543 Caleira de Outeiro

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: Lugo
  • Concello: Mondoñedo
  • Parroquia: San Andrés de Masma
  • Lugar: O Outeiro
  • Paraxe: Chan das caleiras ou Fornos da Veliña
  • Dirección: Non procede
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 43.48227928394035
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -7.3184227431631825
  • Coordeadas UTM: Datum ETRS89: H 29 // X 635.984,59 m / Y 4.815.744,07 m
  • Clasificación: Fabricación de cal
  • CNAE: 23.52 Fabricación de cal e xeso.
  • Tipoloxía: Caleira artesanal
  • Comarca: A Mariña Central
  • Marco Xeográfico: Ribeira dereita do río Masma, no lugar coñecido como O Outeiro, na aba setentrional do Coto do Ferro, que separa o val de Louren
  • Ámbito: Rural
  • Acceso: En Mondoñedo enfiaremos a estrada nacional N-634 cara a Vilanova de Lourenzá e Ribadeo. Xa en Lourenzá, continuaremos pola estrada LU-153 cara a Masma e Ferreira do Valadouro. Nada máis cruzar por enriba da autovía A-8 ou Autovía do Cantábrico, na man dereita da estrada atoparemos perfectamente sinalizado o desvío para a Caleira de Outeiro. Baixaremos pola corredoira uns cento corenta metros e atoparemos na man dereita o forno da caleira.

Tipo de propiedade:

Pública.

Visitable:

Exteriormente.

Xestión de visitas:

Non procede.

Historia:

Despois de quizais un millón de anos de asimilación do lume como axente externo e como idea, hai uns trinta mil ou corenta mil anos que os humanos comezaban coa domesticación daquela fonte de luz e calor. E entre a queimadura sufrida polo contacto cunha arbore abatida polo raio e o traslado dun cacho de madeira ardendo ao interior da cova puideran transcorrer cen mil anos.

A calor está presente na base de numerosos procesos de transformación da materia, dende a preparación dos alimentos ata a fabricación dos máis sofisticados materiais cerámicos. Deixou anotado Plinio O Vello na súa Historia Natural: “O lume toma a area e devólvenos xa vidro, xa prata…Polo lume derrétense as pedras e fanse bronce; polo lume faise o ferro… Co lume calcinase esa pedra que forma o cemento que sostén as casas por riba das nosas cabezas… Hai varias cousas ás que é conveniente expor máis dunha vez á acción do lume. O mesmo material orixinal é unha cousa despois da primeira exposición, outra despois da segunda…”

O forno configúrase así como a ferramenta básica que controla o lume e na que se xera a calor necesaria para que teñan lugar as transformacións da materia, e foron multitude os diferentes tipos de fornos que os humanos construíron para darlle resposta ás súas diferentes necesidades de transformación da materia, dende os fornos para coce-lo pan aos fornos de fusión e tratamento de materiais, pasando por suposto polos fornos de calcinación de minerais siderúrxicos e polos fornos de elaboración da cal.

Quentarse, mellorar o confort e espantar aos animais puido ser o primeiro paso na manipulación do lume. Viría despois a preparación dos alimentos, coa necesaria aparición do instrumento ou recipiente que facilita a acción do calor e é contedor moitas veces imprescindíbel. O fogar, un sinxelo círculo protexido por pedras, foi a primeira estrutura elemental na domesticación do lume.

Todo comeza a primeira vez que obsérvase con valor de pregunta o residuo que queda no lume dos seus fogares, fose barro endurecido, po branco ou nódulos metálicos: o humano primitivo comeza aquí unha busca que inda non rematou pero que foi deixando respostas e significados. O barro endurecido pola acción da calor daría paso á cerámica; o po branco levaría á preparación do cal e o xeso; e as brillantes gotas de metal fundido solidificadas en nódulos metálicos serían o comezo da metalurxia.

Téñense recollidas noticias do antiquísimo uso do cal (carbonato de calcio) e do xeso (sulfato de calcio), primeiro para o uso simbólico e decorativo daquel po branco, despois, xa en Babilonia como base para a realización de frescos e revocado de paredes. Fálase tamén do uso polos asirios dun cemento ou aglomerante feito de cal, area e calcaria triturada. Os exipcios empregaron o xeso finamente moído como estuco para decoración e como escaiola para unir bloques na pirámide de Keops. Na Anatolia e na India coñecíase asemade o cal na decoración e na construción. Atopáranse restos dun forno de cal do 2.500 a.C.

O cal –e o xeso– está presente en tódalas culturas dende os tempos máis remotos, e foran os romanos os que difundirían o coñecemento da argamasa, un morteiro elaborado con cal aéreo, cal graxo, area e auga coñecido cando menos dende o século IV a.C. (opus caementicium) e amplamente empregado en todo tipo de obras nos dous séculos derradeiros da república o II e o I a.C.

O consumo de cal na Idade Media faise abundantísimo, tanto que nalgúns casos mesmo denunciase a contaminación nas vilas. No 1234 os homes libres de Newcastle foron autorizados para sacar “carbón de mar” (carbón mineral, pedra que se queima en razón do seu contido en xofre e materias graxas) que comeza daquela a empregarse nas caleiras en razón da escaseza de leña. No século XV fálase de certa clase de terra que arde como o carbón de leña.

En Galicia os peregrinos transportaban pedra calcaria de Triacastela ata os fornos de Castañeda (Figueiroa, Arzúa, Coruña), onde se fabricaba o cal para a construción da catedral santiaguesa.

Os primeiros fornos de cal serían moi semellantes ás carboeiras, construídos o ar amoreando pedra calcaria e combustible e cubrindo ben o conxunto con arxila para mante-la calor e impedir a entrada de aire.

A técnica da domesticación do lume correría parella coas diferentes tentativas que se foron desenvolvendo na construción de diversos tipos de fornos quer para a elaboración de cerámica, quer para a fabricación de cal ou a metalurxia dos diversos metais, perfeccionando en cada caso os deseños básicos de cada un deles para acadar a optimización dos procesos, tanto no que atinxe á calidade do produto final como no que respecta ao consumo de combustibles.

No canto do cal e das caleiras, os primitivos fornos de calcinación artesanal da pedra calcaria a partires do rudimentario braseiro no chan, foron desenvolvendo estruturas cilíndricas verticais habitualmente escavadas aproveitando a configuración do terreo nas proximidades da canteira de calcaria, estruturas nas que se colocaban coidadosamente as pedras calcarias mesturadas coa leña formando internamente unha cúpula a xeito de falsa bóveda baixo a cal se prendía o lume que ía calcinar as pedras para convertelas en cal.
Estes fornos descontinuos, algún dos que chegarían a ter unha altura signifi
cativa, pasarían do emprego da cada vez máis escasa leña á utilización do máis eficaz carbón de leña, primeiro, e á do carbón mineral, despois, e acabarían evolucionando cara aos fornos continuos, de meirande produtividade e menor consumo enerxético.

Descrición Xeral do Entorno:

O chamado Coto do Ferro, que separa o val de Lourenzá do val de Masma, contaba na súa aba setentrional cunha notable agrupación de fornos de cal que beneficiaban os afloramentos de pedra calcaria existentes na zona.

Construcción:

Contra 1900.

Abandono:

Década de 1970.

Descrición:

Aínda que atópase a finais do século XV algunha mención ao uso do cal nas terras de Mondoñedo e referencia á súa elaboración nun documento de 1572, non será ata 1804 cando Lucas Labrada, na Descrición económica do Reino de Galicia, describa a produción de cal como unha actividade produtiva na xurisdición de Mondoñedo.

Justino Fernández (2009) achéganos a información recollida en 1992 no seu traballo de campo neste territorio. Por el sabemos que no Chao das Caleiras foran erguéndose ata catorce pequenos fornos, organizados na ladeira en chanzos máis ou menos paralelos. As bocas dos fornos miran ao poñente, abrigándoas dos ventos dominantes do norte.

O cal producido utilizábase principalmente na comarca, nos curtidoiros, na construción e para o abono dos campos, aínda que tamén chegase a mercados máis distantes nos termos de Lourenzá, Mondoñedo, Riotorto, Valadouro, Burela, Viveiro, Vilalba e mesmo para os cuarteis do exército na cidade d’A Coruña.

As caleiras serían inicialmente establecidas polos veciños para o abasto das necesidades domésticas, pero, dada a abundancia de roca calcaria na zona e a súa escaseza e mesmo carencia noutras zonas do país, tamén para a venda do cal producido en mercados máis ou menos próximos as zonas de produción e aínda sairía cara a destinos máis distantes.

A materia prima era a pedra calcaria das canteiras próximas. Justino Fernández (2009) indica que da Veliña, en Santo Adrián de Lourenzá, a case dez quilómetros, pero semella demasiado lonxe tendo canteiras no Couto do Ferro, a un quilómetro dos fornos. Andrés García (2009) sinala que a pedra para cocer nos fornos procedía da Costa de Lago, cerca do Cerrado de Veiga, canteira comunal da parroquia de Masma, das canteiras de Veliño ou das canteiras da veciña parroquia de Vilamor.

A pedra, o mesmo que o toxo para o lume, chegaba nos carros do país. De acordo con Andrés García (2009), a carga dunha caleira levaba unhas setenta toneladas de pedra (uns vinte e cinco metros cúbicos), das que se obtiñan unhas corenta toneladas de cal (uns trinta metros cúbicos) tras queimar uns sesenta carros de leña de toxo, piñeiro, carballo ou eucalipto.

A carga do forno ocupaba uns tres días de traballo a varios operarios. A cocción, na que debían superarse os 900 ?C, duraba de corenta e oito a setenta e dúas horas (de dous a tres días completos), tempo no que o lume tiña que ser continuamente atizado para mantelo ben vivo e que non baixara a temperatura.

Rematada a cocción, deixábase arrefriar dous ou tres días e despois retirábanse con pas as pedras de cal, comezando pola parte superior e rematando pola boca de lume. Pasados tres ou catro días máis de arrefriado, podía repetirse o proceso de cocción.

Os fornos para a calcinación da pedra calcaria neste lugar non son de gran tamaño, realizados aproveitando o desnivel do terreo e practicamente enterrados na súa totalidade para mellor conservar a calor. Están construídos con sección lixeiramente tronco cónica irregular invertida, con muros dun metro de anchura executados con pedra do país labrada en pequenas lousas e cachotes. O interior ten cerca de tres metros de diámetro medio e unha altura de algo máis de catro. A estrutura visitada foi torpemente consolidada recubríndoa de cemento, tanto no interior como nos brazos, polo que só na boqueira pódese apreciar a construción orixinal con lousas do país. A capacidade de carga sería inferior aos vinte e cinco metros cúbicos.

Tempo de uso:

As caleiras primitivas traballaban nos meses de menos chuvias, entre xuño e outubro. O deseño dos fornos continuos, coas bocas de carga protexidas, habían de permitir traballar a meirande parte do ano.

Sistema de produción:

Na primitiva explotación a pedra calcaria (calcita, carbonato cálcico, CO3Ca) arrancábase na canteira e levábase a cocer en braseiros elementais preparados no chan ou nos fornos (as caleiras) dispostos con tal propósito a carón das canteiras.

A caleira, unha estrutura cilíndrica normalmente de uns catro ou cinco metros de altura e uns tres metros de diámetro interior no pe, era escavada na terra aproveitando a configuración do terreo nas proximidades da canteira de calcaria. Na base, no seu fronte tiña unha abertura ou porta, a boqueira, franqueada por uns saíntes de pedra a xeito de contrafortes a cadanseu lado, os brazos, e no interior un zócalo, a zapata, todo en derredor da parede interior e cun metro de altura sobre o chan.

As calcarias ou pedras de cal íanse pondo en fiadas encol da zapata e, ao chegar a certo alto, as fiadas ían estreitándose formando unha falsa bóveda que enchíase de calcaria por riba ata chegar á mesma cheminea do forno. Baixo a bóveda metíase despois a leña de toxo que se tiña preparada e púñaselle lume que cumpría manter prendido cerca de tres días, ata calcinar as pedras para convertelas en cal. Segundo Xaquín Lorenzo cada fornada viña consumindo uns cincuenta carros de toxo.

Se co forno ardendo ameazase chuvia tiñan que tapalo ben con xestas por riba, pois de chegar a auga ao cal que se ía formando no interior poderíase fende-lo forno e quedar inutilizado pola forte dilatación que sofre o cal vivo (óxido de calcio, CaO) ao reaccionar coa achega e incorporación da auga para dar cal apagado ou cal morto (hidróxido de calcio, Ca(OH)2). Con posterioridade, o cal apagado vai reaccionando co anhídrido carbónico do aire (CO2) para cristalizar a xeito de carbonato cálcico (CO3Ca).

Rematado o proceso deixábase enfréa-lo forno e tirábase o cal con pás botándoa en cestos para vendela aos que alí ían a procurala ou para levala á venda ao seu destino final. O forno podía ser propio, mailo corrente, como se facía cos de cerámica, é que se alugase para preparar a fornada.

Actividades laborais:

A explotación dos fornos facíanse normalmente entre dous ou tres homes que vixiaban a cocción. O carrexo da pedra e do combustible ata o forno facíano outros, que podían tamén axudar a cargala pedra a cocer. O forno podía ser propiedade dalgún deles ou ser propiedade dun terceiro e alugado por outros para facer a cocida. Tamén podía ser que, cando o propietario tiña asegurada a venda do cal, contratase a uns mestres caleiros para levar a cabo varias cocidas no seu forno.

Emprego:

Cada forno ocuparía a dous ou tres homes durante a cocción. Algún máis axudaba na carga e descarga do forno. O ciclo completo duraba de doce a quince días, polo que podían facerse dúas cocidas nun mes.

Materias Primas:

Pedra calcaria, “mármol” (calcita, carbonato cálcico, CO3Ca).

Produtos Elaborados:

Cal vivo (óxido de calcio, CaO).

Distribución e comercialización:

Local, comarcal e rexional. O cal producido utilizábase nos curtidoiros, na construción e para o abono dos campos. Vendíase principalmente pola comarca, pero, baixo demanda, tamén chegaba a mercados máis distantes (Vivero, Vilalba, A Coruña).

Referencias Bibliográficas:

Bauer, G. (Georgius Agricola), 1556. De re metallica. Fasimil del Max-Planck-Institut für Wissenschaftsgeschichte (Instituto Max Planck para la Historia de la Ciencia) [en línea]. Dispoñible na Internet: http://libcoll.mpiwg-berlin.mpd.de [Acceso 7 de abril del 2011].

Carmona Badía, Xoán; Nadal Oller, Jordi (2005): El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Córdoba de la Llave, Ricardo (2008): “Las artes del fuego: metalurgia y alfarería”, Ars Mechanicae: ingeniería medieval en España, Pedro Navascués Palacio (coord.), Fundación Juanelo Turriano. Madrid: Ministerio de Fomento (CEDEX-CEHOPU), p. 203-213. DL M-46232-2008. ISBN 978-84-7790-470-0.

Fernández Negral, Justino (2009): Estudio del proceso de calcinación y uso de la cal en los procesos sidero-metalúrgicos y en la construcción. Análisis de los procesos de obtención y de la estructura de los hornos. Tesis Doctoral (inédita). Departamento de Enxeñaría Industrial II, Ferrol: Universidade da Coruña.

García Doural, Andrés (2009): “Las caleras de Masma (Mondoñedo)”, Miscelánea mindoniense [en línea] Disponible en Internet http://www.blogoteca.com/doural/index.php?mes=11&ano=2009&pag=4 [Acceso de 8 septiembre del 2019].

Gross, K. (1942): “Hornos industriales”, Manual del Ingeniero, Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, 2ª ed. trad. de la 26ª edición alemana. Barcelona: Gustavo Gili, tomo IV, capítulo X: Hornos industriales, p. 1017-1076.

Lara Coira, Manuel (2010): “La minería y el patrimonio minero en Galicia”. Tierra y tecnología, revista de información geológica, número 36, segundo semestre 2009, Madrid: Ilustre Colegio Oficial de Geólogos, p. 65-76. DL-M-10.137-1992. ISSN 1131-5016.

Lorenzo Fernández, Xaquín (1962): “Etnografía: cultura material. Os oficios: Caleiros”, Historia de Galiza, Ramón Otero Pedrayo (dir.), Buenos Aires: Editorial Nós, vol. II, O home-II, p. 530-531.

Lorenzo Fernández, Xaquín (1983): “Caleiros”, Os oficios, Biblioteca Básica da Cultura Galega, Vigo: Editorial Galaxia, p. 95-97. DL VG-18-1983. ISBN 84-7154-425-3.
La minería de Galicia (1991): Santiago de Compostela: Dirección Xeral de Industria de la Xunta de Galicia. DL C-1341-1991.

Mirre Gavalda, Juan Carlos (1990): Guía dos minerais de Galicia, Vigo: Galaxia. D.L. VG-328-1990. ISBN 84-7154-729-5.

Schulz, Guillermo (1835): Descripción geognóstica del Reino de Galicia, acompañada de un mapa petrográfico de este país, Herederos de Collado, Madrid, ed. facsimilar de 1985 da Área de Xeoloxía e Minería do Seminario de Estudos Galegos, Sada (Coruña): Ediciós do Castro.

Taboada Arceo, Antonio (1971): Galicia, estructura y ritmo socio-económicos. La Coruña: Servicio de Estudios y Publicaciones de las Cámaras Oficiales de Comercio, Industria y Navegación de Galicia. DL C-145-1971.

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 24-II Vilanova de Lourenzá /// Datum ETRS89: H 29 // X 635.984,59 m / Y 4.815.744,07 m

Centro Nacional de Información Geográfica, Fotototeca Digital, Instituto Geográfico Nacional, Ministerio de Fomento del Gobierno de España [en línea]. Disponible en internet: http://fototeca.cnig.es/ [Acceso 21 agosto 2018].

Instituto de Estudos do Territorio (IDE) da Xunta de Galicia. Información Xeográfica de Galicia: visualizador de mapas [en liña]. Dispoñible na Internet: http://mapas.xunta.es/visualizador-de-mapas [Acceso 18 agosto 2018].

Instituto Geográfico Nacional. Serie MTN25 (Mapa Topográfico Nacional 1:25.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional25.jsp? [Acceso 9 abril 2014].

Xunta de Galicia (Consellería do Medio Rural). Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícola (SixPac): visor de mapas [en liña]. Dispoñible na Internet: http://sixpac.xunta.es/visorsixpac/ [Acceso 18 agosto 2018].

Data de Actualización:

8 setembro 2019