550 Salga de Don Julián

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: Lugo
  • Concello: Cervo
  • Parroquia: Santa María de Lieiro
  • Lugar: San Cibrán
  • Paraxe: A Ribeira
  • Dirección: Non procede
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 43.69635613976021
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -7.444660173675516
  • Coordeadas UTM: Datum ETRS89: H 29 // X 625.336,48 m / Y 4.839.318,51 m
  • Clasificación: Fabricación de conservas de peixe
  • CNAE: 10.22 Fabricación de conservas de peixe (Salga de sardiña e outros peixes, cefalópodos e moluscos).
  • Tipoloxía: Salga tradicional en píos
  • Comarca: A Mariña Occidental
  • Marco Xeográfico: Marxe esquerda da desembocadura do río Covo na ría de San Cibrao
  • Ámbito: Rural e mariñeiro (hoxe periurbano)
  • Acceso: Dende Burela colleremos a estrada nacional N-642 cara Ferrol. O chegarmos ó lugar de Río Covo, no quilómetro 53’5 apartaremos á dereita cara a San Cibrao. Xa alí, localizaremos o Camiño Foz e camiñaremos pola marxe esquerda do río Covo cara á desembocadura, onde atoparemos o serradoiro e o almacén de salga de Don Julián.

Tipo de propiedade:

Pública no dominio público marítimo terrestre

Visitable:

Si

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

A conservación dos alimentos foi una preocupación principal dende os tempos máis remotos. En Nerga (Cangas) téñense atopado restos fenicios cando se escavaba nun vello salgadoiro; en Bueu apareceron restos de salgadoiros e ánforas de barro romanas; e en Noville (Mugardos) e Cariño (Ferrol) –entre outros lugares da costa atlántica galega– documéntanse senllas industrias romanas de salga de peixe.

Na Idade Media están documentadas as saídas dos portos galegos de grandes cantidades de peixes salgados e de polbos secos e curados ao aire con destino aos portos cantábricos, portugueses e andaluces. Tamén se constatan no século XVI os envíos de ostra escabechada á veciña Castela.

Aínda que os diferentes portos galegos xa despachaban ao Levante importantes cantidades de sardiña ao longo do século XV e comezos do XVI, cando xurde a competencia dos comerciantes do Mar do Norte (arenque inglés e bacallau escandinavo) o tráfico galego de salgadura sofre unha aguda e prolongada crise que se estende ata 1738, cando se prohibe o comercio con Inglaterra.

Avanzando no tempo, os tradicionais procedementos de conserva dos alimentos (curado, salgado, afumado, escabechado) van perfeccionándose. Na segunda metade do século XVIII, coa presenza dende 1750 dos cataláns nas rías galegas, vai incorporándose o prensado do peixe para mellorar os clásicos procedementos de salgadura.

Coa falta de abasto nos seus mercados e de mercados foráneos para os seus produtos, os levantinos desprázanse por tódalas costas peninsulares. As primeiras vagas de comerciantes cataláns recalan nas costas galegas por mor de vender viños, augardentes, aceites e xabóns, e mercan para os retornos sardiña que preparan cos métodos de salgadura desenvolvidos no Mediterráneo.

As primeiras actividades comerciais desenvolvíanse en pequenos barracóns de madeira situados a carón do mar e tiñan un carácter colonial, adquirindo a sardiña “escochada” aos mariñeiros galegos a cambio de produtos levantinos (viño, augardente, licores, aceite, xabón…) e bacallau danés. Os comerciantes cataláns só permanecen acó entre abril e decembro –a “costeira” ou tempada da pesca da sardiña– tornando despois ao Levante ata a seguinte campaña.
A primeira etapa remata trala ocupación francesa, e a partir de 1810 as seguintes vagas xa formaron compañías locais, asentándose nas beiramares e integrándose na sociedade galega co único obxectivo de explota-los recursos naturais das rías galegas, nomeadamente a sardiña. Unha parte importante dos beneficios reinvístense na actividade dos salgadoiros, con fortes inversións en todo tipo de bens destinados a esta industria: edificios, embarcacións, redes e artes de pesca.

As principais innovacións introducidas polos fomentadores cataláns foron: as redes de arrastre (a xávega), máis produtivas que as artes de deriva (xeito e volantas) e de cerco (chinchorro, traíña, xareta); as novas técnicas de salgadura (o prensado fronte ao escochado e salpresado); e os novos sistemas de traballo, coa privatización dos aparellos e a remuneración do traballo co salario, aínda que se continuase tamén co sistema de quiñóns.

As novas e máis produtivas técnicas de pesca foron inicialmente rexeitadas polos gremios galegos, preocupados polo esgotamento dos recursos mariños e partidarios dunha pesca sustentábel. Pero a razón económica acabaría prevalecendo sobre a conservadora, xeneralizándose tamén os novos procedementos de prensado do peixe salgado para a elaboración das salgaduras.

Contra 1820 descóbrese en Francia unha maneira de conservar moito más eficiente e duradeira cá da salga: o envasado e a esterilización das viandas en recipientes herméticos, de vidro primeiro e de folla de lata máis tarde.

No ano 1828 José María Tubiano establecería en Oviedo a primeira fábrica española de conservas herméticas de pescado, á que axiña seguirían outras dúas, tamén en Asturias, e, xa en 1836, a de Francisco Zuloaga na Ponte Gaiteira (Oza, A Coruña). Dende 1850 van establecerse outros pequenos talleres que envasaban manualmente en frascos de vidro sardiña, pescada, ollomol, ostras, caza, verduras e froita, e que chegarían a seren corenta contra 1880, das que trece estaban en Cantabria, dez no País Vasco, nove en Asturias e sete en Galicia.

As primeiras conserveiras galegas tiñan unha produción diversa (dende sardiñas en aceite a lingua de vaca) moi pouco especializada e con procesos maioritariamente manuais. Nestes primeiros anos, na elaboración dos produtos empregaban como envase, primeiro, frascos de vidro, e, deseguido, folla de lata de importación, pechándose as latas con soldadura manual. Frascos e latas esterilizábanse despois ao “baño maría” en caldeiras abertas. Estes pioneiros foron Zuloaga (Oza, 1836, vid. ficha 547), Pelletier (Coruña, 1853), “La Aurora” de Alejandro Carreño (Noia, 1856, vid. ficha 422), Curbera (Vigo, 1861, vid. ficha 267), e “La Noyesa” de Joaquín Caamaño (1874, vid. ficha 368), aos que seguirían moitos outros.

Pódese considerar como a primeira fábrica moderna de conservas de peixe en Galicia a que puxera en funcionamento en 1879 Juan Goday Gual na Illa de Arousa (vid. ficha 124), cun edificio construído expresamente para contela, unha máquina de vapor adquirida en Birmingham, una cheminea, uns soldadores especializados no peche das latas e un técnico francés ó fronte do proceso produtivo “ao estilo de Nantes”, coa vianda cociñada antes do seu enlatado e esterilizado. O éxito da modernización fixo que contra 1907 xa houbera máis de cen empresas deste tipo en Galicia.

Descrición Xeral do Entorno:

O serradoiro e o almacén ou fábrica de salga situáranse na beiramar da ribeira de San Cibrao, na beira esquerda da desembocadura do río Covo, nunha zona ben comunicada por mar e por terra, próxima a vía do ferrocarril Ferrol-Oviedo e á estrada nacional N-642.

Construcción:

Ca. 1900.

Abandono:

Ca. 1920.

Descrición:

Julián López García, nacido en A Guarda en 1860, chega ao porto de San Cibrao como funcionario do Corpo de Aduanas. Casará con Josefa Ríos Gómez, filla de José María Ríos Domínguez, retornado de Cuba e armador do trincado “San José” e do pailebote “Tres Marías”. Estudante por libre na Universidade Literaria de Compostela, despois de licenciarse en farmacia, Julián abriría en 1893 na rúa da Caosa a que foi a primeira botica de San Cibrao.

O aduaneiro e boticario vai despuntar ademais como empresario, pois exercerá como armador dos barcos herdados pola súa esposa, construirá un almacén de salga e unha serra de vapor, un serradoiro hidráulico en San Xulián de Cordido, e –aconsellado polo Pai Baltasar Merino, profesor seu nos xesuítas de Camposancos– unha pequena fábrica de gas de madeira (mestura de metano, hidróxeno, monóxido e dióxido de carbono) por destilación seca da cortiza.

Morta a súa esposa en 1920, retornaría á Guarda onde, tras unha grande actividade cultural, como erudito e escritor, morrería en 1938.

A Deputación Provincial de Lugo tentou a finais do decenio de 1990 restaurar a fábrica para instalar nela o Museo Marítimo. Os propietarios negáronse a cedela e o museo instalouse no antigo edificio da Escola Nacional (Pardo, 2008: 59).

Tempo de uso:

Estacional, dependendo fundamentalmente das mareas da pesca e do marisqueo dos produtos elaborados.

Sistema de produción:

Unha vez completadas as capturas, os barcos retornaban dirixíndose ás proximidades dos almacéns de salga e das conserveiras para entregar a súa pesca. O penetrante son dos bucios ou caracolas (ou das sirenas nas embarcacións modernas) advertía aos de terra da chegada do peixe e os veciños –mormente mulleres– aprestábanse para o desembarcar nas praias ou, no mellor dos casos, peiraos. Descargado o peixe das embarcacións –mormente sardiña, pero tamén bocarte, xarda e agullas–, trasladábase nas patelas ao almacén da salga para proceder ao seu escochado e salgado tradicional ou, en tempos máis modernos, ao seu salgado e prensado.

Para o escabechado e conserva de mariscos, as tarefas de moitos veciños das conserveiras xa comezaban coa recollida e transporte de leña ata as praias próximas, onda se recibían os mexillóns (e tamén as navallas, os croques e as ameixas) e se cocían en auga de mar, escunchándoos despois e limpando a vianda antes de transportala ás fábricas para o seu envasado.

No salgado tradicional a sardiña era escochada, aberta e limpada unha a unha, sacándolle cabeza, espiña e tripas, posta a mollo nas tallas e cando se xuntaban as suficientes, deixadas a salgar nos píos durante un día enteiro. Retirábanse despois da salmoira e íanse metendo en voltas nas barricas, engadíndolle varias presadas de sal cando se completaba unha volta para evita-lo contacto entre as distintas fiadas. Completada a barrica, tapábase para a súa comercialización. Ao non lle extrae-la graxa a oxidación íalle dando á sardiña unha cor amarelenta que empeoraba sensiblemente o seu aspecto.

As cabezas e as tripas prensábanse nas tallas pondo unha pedra de bo tamaño enriba da tapa da talla, extraéndolle así as graxas ou saín que se venderían para o refinado de coiros (normalmente as de peor calidade, chamadas morcas), para a protección de madeiras, para a fabricación de pinturas, como aceite para alumeado ou lubricación, e mesmo como mercadoría de exportación aos portos europeos (Hamburgo, Liverpool, Londres) e americanos (La Habana).

O máis moderno proceso de salgado comezaba coa descarga do peixe das embarcacións e o traslado ao almacén da salga. Unha vez lavado, o peixe –mormente sardiña, pero tamén xarda e agullas– metíase nos píos da chanca coa moira (disolución saturada de sal en auga) onde se deixaba a salgar durante unha ou dúas semanas.

Rematada a salgadura, sacábase o peixe e levábase ao morto, onde colocábase coidadosamente nos cascos, que se tapaban poñéndolles un morto (o peso para prensar o peixe) enriba da tapa, axudando coas prensas para mellor extraerlle a graxa, graxa que escoaba dos cascos e ía por unhas canles ata os pozos do saín.

Este novo proceso de salgado rendía moito máis que o primitivo salgado do peixe previamente descabezado, eviscerado e limpado, e as sardiñas – ao non teren graxas– non amarelaban como as do tradicional escochado e tiñan moito mellor aspecto, aínda que ao dicir dos entendidos non eran igual de saborosas que aquelas.

Unha variante moito máis laboriosa, que comezara a practicarse co bocarte, é a do anchovado ou anchoado, (do nome xenovés do bocarte) proceso que esixe que se lle retire a pel ao peixe e se prepare aberto, fileteado, eviscerado, sen raspa e desangrado antes de proceder ao seu salgado. Empregado principalmente co bocarte, ata o punto de quedarlle o nome de anchoa ao bocarte así preparado, o mesmo proceso e presentación da vianda nun tempo utilizárase tamén coa sardiña, sardiña anchoada.

Para o escabechado prepárase un mollo fritindo allo co aceite no que fritiuse o peixe e, cando xa frío, incorpórase viño branco, vingre de viño branco, follas de loureiro, grans de pementa e pemento roxo seco e moído (pode levar tamén cravo, canela ou outras especias ao gusto), preparando un caldo que ten que ferver a lume manso e que se verte despois cubrindo totalmente a vianda.

No caso da conserva hermética da sardiña e outros peixes (xardas, agullas, bocarte, atún) “ao xeito de Nantes”, tralo carrexo das patelas das embarcacións á fábrica e a descarga da pesca nas mesas, procedíase ao descabezado, eviscerado, limpeza e lavado do peixe, posta en salmoira e secado ao sol. Pasadas despois folo forno ou torrador, lavábanse con auga de mar e fritíanse lixeiramente antes de envasalas para sometelas ao apertizado, esterilizando os envases fervéndoos ao baño de María.

A esterilización do peixe e o seu posterior envasado en recipientes herméticos, de vidro primeiro e de folla de lata máis tarde, é unha maneira de o conservar moito más eficiente e duradeira cá da salgadura. O procedemento, que fora descuberto en Francia na década de 1820, adoptárase na Bretaña a altura de 1840, e chegara ao seu cume a finais do século XIX, cando a soldadura manual das tapas por estañado ía sendo substituída polo engastado, “sertido” ou peche mecánico por compresión das pestanas que levaban o corpo do envase e a súa tapa, cun ariño de goma para garantir a estanquidade.

Consolidada a industria conserveira, nos comezos do século XX pasouse en Galicia de fritir as sardiñas a cocelas en salmoira ou ben ao vapor, unha mellora que abarataba o proceso e sería coñecida como “método español”. Para o cocido ao vapor púñanse as sardiñas (ou o peixe que fora) nas grellas de arame, que pasaban ao carro para as introduciren nos torradores onde se cocían co vapor producido na caldeira da fábrica.

Sacábanse logo os carros coas grellas e púñanse os peixes e mariscos xa cocidos nas mesas de empacado onde se colocaban nas latas e se lles botaba o aceite ou o prebe (escabeche, salsa de tomate, salsa de vieira). Unha vez as latas enchidas de aceite, pasaban á sección de pechado, onde se cerraban con estañado por soldadura manual, nos primeiros tempos, e despois nas máquinas de sertido ou peche mecánico por compresión. As latas introducíanse seguidamente no autoclave para o seu esterilizado, tralo que se lavaban para quitarlles todo rastro de aceite ou graxa e se levaban ao estoxado e se colocaban nas caixas nas que se levarían á distribución e venda.

O desenvolvemento da industria foi introducindo modernizacións que supoñían tanto melloras produtivas como hixiénicas: canles de eviscerado, canles de lavado e salmoirado, mesas circulares de dobre carrusel para o abasto de latas baleiras e material a empacar, fornos de cocción continua de vapor aberto, transportadoras de latas, etc.

No ano 1960 xa se empacaban os túnidos mecanicamente, e en 1962 introducíase na liña da sardiña o novo sistema de recepción e tratado do peixe, pasando primeiro aos tanques de salmoira refrixerada e de alí ao corte e eviscerado mecánico, para continuar en bandexas plásticas aos fornos de cocción e seguidamente ás mesas de empacar, todo elo sen intervención de man de obra. A mecanización permitía que as fábricas de Alfageme produciran máis de cento cincuenta millóns de latas anuais, e que unhas cincuenta mil toneladas de conservas saíran cada ano das súa instalacións.

Actividades laborais:

Man de obra principalmente feminina na limpeza e preparación da vianda. Persoal masculino na preparación dos envases (cascos, tabais, barrís), atención da maquinaria e supervisión dos procesos.

Emprego:

Sen datos.

Materias Primas:

Peixes e mariscos, principalmente sardiña.

Produtos Elaborados:

Salga de peixes, principalmente sardiña.

Distribución e comercialización:

Local e comarcal.

Referencias Bibliográficas:

Carmona Badía, Xoán; Nadal Oller, Jordi (2005): El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Fernández Casanova, Carmen (1998): “Cambio económico, adaptacións e resistencias nos séculos XIX (dende 1870) e XX”, Historia da pesca en Galicia, Carmen Fernández Casanova (coord.), Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela, p. 139-206. DL C-1816-1998. ISBN 84-8121-719-0.

García Fernández, Antonio (2006): "Construcións marítimas da nosa primeira industrialización. Da salga á conserva”, Ardentía. Revista Galega de Cultura Marítima e Fluvial, nº 3, Xuño 2006, Cambados, Pontevedra, p. 35-40. DL PO-295/04. ISSN 1699-3128.

Niese, H. (1942): “Industrias de la alimentación y afines. Curado y conservación del pescado”, Manual del Ingeniero, Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, 2ª ed. trad. de la 26ª edición alemana, Tomo IV. Barcelona: Gustavo Gili, Capítulo X, p. 643-647.

Pardo Gómez, Fernando (2002): La navegación a vela en la mariña lucense. Lugo: El Progreso. DL LU-72-2002.

Pardo Gómez, Fernando (2008): Historia de San Ciprián. Lugo: El Progreso. DL LU-26-2008.

Sánchez Rubiños, María Luz (luz_srubinos@yahoo.es), 25 de marzo del 2012. Ruinas fábrica de salazón de la playa de Cubelas. Correo electrónico para Asociación Buxa (asociacionbuxa@asociacionbuxa.com).

Xunta de Galicia (2007-2011). Plan de Ordenación do Litoral [en línea]. Disponible na Internet: http://www.xunta.es/litoral [Acceso 13 agosto 2017].

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 3-III San Cibrao // Datum ETRS89: H 29 // X 625.336,48 m / Y 4.839.318,51 m

Centro Nacional de Información Geográfica: Fotototeca Digital, Instituto Geográfico Nacional, Ministerio de Fomento del Gobierno de España [en línea]. Disponible en internet: http://fototeca.cnig.es/ [Acceso 22 decembro 2019].

Instituto de Estudos do Territorio (IDE) da Xunta de Galicia: Información Xeográfica de Galicia: visor de mapas [en liña]. Dispoñible na Internet: http://mapas.xunta.es/visualizador-de-mapas [Acceso 23 agosto 2019].

Instituto Geográfico Nacional: Serie MTN25 (Mapa Topográfico Nacional 1:25.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional25.jsp? [Acceso 9 abril 2014].

Instituto Hidrográfico de la Marina (1961): De Las Pantorgas a San Ciprián. Océano Atlántico Norte. Costa Norte de España. Carta 932, con levantamientos de 1918 y correcciones hasta 1977. Cádiz: Talleres del Instituto Hidrográfico de la Marina. DL CA-734-1971.

Instituto Hidrográfico de la Marina (1961): De San Ciprián a Cabo Ortegal. Océano Atlántico Norte. Costa Norte de España. Carta 931, con levantamientos de 1917 y correcciones hasta 1976. Cádiz: Talleres del Instituto Hidrográfico de la Marina. DL CA-1449-1972.

Xunta de Galicia (Consellería do Medio Rural): Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícola (SixPac): visor de mapas [en liña]. Dispoñible na Internet: http://sixpac.xunta.es/visorsixpac/ [Acceso 23 agosto 2019].

Data de Actualización:

5 xaneiro 2020