571 Represa de Ribasaltas (regadío do Val de Lemos)

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: Lugo
  • Concello: Monforte de Lemos
  • Parroquia: San Pedro de Ribasaltas
  • Lugar: Ribasaltas
  • Paraxe: Freixo
  • Dirección: Non procede
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.55440381378018
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -7.477712961072922
  • Coordeadas UTM: Datum ETRS89: H 29 // X 624.967,48 m / Y 4.712.456,72 m
  • Clasificación: Obras públicas de enxeñaría civil
  • CNAE: 42.91 Obras hidráulicas (infraestruturas de regadío).
  • Tipoloxía: Obras hidráulicas (infraestruturas de regadío)
  • Comarca: Terra de Lemos
  • Marco Xeográfico: Ladeiras sur occidentais da Serra do Oribio, no arranque dos terreos suaves do Val de Lemos
  • Ámbito: Rural
  • Acceso: Sairemos de Monforte de Lemos pola estrada LU-546 cara a Bóveda. En Ribas Altas, unha vez cruzado o río Cabe, apartaremos pola dereita ao lugar de Bergazos e enfiaremos o camiño que pola marxe dereita do río leva ata o lugar de Freixo e a represa de Ribas Altas da que parten, pola marxe dereita e pola esquerda do río, as canles do regadío do Val de Lemos.

Tipo de propiedade:

Pública

Visitable:

Si

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

As presas e represas constrúense para reter a auga e, con moi diversos fins, darlle posteriormente saída. Por riba de todo, serven para almacenar e regular a auga, coa finalidade de adecuar o réxime natural dos cursos de auga (ríos, regueiros e regatos) ao réxime de necesidades (abastecemento de auga potable, regadura de campos e cultivos, obtención de traballo mecánico ou de electricidade) da demanda, que nas máis das ocasións non son coincidentes.

Aínda que moitas veces empréganse como sinónimos, para mellor comprender a súa funcionalidade e ben distinguir os matices das diferentes designacións:
Unha tosta é a parede construída no leito dun río para deter e desviar a auga cara a unha canle de rega ou dun muíño; sería propiamente o equivalente do castelán “azud”. Por unha maneira de construíla, con pedras planas encaixadas de canto a xeito de cuña, xeneralizouse o nome de chapacuña para toda obra de retención feita no curso dun río da que parten as quenllas para os muíños e prados.

Unha represa é a detención dun curso de auga, que pode ser natural ou provocada polo home (ou os castores), pero tamén designa ao dique (natural ou artificial) que retén o curso da auga.

Unha presa é a construción feita nunha corrente de auga, o muro ou dique que detén a auga para acumulala; por extensión, chámase tamén así ao volume de auga almacenada por esta construción. En moitos lugares chámanlle presa á gabia ou canle que conduce a auga desde o río ao lugar a que é destinada, correspondendo ao castelán “caz”.

Un encalco, encoro ou vaira é o estanque ou depósito de auga que se forma no curso dun río e que pode ser natural ou artificial. Ás vece o nome tamén designa ao que sería propiamente o dique, a construción (sexa obstáculo natural ou obra de enxeñaría) que impide o paso das augas do río e as contén para que se acumulen formando o estanque.

En enxeñería denomínase presa ou represa a un dique fabricado de pedra, formigón ou materiais soltos, que se constrúe sobre o leito dun curso de auga, habitualmente nun estreitamento ou desfiladeiro. Ten a finalidade de reter ou embalsar a auga no leito fluvial para elevar o seu nivel co obxectivo de captala e derivala, mediante gabias ou canalizacións, para o seu aproveitamento en abastecemento ou regadío, para atenuación de avenidas (limitando as inundacións de augas abaixo da presa) ou para a produción de enerxía mecánica pola acción sobre un elemento xiratorio.

Os diferentes tipos de diques para contención das augas responden ás diversas posibilidades de cumprir a dobre esixencia de resistir o empuxe da auga, e de evacuala cando sexa preciso. En cada caso, as características do terreo no que se constrúe e os usos que se lle queira dar á auga, condicionan a elección do tipo de presa máis adecuado.

Aínda que é posible que houbera algunha anterior en Armenia, a primeira presa da que cóntase con evidencias fiables construíuse en Xordania alá polo 3000 a.C. e subministraba auga potable á cidade de Jawa. En Exipto, considérase a de Kafara, construída no 2600 a.C., como a presa máis antiga, e xa no 1800 a.C., nos tempos do faraón Amenemhat III, os exipcios crearon o coñecido como Lago Moeris que cunha capacidade de ata douscentos setenta e cinco hectómetros cúbicos(mil millóns de litros) estivo operativo durante tres mil seiscentos anos. No Yemen, con restos de pequenas presas e gabias datados dende o 1500 a.C., salienta a gran presa de Marib, construída con vinte metros de altura no 510 a.C. na capital do Reino de Saba, e que foi utilizada para o regadío durante mil trescentos anos, sendo despois abandonada.

As máis antigas civilizacións gregas destacarían nas obras hidráulicas. Porén, a imposible comprobación da lendaria construción por Dédalo duna presa en Sicilia, invita a considerar como a máis antiga a presa micénica de derivación das augas do río Lakissa, que desde o 1260 a.C. protexen das inundacións á cidade de Tirinto, na Argólida (Peloponeso, Grecia).

Inda que os romanos, no ronsel e coa axuda dos técnicos etruscos, emprenderon ben cedo importantes traballos hidráulicos xa contra o 500 a.C., como os seiscentos metros de canal da Cloaca Máxima para a drenaxe das marismas de Roma ao río Tíber, ou a drenaxe do val de Ariccia cun túnel de máis de seiscentos metros, sen esquecer os catrocentos vinte e tres quilómetros que suman os nove acuedutos construídos entre o 312 a.C. e o 52 d.C. para o abasto da cidade, non se ocuparían da enxeñaría das presas ata datas relativamente tardías.

Cando os romanos se anexionaron Grecia, cara ao 150 a.C., houberon de coñecer as presas alí construídas, o mesmo que coñecerían as israelitas, nabateas e ptolomeas tras instalarse mediado o século I a.C. no Oriente Próximo. Con todo, malia que é posible que comezaran coa construción de presas nos territorios cartaxineses conquistados na Península Ibérica contra o 200 a.C., non se conta con datos certos das primeiras presas construídas por Roma ata os das primeiras construcións realizadas no tempo de Augusto (27 a.C. ao 14 d.C.) e de Tiberio (14-37 d.C.) nas provincias hispánicas.

Os construtores romanos xa posuían técnicas de construción altamente desenvolvidas cando comezaron a construír presas, aínda que baseadas en labores fundamentalmente manuais con ferramentas simples. Como os seus predecesores, empregaban terra, pedra e madeira como materiais de construción engadindo unha novidosa creación súa: os formigóns preparados cunha mestura de area, grava, calcaria cocida e auga e, ocasionalmente, cinza volcánica ou ladrillo moído; con esta fórmula conseguían uns formigóns que endurecían mesmo baixo a auga. A partir das primeiras presas, construídas como sinxelos muros de ancho constante, mellorarían as técnicas de construción, empregando paramentos inclinados e deseñando as presas reforzadas augas abaixo por espigóns ou por contrafortes, as presas de arco e as de arcos múltiples. Exemplo destas presas, das que se teñen identificado setenta e tres en España e dezasete en Portugal, as máis antigas serían as de Alcantarilla (Toledo, 25 a.C.), Prosepina e Cornalvo (Mérida, 90 d.C.).

Trala división do Imperio Romano (Teodosio, 395 d.C.), a descomposición do Imperio Romano de Occidente (Rómulo Augústulo, 476), o asentamiento de suevos, vándalos e alanos (dende o 409) e a incuria do período visigótico na Península Ibérica (desde o 416), a chegada dos árabes no 711 vai supor a recuperación da agricultura e os regadíos, e con estes, a recuperación de presas e canles, e a construción de novas infraestruturas hidráulicas, entre as que destacan as nove represas de derivación construídas no século X para regar as hortas de Valencia.

Na Idade Media, ademais de nos regadíos e abastecementos, a auga vai empregarse como fonte de enerxía máis alá da moenda de cereais. Contra o século IX, a invención da leva vai facilitar a diversificación dos usos motrices da auga en aplicacións para mazos, prensas, serras, foles ou bombas, dándoselle preferencia á colocación das roda hidráulicas afastadas das ribeiras dos leitos dos ríos, protexidas das avenidas e o impacto de obxectos flotantes. Os sistemas de derivación das augas por gabias ou canais vai favorecer a construción de represas e de depósitos de acumulación e regulación que asegurasen unha certa subministración estable ás rodas hidráulicas.

As primeiras represas de derivación medievais consistían en unha tosta construída por dúas ringleiras de postes de madeira espetado no leito, unidos entre si e cun recheo de terra e pedras no espazo entre as dúas filas de estacas. Unha das máis grandes represas deste tipo sería a tosta de Bazacle, cerca de Touluse, con catrocentos metros de lonxitude construídos antes do ano 1170 no río Garona. Por eses tempos tomou intensidade a construción de “charcas de muíño”, pequenos depósitos case sempre de terraplén e de cachotería ou cantearía nalgúns casos. Sábese que centos destas represas foron construídas ata finais do século XV, pero apenas dunha ducia delas téñense datos certos. En España está estudiada a presa e muíño de la Albuera de Castellar, no río Alconera, que quedou somerxida coa construción en 1975 do embalse de Zafra (Badajoz).

A construción de presas continuaría nos séculos seguintes dando continuidade ao relato histórico, cunha grande variedade tipolóxica e un importante illamento entre os diferentes deseñadores. Esta situación vai cambiar gradualmente coa publicación dos primeiros traballos sobre a enxeñaría de presas, co estabelecemento en 1747, en Francia, do corpo de enxeñeiros de pontes e calzadas e a aparición en Gran Bretaña, en 1771, da sociedade de enxeñeiros civís, entidades ambas que comezarían a publicar regularmente revista técnicas (1831 e 1836, respectivamente).

Da chamada Revolución Industrial, digamos de 1760, en diante, a aplicación práctica da ciencia vai impulsar a creación de universidades científicas e tecnolóxicas e de escolas técnicas, e a maneira individualista e artesán de entender a enxeñaría vai transformarse nunha profesión baseada en principios científicos e técnicos, e que, polo rápido crecemento dos coñecementos, a non tardar obrigará á especialización dos profesionais en diversos campos de actuación.

En España, os traballos de Saturnino Bellido Díaz (1892), Rafael Gasset Chinchilla (1902) culminarán no Plan Nacional de Obras Hidráulicas, redactado por Manuel Lorenzo Pardo en 1933 (vid. ficha 568) cunha visión integradora da planificación hidrolóxica, aínda vixente e que sería imitado no ano 2000 na Directiva Marco da Auga da Unión Europea.

Finalizada a Guerra Civil Española (1936-1939), o novo goberno do estado irá retomando os proxectos hidráulicos anteriores e emprenderá unha ambiciosa política hidráulica, orientada tanto ás obras de regadío como, por riba de todo, á construción de centrais hidroeléctricas (vid. ficha 562, entre outras) para o abasto de enerxía do país.

Descrición Xeral do Entorno:

A cabeceira das infraestruturas do regadío do Val de Lemos (vid. ficha 568) comeza polo aproveitamento das augas do río Mao nas ladeiras sur occidentais da Serra do Oribio, derivando as augas reguladas pola presa e embalse de Vilasouto (vid. ficha 570) polo mesmo leito do río Mao, algo máis de dous quilómetros augas abaixo, para a súa captación na represa de Tuimil (vid. ficha 569). Uns quince quilómetros augas abaixo, o río Mao entrega as súas augas ao río Cabe. Un quilómetro e medio augas abaixo da xunta construíuse a represa de Ribasaltas, no paraxe de Freixo.

Construcción:

1960-1969.

Abandono:

Continúa parcialmente en uso.

Descrición:

As obras de construción das infraestruturas do regadío do Val de Lemos (vid. ficha 568), presa e embalse de regulación do río Mao (vid. ficha 570), presa de captación do río Mao (vid. ficha 569), represa de captación fluínte do río Cabe (vid. ficha 571), canais e gabias, comezarían en 1960, aínda que os traballos haberían de prolongarse ata o ano 1969.

O 31 de decembro de 1966 finalizaban as obras da pequena presa de Tuimil (vid. ficha 569), na que se derivarían as augas do río Mao para a cabeceira do regadío do Val de Lemos pola marxe esquerda cara á Canle Alta e a Gabia de Bóveda. Ata o 31 de decembro de 1969 non se rematarían as obras das outras dúas presas do proxecto: a de Vilasouto (vid. ficha 570), e esta de Ribasaltas.

A presa de Ribasaltas, tamén coñecida como “Azud de Freixo”, é unha construción deseñada para facilitar a captación fluínte das augas do río Cabe, sen intención de embalsar, polo que apenas forma augas arriba un encalco dunha centena de metros de lonxitude. A súa función é a elevación do nivel das augas para a captación das mesmas e a derivación e o envío ao regadío pola canles que descorren polas marxes dereita e esquerda do río.

A presa é de gravidade e labio fixo, cunha altura desde os alicerces de 13’50 metros, e unha lonxitude de coroación de 88’50 metros, con cotas respectivas de 315’86 msn (metros sobre o nivel do mar) e 302’36 msn, sendo de 307’66 msn a cota do leito do río nese punto. Conta cun aliviadoiro de 726 metros cúbicos por segundo de capacidade e dispón de dun desaugue de fondo cunha capacidade de baleirado de cinco metros cúbicos por segundo.

Ademais das derivación das augas para o regadío, no encalco que forma a represa hai unha toma de auga para a estación de tratamento de auga potable (ETAP) que abastece a Monforte de Lemos e poboacións próximas, por medio dunha condución realizada con tubaria de fibrocemento enterrada, e con depósitos en O Cornado (cabeceira), San Vicente (dous depósitos, xa en Monforte) e Piñeira.

Tempo de uso:

Todo o ano.

Sistema de produción:

Unha presa é un muro construído no leito dun río para reter a auga co fin de desviala, eleva-lo seu nivel ou embalsala con diversos obxectivos, que poden acadarse de xeito simultáneo: cambia-lo curso do río; captar e derivar auga por gabias ou canles; almacenar auga formando un estanque; ou regular o caudal do río augas abaixo da presa.

O muro ou dique a construír ten que conter a auga e resistir o seu empuxe, ademais de permitir a evacuación da mesma cando se requira. As características do terreo no que se constrúe e os usos que se lle queira dar á auga, van condicionar o tipo de presa máis adecuado e a elección dos materiais a empregar na súa construción. Nos parágrafos que están a seguir descríbese de maneira simplificada a maneira de construír unha presa.

O proceso para a construción comeza coa escolla do emprazamento máis conveniente, normalmente un estreitamento do leito de río, no que as beiras podan garantir a solidez da obra coa presión que vai facer a auga contra dela, e no que o terreo teña impermeabilidade bastante que impida o paso das augas do encalco que vai formarse co peche do curso fluvial.

No tempo da estiaxe, coas augas baixas, prepárase un dique provisorio, unha torneira (“ataguía”) que peche parte do leito do río para comezar a preparar os alicerces e estribos da presa. Seguidamente vanse espetando lousas (ou depositando cachotes) no leito do río librado da auga e na súa beira correspondente (o que se chama estribo). Despois continúase crecendo este cacho de muro e o seu estribo, deixando aberto un burato no fondo do muro para o posterior desaugue.

Cando a metade da presa ten certa altura, desfáise a torneira e constrúese outra similar no outro lado do río; a auga pasará agora polo burato que se deixou no dique. Prepáranse os alicerces e o correspondente estribo como antes, e crécese o muro dese lado ata o nivel do xa preparado. Co muro xa completo en lonxitude, de beira a beira do río, desfáise a torneira e vanse completando a presa (tamén chamada tosta ou chapacuña) e o seu estribo en altura ata rematar na coroación ou vertedoiro.

Para evitar o desbordamento da auga polos laterais da presa, que podería descalzar os estribos (desfacendo o seu encaixe nos laterais do leito do río), estes serán máis altos que a coroación da presa, que actuará de vertedoiro da auga cando estea cheo o encoro. Rematada a presa, procédese a pechar o desaugue deixado no fondo, de maneira definitiva ou cunha comporta que permita a súa apertura cando fora necesario.

Dependendo do uso a que vaia destinarse, a presa poderá ter nun estribo (ou nos dous) unha obra de captación para derivar as augas cara ás quenllas, canais ou tubarias que han de conducilas ao lugar de destino.

Evidentemente, a construción das presas reúne máis complexidade e detalles do que aquí se leva exposto, pero non é este o lugar para entrar nela, polo que remítese as obras específicas ao respecto, algunhas das que van referenciadas na bibliografía que se acompaña.

Actividades laborais:

Cabe distinguir a actividade durante a construción da presa, xeradora de abundante emprego, e a de explotación do aproveitamento hidráulico, unicamente con periódicas visitas de mantemento e co control continuo hoxe en día realizado a distancia.

Emprego:

Sen datos.

Materias Primas:

Pedra, aceiro, formigón, e materiais e maquinaria auxiliares.

Produtos Elaborados:

Presa de cachotería e formigón para a captación e derivación de auga.

Distribución e comercialización:

Comarcal.

Referencias Bibliográficas:

Arenillas Parra, Miguel (2000): “Hidrología e hidráulica del solar hispano: las presas en España”. Actas del Primer Congreso Nacional de Historia de las Presas. Mérida, 8 al 11 de noviembre del año 2000 [en línea] Accesible en Internet: http://www.seprem.es/st_hp_f/ICongresoHistoria/HIDROLOGIA_E_HIDRAULICA_DEL_SOLAR_HISPANO.pdf [Acceso 21 marzo 2020].

Ars Mechanicae: ingeniería medieval en España (2008): coordinación de Pedro Navascués Palacio, Ministerio de Fomento (CEDEX-CEHOPU), Madrid: Fundación Juanelo Turriano. DL M-46232-2008. ISBN 978-84-7790-470-0.

Artifex: ingeniería romana en España (2002): 2ª ed. 2005, catálogo de la exposición de igual nombre, Ministerio de Fomento (CEDEX-CEHOPU), Fundación Juanelo Turriano, Ministerio de Cultura, Madrid: Secretaría General Técnica del Ministerio de Cultura. DL M-12127-2002. ISBN 84-369-3567-5.

Carmona Badía, Xoán; Nadal Oller, Jordi (2005): El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Caro Baroja, Julio (1954): "Norias, azudas y aceñas”, Revista de Dialectología y Tradiciones Populares, vol. X, Madrid, p. 29-160. ISSN 0034-7981.

Caro Baroja, Julio (1983): Tecnología popular española. Colección ‘Artes del Tiempo y del Espacio’, 6. Madrid: Editora Nacional. DL M-39763-1983. ISBN 84-276-0588-9.

Caro Baroja, Julio (1995): Historia de los molinos de viento, ruedas hidráulicas y norias. Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía (IDAE), Madrid: Tabapress. DL M-41843-1995. ISBN 84-86850-64-9.

Castillo Barranco, Juan Carlos (2007): Las presas romanas en España. XXII Congreso Internacional de Grandes Presas, Revista de Obras Públicas, marzo 2007, núm. 3.475, p. 65-80.

Confederación Hidrográfica del Norte (1997): Plan Hidrológico Norte I. Documento nº 3 Anejos. Tomo III. Anejo nº 4: Relación de Zonas de Mejora de Regadío y de Nuevas Transformaciones. Madrid: Ministerio Medio Ambiente, Secretaría de Estado de Aguas y Costas, Dirección General de Obras Hidráulicas y Calidad de las Aguas, Diciembre 1997.

Fernández Casado, Carlos (1961): "Las presas romanas en España". Revista de Obras Públicas, núm. 109, p. 357-363.

González Tascón, Ignacio (1998): “Obras de regadío”, Los ingenios y las máquinas. Ingeniería y obras públicas de la época de Felipe II, p. 209-239, 2ª ed. 1999, Ignacio González Tascón (coord.), Madrid: Sociedad Estatal para la Conmemoración de los Centenarios de Felipe II y Carlos V. DL M-23499-1999. ISBN 84-9514-6142.

González Tascón, Ignacio; Velázquez Soriano, Isabel (2005): Ingeniería romana en Hispania: historia y técnicas constructivas, Madrid: Fundación Juanelo Turriano. DL 54204-2004. ISBN 84-95457-52-0.

Ingeniería hispano musulmana (2003): XII Curso de Verano de Ingeniería Civil, Toledo, 8 al 15 de julio 2002, edición de Miguel Aguiló Alonso, Madrid: Colegio de Ingenieros de Caminos, Canales y Puertos. DL M-34007-2003. ISBN 84-380-0233-1.

Los ingenios y las máquinas: ingeniería y obras públicas de la época de Felipe II (1998): 2ª ed. 1999, Catálogo de la exposición, Real Jardín Botánico, Madrid, C.S.I.C., Pabellón Villanueva, 10 sep. al 10 nov. de 1998, Comisario: Ignacio González Tascón, Madrid: Sociedad Estatal para la Conmemoración de los Centenarios de Felipe II y Carlos V. DL M-23499-1999. ISBN 84-9514-6142.

Cuesta Diego, Luis; Vallarino Cánovas del Castillo, Eugenio (2000): Aprovechamientos hidroeléctricos, 2 vol., Colección Seinor, núm. 19. Madrid: Colegio de Ingenieros de Caminos, Canales y Puertos. DL M-29428-2000. ISBN 84-380-0169-6.

Cuesta García, Tomás S.; Neira Seijo, Xan Xosé; Cancela Barrio, Javier José (2004): “Las grandes zonas regables de Galicia: la situación actual y perspectivas”, Agricultura, revista agropecuaria y ganadera, núm. 865, 2004, p. 650-654. ISSN 0002-1334.

Cuesta García, Tomás S.; Neira Seijo, Xan Xosé; Álvarez López, Carlos José; Cancela Barrio, Javier José (2007): “Caracterización del regadío en la zona regable del Valle de Lemos (Lugo, España)”, Recursos Rurais (2007), vol. 1, núm. 3, p. 23-30. Santiago de Compostela: Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (IBADER) da Universidade de Santiago de Compostela. DL C-3.048-2005. ISSN 1885-5547.

España, Ministerio de Agricultura (1969): “Decreto 2185/1969, de 16 de agosto, por el que se aprueba el plan general de colonización de la zona regable del valle de Lemos, en la provincia de Lugo”, Boletín Oficial del Estado, núm. 235, de 1 de octubre de 1969, páginas 15406 a 15408.

Foro de Embalses [en línea] Accesible en http://foros.embalses.net/forumdisplay.php/4-Embalses [Acceso 24 marzo 2020].

iAgua [en línea] Accesible en https://www.iagua.es/data/infraestructuras/presas [Acceso 24 marzo 2020].

Martínez de Velasco Miraved, José Luis: Proyecto de Obras complementarias de riego: zona del Canal de Bóveda, Valle de Lemos (Lugo). Madrid: Instituto Nacional de Colonización.

Molina Sánchez, Javier (2015): Patrimonio industrial hidráulico: paisaje, arquitectura y construcción en las presas y centrales hidroeléctricas españolas del siglo XX. Tesis doctoral. Escuela Técnica Superior de Arquitectura de la Universidad Politécnica de Madrid.

Nadal Reimat, Eugenio (1980): “Los orígenes del regadío en España”, Revista de Estudios Agrosociales, núm. 113, 1980, p. 7-37. ISSN 0034-8155.

Schnitter, Nicholas J. (1994): Historia de las presas, las pirámides útiles, edición del año 2000 traducida al español, Colección ciencias, humanidades e ingeniería, núm. 60, Madrid: Colegio de Ingenieros de Caminos, Canales y Puertos. DL M-35847-00. ISBN 84-380-0175-0.

Sociedad Española de Presas y Embalses (SEPREM) [en línea] Accesible en http://www.seprem.es/presases.php [Acceso 24 marzo 2020].

Vallarino Cánovas del Castillo, Eugenio (1990): Tratado básico de presas, 2 vol., 6ª ed. 2006, Colección Seinor, núm. 11. Madrid: Colegio de Ingenieros de Caminos, Canales y Puertos. DL M-511-01-2005. ISBN 84-380-0314-1.

Viollet, Pier-Louis (2007): Water Engineering in Ancient Civilizations: 5,000 Years of History ("L'Hydraulique dans les Civilisations Anciennes: 5000 ans d’histoire" translated by Forrest M. Holly). International Association of Hydraulic Engineering and Research, IAHR Monograph Series. Boca Ratón-Florida: CRC Press. ISBN 978-90-78046-05-9.

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 156-III Monforte de Lemos // Datum ETRS89: H 29 // X 624.967,48 m / Y 4.712.456,72 m

Centro Nacional de Información Geográfica (s/d): Fotototeca Digital, Instituto Geográfico Nacional, Ministerio de Fomento del Gobierno de España [en línea]. Disponible en internet: http://fototeca.cnig.es/ [Acceso 22 decembro 2019].

Instituto de Estudos do Territorio (IDE) da Xunta de Galicia (s/d): Información Xeográfica de Galicia: visualizador de mapas [en liña]. Dispoñible na Internet: http://mapas.xunta.es/visualizador-de-mapas [Acceso 24 marzo 2020].

Instituto Geográfico Nacional (s/d): Serie MTN25 (Mapa Topográfico Nacional 1:25.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional25.jsp [Acceso 22 diciembre 2019].

Xunta de Galicia (Consellería do Medio Rural) (s/d): Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícola (SixPac): visor de mapas [en liña]. Dispoñible na Internet: http://sixpac.xunta.es/visorsixpac/ [Acceso 24 marzo 2020].

Data de Actualización:

28 marzo 2020