551 Llofar

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: A Coruña
  • Concello: Curtis
  • Parroquia: Santa Eulalia de Curtis
  • Lugar: Teixeiro
  • Paraxe: A Cheminea
  • Dirección: Non procede
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 43.13771058013782
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.030723870578806
  • Coordeadas UTM: Datum ETRS89: H 29 // X 578.824,27 m / Y 4.776.555,88 m
  • Clasificación: Industria química
  • CNAE: Fabricación de pesticidas e outros produtos agroquímicos (Arseniatos e arsenitos).
  • Tipoloxía: Agroquímica
  • Comarca: Betanzos
  • Marco Xeográfico: A fábrica situaríase nas proximidades da poboación de Teixeiro, cun fácil acceso á estación do ferrocarril Coruña-Madrid e á est
  • Ámbito: Rural (hoxe periurbano)
  • Acceso: Saíndo de Teixeiro pola Avenida de Lugo (estrada nacional N-634) cara a Lugo, localizaremos a cheminea de Llofar na man esquerda, na esquina da estrada coa rúa Río Mandeo

Tipo de propiedade:

Privada

Visitable:

A zona ten sido urbanizada e a cheminea, co a nave agora ocupada por un taller (entre as rúas Ramón Espiñeira e Fernández Latorr

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

O emprego con fines máxicos ou medicinais de diferentes sustancias obtidas da natureza pérdese nos albores da humanidade. A sistematización dos usos permitiría avanzar no establecemento de relacións causa-efecto. Xa van uns catro mil anos que na Mesopotamia quedou testemuña da preparación e utilización de preparados que ían probándose nos escravos para axustar a dosificación. Tralos asirios e babilónicos, as incipientes técnicas botánicas, químicas e farmacolóxicas irían desenvolvéndose na India, a China e Exipto.

Os sumerios levarían a cabo na baixa Mesopotamia as que pódense entender como as primeiras operacións químico-farmacéuticas: desecamento, pulverización, moenda, prensado, filtración, decantación, disolución; e propuxeron tamén o emprego de pomadas, locións, cataplasmas, lavativas, infusións.

Os exipcios deixarían anotado nos seus códices os síntomas e as prescricións correspondentes, os principios activos das plantas, os animais e os minerais, o contido de principios activos nos alimentos e a formulación e preparación de medicamentos. Estableceron as pautas de administración dos medicamentos, tanto de uso interno (tisanas, decoccións, maceracións, píldoras) como de uso externo (emplastos, ungüentos, colirios, pomadas, inhalacións). Para as preparacións usaban muíños de man, morteiros, peneiras e balanzas. Os preparados conservábanse en coidados recipientes de barro, vidro, alabastro, serpentina e madeira.

Cos coñecementos acumulados, en Grecia xurdirán importantes expertos en plantas medicinais, e Galeno estabelecerá as bases técnicas da preparación das principais formulacións farmacéuticas. Entre o século IV a.C. e o V d.C. irá desenvolvéndose a medicina racional. A cultura árabe recollerá os coñecementos de gregos e romanos, e fará as súas aportacións, que legará a occidente (obtención de metais a partir dos seus minerais; elaboración de aliaxes como o bronce e o latón; fabricación de cerámica, esmaltes e vidro; fermentacións para obter cervexa ou viño; extracción de substancias das plantas para medicinas ou perfumes; transformación das graxas en xabón). A destilación vai ser unha gran aportación dos árabes aos procedementos químicos e farmacéuticos.

E pola vía dos árabes, do préstamo do grego khemeia (arte de extraer o zume dunha planta), xurdirá a designación de alquimia para o conxunto de coñecementos e prácticas de manipulación de sustancias coa pretensión de acadar variados fins: desde a mellora do coñecemento das plantas e os seus efectos ata a obtención de ouro e outros metais. Xúntase na alquimia disciplinas místicas e filosóficas coa metalurxia e a farmacia. A alquimia a practicaban os chamados químicos, e dende que o irlandés Robert Boyle publicara en 1661 o seu “O químico escéptico ou as dúbidas e paradoxos quimio-físicas”, no que avoga pola introdución do método científico nos experimentos, separándoos da alquimia, vai designarse como química a dito arte.

Aínda que que xa existían en Bagdad no 754, ata o ano 1221 non de documenta a existencia na Europa dunha oficina de farmacia. No convento dominico de Santa María Novella, en Florencia, cultivábanse herbas medicinais coas que os frades elaboraban diferentes preparados para a súa enfermería. En 1441 fundaríase o Real Colexio de Boticarios da Cidade e Reino de Valencia, que se ten polo máis antigo do mundo, con competencias plenas administrativas e lexislativas.

No Renacemento (1453-1600), a recuperación europea da cultura clásica iniciaría a ciencia moderna, que no Barroco (1600-1740) consolidarían as aportacións de Bacon, Pascal Descartes, Galileo, Kepler. A química sería o arte de entender o comportamento das mesturas, compostos e corpos ata seus principios básicos, e de saber compoñer esas sustancias a partir dos mesmos principios. A Ilustración (1740-1800) suporía a sistematización e divulgación dos coñecementos, o nacemento da Revolución Industrial, e o continuo progreso nos descubrimentos científicos e técnicos.

Descrición Xeral do Entorno:

A fábrica situaríase nas proximidades da poboación de Teixeiro, cun fácil acceso á estación do ferrocarril Coruña-Madrid e á estrada nacional N-634 Santiago-Ribadeo (en 1940 aínda en construción), o que facilitaba as comunicacións e o tráfico comercial.

Construcción:

1941.

Abandono:

Mediado o decenio de 1960.

Descrición:

Dende 1932 a “Sociedad Española del Yodo, S.A.” (SEYSA) atopábase asentada en As Xubias, na parroquia coruñesa de Santa María de Oza (vid. ficha 430). En febreiro de 1935 ampliaríase o capital e a sociedade tomaría o nome de “Explotación de Algas, S.A.” (EASA).

Iniciada a Guerra Civil Española (xullo 1936 – abril 1939), a principios de 1937 o exército rebelde decidía utilizar as instalacións de EASA para acoller a “Fábrica de Productos Químicos y Farmacéuticos, S.A.” (máis coñecida como Sociedad Anónima PHAR), unha empresa madrileña fundada en 1933 por Pedro Marfany Vilarassau e Ramón Labiaga Rodrigo, cuxas actividades quedaran paralizadas dende o comezo da guerra. Chegaríase a un acordo de unificación de ámbalas dúas empresas coa intención de activar canto antes a produción de iodo e de outros produtos farmacéuticos. O que fora promotor de PHAR, o farmacéutico barcelonés Pedro Marfany Vilarassau, foi designado director técnico e conselleiro da empresa, e en poucos meses saían da fábrica de Oza sales de bismuto, sales de plata e sulfato de bario para o exército rebelde.

En 1939 faise unha nova ampliación de capital, subscrita mormente polo grupo PHAR, que faise maioritario en EASA. Ademais da produción de arseniatos para a fabricación de insecticidas, PHAR establece conexións co laboratorio burgalés de especialidades farmacéuticas Davila-Sañudo. Finalmente, a Sociedad Anónima Phar vai formar en 1940 a “Sociedad Española de Industrias Químicas y Farmacéuticas Llofar” ao fusionarse co Laboratorio Llopis Hermanos, creado en Madrid en 1906 polo Doutor en Farmacia Adolfo Llopis Castelado, e rexentado dende a súa morte en 1934 polo seu fillo, Felipe Llopis López, graduado bacharel en Madrid en 1909 e licenciado en Farmacia na Universidade de Santiago de Compostela en 1915.

Os “Laboratorios Llofar”, con sede central en Madrid, dispuxeron desde o primeiro momento dunha rede de fábricas que subministraban os elementos esenciais para a produción das súas especialidades e produtos químicos, farmacéuticos e medicamentosos. Contarían coa fábrica de Oza para a produción de iodo e derivados, e coas de Molina de Segura (Murcia) e Pizarra (Málaga) para a elaboración de ácido cítrico cristalizado.

Cando en 1940 a praga do escaravello da pataca estendeuse por toda España, a sociedade construiría e poría en funcionamento a fábrica de Teixeiro para a produción de arseniatos en gran escala, cos que se combatería ao voraz coleóptero.

Xa na primeira metade da década de 1960 cesarían as actividades na planta química de Teixeiro, e as instalacións irían pouco a pouco desmantelándose, abrindo novas rúas e urbanizándose toda a zona. A cheminea ergueita a carón da estrada nacional e unha das naves do complexo, hoxe en día aproveitada como taller de automóviles, lembran a industria química que tivo alí o seu asento durante uns vinte anos.

A medio de escrito remitido ao Sindicato Vertical de Industrias Químicas, datado o 30 de novembro de 1971, a “Sociedad Española de Industrias Químicas y Farmacéuticas Llofar S.A.” comunicou a fusión coa sociedade “Lepetit S.A.”; a nova empresa, “Sociedad Española de Industrias Químicas y Farmacéuticas Llofar-Lepetit S.A.” contaría cun novo establecemento, o Laboratorio Llofar-Lepetit, instalado no termo municipal de Alcalá de Henares.

Tempo de uso:

Todo o ano.

Sistema de produción:

O arsénico atópase en forma nativa e, principalmente, en forma de sulfuro nunha gran variedade de minerais de cobre, chumbo, ferro (arsenopirita o mispickel), níquel e cobalto, entre outros.

Na fusión dos minerais prodúcese trióxido de arsénico volatilizado e arrastrado polos gases da chimenea. Polo refino destes gases mesturándoos primeiro con galena ou pirita e torrándoos seguidamente, obtense o trióxido de arsénico como un sólido pulverulento, comercialmente importante como principal precursor para outros compostos de arsénico.

Actividades laborais:

Carecemos de datos do persoal empregado no laboratorio.

Emprego:

Sen datos.

Materias Primas:

Ácido arsénico, auga e sales de diferentes metais.

Produtos Elaborados:

Arseniato de chumbo e cromo (protector da madeira), arseniato de chumbo (insecticida), arsenito de sodio (herbicida).

Distribución e comercialización:

Nacional.

Referencias Bibliográficas:

Carmona Badía, Xoán; Nadal Oller, Jordi (2005): El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Dosil Mancilla, Francisco Javier (2007): Los albores de la botánica marina española (1814-1939), Madrid: Consejo Superior de Investigaciones Científicas. DL 9061-2007. ISBN 978-84-00-08518-6.

Fernández González, Ángel Ignacio (2011): “AgroLance: guerra al escarabajo”, Galicia agraria: historias sobre la agricultura gallega del siglo XX. Comentarios, análisis, documentos acerca de la economía agraria y la vida campesina [en línea] Disponible en http://galiciaagraria.blogspot.com.es/2011/10/agrolance-guerra-al-escarabajo.html [Acceso 7 xaneiro 2020].

González Bueno, Antonio; Rodríguez Nozal, Raúl (2018): Censo-guía de los laboratorios farmacéuticos activos durante el Franquismo (1936-1975). Madrid: Real Academia Nacional de Farmacia. ISBN: 978-84-946424-9-4.

Madel, H. (1942). “Minerales industriales”, Manual del Ingeniero, Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, 2ª ed. trad. de la 26ª edición alemana, Tomo IV. Barcelona: Gustavo Gili, Capítulo II, p. 244-245.

Quittkat, G.; Eckhardt, H.; Meldau, R. (1942): “Preparación de los minerales.”, Manual del Ingeniero, Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, 2ª ed. trad. de la 26ª edición alemana, Tomo IV. Barcelona: Gustavo Gili, Capítulo IV, p. 416-472.

Sánchez Granjel, Luis (2006): Historia de la Real Academia Nacional de Medicina. Madrid: Real Academia Nacional de Medicina. DL M 37.648-2006. ISBN 84-923901-6-6.

Taboada Arceo, Antonio (1971): Galicia, estructura y ritmo socio-económicos. La Coruña: Servicio de Estudios y Publicaciones de las Cámaras Oficiales de Comercio, Industria y Navegación de Galicia. DL C-145-1971.

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 71-I Curtis // Datum ETRS89: H 29 // X 578.824,27 m / Y 4.776.555,88 m

Centro Nacional de Información Geográfica: Fotototeca Digital, Instituto Geográfico Nacional, Ministerio de Fomento del Gobierno de España [en línea]. Disponible en internet: http://fototeca.cnig.es/ [Acceso 22 decembro 2019].

Instituto de Estudos do Territorio (IDE) da Xunta de Galicia. Información Xeográfica de Galicia: visualizador de mapas [en liña]. Dispoñible na Internet: http://mapas.xunta.es/visualizador-de-mapas [Acceso 1 marzo 2018].

Instituto Geográfico Nacional: Serie MTN25 (Mapa Topográfico Nacional 1:25.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional25.jsp? [Acceso 22 decembro 2019].

Xunta de Galicia (Consellería do Medio Rural). Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícola (SixPac): visor de mapas [en liña]. Dispoñible na Internet: http://sixpac.xunta.es/visorsixpac/ [Acceso 7 xaneiro 2020].

Data de Actualización:

7 xaneiro 2020