572 Electra del Jallas

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: A Coruña
  • Concello: Dumbría
  • Parroquia: Santa Uxía de Ézaro
  • Lugar: Santa Uxía
  • Paraxe: A Fábrica Nova
  • Dirección: Non procede
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.91467397159176
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -9.107483508224487
  • Coordeadas UTM: Datum ETRS89: H 29 // X 491.230,11 m / Y 4.751.342,44 m
  • Clasificación: Central hidroeléctrica
  • CNAE: 35.15 Produción de enerxía hidroeléctrica.
  • Tipoloxía: Turbina hidráulica tipo Francis
  • Comarca: Fisterra
  • Marco Xeográfico: Ribeira dereita do río Xallas, nas gorxas próximas á desembocadura, entre o levante dos montes de Buxantes o poñente dos montes
  • Ámbito: Rural
  • Acceso: En Cee cóllese a estrada C-550 cara a Muros. A pouco máis de un quilómetro apartaremos á esquerda, pola DP-2302 ata Buxantes e, un quilómetro máis diante, no lugar de O Cruce, apartaremos pola dereita para continuarmos pola DP-2308 cara A Xestosa, San Crimenzo e, finalmente, Santa Uxía. Xa en Santa Uxía seguimos ata o arranque da ponte que atravesa a presa e alí baixamos pola carreteira que leva ao pe da presa: a uns douscentos metros augas abaixo atopase o edificio da vella central.

Tipo de propiedade:

Privada no dominio público hidráulico

Visitable:

Exteriormente

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

De entre todas as experiencias dos numerosos investigadores pioneiros ó redor da electricidade (Franklin, Coulomb, Galvani, Volta, Rumford, Ampère), no que aquí nos ocupa, dúas delas resultan de singular transcendencia: en 1800, o arco eléctrico de Humphry Davy, que abriría o camiño á iluminación con enerxía eléctrica; e en 1831 o xerador eléctrico de Michael Faraday, que daría paso ao uso da electricidade sen necesidade de recorrer á amoladura das pilas voltaicas.

Cara a 1870 o enxeñeiro belga Zénobe Théophile Gramme construía a primeira máquina comercial xeradora de corrente continua, a dínamo de Gramme, que permitía a conversión da enerxía mecánica en enerxía eléctrica. A Exposición Universal de Viena de 1873, coas súas pilas, xeradores e espectaculares arcos voltaicos, sería o primeiro escaparate mundial da electricidade.

Continuador con vantaxe de anteriores experiencias, Thomas Alva Edison presentaba no outono de 1879 o prototipo das modernas fontes de iluminación, unha lámpada de incandescencia que, grazas ás súas innovacións, alumaba sen fundirse durante… corenta e oito horas seguidas.

Todos estes avances verían a súa culminación na Exposición Universal de París de 1881, na que, ademais de exhibirse a lámpada incandescente de Thomas Edison, o enxeñeiro francés Marcel Deprez presentaba como resultado dos seus experimentos a posibilidade de transmitir a electricidade a varios centenares de metros de distancia. A experiencia coñecería a maior difusión cando no ano seguinte, empregando unha tensión continua de dous mil voltios, conseguía transmitir unha potencia de 1’5 kW a unha distancia de trinta e cinco millas (uns 56 km). A iluminación eléctrica incandescente con corrente continua comezaría entón a utilizarse comercialmente en todo o mundo, competindo dende estas datas cos farois de gas na iluminación pública. Dende aquela sería imparable a continua evolución técnica para poñer a electricidade ao dispor dos cidadáns e a industria.

En 1882, Tomás Alva Edison estabelecía en Pearl Street (Manhattan, Nova York) a primeira central termoeléctrica, subministrando cento dez voltios en corrente continua aos seus primeiros oitenta e cinco clientes, que axiña van verse multiplicados, estendéndose a luz eléctrica a tódolos fogares. Tralo acordo entre Edison e Swan en 1883 e as melloras introducidas por Swan, a lámpada incandescente de filamento de tungsteno, de menor voltaxe, máis luminosidade e maior duración, coñecería dende 1906 a meirande difusión [Bartolomé, 2007: 42].

A situación da electricidade daría o envorco definitivo en 1888, cando o enxeñeiro turinés Galileo Ferraris conseguiu construír o primeiro motor de corrente alterna sen conmutador, o motor de indución, que desenvolverían Nikola Tesla (1888) e Mikhail Dolivo-Dobrovsky (1889), de gran eficiencia e competitivo cos de corrente continua, apto para múltiples usos e que fixo da corrente alterna a forma máis popular da electricidade.

En 1893 poríase en servizo en Redlands (California, EE.UU.) a primeira central hidroeléctrica comercial de corrente alterna trifásica [Edison Tech Center, n.d.]. A central hidroeléctrica de Jaruga (Dalmacia, Croacia) sería dende 1895 a primeira que na Europa subministrase comercialmente corrente eléctrica alterna, e a segunda no mundo [Delimar et al., 2007].

Despois dos experimentos pioneiros da iluminación eléctrica en España, realizados polos boticarios Antonio Casares Rodríguez (1851, Santiago de Compostela), José Simón Castañer (1852, Madrid), Ramón Torres Muñoz (1852, Madrid), e Francisco Domenech Maranges (1852, Barcelona), a industria eléctrica comeza realmente cando o empresario Tomás Dalmau e o enxeñeiro Narciso Xifra constrúen en 1873 na Rambla de Canaletas de Barcelona a primeira central eléctrica española, instalando catro motores de gas de cincuenta cabalos cada un que movían cadansúa máquina Gramme de douscentos voltamperios. Dende aquela aparecerán no país unha serie de iniciativas para a produción e distribución de electricidade e xa contra 1881 e para mellor atender á crecente demanda, Dalmau e Xifra crearían, tamén en Barcelona, a “Sociedad Española de Electricidad”.

Nestes anos contrastaba o vizoso avance das centrais termoeléctricas fronte ao lento progreso das hidroeléctricas, que xurdirían contra 1885 en diversos puntos de España asociadas a pequenos muíños ou industrias manufactureiras que producían para o seu propio consumo e que nalgúns casos chegaban a distribuír a electricidade a vivendas da veciñanza [Sintes e Vidal, 1933]. Sería fundamental a aportación do taller mecánico xerundense “Planas, Flaquer y Cía.”, estabelecido en 1858 e especializada na construción de motores hidráulicos tipo Fontaine-Baron (unha evolución rexistrada en 1840 da turbina Fourneyron de 1827) e que xa en 1860 tiña fabricadas dezanove turbinas, algunha de 80 cabalos de vapor (uns 60 kW) [Orellana, 1860]; dende 1886 a casa “Planas” interviría na adaptación de moitos motores hidráulicos á produción de electricidade e chegaría a ser a primeira empresa española dedicada á fabricación de material eléctrico [Nadal, 1976].

En Galicia, dende o mes de xuño de 1884 a “Sociedad Anglo Española de Electricidad” iluminaba o Arsenal de Ferrol coa electricidade xerada con magneto dínamos do sistema de Charles Francis Brush nunha pequena instalación termoeléctrica [Carmona, 2016:27], e xa contra 1888 comezaría a funcionar en Pontevedra a que sería en Galicia a primeira central de vapor asociada a unha dínamo Brush para a subministración do alumeado público con fluído eléctrico, instalación que sería seguida por outras iniciativas semellantes –unhas termoeléctricas, hidroeléctricas outras– na Coruña (1890), Mondoñedo (1893), Lugo, Ferrol e Santiago (1894), Ponteareas e Ourense (1895), e Vigo, Monforte, Viveiro, Betanzos e Tui (1896) [Carmona e Nadal, 2005].

A precariedade técnica nestes primeiros tempos fai que predominen as instalacións térmicas (con caldeira de carbón e máquina de vapor, unhas, ou con gasóxeno de carbón e motor de gas, outras) sobre as hidráulicas, xa que os promotores non se atrevían a construír as centrais xeradoras máis aló de dous ou tres quilómetros do centro das localidades ás que ían subministrar con corrente continua. Todas estas primitivas centrais eléctricas eran de pequeno tamaño, normalmente non superior aos douscentos cabalos de vapor (uns 150 kW) e principalmente destinadas ao servizo do alumeado público.

Ademais das de iluminación pública, só temos constancia de dúas empresas que posúen nestes primeiros tempos unha central termoeléctrica para o alumeado das súas instalacións, e ámbalas dúas son fábricas téxtiles e as puxeran en marcha contra 1892: “Galicia Industrial”, en Xubia (Neda) (vid. ficha 452), e “La Primera Coruñesa” (vid. ficha 492).
Coa central hidroeléctrica de Porto de Bois (Viloalle, Mondoñedo), unha das primeiras na Península Ibérica (en 1894 entraría en servizo a de Biel en Vila Real, Portugal [Simões, 1982]), a “Electricista Mindoniense” (vid. ficha 486) proveía desde 1893 o alumeado público de Mondoñedo, aproveitando uns 290 litros por segundo nun salto de 14 metros das augas do río Tronceda cunha turbina de 70 cabalos de vapor que arrastraba unha dínamo Oerlikon de 32 quilovatios [Carmona, 2016]. Nos años seguintes subministrarían electricidade de orixe hidráulica “Alumbrado Eléctrico de Lugo” (1894, Acea de Castro Romay, Lugo, vid. ficha 491), “Antonio Sestelo” (1895, Salto de Pardellas, Ponteareas, vid. ficha 488), “Jesús Adrán” (1896, Salto de Vilanova, Monforte, vid. ficha 515) e “José Barro” (1896, Salto de Chavín, Viveiro, vid. ficha 376), en tódolos casos mediante xeradores de corrente continua [Carmona y Nadal, 2005].

O primeiro terzo do século XX coñecería o progreso do desenvolvemento da industria da electricidade en Galicia, cun forte crecemento das instalacións hidráulicas por riba das térmicas, e o comezo da concentración empresarial neste incipiente sector, o que fai que contra 1931 haxa máis de corenta centrais en funcionamento, dezaoito delas cunha potencia instalada superior aos 500 kVA e que sumaban 45.555 kVA nun total da orde dos cincuenta mil quilovatios instalados. O que comezaba a coñecerse como “grupo galego”, formado polas compañías "Sociedad General Gallega de Electricidad" e “Fábricas Coruñesas de Gas y Electricidad” (vid. ficha 155) estruturadas en torno ao Banco Pastor, controlaba neste ano de 1931 o 76% da electricidade vendida en Galicia [Carmona y Nadal, 2005]; ámbalas dúas desenvolverán unha actuación conxunta baixo o control do Banco Pastor ata a súa formal integración en Fenosa en 1955, rematando así o proceso iniciado coas centrais de Segade (vid. ficha 113) e A Fervenza (vid. ficha 189) a comezos do século XX.

En efecto, finalizada a guerra civil española (1936-1939), o proceso de concentración e ampliación do sector eléctrico galego tería un novo e definitivo impulso cando Pedro Barrié de la Maza, á fronte do “Banco Pastor”, constitúe en Vigo o 23 de agosto de 1943 a empresa “Fuerzas Eléctricas del Noroeste” (FENOSA) para eludir os compromisos existentes coa “Electra Popular de Vigo y Redondela” e poder construír no río Limia o encoro das Conchas para a subministración eléctrica á puxante cidade de Vigo. Transcorridos os vinte anos pactados, a “Sociedad General Gallega de Electricidad” e “Fábricas Coruñesas de Gas y Electricidad” integraríanse en FENOSA en 1955.

O mantemento polo Goberno franquista duns prezos da electricidade artificialmente baixos, coa conseguinte descapitalización das empresas produtoras e a imposibilidade de modernización das súas instalacións para dar cumprido servizo aos seus clientes, faría que a meirande parte das pequenas “fábricas da luz” que comezaran a electrificación das aldeas e vilas galegas, foran pouco a pouco abandonándose ou malvendéndose e integrándose en FENOSA ou nalgunha das outras grandes empresas eléctricas, como BEGASA ou IBERDUERO.

Descrición Xeral do Entorno:

A central da “Electra del Jallas” construíuse na ribeira dereita do río Xallas, na aba de levante dos montes de Buxantes, nunha zona onde o río comeza o seu forte descenso en chanzos ata precipitarse polo cadoiro cara a desembocadura na enseada de Ézaro.

Construcción:

1911.

Abandono:

Contra 1978, por non resultar rendible a renovación das instalacións, daquela xa parte dos activos de “Fuerzas Eléctricas del Noroeste, S.A.” (FENOSA). A distribución de electricidade mantería o nome da empresa ata o 31 de outubro do 2012, no que era absorbida por Unión Fenosa Distribución.

Descrición:

Con capitais vascos, creábase o 21 de xullo de 1911 a empresa “Electra del Jallas”, co obxecto social de "el transporte y distribución de energía eléctrica, construcción y mantenimiento de instalaciones de distribución de energía" e a finalidade de distribuír a electricidade polas comarcas de Soneira e Fisterra, pero que cos anos habería de estenderse ata Muros e acercarse a Santiago.

Da central partían as liñas de distribución da corrente eléctrica a vinte mil voltios de tensión, realizadas en cobre de cinco milímetros, con illadores de porcelana sobre postes de madeira. Inicialmente levaban a electricidade ás vilas e aldeas de Cee, Corcubión, O Pindo, Carnota e Muros. A empresa iría despois aumentando a súa área de distribución pola comarca.

En 1926, ante os problemas da subministración da “Eléctrica Cereijo” (vid. ficha 562), a empresa faríase co contrato do alumeado público de Corcubión e Cee, que atendería desde finais dese ano.

O proxecto do aproveitamento do “salto do río Xallas” arrancaba coa construción dunha presa nunha revolta do río, uns oitocentos metros augas abaixo da aldea de Santa Uxía, e setecentos oitenta metros augas arriba da presa que en 1900 levantara a “Hidroeléctrica del Pindo” para alimentar á fábrica de Brens, coñecido como “A Fábrica Vella” (vid. ficha).

A presa alimentaba pola ribeira dereita unha canle de catrocentos vinte e cinco metros de lonxitude ata a cámara de carga, dende a que alimentábase á turbina con uns trinta e dous metros de tubaria de presión. Un salto hidráulico de dezaoito metros e medio proporcionaba unha potencia útil de douscentos vinte cabalos de vapor (170 kW) cun caudal máximo de mil douscentos litros por segundo nunha turbina de reacción tipo Francis de cámara aberta.

En xaneiro de 1931 a meirande parte das accións da “Electra del Jallas” serían adquiridas pola “Sociedad Hidroeléctrica del Pindo”, da que era concelleiro-delegado o tamén director “Sociedad Española de Carburos Metálicos”, o xenovés Eduardo Garrone de Cristoforis, quen sería nomeado vocal patrón suplente do Xurado Mixto de Auga, Gas e Electricidade da Coruña en marzo de 1932 polo entón Director Xeral de Traballo da Segunda República Española, Francisco Largo Caballero. Tra-lo inicio da Guerra Civil Española (18 de xullo de 1936 – 1 de abril de 1939), o xenovés converteríase dende os primeiros momentos en activo e entusiasta militante da Falanxe Española Tradicionalista e das Xuntas Obreiras Nacional Sindicalistas, denunciando a varios dos seus obreiros, que serían condenados a morte e fusilados polo exército rebelde.

O crecemento da demanda forzaría a instalación dun segundo grupo xerador, e na primavera de 1936 unha nova turbina descargábase no porto de Brens. Tras preparar un carromato para o transporte, seis pares de vacas levaron a máquina por A Ameixenda, Cruceiro de Gures, Monte de Banle, A Peneda e Santa Uxía. Uns dez quilómetros de camiños que en moitos tramos houberon de ser acondicionados con pranchas de ferro para soportar o peso do transporte pesado. O comezo da Guerra Civil Española (xullo 1936 – abril 1939) colleu ao transporte na Ameixenda, onde quedaría a máquina agochada ata o remate da contenda. Para baixar a turbina ata a casa de máquinas, preparáronse uns raís e un aparello multiplicador de poleas múltiples (polispasto).

Malia a súa proximidade á central eléctrica, a veciñanza da freguesía de Buxantes no recibiría o fluído eléctrico ata os comezos do decenio de 1950. Co inicio das obras para o embalse de Castrelo, os veciños dos lugares de Xestosa, Anseán e Filgueira deixarían pasar polas súas fincas a canle de alimentación á central a cambio de poder contar con electricidade nas súas vivendas. En 1951 a electricidade chegaría aos lugares da Igrexa, Vilar, A Carballa, Figueiroa, A Casanova, Martín, Cerván, Castro e Busto. A aldea de Miñóns, por medo a que prendera lume nas casas, rexeitou inicialmente o subministro eléctrico, que finalmente tería en 1953. A “luz” non chegaría a O Carboal e Vilar de Paraíso ata o ano 1967.

As accións da empresa serían adquiridas pola “Sociedad Española de Carburos Metálicos”, que sobre o ano 1958, chegaría a un acordo con “Fuerzas Eléctricas del Noroeste” (FENOSA) para poder alimentar e dar servizo ás redes de distribución da electricidade en Carballo e en Noia.

Necesitada da renovación das súas instalacións, a central do Xallas deixaría de funcionar en 1978, coincidindo coa absorción das sociedades “Hidroeléctrica del Pindo” e “Electra del Jallas” por “Fuerzas Eléctricas del Noroeste” (FENOSA). A nova propietaria mantería o nome de “Electra del Jallas” como distribuidora de electricidade ata o 31 de outubro do 2012, da na que sería absorbida pola empresa “Unión Fenosa Distribución”.

A construción pola Sociedade Española de Carburos Metálicos do encoro de Santa Eugenia, rematado a finais de 1988, fixo desaparecer a presa da que se alimentaba a antiga central do Xallas, uns cento cincuenta metros augas arriba da nova presa, e cuxa casa de máquinas aínda pode hoxe en día verse augas abaixo dende a ponte que descorre pola coroación do embalse.

Tempo de uso:

Todo o ano, con algunha interrupción nas estiaxes ou nos anos de fortes secas.

Sistema de produción:

As primeiras “fábricas de luz” en construírse (despois de 1882) foran moitas veces unha sinxela adaptación dunha dínamo de corrente continua na roda hidráulica dun muíño fariñeiro ou papeleiro xa existente. No mellor dos casos, o motor hidráulico da instalación sería a roda horizontal creada co nome de turbina por Benoît Fourneyron en 1827 (comercializada en Francia a partir do 1837) e a súa variante, rexistrada en 1840 como tipo Fontaine-Baron e amplamente utilizada dende aquela polo seu elevado rendemento. Aínda que as limitacións na transmisión da corrente continua non permitisen o seu transporte a distancias significativas, as primitivas centrais hidroeléctricas constituíron a base da electrificación das poboacións próximas ao seu emprazamento.

Naqueles casos en que a enerxía hidráulica resultaba dificilmente accesible, instaláranse centrais termoeléctricas baseadas en motores de gas ou máquinas de vapor, alimentadas en ámbolos dous casos por carbón, consumido no gasóxeno, no primeiro caso, e na caldeira, no segundo.

Pola incerteza do funcionamento das primitivas centrais hidroeléctricas, e a precariedade técnica nestes primeiros tempos, axiña predominaran as instalacións térmicas (máquina de vapor ou motor de gas) sobre as hidráulicas, xa que os promotores non se atrevían a construír as centrais xeradoras máis aló de dous ou tres quilómetros do centro das localidades ás que ían subministrar. Todas eran de pequeno tamaño, en xeral non superior aos douscentos cabalos de vapor (uns 150 kW) e principalmente destinadas ao servizo do alumeado público.

Pronto deseñaríanse e construiríanse instalacións especificamente destinadas á produción de electricidade, e nelas xa o xerador sería de corrente alterna trifásica (dende 1893), cun transformador eléctrico de saída para elevar o nivel de tensión para o transporte económico da enerxía até os puntos de consumo.

Co obxectivo de optimizar a produción de electricidade, as máquinas hidráulicas (turbinas) que accionaban os alternadores serían elixidas consonte as características de caudal e de altura do aproveitamento hidroeléctrico a desenvolver, sendo as máis frecuentes as turbinas de reacción do angloamericano James Bicheno Francis (1849), as turbinas de acción do estadounidense Lester Allan Pelton (1879) e as xa máis modernas turbinas de fluxo axial do austríaco Viktor Kaplan (1913). A este tres tipos fundamentais pódese engadir o da turbina de fluxo cruzado, desenvolvida de maneira independente polo australiano Anthony Michell (1903), o húngaro Donat Banki (1917) e o alemán Fritz Ossberger (1933), que, aínda que ten un rendemento inferior ás anteriores, resulta moi económica e permite traballar con grandes variacións de caudal.

No caso do salto da “Electra del Jallas”, contaría inicialmente (1911) cunha turbina hidráulica de reacción, tipo Francis de cámara aberta, que arrastraría o alternador. A potencia que aparece nos rexistros é de 1.200 CV, pero sen dúbida trátase de un erro; as características do equipamento serían máis ben dunha dotación de mil douscentos litros por segundo e uns douscentos vinte cabalos de potencia. Na renovación e ampliación posterior, acometida en 1936 e rematada na conclusión de Guerra Civil Española (1939), a propiedade adquiriría unha turbina Francis de cámara cerrada, cunha potencia de 592 CV (436 kW) con 18’50 metros de salto, fabricada en Utebo (Zaragoza) por “Maquinaria y Metalurgia Aragonesa, S.A.” (MMA) e posta en servizo en 1940, segundo os datos do catálogo de 1945 da MMA.

A súa relativamente pequena potencia e a baixa rendibilidade polos elevados custos de explotación ao teren que contar continuamente con personal para mantener o funcionamento axustado aos parámetros da demanda, xunto as limitacións técnicas e as dificultades de ampliación para mellorar a competitividade, deixarían a central fora de servizo.

Actividades laborais:

Nos primeiros tempos, o encargado da central, e ás veces un axudante, eran os únicos operarios necesarios para o funcionamento e mantemento das instalacións. Para mellor atender ao servizo día e noite, as centrais desta época tiñan prevista unha casa vivenda para o encargado e a súa familia, completada cunha horta e un galiñeiro para atender á súa mantenza. En caso de proximidade dunha zona habitada, o encargado e a súa familia residían nunha vivenda dos arredores.

Emprego:

Sen datos.

Materias Primas:

Auga.

Produtos Elaborados:

Electricidade.

Distribución e comercialización:

Comarcal.

Referencias Bibliográficas:

Bartolomé Rodríguez, Isabel (2007): “La industria eléctrica en España (1890-1936)”, Estudios de historia económica, nº 50, Madrid: Banco de España. DL M-15409-2008. ISSN 0213-2702.

Bolstorff, H. (1926): “Alumbrado”, Manual del Ingeniero, Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, trad. de la 24ª edición alemana, tomo II. Barcelona: Gustavo Gili, Capítulo VI, p. 936-965.

Carmona Badía, Xoán (2016): La Sociedad General Gallega de Electricidad y la formación del sistema eléctrico gallego (1900-1955), Biblioteca de Historia del Gas, Sabadell: Fundación Gas Natural Fenosa. DL B-21370-2016. ISBN 978-84-617-5114-3.

Carmona Badía, Xoán; Nadal Oller, Jordi (2005): El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Castiñeira Castro, Víctor Manuel (2017): “La llegada de la electricidad: el aprovechamiento de las aguas del río Xallas fue una constante durante el siglo pasado”, La Voz de Galicia (ed. Carballo), 14/02/2017.

Delimar; Marko; Moser, Josip; Szabo, Aleksandar (2007): "First AC Power Systems in Croatia", 2007 Institute of Electrical and Electronics Engineers (IEEE) Conference on the History of Electric Power Schedule/Program [on line] Available at http://www.ieee.org/web/aboutus/history_center/conferences/che2007/prog_comm [Retrieved 10/08/2017].

Edison Tech Center (n.d.): “Dolgeville Hydro Power 1879”, in The Miracle of Electricity and Engineering, Edison Tech Center, Schenectady, New York, U.S.A. [on line] Retrieved August 29, 2001, from http://www.edisontechcenter.org/Dolgeville.html.

Eiroa Millares, Eduardo (2009): “Más de un siglo generando energía”, La Voz de Galicia (ed. Carballo), 08/02/2009.

García Fontenla, Ramón (ed.) (1990): Cien años de luz eléctrica en Galicia, introducción de Domingo García Sabell, Madrid: Unión Fenosa. D.L. M-45870-1990.

Kyser, Herbert (1930): Centrales generadoras de energía eléctrica. Versión directa de la 2ª ed. alemana revisada y ampliada por Manuel Lucini, Barcelona: Editorial Labor.

Lamela García, Luis (2015): “El largo camino del suministro eléctrico en la Costa da Morte. Crónica de la llegada de la luz artificial a los concellos de Soneira y Fisterra”, La Voz de Galicia (ed. Carballo) 04/08/2015.

Minicentrales hidroeléctricas (1989): Estudio coordinado por “Gestión Energética de Galicia, S.A.” (GESTENGA), Santiago de Compostela: Consellería de Industria, Comercio e Turismo da Xunta de Galicia.

Santos Ramos, José (1990): “Electra de Jallas, protagonista en la Costa da Morte”, Cien años de luz eléctrica en Galicia, Ramón García Fontenla (ed.), introd. de Domingo García Sabell, Madrid: Unión Fenosa, p. 61-62. DL M-45870-1990.

Simões, Ilídio Mariz (1982): “As primeiras instalações de produção e distribução de energia eléctrica em Portugal”, Revista Electricidade, núm. 285, Fevereiro 1982, e núm. 288, Abril 1992.

Sintes Olivés, Francisco F.; Vidal Burdils, Francisco (1933): La industria eléctrica en España. Estudio económico-legal de la producción y consumo de electricidad y de material eléctrico, Barcelona: Montaner y Simón.

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 93-III O Pindo // Datum ETRS89: H 29 // X 491.230,11 m / Y 4.751.342,44 m

Centro Nacional de Información Geográfica (s/d): Fotototeca Digital, Instituto Geográfico Nacional, Ministerio de Fomento del Gobierno de España [en línea]. Disponible en internet: http://fototeca.cnig.es/ [Acceso 28 febreiro 2020].

Instituto de Estudos do Territorio (IDE) da Xunta de Galicia (s/d): Información Xeográfica de Galicia: visualizador de mapas [en liña]. Dispoñible na Internet: http://mapas.xunta.es/visualizador-de-mapas [Acceso 27 agosto 2019].

Instituto Geográfico Nacional (s/d): Serie MTN25 (Mapa Topográfico Nacional 1:25.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional25.jsp? [Acceso 9 abril 2014].

Xunta de Galicia (Consellería do Medio Rural) (s/d): Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícola (SixPac): visor de mapas [en liña]. Dispoñible na Internet: http://sixpac.xunta.es/visorsixpac/ [Acceso 4 outubro 2015].

Data de Actualización:

31 marzo 2020