579 Fábrica da luz de Prieto

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: A Coruña
  • Concello: As Pontes de García Rodríguez
  • Parroquia: Santa María de As Pontes de García Rodríguez
  • Lugar: A Fraga
  • Paraxe: Muíño de Prieto
  • Dirección: Non procede
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 43.45196841237402
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -7.839667679901123
  • Coordeadas UTM: Datum ETRS89: H 29 // X 593.883,85 m / Y 4.811.664,07 m
  • Clasificación: Central hidroeléctrica
  • CNAE: 35.15 Produción de enerxía hidroeléctrica.
  • Tipoloxía: Turbina hidráulica tipo Francis de cámara aberta
  • Comarca: Eume
  • Marco Xeográfico: Ribeira dereita do río Eume nas veigas orientais da vila d’As Pontes.
  • Ámbito: Rural (hoxe periurbano)
  • Acceso: Na vila de As Pontes de García Rodríguez localizaremos a Avenida da Habana e a seguiremos cara ao poboado do Barreiro e o poboado da Fraga ata chegar ao cruce coa rúa Celso Emilio Ferreiro. Continuaremos en fronte seguindo a mesma avenida e, uns douscentos setenta metros máis adiante, atoparemos pola man dereita e baixando uns vinte metros cara ao río, o Muíño da Ribeira.

Tipo de propiedade:

Privada

Visitable:

Si

Xestión de visitas:

Consultar na Casa do Concello de As Pontes de García Rodríguez.

Historia:

De entre todas as experiencias dos numerosos investigadores pioneiros ó redor da electricidade (Franklin, Coulomb, Galvani, Volta, Rumford, Ampère), no que aquí nos ocupa, dúas delas resultan de singular transcendencia: en 1800, o arco eléctrico de Humphry Davy, que abriría o camiño á iluminación con enerxía eléctrica; e en 1831 o xerador eléctrico de Michael Faraday, que daría paso ao uso da electricidade sen necesidade de recorrer á amoladura das pilas voltaicas.

Cara a 1870 o enxeñeiro belga Zénobe Théophile Gramme construía a primeira máquina comercial xeradora de corrente continua, a dínamo de Gramme, que permitía a conversión da enerxía mecánica en enerxía eléctrica. A Exposición Universal de Viena de 1873, coas súas pilas, xeradores e espectaculares arcos voltaicos, sería o primeiro escaparate mundial da electricidade.

Continuador con vantaxe de anteriores experiencias, Thomas Alva Edison presentaba no outono de 1879 o prototipo das modernas fontes de iluminación, unha lámpada de incandescencia que, grazas ás súas innovacións, alumaba sen fundirse durante… corenta e oito horas seguidas.

Todos estes avances verían a súa culminación na Exposición Universal de París de 1881, na que, ademais de exhibirse a lámpada incandescente de Thomas Edison, o enxeñeiro francés Marcel Deprez presentaba como resultado dos seus experimentos a posibilidade de transmitir a electricidade a varios centenares de metros de distancia. A experiencia coñecería a maior difusión cando no ano seguinte, empregando unha tensión continua de dous mil voltios, conseguía transmitir unha potencia de 1’5 kW a unha distancia de trinta e cinco millas (uns 56 km). A iluminación eléctrica incandescente con corrente continua comezaría entón a utilizarse comercialmente en todo o mundo, competindo dende estas datas cos farois de gas na iluminación pública. Dende aquela sería imparable a continua evolución técnica para poñer a electricidade ao dispor dos cidadáns e a industria.

En 1882, Tomás Alva Edison estabelecía en Pearl Street (Manhattan, Nova York) a primeira central termoeléctrica, subministrando cento dez voltios en corrente continua aos seus primeiros oitenta e cinco clientes, que axiña van verse multiplicados, estendéndose a luz eléctrica a tódolos fogares. Tralo acordo entre Edison e Swan en 1883 e as melloras introducidas por Swan, a lámpada incandescente de filamento de tungsteno, de menor voltaxe, máis luminosidade e maior duración, coñecería dende 1906 a meirande difusión [Bartolomé, 2007: 42].

A situación da electricidade daría o envorco definitivo en 1888, cando o enxeñeiro turinés Galileo Ferraris conseguiu construír o primeiro motor de corrente alterna sen conmutador, o motor de indución, que desenvolverían Nikola Tesla (1888) e Mikhail Dolivo-Dobrovsky (1889), de gran eficiencia e competitivo cos de corrente continua, apto para múltiples usos e que fixo da corrente alterna a forma máis popular da electricidade.

En 1893 poríase en servizo en Redlands (California, EE.UU.) a primeira central hidroeléctrica comercial de corrente alterna trifásica [Edison Tech Center, n.d.]. A central hidroeléctrica de Jaruga (Dalmacia, Croacia) sería dende 1895 a primeira que na Europa subministrase comercialmente corrente eléctrica alterna, e a segunda no mundo [Delimar et al., 2007].

Despois dos experimentos pioneiros da iluminación eléctrica en España, realizados polos boticarios Antonio Casares Rodríguez (1851, Santiago de Compostela), José Simón Castañer (1852, Madrid), Ramón Torres Muñoz (1852, Madrid), e Francisco Domenech Maranges (1852, Barcelona), a industria eléctrica comeza realmente cando o empresario Tomás Dalmau e o enxeñeiro Narciso Xifra constrúen en 1873 na Rambla de Canaletas de Barcelona a primeira central eléctrica española, instalando catro motores de gas de cincuenta cabalos cada un que movían cadansúa máquina Gramme de douscentos voltamperios. Dende aquela aparecerán no país unha serie de iniciativas para a produción e distribución de electricidade e xa contra 1881 e para mellor atender á crecente demanda, Dalmau e Xifra crearían, tamén en Barcelona, a “Sociedad Española de Electricidad”.

Nestes anos contrastaba o vizoso avance das centrais termoeléctricas fronte ao lento progreso das hidroeléctricas, que xurdirían contra 1885 en diversos puntos de España asociadas a pequenos muíños ou industrias manufactureiras que producían para o seu propio consumo e que nalgúns casos chegaban a distribuír a electricidade a vivendas da veciñanza [Sintes e Vidal, 1933]. Sería fundamental a aportación do taller mecánico xerundense “Planas, Flaquer y Cía.”, estabelecido en 1858 e especializada na construción de motores hidráulicos tipo Fontaine-Baron (unha evolución rexistrada en 1840 da turbina Fourneyron de 1827) e que xa en 1860 tiña fabricadas dezanove turbinas, algunha de 80 cabalos de vapor (uns 60 kW) [Orellana, 1860]; dende 1886 a casa “Planas” interviría na adaptación de moitos motores hidráulicos á produción de electricidade e chegaría a ser a primeira empresa española dedicada á fabricación de material eléctrico [Nadal, 1976].

En Galicia, dende o mes de xuño de 1884 a “Sociedad Anglo Española de Electricidad” iluminaba o Arsenal de Ferrol coa electricidade xerada con magneto dínamos do sistema de Charles Francis Brush nunha pequena instalación termoeléctrica [Carmona, 2016:27], e xa contra 1888 comezaría a funcionar en Pontevedra a que sería en Galicia a primeira central de vapor asociada a unha dínamo Brush para a subministración do alumeado público con fluído eléctrico, instalación que sería seguida por outras iniciativas semellantes –unhas termoeléctricas, hidroeléctricas outras– na Coruña (1890), Mondoñedo (1893), Lugo, Ferrol e Santiago (1894), Ponteareas e Ourense (1895), e Vigo, Monforte, Viveiro, Betanzos e Tui (1896) [Carmona e Nadal, 2005].

A precariedade técnica nestes primeiros tempos fai que predominen as instalacións térmicas (con caldeira de carbón e máquina de vapor, unhas, ou con gasóxeno de carbón e motor de gas, outras) sobre as hidráulicas, xa que os promotores non se atrevían a construír as centrais xeradoras máis aló de dous ou tres quilómetros do centro das localidades ás que ían subministrar con corrente continua. Todas estas primitivas centrais eléctricas eran de pequeno tamaño, normalmente non superior aos douscentos cabalos de vapor (uns 150 kW) e principalmente destinadas ao servizo do alumeado público.

Ademais das de iluminación pública, só temos constancia de dúas empresas que posúen nestes primeiros tempos unha central termoeléctrica para o alumeado das súas instalacións, e ámbalas dúas son fábricas téxtiles e as puxeran en marcha contra 1892: “Galicia Industrial”, en Xubia (Neda) (vid. ficha 452), e “La Primera Coruñesa” (vid. ficha 492).

Coa central hidroeléctrica de Porto de Bois (Viloalle, Mondoñedo), unha das primeiras na Península Ibérica (en 1894 entraría en servizo a de Biel en Vila Real, Portugal [Simões, 1982]), a “Electricista Mindoniense” (vid. ficha 486) proveía desde 1893 o alumeado público de Mondoñedo, aproveitando uns 290 litros por segundo nun salto de 14 metros das augas do río Tronceda cunha turbina de 70 cabalos de vapor que arrastraba unha dínamo Oerlikon de 32 quilovatios [Carmona, 2016]. Nos años seguintes subministrarían electricidade de orixe hidráulica “Alumbrado Eléctrico de Lugo” (1894, Acea de Castro Romay, Lugo, vid. ficha 491), “Antonio Sestelo” (1895, Salto de Pardellas, Ponteareas, vid. ficha 488), “Jesús Adrán” (1896, Salto de Vilanova, Monforte, vid. ficha 515) e “José Barro” (1896, Salto de Chavín, Viveiro, vid. ficha 376), en tódolos casos mediante xeradores de corrente continua [Carmona y Nadal, 2005].

O primeiro terzo do século XX coñecería o progreso do desenvolvemento da industria da electricidade en Galicia, cun forte crecemento das instalacións hidráulicas por riba das térmicas, e o comezo da concentración empresarial neste incipiente sector, o que fai que contra 1931 haxa máis de corenta centrais en funcionamento, dezaoito delas cunha potencia instalada superior aos 500 kVA e que sumaban 45.555 kVA nun total da orde dos cincuenta mil quilovatios instalados. O que comezaba a coñecerse como “grupo galego”, formado polas compañías "Sociedad General Gallega de Electricidad" e “Fábricas Coruñesas de Gas y Electricidad” (vid. ficha 155) estruturadas en torno ao Banco Pastor, controlaba neste ano de 1931 o 76% da electricidade vendida en Galicia [Carmona y Nadal, 2005]; ámbalas dúas desenvolverán unha actuación conxunta baixo o control do Banco Pastor ata a súa formal integración en Fenosa en 1955, rematando así o proceso iniciado coas centrais de Segade (vid. ficha 113) e A Fervenza (vid. ficha 189) a comezos do século XX.

En efecto, finalizada a guerra civil española (1936-1939), o proceso de concentración e ampliación do sector eléctrico galego tería un novo e definitivo impulso cando Pedro Barrié de la Maza, á fronte do “Banco Pastor”, constitúe en Vigo o 23 de agosto de 1943 a empresa “Fuerzas Eléctricas del Noroeste” (FENOSA) para eludir os compromisos existentes coa “Electra Popular de Vigo y Redondela” e poder construír no río Limia o encoro das Conchas para a subministración eléctrica á puxante cidade de Vigo. Transcorridos os vinte anos pactados, a “Sociedad General Gallega de Electricidad” e “Fábricas Coruñesas de Gas y Electricidad” integraríanse en FENOSA en 1955.

O mantemento polo Goberno franquista duns prezos da electricidade artificialmente baixos, coa conseguinte descapitalización das empresas produtoras e a imposibilidade de modernización das súas instalacións para dar cumprido servizo aos seus clientes, faría que a meirande parte das pequenas “fábricas da luz” que comezaran a electrificación das aldeas e vilas galegas, foran pouco a pouco abandonándose ou malvendéndose e integrándose en FENOSA ou nalgunha das outras grandes empresas eléctricas, como BEGASA ou IBERDUERO.

Descrición Xeral do Entorno:

A “fábrica da luz de Prieto” construíuse aproveitando un muíño existente na ribeira dereita do río Eume no tramo final do seu curso entre as abas do Monte de San Vicenzo e o Monte da Ribeira, xa camiño de As Veigas da vila d’As Pontes.

Construcción:

Cara a 1908.

Abandono:

Cara a 1955.

Descrición:

Coa implantación das primeiras instalacións termoeléctricas (1884) e hidroeléctricas (1893) en Galicia (vid. supra) e a difusión da novidade e dos rudimentos técnicos da electricidade, a adaptación das primitivas dínamos para producir electricidade nos aproveitamentos hidráulicos existentes ía ser inmediata, malia que naquelas datas as limitacións na transmisión da corrente continua non permitisen o seu transporte a distancias significativas.

A pesar diso, as modestas centrais hidroeléctricas (moitas veces rudimentarias adaptacións de antigos muíños fariñeiros ou papeleiros) constituíron a base da electrificación daquelas poboacións próximas ao seu emprazamento. Nunha segunda e tamén temperá etapa, desde o momento no que a técnica estivo comercialmente dispoñible no primeiro decenio de 1900, moitas das vellas dínamos de corrente continua foron substituídas por xeradores de corrente alterna trifásica, permitindo a subministración da electricidade a maiores distancias.

A comarca eumesa non sería allea á adaptación á nova fonte de enerxía para iluminación e forza motriz, e, á vez que se tramitaban numerosas peticións de novos aproveitamentos hidráulicos para a produción de electricidade, acometíanse en non poucos dos muíños xa existentes as modificacións necesarias para adaptar unha dínamo á súa maquinaria ou instalar unha pequena turbina axustada a unha dínamo e poder así facer lucir algunha lámpada na casa. En non poucas ocasións levantábase unha nova construción coa finalidade concreta de producir enerxía eléctrica, como exemplifica , entre outros, o caso do aproveitamento das Fervenzas de Someso, neste inventario recollido.

Sen dúbida a relativa facilidade de acceso aos saberes técnicos máis novos que se manexaban nos estaleiros e arsenais ferroláns, debeu de ser importante para a difusión da electricidade na comarca. Aqueles traballadores máis capacitados ou mellor preparados serían os encargados de construír e poñer en marcha as instalacións eléctricas solicitadas polos seus veciños, mentres que os habilidosos ferreiros que construían e reparaban os rodicios dos muíños da comarca atrevíanse a enfrontarse ás “novas” turbinas Pelton, apropiadas para moitos dos pequenos saltos hidráulicos daqueles tempos.

Ademais do coñecemento da iluminación con lámpadas por parte daqueles que visitasen as cidades, a posta en servizo das centrais hidroeléctricas da Fervenza (no río Belelle, en outubro de 1901) e A Ventureira (no río Eume, a finais de 1902) para fornecer electricidade respectivamente a Ferrol e A Coruña (García, 1990:86 e 91), suporía un novo acicate para todos os habitantes dun medio rural que se vía obrigado a alumarse con “gas” (así se designaba ao queroseno ou petróleo lampante), “carburo” (candil de acetileno) ou as sempiternas candeas.

Non tardaría en circular a noticia da instalación no muíño dalgún veciño dun pequeno “salto” (un termo popular para nomear a unha central hidroeléctrica) que lle permitía ter luz eléctrica en casa, e aquel exemplo estimularía non só a posta en marcha doutros similares, senón tamén a construción de aproveitamentos hidroeléctricos cuxo maior tamaño faríaos acredores do nome de “fábrica da luz” e permitiría a subministración da corrente eléctrica a varias vivendas das súas proximidades e aínda, durante o día, a algunha serra ou muíño fariñeiro.

O 12 de febreiro de 1908 autorizábase por concesión administrativa a Francisco Corral Pico o aproveitamento con fins hidroeléctricos de ata 1.000 metros cúbicos por segundo das augas do río Eume nun salto de 4’5 metros cunha potencia instalada de 30 quilowatts.

Entre 1906 e 1908 Antonio Prieto construíra sobre un muíño existente no río Eume, a pouco máis dun quilómetro augas arriba da vila das Pontes de García Rodríguez, un novo muíño, “O Muíño Novo de Prieto”, dotado dunha turbina hidráulica para a produción de electricidade. A electricidade xerada consumíase durante o día nun muíño eléctrico de cereal que “Prieto e Compañía” tiñan na vila, preto da ponte de Isabel II, a un quilómetro de distancia. Pola noite, a produción da “fábrica de luz” destinábase á iluminación pública das rúas da vila pontesa [Martín, 2003].

Desde o 7 de xullo de 1948, coa conexión do primeiro grupo á rede eléctrica de Electra do Viesgo, a enerxía eléctrica producida na central termoeléctrica construída pola “Empresa Nacional Calvo Sotelo” (ENCASO) nas Pontes, con dous grupos iguais de 16.000 quilowatts cada un (vid. ficha 578), iría substituíndo a subministración de electricidade que na vila e nas aldeas viñan proporcionando as pequenas centrais hidráulicas explotadas por empresarios individuais ou pequenas empresas como a citada de “Prieto e Compañía”.

A entrada en servizo da liña da “Sociedad General Gallega de Electricidad” (SGGE) entre Ferrol e As Pontes o 12 de setembro de 1950 e a posterior extensión das redes eléctricas, acelerada desde 1955 tras a integración da “Gallega” en “Fuerzas Eléctricas del Noroeste” (FENOSA), suporía a definitiva clausura das pequenas e precarias centrais hidroeléctricas locais.

“O Muíño Novo de Prieto”, hoxe en día máis coñecido como “Muíño da Ribeira”, foi restaurado no ano 2009 e cedido pola familia de José Ferro Rodeiro “para uso e desfrute dos veciños das Pontes”, como quedou recollido na placa conmemorativa.

Na restauración foi suprimida a construción a xeito de pequena torre de sección cadrada que acollía o transformador elevador de tensión, os interruptores, fusibles e seccionadores de saída das liñas de distribución da electricidade. Parte da maquinaria do muíño e do material eléctrico das súas instalacións permanece conservada nun almacén municipal.

Tempo de uso:

Todo o ano, con algunha interrupción nas estiaxes ou nos anos de fortes secas.

Sistema de produción:

As primeiras “fábricas de luz” en construírse (despois de 1882) foran moitas veces unha sinxela adaptación dunha dínamo de corrente continua na roda hidráulica dun muíño fariñeiro ou papeleiro xa existente. No mellor dos casos, o motor hidráulico da instalación sería a roda horizontal creada co nome de turbina por Benoît Fourneyron en 1827 (comercializada en Francia a partir do 1837) e a súa variante, rexistrada en 1840 como tipo Fontaine-Baron e amplamente utilizada dende aquela polo seu elevado rendemento. Aínda que as limitacións na transmisión da corrente continua non permitisen o seu transporte a distancias significativas, as primitivas centrais hidroeléctricas constituíron a base da electrificación das poboacións próximas ao seu emprazamento.

Naqueles casos en que a enerxía hidráulica resultaba dificilmente accesible, instaláranse centrais termoeléctricas baseadas en motores de gas ou máquinas de vapor, alimentadas en ámbolos dous casos por carbón, consumido no gasóxeno, no primeiro caso, e na caldeira, no segundo.

Pola incerteza do funcionamento das primitivas centrais hidroeléctricas, e a precariedade técnica nestes primeiros tempos, axiña predominaran as instalacións térmicas (máquina de vapor ou motor de gas) sobre as hidráulicas, xa que os promotores non se atrevían a construír as centrais xeradoras máis aló de dous ou tres quilómetros do centro das localidades ás que ían subministrar. Todas eran de pequeno tamaño, en xeral non superior aos douscentos cabalos de vapor (uns 150 kW) e principalmente destinadas ao servizo do alumeado público.

Pronto deseñaríanse e construiríanse instalacións especificamente destinadas á produción de electricidade, e nelas xa o xerador sería de corrente alterna trifásica (dende 1893), cun transformador eléctrico de saída para elevar o nivel de tensión para o transporte económico da enerxía até os puntos de consumo.

Co obxectivo de optimizar a produción de electricidade, as máquinas hidráulicas (turbinas) que accionaban os alternadores serían elixidas consonte as características de caudal e de altura do aproveitamento hidroeléctrico a desenvolver, sendo as máis frecuentes as turbinas de reacción do angloamericano James Bicheno Francis (1849), as turbinas de acción do estadounidense Lester Allan Pelton (1879) e as xa máis modernas turbinas de fluxo axial do austríaco Viktor Kaplan (1913). A este tres tipos fundamentais pódese engadir o da turbina de fluxo cruzado, desenvolvida de maneira independente polo australiano Anthony Michell (1903), o húngaro Donat Banki (1917) e o alemán Fritz Ossberger (1933), que, aínda que ten un rendemento inferior ás anteriores, resulta moi económica e permite traballar con grandes variacións de caudal.

No caso do salto da “Fábrica da luz de Prieto”, aproveitárase a infraestrutura existente nun muíño situado na marxe dereita do río Eume, a pouco máis de un quilómetro ao levante da vila de As Pontes de García Rodríguez. O que tamén coñeceríase como “o muíño novo de Prieto”, alimentase nunha curva do río Eume grazas a unha tosta duns corenta e cinco metros de anchura, lixeiramente convexa cara augas arriba, que deriva as augas pola canle construída pola ribeira dereita. Á vella tosta do muíño chámanlle hoxe en día “Fervenza As Feiticeiras”.

A canle de derivación ten unha lonxitude duns cincuenta e dous metros e vai ensanchándose desde uns dous metros ata os case cinco metros no estanque ou cubo do muíño. A canle de restitución, a que devolve as augas ao río, mide pouco máis de trinta e oito metros de lonxitude, cunha anchura da orde de metro e medio.

A planta do muíño é rectangular, de doce por cinco metros e a edificación ten dúas alturas exteriores diferentes, e dous niveles do piso no interior. A parte que está sobre o estanque terá uns catro metros de longo con dous e medio de altura sobre o nivel do estanque; posibelmente tivera acollido o tremiñado do muíño primitivo. A continuación, sobre o inferno que acollera a máquina hidráulica, a construción desenvólvese ata os catro metros de alto en uns dous metros e medio, e redúcense de novo os paramentos a uns dous e medio na parte do edificio de entrada ao muíño e á casa vivenda do mesmo (vid. fotografías).

A fábrica da construción é de cachotaría, con pezas de cantearía en linteis e xambas. As cubertas van a dúas augas, con lousa do país sobre armaduras de madeira de castiñeiro.

No canto da máquina, a falta de poder comprobar os datos, creemos que debería tratarse dunha turbina tipo Francis de cámara aberta, que por medio das poleas que aínda se conservan, accionaba directamente un alternador síncrono trifásico.

O muíño contaba cunha construción de planta cadrada de dous metros de lado e case seis de altura, arrimada á casa vivenda, que acollía os aparellos eléctricos e da que partían as liñas de distribución da electricidade aos usuarios.

A liña de saída principal levaba a corrente ata cerca da Ponte Isabel II, uns mil douscentos setenta metros augas abaixo e mil cen en liña recta, onde Prieto tiña un muíño fariñeiro movido pola electricidade da “fábrica da luz”. Nunha intelixente xestión dos recursos, a moenda facíaa nas horas de luz natural, e cando faltaba, a enerxía producida na “fábrica” aproveitábase na iluminación das rúas da vila.

Actividades laborais:

Nos primeiros tempos, o encargado da central, e ás veces un axudante, eran os únicos operarios necesarios para o funcionamento e mantemento das instalacións. Para mellor atender ao servizo día e noite, as centrais desta época tiñan prevista unha casa vivenda para o encargado e a súa familia, completada cunha horta e un galiñeiro para atender á súa mantenza. En caso de proximidade dunha zona habitada, o encargado e a súa familia residían nunha vivenda dos arredores.

Emprego:

Sen datos.

Materias Primas:

Auga.

Produtos Elaborados:

Electricidade.

Distribución e comercialización:

Local.

Referencias Bibliográficas:

Bartolomé Rodríguez, Isabel (2007): “La industria eléctrica en España (1890-1936)”, Estudios de historia económica, nº 50, Madrid: Banco de España. DL M-15409-2008. ISSN 0213-2702.

Bolstorff, H. (1926): “Alumbrado”, Manual del Ingeniero, Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, trad. de la 24ª edición alemana, tomo II. Barcelona: Gustavo Gili, Capítulo VI, p. 936-965.

Carmona Badía, Xoán (2016): La Sociedad General Gallega de Electricidad y la formación del sistema eléctrico gallego (1900-1955), Biblioteca de Historia del Gas, Sabadell: Fundación Gas Natural Fenosa. DL B-21370-2016. ISBN 978-84-617-5114-3.

Carmona Badía, Xoán; Nadal Oller, Jordi (2005): El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Castro Ferreiro, Antonio (2017): “A fábrica da luz de Prieto”, comunicación personal na entrevista realizada n’As Pontes de García Rodríguez o 19 de setembro do 2017.

Delimar; Marko; Moser, Josip; Szabo, Aleksandar (2007): "First AC Power Systems in Croatia", 2007 Institute of Electrical and Electronics Engineers (IEEE) Conference on the History of Electric Power Schedule/Program [on line] Available at http://www.ieee.org/web/aboutus/history_center/conferences/che2007/prog_comm [Retrieved 10/08/2017].

Edison Tech Center (n.d.): “Dolgeville Hydro Power 1879”, in The Miracle of Electricity and Engineering, Edison Tech Center, Schenectady, New York, U.S.A. [on line] Retrieved August 29, 2001, from http://www.edisontechcenter.org/Dolgeville.html.

García Fontenla, Ramón (ed.) (1990): Cien años de luz eléctrica en Galicia, introducción de Domingo García Sabell, Madrid: Unión Fenosa. D.L. M-45870-1990.

Kyser, Herbert (1930): Centrales generadoras de energía eléctrica. Versión directa de la 2ª ed. alemana revisada y ampliada por Manuel Lucini, Barcelona: Editorial Labor.

Lara Coira, Manuel (2017): “Aproveitamentos hidroeléctricos no termo municipal de As Pontes de García Rodríguez”, Hume, revista de estudos históricos locais, número 10, Ano 2017 (p. 143-165), As Pontes de García Rodríguez (A Coruña): Asociación de Estudos Históricos e Sociais “Hume”. DL C-683-2008. ISSN 1888-6183.

Lara Coira, Manuel (2019): “La comarca del Eume y la electricidad”, Las fragas del Eume, historia y cultura, Víctor Alonso Troncoso, Álvaro Iglesias Maceiras, José Manuel Yáñez Rodríguez (eds.), p. 365-382, Santiago de Compostela: Andavira Editora. DL C-2208-2019. ISBN 978-84-121160-4-5.

Martín Seijo, María (2003): “O Patrimonio industrial de As Pontes”, Patrimonio histórico de As Pontes de García Rodríguez, Víctor Alonso Troncoso (coord.), A Coruña: Universidade da Coruña. DL C-2064-2003. ISBN 84-9749-073-8.

Minicentrales hidroeléctricas (1989): Estudio coordinado por “Gestión Energética de Galicia, S.A.” (GESTENGA), Santiago de Compostela: Consellería de Industria, Comercio e Turismo da Xunta de Galicia.

Simões, Ilídio Mariz (1982): “As primeiras instalações de produção e distribução de energia eléctrica em Portugal”, Revista Electricidade, núm. 285, Fevereiro 1982, e núm. 288, Abril 1992.

Sintes Olivés, Francisco F.; Vidal Burdils, Francisco (1933): La industria eléctrica en España. Estudio económico-legal de la producción y consumo de electricidad y de material eléctrico, Barcelona: Montaner y Simón.

Souto López, Manuel (2014): “A central térmica da Empresa Nacional Calvo Sotelo e o seu impacto no sistema eléctrico galego”, Hume, revista de estudos históricos locais, número 7, Ano 2014 (p. 55-109), As Pontes de García Rodríguez (A Coruña): Asociación de Estudos Históricos e Sociais “Hume”. DL C-683-2008. ISSN 1888-6183.

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 23-I As Pontes de García Rodríguez /// Datum ETRS89: H 29 // X 593.883,85 m / Y 4.811.664,07 m

Centro Nacional de Información Geográfica (s/d): Fotototeca Digital, Instituto Geográfico Nacional, Ministerio de Fomento del Gobierno de España [en línea]. Disponible en internet: http://fototeca.cnig.es/ [Acceso 28 febreiro 2020].

Instituto de Estudos do Territorio (IDE) da Xunta de Galicia (s/d): Información Xeográfica de Galicia: visualizador de mapas [en liña]. Dispoñible na Internet: http://mapas.xunta.es/visualizador-de-mapas [Acceso 4 abril 2020].

Instituto Geográfico Nacional (s/d): Serie MTN25 (Mapa Topográfico Nacional 1:25.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional25.jsp? [Acceso 9 abril 2014].

Xunta de Galicia (Consellería do Medio Rural) (s/d): Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícola (SixPac): visor de mapas [en liña]. Dispoñible na Internet: http://sixpac.xunta.es/visorsixpac/ [Acceso 4 abril 2020].

Data de Actualización:

12 abril 2020