581 Presa de Sargadelos

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: Lugo
  • Concello: Cervo
  • Parroquia: Santiago de Sargadelos
  • Lugar: Sargadelos
  • Paraxe: Monte do Medio (antiga devesa real)
  • Dirección: Non procede
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 43.65836948133741
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -7.404197635288239
  • Coordeadas UTM: Datum ETRS89: H 29 // X 628.677,98 m / Y 4.835.162,53 m
  • Clasificación: Aproveitamento hidráulico
  • CNAE: 42.91 Obras hidráulicas (infraestruturas enerxéticas).
  • Tipoloxía: Rodas hidráulicas verticais
  • Comarca: A Mariña Central
  • Marco Xeográfico: Val do río Xunco, nas abas setentrionais dos montes de Rúa
  • Ámbito: Rural
  • Acceso: Dende Lugo colleremos a estrada nacional N-634 en dirección Ribadeo. No cruce de San Cosme de Barreiros apartaremos á esquerda pola estrada nacional N-642 cara a Foz e Burela, continuando ata Cervo. Xa en Cervo miraremos pola Fábrica de Cerámica de Sargadelos, continuando pola dereita cara a Santiago de Sargadelos, e a pouco menos de dous quilómetros atoparemos o complexo industrial das Reais Fábricas de Sargadelos, cos restos da fábrica de fundición e da fábrica de louza.

Tipo de propiedade:

Pública no dominio hidráulico

Visitable:

Si

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

As presas e represas constrúense para reter a auga e, con moi diversos fins, darlle posteriormente saída. Por riba de todo, serven para almacenar e regular a auga, coa finalidade de adecuar o réxime natural dos cursos de auga (ríos, regueiros e regatos) ao réxime de necesidades (abastecemento de auga potable, regadura de campos e cultivos, obtención de traballo mecánico ou de electricidade) da demanda, que nas máis das ocasións non son coincidentes.

Aínda que moitas veces empréganse como sinónimos, para mellor comprender a súa funcionalidade e ben distinguir os matices das diferentes designacións:

Unha tosta é a parede construída no leito dun río para deter e desviar a auga cara a unha canle de rega ou dun muíño; sería propiamente o equivalente do castelán “azud”. Por unha maneira de construíla, con pedras planas encaixadas de canto a xeito de cuña, xeneralizouse o nome de chapacuña para toda obra de retención feita no curso dun río da que parten as quenllas para os muíños e prados.

Unha represa é a detención dun curso de auga, que pode ser natural ou provocada polo home (ou os castores), pero tamén designa ao dique (natural ou artificial) que retén o curso da auga.

Unha presa é a construción feita nunha corrente de auga, o muro ou dique que detén a auga para acumulala; por extensión, chámase tamén así ao volume de auga almacenada por esta construción. En moitos lugares chámanlle presa á gabia ou canle que conduce a auga desde o río ao lugar a que é destinada, correspondendo ao castelán “caz”.

Un encalco, encoro ou vaira é o estanque ou depósito de auga que se forma no curso dun río e que pode ser natural ou artificial. Ás vece o nome tamén designa ao que sería propiamente o dique, a construción (sexa obstáculo natural ou obra de enxeñaría) que impide o paso das augas do río e as contén para que se acumulen formando o estanque.

En enxeñería denomínase presa ou represa a un dique fabricado de pedra, formigón ou materiais soltos, que se constrúe sobre o leito dun curso de auga, habitualmente nun estreitamento ou desfiladeiro. Ten a finalidade de reter ou embalsar a auga no leito fluvial para elevar o seu nivel co obxectivo de captala e derivala, mediante gabias ou canalizacións, para o seu aproveitamento en abastecemento ou regadío, para atenuación de avenidas (limitando as inundacións de augas abaixo da presa) ou para a produción de enerxía mecánica pola acción sobre un elemento xiratorio.

Os diferentes tipos de diques para contención das augas responden ás diversas posibilidades de cumprir a dobre esixencia de resistir o empuxe da auga, e de evacuala cando sexa preciso. En cada caso, as características do terreo no que se constrúe e os usos que se lle queira dar á auga, condicionan a elección do tipo de presa máis adecuado.

Aínda que é posible que houbera algunha anterior en Armenia, a primeira presa da que cóntase con evidencias fiables construíuse en Xordania alá polo 3000 a.C. e subministraba auga potable á cidade de Jawa. En Exipto, considérase a de Kafara, construída no 2600 a.C., como a presa máis antiga, e xa no 1800 a.C., nos tempos do faraón Amenemhat III, os exipcios crearon o coñecido como Lago Moeris que cunha capacidade de ata douscentos setenta e cinco hectómetros cúbicos (douscentos setenta e cinco mil millóns de litros) estivo operativo durante tres mil seiscentos anos. No Yemen, con restos de pequenas presas e gabias datados dende o 1500 a.C., salienta a gran presa de Marib, construída con vinte metros de altura no 510 a.C. na capital do Reino de Saba, e que foi utilizada para o regadío durante mil trescentos anos, sendo despois abandonada.

As máis antigas civilizacións gregas destacarían nas obras hidráulicas. Porén, a imposible comprobación da lendaria construción por Dédalo duna presa en Sicilia, invita a considerar como a máis antiga a presa micénica de derivación das augas do río Lakissa, que desde o 1260 a.C. protexen das inundacións á cidade de Tirinto, na Argólida (Peloponeso, Grecia).

Inda que os romanos, no ronsel e coa axuda dos técnicos etruscos, emprenderon ben cedo importantes traballos hidráulicos xa contra o 500 a.C., como os seiscentos metros de canal da Cloaca Máxima para a drenaxe das marismas de Roma ao río Tíber, ou a drenaxe do val de Ariccia cun túnel de máis de seiscentos metros, sen esquecer os catrocentos vinte e tres quilómetros que suman os nove acuedutos construídos entre o 312 a.C. e o 52 d.C. para o abasto da cidade, non se ocuparían da enxeñaría das presas ata datas relativamente tardías.

Cando os romanos se anexionaron Grecia, cara ao 150 a.C., houberon de coñecer as presas alí construídas, o mesmo que coñecerían as israelitas, nabateas e ptolomeas tras instalarse mediado o século I a.C. no Oriente Próximo. Con todo, malia que é posible que comezaran coa construción de presas nos territorios cartaxineses conquistados na Península Ibérica contra o 200 a.C., non se conta con datos certos das primeiras presas construídas por Roma ata os das primeiras construcións realizadas no tempo de Augusto (27 a.C. ao 14 d.C.) e de Tiberio (14-37 d.C.) nas provincias hispánicas.

Os construtores romanos xa posuían técnicas de construción altamente desenvolvidas cando comezaron a construír presas, aínda que baseadas en labores fundamentalmente manuais con ferramentas simples. Como os seus predecesores, empregaban terra, pedra e madeira como materiais de construción engadindo unha novidosa creación súa: os formigóns preparados cunha mestura de area, grava, calcaria cocida e auga e, ocasionalmente, cinza volcánica ou ladrillo moído; con esta fórmula conseguían uns formigóns que endurecían mesmo baixo a auga. A partir das primeiras presas, construídas como sinxelos muros de ancho constante, mellorarían as técnicas de construción, empregando paramentos inclinados e deseñando as presas reforzadas augas abaixo por espigóns ou por contrafortes, as presas de arco e as de arcos múltiples. Exemplo destas presas, das que se teñen identificado setenta e tres en España e dezasete en Portugal, as máis antigas serían as de Alcantarilla (Toledo, 25 a.C.), Prosepina e Cornalvo (Mérida, 90 d.C.).

Trala división do Imperio Romano (Teodosio, 395 d.C.), a descomposición do Imperio Romano de Occidente (Rómulo Augústulo, 476), o asentamiento de suevos, vándalos e alanos (dende o 409) e a incuria do período visigótico na Península Ibérica (desde o 416), a chegada dos árabes no 711 vai supor a recuperación da agricultura e os regadíos, e con estes, a recuperación de presas e canles, e a construción de novas infraestruturas hidráulicas, entre as que destacan as nove represas de derivación construídas no século X para regar as hortas de Valencia.

Na Idade Media, ademais de nos regadíos e abastecementos, a auga vai empregarse como fonte de enerxía máis alá da moenda de cereais. Contra o século IX, a invención da leva vai facilitar a diversificación dos usos motrices da auga en aplicacións para mazos, prensas, serras, foles ou bombas, dándoselle preferencia á colocación das roda hidráulicas afastadas das ribeiras dos leitos dos ríos, protexidas das avenidas e o impacto de obxectos flotantes. Os sistemas de derivación das augas por gabias ou canais vai favorecer a construción de represas e de depósitos de acumulación e regulación que asegurasen unha certa subministración estable ás rodas hidráulicas.

As primeiras represas de derivación medievais consistían en unha tosta construída por dúas ringleiras de postes de madeira espetado no leito, unidos entre si e cun recheo de terra e pedras no espazo entre as dúas filas de estacas. Unha das máis grandes represas deste tipo sería a tosta de Bazacle, cerca de Toulouse, con catrocentos metros de lonxitude construídos antes do ano 1170 no río Garona. Por eses tempos tomou intensidade a construción de “charcas de muíño”, pequenos depósitos case sempre de terraplén e de cachotería ou cantearía nalgúns casos. Sábese que centos destas represas foron construídas ata finais do século XV, pero apenas dunha ducia delas téñense datos certos. En España está estudiada a presa e muíño de la Albuera de Castellar, no río Alconera, que quedou somerxida coa construción en 1975 do embalse de Zafra (Badajoz).

A construción de presas continuaría nos séculos seguintes dando continuidade ao relato histórico, cunha grande variedade tipolóxica e un importante illamento entre os diferentes deseñadores. Esta situación vai cambiar gradualmente coa publicación dos primeiros traballos sobre a enxeñaría de presas, co estabelecemento en 1747, en Francia, do corpo de enxeñeiros de pontes e calzadas e a aparición en Gran Bretaña, en 1771, da sociedade de enxeñeiros civís, entidades ambas que comezarían a publicar regularmente revista técnicas (1831 e 1836, respectivamente).

Da chamada Revolución Industrial, digamos de 1760, en diante, a aplicación práctica da ciencia vai impulsar a creación de universidades científicas e tecnolóxicas e de escolas técnicas, e a maneira individualista e artesán de entender a enxeñaría vai transformarse nunha profesión baseada en principios científicos e técnicos, e que, polo rápido crecemento dos coñecementos, a non tardar obrigará á especialización dos profesionais en diversos campos de actuación.

En España, os traballos de Saturnino Bellido Díaz (1892), Rafael Gasset Chinchilla (1902) culminarán no Plan Nacional de Obras Hidráulicas, redactado por Manuel Lorenzo Pardo en 1933 (vid. ficha 568) cunha visión integradora da planificación hidrolóxica, aínda vixente e que sería imitado no ano 2000 na Directiva Marco da Auga da Unión Europea.

Finalizada a Guerra Civil Española (1936-1939), o novo goberno do estado irá retomando os proxectos hidráulicos anteriores e emprenderá unha ambiciosa política hidráulica, orientada tanto ás obras de regadío como, por riba de todo, á construción de centrais hidroeléctricas (vid. ficha 562, entre outras) para o abasto de enerxía do país.

Descrición Xeral do Entorno:

O complexo ven definido pola optimización dos espazos e os recursos. O deseño vai estruturarse en grandes unidades independentes, que van desenvolvéndose, primeiro na fundición, coa fábrica de potes e a fábrica de ferro dúctil, e despois coa fábrica de louza. O emprazamento ten que ter acceso doado ás materias primas: mineral de ferro, carbón de leña e calcaria como fundente, para a fundición; e arxilas (caolín), para a cerámica. Ademais ten que ter a posibilidade dun aproveitamento hidráulico suficiente para accionar os artificios mecánicos da industria. O lugar elixido, próximo á aldea de Sargadelos, vai ser o amplo espazo existente na ribeira dereita do río Xunco tralo seu paso por unha angostura que vai facilitar a construción dunha presa e o seu estanque.

Construcción:

1791-1793, presa e fundición; 1804, cerámica e modificación da presa e a canle; 1846, modificación da presa e a canle; 1900, adaptación de maquinaria hidráulica e electromecánica para a produción de electricidade para a nova fábrica de louza de «Cerámica de Sargadelos, S.A.» en Burela.

Abandono:

1875, a fundición, a cerámica e o aproveitamento hidráulico do río Xunco. A central hidroeléctrica construída en 1902 por Ciriaco Guisasola, desde 1908 estaría nos activos da sociedade «Leandro Cucurny y Compañía», trala quebra de «Cerámica de Sargadelos, S.A.».

Descrición:

Antonio Raimundo Ibáñez Gastón, activo empresario oriúndo do asturiano concello de Oscos, solicitaba no 1788 licenza para establecer factorías de fundición de ferro. A forte oposición liderada polas fábricas de armas de Orbaizeta (Navarra) e de Trubia (Asturias) vai ser dobregada pola amigábel mediación de Godoy trala morte de Carlos III, a medio de Real Cédula de 5 de febreiro de 1791. En apenas tres anos, asociado con José de Andrés García, comerciante rioxano establecido en Compostela, Ibáñez, aproveitando a enerxía hidráulica do río Xunco, levanta en Sargadelos unha fundición dotada dos últimos adiantos siderúrxicos (vid. ficha 211), constrúe para si un palacete con xardíns, e promove unha extensa repoboación forestal para mellor dispor de leñas para os fornos.

Baixo a dirección do enxeñeiro alemán Francisco Richter montárase un forno alto para beneficio dos minerais de ferro e un mazo para a obtención do ferro dúctil, amais das dependencias precisas: carboeiras, carpintería, fragua, cubertos, almacéns ….

En 1794 Ibáñez subscribe co Estado un proveitoso convenio para producir en Sargadelos municións de guerra e outros materiais por un período de vinte anos. Os excelentes resultados económicos da fundición permitiron en poucos meses o reembolso das participacións compostelás, quedando Ibáñez como único propietario da empresa.

No cumio do éxito, Ibáñez non foi quen de consolidar con afectos a industria que a súa vontade creara, e o trinta de abril de 1798, cansos dos abusos do promotor, os alporizados campesiños de dezasete freguesías xúntanse cos obreiros das fábricas, asaltan e incendian as instalacións fabrís e desbaratan a residencia, pero Ibáñez sae con vida e obtén unha crecida indemnización e un duro castigo para os rebeldes.

Ibáñez chegaría a controlar a fábrica de Orbaizeta, a súa principal competidora, e en 1804, aproveitando os excelentes xacementos de caolín existentes na redonda, vai crear a fábrica de louza de Sargadelos “ao estilo de Bristol” (vid. ficha 212). Contra 1808 proxecta a construción da de vidro, pero os días do Conde de Orbaiceta e Marqués de Sargadelos van rematar nas turbulencias da Guerra de Independencia: o primeiro día do mes de febreiro de 1809, a turba cerca a súa morada en Ribadeo, e nesta volta Antonio Ibáñez cae asasinado.

Faríase cargo da empresa o seu fillo, José Ibáñez Acevedo, enfrontando unha difícil situación e reclamando ao Estado as fortes sumas que lle debían. Ademais de construír en 1818 un segundo forno alto, dous novos fornos de calcinar, e un forno de reverbero para segunda fusión, José Ibáñez vai asociarse co sevillano Antonio Tapia constituíndo o 19 de maio de 1835 a empresa “Ibáñez y Tapia” e apostando pola fabricación de louza fina branca que decoraríase a man. Baixo a dirección do técnico francés Richard, contratado en Turín, e coa axuda de persoal técnico e operarios andaluces e levantinos, abordarían tamén as primeiras probas de estampado e policromía.

Tras sortear sen éxito varios anos complicados, a fundición e a fábrica de louza serán traspasadas en 1846 á empresa “Luis de la Riva y Compañía”, que as explotará ata 1862 con excelente orientación e magníficos resultados.

Por encargo de Luis de la Riva Barros, e baixo a dirección do enxeñeiro escocés John Newport, contra 1849 tíñase ampliada a nave de fraguas e construído tres grandes carboeiras, as rodas hidráulicas foran substituídas por outras de ferro de maior potencia, e os barquíns por fornos con pistóns que aproveitaban o aire quente; montáranse caldeiras de vapor, novos tornos e cubilotes: a produción de ferro acadou os trinta mil quintais, con oitenta mil de consumo de carbón vexetal.

Baixo a dirección do británico Edwin Forrester, procedente de Stafordshire e introdutor da louza que designou como china opaca ou semi-china (aínda que fose louza e non porcelana, ó non chegar á vitrificación), acadaríanse calidades excepcionais, tanto en vasillas como en figuras. Pintadas a pincel, con estampados monocromos, con fondos impregnados de color, e mesmo con estampado litográfico (pode que as primeiras en España), as producións de louza da época de Luis de la Riva déronlle pulo e sona á cerámica de Sargadelos.

Rematado en 1862 o período do arrendamento, tras uns anos de inactividade polos preitos que entón xurdiron na familia Ibáñez e a conseguinte administración xudicial, o control vai ser finalmente retomado contra 1870 por Carlos Ibáñez Varela, neto do fundador. Pero a falta de adaptación da fundición ós novos procesos de fundición con coque, o deterioro das instalacións da fábrica de louza, e a marcha do persoal estranxeiro, principiaron a ruína do complexo industrial de Sargadelos, que se consumaría en 1875 tras oitenta anos de desigual funcionamento.

O complexo industrial de Sargadelos está protexido como Ben de Interese Cultural (BIC) e foi declarado Conxunto Histórico por disposición do Decreto 2642/1972, de 18 de agosto, publicado no Boletín Oficial do Estado do 2 de outubro de 1972.

Aínda que noutro emprazamento, apenas un quilómetro máis ao norte das primitivas instalacións fabrís, a industria cerámica de Sargadelos vai coñecer un novo período de esplendor da man de Luis Seoane López: xunto con Isaac Díaz Pardo, crearía en 1963 en Buenos Aires o Laboratorio de Formas de Galicia, que coa Cerámica do Castro (establecida en 1949 en Sada), e a Fábrica de Porcelanas A Magdalena (establecida en 1955 en Arxentina), sería a base da renovación de Sargadelos.

Constituída en 1968 a sociedade Cerámica de Sargadelos, comezaría axiña a construción da nova factoría, que sería inaugurada o 10 de marzo de 1970.
No que atinxe a descrición do antigo complexo de Ibáñez, remítese ás correspondentes fichas 211, para a fundición, e 212, para a cerámica, atendendo aquí unicamente ao aproveitamento hidráulico do río Xunco, descrito nos seguintes parágrafos.

Para proporcionar enerxía mecánica ás instalacións que proxecta, Raimundo Ibáñez ordenará a construción dunha tosta ou presa para elevar as augas do río Xunco (coñecido daquela como río de Rúa) e derivalas pola marxe dereita para facer funcionar os dous mazos previstos na ferrería e forxa da fundición.

A presa foi construída nunha retorta na que o río Xunco se encaixa e vira primeiro ao poñente para facer unha ampla curva antes de enfiar cara ao norte, co que deixa na marxe dereita un amplo espazo para a edificación das instalacións fabrís e as construcións auxiliares. O nivel do leito do río descende no tramo que vai dende a captación das augas ata a restitución ao río, de seiscentos oito metros de lonxitude, uns oito metros de altura, cunha distancia en liña recta entre ambos puntos de trescentos cincuenta e un metros.

Sobre a presa primitiva habería dúas intervención posteriores para elevar o nivel e a cantidade da auga derivada. A presa é de gravidade e cunha aliñación en planta recta no tramo central, que serve de vertedoiro. A fábrica é de robusta e coidada cantearía. No seu estado actual, o paramento de augas abaixo vai graduado dende o alicerce, con oito ringleiras de cantearía máis a de coroación, formando un noiro. A elevación da coroación sobre o leito do río é duns cinco metros, con vinte metros de lonxitude de coroación. O salto do aproveitamento hidráulico dende a captación ata a restitución das augas pode acadar os trece metros.

O remanso formado augas arriba da presa podería ter uns catrocentos metros de lonxitude, co que a cantidade de auga embalsada podería acadar os tres mil metros cúbicos. Hoxe en día atópase totalmente colmatado pola sedimentación e deposición dos arrastres do río.

Nos estremos da presa, os estribos son de forma poligonal, solidamente encaixados en cadansúa ribeira. O estribo esquerdo vai reforzado no seu paramento de augas abaixo cun aumento na parte baixa, tamén en cantearía aínda que con ringleiras máis estreitas que dende a base dan forma a un noiro. O estribo dereito é máis grande que o esquerdo e dispón na obra de captación dun pequeno depósito do que arranca a canle de derivación das augas do río Xunco ás máquinas.

O mesmo que a presa, a canle de derivación foi construído con robusta e coidada fábrica de cantearía de granito, e vai actuar como eixo que vertebra e unifica o conxunto industrial, pasando primeiro pola zona na que vai edificarse a fábrica de potas e continuando, tras un quebro á esquerda en ángulo recto, polo espazo empregado para a fábrica de ferro dúctil.

Neste tramo final, a canle vai encher o estanque do que xurde o acueduto do que vértese a auga sobre as rodas hidráulicas, rematando logo de volta no leito do río Xunco. O estanque recibe tamén as augas do regato que baixa do monte a carón da casa vivenda do propietario.

O acueduto deixa caer a auga sobre dúas rodas hidráulicas verticais; a primeira fai oscilar os balancíns que moven os dous barquíns cos que se aviva o lume na fragua para que colla máis temperatura; e a segunda acciona o mazo co que se bate e machuca o ferro para mellor traballalo e darlle forma.

A fábrica de potas ou “olas ó estilo de Burdeos” estrutúrase en dúas liñas paralelas. A primeira vai discorrer a carón do canal e asentada contra a aba do monte; está formada pola fundición, os talleres, as oficinas e a pousada para os forasteiros. A segunda liña, entre o canal e o río Xunco, conta cun espazo aberto cos fornos de calcinación, un alpendre para carpintería e o almacén para os produtos terminados. Entrámbalas dúas liñas sitúase un amplo espazo e o almacén para o carbón.

A fábrica de ferro dúctil constrúese na parte final do canal, buscando un maior desnivel para poder alimentar as rodas hidráulicas pola parte superior, dende un acueduto. Vai configurada a xeito de unidade produtiva e residencial, na que se sitúan tanto as máquinas e talleres como as carboeiras, oficinas e dormitorios de oficiais e aprendices.

Por último, fora do recinto propiamente produtivo, pero sen deixar de formar unidade con el, edifícase a casa da dirección e administración do complexo fabril. Esta unidade vai contar con elementos ornamentais e palacianos, xardíns e arborado que farán que pronto sexa coñecida como o pazo de Sargadelos.

En 1804, Ibáñez elixirá, uns douscentos metros augas abaixo da fundición e na marxe esquerda do río Xunco, unha ampla zona para construír a fábrica de louza, que proxecta composta de “una casa con dos patios, hornos, tinglados y oficinas, con el molino correspondiente y máquinas para romper el pedernal y moler los barnices” e capaz de ocupar a unha centena de obreiros. E terá que comezar por facer elevar o nivel da presa e a canle. Recolle Madoz no seu dicionario (1846-1850):

“Para poder montar el fundador sus antiguos aparatos mecánicos, tuvo que hacer subir el nivel del agua del río de Rúa a unos quince pies de altura (cuatro metros y dieciocho centímetros), y al efecto mandó construir una sólida y magnífica esclusa de la precitada altura sobre setenta y un pies y ocho pulgadas de ancho (diecinueve metros con noventa y siete centímetros) conforme a todas las reglas del arte; y para conducir el agua desde este nuevo nivel a la fábrica de fundición, y de la misma a los últimos molinos de la de loza, un canal maestro con dieciséis compuertas de máquina al presente, que serpenteando por el centro de la primera verifica su confluencia con el río a la salida de la misma, en una segunda esclusa que lleva el agua necesaria para dar movimiento a la rueda hidráulica, que se lo imprime a seis molinos de pedernal, barniz y pintura, más abajo de la expresada fábrica de loza; volviendo a confundirse con el caudal del río en la tercera esclusa, y al separarse nuevamente aquí del mismo para ir a caer en la cuarta, que hace girar otros seis molinos, dos de ellos harineros, y los restantes para yeso, cuarzo, carbón de piedra y otros usos de la fabricación, desaguando finalmente en el río que entra en el mar a un cuarto de legua (un quilómetro y cuatrocientos metros) de distancia por la pequeña ensenada de Rueta”.

No canto da área dedicada á cerámica, sábese que na brillante época da xestión de Luis de la Riva (entre 1846 e 1862) empregábanse catro fornos distintos (dous de secado dos aceites de estampado; un de biscoito; e un de cocción) e trinta estufas, xunto con balsas de secado das terras, muíños, prensas con alimentación subterránea de gases e demais complementos da mellor industria cerámica.

A sociedade “Luis de la Riva y Compañía” aumentaría o taller para as fraguas, substituiría as rodas hidráulicas de madeira por unhas de ferro e para dispor de máis enerxía, elevaría a altura da presa e o canal. Ademais, instalaría unha máquina de vapor alimentada por carbón de pedra para accionar os novos elementos de traballo. Construiría tamén novos fornos para calcinación dos minerais e para poder fundir bronce.

As instalacións da fábrica de louza serían practicamente construídas de novo, respectándose unicamente as vellas paredes. E para dar máis e mellor saída á produción de ambas fábricas, construiría os seis quilómetros da carreteira que leva ata o porto de San Cibrao, que entraría en servizo o primeiro día do mes de abril do ano 1848.

Expirado o contrato da sociedade, en 1866 faríase cargo das fábricas o enxeñeiro de minas Carlos Ibáñez Varela, neto do fundador, que non sería quen de superar as dificultades que obrigarían ao peche das Reais Fábricas de Sargadelos en 1875.

En 1902 a sociedade «Cerámica de Sargadelos, S.A.», recentemente creada por varios empresarios asturianos baixo a dirección de Ciriaco Guisasola, vai edificar unha nova fábrica de louza na aldea mariñeira de Burela. Do vello complexo de Sargadelos unicamente van aproveitarse as instalacións hidráulicas, convenientemente modificadas para a produción de electricidade con destino a Burela.

Após a marcha de Guisasola en 1905, as complicacións na empresa rematarán en 1908 en embargo e adxudicación xudicial dos bens ao socio Francisco Argüelles. Nese mesmo ano, cos bens adxudicados a Argüelles e o capital aportado por Leandro Cucurny como socio industrial e director, vai crearse a sociedade «Leandro Cucurny y Compañía», que abandonará a fabricación de louza para centrarse na produción de materiais de construción aproveitando os excelentes materiais (arxilas refractarias, caolíns e feldespatos) existentes na zona (vid. ficha 476).

Tempo de uso:

Todo o ano, con algunha interrupción nos anos de fortes secas ou estiaxe.

Sistema de produción:

Unha presa é un muro construído no leito dun río para reter a auga co fin de desviala, eleva-lo seu nivel ou embalsala con diversos obxectivos, que poden acadarse de xeito simultáneo: cambia-lo curso do río; captar e derivar auga por gabias ou canles; almacenar auga formando un estanque; ou regular o caudal do río augas abaixo da presa.

O muro ou dique a construír ten que conter a auga e resistir o seu empuxe, ademais de permitir a evacuación da mesma cando se requira. As características do terreo no que se constrúe e os usos que se lle queira dar á auga, van condicionar o tipo de presa máis adecuado e a elección dos materiais a empregar na súa construción. Nos parágrafos que están a seguir descríbese de maneira simplificada a maneira de construír unha presa.

O proceso para a construción comeza coa escolla do emprazamento máis conveniente, normalmente un estreitamento do leito de río, no que as beiras podan garantir a solidez da obra coa presión que vai facer a auga contra dela, e no que o terreo teña impermeabilidade bastante que impida o paso das augas do encalco que vai formarse co peche do curso fluvial.

No tempo da estiaxe, coas augas baixas, prepárase un dique provisorio, unha torneira (“ataguía”) que peche parte do leito do río para comezar a preparar os alicerces e estribos da presa. Seguidamente vanse espetando lousas (ou depositando cachotes) no leito do río librado da auga e na súa beira correspondente (o que se chama estribo). Despois continúase crecendo este cacho de muro e o seu estribo, deixando aberto un burato no fondo do muro para o posterior desaugue.

Cando a metade da presa ten certa altura, desfáise a torneira e constrúese outra similar no outro lado do río; a auga pasará agora polo burato que se deixou no dique. Prepáranse os alicerces e o correspondente estribo como antes, e crécese o muro dese lado ata o nivel do xa preparado. Co muro xa completo en lonxitude, de beira a beira do río, desfáise a torneira e vanse completando a presa (tamén chamada tosta ou chapacuña) e o seu estribo en altura ata rematar na coroación ou vertedoiro.

Para evitar o desbordamento da auga polos laterais da presa, que podería descalzar os estribos (desfacendo o seu encaixe nos laterais do leito do río), estes serán máis altos que a coroación da presa, que actuará de vertedoiro da auga cando estea cheo o encoro. Rematada a presa, procédese a pechar o desaugue deixado no fondo, de maneira definitiva ou cunha comporta que permita a súa apertura cando fora necesario.

Dependendo do uso a que vaia destinarse, a presa poderá ter nun estribo (ou nos dous) unha obra de captación para derivar as augas cara ás quenllas, canais ou tubarias que han de conducilas ao lugar de destino.

Evidentemente, a construción das presas reúne máis complexidade e detalles do que aquí se leva exposto, pero non é este o lugar para entrar nela, polo que remítese as obras específicas ao respecto, algunhas das que van referenciadas na bibliografía que se acompaña.

Actividades laborais:

Cabe distinguir a actividade durante a construción da presa, a canle, as construcións auxiliares e as edificacións fabrís, xeradora de abundante emprego, e a da posterior explotación do conxunto. Para atender cumpridamente ás instalacións, foi precisa a participación de numerosos traballadores: carboeiros chegados de Asturias e Vizcaya; fundidores e moldeadores procedentes de Navarra e Gerona; ceramistas andaluces e levantinos, baixo a dirección de mestres franceses e ingleses; e, por suposto, traballadores do país participantes nas cortas e transporte de materias primas e produtos elaborados.

Emprego:

Segundo Meijide (1979), chegaron a xuntarse até mil duascentas persoas de máis de dezasete freguesías da redonda. Indica Casariego (1950) que xa en 1794 traballaban na fundición trescentas cincuenta e seis persoas, coa axuda externa de máis de un centenar de carboeiros. Pola súa banda, Filgueira (1951) recolle do dicionario de Madoz (1850) que na época de Luis de la Riva máis de mil familias chegarían a traballar para a fábrica de louza, que en 1849 daba ocupación a douscentos cinco carros con trescentas parellas de bois, e a vinte e dous buques de cabotaxe alistados no porto de San Cibrao, con máis de cen fornadas de louza no ano.

Materias Primas:

Pedra, morteiros, ferraxe, e materiais auxiliares.

Produtos Elaborados:

Presa de cantearía para a captación e derivación de auga ás fábricas e a obtención de enerxía mecánica de rotación para accionar diversos artificios e equipos da fundición e da cerámica.

Distribución e comercialización:

Local.

Referencias Bibliográficas:

Bello Piñeiro, Felipe (1922): Cerámica de Sargadelos. Terceira edición en 1979 do texto publicado en 1965 polo Seminario de Estudios Cerámicos de Sargadelos. Sada: Ediciós do Castro. DL C-1239-1997. ISBN 84-85134-77-X.

Carmona Badía, Xoán (1993): “Sargadelos en la historia de la siderurgia española”, Revista de Historia Industrial. Economía y Empresa, núm. 3. Departamento de Historia e Instituciones Económicas de la Universidad de Barcelona. ISSN 1132-7200.

Carmona Badía, Xoán; Nadal Oller, Jordi (2005): El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Carmona Badía, Xoán (2009): “Luis de la Riva Barros (1798-1868)”, Empresarios de Galicia, vol. 2, Xoán Carmona Badía (coord.), Centro de Investigación Económica e Financeira (CIEF). A Coruña: Fundación Caixa Galicia, p. 22-47. ISBN 978-84-96982-37-6.

Caro Baroja, Julio (1995): Historia de los molinos de viento, ruedas hidráulicas y norias. Instituto para la Diversificación y Ahorro de la Energía (IDAE), Madrid: Tabapress. DL M-41843-1995. ISBN 84-86850-64-9.

Casariego Fernández-Noriega, Jesús Evaristo (1950): El Marqués de Sargadelos o los comienzos del industrialismo capitalista en España (Vida y obra de un prócer de la ilustración asturiana). Oviedo: Gráficas Summa. Ed. de 1974 del Instituto de Estudios Asturianos (IDEA). Ed. facsímil del 2001 del Real Instituto de Estudios Asturianos. ISBN 978-84-6006-059-8.

Donapetry Iribarnegaray, Juan (1953): Historia de Vivero y su Concejo, Vivero: Ayuntamiento de Vivero, edición facsímil de 1991 de la Diputación Provincial de Lugo. DL LU-811-1991. ISBN 84-86824-00-1.

España (Ministerio de Agricultura y Pesca, Alimentación y Medio Ambiente) (s/d): Inventario de Presas y Embalses (SNCZI-IPE) [en línea] http://sig.mapama.es/snczi/ [Acceso 4 julio 2018].

Fernández Negral, Justino (1994): “Complejo siderúrgico de Sargadelos: análisis técnico”, Las Reales Fábricas de Sargadelos, el Ejército y la Armada. Museo do Pobo Galego. Sada: Ediciós do Castro, p. 35-61. DL C-594-1994.

Filgueira Valverde, Xosé Fernando (1951): Sargadelos. 4ª ed. 2004. Cadernos do Seminario de Estudos Cerámicos de Sargadelos. Sada: Ediciós do Castro. DL C-1149-2004. ISBN 84-85134-80-X.

Labrada Romero, José Lucas (1804): Descripción económica del Reyno de Galicia, Ferrol, edición facsimilar de 1971 de Francisco Javier Río Barja, Vigo: Galaxia.

Martul Vázquez, Purificación (1999): “La Musealización de Sargadelos”, Museo, núm. 4, 1999:193-200.

Meijide Pardo, Antonio (1979): Documentos para la historia de las Reales Fábricas de Sargadelos. Cadernos do Seminario de Estudos Cerámicos de Sargadelos. 596 páginas. Rústica. 23 x 17 cm. Sada: Ediciós do Castro. ISBN 84-7492-002-7.

Pérez Marrero, Jenny Crisal (2017): Catálogo de presas españolas anteriores a 1926 asociadas a procesos industriales. Número 72: Presa del río Xunco. Tomo 4-1, p. 1028. Madrid: Instituto del Patrimonio Cultural Español (IPCE) [en línea] http://www.mecd.gob.es/planes-nacionales/planes-nacionales/patrimonio-industrial/actuaciones/catalogo-presas.html [Acceso 4 julio 2018].

Saavedra Fernández, Pegerto (2006): “Antonio Raimundo Ibáñez (1749-1809)”, Empresarios de Galicia, Xoán Carmona Badía (coord.), Centro de Investigación Económica e Financeira (CIEF). A Coruña: Fundación Caixa Galicia, p. 42-65. ISBN 84-96494-83-7.

Schnitter, Nicholas J. (1994): Historia de las presas, las pirámides útiles, edición del año 2000 traducida al español, Colección ciencias, humanidades e ingeniería, núm. 60, Madrid: Colegio de Ingenieros de Caminos, Canales y Puertos. DL M-35847-00. ISBN 84-380-0175-0.

Vázquez Vaamonde, Maria del Carmen (1994): Sargadelos-Carril-Santiago. Cadernos do Seminario de Sargadelos. Sada: Ediciós do Castro. DL C-524-1994. ISBN 84-7492-701-3.

Viollet, Pier-Louis (2007): Water Engineering in Ancient Civilizations: 5,000 Years of History ("L'Hydraulique dans les Civilisations Anciennes: 5000 ans d’histoire" translated by Forrest M. Holly). International Association of Hydraulic Engineering and Research, IAHR Monograph Series. Boca Ratón-Florida: CRC Press. ISBN 978-90-78046-05-9.

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 9-I Burela /// Datum ETRS89: H 29 // X 628.677,98 m / Y 4.835.162,53 m

Centro Nacional de Información Geográfica (s/d): Fotototeca Digital, Instituto Geográfico Nacional, Ministerio de Fomento del Gobierno de España [en línea]. Disponible en internet: http://fototeca.cnig.es/ [Acceso 22 decembro 2019].

Instituto de Estudos do Territorio (IDE) da Xunta de Galicia (s/d): Información Xeográfica de Galicia: visualizador de mapas [en liña]. Dispoñible na Internet: http://mapas.xunta.es/visualizador-de-mapas [Acceso 24 marzo 2020].

Instituto Geográfico Nacional (s/d): Serie MTN25 (Mapa Topográfico Nacional 1:25.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional25.jsp [Acceso 22 diciembre 2019].

Xunta de Galicia (Consellería do Medio Rural) (s/d): Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícola (SixPac): visor de mapas [en liña]. Dispoñible na Internet: http://sixpac.xunta.es/visorsixpac/ [Acceso 24 marzo 2020].

Data de Actualización:

30 abril 2020