560 Zeltia

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: Pontevedra
  • Concello: O Porriño
  • Parroquia: San Salvador de Torneiros
  • Lugar: O Porriño
  • Paraxe: A Relva
  • Dirección: Lugar de A Relva, 5A – 36410 O Porriño
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.156317923041584
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.631142981475827
  • Coordeadas UTM: Datum ETRS89: H 29 // X 530.474,37 m / Y 4.667.209,67 m
  • Clasificación: Industria química
  • CNAE: 20.20 Fabricación de pesticidas e outros produtos agro químicos. 20.30 Fabricación de pinturas, vernices e revestimentos similar
  • Tipoloxía: Química farmacéutica e agro gandeira
  • Comarca: Vigo
  • Marco Xeográfico: Centro do amplo val da Louriña, na marxe dereita do río Louro ao sur da vila de O Porriño
  • Ámbito: Rural (hoxe periurbano)
  • Acceso: N’O Porriño localizaremos a Avenida de Buenos Aires e antes de chegarmos á estrada PO-331, apartaremos pola esquerda collendo a estrada PO-2401. Nada máis deixar na beira esquerda o campo de fútbol, atoparemos na man dereita o acceso ao conxunto de empresas que ocupan a gran parcela que acollera a “Zeltia”.

Tipo de propiedade:

Privada

Visitable:

Exteriormente

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

O emprego con fines máxicos ou medicinais de diferentes sustancias obtidas da natureza pérdese nos albores da humanidade. A sistematización dos usos permitiría avanzar no establecemento de relacións causa-efecto. Xa van uns catro mil anos que na Mesopotamia quedou testemuña da preparación e utilización de preparados que ían probándose nos escravos para axustar a dosificación. Tralos asirios e babilónicos, as incipientes técnicas botánicas, químicas e farmacolóxicas irían desenvolvéndose na India, a China e Exipto.

Os sumerios levarían a cabo na baixa Mesopotamia as que pódense entender como as primeiras operacións químico-farmacéuticas: desecamento, pulverización, moenda, prensado, filtración, decantación, disolución; e propuxeron tamén o emprego de pomadas, locións, cataplasmas, lavativas, infusións.

Os exipcios deixarían anotado nos seus códices os síntomas e as prescricións correspondentes, os principios activos das plantas, os animais e os minerais, o contido de principios activos nos alimentos e a formulación e preparación de medicamentos. Estableceron as pautas de administración dos medicamentos, tanto de uso interno (tisanas, decoccións, maceracións, píldoras) como de uso externo (emplastos, ungüentos, colirios, pomadas, inhalacións). Para as preparacións usaban muíños de man, morteiros, peneiras e balanzas. Os preparados conservábanse en coidados recipientes de barro, vidro, alabastro, serpentina e madeira.

Cos coñecementos acumulados, en Grecia xurdirán importantes expertos en plantas medicinais, e Galeno estabelecerá as bases técnicas da preparación das principais formulacións farmacéuticas. Entre o século IV a.C. e o V d.C. irá desenvolvéndose a medicina racional. A cultura árabe recollerá os coñecementos de gregos e romanos, e fará as súas aportacións, que legará a occidente (obtención de metais a partir dos seus minerais; elaboración de aliaxes como o bronce e o latón; fabricación de cerámica, esmaltes e vidro; fermentacións para obter cervexa ou viño; extracción de substancias das plantas para medicinas ou perfumes; transformación das graxas en xabón). A destilación vai ser unha gran aportación dos árabes aos procedementos químicos e farmacéuticos.

E pola vía dos árabes, do préstamo do grego khemeia (arte de extraer o zume dunha planta), xurdirá a designación de alquimia para o conxunto de coñecementos e prácticas de manipulación de sustancias coa pretensión de acadar variados fins: desde a mellora do coñecemento das plantas e os seus efectos ata a obtención de ouro e outros metais. Xúntase na alquimia disciplinas místicas e filosóficas coa metalurxia e a farmacia. A alquimia a practicaban os chamados químicos, e dende que o irlandés Robert Boyle publicara en 1661 o seu “O químico escéptico ou as dúbidas e paradoxos quimio-físicas”, no que avoga pola introdución do método científico nos experimentos, separándoos da alquimia, vai designarse como química a dito arte.

Aínda que que xa existían en Bagdad no 754, ata o ano 1221 non de documenta a existencia na Europa dunha oficina de farmacia. No convento dominico de Santa María Novella, en Florencia, cultivábanse herbas medicinais coas que os frades elaboraban diferentes preparados para a súa enfermería. En 1441 fundaríase o Real Colexio de Boticarios da Cidade e Reino de Valencia, que se ten polo máis antigo do mundo, con competencias plenas administrativas e lexislativas.

No Renacemento (1453-1600), a recuperación europea da cultura clásica iniciaría a ciencia moderna, que no Barroco (1600-1740) consolidarían as aportacións de Bacon, Pascal Descartes, Galileo, Kepler. A química sería o arte de entender o comportamento das mesturas, compostos e corpos ata seus principios básicos, e de saber compoñer esas sustancias a partir dos mesmos principios. A Ilustración (1740-1800) suporía a sistematización e divulgación dos coñecementos, o nacemento da Revolución Industrial, e o continuo progreso nos descubrimentos científicos e técnicos.

Como outras disciplinas, o ensino da química en Galicia chegaría da man do proceso de secularización da Universidade de Santiago de Compostela trala expulsión de España dos xesuítas que ordenara en 1767 Carlos III. A paulatina liberación do control eclesiástico do ensino e a concesión á Universidade dos terreos e edificios da Compañía de Xesús no proceso de desamortización, irían dando paso a unha nova universidade ilustrada. A modernización do ensino, coa realización dun novo plan de estudos e a creación de grados académicos, permitiría a introdución da docencia práctica e científica da Física experimental e a Química.

A boa capacitación e a curiosidade científica dos profesionais formados na universidade compostelán facilitaría o tránsito da elaboración nas boticas dos preparados farmacéuticos á creación de pequenos laboratorios de química farmacéutica e, finalmente, ao desenvolvemento dunha importante industria química farmacéutica e agro gandeira que tería en “Zeltia” a súa mellor expoñente.

Descrición Xeral do Entorno:

O complexo químico farmacéutico situárase afastado do núcleo da cidade e nunha zona pouco habitada pero ben comunicada e con facilidade de acceso a estrada nacional e a estación do ferrocarril. O seu asento sería no barrio de A Relva, na marxe dereita do río Louro, non lonxe da vila d’O Porriño e nunha zona entón apenas habitada.

Construcción:

1939.

Abandono:

Despois de diversas transformacións, fusións e escisión, varias das empresas xurdidas de Zeltia continúan funcionando neste ano 2020.

Descrición:

En 1935 o médico Ramón Obella Vidal (nado en Bastabales pero aveciñado en Vigo), xuntábase co farmacéutico Francisco Rubira Fariña (natural de Negreira e tamén aveciñado en Vigo), e coa participación de Alexandre Bóveda Iglesias (ourensán, funcionario na Delegación de Hacienda de Pontevedra), do Catedrático de Química Orgánica da Facultade de Ciencias da Universidade de Santiago de Compostela, Fernando Calvet Prats (natural de Vilafranca del Penedés), Manuel Martínez García e Serafín Campos Pichel, fundaban en Vigo o Instituto Bioquímico Miguel Servet.

A nova empresa preparou plantacións de centeo n’O Porriño e, baixo a supervisión de Obella e a dirección técnica de Calvet, organizáronse os laboratorios químico farmacéuticos para os estudos sobre o caruncho do centeo e os métodos de análise e conservación previos á extracción dos alcaloides que se empregarían para elaborar os diferentes preparados. O Instituto elaboraría con éxito os inxectables Pan-Ergot (antihemorráxico empregado nos partos, xaquecas e glaucomas), o Piretón (analxésico e antipirético) e o Pan-Neural (un inxectable tónico-estimulante), entre outras especialidades.

O comezo da Guerra Civil Española (17 de xullo de 1936 – 1 de abril de 1939) acabou abruptamente co proxecto: Calvet escapou a Suecia, Bóveda foi fusilado, e Obella exiliouse en Portugal. En agosto de 1937 Ramón Obella rexistrou no Porto a marca Zeltia “para la explotación del cornezuelo de centeno con fines medicinales” e, coa axuda de coñecidos próximos aos sublevados, conseguiría licenza para a exportación a España do caruncho obtido en Portugal, xa que as súas plantacións no Porriño non producían o suficiente para a elaboración dos preparados.

Dous anos máis tarde, Obella chegaría a un acordo empresarial cos irmáns lugueses Fernández López, que baixo o pulo de José Fernández ao fronte de “Industrias Pecuarias Gallegas, S.L.” pasaran co arrendamento dos matadoiros frigoríficos de Mérida (en 1935) e do Porriño (en 1936) de tratantes de gando a industriais da carne (vid. fichas 447 e 537). Os Fernández obtiveran importantes beneficios durante a guerra civil ao teren os dous matadoiros na zona controlada polos rebeldes e subministrar carne ao exército, amais de poder exercer unha significada influencia en favor de moitas persoas suxeitas a represalias e mesmo ameazadas de morte, algunhas das que pasarían a traballar nas súas empresas.

O acordo entre Ramón Obella e José Fernández incluiría o compromiso por parte deste da integración na empresa a crear do persoal que formara parte do Instituto Bioquímico. Nacería entón “Zeltia, S.A.”, o 3 de agosto de 1939, co obxecto social da explotación da flora medicinal de Galicia e o aproveitamento dos produtos procedentes das glándulas dos animais sacrificados nos matadoiros de O Porriño e Mérida. Os principais accionistas da nova empresa serían Ramón Obella Vidal (200 accións), José, Antonio, Conchita e Manuel Fernández López (50 accións cada un), Fernando Calvet Prats (25 accións), José Ruíz Gómez (25 accións) e Fidel Isla Couto (10 accións).

Nos comezos de “Zeltia, S.A.”, Fernando Calvet e un grupo de científicos formado por destacados catedráticos das facultades de Ciencias, Farmacia e Medicina da Universidade de Santiago de Compostela, patentarían en pouco máis dun ano e medio máis de dez especialidades farmacéuticas, cada unha co seu correspondente rexistro sanitario. Nos seus laboratorios elabóranse fármacos como a efedrina, a dixitalina, os extractos hepáticos, a foliculina, as insulinas, o oxitócico “Purpuripán” e as vitaminas de todo tipo, comercializadas como “Zeltivit”.

Tamén se elaboraron e comercializaron vacinas, pesticidas e funxicidas. Talvez o máis famoso de todos eles foi o DDT (dicloro-difenil-tricloroetano), principal compoñente dos insecticidas e pesticidas da época, e a partir de cuxos derivados a empresa crearía unha nova división orientada á agricultura, os produtos ZZ, que acadarían a maior cota de mercado en España. En 1944 Calvet abandonaría a empresa para continuar en Salamanca o seu labor docente.
En 1945 Zeltia participaría cos laboratorios Abelló, Ibys, Leti, Llorente e Uquifa na creación de “Antibióticos, S.A.”, na que mantería unha participación do 23% ata 1984, ano en que a venden ao xurista e empresario tudense Mario Antonio Conde Conde.

Após establecer relacións científicas, técnicas e comerciais coas empresas británicas “Imperial Chemical Industries” (ICI), química, e “Cooper, McDougall & Robertson Limited”, veterinaria, Zeltia crearía catro divisións: médica, agroquímica, insecticidas e veterinaria. As catro divisións orixinarán en 1964 tres novas sociedades: Zeltia Agraria, ICI Farma e Cooper Zeltia, que funcionarán baixo a dirección e xestión de “Zeltia, S.A.”.

Anos despois xurdirán no grupo tres novas empresas: en 1975 “Xylacel, S.A.”, de pinturas e vernices; en 1986, “Pharma Mar, S.A.”, de antitumorais de orixe mariña; e en 1991 “Zelnova Zeltia, S.A.”, de insecticidas e ambientadores.

Despois de diversas modificacións estratéxicas e societarias, o grupo empresarial Zeltia está formado por: “PharmaMar, S.A.” (fármacos antitumorais de orixe mariña), “CZ Veterinaria, S.A.” (vacinas veterinarias), “Sylentis, S.A.U.” (aplicación médica de fármacos RNAi e tecnoloxías de silenciamento xénico), “Genomica, S.A.U.” (diagnóstico), “Zelnova, S.A.” (insecticidas, ambientadores e produtos do fogar), “Xylazel, S.A.” (pinturas e outros produtos para a madeira).

Tempo de uso:

Todo o ano.

Sistema de produción:

En función dos preparados e produtos a obter, diferentes procesos complexos propios da química básica, da química aplicada, da química farmacéutica e da bioquímica.

Actividades laborais:

Man de obra masculina e feminina na manipulación e preparación dos produtos.

Emprego:

O 31 de decembro de 1969, Zeltia Agraria declaraba 146 “produtores”, Ici-Farma, 115, e Cooper-Zeltia, 157.

Materias Primas:

Sustancias naturais vexetais e animais, e sustancias químicas orgánicas e inorgánicas.

Produtos Elaborados:

Especialidades farmacéuticas e veterinarias; pinturas e vernices; ambientadores e produtos de limpeza; pesticidas, insecticidas e outros produtos agro químicos.

Distribución e comercialización:

Nacional e internacional.

Referencias Bibliográficas:

Carmona Badía, Xoán; Nadal Oller, Jordi (2005): El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Carmona Badía, Xoán (2006): “José Fernández López (1904-1986): de Lugo a Capetón, a traxectoria empresarial do grupo Fernández”, Empresarios de Galicia, Xoán Carmona Badía (coord.), Centro de Investigación Económica e Financeira (CIEF), A Coruña: Fundación Caixa Galicia, p. 432-459. DL C-2900-2006. ISBN 84-96494-83-7.

Fernández González, Ángel Ignacio (2011): “AgroLance: guerra al escarabajo”, Galicia agraria: historias sobre la agricultura gallega del siglo XX. Comentarios, análisis, documentos acerca de la economía agraria y la vida campesina [en línea] Disponible en http://galiciaagraria.blogspot.com.es/2011/10/agrolance-guerra-al-escarabajo.html [Acceso 7 xaneiro 2020].

Fernández González, Ángel Ignacio (2011): “El cornezuelo de centeno, una historia alucinante”, Galicia agraria: historias sobre la agricultura gallega del siglo XX. Comentarios, análisis, documentos acerca de la economía agraria y la vida campesina [en línea] Disponible en http://galiciaagraria.blogspot.com/2011/10/el-cornezuelo-de-centeno-una-historia.html [Acceso 28 febreiro 2020].

González Bueno, Antonio; Rodríguez Nozal, Raúl (2018): Censo-guía de los laboratorios farmacéuticos activos durante el Franquismo (1936-1975). Madrid: Real Academia Nacional de Farmacia. ISBN: 978-84-946424-9-4.

Gurriarán Rodríguez, Ricardo (2006): Ciencia e conciencia na Universidade de Santiago (1900-1940): do influxo institucionista e a JAE (Junta para Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas) á depuración do profesorado. Santiago de Compostela: Universidade, Servizo de Publicacións e Intercambio Científico. DL C-2499-2006. ISBN 978-84-9750-644-1.

Gurriarán Rodríguez, Ricardo (2009): Obella Vidal: investigador, empresario e galeguista. Foro Enrique Peinador. Vigo: Pío García Edicións.

Taboada Arceo, Antonio (1971): Galicia, estructura y ritmo socio-económicos. La Coruña: Servicio de Estudios y Publicaciones de las Cámaras Oficiales de Comercio, Industria y Navegación de Galicia. DL C-145-1971.

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 261-II O Porriño // Datum ETRS89: H 29 // X 530.474,37 m / Y 4.667.209,67 m

Centro Nacional de Información Geográfica: Fotototeca Digital, Instituto Geográfico Nacional, Ministerio de Fomento del Gobierno de España [en línea]. Disponible en internet: http://fototeca.cnig.es/ [Acceso 28 febreiro 2020].

Instituto de Estudos do Territorio (IDE) da Xunta de Galicia: Información Xeográfica de Galicia: visualizador de mapas [en liña]. Dispoñible na Internet: http://mapas.xunta.es/visualizador-de-mapas [Acceso 27 agosto 2019].

Instituto Geográfico Nacional: Serie MTN25 (Mapa Topográfico Nacional 1:25.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: http://centrodedescargas.cnig.es/CentroDescargas/index.jsp [Acceso 27 agosto 2019].

Xunta de Galicia (Consellería do Medio Rural): Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícola (SixPac): visor de mapas [en liña]. Dispoñible na Internet: http://sixpac.xunta.es/visorsixpac/ [Acceso 27 agosto 2019].

Data de Actualización:

29 febreiro 2020