541 Laboratorios Beca (Becaquímica)

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: Lugo
  • Concello: Lugo
  • Parroquia: Lugo (urbana)
  • Lugar: Lugo
  • Paraxe: Lamas de Prado
  • Dirección: Non procede
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 43.01619691632021
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -7.573041425964334
  • Coordeadas UTM: Datum ETRS89: H 29 // X 616.269,72 m / Y 4.763.642,97 m
  • Clasificación: Industria química
  • CNAE: 21.20 Fabricación de especialidades farmacéuticas.
  • Tipoloxía: Laboratorio veterinario químico farmacéutico
  • Comarca: Lugo
  • Marco Xeográfico: O laboratorio situárase fora de murallas e a carón do matadoiro de Abella, no barrio de O Castiñeiro, afastado do núcleo da cida
  • Ámbito: Rural (hoxe urbano)
  • Acceso: Saíndo de Lugo pola Avenida das Américas e continuando pola Avenida Breogán e a rúa Orquídea, localizaremos o Centro Comercial Abella, onde estiveran as instalacións da gran industria cárnica, Industrias Abella e Laboratorios Beca.

Tipo de propiedade:

Privada

Visitable:

A zona ten sido urbanizada e non queda pegada algunha

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

O emprego con fines máxicos ou medicinais de diferentes sustancias obtidas da natureza pérdese nos albores da humanidade. A sistematización dos usos permitiría avanzar no establecemento de relacións causa-efecto. Xa van uns catro mil anos que na Mesopotamia quedou testemuña da preparación e utilización de preparados que ían probándose nos escravos para axustar a dosificación. Tralos asirios e babilónicos, as incipientes técnicas botánicas, químicas e farmacolóxicas irían desenvolvéndose na India, a China e Exipto.

Os sumerios levarían a cabo na baixa Mesopotamia as que pódense entender como as primeiras operacións químico-farmacéuticas: desecamento, pulverización, moenda, prensado, filtración, decantación, disolución; e propuxeron tamén o emprego de pomadas, locións, cataplasmas, lavativas, infusións.

Os exipcios deixarían anotado nos seus códices os síntomas e as prescricións correspondentes, os principios activos das plantas, os animais e os minerais, o contido de principios activos nos alimentos e a formulación e preparación de medicamentos. Estableceron as pautas de administración dos medicamentos, tanto de uso interno (tisanas, decoccións, maceracións, píldoras) como de uso externo (emplastos, ungüentos, colirios, pomadas, inhalacións). Para as preparacións usaban muíños de man, morteiros, peneiras e balanzas. Os preparados conservábanse e coidados recipientes de barro, vidro, alabastro, serpentina e madeira.

Cos coñecementos acumulados, en Grecia xurdirán importantes expertos en plantas medicinais, e Galeno estabelecerá as bases técnicas da preparación das principais formulacións farmacéuticas. Entre o século IV a.C. e o V d.C. irá desenvolvéndose a medicina racional.

A cultura árabe recollerá os coñecementos gregos e romanos, e fará as súas aportacións, que legará a occidente. O persa Avicena vai consolidar a separación entre a medicina e a farmacia, polo que se lle ten como pai da farmacoloxía. La destilación vai ser unha gran aportación dos árabes aos procedementos químicos e farmacéuticos.

Aínda que que xa existían en Bagdad no 754, ata o ano 1221 non de documenta a existencia na Europa dunha oficina de farmacia. No convento dominico de Santa María Novella, en Florencia, cultivábanse herbas medicinais coas que os frades elaboraban diferentes preparados para a súa enfermería.

En 1441 fundaríase o Real Colexio de Boticarios da Cidade e Reino de Valencia, que se ten polo máis antigo do mundo, con competencias plenas administrativas e lexislativas.

No Renacemento (1453-1600), a recuperación europea da cultura clásica iniciaría a ciencia moderna, que no Barroco (1600-1740) consolidarían as aportacións de Bacon, Pascal Descartes, Galileo, Kepler. A Ilustración (1740-1800) suporía a sistematización e divulgación dos coñecementos, o nacemento da Revolución Industrial, e o continuo progreso nos descubrimentos científicos e técnicos.

A farmacopea iría incorporando tamén preparados para a mellora da saúde animal e a prevención e curación das súas dores. A preocupación pola saúde pública e as notorias carencias dos matadoiros municipais (vid. ficha 383) van estimular a iniciativa privada e a creación dos matadoiros frigoríficos nos comezos do século XX. As obrigas hixiénicas e sanitarias propiciarán a participación de veterinarios e farmacéuticos no control e saneamento do gando, dando lugar en moitos casos ao desenvolvemento parello de laboratorios químico farmacéuticos.

Co arranque da industria agro alimentaria en Galicia, despois da Guerra Civil (1936-1939) vai producirse o florecemento de dúas importantes iniciativas químico farmacéuticas relacionadas con matadoiros frigoríficos: Zeltia, co Matadoiro de O Porriño (vid. ficha 537); e Beca, con Industrias Abella (vid. ficha 502).

Descrición Xeral do Entorno:

Os laboratorios situaríanse a carón do matadoiro, fora de murallas, no barrio de O Castiñeiro, entón afastado do núcleo da cidade e pouco habitado, nunha zona na que da comezo o declive do terreo cara ao río Miño. Aínda que un tanto arredada da estación do ferrocarril, a proximidade do enlace coa estrada a Santiago e a estrada nacional a Coruña e a Madrid, facilitaba as comunicacións e o tráfico comercial.

Construcción:

1941.

Abandono:

Mediado o decenio de 1960.

Descrición:

Antonio Abella Laurel nacera en 1895 en Villafranca del Bierzo (León). En 1913, cumpridos os dezaoito anos, marchou a Arxentina, onde traballou como corredor de comercio, tendo moita vinculación coa industria cárnica. Regresou a España en 1917, establecendo relacións co matadoiro de Montellos (vid. ficha 456). En 1926 casaría con Justa Ramallo Naya e xa no decenio seguinte instalaríanse na Coruña cun negocio de cereais e fariñas, establecendo tamén unha camisería.

Nos anos posteriores á Guerra Civil Española (1936-1939) o xeneral Gonzalo Queipo de Llano Sierra, o seu axudante, o comandante José Cuesta Monereo, o veterinario sevillano Carlos Beca Iglesias, os irmáns Ramón e Fernando Ferreiro Rodríguez (valisoletanos de orixe mindoniense), o avogado Faustino Vicente Díaz, Antonio Abella Laurel e o seu cuñado, Rogelio Ramallo Naya promoverían a instalación en Lugo dun matadoiro frigorífico ao estilo dos de Chicago e seguindo o exitoso exemplo dos irmáns Fernández López no matadoiro frigorífico de O Porriño (vid. ficha 537).

Ademais de cun curtidoiro, o matadoiro contaría co complemento de “Laboratorios Beca”, o laboratorio veterinario e químico farmacéutico de Carlos Beca, con laboratorios centrais en Sevilla. Matadoiro e laboratorio inauguraríase no mes de outubro de 1941, encargándose Antonio Abella e os seus irmáns da xestión do complexo cárnico, e Carlos Beca do laboratorio.

Mediado o decenio de 1960, o laboratorio lugués quedaría como laboratorio veterinario do matadoiro e deixaría de producir especialidades para a venda, coas que seguiría a súa matriz sevillana ata o cese da actividade a comezos da década de 1970.

Despois dalgúns anos de decadencia de Abella, un grupo de tratantes dos que subministraban reses ao matadoiro decidirían crear un novo matadoiro para satisfacer a favorable demanda que a carne de vacún de Lugo tiña en Cataluña. En 1977, no mesmo espazo urbanístico, nacía “Frigoríficos del Miño, S.A.” (FRIMISA), en cuxas instalacións chegarían a sacrificarse mil cincocentas reses ao mes e nas que traballarían unhas vinte persoas.

“Industrias Abella” se declararía en suspensión de pagos no mes de marzo de 1985 e a fábrica luguesa e os seus laboratorios pecharían as portas o 30 de xullo, cun cadro de persoal entón de 230 traballadores. Poucos anos despois FRIMISA seguiría os seus pasos.

No mes de agosto de 1986 José Posse Carballido, maxistrado xuíz de Primeira Instancia de Instrución número 1 de Lugo decretaba prisión provisoria para Jesús Ferrer Lariño, presidente do consello de administración de “Industrias Abella”, e para Ignacio Herrero Garralda, marqués de Aledo e presidente do consello de administración do Banco Herrero, por un presunto delito de falsidade e estafa en relación cunha querela presentada contra eles por dezasete gandeiros dos municipios lugueses de Becerreá, Baralla, Lugo, Palas de Rei e Sarria que viran retiradas das súas contas bancarias as cantidades adiantadas polo banco en concepto do pago das reses adquiridas polo matadoiro.

Na primeira quincena do mes de novembro do ano 2007 comezaban a derrubarse as instalacións de “Industrias Abella”, “Laboratorios Beca” e “Frigoríficos del Miño, S.A.” (FRIMISA). A zona toda sería despois urbanizada, construíndose edificios de vivendas e áreas comerciais.

Tempo de uso:

Todo o ano.

Sistema de produción:

Ao chegar ao matadoiro, alóxanse os animais nos currais ou cortes de espera, onde recibirán a visita dos inspectores sanitarios. Autorizado o sacrificio, e unha vez realizado, unha nova inspección sanitaria vai determinar a aptitude das carnes para o consumo humano.

O sangue non empregado en fresco para a elaboración de sopas, “fritangas”, “budines” ou morcillas, aproveitaríase no laboratorio para a preparación de especialidades con diferentes procesos químicos ben coñecidos (fermentación, estabilización, depuración e concentración). Aproveitaríanse tamén as vísceras, e mesmo os cálculos biliares. Entre outros, serían coñecidos os seus preparados para combater a glosopeda ou febre aftosa do gando.

Actividades laborais:

Carecemos de datos do persoal empregado no laboratorio.

Emprego:

O 31 de decembro de 1969 “Industrias Abella” declaraba 163 “produtores”, nos que cabe supor estarían incluídos os traballadores do laboratorio. Nas datas do peche, en 1985, empregaba a 230 persoas.

Materias Primas:

Sangue, exsudados e vísceras de animais inmunizados.

Produtos Elaborados:

Especialidades e produtos farmacéuticos biolóxicos: soros, vacinas e antibióticos.

Distribución e comercialización:

Nacional.

Referencias Bibliográficas:

Carmona Badía, Xoán; Nadal Oller, Jordi (2005). El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Carmona Badía, Xoán (2006). “José Fernández López (1904-1986)”, Empresarios de Galicia, Xoán Carmona Badía (coord.), Centro de Investigación Económica e Financeira (CIEF), A Coruña: Fundación Caixa Galicia, p. 432-459. DL C-2900-2006. ISBN 84-96494-83-7.

Fernández González, Ángel Ignacio (2011). “Jamones gallegos”, Galicia agraria: historias sobre la agricultura gallega del siglo XX. Comentarios, análisis, documentos acerca de la economía agraria y la vida campesina [en línea]. Disponible na Internet: http://galiciaagraria.blogspot.com.es/2011/08/jamones-gallegos.html [Acceso 24 xuño 2016].

González Bueno, Antonio; Rodríguez Nozal, Raúl (2018): Censo-guía de los laboratorios farmacéuticos activos durante el Franquismo (1936-1975). Madrid: Real Academia Nacional de Farmacia. ISBN: 978-84-946424-9-4.

Iriarte García, Jesús Emilio (1977). Matadero industrial [en línea]. Disponible en Internet: http://hedatuz.euskomedia.org/8252/1/01230128.pdf [Acceso 2 noviembre 2015].

López Vázquez, Rafael; Casp Vanaclocha, Ana (2004). Tecnología de mataderos, Colección Tecnología de Alimentos, Madrid: Mundi-Prensa. ISBN 978-84-84761-64-8.

Raschke, O. (1942). “Industrias de la alimentación y afines. Matanza y elaboración de las carnes. Mataderos y corrales.”, Manual del Ingeniero, Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, 2ª ed. trad. de la 26ª edición alemana, Tomo IV. Barcelona: Gustavo Gili, Capítulo V, p. 624-633.

Sanmartín Miguez, José María (2011). Corridas de toros en la plaza del Obradoiro de Santiago de Compostela, Revista de estudios taurinos, núm. 30, Sevilla, 2011, p. 143-171.

Sanz Lafuente, Gloria (2005). Industria y seguridad alimentaria. Entre la ley, la ciencia veterinaria y la práctica social de la inspección. 1850-1923, XI Congreso de Historia Agraria, Aguilar de Campoo (Palencia), junio 2005 [en línea]. Disponible en Internet: http://seha.info/pdfs/iii_economia/III-sanz.pdf [Acceso 2 noviembre 2015].

Taboada Arceo, Antonio (1971). Galicia, estructura y ritmo socio-económicos. La Coruña: Servicio de Estudios y Publicaciones de las Cámaras Oficiales de Comercio, Industria y Navegación de Galicia. DL C-145-1971.

Wedlich, W. (1942). “Industrias de la alimentación y afines. Matanza y elaboración de las carnes. Elaboración de carnes.”, Manual del Ingeniero, Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, 2ª ed. trad. de la 26ª edición alemana, Tomo IV. Barcelona: Gustavo Gili, Capítulo V, p. 633-642.

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 72-IV Lugo // Datum ETRS89: H 29 // X 616.269,72 m / Y 4.763.642,97 m

Instituto Geográfico Nacional. Serie MTN25 (Mapa Topográfico Nacional 1:25.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: http://centrodedescargas.cnig.es/CentroDescargas/index.jsp [Acceso 1 marzo 2018].

Instituto de Estudos do Territorio (IDE) da Xunta de Galicia. Información Xeográfica de Galicia: visualizador de mapas [en liña]. Dispoñible na Internet: http://mapas.xunta.es/visualizador-de-mapas [Acceso 7 setembro 2019].

Xunta de Galicia (Consellería do Medio Rural). Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícola (SixPac): visor de mapas [en liña]. Dispoñible na Internet: http://sixpac.xunta.es/visorsixpac/ [Acceso 1 marzo 2018].

Data de Actualización:

7 setembro 2019