillante continuidade cun pequeno grupo de empresas dedicadas á fabricación de taboleiros de madeira aglomerada, de partículas, de fibras, e de fibras de media densidade: Finsa (Pontecesures, 1963), Ecar (Mondoñedo, 1964), Losan (Curtis, 1965), e outras, ata sumar once establecementos en Galicia, a metade dos existentes en España.

Descrición Xeral do Entorno:

Entre as faldras setentrionais da serra da Toxiza e a serra de Lourenzá, na valgada de Mondoñedo e na marxe dereita do rego de Cesuras pouco antes da súa xunta con rego de Valiñadares, nunha zona ampla e chan a carón da estrada nacional de Lugo a Ribadeo.

Construcción:

1964.

Abandono:

No ano 2005 a empresa foi adquirida polo grupo empresarial FINSA, orientándoa á fabricación de compoñentes de mobles de cociña. A industria pecharía definitivamente no 2012.

Descrición:

A liberalización da economía española no decenio de 1960 e a liberdade de importación de madeira, agudizaría a xa difícil situación do sector e traería a crise á industria de serra, co peche de moitas fábricas.

Un grupo de empresarios do sector da madeira do norte da provincia de Lugo, Eladio Lorenzo García (de Mondoñedo), Couso (de Ribadeo), Arcadio (de Burela) e Ramón Salgueiro (de Viveiro), deciden asociarse e poñer en marcha un novo proxecto industrial para obter un mellor aproveitamento dos subprodutos dos seus serradoiros (leñas, serraduras, cascas) e da madeira non apta para serrar (troncos, rolos e puntais defectuosos).

Analizadas as patentes existentes e os produtos resultantes do aproveitamento dos subprodutos xerados na primeira transformación da madeira, decidirían optar pola fabricación de taboleiros de aglomerado de partículas, seguindo o exemplo de Manuel García Cambón co “Fimapán” producido na fábrica de Finsa en Padrón. Ao abeiro da Lei 196/1963, de 28 de decembro, os promotores lugueses solicitarían a cualificación como Sociedade de Empresas para a que entre eles a tal fin constituirían o 22 de setembro de 1964 co nome de “Aglomerados Ecar, S.A.”, obtido de xuntar os de Eladio, Couso, Arcadio e Ramón.

Para a construción das instalacións da nova empresa elixirían unha ampla parcela de terreos de labor na marxe esquerda da estrada nacional N-634, no barrio de San Lázaro, moi próximos á estación de servicio de combustibles, da que obterían os entón baratos derivados do petróleo (fuelóleos, gasóleos e gasolinas) para o funcionamento da fábrica e do seu parque móvil.

A planta de fabricación de taboleiros comezaría a funcionar en 1966 e, cunha prensa Siempelkamp de dous pratos, de 3’66 x 1’83 metros, produciría diariamente corenta metros cúbicos de taboleiro.

A boa marcha do negocio permitiría importantes investimentos na ampliación e mellora das instalacións fabrís, incorporando unha prensa de tres pratos, que seria posteriormente substituída por unha de cinco pratos. Montaríase tamén unha liña de taboleiro melaminado, catro silos para acha e unha máquina de despezar. Para a descarga dos camións e a carga das máquinas, a empresa adquiriría pas automóbiles Volvo. Ademais de instalar un xerador de corrente eléctrica para suplir as carencias da rede de distribución local, os primeiros secadoiros serían substituídos por outros de maior capacidade, e a caldeira de produción de auga quente sería substituída por unha caldeira de aceite térmico.

A forte dependencia dos combustibles petrolíferos e a suba dos seus prezos tralas coñecidas como “crises do petróleo”, comezou a erosionar a economía da empresa: a finais de 1973, o prezo do petróleo cuadriplicouse; a comezos de 1979, nova suba; en total, pasouse duns tres dólares por barril en outubro de 1973 a máis de trinta e catro en outubro de 1981. A profunda crise económica mundial derivada da enerxética engadiría aínda novas dificultades á empresa mindoniense, que tería que proceder en 1993 a suspender pagos.

Malia unha certa recuperación nas súas finanzas, “Aglomerados Ecar” afrontaría novos atrancos, sufrindo unha folga dos traballadores en xullo do ano 2003 e tendo que reducir a xornada laboral da meirande parte dos operarios en marzo do 2004, acordada cos representantes sindicais por necesidades de organización da empresa.

Nestes últimos anos da empresa, se consumían unhas cento corenta mil toneladas de madeira ao ano e a produción anual era da orde dos cen mil metros cúbicos de taboleiro aglomerado, dos que vinte e cinco mil eran recubertos de melamina.

No mes de maio do ano 2005 a empresa compostelán “Financiera Maderera” (FINSA) adquiriría a totalidade do capital social de “Aglomerados Ecar” e poría en marcha un novo proxecto para a transformación do taboleiro melaminado en compoñentes para mobiliario de cociña. O taboleiro subministraríase pola planta de FINSA en Santiago, e en Mondoñedo fabricaríanse os compoñentes. A remodelación e adaptación das instalacións para o novo proceso produtivo faríase en cinco meses, desmantelando a práctica totalidade da vella maquinaria e substituíndoa pola nova.

Urxido pola crise económica da segunda metade do decenio do 2000, no ano 2009 o grupo FINSA procedía á simplificación da súa estrutura social e nesta reestruturación anunciaba o 21 de novembro do 2011 o peche da fábrica de Mondoñedo, a extinción de contratos e ofrecíase a recolocar a parte dos traballadores.

O día 7 de novembro do ano 2012, José Luis Lorenzo Artiaga, como presidente de “Aglomerados Ecar, S.A.” asinaba a disolución e extinción da sociedade.

Tempo de uso:

Todo o ano, aínda que as árbores se cortase preferentemente no inverno.

Sistema de produción:

Hoxe en día os procesos na fabricación de taboleiro aglomerado, sexa o denominado tecnicamente taboleiro de partícula, ou o taboleiro de fibra de media densidade MDF (Medium Density Fibreboard), aínda que complexos, son uns procesos totalmente automatizados.

O proceso de fabricación do taboleiro aglomerado de partícula (moi anterior ao de fibra) comeza pola selección da materia prima. Aínda que nos primeiros tempos utilizárase madeira en rolo (troncos) de piñeiro e de chopo, máis o menos ao 50%, o encarecemento dos rolos levaría ao aproveitamento dos subprodutos dos serradoiros e as carpinterías: serraduras, leñas, cascas, costeiros e tamén toros, troncos, rolos e puntais defectuosos, e mesmo madeira volta a aproveitar de palés e embalaxes.

A madeira xa limpa (a cortiza normalmente descártase, non sendo para taboleiros de baixa calidade) pasa ás astilladoras para transformala en achas. As achas pasan despois polas cribas e o peneirado elimina das achas de madeira o que puideran levar de terra, area, pedra, metais ou calquera outra impureza.

As achas limpas pasan entón polos muíños de labrado e as cribas rotativas (cilindros trommel), dos que saen as labras co calibrado requirido para a fabricación do taboleiro. As labras xa calibradas pasan aos secadoiros, uns cilindros ou tambores rotatorios polos que circula aire quente en contracorrente. As labras secas límpanse de novo, clasifícanse por calibres e almacénanse en silos. O polvo de madeira xerado aprovéitase como combustible.

O material clasificado imprégnase con cola pulverizada, as labra e as serraduras en máquinas de encolado separadas, e nas proporcións adecuadas ao tipo de taboleiro a fabricar. Ademais das estándar, as colas poden ser hidrófugas, para taboleiros resistentes á humidade, e tamén ignífugas, para taboleiros resistente ao lume.

As labras e as serraduras así preparadas pasan ás formadoras, que depositan nunha banda ou bandexa o produto calibrado e mesturado, formando con varias capas a manta do que será o taboleiro: deposítanse primeiro serraduras moi finas, seguidas dunha cobertura de serraduras máis grosas; vai despois unha capa de labras (a alma ou parte central do taboleiro), e fórmase despois outra capa de serraduras grosas, rematando con outra cobertura de serraduras finas.

Formada a manta prénsase en frío para darlle unha primeira compactidade e evitar que se desbarate na banda de transporte. De seguido, aplícaselle á manta un prensado progresivo en quente (uns 200 ?C), no que a velocidade de paso pola prensa definirá o calibre ou grosor do taboleiro a fabricar. Nos procesos primitivos, os prensados eran descontinuos, nas prensas chamadas de pratos.

Na saída da prensa, a manta xa compactada e endurecida córtase nas dimensións comerciais requiridas. Os taboleiros xa cortados deposítanse nos “volteadores”, onde os taboleiros arrefríanse antes de ser amoreados formando paquetes.

Os paquetes de taboleiros fríos lévanse ás lixadoras, nas que procédese ao desbaste, calibrado e acabado das caras de cada un dos taboleiros, saíndo coas medidas e as tolerancias exixibles ao fabricante. Os taboleiros acabados xúntanse de novo en paquetes e quedan listos para a expedición.

De selo caso, e segundo o acabado desexado, as caras dos taboleiros crús poden recubrirse tanto de chapa de madeira como de resinas de melamina con debuxos imitando diferentes cortes de madeiras.

Actividades laborais:

Na empresa a maioría dos traballadores eran homes.

Emprego:

Consonte datos de finais de 1969, baixo o nome de Eladio Lorenzo García, a fábrica Aglomerados Ecar” declaraba corenta e dous “produtores”. Nos mellores tempos daría traballo a un centenar de persoas. No momento do cese da actividade, no ano 2011, a empresa contaba con sesenta e dous empregados.

Materias Primas:

Subprodutos de madeira, leñas, serraduras, cascas, achas, costeiros, tarugos, e troncos, rolos e puntais defectuosos (principalmente de Pinus pinaster, o piñeiro galego).

Produtos Elaborados:

Taboleiro aglomerado de partículas, cru e melaminado. Trala adquisición por FINSA, compoñentes de taboleiro melaminado para mobiliario de cociña.

Distribución e comercialización:

Internacional.

Referencias Bibliográficas:

Alonso Álvarez, Luis; Lindoso Tato, Elvira; Vilar Rodríguez, Margarita (2008): “Financiera Maderera (FINSA), 1931-2006”, Construyendo empresas: la trayectoria de los emprendedores coruñeses en perspectiva histórica, 1717-2006, 2 vol., A Coruña: Confederación de Empresarios de La Coruña (CEC), vol. 2, p. 224-241. D.L. VG-1476-2008.

Carmona Badía, Xoán; Nadal Oller, Jordi (2005): El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

España, Ministerio de Hacienda (1964): Orden de 20 de abril de 1964 sobre calificación de Sociedad de Empresas, Ley 196/1963, de 28 de diciembre, en favor de “Aglomerados Ecar, S.A.”. Boletín Oficial del Estado, núm. 105, del 01/05/1964, p. 5591.

García Doural, Andrés (2009). “Una industria emblemática de Mondoñedo”, Miscelánea mindoniense [en liña] Accesible en Internet http://www.blogoteca.com/doural/index.php?cod=74517 [Acceso 18 agosto 2019].

Lorenzo Fernández, Xaquín (1962): “Etnografía: cultura material. Os oficios: Serranchíns”, Historia de Galiza, Ramón Otero Pedrayo (dir.), Buenos Aires: Editorial Nós, vol. II, O home-II, p. 472-476.

Lorenzo Fernández, Xaquín (1983): “Serranchíns”, Os oficios, Biblioteca Básica da Cultura Galega, Vigo: Editorial Galaxia, p. 12-18. DL VG-18-1983. ISBN 84-7154-425-3.

Rambuscheck, O. (1926): “Máquinas de trabajar la madera”, Manual del Ingeniero, Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, trad. de la 24ª edición alemana. Barcelona: Gustavo Gili, tomo II, capítulo III: Máquinas operadoras, sección I: Máquinas-herramienta, apartado B, p. 437-443.

Rico Boquete, Eduardo (1993): A riqueza forestal de Galicia no século XX: producción e explotación, Tesis doctoral, dirigida por el Profesor Ramón Villares Paz, inédita.

Taboada Arceo, Antonio (1971): Galicia, estructura y ritmo socio-económicos. La Coruña: Servicio de Estudios y Publicaciones de las Cámaras Oficiales de Comercio, Industria y Navegación de Galicia. DL C-145-1971.

Xunta de Galicia (2007-2011): Plan de Ordenación do Litoral [en liña]. Dispoñible na Internet: http://www.xunta.es/litoral [Acceso 28 marzo 2013].

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 24-I Mondoñedo // Datum ETRS89: H 29 // X 632.658,49 m / Y 4.810.425,20 m

Centro Nacional de Información Geográfica, Fotototeca Digital, Instituto Geográfico Nacional, Ministerio de Fomento del Gobierno de España [en línea]. Disponible en Internet: http://fototeca.cnig.es/

Instituto de Estudos do Territorio (IDE) da Xunta de Galicia. Información Xeográfica de Galicia: visualizador de mapas [en liña]. Dispoñible na Internet: http://mapas.xunta.es/visualizador-de-mapas [Acceso 27 maio 2017].

Instituto Geográfico Nacional. Serie MTN25 (Mapa Topográfico Nacional 1:25.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional25.jsp? [Acceso 9 abril 2014].

Xunta de Galicia (Consellería do Medio Rural). Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícola (SixPac): visor de mapas [en liña]. Dispoñible na Internet: http://sixpac.xunta.es/visorsixpac/ [Acceso 27 maio 2017].

Data de Actualización:

23 agosto 2019