573 Fábrica de Langhaño

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: A Coruña
  • Concello: Outes
  • Parroquia: San Cosme de Outeiro
  • Lugar: Rates
  • Paraxe: Punta de Langhaño
  • Dirección: Non procede
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.82524626976448
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.900438429946899
  • Coordeadas UTM: Datum ETRS89: H 29 // X 508.120,68 m / Y 4.741.430,25 m
  • Clasificación: Serradoiro de madeira
  • CNAE: 16.10 Serrado e cepillado da madeira.
  • Tipoloxía: Accionado por máquina de vapor (despois, por motor eléctrico)
  • Comarca: Noia
  • Marco Xeográfico: Ribeira dereita do esteiro do río de Entíns (ou Tines) na súa xunta coa desembocadura do río Tambre, na marxe dereita da súa des
  • Ámbito: Rural e mariñeiro
  • Acceso: Dende Santiago de Compostela dirixímonos pola autovía CG-1.5 (ou a estrada AC-543) cara a Noia, e continuaremos pola estrada AC-550 e a AC-554 cara a Muros. Apartaremos no intercambiador de Lagoa para chegar a Rates por Viro, e continuamos ata a punta de Langhaño, onde, pasando baixo a ponte da estrada, atópase o serradoiro.

Tipo de propiedade:

Privada no dominio público marítimo terrestre.

Visitable:

Exteriormente

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

Conta a mitoloxía grega que a serra fora inventada por Perdix, a quen o seu tío, Dédalo, lle aprendera as artes mecánicas. Nunha abraiante mostra do seu enxeño, Perdix imitou as espiñas dun esqueleto de peixe nunha lámina de ferro, inventando a serra. Con todo, o máis verosímil e que se observase que un coitelo resultase nalgúns casos máis eficaz triscado (“mellado”) que ben afiado.

Alén diso, no verán do ano 2005, no campo de tumbas de Hierápolis (Pamukkale, Turquía), identificábase no sartego de Marco Aurelio Amiano, datado na metade do século III d.C., un baixo relevo representando unha roda hidráulica accionando dúas serras de cortar pedra, a mostra máis antiga coñecida do mecanismo de biela e manivela, que converte un movemento circular nun movemento rectilíneo alternativo.

Da época tardo romana (século VI) descubríronse tamén restos de serras mecánicas de pedra en Gerasa (Gilead, Jordania) e en Éfeso (Ayasaluk, Turquía). É posible que tamén o sexan uns restos do século II atopados en Augusta Raurica (Augst, Basilea, Suiza).

Esta antiga e incipiente mecanización, que coñecería tamén aplicación na elaboración de táboas de madeira, viría aliviar as incomodidades dos serranchíns no seu fatigoso traballo, totalmente manual, e os serradoiros hidráulicos espallaríanse por todo o mundo civilizado.

Ata a mecanización, o serrado da madeira facíase por dous homes, que ían percorrendo o país, deténdose nos lugares nos que atopaban traballo. Tralo tallado da árbore e o escascado, careábase o tronco, dándolle catro caras, e procedíase ao serrado para obter as táboas, que se deixarían despois a secar amoreadas en castelos. Xa secas, pasarán ás mans dos carpinteiros para a súa utilización ou traballado.

Os serranchíns itinerantes foron desaparecendo co estabelecemento das serras mecánicas, unhas movidas pola forza da auga, outras accionadas por máquina de vapor, motor de gasolina ou motor eléctrico. Levábanse entón os troncos a serrar nas fábricas, nas que tamén quedaban a secar, ao aire ou en cámaras de secado nas que se introduce aire quente para acelerar e mellorar o proceso.

Os primeiros serradoiros mecánicos eran accionados pola auga dun curso fluvial, que facía virar unha roda a partir da cal convertíase o movemento circular nun movemento rectilíneo alternativo por medio do mecanismo coñecido como biela manivela. En España comezaron a empregarse dende a primeira metade do século XII para serrar troncos de madeira e convertelos en puntais e táboas para diversas aplicacións. Os serradoiros máis sinxelos tiñan unha serra simple, namentres que os máis complexos dispuñan de serras, tornos e cepilladoras que se accionaban combinando rodas e correas de transmisión.

As máquinas de vapor foron introducidas en España de 1725 en diante, procedentes de Inglaterra. A introdución da máquina de vapor en Galicia veu da man do enxeñeiro Rafael Clavijo e o mestre Andrés Antelo, coa posta en marcha, en 1796, dunha máquina atmosférica tipo Newcomen para o achique da auga do dique de carenas do Arsenal de Ferrol. Froito de iniciativas públicas e privadas, ata 1808 importáranse en España non máis de unha decena de máquinas de vapor inglesas, pero a Guerra de Independencia (1808-1814) supuxo un freo no incipiente proceso de modernización iniciado nas últimas décadas do século XVIII. A partir de 1814 retomaríase a importación de máquinas de vapor, aínda que non acadaría certa importancia até a década de 1830.

Na década de 1840 o Arsenal incorporaría unha serra movida a vapor, e a definitiva implantación desta tecnoloxía en España tería lugar da man de dúas grandes empresas barcelonesas: a dos irmáns escoceses Thomas e David Alexander (1849) e “La Maquinista Terrestre y Marítima” (1855) de Valentín Esparó, as que so se compararía naqueles anos a sevillana “Portilla, White y Cía.” (1857). Coa posta en marcha no Arsenal de Ferrol en 1855 da nova Factoría de Máquinas, comezaría a construción de máquinas de vapor mariñas de ata 500 CV, das que en 1858 sairía a primeira construída en España.

As primeiras serras de auga constrúense en Galicia na década de 1830; estes innovadores artefactos mecánicos para a serrado mecánico da madeira aparecen no sur da provincia de Pontevedra (vid. ficha 361 Serra dos Carranos), para o abasto da crecente demanda na construción e no envasado da sardiña salgada na área de Vigo.

Os primeiros serradoiros mecánicos movidos por máquina de vapor serán inicialmente un fenómeno urbano que, a partir de 1850, vai desenvolverse paseniño na Coruña, Vigo e Ferrol. Pero é dende a década de 1880 cando se produce o verdadeiro desenvolvemento do sector mecánico na primeira transformación da madeira. Ademais, a aparición de novos elementos de demanda vai orientarse ao piñeiro galego, no canto das frondosas tradicionais.

Primeiro foron os troncos de piñeiro para apuntalar as minas de carbón, que abastecían como frete de retorno aos buques que traían hulla dos portos galeses de Cardiff e Swansea, e do inglés de Newcastle-upon-Thyne. Pero vai ser de meirande importancia o subministro de madeira para caixas, caixóns e embalaxe de mercadorías varias.

A táboa e o cadrado de piñeiro abastecían dende a década de 1860 ás industrias de Málaga e Almería que producían táboa pequena e fina (tablilla) e elaboraban caixas para o envío de uva pasa a Inglaterra. Madeira de primeira serra servía tamén á industria galega de salga en diferentes portos do país.
A crecente demanda de táboa e táboa pequena para as industrias marítimas, levou a que un grupo de industriais vigueses establecera en 1879 “La Industrial Hispano Portuguesa”, para a provisión da madeira para envases do sector pesqueiro, serrada pola nova empresa con máquina de vapor no Areal de Vigo. Nos anos seguintes, co mesmo obxectivo, van instalarse na área viguesa outros serradoiros de vapor, aínda que venderán tamén “tablilla” aos exportadores malagueños e almerienses.

Tres anos despois, en 1882, os irmáns Candeira instalaban en Camposancos (A Guarda) as primeiras serras mecánicas a vapor para a elaboración de táboa miúda. Alí, na desembocadura do río Miño, chegaban río abaixo os troncos galegos e portugueses que se enviaban aos portos andaluces para o seu transformado. Unha nova riqueza vai quedar agora na comarca, e pronto se instalarán na zona máis serras, que converterán ao Baixo Miño nunha das áreas pioneiras nesta industria.

Tralas primeiras serras mecánicas a vapor, viguesas e miñotas, outras industrias de serra van espallarse por toda a Galicia atlántica no primeiro terzo do século XX, cunha meirande concentración no sur da provincia de Pontevedra, na bacía ourensá do río Miño, e na área costeira que vai de Ponteceso a Ferrol, convertendo a rexión na primeira produtora española de táboa e táboa miúda para envases.

No informe de Cosme Fernández Soler sobre a economía da provincia de Pontevedra en 1888, recollía a existencia de tres serradoiros, dous accionados por vapor e un terceiro movido por unha cabalería, admitindo a existencia de máis serradoiros, “no contabilizados porque están escondidos al fisco”. En 1895 xa se contaban vinte e un serradoiros na provincia de Pontevedra e cinco na da Coruña, cifras que en 1905 subiron a cincuenta e catro e trinta e sete, respectivamente. Algúns serradoiros do Condado e do Baixo Miño contaban daquela con máis de unha ducia de serras instaladas.

A Gran Guerra (Primeira Guerra Mundial, 1914-1918), coa supresión das importacións de madeira foránea e unha forte subida dos prezos, provocou a expansión dos serradoiros. O remate da guerra abriría unha época difícil, caracterizada polos intentos de concentración que buscaban superar o minifundismo do sector.

Resultado dos esforzos de concentración cabe citar “Serrerías del Miño” (1927, A Guarda, vid. ficha 350), “Aserradora Gallega” (Catoira), “Serrerías Gallegas” (1929, Carril, vid. ficha 468), “Lantero e Hijos” (Vilagarcía, vid. ficha 501) e “Unión Industrial Maderera” (1930, Cedeira, vid. ficha 561).
Contra 1933, eran 495 os serradoiros galegos con serra de cinta que pagaban a contribución industrial, e, coa súa demanda de piñeiro autóctono, dinamizaban a explotación dos montes do país.

O sector da serra, cunha excesiva especialización na primeira transformación da madeira, con apenas valor engadido, enfiaría un forte proceso de reestruturación a partir da década de 1940, do que xurdiría o sector dos taboleiros fabricados, primeiro, por agregación de chapas de madeira natural encoladas, o contra chapado (Peninsular Maderera, en Ferrol, 1945), e despois, a partir de madeira triturada, encolada e prensada, o aglomerado (Tafisa, en Pontevedra, 1958).

A “Peninsular Maderera” desaparecería en 1976, pero a pioneira experiencia de Tafisa tería unha brillante continuidade cun pequeno grupo de empresas dedicadas á fabricación de taboleiros madeira aglomerada, de partículas, de fibras, e de fibras de media densidade: Finsa (Pontecesures, 1963, vid. ficha 565), Ecar (Mondoñedo, 1964, vid. ficha 535), Losan (Curtis, 1965), e outras ata sumar once establecementos en Galicia, a metade dos existentes en España.

Descrición Xeral do Entorno:

A fábrica situárase na ribeira dereita do esteiro do río Tins na enseada de Langhaño, xa na súa xunta coa desembocadura do río Tambre na marxe dereita da ría de Muros e Noia, nun lugar ben propicio para recibir a abundante madeira dos bosques próximos por vía marítima, e igualmente apropiado para a expedición polo mar da madeira cortada.

Construcción:

Contra 1918.

Abandono:

No ano 2004 aínda tiñan moreas de castelos de táboas a secar. A actividade cesou practicamente coa construción da Ponte de Langhaño.

Descrición:

Comecemos por clarexar que o topónimo Langaño, Langhaño ou Lancaño fora erradamente transcrito ao castelán como “El Engaño” e noutra volta traducido ao galego como “O Engano”; cousas da desidia. E o río de Entíns, figura na cartografía como Tines.

Consonte recolle Llovo (2016: 84), o coñecido como Serradoiro de Rates ou Fábrica de Langhaño fora estabelecido contra 1918 por Eugenio Atán, Manuel Campos e Manuel Lema, incorporándose posteriormente á sociedade Ramón Alborés.

Xa no decenio de 1930 as instalacións serían arrendadas á empresa viguesa “Candeira y Esténs” (vid. ficha 350), que transportaría as táboas xa preparadas e secas as súas instalacións en Vigo.

Retornado de América, o mestre carpinteiro Francisco Cerzón Villaverde mercaría a parte de Manuel Campos, e anos despois, o seu neto Francisco Viña Cerzón quedaría como único propietario ao herdar e mercar as partes dos demais socios.

As instalacións aproveitaríanse para a construción de media ducia de botes e algunha motora, sen que chegase a converterse propiamente nunha carpintaría de ribeira.

O brúo da sirena do serradoiro –sempre chamado “a fábrica”– coa posta en marcha da máquina de vapor marcaba a hora da entrada e da saída dos traballadores, e facía as veces de reloxo sonoro para as xentes da comarca, que acompasaban os seus ritmos aos dos alí empregados.

Nos primeiros tempos, as serras estarían accionadas por unha máquina de vapor, que sería substituída por motores eléctricos no decenio de 1930.

A cheminea figura no Plan Xeral de Ordenación Municipal de Outes co nivel de protección integral, cun área de respecto de cincuenta metros arredor. A proximidade da nova ponte sobre o esteiro acabou coa beleza recollida do lugar.

O serradoiro acomodouse na Punta de Langhaño, sobre unha plataforma de uns oito mil catrocentos metros cadrados preparada ao efecto na ribeira dereita do esteiro de río Entíns (ou Tines), cun recheo de cachotería, lousa e terra compactada, co perfil do perímetro irregular de máis de douscentos cincuenta metros que ten de cara ao esteiro e á enseada perfectamente definido por pezas de cantearía.

A plataforma remata polo levante nunha punta que ten a súa continuación nun petón artificial a xeito de pilastra construída a uns catro metros de distancia, case no leito do río. Coa marea baixa, unha pasarela entre terra e o petón facilitaba os embarques e desembarques nas embarcacións.

Contra o bosque de piñeiros, a carón da cheminea, unha construción de planta cadrada de dez metros de lado acollía a caldeira e a máquina de vapor. Despois, dúas naves lonxitudinais iguais, arrimadas unha a outra, de vinte metros de largo e dez metros de ancho cada unha, con cadansúa cuberta a dúas augas acollían as serras e a maquinaria auxiliar. Na explanada fronte e arredor das construcións, os castelos formados coas táboas coidadosamente amoreadas postas a secar.

Tempo de uso:

Todo o ano, aínda que as árbores se cortasen preferentemente no inverno.

Sistema de produción:

Un serradoiro é unha instalación, mecanizada ou artesanal, dedicada ao serrado da madeira e, ás veces, tamén ao seu secado. Son industrias de primeira transformación da madeira que proveen de produtos semi-acabados ás industrias de segunda transformación (carpintería, ebanistería, construción) encargadas da fabricación de obxectos ou partes de obxectos de consumo.

Os serranchíns, por canto traballan coa madeira, pódense considerar coma unha caste de carpinteiros, mais non adoitan a seren así considerados xa que limítanse á preparación do material con que han traballar os carpinteiros, diferenciación semellante á que se fai entre os pedreiros e os canteiros.

O primitivo traballo de serra facíase por dous homes que ían percorrendo o país, deténdose nos lugares nos que atopaban traballo. Aínda que non sempre, o seu traballo podía comezar polo tallado da árbore, tralo que levábase á casa do propietario. Unha vez escascado coas machadas, o tronco careábase, tamén a machetadas, dándolle unha forma máis ou menos prismática de catro caras.

Marcado o tronco para facer as táboas, púñase un cabo del no burro, quedando o outro no aire; entón, un dos serranchíns axeonllábase baixo del, namentres o outro rubía ao pao coa serra e comezaban o traballo, alternándose un e outro no posto ocupado.

O corte mantense aberto coas tillas, e cando chega ao burro, sen soltar totalmente a táboa, comézase outra, e a seguinte, até rematar. Rematada a serra, baixase o pau ao chan e vanse tirando as táboas, rachando o anaco do cabo que as mantén xunguidas.

As táboas póñense entón unhas riba doutras, aos pares, e apoiadas nos extremos para que sequen sen empenar (curvarse ou torcerse), formando torres ou castelos de táboas estibadas en pías, que pasarán varios meses ao aire para o secado da madeira. Xa secas, pasarán ás mans dos carpinteiros para a súa utilización ou traballado.

Os serranchíns itinerantes foron desaparecendo co estabelecemento das serras mecánicas, unhas movidas pola forza da auga, outras accionadas por máquina de vapor, motor de gasolina ou motor eléctrico. Coa modificación do serrado, saía máis a conta levalos troncos a serrar nas fábricas, nas que despois quedarían tamén a secar, ao aire ou en cámaras de secado nas que se introduce aire quente para acelerar e mellorar o proceso.

Os primeiros serradoiros mecánicos eran accionados pola auga dun curso fluvial, que facía virar unha roda a partir da cal convertíase o movemento circular nun movemento rectilíneo alternativo por medio do mecanismo coñecido como biela manivela. A dependencia do curso fluvial para a localización do serradoiro viña compensada pola posibilidade de empregalo para o transporte dos troncos de madeira, e mesmo dar saída aos puntais e táboas elaborados. Os serradoiros máis sinxelos tiñan unha serra simple, e os máis complexos dispuñan ademais de serras, tornos e cepilladoras, accionados tamén hidraulicamente combinando rodas e correas de transmisión.

As primeiras serras de movemento alternativo ou de vaivén foron superadas polas serras de cinta, ou serras sen fin, dotadas dunha longa folla dentada de metal flexible, dobrada e unida polos estremos como unha correa de transmisión, que pasa por dous tambores que a manteñen tirante e a arrastran ao xirar, producíndose o corte polo continuo deslizar da serra sobre a peza a cortar.

As “serras de vapor” tiñan a vantaxe adicional de empregar, cando menos parcialmente, os seus propios residuos de proceso como combustible (casca, costeiros, tacos, serraduras). Por outra banda, a técnica era ben sinxela e barata, xa que, superadas as serras de vaivén, reducíase ao emprego dunha serra de cinta, malia que contra a década de 1920 os serradoiros de maior tamaño contaran tamén coas máis custosas serras de carro.

Abandonadas as primitivas serras alternativas (de bastidor e vaivén), ademais das sinxelas serras de cinta (ou sen fin), empréganse serras circulares, serras de tambor (que resultan de acoplar varias serras circulares nunha árbore común) e serras de cadea. A serra (a folla de ferro co fío dentado) pode telos dentes triscados ou sen triscar (nesta, cada dente produce, por si mesmo, o ancho total do suco).

Para completar o traballo de serrado, algúns serradoiros completaban a dotación mecánica con acepilladoras (de arranque de labras e de abrasión), máquinas de por ao groso, tornos, barrenos, fresas, e demais útiles propios da carpintería.

As “serras de vapor” irían sendo substituídas polas serras eléctricas, pero moi lentamente, tanto pola precariedade do subministro de electricidade, como pola economía que supuña o aproveitamento dos seus propios residuos.

Actividades laborais:

A actividade dos serranchíns tradicionais (a meirande parte deles do veciño Portugal) era sempre itinerante, desprazándose en parellas, acompañados ás veces por un axudante para cargar coa ferramenta, polos lugares nos que se contrataba o seu traballo. Nos sistemas de produción modernos, as árbores lévanse a cortar e secar nas fábricas, nas que as serras son accionadas mecanicamente.

Emprego:

No serradoiro de Rates traballaron homes e mulleres, sen que polo de agora dispoñamos de datos do seu número.

Materias Primas:

Madeira (principalmente Pinus pinaster, o piñeiro galego).

Produtos Elaborados:

Tronco limpo, táboas, táboa pequena e fina (tablilla) para envases, ademais de doelas para todo tipo de envases (cascos, barrís, pipotes), travesas e puntais de mina.

Distribución e comercialización:

Rexional.

Referencias Bibliográficas:

Carmona Badía, Xoán; Nadal Oller, Jordi (2005): El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

García Suárez, Xoán Francisco (2008): A carpintería de ribeira e os estaleiros no Concello de Outes. Noia: Toxosoutos. DL C-3746-2008. ISBN 978-84-96673-69-4.

Llovo Taboada, Santiago (2016): Mar de Outes: berce dos carpinteiros de ribeira galegos. Santiago de Compostela: Meubook. DL C-1310-2016. ISBN 978-84-945744-2-9.

Lorenzo Fernández, Xaquín (1962): “Etnografía: cultura material. Os oficios: Serranchíns”, Historia de Galiza, Ramón Otero Pedrayo (dir.), Buenos Aires: Editorial Nós, vol. II, O home-II, p. 472-476.

Lorenzo Fernández, Xaquín (1983): “Serranchíns”, Os oficios, Biblioteca Básica da Cultura Galega, Vigo: Editorial Galaxia, p. 12-18. DL VG-18-1983. ISBN 84-7154-425-3.

Nuere Matauco, Enrique (2008): “Las estructuras de madera en la época medieval”, Ars Mechanicae: ingeniería medieval en España, Pedro Navascués Palacio (coord.), Ministerio de Fomento (CEDEX-CEHOPU) y Fundación Juanelo Turriano, Madrid, p. 131-141. DL 46232-2008. ISBN 978-84-7790-470-0.

Rambuscheck, O. (1926): “Máquinas de trabajar la madera”, Manual del Ingeniero, Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, trad. de la 24ª edición alemana. Barcelona: Gustavo Gili, tomo II, capítulo III: Máquinas operadoras, sección I: Máquinas-herramienta, apartado B, p. 437-443.

Rico Boquete, Eduardo (1993): A riqueza forestal de Galicia no século XX: producción e explotación, Tesis doctoral, dirigida por el Profesor Ramón Villares Paz, inédita.

Rico Boquete, Eduardo (2014): “La industria del aserrío mecánico en Galicia, 1856-1935”, Historia Agraria, 62, Abril 2014, p. 83-116. ISSN 1139-1472.

Taboada Arceo, Antonio (1971): Galicia, estructura y ritmo socio-económicos. La Coruña: Servicio de Estudios y Publicaciones de las Cámaras Oficiales de Comercio, Industria y Navegación de Galicia. DL C-145-1971.

Xunta de Galicia (2007-2011): Plan de Ordenación do Litoral [en línea]. Disponible na Internet: http://www.xunta.es/litoral [Acceso 31 marzo 2020].

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 119-II Noia // Datum ETRS89: H 29 // X 508.120,68 m / Y 4.741.430,25 m

Centro Nacional de Información Geográfica (s/d): Fotototeca Digital, Instituto Geográfico Nacional, Ministerio de Fomento del Gobierno de España [en línea]. Disponible en internet: http://fototeca.cnig.es/ [Acceso 31 marzo 2020].

Instituto de Estudos do Territorio (IDE) da Xunta de Galicia (s/d): Información Xeográfica de Galicia: visualizador de mapas [en liña]. Dispoñible na Internet: http://mapas.xunta.es/visualizador-de-mapas [Acceso 31 marzo 2020].

Instituto Geográfico Nacional (s/d): Serie MTN25 (Mapa Topográfico Nacional 1:25.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional25.jsp? [Acceso 9 abril 2014].

Instituto Hidrográfico de la Marina (1964): De Cabo de la Nave a la Isla Sálvora. Océano Atlántico Norte. Costa NW de España. Carta 926, con levantamientos no datados y correcciones hasta 1976. Cádiz: Talleres del Instituto Hidrográfico de la Marina. DL CA-1427-1972.

Xunta de Galicia (Consellería do Medio Rural) (s/d): Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícola (SixPac): visor de mapas [en liña]. Dispoñible na Internet: http://sixpac.xunta.es/visorsixpac/ [Acceso 31 marzo 2020].

Data de Actualización:

2 abril 2020