580 Poboados de colonización na Terra Chá

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: Lugo
  • Concello: Cospeito (referencia) e Castro de Rei
  • Parroquia: Varias dos dous concellos
  • Lugar: Varios dos dous concellos
  • Paraxe: Varios dos dous concellos
  • Dirección: Non procede
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 43.23632374221213
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -7.557542206878662
  • Coordeadas UTM: Datum ETRS89: H 29 // X 617.285,89 m / Y 4.787.996,33 m
  • Clasificación: Obras públicas de enxeñaría civil
  • CNAE: 41.21 Construción de edificios residenciais. 42.22 Construción de redes eléctricas. 42.91 Obras hidráulicas. 43.12 Preparación d
  • Tipoloxía: Obras hidráulicas (infraestruturas de regadío) e novos poboados agro gandeiros
  • Comarca: A Terra Chá
  • Marco Xeográfico: Unha grande extensión da Terra Chá, entre a estrada de Vilalba a Meira e a vila do Castro de Ribeiras de Lea, atravesada polo rí
  • Ámbito: Rural
  • Acceso: Saíndo de Vilalba pola estrada Lu-120 cara a Meira, a uns trece quilómetros apartaremos pola dereita pola LU-111 cara á Feira do Monte, lugar central das actuación levadas a termo. Dende alí, e ata O Castro de Ribeiras de Lea, poderemos recorrer os camiños e visitar os poboados e as infraestruturas construídas para o regadío.

Tipo de propiedade:

Pública e privada

Visitable:

Si

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

Rematada a Guerra Civil Española (1936-1939), o novo goberno do estado necesitaba crear emprego e aumentar a produción de bens de primeira necesidade, comezando polos alimentos. Ao mesmo tempo, nun intento de reforma social, intentaría a redistribución da propiedade da terra, en moitas rexións en mans de latifundistas. Como instrumento da política agraria do novo réxime, o 18 de outubro de 1939 creábase o “Instituto Nacional de Colonización y Desarrollo Rural”, dependente do Ministerio de Agricultura.

Despois da devastación que deixara a guerra, a súa creación viña motivada pola necesidade de efectuar unha reforma tanto social como económica da terra. O obxectivo principal do Instituto de Colonización era o de levar a ramo a necesaria transformación do espazo produtivo mediante a reorganización e reactivación do sector agrícola e o incremento da produción agrícola polo aumento das terras de labor e da superficie de regadío.

A estratexia política do Novo Estado viría substituír o obxectivo da Segunda República da redistribución da terra, por unha política de colonización baseada na transformación do medio rural. As ferramentas da transformación serían o aumento do regadío e a creación de novas zonas de rega, co propósito de mellorar e incrementar a produtividade agraria. E a consecución das melloras perseguidas, permitiría o asentamento nos pobos de colonización dun campesiñado autosuficiente.

A nova política agraria habería de transformar en regadío amplas zonas de secaño. Onde antes houbera un monte baldío ou un terreo improdutivo, levantaríanse poboados e construiríanse encoros, canles, gabias, camiños e carreteiras. O Estado expropiou setecentas mil hectáreas de secaño que converteu en terras de regadío que adxudicaría aos novos colonos. As actuacións tiveron lugar en cento oitenta e nove zonas das principais concas fluviais, deseñando os plans de regadío do Baixo Guadalquivir (Sevilla), das Bardenas (Navarra e Aragón), do Cinca (Aragón e Cataluña), do Alagón (Cáceres), de Genil-Cabra (Córdoba e Sevilla), os Monegros (Aragón), Peñarroya (Córdoba) e o Val de Lemos (Lugo).

Arredor das manchas verdes edificaríanse, entre 1939 e 1975, trescentos “Poblados de Colonización”, a meirande parte deles no decenio de 1950 (en 1949 habíase promulgado a Ley de Grandes Zonas Regables). Destacan oitenta e un poboados na conca do Guadalquivir, cincuenta e catro na do Guadiana e corenta e un na do Ebro. Cinco mil duascentas familias de obreiros e cincuenta e dúas mil familias de colonos foron mobilizadas para asentarse nas novas zonas de regadío.

Os poboados de colonización asentáronse fundamentalmente nas concas fluviais, creando unha estrutura rexional ao redor dos principais ríos peninsulares: Douro, Tajo, Guadiana, Guadalquivir e Ebro. Moitos destes pobos tomarían o seu nome do río do cal derivaban o regadío, seguido dunha postila referente ao Xefe do Estado, o xeneral Francisco Franco Baamande: Guadiana del Caudillo, Llanos del Caudillo ou Bárdena do Caudillo. Como en outras iniciativas cobizosas por esquecer a historia, gran parte destas referencias elimináronse coa desaparición do réxime franquista, mais aínda sobreviven algunhas delas.

Os máis de trescentos pobos creados polo Instituto de Colonización en España, chegarían a acoller, albergar e dotar de medios de subsistencia a unhas cincuenta e cinco mil familias, no que foi un dos maiores movementos migratorios peninsulares do século XX. Estes poboados de colonización edificáronse en vinte e sete provincias da península, e cada rexión albergaba as súas delegacións do Instituto de Colonización, habitualmente localizadas nas capitais provinciais, aínda que tamén se instalarían delegacións en grandes poboacións como no caso de Talavera de la Reina (Tajo) ou Jerez de la Frontera (Guadalquivir).

Os candidatos a colonos debían ter polo menos dous anos de experiencia en tarefas agrarias; ter entre vinte e tres e cincuenta anos; estar casado e con fillos, «cantos máis mellor»; saber ler e escribir, e acreditar moralidade e condutas aceptables. Aos elixidos asignábaselles, por sorteo, unha casa, unha parcela de entre catro e corenta hectáreas, un horto, sementes, abono, un carro, os apeiros de labranza, unha xunta de bois ou de mulas e unha vaca de leite para consumo da familia. Os chegados atopaban un pobo sen terminar, coas rúas de terra, sen rede de sumidoiros nin luz eléctrica. Todos os pobos eran case iguais e as casas tamén: ao principio a xente confundíase e entraba na do veciño. A vivenda tiña entre cento cincuenta e douscentos metros cadrados, pero sen auga nin luz eléctrica. Non tiñan mobles e vivían na cociña, pois a maioría do espazo destinábase aos currais e ao celeiro.

Consecuencia da iniciativa xurdiron áreas de regadío moi dinámicas, consolidándose en algúns municipios, como en Badajoz os de Valdelacalzada, asento de mil familias, con máis de dous mil setecentos habitantes, e Guadiana del Caudillo, creado por douscentos setenta e seis colonos, que acadaría os dous mil habitantes. Outros poboados quedarían como poboacións frustradas e algún deles converteríase hoxe en día en lugar de segunda residencia para cidades próximas.

Coas súas eivas, a política de colonización desenvolvida durante o franquismo tivo unha incidencia social, económica, agronómica e paisaxística innegable, ben que con resultados diferentes segundo as zonas de actuación territorial. Con todo, a comunidade científica recoñece a relevancia da obra arquitectónica da política de colonización franquista, expresada na construción dos máis de trescentos novos pobos de colonización en toda España.

Para o deseño destes poboados, ademais dos arquitectos do seu propio cadro de persoal, para o Instituto de Colonización traballarían uns oitenta arquitectos contratados. Entre aqueles, arquitectos notables como Manuel Rosado, Jesús Ayuso Tejerizo, Manuel Jiménez Varea, Agustín Delgado de Robles ou Pedro Castañeda Cagigas; entre estes, algúns tan importantes como Alejandro de la Sota Martínez (arquitecto en excedencia del Instituto), Carlos Arniches Moltó, José Borobio, José Antonio Currais, Fernando de Terán ou Antonio Fernández Alba. De entre todos, foi José Luis Fernández del Amo quen planificou os poboados de colonización máis brillantes, como o de Vegaviana (Cáceres) ou o de Cañada de Agra (Albacete).

O “Instituto Nacional de Colonización y Desarrollo Rural” desaparecería en 1971, para converterse no “Instituto Nacional de Reforma y Desarrollo Agrario” (IRYDA).

Descrición Xeral do Entorno:

Unha grande extensión da Terra Chá, entre a estrada de Vilalba a Meira e a vila do Castro de Ribeiras de Lea, atravesada polo río Miño e sucada de norte a sur polo Támoga e o Anllo, afluentes do Miño pola dereita, e, de sur a norte, polo Lea, tributario pola esquerda. Terreo de matogueiras de toxo e breixo, salpicado de brañais, encharcadas e terreos pantanosos.

Construcción:

1956-1968.

Abandono:

As infraestruturas de rega, as vivendas e almacéns continúan en uso na data de actualización desta ficha.

Descrición:

Na década de 1950, o Ministerio de Obras Públicas do Goberno de España decidía desenvolver estudos de carácter técnico sobre a necesidade de transformar en regadío algunhas áreas de Galicia. Como resultado dos traballos realizados no territorio galego consideráranse de interese o Val do Ulla, na provincia da Coruña; o Val de Lourenzá, a Terra Chá, Sarria e o Val de Lemos, na provincia de Lugo; e a Lagoa de Antela, na provincia de Ourense. Das seis zonas propostas, só en catro delas executáronse obras de infraestrutura (o Val de Lourenzá e Sarria quedarían excluídas), e unicamente en tres delas régase aproveitando as redes de distribución construídas e contan con comunidades de rego consolidadas; son a Terra Chá, o Val de Lemos (vid. ficha 568) e a Lagoa de Antela, na Limia.

En coordinación coa transformación en zonas de rega, o Ministerio de Agricultura, por medio do “Instituto Nacional de Colonización y Desarrollo Rural”, vai emprender unha serie de actuacións nunhas comarcas de Galicia caracterizadas polo minifundismo e o autoconsumo nun contexto agrícola e gandeiro. Xunto cunha pequena actuación na illa de Ons, a Terra Chá, o Val de Lemos e A Limia van ser as áreas propostas para o asentamento de colonos, malia que tan só na Terra Chá chegaría a materializarse o previsto asentamento dos colonos.

Sendo Ministro de Agricultura Rafael Cavestany de Anduaga, por decreto de 10 de febreiro de 1956 aprobábase o “Plan General de Colonización de la Tierra Llana de Lugo”. O Instituto Nacional de Colonización actuaría en varias bolsas de monte comunal (unhas dúas mil oitocentas noventa hectáreas) dos termos municipais de Cospeito e Castro de Rei, obtidas mediante expropiación “con el fin de eliminar los obstáculos que se presentaban para elevar el nivel económico y social de esta zona”, e nas que de camiño iniciaría a cavadura para a preparación das terras.

As directrices do plan contemplaban: a modificación completa do medio natural, mediante a cavadura e emenda do terreo co emprego da maquinaria e a técnica apropiada; o saneamento dos terreos pantanosos e encharcados, mediante a construción de colectores, desaugues e execución da rede de camiños necesaria para o servizo das parcelas; a utilización dos caudais do río Miño e os seus tributarios de cabeceira para a creación de pradarías permanentes de rega; a instalación de colonos en unidades familiares, dotadas de vivendas e das dependencias que exixe a explotación orientada en sentido gandeiro; a creación de centros cívicos para atender ás necesidades espirituais, culturais e sanitarias dos colonos, así como os servizos cooperativos de gandaría e maquinaria agrícola.

Coa denominación de “Tierra Llana de Lugo”, ordenaríanse catro asentamentos diferentes agrupados en tres sectores de varias parroquias dos termos municipais de Cospeito e Castro de Rei: A Espiñeira, no sector I; O Arneiro, no sector II-A; A Veiga do Pumar, no sector II-B; e O Matodoso, no sector III.

O terceiro sector vai ser o primeiro en desenvolverse, poboándose entre os anos 1959 e 1962, nos que España iniciaba a recuperación económica e o proceso de industrialización. En 1964, o Instituto levaba construído cincuenta e nove quilómetros de camiños rurais, cento trece vivendas e os centros cívicos de Matodoso e Arneiro; setenta e seis vivendas máis estaban en construción, así como os centros de A Espiñeira e de Veiga de Pumar. Non sería ata o período de pleno desenvolvemento económico español, nos anos de 1966 a 1968, cando os colonos accedan aos outros dos sectores de colonización.

Ademais da preparación de camiños e obras de rega, das trescentas corenta e oito vivendas previstas serían construídas un total de cento oitenta e nove vivendas (doce no sector I, corenta e catro, no II-A; vinte, no II-B; e cento trece, no III), ordenadas arredor dos tres centros cívicos estabelecidos en O Arneiro, A Veiga do Pumar e O Matodoso. En A Espiñeira, polas poucas vivendas construídas e a súa proximidade á Feira do Monte, a capitalidade de Cospeito, non se construiría o centro cívico.

Os colonos chegados para ocupar as novas vivendas foron na súa maioría caseiros, persoas que vivían suxeitas a un peculiar réxime de desfrute de propiedades agrarias, un sistema arraigado na Galicia rural, no que o caseiro tiña que pagarlle ao propietario do terreo que habitaba e traballaba cunha parte das colleitas; os caseiros chegados as zonas de colonización accedían así por primeira vez á propiedade da terra. Chegarían tamén como colonos persoas desprazadas do seu lugar de habitación pola construción de presas e embalses, aos que o Estado se comprometera a aloxar noutro lugar. Outros colonos chegarían de León, Cantabria e mesmo Marrocos.

Ademais dos traballos propios do plan, o Instituto realizaría algunhas obras complementarias en localidades próximas: cortes, cámaras de fermentación e depósitos de rega en Magoi (Lugo); cortes e silos en Guntín (Bazar); almacéns e galiñeiros en Outeiro de Rei; almacén e celeiro da Irmandade de Labradores e Gandeiros en Friol; mellora dos accesos á fábrica de cementos de Oural.

Tempo de uso:

Todo o ano.

Sistema de produción:

O sistema tradicional de rega baséase na construción de canalizacións (gabias, canles, quenllas) que levan a auga e a distribúen polas zonas agrícolas. Nos puntos terminais da condución de transporte, a quenlla desemboca na arqueta desde a que se deixa saír a auga para regar.

A entrega da auga ao terreo faise “a manta”, por inundación dende as levadas, ou por infiltración dende os sucos practicados no chan. Estes sistemas tradicionais exixen un elevado consumo de auga, polo que se miran de substituír por sistemas máis eficaces nos que, por contra, necesítanse investimentos iniciais máis elevados.

Dos sistemas modernos de rega cabe citar os de aspersión e os localizados. Nas regaduras por aspersión a auga distribúese en finas gotas sobre a terra, nun intento de asemellarse á choiva. O localizado é o sistema de rega máis eficaz, no que libéranse pequenas cantidades de auga polos diversos buratos practicados nunha tubaria, que descorre pola zona a regar, e que pode ir enterrada.

A auga empregada para o regadío tómase dun pozo ou dun curso de auga. En calquera dos casos, é precisa a elevación desde o punto de toma ata o de entrega, o que facíase tradicionalmente por medio de noras, unhas rodas hidráulicas autónomas que vertían a auga no arranque dos canais, ou dunhas cadeas de canxiróns (noras de rosario) movidas por unha besta ou por un artificio accionado polo vento, no caso dos pozos.

Nos casos nos que a orografía o permite, a disposición dun obstáculo (unha represa) entorpecendo o curso fluvial, consigue a elevación do nivel da auga sobre o leito do río diante do obstáculo interposto, o que permite derivar a auga á cabeceira do canle de transporte.

Pódese tamén elevar a auga por medios mecánicos (bombas), que necesitan no seu caso do concurso dun medio externo de arrastre, normalmente un motor eléctrico.

No que atinxe á dotación de vivendas e dependencias, a intervención do Estado na Terra Chá caracterizouse pola baixa densidade e a opción de vivenda diseminada, un modelo disperso nunha rexión onde este é o paradigma: un poboado difuso, carente de agrupacións de vivendas, no canto de un poboado de colonización como os desenvolvidos noutras rexións.

A ordenación do territorio fíxose con criterios agrícolas de optimización e aproveitamento do parcelario, e consiste nun trazado de viarios agrícolas (as pistas) que serven de soporte ás vivendas e os seus lotes, e que mantéñense conectadas co chamado centro cívico ou cos núcleos rurais xa existentes. Como referencia da súa articulación espacial empregaríase o coñecido como “módulo carro”, que viña sendo unha distancia máxima de dous e medio a tres quilómetros (arredor de media legua), traxecto que podía recorrerse nun carro nuns corenta e cinco minutos.

O “módulo carro” serviría para estabelecer a separación entre a vivenda e a súa parcela, e tamén a distancia da casa ao centro cívico, polo que dous centros cívicos contiguos estaría afastados arredor dunha legua: cinco quilómetros de Arneiro a Veiga do Pumar e seis de Veiga do Pumar a Matodoso (unha legua, o camiñado nunha hora, equivalente a cinco mil cincocentos cincuenta e seis metros).

A importancia social do “módulo carro” ou de media legua destacábase nas escritas do réxime anotando que “cando a casa queda afastada máis de dous quilómetros e medio da igrexa e da escola, a porcentaxe de colonos e familiares á marxe da relixión e analfabetos é enormemente elevado, xa que, desgraciadamente, por regra xeral, entenden que a asistencia a aquelas non lles reporta beneficios que lles compensen do esforzo nos desprazamentos”.

O feito de optar por vivendas illadas loxicamente incrementou o custo total da actuación, o que vai compensarse coa agrupación de dúas, tres ou catro vivendas nun casal, para abaratar a distribución da enerxía eléctrica, “conseguindo á vez a necesaria variación para non incorrer en monotonía”.

Xunto coa vivenda e as dependencias agrícolas, o Instituto de Colonización aportaba terras acondicionadas para plantar e dotadas de rega. A explotación tipo tiña de catro a oito hectáreas de cabida: no sector tres (1960) serían lotes mixtos de catro hectáreas de secaño e dúas de rega, mentres que nos outros dous sectores (1965) serían de seis de secaño e oito de rega, aumentando por tanto a superficie total e proporción de regadío.

A evolución do modelo de explotación estabelecido axudará á superación definitiva do padrón de autoconsumo e propiciará o cooperativismo e a modernización das actividades agro gandeiras, seguindo os criterios da política agraria española da época.

Odón Fernández Lavandera, Mariano Fernández Rico, José Antonio Escribano Blesa e Ignacio Vivancos Gabarda foron os enxeñeiros agrónomos que interviñeron nestes proxectos primando nos criterios de ordenación a funcionalidade da explotación agropecuaria, da que sería subsidiaria o deseño arquitectónico de Alejandro de la Sota, Santiago García Mesalles e Miguel Ángel Leal Echevarría.

A política de vivenda do Instituto de Colonización asumiría os razoamentos económicos de José Fonseca Llanedo (1936) en canto a considerar a casa como un instrumento máis da explotación rural, entendendo e estabelecendo a correspondencia entre o tipo de explotación e o programa de vivenda.

A primeira fase de vivendas e dependencias agrícolas, desenvolvidas no sector III, incorporará o deseño dos catro tipos de vivenda e os seus anexos agrícolas, que se lle encargara en marzo de 1956 a Alejandro de la Sota para que servisen como referencia edificadora nos tres sectores de colonización, deseños que serían aprobados pola dirección xeral no mes de outubro dese mesmo ano.

A vivenda é de planta baixa rectangular, vinculada polo seu lado maior ao camiño, e ocupa a posición central entre o alpendre e o conxunto do cortello e o silo do feo, disposto en dúas plantas, que se arrima ortogonalmente ao corpo residencial.

O conxunto do cortello e o silo desenvólvese en dúas plantas, accedéndose á superior, a palleira, por unha escaleira exterior. As dependencias agrícolas complétanse co galiñeiro e a corte dispostos nun silo cilíndrico independente da casa. A distribución interior é similar nos catro tipos de vivenda: soportais, cociña e comedor vinculados, tres dormitorios, un aseo, unha despensa e un forno practicable desde o exterior.

Consecuencia das críticas desfavorables dos colonos ocupantes do primeiro sector desenvolvido, no desenvolvemento dos sectores I e II introduciríanse importantes diferencias nos modelo propostos por de la Sota, cunha mellor adaptación tanto ás condicións climáticas da zona como á arquitectura popular da comarca.

Dos catro tipos alternativos propostos só van desenvolverse: o tipo un, con soportal, estar, cociña, dormitorio, aseo e despensa na planta baixa, e tres dormitorios e balcón no andar; e o tipo catro, con soportal, vestíbulo, estar, cociña e despensa en planta baixa, e catro dormitorios e aseo en planta alta.

As dependencias agrícolas estarán agora distribuídas nun patio de setecentos a mil metros cadrados, situando cortello, alpendre, cuadra, galiñeiro e corte inmediatos á vivenda, e independentes da mesma dous silos e a esterqueira.

A mellora na implantación e adaptación dos edificios á tipoloxía da construción popular completaríase dando preferencia ao uso de materiais locais, dispoñendo muros de cachotería de pedra nos baixos e cubertas de lousa nos tellados.

Ademais dos traballos propios do plan, o Instituto realizaría algunhas obras complementarias en localidades próximas: cortes, cámaras de fermentación e depósitos de rega en Magoi (Lugo); cortes e silos en Guntín (Bazar); almacéns e galiñeiros en Outeiro de Rei; almacén e celeiro da Irmandade de Labradores e Gandeiros en Friol; mellora dos accesos á fábrica de cementos de Oural.

Actividades laborais:

Cabe distinguir a actividade durante a construción das infraestruturas de rega e viarias, a preparación das terras e a construción das vivendas e dependencias anexas, xeradora de abundante emprego, e as de explotación das mesmas, realizadas maiormente polos propios colonos, non sendo as periódicas visitas de mantemento das instalacións eléctricas e as infraestruturas do regadío.

Emprego:

Sen datos.

Materias Primas:

Pedra, aceiro, formigón, ladrillos, madeira, lousas e materiais e maquinaria auxiliares.

Produtos Elaborados:

Presas e canalizacións para a captación e distribución de auga, e infraestruturas eléctricas e viarias, xunto coas casas vivenda, almacéns, silos, escolas, igrexas e centros sociais.

Distribución e comercialización:

Comarcal.

Referencias Bibliográficas:

Álvaro Tordesillas, Antonio (2012): "Cuatro concursos sobre la vivienda rural en España: 1933, 1935, 1939 y 1940". Decimocuarto Congreso Internacional de Expresión Gráfica Arquitectónica. Oporto, 31 de mayo al 2 de junio del 2012, Marta Úbeda Blanco y Alberto Grijalba Bengoetxea (coords.). ISBN 978-989-640-106-1, p. 287-290

Cabana Iglesia, Ana (2008): “Lo que queda de las agras: La evolución del paisaje agrario en Galicia. El caso de la comarca lucense de Terra Cha”, Sesión I: historia agraria y agricultura sostenible, XII Congreso de Historia Agraria, Córdoba, 13, 14 y 15 marzo 2008.

Cabana Iglesia, Ana (2008): “Lo que queda de las agras, la evolución del paisaje agrario en Galicia: A Terra Chá (1954-1968)”, Ager, revista de estudios sobre despoblación y desarrollo rural, núm. 7, 2008, p. 35-58. ISSN 1578-7168.

Cancela Barrio, Javier José; Álvarez López, Carlos José; Neira Seijo, Xan Xosé; Crecente Maseda, Rafael (2002): “Modelo de gestión sostenible del agua en Terra Chá”. Actas del Congreso Internacional de Ingeniería de Proyectos, celebrado en Barcelona el año 2002. Asociación Española de Dirección e Ingeniería de Proyectos (AEIPRO) (https://www.aeipro.com/files/congresos/2002barcelona/ciip02_2138_2147.2096.pdf)

Cardesín Díaz, José María (1987): “Política agraria y transformaciones en la agricultura gallega: la zona de colonización de Terra Chá (1954-1973)”, Agricultura y sociedad, 44, p. 243-279. ISSN: 0211-8394.

Carmona Badía, Xoán; Nadal Oller, Jordi (2005): El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Confederación Hidrográfica del Norte (1997): Plan Hidrológico Norte I. Documento nº 3 Anejos. Tomo III. Anejo nº 4: Relación de Zonas de Mejora de Regadío y de Nuevas Transformaciones. Madrid: Ministerio Medio Ambiente, Secretaría de Estado de Aguas y Costas, Dirección General de Obras Hidráulicas y Calidad de las Aguas, Diciembre 1997.

Crecente Maseda, Juan Mario; Crecente Maseda, Rafael (2005): “Un proyecto global de puesta en valor. Poblados de colonización de ‘Terra Chá’ (Lugo)”, Boletín del Instituto Andaluz de Patrimonio Histórico, Año 13, núm. 52, 2005, p. 119-121. ISSN 1136-1867.

Cuesta García, Tomás S.; Neira Seijo, Xan Xosé; Cancela Barrio, Javier José (2004): “Las grandes zonas regables de Galicia: la situación actual y perspectivas”, Agricultura, revista agropecuaria y ganadera, núm. 865, 2004, p. 650-654. ISSN 0002-1334.

Fonseca Llamedo, José (1936): “Urbanización y vivienda. La vivienda rural en España: estudio técnico y jurídico para una actuación del Estado en la materia”, en Arquitectura, núm. 1, tomo XVIII, p. 12-24.

Liñares Giraut, Xosé Amancio (ed.) (1995): Feiraco, vintecinco anos (1969-1994): un modelo de agroindustria cooperativa. Negreira: Feiraco.

Llano Cabado, Pedro de (2006): Arquitectura popular en Galicia. Razón y construcción. Fotografías de Juan Rodríguez y documentación gráfica de Alfonso Salgado. Fundación Caixa Galicia, Vigo: Edicións Xerais de Galicia. DL VG-375-1983. ISBN 84-9782-463-6.

López Andión, José Manuel (1979): “Estructura y morfología agraria en la Terra Chá”, Monografías da Universidade de Santiago de Compostela, 55. Santiago de Compostela: Universidade. ISBN 84-7191-147-7.

Zas Gómez, Evaristo (2002): “A Terra Chá de Lugo, un caso atípico de poblado INC”, en Actas del Congreso ‘Arquitectura, ciudad e ideología antiurbana’, Pamplona: Escuela Técnica Superior de Arquitectura de la Universidad de Navarra, p. 197-203.

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 47-II Vilaba, 47-IV Cospeito, 48-I Muimenta, 48-III Castro de Rei e 73-I Ribeiras de Lea /// Datum ETRS89: H 29 // X 617.285,89 m / Y 4.787.996,33 m (A Feira do Monte, Cospeito)

Centro Nacional de Información Geográfica (s/d): Fotototeca Digital, Instituto Geográfico Nacional, Ministerio de Fomento del Gobierno de España [en línea]. Disponible en internet: http://fototeca.cnig.es/ [Acceso 22 decembro 2019].

Instituto de Estudos do Territorio (IDE) da Xunta de Galicia (s/d): Información Xeográfica de Galicia: visualizador de mapas [en liña]. Dispoñible na Internet: http://mapas.xunta.es/visualizador-de-mapas [Acceso 24 marzo 2018].

Instituto Geográfico Nacional (s/d): Serie MTN25 (Mapa Topográfico Nacional 1:25.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional25.jsp [Acceso 22 diciembre 2019].

Xunta de Galicia (Consellería do Medio Rural) (s/d): Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícola (SixPac): visor de mapas [en liña]. Dispoñible na Internet: http://sixpac.xunta.es/visorsixpac/ [Acceso 30 novembro 2017].

Data de Actualización:

19 abril 2020