578 ENCASO – ENFERSA

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: A Coruña
  • Concello: As Pontes de García Rodríguez
  • Parroquia: Santa María de Vilavella
  • Lugar: A Areosa
  • Paraxe: A Areosa
  • Dirección: Non procede
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 43.44294852821352
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -7.863142373199463
  • Coordeadas UTM: Datum ETRS89: H 29 // X 591.900,38 m / Y 4.810.844,40 m
  • Clasificación: Industria agroquímica
  • CNAE: 05.20 Extracción de lignito. 20.15 Fabricación de fertilizantes e compostos nitroxenados.
  • Tipoloxía: Fabricación de abonos nitroxenados
  • Comarca: Eume
  • Marco Xeográfico: Veigas da Areosa, na marxe dereita do río Eume tralo seu paso pola vila de As Pontes.
  • Ámbito: Rural (hoxe periurbano)
  • Acceso: En As Pontes localizaremos na rúa Blanco Amor a actual central termoeléctrica de ciclo combinado turbina de gas natural e turbina de vapor de auga, enfronte da central termoeléctrica de carbón, río Eume por medio. No espazo entre a marxe dereita do río, a rúa Blanco Amor e a rúa Areosa tivo o seu asento o complexo industrial da Empresa Nacional Calvo Sotelo (ENCASO).

Tipo de propiedade:

Privada

Visitable:

Non quedou pegada algunha

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

O ilustrado José Andrés Cornide Saavedra Folgueira tiña mencionado en 1783 a existencia dunha vea de carbón de pedra en As Pontes de García Rodríguez, información que detallaría no documento presentado en 1790 á Sociedade de Amigos do País de Santiago de Compostela.

Xa en 1835 o enxeñeiro Guillermo Schulz en su “Descripción Geognóstica del Reino de Galicia” precisaría que “... carecemos en Galicia de la formación de carbón de piedra, pero tenemos otro carbón mineral que se llama lignito: de éste hay tres grandes capas al oeste de la villa de Puentes de García Rodríguez, donde a orillas del río Eume se ve un corte de una formación probablemente terciaria de arcilla plástica y de arena, cuyas masas alternan en capas horizontales, y con ellas alternan capas de lignito de una o dos varas de espesor...”.

Non sería ata 1917 cando o ferrolán José Caramelo Casal presentaba as primeiras denuncias mineiras solicitando o recoñecemento da explotación dun conxunto de minas de lignito que sumaban unha superficie de dous mil cincocentas hectáreas. O solicitante obtería os títulos de propiedade en 1919, levando a cabo a investigación do xacemento coa realización de vinte e catro pequenos pozos. A exploración sería completada en 1921 e 1924 coa perforación de outros setenta e catro sondaxes de corenta metros de profundidade e cinco pozos de ata cincuenta metros de fondo.

Cos estudo realizados elaboráronse catorce perfiles transversais que serviron para definir o xacemento, e a partir dos cales o enxeñeiro Raúl López Smetz redactaría a comezos da década de 1940 o informe a partir do que a Empresa Nacional Calvo Sotelo (ENCASO) solicitaría á familia Caramelo a adquisición das concesións mineiras. No mes de novembro de 1942 a propiedade fora transmitida por José Caramelo ás súas herdeiras, Josefa e María del Carmen Caramelo Arredondo, e o 15 de maio de 1946 a empresa pública formalizaría a compra das mil novecentas vinte e cinco hectáreas que albergaban as minas.

A explotación do xacemento de lignitos de As Pontes de García Rodríguez remontase ao decenio de 1940, cando a “Empresa Nacional Calvo Sotelo de Combustible Líquidos y Lubricantes” (ENCASO), creada o 24 de novembro de 1942, construíu unha central termoeléctrica de 32 MW e un complexo carboquímico que tiñan no lignito o combustible e a materia prima do proceso industrial. A empresa fora creada para o aproveitamento racional e económico das lousas e lignitos nacionais para a produción de carburantes, lubricantes e industrias conexas.

En As Pontes planificouse a construción dunha central termoeléctrica de 32 MW, formada por dous grupos turbina-alternador de 16 MW, unha fábrica de combustibles líquidos e lubricantes e as instalacións mineiras precisas para o abasto de combustible e materia prima ao complexo. Os resultados dos estudos polo miúdo dos procesos de destilación a baixa temperatura e gasificación do lignito, decidiron a instalación dunha fábrica de nitrato amónico agrícola obtido a partir da gasificación do lignito, adiando a instalación de destilación a baixa temperatura, que nunca chegaría a realizarse.

Os traballos previos comezarían en 1943, instalándose unha pequena central termoeléctrica auxiliar de 300 CV (221 kW) alimentada polo carbón local. En 1945 comezaron as obras de cimentación da central térmica, que entraría en servizo no mes de xullo de 1949; como consecuencia, a produción de lignito pasaría das nove mil toneladas de 1948 ás sesenta e unha mil do ano seguinte. A incorporación en 1955 da primeira escavadora de rodete, cunha capacidade de produción horaria de douscentos oitenta metros cúbicos, incrementaría de maneira notable o rendemento da mina.

En 1950 iniciarase a construción da fábrica de fertilizantes, que comezaría a súa operación comercial no mes de setembro de 1959. O lignito pulverizábase para a súa gasificación integral con oxíxeno e vapor de auga, e tras sucesivas depuracións obtíñase o hidróxeno. Por outro lado, licuábase o aire e despois sometíase a unha destilación fraccionada para separar o nitróxeno e o oxíxeno. E a partir do nitróxeno e o hidróxeno, sintetizábase o amoníaco.

O amoníaco era a base para a obtención de ácido nítrico e de nitrato amónico, que mesturado coas calcarias locais daba lugar ao produto comercial final: o nitrato amónico cálcico, cun contido do 21’5% de nitróxeno e comercializado co nome de Nitramón. A produción prevista era de cen mil toneladas anuais, cun consumo de sesenta e catro mil toneladas de lignito. No proceso obtíñanse ademais seis mil toneladas de xofre puro.

Uns trinta anos despois da instalación de ENCASO en As Pontes, por acordo do Consello de Ministros do 4 de febreiro de 1972, os seus activos mineiros e eléctricos pasaron á Empresa Nacional de Electricidad (ENDESA), creada en 1944. Apenas un ano despois, xa en 1973, constituíase a Empresa Nacional de Fertilizantes (ENFERSA) coa achega das instalacións de fabricación de abonos que tiñan a Empresa Nacional "Calvo Sotelo" (ENCASO), a Empresa Nacional Siderúrxica (ENSIDESA), e a Refinería de Petróleos de Escombreras (REPESA), mentres que o 28 de novembro dese mesmo ano, as instalacións petroleiras de ENCASO e REPESA fusionábanse coas da “Empresa Nacional de Petróleo de Tarragona” (ENTASA) e nacía a “Empresa Nacional de Petróleos” (ENPETROL).

En pouco máis dun ano ENCASO desaparecía en As Pontes e os seus activos e instalacións pasaban a ENDESA, a mina e a central termoeléctrica, e a ENFERSA, a fábrica de amoníaco e abonos nitroxenados.

O novo propietario da central térmica de ENCASO, a Empresa Nacional de Electricidad (ENDESA) construiría en As Pontes unha nova central termoeléctrica de 1.400 MW, dotando á mina de un novo equipamento para a extracción a ceo aberto de doce millóns de toneladas de lignito anuais, cos que abastecería de combustible ás caldeiras da central.

Instalouse unha rede de cintas transportadoras coas que o lignito extraído na mina por unhas escavadoras de rodete levábase ata o parque de carbóns dende o que se alimentaban as caldeiras da central. Para resgardar das choivas o lignito almacenado no parque, houbo de construírse a máis de vinte e catro metros de altura unha impresionante cuberta de cento sesenta metros de ancho e case seiscentos de lonxitude.

A central constaba inicialmente de catro grupos termoeléctricos, cada un deles cun conxunto formado por unha turbina de vapor e un alternador de 350 MW, sumando unha potencia total instalada de 1.400 MW (as modificacións posteriores permitirían acadar os 1.468’5 MW). Os grupos termoeléctricos irían acoplándose á rede eléctrica nacional en 1976, 1977, 1978 e 1979, e o complexo termoeléctrico iría integrando as centrais hidroeléctricas de Eume (1960, 54’4 MW) e A Ribeira (1965, 5’94 MW), os parques eólicos conectados á subestación de Tesouro (2001, 161 MW) e a central de ciclo combinado con turbina de gas natural e turbina de vapor de auga de As Pontes (2008, 800 MW).

O esgotamento do xacemento mineiro e o progresivo empobrecemento na calidade do lignito pardo que se ía extraendo na mina, de cativo contido enerxético e cunha importante contaminación atmosférica asociada a súa combustión, obrigou entre 1993 e 1995 a unha serie de modificacións nas caldeiras da central para permitir queimar nelas os lignitos da mina mesturados con hullas sub-bituminosas que se importaban polo porto de Ferrol. A operación permitiría prolongar a vida útil da mina e rebaixar grandemente as emisións contaminantes producidas pola central.

Con todo, no ano 2007 abandonaríase definitivamente a explotación do xacemento, practicamente esgotado. Nos algo máis de sesenta nos de actividade, a mina producira douscentos setenta millóns de toneladas de lignito pardo, deixando un burato de novecentos millóns de metros cúbicos e douscentos trinta metros de profundidade, e unha montaña de cento sesenta metros de altura formada polos setecentos vinte millóns de metros cúbicos de estériles.

Dende o ano 2005 a empresa iría acometendo unha nova modificación nas caldeiras da central, co propósito de que tralo peche da mina queimasen unicamente os carbóns de importación, prolongando así a vida útil das instalacións.

A extracción e depósito dos refugallos durante a explotación da mina deixaría un entullo exterior de setecentos vinte millóns de metros cúbicos que ocupan unha superficie de mil duascentas hectáreas. Parte do oco deixado pola mina aproveitaríase para formar un entullo interior de uns noventa e tres millóns de metros cúbicos de refugallos, que ocupan unha superficie de oitenta hectáreas.

A empresa acometeu un ambicioso plan de restauración que transformou o entullo exterior, construíndose cincuenta e tres quilómetros de cunetas e sesenta e dous de rodeiras, recuperándose dous millóns de metros cúbicos de terra vexetal, na que foron plantados máis de cincocentos cincuenta mil árbores. A favorable evolución dos solos e o mantemento da vexetación permitiu a ocupación do que fora o entullo por unha fauna variada e numerosa.

O oco deixado pola explotación mineira foi convertido nun lago integrado no contexto fluvial preexistente. O lago ten uns oito quilómetros de perímetro e unha profundidade máxima de douscentos metros. A súa ribeira foi restaurada e convenientemente protexida fronte aos efectos da erosión.

Descrición Xeral do Entorno:

A central termoeléctrica alimentada polo lignito local e o complexo carboquímico da Empresa Nacional Calvo Sotelo de Combustible Líquidos y Lubricantes (ENCASO) edificáronse nas veigas occidentais da vila de As Pontes de García Rodríguez, na marxe dereita do río Eume tralo seu paso pola vila de As Pontes e nos terreos situados no sueste da mina. A superficie ocupada foi de algo máis de vintesete hectáreas.

Construcción:

1943 (comezo das obras), 1946 (central térmica) e 1950 (fábrica de fertilizantes).

Abandono:

1977 (central térmica) e 1986 (fábrica de fertilizantes).

Descrición:

Ante os problemas derivados do abastecemento de petróleo polo illamento internacional após a Guerra Civil Española (1936-1939), o “Instituto Nacional de Industria” (INI) creaba o 24 de novembro de 1942 a “Empresa Nacional ‘Calvo Sotelo’ de Combustible Líquidos y Lubricantes” (ENCASO) para o aproveitamento das lousas bituminosas de Puertollano (Ciudad Real) e a potenciación do usos dos carbóns nacionais.

As investigacións dos xacementos de lignitos de As Pontes de García Rodríguez interesaron á empresa, que en 1943 comezou os estudos de detalle para un aproveitamento a gran escala e puxo en marcha a primeira explotación, identificada como “Corta Portorroibo”. Para a subministración da electricidade instalara o ano anterior un pequeno grupo de gasóxeno con motor de combustión interna Crossley, de 90 CV (66 kW). As negociacións con empresas xermanas para a subministración de materiais e maquinaria para a explotación da mina e a construción da central foron resultando máis e máis complicadas, polo que a ENCASO foi liquidando contratos e abrindo negociacións con empresas suizas, británicas e francesas.

O minguado do subministro resolveríase en 1946 cos construción dunha pequena central termoeléctrica de 360 kVA instalada na Areosa. Esta central consumía carbón da propia mina nunha caldeira con fogar de grella fixa deseñada para carbóns de ricos de sete mil setecentas quilocalorías por quilogramo. A caldeira tipo Stein-Roubaix fora construída e subministrada pola empresa bilbaína “Hornos y Aparatos Térmicos, S.A.”. O vapor de auga xerado alimentaba a un grupo turboalternador Escher-Wyss de 360 kVA, que proporcionaba corrente alterna trifásica a 380 V, tensión que elevábase a 6.000 V para o transporte ata os transformadores de distribución nos puntos de consumo. Esta instalación funcionaría ata 1949, cando entrou en servizo a nova central termoeléctrica.

Ao mesmo tempo que ía avanzándose na explotación mineira, en 1945 empezaban na Areosa as obras de cimentación para a construción da central térmica, e no leito do río Eume dos estribos e alicerces da presa da que se derivaría a auga para a refrixeración da central e de aportación a futuras necesidades do complexo carboquímico previsto. As obras desenvolvéronse con lentitude, tanto polo bloqueo co que os vencedores da Segunda Guerra Mundial (1939-1945) castigaron ao país, como pola propia carencia no mercado nacional de materiais esenciais e mesmo de man de obra especializada e técnicos cualificados.

Rematada a obra civil por “Cimentaciones Especiales Rodio” e “Rodolfo Lama Construcciones”, na primavera de 1948 instalaríanse as dúas caldeiras pirotubulares Sulzer (vapor de auga a 39 kg/cm2 na saída do requentador), o sistema de pulverización de carbón Stein-Roubaix, as dúas turbinas de condensación Escher-Wyss (35 kg/cm2 a 435 ?C) e os dous alternadores Brown-Boveri de 20 MVA cada un (16 MW a 6’5 kV). A través dunha subestación de transformación con senllos transformadores Metropolitan Vickers de 20 MVA cada un, o primeiro grupo acoplou a 132 kV coa rede eléctrica de Electra de Viesgo o sete de xullo, e un ano despois, no mes de xullo de 1949, comezarían a prestar un servizo regular os 32 MW da nova central termoeléctrica.

A presa construída no río Eume para o embalse, regulación e aporte de auga as instalacións da central térmica e da fábrica de amoníaco e fertilizantes nitroxenados, formou augas arriba un encoro no leito do río duns trescentos metros de lonxitude de vaso, cunha capacidade aproximada de cincuenta e seis mil metros cúbicos.

As importantes variacións estacionais do caudal do río Eume, que o mesmo inundaban a vila como dificultaban a captación na presa polo baixo nivel nas estiaxes, decidirían a construción augas arriba da vila dun embalse de regulación, que evitaría as frecuentes inundacións ao laminar as avenidas no tempo de fortes choivas e garantiría uns niveis mínimos augas abaixo nas secas. Acordouse tamén aproveitar a realización da presa do embalse para a implantación no seu pe dunha central hidroeléctrica.

Para a construción da nova presa elixiuse o lugar da Ribeira, tres quilómetros e oitocentos metros augas arriba da presa do Areoso, e a dous quilómetros e medio da ponte de Isabel II. A construción da presa da Ribeira comezaría en 1957, e as obras principais rematarían no mes de xaneiro de 1961, malia que a instalación da maquinaria para a central hidroeléctrica e a liña de 30 kV para a conexión coa subestación do Areoso non se darían completadas ata o ano 1964. Resoltos os numerosos atrancos de todo tipo interpostos pola empresa “Fuerzas Eléctricas del Noroeste, S.A.” (FENOSA), temerosa de perder cota de mercado na rexión, en 1965 a central da Ribeira podería iniciar a produción comercial de electricidade.

As obras do aproveitamento hidráulico para o regadío foron proxectadas polo enxeñeiro de camiños A. Aragonés. A presa é de gravidade e labio fixo, cunha altura desde os alicerces de 54’00 metros, e unha lonxitude de coroación de 280 metros, con cotas respectivas de 401’35 msn (metros sobre o nivel do mar) e 347’35 msn, sendo de 350’85 msn a cota do leito do río nese punto. O volume do corpo da presa é de cento corenta mil metros cúbicos. Conta cun aliviadoiro de cincocentos metros cúbicos por segundo de capacidade. O encoro acumula 32’8 hectómetros cúbicos, cunha lámina de auga que se prolonga algo máis de sete quilómetros augas arriba.

A central hidroeléctrica construída ao pé da presa aproveita un máximo de trece mil metros cúbicos por segundo cun salto hidráulico de corenta e sete metros e medio e unha potencia de 5.360 kW, posteriormente aumentada ata os 5.940 kW actuais. O encoro aproveitaríase tamén para o abastecemento de auga á vila das Pontes de García Rodríguez e para complementar a subministración ao complexo industrial de ENCASO.

Na planificación inicial prevista para As Pontes e aprobada o 26 de maio de 1944 como “Plan para la fabricación nacional de combustibles líquidos y lubricantes e industrias conexas” contemplábase a construción dunha central termoeléctrica, unha fábrica para a destilación de lignitos a baixa temperatura e obtención de combustibles líquidos e lubricantes, as instalacións mineiras precisas para o abasto de combustible e materia prima ao complexo, servizos auxiliares, elementos de transporte, abastecemento de auga, vivendas e dotacións de carácter social.

Na revisión do plan aprobada o 17 de maio de 1952 incorporábase ao proxecto a construción dunha planta de fertilizantes para a fabricación de nitrato amónico agrícola obtido a partir da gasificación do lignito e diluído despois en arxilas locais para granulalo e que puidese ser utilizado sen perigo. Xa comezada a construción das instalacións, acordouse substituír a mestura con arxilas de As Pontes pola das calcarias das canteiras de Meira. A decisión sobre a instalación de destilación a baixa temperatura iría adiándose, e nunca chegaría a realizarse.

A construción da fábrica de fertilizantes iniciarase en 1950 e, no mes de setembro de 1959, a fábrica comezaría a súa operación comercial. En abril de 1960 obtíñase a primeira produción de amoníaco e seguidamente a do nitrato amónico cálcico, comercializado con nome de “Nitramón”. Ademais da distribución desde a propia planta de fabricación, a expedición a gran escala das partidas de fertilizante facíase desde os puntos de carga estabelecidos en Rábade, sobre vagón ferroviario, e en Ferrol, sobre barco.

En 1973, trala reorganización do negocio e a incorporación dos seus activos mineiros e eléctricos na “Empresa Nacional de Electricidad” (ENDESA), a “Empresa Nacional Calvo Sotelo" (ENCASO) desaparecía en As Pontes e a fábrica de amoníaco e abonos nitroxenados pasaba a formar parte da recentemente creada “Empresa Nacional de Fertilizantes” (ENFERSA).

En 1977 Enfersa suspendía a fabricación de amoníaco en As Pontes, abastecéndose do fabricado en Avilés ou en Puertollano, recorrendo tamén á importación. O persoal da sección de amoníaco pasaría a traballar en ENDESA, que nese mesmo ano puxera a traballar os novos grupos da central, pechando a antiga central térmica de ENCASO.

A finais de 1984 comezaba a estudarse a reestruturación do sector de fertilizantes en España e en 1986 pechaba a planta da “Empresa Nacional de Fertilizantes” (ENFERSA) en As Pontes de García Rodríguez. Os traballadores acolleríanse a xubilacións anticipadas ou serían recolocados na mina de lignito ou na central termoeléctrica que viñan sendo explotadas pola “Empresa Nacional de Electricidad” (ENDESA) na vila.

Tempo de uso:

Todo o ano.

Sistema de produción:

O lignito extraído na mina preparábase cunha trituración previa, secado e moenda. Parte do lignito moído enviábase ás caldeiras da central térmica. Outra parte do lignito, unha vez pulverizado e cun grao de humidade do 10%, pasaba aos gasóxenos, onde en atmosfera de vapor de auga da súa propia humidade residual, co calor e o aporte continuo de oxíxeno procedíase a súa gasificación integral, obténdose unha mestura gasosa de hidróxeno e óxidos de carbono.

Na seguinte etapa comezaba a depuración do gas obtido, primeiro cunha desulfuración por vía húmida por lavado con carbonato potásico (obténdose como subproduto xofre elemental coado), seguida por vía seca polo esgotamento do xofre por absorción con óxido de ferro. O gas desulfurado tratábase con vapor de auga para enriquecelo en hidróxeno, obténdose o hidróxeno descarbonatado e eliminándose o anhídrido carbónico producido.

Na instalación de fraccionamento o hidróxeno lavábase con nitróxeno líquido e, unha vez separadas todas as impurezas e comprimido a cincocentos sesenta bar, facíase pasar polos tubos de síntese nos que se obtiña o amoníaco líquido. A produción nominal era de noventa toneladas a partir de duascentas setenta toneladas de lignito en po.

Polo fraccionamento do aire ambiente previamente filtrado, secado e licuado, obtíñanse o oxíxeno para a gasificación do lignito e o nitróxeno para a síntese do amoníaco.

A metade do amoníaco obtido sometíase a oxidación catalítica, compresión con vapor e absorción dos óxidos de nitróxeno, para obter diariamente cento sesenta e nove toneladas de ácido nítrico.

Neutralizando o ácido nítrico co amoníaco restante obtíñase o nitrato amónico, cun contido do 21’5% de nitróxeno, que, unha vez diluído coa calcaria, secado e granulado, quedaba almacenado en atmosfera seca ata o seu ensacado como nitrato amónico cálcico co nome de “Nitramón” para a súa comercialización. A produción diaria era de trescentas vinte e cinco a trescentas cincuenta toneladas.

Actividades laborais:

As importantes necesidades de persoal, para os traballos na mina, na central térmica e na fábrica de abonos, e máis nas industrias auxiliares para traballos mecánicos, hidráulicos e eléctricos, obrigarían a incorporación de moitos traballadores experimentados, polo que incorporaríase persoal mineiro chegado de Asturias, así como moitos outros operarios especializados e técnicos capacitados procedentes de moitos outros lugares. 

Emprego:

A 31 de decembro de 1969 a empresa declaraba ter empregados novecentos seis “produtores”.

Materias Primas:

Lignito, auga, aire, electricidade e calcaria.

Produtos Elaborados:

Amoníaco e nitrato amónico cálcico.

Distribución e comercialización:

Nacional.

Referencias Bibliográficas:

Aréchaga Rodríguez, Francisco; Ferrero Botas, Toribio; Gil Bueno, Aníbal; Menéndez Lolo, José Antonio; Valle García, Ramón (2011): Riqueza restaurada, historia de la mina de As Pontes. DL C 2665-2011.

Carmona Badía, Xoán; Nadal Oller, Jordi (2005): El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Lara Coira, Manuel (2017): “Aproveitamentos hidroeléctricos no termo municipal de As Pontes de García Rodríguez”, Hume, revista de estudos históricos locais, número 10, Ano 2017 (p. 143-165), As Pontes de García Rodríguez (A Coruña): Asociación de Estudos Históricos e Sociais “Hume”. DL C-683-2008. ISSN 1888-6183.

Lara Coira, Manuel (2019): “La comarca del Eume y la electricidad”, Las fragas del Eume, historia y cultura, Víctor Alonso Troncoso, Álvaro Iglesias Maceiras, José Manuel Yáñez Rodríguez (eds.), p. 365-382, Santiago de Compostela: Andavira Editora. DL C-2208-2019. ISBN 978-84-121160-4-5.

Martín Seijo, María (2003): “O Patrimonio industrial de As Pontes”, Patrimonio histórico de As Pontes de García Rodríguez, Víctor Alonso Troncoso (coord.), A Coruña: Universidade da Coruña. DL C-2064-2003. ISBN 84-9749-073-8.

Nadal Oller, Jordi; Carreras Odriozola, Albert; Martín Aceña, Pablo; Comín Comín, Francisco (1988): España: 200 años de tecnología. Catálogo de la exposición conmemorativa del II Centenario de Carlos III y la Ilustración. Madrid: Ministerio de Industria y Energía. ISBN: 84-7474-478-4.

Souto López, Manuel (2014): “A central térmica da Empresa Nacional Calvo Sotelo e o seu impacto no sistema eléctrico galego”, Hume, revista de estudos históricos locais, número 7, Ano 2014 (p. 55-109), As Pontes de García Rodríguez (A Coruña): Asociación de Estudos Históricos e Sociais “Hume”. DL C-683-2008. ISSN 1888-6183.

Souto López, Manuel (2015): “A Empresa Nacional Calvo Sotelo e a fábrica de fertilizantes”, Hume, revista de estudos históricos locais, número 8, Ano 2015 (p. 197-229), As Pontes de García Rodríguez (A Coruña): Asociación de Estudos Históricos e Sociais “Hume”. DL C-683-2008. ISSN 1888-6183.

Salzmann, H. (1942): “Almacenes y depósitos”, Construcción de edificios industriales (Almacenes, depósitos y fábricas), versión de la 2ª edición alemana, Manuales técnicos Labor, nº 56, Biblioteca científica y profesional. Barcelona: Editorial Labor, segunda parte: Almacenes y depósitos, p. 89-228.

Taboada Arceo, Antonio (1971): Galicia, estructura y ritmo socio-económicos. La Coruña: Servicio de Estudios y Publicaciones de las Cámaras Oficiales de Comercio, Industria y Navegación de Galicia. DL C-145-1971.

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 22-II Mina de As Pontes /// Datum ETRS89: H 29 // X 591.900,38 m / Y 4.810.844,40 m

Centro Nacional de Información Geográfica (s/d): Fotototeca Digital, Instituto Geográfico Nacional, Ministerio de Fomento del Gobierno de España [en línea]. Disponible en Internet: http://fototeca.cnig.es/

Instituto de Estudos do Territorio (IDE) da Xunta de Galicia (s/d): Información Xeográfica de Galicia: visualizador de mapas [en liña]. Dispoñible na Internet: http://mapas.xunta.es/visualizador-de-mapas [Acceso 29 xullo 2019].

Instituto Geográfico Nacional (s/d): Serie MTN25 (Mapa Topográfico Nacional 1:25.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional25.jsp? [Acceso 9 abril 2014].

Xunta de Galicia (Consellería do Medio Rural) (s/d): Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícola (SixPac): visor de mapas [en liña]. Dispoñible na Internet: http://sixpac.xunta.es/visorsixpac/ [Acceso 29 xullo 2019].

Data de Actualización:

11 abril 2020