576 Casa de Sarry, en Treilán

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: Lugo
  • Concello: Sarria
  • Parroquia: San Martiño de Requeixo
  • Lugar: Treilán
  • Paraxe: Casa de Sarry
  • Dirección: Lugar de Treilán, 15 – 27617 Sarria (Lugo)
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.79035471491509
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -7.419306789024347
  • Coordeadas UTM: Datum ETRS89: H 29 // X 629.280,02 m / Y 4.738.740,99 m
  • Clasificación: Fábrica de curtidos
  • CNAE: 15.11 Preparación, curtido e acabado do coiro; preparación e tinguido de peles.
  • Tipoloxía: Curtido tradicional en píos
  • Comarca: Sarria
  • Marco Xeográfico: Aba meridional do monte de Santa Cristina, na proximidade da marxe esquerda do río Pequeno, na veiga de Sarria.
  • Ámbito: Rural
  • Acceso: En Sarria saímos pola estrada LU-633 e tras pasar por riba da liña ferroviaria, na redonda apartamos pola rúa do Mazadoiro, continuando pola rúa Irmáns García Vázquez ata entroncar coa carreteira LU-P-5705 que enfiaremos á esquerda. A unhas decenas de metro, na beira dereita atoparemos o Pazo de Treilán, que fora o curtidoiro de Sarry.

Tipo de propiedade:

Privada

Visitable:

Exteriormente

Xestión de visitas:

Funciona desde o 2017 como local hostaleiro, polo que é posible visita-lo interior en certas circunstancias.

Historia:

Non somos hoxe en día conscientes da gran importancia que tivo a industria do coiro, que elaboraba as pezas que despois empregaríanse sen curtir como soporte para a escritura (pergameo), e curtida no almacenamento de líquidos (pelellos) e no manexo do aire (foles, mesmo musicais), nos arreos de labranza (arneses, correas e atalaxes), para o traballo dos albardeiros (cinchas, selas, albardas e alforxas), talabarteiros e gornicioneiros (cartucheiras, cintos e talabartes), para pezas da vestimenta (chalecos, petos, luvas, chapeus, cintos), no calzado (zocos, botas, zapatos), no recubrimento de embarcacións, na elaboración de cordas e enxarcia, para xuntas de estanquidade ou aínda para as correas de transmisión da primeira maquinaria.

A actividade de curtume, como a téxtil, xorde e desenvólvese intimamente unida ao mundo rural, compartindo as actividades propias do campo para fornecer as súas necesidades específicas e servindo moitas veces aquelado cos traballos agrícolas para complemento dos minguados ingresos dos labregos.

Podemos distinguir entre curtidores independentes, que curtirían unha ou dúas peles ao ano para as súas propias necesidades, e curtidores rurais, que á vez que traballan os seus propios coiros, preparan a xornal outros cedidos por tratantes ou comerciantes urbanos. En ambos os casos, os campesiños son propietarios dos pilos nos que traballan as peles. Finalmente, un terceiro grupo de campesiños traballarían en pilos prestados ou en pilos da comunidade.

Aínda que o curtido espallábase por toda Galicia, sendo habitual a existencia de curtidores en moitas parroquias, algunhas zonas concentraban un gran número destes curtidores “a tempo parcial”, como nas terras de Cea e Allariz, na antiga provincia de Ourense, Noia e Caldas, na de Santiago, Vilalba e Chantada, na de Lugo, e Soutomaior, na de Tui.

A evolución desta industria continúa, xa como unha actividade urbana ou peri-urbana nos séculos XVII e XVIII, coa construción de píos por e para o gremio de zapateiros, necesitados de abastecerse de materia prima para o seu traballo, como ocorría en Betanzos ou en Melide. Outras veces as instalación eran do propio concello, como no caso de Chantada, e outras, en fin, de particulares.

Pronto a industria do coiro dará un avance cualitativo e cuantitativo co nacemento, no tránsito do século XVIII ao XIX da fábrica de curtidos construída por un empresario como un asentamento especificamente dedicado á produción de coiros, cunha centralización nas súas instalacións de tódalas actividades do proceso, con traballadores asalariados que preparaban os pelicos ao mandado do dono, e cunha clara orientación a cubrir as necesidades e demandas do mercado.

Desta forma, os asentamentos dispersos e rudimentarios evolucionan dando paso aos centros especializados, nunha transición gradual que pasa polos asentamentos gremiais proto industriais, primeiro, e as fábricas populares, despois, para chegar finalmente aos modernos curtidoiros.

Consonte os datos do Catastro de Ensenada, contra 1752 o gremio de zapateiros de Betanzos contaba con cincuenta e catro inscritos, pero tan só seis desenvolvían moi rudimentarias tarefas de curtume. Vai ser contra os comezos da década de 1770 cando aparecen nas contornas de Ferrol os primeiros curtidoiros (vid. ficha 329) estabelecidos co novo modelo organizativo de factoría centralizada, coa introdución de capital privado e de emprego asalariado, liberados do control gremial.

A industria do curtido galego comezaría o seu decaemento contra 1880, non acertando a introducir os procesos de curtume rápida que vanse impondo no mundo, aínda que a fábrica betanceira de Etcheverría (vid. ficha 236), coa eumesa de Pardo e Tenreiro (vid. ficha 234), a compostelán de Harguindey (vid. ficha 084) e a padronesa de Novo e Sierra, manteríanse entre as catro máis importantes de Galicia no primeiro terzo do século XX.

Descrición Xeral do Entorno:

O curtidoiro sitúase no lugar de Treilán, na aba meridional do monte de Santa Cristina, afastado do centro da vila de Sarria e próximo á carreteira a Lugo.

Construcción:

Anterior a 1870.

Abandono:

1956. Rehabilitado no 2017 para usos hostaleiros.

Descrición:

Na segunda metade do século XIX chegaba a Sarria o curtidor vasco francés Juan Sarry, oriúndo dunha comuna da contorna de Bayonne. Casaría en Treilán e alí construiría o curtidoiro e a súa casa vivenda. Apunta Xaime Félix Arlindo López Arias, investigador membro do Seminario de Estudos Sarriaos Francisco Vázquez Saco, que a razón do seu asentamento neste lugar ben podería ser a abundancia de gando vacún, a proximidade a Lugo e a Monforte e o vizoso das feiras da contorna.

A apertura contra 1850 da carreteira de Lugo a Valdeorras vai supor o primeiro fito importante no desenvolvemento da comarca, dándolle pulo ao comercio e facilitando a saída dos produtos do país. E a chegada en 1880 do ferrocarril fixará o despegue definitivo, coa expansión da vila pola veiga e o estabelecemento de novos barrios nos que terán asento almacéns e pequenas industrias.

A fábrica de curtidos de Sarry aproveitará a oportunidade e acondicionará o camiño de Treilán ao Mazadoiro, a carón da estación ferroviaria. Un dos dous fillos de Juan Sarry, Santiago Sarry Valcarce, continuaría con éxito á fronte do negocio familiar e chegaría a ser concelleiro e secretario do concello de Sarria, ademais de presidente do casino da vila.

Santiago Sarry morría en 1936, quedando os seus fillos xestionando a industria, que aínda coñecería tempos de relativo esplendor após a Guerra Civil Española (1936-1939). A fábrica de Treilán esmorecería coa competencia das novas industrias do curtido e unha feble e minguada estrutura familiar da seguinte xeración levaría ao peche da industria a comezos da segunda metade do decenio de 1950.

As instalacións permanecerían abandonadas ata a súa adquisición no ano 2016 e acondicionamento como local hostaleiro, inaugurándose co nome de “Pazo de Treilán” no verán do 2017 con dous salóns capaces para acoller celebracións con ata duascentas persoas.

O curtidoiro coñecido como “Casa de Sarry” érguese nun grande predio duns oito mil metros cadrados, parcialmente delimitado por un valado de cachotes de pedra. A auga necesaria para o proceso de curtume collíana dun pequeno regueiro, propiamente un regacho que descende do monte de Santa Cristina ata o río Pequeno (ou río de Celeiro).

O conxunto de edificacións ocupa unha parcela de dous mil setecentos metros cadrados, case cadrada, con dous conxuntos diferenciados construídos. A casa vivenda ten a fachada principal mirando ao suroeste; é de planta rectangular de vinte e oito metros de fronte e nove de fondo, con baixo e un andar. Os muros son de cachotería de granito, con cantearía en linteis e esquinais. A cuberta, a catro augas, é de lousa do país sobre armadura de madeira de castiñeiro.

Da traseira esquerda da casa vivenda arranca un edificio rectangular de trinta e seis metros de fondo e dez de anchura que acollía no baixo o muíño de casca, arrastrado por cabalería, e os corenta píos de cantearía, de grandes dimensións. No andar da edificación dispoñíase o secadoiro e a zona de remate das pezas fabricadas. Os paramentos son de cachotería de granito e a cuberta vai a dúas augas, con lousa do país sobre armadura de madeira de castiñeiro.

A dereita da casa vivenda atópase o portal de entrada á toda a zona fabril, e unha pequena edificación de planta baixa, de oito metros de fronte e doce de fondo. Desta segunda construción arranca outro longo edificio configurado en altura por baixo e un andar, de oito metros de fronte e cincuenta e dous de longo. Esta construción corre paralela ao edificio fabril anteriormente descrito, deixando entre ambos un amplo espazo descuberto de vinte e seis metros de anchura ás costas da vivenda e que queda aberto polo nordés. Os paramentos son tamén de cachotería de granito e a cuberta vai a dúas augas, con lousa do país sobre armadura de madeira de castiñeiro.

A dezaseis metros do portal érguese un enorme pombal cilíndrico de catro metros de diámetro e case cinco de altura.

Segundo recolle Claudio Otero (2015: 398, ficha 118), o principal empresario desta notable fábrica de curtidos foi Santiago Sarry Valcarce. Aparece cotizando polo muíño de casca e por trinta metros cúbicos de píos nos anos 1900, 1903, 1905 (con setenta e cinco metros cúbicos), 1907, 1915 (con vinte e seis metros cúbicos), 1923, 1924, 1925, 1926, 1927 (con trinta metros cúbicos), 1928, 1929, 1930 (con vinte metros cúbicos), 1931 (con sesenta metros cúbicos), 1932, 1933, 1934, 1935 (con vinte metros cúbicos), 1936, 1937 (con trinta metros cúbicos), 1938, 1939, 1940, 1941, 1942, 1943, 1944, 1945, 1946, 1947, 1948, 1949, 1950, 1951, 1952, 1953, 1954, 1955, e 1956.

Tempo de uso:

Todo o ano.

Sistema de produción:

Curtido é o proceso mediante o que unha pel, un material orgánico, transfórmase en coiro, un material imputrescible, flexible, resistente á humidade e con notables propiedades mecánicas. Tecnicamente, o curtido consiste en aumentar a resistencia á hidrólise das proteínas (coláxeno) que configuran a pel mediante a acción dun axente que orixina tal cambio químico, o curtinte.

O proceso iniciábase coa chegada da pel en bruto, con pelo e restos de carne cando viña dos matadoiros veciños, e ademais cunha abondosa dose de sal incorporada cando procedente do Río da Prata. Comezaban entón os labores de ribeira, limpeza e primeira preparación dos pelellos para hidratar e abrandala pel manténdoa mergullada en auga varios días, xa nunha corrente fluvial, xa en pozos construídos ao efecto. Os coiros lavábanse ben, deixábanse a mollo e deseguido mergullábanse nuns pozos cheos de auga con cal apagado, os caleiros ou pelamios, para que os poros abriran tanto para favorecer a retirada do pelo como para unha mellor penetración das sustancias curtintes coas que logo sería tratada a pel.

A pel permanecía nos caleiros entre quince e vinte días e, unha vez sacada do pelamio actuaban os “zurradores” para retirarlle a súa pelame e os anacos de carnaza que quedasen do desencoirado, uniformando á vez a superficie da pel e separando as partes inútiles para o curtido. Os oficiais completaban o depilado traballando a pel até retirarlle todo o pelo, rañando coas súas características coitelas romas pola flor da pel, a parte exterior, na que se atopa o pelo.

Rematadas as tarefas de ribeira, o caldeo ou corrida nos pozos chamados mudanzas ou alpages, enchidos con auga acidulada pola casca de carballo e con diferentes concentracións (a menor, no de primeira mudanza), limpaba os restos de cal e completaba o enchido da pel e a apertura dos seus poros que xa se encetara nos pelamios. As veces, cos coiros “brandos” ou de res menor, antes do caldeo adoitábase levar a pel aos pozos de desengraxado, nos que permanecía mergullada en excrementos animais (unha mestura de canina, gallinácea, palomina e outros) para facer máis doada a posterior retirada dos restos do cal.

Os coiros xa limpos e preparados trasladábanse entón aos pozos de curtir propiamente ditos, chamados noques, pilos ou asentos, nos que a pel conseguía as súas propiedades de resistencia á auga e á humidade, volvéndose elástica e resistente á vez. Alí os coiros colocábanse coa flor (a cara na que tivera o pelo) cara abaixo, alternados con casca de carballo moída previamente e ben cubertos de auga. Nesta situación permanecían entre tres e cinco meses, tralo que retirábanse dos noques, limpábanse e cepillábanse e voltaban a se mergullar noutros noques –“de segundo asiento”– mesturados con casca moída igual que na volta anterior agás o sentido da pel, agora coa flor cara arriba. A pel íase pasando duns pozos aos outros nun proceso lento e laborioso (para as peles delgadas entre catorce e dezaseis meses; as grosas necesitaban de vinte e catro a vinte e seis), sempre mergullada nunha solución rica en tanino obtida a partir da cortiza do carballo.

No procedemento tradicional de curtido o axente curtinte, o tanino, procedía da casca de certos árbores, como a aciñeira ou o sanguiño, sendo o carballo o máis adoito a empregar en Galicia. Para mellorar o proceso, a casca pulverizábase nos chamados muíños de casca, consistentes nun murete circular de trinta ou corenta centímetros de alto e de tres a catro metros de diámetro, arredor do que unha besta facía roular unha roda de cantería que ía esmagando a casca depositada no interior do beiril.

Unha vez o coiro curtido procedíase ao seu remate, no que o proceso finalizaba coa preparación e secado da pel curtida, o pelico. Levantada a pel dos noques procedíase o seu enxugado e aireado, tralo que viña o batido ou mazado cun martelo de madeira, para deixar a peza compactada nun espesor uniforme e cunha aparencia máis homoxénea, finalizando aquí o proceso para os coiros duros (de vacún adulto) destinados á fabricación de sola.

No caso dos coiros brandos (de animais menores como xatos, ovellas ou rebezos), que destinábanse fundamentalmente á elaboración do “becerro”, o rematado era máis complexo, incluíndo o engraxado a base de saín (graxa de sardiña), o estirado e o luneteado, entre outras operacións menores.

As fábricas de coiros aproveitaban tódolos refugallos do proceso e os vendían: a casca xa usada e enxoita para as lareiras; os restos da carnaza para facer a cola que demandaban os carpinteiros e as fábricas de papel; o pelo desprendido da pel e enxoito para a fabricación de cepillos e brochas.

O proceso de curtido tradicional, co tanino de árbores e arbustos como curtinte, necesitaba entre dez e dezaoito meses dende a chegada da pel ata a saída do coiro e precisaba grandes cantidades de casca (uns cinco quilogramos de casca para cada quilogramo de pel). A ocupación nas fábricas de curtidos era de cinco a sete persoas nas pequenas, e de dez a quince nas grandes.

Empregáranse despois, xa na década de 1850, extractos concentrados de quebracho ou castiñeiro para acelerar o curtido e finalmente taninos artificiais para o curtido vexetal rápido, xeneralizado na década de 1870. Cara a 1880 comezaría o curtido mediante sales de cromo e a finais da década de 1910 o curtido ao cromo suplantaría totalmente ao curtido vexetal. Mentres o curtido dunha peza de sola polo sistema tradicional precisaba duns catrocentos dez días, cos novos sistemas abondaba con cento oitenta. O curtido ao alume (sulfato dobre de aluminio e potasio hidratado) ou curtido en branco segue a empregarse na preparación de peles finas moi flexibles e suaves, xeralmente empregadas nas luvas.

Aínda que os aires da revolución industrial chegaran tamén a industria do curtido, non o fixera na cerna dos labores (a transformación da pel), senón unicamente nas endeitas de preparación e remate, e algunhas tenerías empregaban contra 1850 máquinas para o descarnado, o pelado, o batido e a división da pel.

O conxunto das edificacións para o traballo dos coiros normalmente distribuiase en cinco compoñentes: o almacén das materias primas e local da moenda da casca configuraban a entrada do establecemento; viña despois o departamento dos labores de ribeira, cos seus lavadoiros e caleiros; o terceiro espazo contaba cos píos de mudanza e asento; o espazo para o enxugado e aireado estaban as veces nun primeiro andar, para mellorar a ventilación; o derradeiro, a zona de remate, xuntábase as veces co anterior.

Os produtos que se elaboraban recibían distintos nomes: solas (vacún), becerros (tenreiro), badanas (carneiro ou ovella), cordobáns (cabra), baldeses (adelgazadas para luvas), baquetas (vaquetas, coiro de vitela, tenreira para albardeiros) e corregeles (tamén chamado crupón, folla enteira de coiro flexible e groso de boi ou vaca, para solas e correas).

Actividades laborais:

Man de obra masculina en todo o proceso.

Emprego:

Sen datos. Posibelmente, entre tres e cinco homes.

Materias Primas:

Peles de animais, principalmente vacún.

Produtos Elaborados:

Peles curtidas, coiros, correas, solas, etc.

Distribución e comercialización:

Rexional.

Referencias Bibliográficas:

Carmona Badía, Xoán; Nadal Oller, Jordi (2005): El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Córdoba de la Llave, Ricardo (2008): “Industrias del tejido y del cuero”, Ars Mechanicae: ingeniería medieval en España, Pedro Navascués Palacio (coord.), Fundación Juanelo Turriano. Madrid: Ministerio de Fomento (CEDEX-CEHOPU), p. 225-233. DL M-46232-2008. ISBN 978-84-7790-470-0.

López Arias, Xaime Félix (2002): Sarria, fotografías de José Antonio López Martínez. León: Everest.

López Villarabid, Víctor; López Arias, Xaime Félix (Arlindo); Rodríguez, Manuel F. (2013): Sarria a ollos vistas. Lugo: Deputación de Lugo.

Lorenzo Fernández, Xaquín (1962): “Etnografía: cultura material. Os oficios: curtidores ou coireiros”, Historia de Galiza, Ramón Otero Pedrayo (dir.), Buenos Aires: Editorial Nós, vol. II, O home-II, p. 550-558.

Lorenzo Fernández, Xaquín (1983): “Curtidores ou coireiros”, Os oficios, Biblioteca Básica da Cultura Galega, Vigo: Editorial Galaxia, p. 123-133. DL VG-18-1983. ISBN 84-7154-425-3.

Otero Eiriz, Claudio (2017): A industria do coiro en Galicia: historia e patrimonio. Tese doctoral, inédita. Departamento de Economía Aplicada, Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago de Compostela.

Wagner, A. (1942): “Curtido y elaboración de pieles”, Manual del Ingeniero, Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, trad. de la 26ª edición alemana, tomo IV. Barcelona: Gustavo Gili, Capítulo VI, p. 703-744.

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 124-I Sarria /// Datum ETRS89: H 29 // X 629.280,02 m / Y 4.738.740,99 m

Centro Nacional de Información Geográfica (s/d): Fotototeca Digital, Instituto Geográfico Nacional, Ministerio de Fomento del Gobierno de España [en línea]. Disponible en internet: http://fototeca.cnig.es/ [Acceso 21 agosto 2018].

Instituto de Estudos do Territorio (IDE) da Xunta de Galicia (s/d): Información Xeográfica de Galicia: visualizador de mapas [en liña]. Dispoñible na Internet: http://mapas.xunta.es/visualizador-de-mapas [Acceso 18 agosto 2018].

Instituto Geográfico Nacional (s/d): Serie MTN25 (Mapa Topográfico Nacional 1:25.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional25.jsp? [Acceso 9 abril 2014].

Xunta de Galicia (Consellería do Medio Rural) (s/d): Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícola (SixPac): visor de mapas [en liña]. Dispoñible na Internet: http://sixpac.xunta.es/visorsixpac/ [Acceso 18 agosto 2018].

Data de Actualización:

6 abril 2020