575 Eléctrica de Pantón

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: Lugo
  • Concello: Carballedo
  • Parroquia: San Pedro de Erbedeiro
  • Lugar: Paradela
  • Paraxe: Fábrica da luz
  • Dirección: Non procede
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.52749933409856
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -7.719311596984864
  • Coordeadas UTM: Datum ETRS89: H 29 // X 605.270,49 m / Y 4.709.145,93 m
  • Clasificación: Central hidroeléctrica
  • CNAE: 35.15 Produción de enerxía hidroeléctrica.
  • Tipoloxía: Turbina hidráulica tipo Pelton
  • Comarca: Chantada
  • Marco Xeográfico: Ribeira esquerda do Rego de Fondós, nas gorxas próximas á súa desembocadura pola marxe dereita do río Miño.
  • Ámbito: Rural
  • Acceso: Sairemos de Ourense pola estrada nacional N-120, cara a Monforte de Lemos. A uns dezasete quilómetros apartaremos pola dereita pola vella estrada nacional N-120a, cara a Os Peares, e continuaremos ata a tosta do embalse dos Peares, cruzándoa para o outro lado do río. Alí enfiamos pola dereita a carreteira LU-P-1801 cara a Chantada e seguimos, sempre á beira do río Miño, ata a aldea de Paradela. Dende a aldea poderemos baixar camiñando ata atopar a ponte que permitía atravesar o rego de Fondós para chegar á central eléctrica, hoxe baixo as augas do río.

Tipo de propiedade:

Privada

Visitable:

Quedou asolagada a finais do outubro de 1952, coa subida das augas ao encher o embalse de Os Peares.

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

De entre todas as experiencias dos numerosos investigadores pioneiros ó redor da electricidade (Franklin, Coulomb, Galvani, Volta, Rumford, Ampère), no que aquí nos ocupa, dúas delas resultan de singular transcendencia: en 1800, o arco eléctrico de Humphry Davy, que abriría o camiño á iluminación con enerxía eléctrica; e en 1831 o xerador eléctrico de Michael Faraday, que daría paso ao uso da electricidade sen necesidade de recorrer á amoladura das pilas voltaicas.

Cara a 1870 o enxeñeiro belga Zénobe Théophile Gramme construía a primeira máquina comercial xeradora de corrente continua, a dínamo de Gramme, que permitía a conversión da enerxía mecánica en enerxía eléctrica. A Exposición Universal de Viena de 1873, coas súas pilas, xeradores e espectaculares arcos voltaicos, sería o primeiro escaparate mundial da electricidade.

Continuador con vantaxe de anteriores experiencias, Thomas Alva Edison presentaba no outono de 1879 o prototipo das modernas fontes de iluminación, unha lámpada de incandescencia que, grazas ás súas innovacións, alumaba sen fundirse durante… corenta e oito horas seguidas.

Todos estes avances verían a súa culminación na Exposición Universal de París de 1881, na que, ademais de exhibirse a lámpada incandescente de Thomas Edison, o enxeñeiro francés Marcel Deprez presentaba como resultado dos seus experimentos a posibilidade de transmitir a electricidade a varios centenares de metros de distancia. A experiencia coñecería a maior difusión cando no ano seguinte, empregando unha tensión continua de dous mil voltios, conseguía transmitir unha potencia de 1’5 kW a unha distancia de trinta e cinco millas (uns 56 km). A iluminación eléctrica incandescente con corrente continua comezaría entón a utilizarse comercialmente en todo o mundo, competindo dende estas datas cos farois de gas na iluminación pública. Dende aquela sería imparable a continua evolución técnica para poñer a electricidade ao dispor dos cidadáns e a industria.

En 1882, Tomás Alva Edison estabelecía en Pearl Street (Manhattan, Nova York) a primeira central termoeléctrica, subministrando cento dez voltios en corrente continua aos seus primeiros oitenta e cinco clientes, que axiña van verse multiplicados, estendéndose a luz eléctrica a tódolos fogares. Tralo acordo entre Edison e Swan en 1883 e as melloras introducidas por Swan, a lámpada incandescente de filamento de tungsteno, de menor voltaxe, máis luminosidade e maior duración, coñecería dende 1906 a meirande difusión [Bartolomé, 2007: 42].

A situación da electricidade daría o envorco definitivo en 1888, cando o enxeñeiro turinés Galileo Ferraris conseguiu construír o primeiro motor de corrente alterna sen conmutador, o motor de indución, que desenvolverían Nikola Tesla (1888) e Mikhail Dolivo-Dobrovsky (1889), de gran eficiencia e competitivo cos de corrente continua, apto para múltiples usos e que fixo da corrente alterna a forma máis popular da electricidade.

En 1893 poríase en servizo en Redlands (California, EE.UU.) a primeira central hidroeléctrica comercial de corrente alterna trifásica [Edison Tech Center, n.d.]. A central hidroeléctrica de Jaruga (Dalmacia, Croacia) sería dende 1895 a primeira que na Europa subministrase comercialmente corrente eléctrica alterna, e a segunda no mundo [Delimar et al., 2007].

Despois dos experimentos pioneiros da iluminación eléctrica en España, realizados polos boticarios Antonio Casares Rodríguez (1851, Santiago de Compostela), José Simón Castañer (1852, Madrid), Ramón Torres Muñoz (1852, Madrid), e Francisco Domenech Maranges (1852, Barcelona), a industria eléctrica comeza realmente cando o empresario Tomás Dalmau e o enxeñeiro Narciso Xifra constrúen en 1873 na Rambla de Canaletas de Barcelona a primeira central eléctrica española, instalando catro motores de gas de cincuenta cabalos cada un que movían cadansúa máquina Gramme de douscentos voltamperios. Dende aquela aparecerán no país unha serie de iniciativas para a produción e distribución de electricidade e xa contra 1881 e para mellor atender á crecente demanda, Dalmau e Xifra crearían, tamén en Barcelona, a “Sociedad Española de Electricidad”.

Nestes anos contrastaba o vizoso avance das centrais termoeléctricas fronte ao lento progreso das hidroeléctricas, que xurdirían contra 1885 en diversos puntos de España asociadas a pequenos muíños ou industrias manufactureiras que producían para o seu propio consumo e que nalgúns casos chegaban a distribuír a electricidade a vivendas da veciñanza [Sintes e Vidal, 1933]. Sería fundamental a aportación do taller mecánico xerundense “Planas, Flaquer y Cía.”, estabelecido en 1858 e especializada na construción de motores hidráulicos tipo Fontaine-Baron (unha evolución rexistrada en 1840 da turbina Fourneyron de 1827) e que xa en 1860 tiña fabricadas dezanove turbinas, algunha de 80 cabalos de vapor (uns 60 kW) [Orellana, 1860]; dende 1886 a casa “Planas” interviría na adaptación de moitos motores hidráulicos á produción de electricidade e chegaría a ser a primeira empresa española dedicada á fabricación de material eléctrico [Nadal, 1976].

En Galicia, dende o mes de xuño de 1884 a “Sociedad Anglo Española de Electricidad” iluminaba o Arsenal de Ferrol coa electricidade xerada con magneto dínamos do sistema de Charles Francis Brush nunha pequena instalación termoeléctrica [Carmona, 2016:27], e xa contra 1888 comezaría a funcionar en Pontevedra a que sería en Galicia a primeira central de vapor asociada a unha dínamo Brush para a subministración do alumeado público con fluído eléctrico, instalación que sería seguida por outras iniciativas semellantes –unhas termoeléctricas, hidroeléctricas outras– na Coruña (1890), Mondoñedo (1893), Lugo, Ferrol e Santiago (1894), Ponteareas e Ourense (1895), e Vigo, Monforte, Viveiro, Betanzos e Tui (1896) [Carmona e Nadal, 2005].

A precariedade técnica nestes primeiros tempos fai que predominen as instalacións térmicas (con caldeira de carbón e máquina de vapor, unhas, ou con gasóxeno de carbón e motor de gas, outras) sobre as hidráulicas, xa que os promotores non se atrevían a construír as centrais xeradoras máis aló de dous ou tres quilómetros do centro das localidades ás que ían subministrar con corrente continua. Todas estas primitivas centrais eléctricas eran de pequeno tamaño, normalmente non superior aos douscentos cabalos de vapor (uns 150 kW) e principalmente destinadas ao servizo do alumeado público.

Ademais das de iluminación pública, só temos constancia de dúas empresas que posúen nestes primeiros tempos unha central termoeléctrica para o alumeado das súas instalacións, e ámbalas dúas son fábricas téxtiles e as puxeran en marcha contra 1892: “Galicia Industrial”, en Xubia (Neda) (vid. ficha 452), e “La Primera Coruñesa” (vid. ficha 492).

Coa central hidroeléctrica de Porto de Bois (Viloalle, Mondoñedo), unha das primeiras na Península Ibérica (en 1894 entraría en servizo a de Biel en Vila Real, Portugal [Simões, 1982]), a “Electricista Mindoniense” (vid. ficha 486) proveía desde 1893 o alumeado público de Mondoñedo, aproveitando uns 290 litros por segundo nun salto de 14 metros das augas do río Tronceda cunha turbina de 70 cabalos de vapor que arrastraba unha dínamo Oerlikon de 32 quilovatios [Carmona, 2016]. Nos años seguintes subministrarían electricidade de orixe hidráulica “Alumbrado Eléctrico de Lugo” (1894, Acea de Castro Romay, Lugo, vid. ficha 491), “Antonio Sestelo” (1895, Salto de Pardellas, Ponteareas, vid. ficha 488), “Jesús Adrán” (1896, Salto de Vilanova, Monforte, vid. ficha 515) e “José Barro” (1896, Salto de Chavín, Viveiro, vid. ficha 376), en tódolos casos mediante xeradores de corrente continua [Carmona y Nadal, 2005].

O primeiro terzo do século XX coñecería o progreso do desenvolvemento da industria da electricidade en Galicia, cun forte crecemento das instalacións hidráulicas por riba das térmicas, e o comezo da concentración empresarial neste incipiente sector, o que fai que contra 1931 haxa máis de corenta centrais en funcionamento, dezaoito delas cunha potencia instalada superior aos 500 kVA e que sumaban 45.555 kVA nun total da orde dos cincuenta mil quilovatios instalados. O que comezaba a coñecerse como “grupo galego”, formado polas compañías "Sociedad General Gallega de Electricidad" e “Fábricas Coruñesas de Gas y Electricidad” (vid. ficha 155) estruturadas en torno ao Banco Pastor, controlaba neste ano de 1931 o 76% da electricidade vendida en Galicia [Carmona y Nadal, 2005]; ámbalas dúas desenvolverán unha actuación conxunta baixo o control do Banco Pastor ata a súa formal integración en Fenosa en 1955, rematando así o proceso iniciado coas centrais de Segade (vid. ficha 113) e A Fervenza (vid. ficha 189) a comezos do século XX.

En efecto, finalizada a guerra civil española (1936-1939), o proceso de concentración e ampliación do sector eléctrico galego tería un novo e definitivo impulso cando Pedro Barrié de la Maza, á fronte do “Banco Pastor”, constitúe en Vigo o 23 de agosto de 1943 a empresa “Fuerzas Eléctricas del Noroeste” (FENOSA) para eludir os compromisos existentes coa “Electra Popular de Vigo y Redondela” e poder construír no río Limia o encoro das Conchas para a subministración eléctrica á puxante cidade de Vigo. Transcorridos os vinte anos pactados, a “Sociedad General Gallega de Electricidad” e “Fábricas Coruñesas de Gas y Electricidad” integraríanse en FENOSA en 1955.

O mantemento polo Goberno franquista duns prezos da electricidade artificialmente baixos, coa conseguinte descapitalización das empresas produtoras e a imposibilidade de modernización das súas instalacións para dar cumprido servizo aos seus clientes, faría que a meirande parte das pequenas “fábricas da luz” que comezaran a electrificación das aldeas e vilas galegas, foran pouco a pouco abandonándose ou malvendéndose e integrándose en FENOSA ou nalgunha das outras grandes empresas eléctricas, como BEGASA ou IBERDUERO.

Descrición Xeral do Entorno:

A central da “Eléctrica del Pantón” construíuse na ribeira esquerda do rego de Fondós, ao pe do Penedo do Garabullo, nunha zona onde o río comeza o seu forte descenso en chanzos ata desembocar no río Miño.

Construcción:

Cara a 1921.

Abandono:

No mes de xaneiro de 1952 a fábrica da luz foi transferida á empresa “Fuerzas Eléctricas del Noroeste, S.A.” (FENOSA), concesionaria dende 1948 do aproveitamento hidroeléctrico do río Miño, que co proxecto do embalse de Os Peares deixaría asolagada a central no mes de outubro dese mesmo ano. As liñas de transporte e distribución da electricidade pasarían á “Sociedad General Gallega de Electricidad (SGGE) dous anos despois.

Descrición:

A finais do decenio de 1910, José Moure Losada, empresario da vila do Castro de Ferreira, termo municipal de Pantón, contrataba co enxeñeiro industrial Ramón Laforet Cividanes, promotor de importantes proxectos hidroeléctricos (vid. ficha 270) o desenvolvemento dun proxecto para construír unha fábrica de luz para a súa vila e poboacións da contorna.

Despois de estudar e desestimar as posibilidades do aproveitamento hidroeléctrico do rego de Aguianza no salto de Augacaída (Marce, Vilar de Ortelle, Pantón), o técnico optou pola construción da central na outra banda do río Miño, no termo municipal de Carballedo.

O proxecto basearíase no aproveitamento dun máximo de trescentos litros por segundo do rego de Fondós (tamén chamado río do Couto) no Salto de Chouzán, nas proximidades da aldea de Paradela, freguesía de San Pedro de Erbedeiro. Trala tramitación do expediente administrativo, o 30 de maio de 1921 o boletín oficial da Deputación de Lugo publicaba a declaración de utilidade pública dos terreos de propiedade particular na contorna dos lugares previstos para as obras de captación e derivación das augas e de construción da central eléctrica.

Ademais dos fillos do empresario, Modesto e Albino Moure González, que estudiaran na Escuela Industrial de Vigo e tiñan o título de Perito Industrial, na construción da central e das infraestruturas de distribución da electricidade participaría unha maioría de traballadores da aldea de Sacardebois, en Parada de Sil, experimentados nunha central eléctrica daquela localidade e coñecedores das tarefas a realizar. Despois serían familiares dos propietarios a maioría dos empregados na empresa.

As redes de distribución de electricidade da “Eléctrica de Pantón” estenderíanse polos termos municipais de Pantón, O Sabiñao e Sober, dando servizo, entre outros, aos núcleos de Marce, O Castro de Ferreira, Escairón, Sober e Canabal, xa as portas de Monforte. Por razóns sucesorias, a titularidade da empresa transferiríase a Fructuoso Enríquez Moure o 18 de xaneiro de 1934.

A evolución do sistema eléctrico galego trala Guerra Civil Española (1936-1939), coa concesión en 1948 á empresa “Fuerzas Eléctricas del Noroeste, S.A.” (FENOSA) do aproveitamento hidroeléctrico integral do río Miño, obrigaría no mes de xaneiro de 1952 á transferencia da fábrica de luz da “Eléctrica de Pantón” a dita compañía, que poucos meses despois faría desaparecer a central, asolagada baixo as augas ao encher o embalse de Os Peares.

Dende finais do mes de outubro de 1952, a subida das augas co peche da presa de Os Peares iría asolagando a central e os terreos circundantes. As pertenzas e todo o material aproveitable sería retirado da central eléctrica e trasladado coa axuda de barcas aos almacéns da compañía. En 1953, a turbina, alternador e demais material aproveitable vai ser adquirido por José Pérez Mel e Damián López Ferreiría para a súa instalación no “Salto de La Onza” (vid. ficha), aproveitamento hidroeléctrico que tiñan concedido no Rego de Beloi, en As Pontellas (Santa María de O Pereiro, Alfoz, Lugo).

Carentes da súa fonte de subministración de electricidade, a “Eléctrica de Pantón” continuaría dando servizo aos seus abonados ata a primavera de 1954, grazas á conexión no Canabal (Sober) cunha liña da “Sociedad General Gallega de Electricidad (SGGE) que se abastecía da electricidade xerada no ourensán Salto das Conchas, no río Limia. En diante, as liñas de transporte e as redes de distribución da “Eléctrica de Pantón” serían transferidas á “Sociedad General Gallega de Electricidad (SGGE), que en 1955 desaparecería ao integrarse en “Fuerzas Eléctricas del Noroeste” (FENOSA).

Tempo de uso:

Todo o ano, con algunha interrupción nas estiaxes ou nos anos de fortes secas.

Sistema de produción:

As primeiras “fábricas de luz” en construírse (despois de 1882) foran moitas veces unha sinxela adaptación dunha dínamo de corrente continua na roda hidráulica dun muíño fariñeiro ou papeleiro xa existente. No mellor dos casos, o motor hidráulico da instalación sería a roda horizontal creada co nome de turbina por Benoît Fourneyron en 1827 (comercializada en Francia a partir do 1837) e a súa variante, rexistrada en 1840 como tipo Fontaine-Baron e amplamente utilizada dende aquela polo seu elevado rendemento. Aínda que as limitacións na transmisión da corrente continua non permitisen o seu transporte a distancias significativas, as primitivas centrais hidroeléctricas constituíron a base da electrificación das poboacións próximas ao seu emprazamento.

Naqueles casos en que a enerxía hidráulica resultaba dificilmente accesible, instaláranse centrais termoeléctricas baseadas en motores de gas ou máquinas de vapor, alimentadas en ámbolos dous casos por carbón, consumido no gasóxeno, no primeiro caso, e na caldeira, no segundo.

Pola incerteza do funcionamento das primitivas centrais hidroeléctricas, e a precariedade técnica nestes primeiros tempos, axiña predominaran as instalacións térmicas (máquina de vapor ou motor de gas) sobre as hidráulicas, xa que os promotores non se atrevían a construír as centrais xeradoras máis aló de dous ou tres quilómetros do centro das localidades ás que ían subministrar. Todas eran de pequeno tamaño, en xeral non superior aos douscentos cabalos de vapor (uns 150 kW) e principalmente destinadas ao servizo do alumeado público.

Pronto deseñaríanse e construiríanse instalacións especificamente destinadas á produción de electricidade, e nelas xa o xerador sería de corrente alterna trifásica (dende 1893), cun transformador eléctrico de saída para elevar o nivel de tensión para o transporte económico da enerxía até os puntos de consumo.

Co obxectivo de optimizar a produción de electricidade, as máquinas hidráulicas (turbinas) que accionaban os alternadores serían elixidas consonte as características de caudal e de altura do aproveitamento hidroeléctrico a desenvolver, sendo as máis frecuentes as turbinas de reacción do angloamericano James Bicheno Francis (1849), as turbinas de acción do estadounidense Lester Allan Pelton (1879) e as xa máis modernas turbinas de fluxo axial do austríaco Viktor Kaplan (1913). A este tres tipos fundamentais pódese engadir o da turbina de fluxo cruzado, desenvolvida de maneira independente polo australiano Anthony Michell (1903), o húngaro Donat Banki (1917) e o alemán Fritz Ossberger (1933), que, aínda que ten un rendemento inferior ás anteriores, resulta moi económica e permite traballar con grandes variacións de caudal.

No caso do salto da “Eléctrica de Pantón”, cun aproveitamento dun máximo de 300 litros por segundo do río Couto no chamado Salto de Chouzán, contaba cunha turbina hidráulica de acción, tipo Pelton de un só chorro, que arrastraba un alternador síncrono trifásico.

Actividades laborais:

Nos primeiros tempos, o encargado da central, e ás veces un axudante, eran os únicos operarios necesarios para o funcionamento e mantemento das instalacións. Para mellor atender ao servizo día e noite, as centrais desta época tiñan prevista unha casa vivenda para o encargado e a súa familia, completada cunha horta e un galiñeiro para atender á súa mantenza. En caso de proximidade dunha zona habitada, o encargado e a súa familia residían nunha vivenda dos arredores.

Emprego:

Sen datos.

Materias Primas:

Auga.

Produtos Elaborados:

Electricidade.

Distribución e comercialización:

Comarcal.

Referencias Bibliográficas:

Bartolomé Rodríguez, Isabel (2007): “La industria eléctrica en España (1890-1936)”, Estudios de historia económica, nº 50, Madrid: Banco de España. DL M-15409-2008. ISSN 0213-2702.

Bolstorff, H. (1926): “Alumbrado”, Manual del Ingeniero, Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, trad. de la 24ª edición alemana, tomo II. Barcelona: Gustavo Gili, Capítulo VI, p. 936-965.

Carmona Badía, Xoán (2016): La Sociedad General Gallega de Electricidad y la formación del sistema eléctrico gallego (1900-1955), Biblioteca de Historia del Gas, Sabadell: Fundación Gas Natural Fenosa. DL B-21370-2016. ISBN 978-84-617-5114-3.

Carmona Badía, Xoán; Nadal Oller, Jordi (2005): El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Delimar; Marko; Moser, Josip; Szabo, Aleksandar (2007): "First AC Power Systems in Croatia", 2007 Institute of Electrical and Electronics Engineers (IEEE) Conference on the History of Electric Power Schedule/Program [on line] Available at http://www.ieee.org/web/aboutus/history_center/conferences/che2007/prog_comm [Retrieved 10/08/2017].

Edison Tech Center (n.d.): “Dolgeville Hydro Power 1879”, in The Miracle of Electricity and Engineering, Edison Tech Center, Schenectady, New York, U.S.A. [on line] Retrieved August 29, 2001, from http://www.edisontechcenter.org/Dolgeville.html.

Enríquez Rodríguez, Flora (2010): “A Eléctrica de Pantón no Saviñao”, Circular Polo Saviñao III: 50 aniversario do Círculo Cultural Recreativo Saviñao, Escairón: Círculo Cultural Recreativo Saviñao.

García Fontenla, Ramón (ed.) (1990): Cien años de luz eléctrica en Galicia, introducción de Domingo García Sabell, Madrid: Unión Fenosa. D.L. M-45870-1990.

Kyser, Herbert (1930): Centrales generadoras de energía eléctrica. Versión directa de la 2ª ed. alemana revisada y ampliada por Manuel Lucini, Barcelona: Editorial Labor.

Minicentrales hidroeléctricas (1989): Estudio coordinado por “Gestión Energética de Galicia, S.A.” (GESTENGA), Santiago de Compostela: Consellería de Industria, Comercio e Turismo da Xunta de Galicia.

Simões, Ilídio Mariz (1982): “As primeiras instalações de produção e distribução de energia eléctrica em Portugal”, Revista Electricidade, núm. 285, Fevereiro 1982, e núm. 288, Abril 1992.

Sintes Olivés, Francisco F.; Vidal Burdils, Francisco (1933): La industria eléctrica en España. Estudio económico-legal de la producción y consumo de electricidad y de material eléctrico, Barcelona: Montaner y Simón.

Vázquez Gigon, Lucas (2020): Fábrica da luz de Pantón, comunicación personal vía correo electrónico de segredosdepanton@gmail.com a asociacionbuxa@asociacionbuxa.com

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 155-III A Barrela // Datum ETRS89: H 29 // X 605.270,49 m / Y 4.709.145,93 m

Centro Nacional de Información Geográfica (s/d): Fotototeca Digital, Instituto Geográfico Nacional, Ministerio de Fomento del Gobierno de España [en línea]. Disponible en internet: http://fototeca.cnig.es/ [Acceso 28 febreiro 2020].

Instituto de Estudos do Territorio (IDE) da Xunta de Galicia (s/d): Información Xeográfica de Galicia: visualizador de mapas [en liña]. Dispoñible na Internet: http://mapas.xunta.es/visualizador-de-mapas [Acceso 4 abril 2020].

Instituto Geográfico Nacional (s/d): Serie MTN25 (Mapa Topográfico Nacional 1:25.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional25.jsp? [Acceso 9 abril 2014].

Xunta de Galicia (Consellería do Medio Rural) (s/d): Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícola (SixPac): visor de mapas [en liña]. Dispoñible na Internet: http://sixpac.xunta.es/visorsixpac/ [Acceso 4 abril 2020].

Data de Actualización:

5 abril 2020