546 Parque de carbóns n’As Pontes

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: A Coruña
  • Concello: As Pontes de García Rodríguez
  • Parroquia: Santa María de Vilavella
  • Lugar: A Igrexa
  • Paraxe: Non procede
  • Dirección: Non procede
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 43.43676499074283
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -7.8682346213073515
  • Coordeadas UTM: Datum ETRS89: H 29 // X 591.619,64 m / Y 4.809.931,33 m
  • Clasificación: Nave almacén cuberta
  • CNAE: 05.20 Extracción de lignito. 35.16 Produción de enerxía eléctrica de orixe térmico convencional.
  • Tipoloxía: Cuberta suspendida
  • Comarca: Eume
  • Marco Xeográfico: Veigas da Vila, na marxe esquerda do río Eume tralo seu paso pola vila de As Pontes.
  • Ámbito: Rural (hoxe periurbano)
  • Acceso: Dende Ferrol, colleremos a estrada C-641 cara a Vilalba. Antes de entrar na vila, atoparemos na man dereita o complexo da central termoeléctrica e o seu parque de carbóns.

Tipo de propiedade:

Privada

Visitable:

Exteriormente

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

O ilustrado José Andrés Cornide Saavedra Folgueira tiña mencionado en 1783 a existencia dunha vea de carbón de pedra en As Pontes de García Rodríguez, información que detallaría no documento presentado en 1790 á Sociedade de Amigos do País de Santiago de Compostela.

Xa en 1835 o enxeñeiro Guillermo Schulz en su “Descripción Geognóstica del Reino de Galicia” precisaría que “... carecemos en Galicia de la formación de carbón de piedra, pero tenemos otro carbón mineral que se llama lignito: de éste hay tres grandes capas al oeste de la villa de Puentes de García Rodríguez, donde a orillas del río Eume se ve un corte de una formación probablemente terciaria de arcilla plástica y de arena, cuyas masas alternan en capas horizontales, y con ellas alternan capas de lignito de una o dos varas de espesor...”.

Non sería ata 1917 cando o ferrolán José Caramelo Casal presentaba as primeiras denuncias mineiras solicitando o recoñecemento da explotación dun conxunto de minas de lignito que sumaban unha superficie de dous mil cincocentas hectáreas. O solicitante obtería os títulos de propiedade en 1919, levando a cabo a investigación do xacemento coa realización de vinte e catro pequenos pozos. A exploración sería completada en 1921 e 1924 coa perforación de outros setenta e catro sondaxes de corenta metros de profundidade e cinco pozos de ata cincuenta metros de fondo.

Cos estudo realizados elaboráronse catorce perfiles transversais que serviron para definir o xacemento, e a partir dos cales o enxeñeiro Raúl López Smetz redactaría a comezos da década de 1940 o informe a partir do que a Empresa Nacional Calvo Sotelo (ENCASO) solicitaría á familia Caramelo a adquisición das concesións mineiras. No mes de novembro de 1942 a propiedade fora transmitida por José Caramelo ás súas herdeiras, Josefa e María del Carmen Caramelo Arredondo, e o 15 de maio de 1946 a empresa pública formalizaría a compra das mil novecentas vinte e cinco hectáreas que albergaban as minas.

A explotación do xacemento de lignitos de As Pontes de García Rodríguez remontase ao decenio de 1940, cando a Empresa Nacional Calvo Sotelo de Combustible Líquidos y Lubricantes (ENCASO), creada o 24 de novembro de 1942, construíu unha central termoeléctrica de 32 MW e un complexo carboquímico que tiñan no lignito o combustible e a materia prima do proceso industrial. A empresa fora creada para o aproveitamento racional e económico das lousas e lignitos nacionais para a produción de carburantes, lubricantes e industrias conexas.

En As Pontes planificouse a construción dunha central termoeléctrica de 32 MW, formada por grupos turbina-alternador de 16 MW, unha fábrica de combustibles líquidos e lubricantes e as instalacións mineiras precisas para o abasto de combustible e materia prima ao complexo. Os resultados dos estudos polo miúdo dos procesos de destilación a baixa temperatura e gasificación do lignito, decidiron a instalación dunha fábrica de nitrato amónico agrícola obtido a partir da gasificación do lignito, adiando a instalación de destilación a baixa temperatura, que nunca chegaría a realizarse.

Os traballos previos comezarían en 1943, instalándose unha pequena central termoeléctrica auxiliar de 300 CV (221 kW) alimentada polo carbón local. En 1946 comezaron as obras de cimentación da central térmica, que entraría en servizo no mes de xullo de 1949; como consecuencia, a produción de lignito pasaría das nove mil toneladas de 1948 ás sesenta e unha mil do ano seguinte. A incorporación en 1955 da primeira escavadora de rodete, cunha capacidade de produción horaria de douscentos oitenta metros cúbicos, incrementaría de maneira notable o rendemento da mina.

En 1950 iniciarase a construción da fábrica de fertilizantes, que comezaría a súa operación comercial no mes de setembro de 1959. O lignito pulverizábase para a súa gasificación integral con oxíxeno e vapor de auga, e tras sucesivas depuracións obtíñase o hidróxeno. Por outro lado, licuábase o aire e despois sometíase a unha destilación fraccionada para separar o nitróxeno e o oxíxeno. E a partir do nitróxeno e o hidróxeno, sintetizábase o amoníaco.

O amoníaco era a base para a obtención de ácido nítrico e de nitrato amónico, que mesturado coas calcarias locais daba lugar ao produto comercial final: o nitrato amónico cálcico, cun contido do 21’5% de nitróxeno e comercializado co nome de Nitramón. A produción prevista era de cen mil toneladas anuais, cun consumo de sesenta e catro mil toneladas de lignito. No proceso obtíñanse ademais seis mil toneladas de xofre puro.

Uns trinta anos despois da instalación de ENCASO en As Pontes, por acordo do Consello de Ministros do 4 de febreiro de 1972, os seus activos mineiros e eléctricos pasaron á Empresa Nacional de Electricidad (ENDESA), que construiría unha nova central termoeléctrica de 1.400 MW, dotando á mina de un novo equipamento para a extracción a ceo aberto de doce millóns de toneladas de lignito anuais, cos que abastecería de combustible ás caldeiras da central.

Instalouse unha rede de cintas transportadoras coas que o lignito extraído na mina por unhas escavadoras de rodete levábase ata o parque de carbóns dende o que se alimentaban as caldeiras da central. Para resgardar das choivas o lignito almacenado no parque, houbo de construírse a máis de vinte e catro metros de altura unha impresionante cuberta de cento sesenta metros de ancho e case seiscentos de lonxitude.

A central constaba inicialmente de catro grupos termoeléctricos, cada un deles cun conxunto formado por unha turbina de vapor e un alternador de 350 MW, sumando unha potencia total instalada de 1.400 MW (as modificacións posteriores permitirían acadar os 1.468’5 MW). Os grupos termoeléctricos irían acoplándose á rede eléctrica nacional en 1976, 1977, 1978 e 1979, e o complexo termoeléctrico iría integrando as centrais hidroeléctricas de Eume (1960, 54’4 MW) e A Ribeira (1965, 5’94 MW), os parques eólicos conectados á subestación de Tesouro (2001, 161 MW) e a central de ciclo combinado con turbina de gas natural e turbina de vapor de As Pontes (2008, 800 MW).

O esgotamento do xacemento mineiro e o progresivo empobrecemento na calidade do lignito pardo que se ía extraendo na mina, de cativo contido enerxético e cunha importante contaminación atmosférica asociada a súa combustión, obrigou entre 1993 e 1995 a unha serie de modificacións nas caldeiras da central para permitir queimar nelas os lignitos da mina mesturados con hullas sub-bituminosas que se importaban polo porto de Ferrol. A operación permitiría prolongar a vida útil da mina e rebaixar grandemente as emisións contaminantes producidas pola central.

Con todo, no ano 2007 abandonaríase definitivamente a explotación do xacemento, practicamente esgotado. Nos algo máis de sesenta nos de actividade, a mina producira douscentos setenta millóns de toneladas de lignito pardo, deixando un burato de novecentos millóns de metros cúbicos e douscentos trinta metros de profundidade, e unha montaña de cento sesenta metros de altura formada polos setecentos vinte millóns de metros cúbicos de estériles.

Dende o ano 2005 a empresa iría acometendo unha nova modificación nas caldeiras da central, co propósito de que tralo peche da mina queimasen unicamente os carbóns de importación, prolongando así a vida útil das instalacións.

A extracción e depósito dos refugallos durante a explotación da mina deixaría un entullo exterior de setecentos vinte millóns de metros cúbicos que ocupan unha superficie de mil duascentas hectáreas. Parte do oco deixado pola mina aproveitaríase para formar un entullo interior de uns noventa e tres millóns de metros cúbicos de refugallos, que ocupan unha superficie de oitenta hectáreas.

A empresa acometeu un ambicioso plan de restauración que transformou o entullo exterior, construíndose cincuenta e tres quilómetros de cunetas e sesenta e dous de rodeiras, recuperándose dous millóns de metros cúbicos de terra vexetal, na que foron plantados máis de cincocentos cincuenta mil árbores. A favorable evolución dos solos e o mantemento da vexetación permitiu a ocupación do que fora o entullo por unha fauna variada e numerosa.

O oco deixado pola explotación mineira foi convertido nun lago integrado no contexto fluvial preexistente. O lago ten uns oito quilómetros de perímetro e unha profundidade máxima de douscentos metros. A súa ribeira foi restaurada e convenientemente protexida fronte aos efectos da erosión.

Descrición Xeral do Entorno:

O parque de carbóns instalaríase ao sur da explotación mineira e próximo á nova central termoeléctrica, nas brañas coñecidas como Veigas da Vila, na marxe esquerda do río Eume tralo seu paso pola vila de As Pontes e inmediatamente augas abaixo da localización da central.

Construcción:

1980 (primeira fase) e 1981 (segunda fase).

Abandono:

Nos primeiros meses do ano 2019 continúa en actividade.

Descrición:

As grandes necesidades de almacenaxe de lignito derivadas da construción da nova central termoeléctrica, e a comenencia de ter as medas (“parvas”) do carbón resgardadas das frecuentes choivas para unha mellor manipulación coa maquinaria de alimentación ás caldeiras e un mellor rendemento nas mesmas, decidiron a construción dunha cuberta de protección na zona dos depósitos.

O feito de estar a central xa en funcionamento, e xa que logo non poder interferir coa subministración de carbón, supuxo un grande desafío técnico. A estrutura a deseñar debería cubrir unha superficie de noventa e seis mil metros cadrados, cunha anchura de cento sesenta metros e unha lonxitude próxima aos seiscentos metros. A máis, para a necesaria liberdade de movementos da maquinaria de manipulación dos carbóns, habería de alzarse máis de vinte e catro metros sobre o chan.

A solución adoptada foi a de unha estrutura metálica formada por arcos poligonais pretensados, de sección circular, dos que vai suspendida a cuberta propiamente dita. Nunha primeira fase, executada en 1980, foron oito os arcos construídos, cunha luz de cento sesenta metro e sen apoios intermedios, estendéndose nunha lonxitude próxima aos trescentos metros. Na segunda fase, executada ao ano seguinte, instaláronse oito arcos máis, e o parque cuberto acadou unha superficie de noventa e seis mil metros cadrados, con cento sesenta metros de luz sen piares intermedios e unha lonxitude final de cincocentos noventa e dous metros, cunha capacidade de almacenamento de catrocentas mil toneladas de carbón.

Coa combinación dunha estrutura metálica convencional e a técnica do pretensado, conseguiuse unha cuberta extraordinariamente lixeira, flexible e estable. A construción da cuberta, no seu tempo, a maior do mundo sen soportes intermedios, foi realizada pola empresa “Entrecanales y Távora”, con deseño da súa filial “Ibérica de Estudios e Ingeniería, S.A.” (IBERINSA).

Tempo de uso:

Todo o ano.

Sistema de produción:

A exixencia de manter unha importante capacidade de almacenamento durante a construción da cuberta, para non interferir no funcionamento do parque de carbóns, obrigou a armar os arcos, de cento sesenta metros de luz e duascentas corenta toneladas de peso, nun dos extremos do parque.

Os arcos armáronse apoiados en castelo metálicos e, xa armados, haberían de izarse con senllos pórticos oleohidráulicos a vinte e catros metros de altura, para non colidir coa maquinaria que traballaba no movemento dos carbóns. Despois haberían de desprazarse uns douscentos metros sobre senllas carretas eléctricas automotoras, como si se tratase dun xigantesco ponte grúa de cento sesenta metros de luz.

Actividades laborais:

Non procede.

Emprego:

Non procede.

Materias Primas:

Aceiro e formigón.

Produtos Elaborados:

Cuberta suspendida.

Distribución e comercialización:

Non procede.

Referencias Bibliográficas:

Aréchaga Rodríguez, Francisco; Ferrero Botas, Toribio; Gil Bueno, Aníbal; Menéndez Lolo, José Antonio; Valle García, Ramón (2011): Riqueza restaurada, historia de la mina de As Pontes. DL C 2665-2011.

Carmona Badía, Xoán; Nadal Oller, Jordi (2005): El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Empresa Nacional de Electricidad (ENDESA) (1983): “Cubierta del parque de carbones «Puentes de García Rodríguez», La Coruña, España”, Informes de la Construcción, Vol. 34, núm. 348 (1983)

Martín Seijo, María (2003): “O Patrimonio industrial de As Pontes”, Patrimonio histórico de As Pontes de García Rodríguez, Víctor Alonso Troncoso (coord.), A Coruña: Universidade da Coruña.

Medina Martos, Juan (1983): “La cubierta del parque de carbones de la central térmica de puentes de García Rodríguez de Endesa”. DYNA, Ingeniería e Industria, Vol. 58, p. 29-35.

Souto López, Manuel (2014): “A central térmica da Empresa Nacional Calvo Sotelo e o seu impacto no sistema eléctrico galego”, Hume, revista de estudos históricos locais, número 8, Ano 2015 (p. 55-109), As Pontes de García Rodríguez (A Coruña): Asociación de Estudos Históricos e Sociais “Hume”.

Salzmann, H. (1942): “Almacenes y depósitos”, Construcción de edificios industriales (Almacenes, depósitos y fábricas), versión de la 2ª edición alemana, Manuales técnicos Labor, nº 56, Biblioteca científica y profesional. Barcelona: Editorial Labor, segunda parte: Almacenes y depósitos, p. 89-228.

Taboada Arceo, Antonio (1971): Galicia, estructura y ritmo socio-económicos. La Coruña: Servicio de Estudios y Publicaciones de las Cámaras Oficiales de Comercio, Industria y Navegación de Galicia. DL C-145-1971.

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 22-II Mina de As Pontes // Datum ETRS89: H 29 // X 591.619,64 m / Y 4.809.931,33 m

Centro Nacional de Información Geográfica, Fotototeca Digital, Instituto Geográfico Nacional, Ministerio de Fomento del Gobierno de España [en línea]. Disponible en Internet: http://fototeca.cnig.es/

Instituto de Estudos do Territorio (IDE) da Xunta de Galicia. Información Xeográfica de Galicia: visualizador de mapas [en liña]. Dispoñible na Internet: http://mapas.xunta.es/visualizador-de-mapas [Acceso 29 xullo 2019].

Instituto Geográfico Nacional. Serie MTN25 (Mapa Topográfico Nacional 1:25.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional25.jsp? [Acceso 9 abril 2014].

Xunta de Galicia (Consellería do Medio Rural). Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícola (SixPac): visor de mapas [en liña]. Dispoñible na Internet: http://sixpac.xunta.es/visorsixpac/ [Acceso 29 xullo 2019].

Data de Actualización:

15 outubro 2019