552 Chocolates Caldelas

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: Ourense
  • Concello: Parada de Sil
  • Parroquia: Santa Cristina de Caxide
  • Lugar: Teimende
  • Paraxe: Industrias Casares
  • Dirección: Teimende – 32748 Parada de Sil (Ourense)
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.368095
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -7.571785
  • Coordeadas UTM: Datum ETRS89: H 29 // X 617.597,90 m / Y 4.691.643,84 m
  • Clasificación: Industria alimentaria
  • CNAE: 10.82 Fabricación de cacao, chocolate e produtos de confeitaría.
  • Tipoloxía: Fábrica de chocolate
  • Comarca: Terra de Caldelas
  • Marco Xeográfico: Terreos suaves da faldra nororiental do Pico de Meda, cara ao río Sil
  • Ámbito: Rural
  • Acceso: Saímos de Ourense pola estrada OU-536 cara a Castro Caldelas. Pasado O Rodicio apartaremos á esquerda pola carreteira OU-0604, cara a Vilariño Frío e Parada de Sil. Chegando a Teimende, na metade da travesía da aldea, na man esquerda da estrada atópase a casa que aloxou a Industrias Casares, hoxe convertida en Museo do Chocolate.

Tipo de propiedade:

Privada

Visitable:

Si. Rehabilitada no ano 2015 como museo

Xestión de visitas:

Pódese contactar co museo no teléfono 988 208 010.
Os horarios e días de visita son:
Luns e martes: pechado
Mércores, xoves e venres: de 16:00 a 19:00 h
Sábado e domingo: de 11:00 a 14:00 y de 16:00 a 19:00 h

Historia:

A orixe do uso do cacao documéntase na cultura Olmeca (do 1500 ao 400 a.C.), na que consumíanse o "tchocolatl", unha bebida preparada coas fabas de cacao moídas e mesturadas con auga e chiles. Os olmecas comezarían a cultivar a árbore do cacao en México, e o seu uso estenderíase entre os aztecas (1400 a.C.) e os mayas (600 a.C.). A faba de cacao chegaría a empregarse como unidade monetaria e serviría de tributo nas zonas conquistadas. Malia a extensión dos cultivos, o consumo do "tchocolatl" (o chocolate) sería un privilexio reservado ás clases superiores e aos homes que ían entrar en combate.

Cristóbal Colón coñecería en 1502 as fabas de cacao nunha escala en Nicaragua, pero sería Hernán Cortés, convidado a "tchocolatl" por Montezuma, quen considere a bebida de interese e, xunto cos elementos necesarios para a súa preparación, en 1528 leve o cacao e o chocolate a ser coñecidos en España. O exótico bebedizo terá éxito na corte española e os seus preparadores experimentarán engadíndolle diversos condimentos, como o azucre, a canela, o anís ou a vainilla e servíndoo quente. Cortés impulsará e intensificará o cultivo do cacao nas terras da Nova España, na América Central, coa idea de desenvolver un lucrativo comercio con Europa.

México, Ecuador, Colombia, Venezuela, Brasil e a República Dominicana son actualmente algúns dos principais produtores americanos. O cultivo do cacao introduciríase en África polos colonizadores europeos (que en 1884 configuran o reparto de África na Conferencia de Berlín) e África Occidental (Costa de Marfil, Ghana, Nigeria, Camerún y Togo) converterase desde principios do século XX no primeiro produtor mundial de cacao, con máis do setenta por cento do total. Tamén a zona ecuatorial de Asia e Oceanía se incorporarían ao cultivo do cacao, sendo Indonesia, Malaisia e Papúa-Nova Guinea os seus produtores máis importantes.

En 1585 o comercio do cacao é habitual en toda a Península Ibérica e os españois controlarán a oferta de cacao ata finais do século XVII, e intentarán mante-lo segredo da manufactura e preparación do chocolate. Porén, en 1615, co matrimonio da infanta española Ana de Austria con Luís XIII, rei de Francia, a corte francesa coñecería o chocolate e o seu consumo difundiríase entre as cortes europeas e as clases acomodadas.

En 1650 xa se bebe chocolate na Inglaterra e alí elaborarán en 1674 as primeiras pastillas de chocolate solidificado. En 1659 abre en París a primeira fábrica de chocolate. En 1720 destacan as chocolaterías italianas pola calidade dos seus preparados. O francés Doret constrúe en 1776 unha máquina hidráulica que moe as fabas de cacao; a pasta de cacao elaborada mecanicamente vai favorecer a produción de chocolate en grandes cantidades e o proceso estenderase por toda Europa e polo resto do mundo. En España dátase en 1777 a primeira produción mecánica de chocolate, en Barcelona. A mecanización do proceso iniciará o final da produción artesanal, “a brazo”, do chocolate e facilitará a proliferación das fábricas de chocolate: a primeira fábrica de chocolate a poría en marcha en 1819 François Louis Cailler, en Vevey, Suiza.

Os avances técnicos irán mellorando a elaboración do chocolate. En 1826, Philippe Suchard inventaría unha batedeira para a mestura do azucre co cacao, e en 1828 o químico Coenraad Johannes Van Houten constrúe nos Países Baixos unha prensa hidráulica para elaborar po de cacao extraéndolle a manteiga, coa sorpresa de obter chocolate sólido, o que permitirá unha fabricación máis económica e un chocolate máis homoxéneo. En 1840 o suízo Rudolf Lindt conseguirá mesturar a manteiga de cacao coa pasta de cacao e obter un chocolate máis fino e brando que o dos seus rivais e que, ademais, podía fundirse nunha máquina e moldealo nos moldes apropiados dándolle a forma desexada.

John Cadbury elabora en Inglaterra chocolate aromatizado con vainilla e edulcorado con azucre, que comercializa en estado sólido con gran aceptación popular. Era 1842, e cinco anos despois sería outro británico, Joseph Frey, quen consigue fabricar de maneira continua as primeiras libras (pastillas ou tabletas) de chocolate. O suízo Charles-Amédée Kohler fabricaría en 1850 o chocolate con abelás. Tamén en Suíza, en 1867 Henri Nestle elabora en Vevey fariña mesturada con leite condensado e con azucre, fariña lacteada; Daniel Peter, propietario dunha pequena chocolatería contigua, conseguiría en 1875 combinar a pasta de cacao con leite condensado da fábrica veciña: nacía o chocolate con leite. Peter vai asociarse con Caillier e con Kohler e, xa en 1929, as tres marcas integraríanse en Nestle, creando a que chegaría a ser a compañía de alimentos e bebidas máis grande do mundo.

Nestlé inauguraría en 1905 a súa primeira fábrica en España en La Penilla de Cayón (Santander), na que elaboraría a súa famosa “Harina Lacteada Nestlé” e a non menos coñecida “Leche Condensada La Lechera”, e, xa en 1928, comezaría coa produción dos chocolates. En 1939 Nestlé poría en funcionamento en Pontecesures unha gran fábrica para a elaboración de leite condensado.

Descrición Xeral do Entorno:

A fábrica de chocolate instalouse na poboación de Teimende, localizada nos terreos suaves da faldra nororiental do Pico de Meda, e a pouca distancia da vila de Parada de Sil, na marxe esquerda do río Sil.

Construcción:

Antes de 1934.

Abandono:

Finais do decenio de 1980. Restaurada como Museo do Chocolate no ano 2015.

Descrición:

Dende finais do século XIX membros da familia Casares viñan elaborando artesanalmente chocolate en Teimende. O proceso melloraría coa instalación en 1934 dun muíño para a elaboración da pasta de cacao. O muíño que adquirira Arturo Casares Rodríguez era entón arrastrado por unha burra. No decenio de 1950 o fillo de Arturo, Ricardo Casares González modernizaría as instalacións coa introdución da electricidade e a adquisición de nova maquinaria.

O cacao procedía entón da Guinea Española (oficialmente, Territorios Españoles del Golfo de Guinea), e tamén –sobre todo dende 1968, trala independencia de Guinea Ecuatorial– de Costa de Marfil e do Brasil.

Coa xubilación de Ricardo Casares a finais da década de 1980, a industria familiar “Chocolates Caldelas” pecharía as portas. Nos comezos do século XXI, a viúva de Ricardo, Dolores Prieto, e as fillas de ambos, Dolores e Rosa Casares Prieto, cederon o inmoble, coa maquinaria e os arquivos, ao concello de Parada de Sil para o mantemento da memoria da actividade.

No mes de maio do ano 2015 inaugurábase o Museo do Chocolate na fábrica na que a familia Casares elaborou os “Chocolates Caldelas” durante un século.

Tempo de uso:

Todo o ano.

Sistema de produción:

O tradicional sistema americano comezaba coa recolección das mazarocas maduras (os froitos da árbore do cacao), abríndoas e debullándoas. Os grans, as fabas, gardábanse envoltas en follas, a cuberto, e deixábanse fermentar. Trala fermentación, e retirada a tona branca que as recubre, estendíanse as fabas e deixábanse secar, co que quedaban preparadas para a posterior elaboración do chocolate.

Para a elaboración do chocolate, as fabas de cacao xa secas sometíanse a un lixeiro torrado que facilitaba o mondado, a retirada da casca (a cascarilla), deixando limpa a faba ou améndoa. Despois facíase a moenda das améndoas, machucándoas en morteiros ou en muíños de man formados por unha pedra base, o metate, sobre a que se fregaban as améndoas cun rulo de pedra, o metlapil, ata convertelas en pasta de cacao. A pasta de cacao mesturábase entón con chiles e auga, obtendo o tchocolatl, o chocolate.

Nos procesos artesanais desenvolvidos na Europa partíase das fabas de cacao, xa previamente fermentadas e secas no seu lugar de orixe. Recibidas no obradoiro, comezábase polo torrado, tostándoas lixeiramente para romper e separar a monda ou cascarilla. A cascarilla aproveitábase comercializándoa moi barata; os compradores preparaban un sucedáneo do chocolate cocéndoa con leite, que desta maneira collía algo de sabor.

As fabas de cacao, xa limpas, moíanse para preparar a pasta de cacao. En función dos recursos do mestre chocolateiro, a moenda facíase ben cun sinxelo muíño de man, ben cun metate, ou ben nun muíño similar aos muíños aceiteiros, con dúas moas de pedra que xiran rodando verticalmente sobre unha moa horizontal, tamén de pedra.

Da moenda resultaba unha pasta viscosa, de consistencia espesa e lixeiramente quente polo fregado entre as pedras. Esta pasta de cacao recollíase e deixábase arrefriar e solidificar en grandes caixas patelas de madeira ou de latón. Nalgunhas industrias chocolateiras prensábase a pasta de cacao para extrae-la manteiga de cacao e obte-lo cacao en po, que pode ser empregado só ou como materia a engadir na elaboración doutros produtos.

A pasta de cacao xa fría licuábase entón nun forno ou asadora e mesturábase con azucre (chocolate negro), ou con azucre e fariña para espesalo (chocolate á cunca). Podíase lle engadir tamén manteiga de cacao (adquirida nas industrias que a extraían da pasta) para facelo máis lixeiro (chocolate de cobertura), leite e leite condensado (chocolate con leite), e vainilla ou outras sustancias para darlle sabor segundo o tipo de chocolate a elaborar. E pódese tamén engadirlle froitos secos, como améndoas ou abelás. O coñecido como chocolate branco é o que resulta de mesturar unicamente a manteiga de cacao con azucre en po e con leite.

A pasta resultante levábase a un muíño fino, a refinadora, na que os rolos de aceiro deixaban a pasta perfectamente mesturada, finamente moída e homoxénea, con diferentes texturas para os diferentes tipos de chocolate. Coa pasta obtida enchíanse a man os moldes e colocábanse na máquina "tableteadora", que os sacudíanse lixeiramente ata asentar a pasta e eliminar burbullas.

Nas industrias que dispuñan da máquina, o paso seguinte era o “conchado” no que a pasta do chocolate quentábase a uns oitenta graos na “cuncha” que, ademais, de quentala, axítaa enerxicamente ata obter unha emulsión perfecta.

A emulsión atemperada lévase aos moldes e arrefríase a baixa temperatura, e o chocolate endurécese adquirindo a forma definitiva da tradicional “libra” de chocolate coas “onzas” ben marcadas. O produto final envólvese, a man ou a máquina, e queda preparado para a expedición e venda.

En “Industrias Casares” as libras de chocolate envolvíanse a man: primeiro con papel de aluminio, logo co papel impreso co nome de "Chocolates Caldelas, fabricado por industrias Casares” e, sobre este envoltorio, un papel celofán vermello, verde ou laranxa, segundo o tipo de chocolate.

A comercialización dos Chocolates Caldelas pola comarca facíase nas feiras, as que se levaba o produto en bicicleta, nos primeiros tempos, e máis adiante, en motocicleta. A partir do ano 1969, a familia distribuía os seus chocolates nunha furgoneta DKW F-1000, fabricada en Vitoria por “Industrias del Motor, S. A.” (IMOSA) con licencia da firma alemá Auto-Union Gmbh, do Grupo Daimler-Benz. A furgoneta permitiría ampliar a distribución ata Pontebarxas (na fronteira con Portugal), Xinzo de Limia e Pobra de Trives.

Actividades laborais:

O mestre chocolateiro era o empregado principal, axudado nas tarefas auxiliares, como a retirada da cascarilla, o recheo dos moldes ou a envoltura do produto final.

Emprego:

Sen datos.

Materias Primas:

Cacao, azucre, fariña de trigo, manteiga de cacao, leite condensado.

Produtos Elaborados:

Chocolate en diferentes elaboracións (á cunca, con leite, de cobertura, etc.).

Distribución e comercialización:

Comarcal.

Referencias Bibliográficas:

Carmona Badía, Xoán; Nadal Oller, Jordi (2005): El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Coello Domínguez, María Graciela (2011): El irresistible chocolate. Confederación estatal de asociaciones y federaciones de alumnos y exalumnos de los programas universitarios de mayores (CAUMAS) [en línea] https://caumas.org/wp-content/uploads/2015/03/09-el-chocolate1.pdf [Acceso 9 enero 2020].

Gurriarán Rodríguez, Ricardo (2009): “Matías López y López (1825-1891)”, Empresarios de Galicia, vol. 2, Xoán Carmona Badía (coord.), Centro de Investigación Económica e Financeira (CIEF), A Coruña: Fundación Caixa Galicia, p. 72-97. DL C-948-2009. ISBN 978-84-96982-37-6.

López y López, Matías (1875): El chocolate. Su origen, su fabricación y su utilidad. Madrid: Imprenta de José M. Ducazal. Edición facsímil del 2010, Valladolid: Editorial Maxtor.

Stroer, H.J. (1942): “Embalaje, envase y empaquetado”, Manual del Ingeniero, Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, 2ª ed. trad. de la 26ª edición alemana, Tomo IV. Barcelona: Gustavo Gili, Capítulo IV, p. 530-538.

Somoza Medina, José (2001): El desarrollo urbano en Ourense, 1895-2000. Tesis doctoral. Facultad de Geografía e Historia de la Universidad de Santiago de Compostela [en línea] Disponible en Internet file:///C:/Users/usuario/Downloads/el-desarrollo-urbano-en-ourense-18952000--0.pdf [Acceso 19 octubre 2017].

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 188-IV Parada de Sil // Datum ETRS89: H 29 // X 617.597,90 m / Y 4.691.643,84 m

Centro Nacional de Información Geográfica: Fotototeca Digital, Instituto Geográfico Nacional, Ministerio de Fomento del Gobierno de España [en línea]. Disponible en internet: http://fototeca.cnig.es/ [Acceso 22 decembro 2019].

Instituto de Estudos do Territorio (IDE) da Xunta de Galicia. Información Xeográfica de Galicia: visualizador de mapas [en liña]. Dispoñible na Internet: http://mapas.xunta.es/visualizador-de-mapas [Acceso 24 marzo 2018].

Instituto Geográfico Nacional. Serie MTN25 (Mapa Topográfico Nacional 1:25.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional25.jsp [Acceso 22 diciembre 2019].

Xunta de Galicia (Consellería do Medio Rural). Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícola (SixPac): visor de mapas [en liña]. Dispoñible na Internet: http://sixpac.xunta.es/visorsixpac/ [Acceso 30 novembro 2017].

Data de Actualización:

20 xaneiro 2020