582 Turberas del Buyo y el Gistral

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: Lugo
  • Concello: Vivieiro
  • Parroquia: Santo André de Boimente
  • Lugar: Monte de Candaoso
  • Paraxe: A Comba de Cal Grande
  • Dirección: Estrada Viveiro-Mondoñedo, s/n – 27850 Boimente, Viveiro (Lugo)
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 43.591667652616266
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -7.505736163513174
  • Coordeadas UTM: Datum ETRS89: H 29 // X 620.613,93 m / Y 4.827.609,94 m
  • Clasificación: Industria extractiva
  • CNAE: 08.92 Extracción de turba.
  • Tipoloxía: Extracción de turba
  • Comarca: A Mariña Central
  • Marco Xeográfico: Monte de Candaoso, nas abas sur orientais dos montes de Buio.
  • Ámbito: Rural.
  • Acceso: Sairemos de Viveiro pola estrada LU-540 en dirección Ourol. A pouco máis de tres quilómetros, no cruce de A Ponte, apartaremos á esquerda pola estrada LU-161 cara a Ferreira e Mondoñedo. Once quilómetros máis adiante, na aldea de As Lobeiras, apartamos á esquerda polos cinco quilómetros de pista que nos leva ata a explotación das turbas do Buio, despois de ter pasado polo Curro de Candaoso, case que tres quilómetros antes.

Tipo de propiedade:

Privada.

Visitable:

Si.

Xestión de visitas:

Non procede.

Historia:

A turba é unha mestura heteroxénea de materia vexetal parcialmente descomposta, amoreada nun terreo permanentemente saturado de auga. Está formada por unha masa esponxosa e lixeira de material orgánico rico en carbono, na que aínda se aprecian os compoñentes vexetais que a orixinaron. A súa cor parda escura varía do amarelento ou marrón ata case o negro, segundo o grado de destrución biolóxica (lignificación), da desintegración mecánica das fibras vexetais e da proporción que ten de materia inorgánica (arxilas).

A formación de turba, resultado da putrefacción e carbonificación parcial dos vexetais na auga aceda de pantanos, marismas e zonas húmidas, constitúe a primeira etapa do longo proceso polo que a vexetación vai transformándose en carbón mineral. O moi lento proceso é consecuencia dunha escasa actividade microbiana, debida á acidez da auga ou a baixa concentración de osíxeno. O paso dos anos vai producindo unha acumulación de turba, a turbeira, que pode alcanzar varios metros de espesor, a un ritmo de crecemento estimado de entre dez centímetros e medio metro cada cen anos.

A turba pode asimilarse a un lignito en formación, un lignito moi novo que, de ter quedado atrapado entre capas de sedimentos, evolucionaría cara a un lignito por compactado e aceleración anaerobia da transformación da materia orgánica en hidrocarburos e carbón.

Unha vez extraída a turba, déixase escorrer (pode conter ata un 90% de auga) e secar. Secada ao aire, unha turba de referencia pode ter unha humidade residual do 25 ao 45 %, con densidades de 0’2 a 0’4, e un cativo poder calorífico de mil a mil cincocentas quilocalorías por quilogramo (1’16 a 1’74 kWh/kg).
Como recurso enerxético (renovable no longo prazo, pois medra de un a cinco milímetros cada ano) ven sendo empregada como combustible, tanto en usos domésticos como en centrais termoeléctricas comerciais. Porén, a súa meirande aplicación é na horticultura e floricultura, consumíndose anualmente máis de cento cincuenta millóns de toneladas en todo o mundo.

A turba de altura ou de montaña desenvólvese a partir de musgos (Sphagnum, Eriophorum, Polytrichum, Scheuchzeria) e caracterízase por unha elevada porosidade e capacidade de retención da humidade (ata dez veces o seu peso en seco), unha acidez elevada (pH de 3’8 a 4’5), un alto poder de absorción e retención de catións, e contén gran cantidade de derivados orgánicos e nitroxenados.

Nas zonas chairas, con augas estancadas ricas en cal e nutrientes, a turba desenvólvese a partir dunha vexetación máis esixente (Typha, Phragmites, Carex, Alnus, Salix); é a chamada turba baixa ou chaira, rica en calcio e nitróxeno, non apta como substrato cultivar pero utilizada como abono húmido e complemento para mellorar os chans.

En Galicia as turbeiras son comúns e abundantes nas zonas de brañas, aínda que pouco desenvolvidas e coa materia vexetal apenas transformada, polo desecamento parcial que sofren no verano a meirande parte das brañas. Os principais xacementos e indicios de turba en Galicia tense localizado nas provincias de Lugo e Ourense.

As turbeiras galegas máis importantes atópanse na Serra do Xistral, entre os termos municipais de Ourol, Muras e O Valadouro, e a súa continuación na Serra do Buio, entre os termos municipais de Viveiro, Xove, Cervo e O Valadouro. Con espesores de un a tres metros e varias hectáreas de extensión, son os únicos depósitos de turba explotados en Galicia, con producións da orde das oito mil toneladas anuais.

Depósitos de turba de menor tamaño localízanse en outros lugares: a Lagoa de Alcaián (tamén chamada A Braña Rubia, en O Campelo, San Mamede de Seavia, Coristanco), as fontes do río de Arcos (As Brañas de Fornís, Santa María de Coiro, Mazaricos), brañas das nacentes do río da Pontepedra (Ambroa, San Mamede de Andoio, Tordoia), e no Monte da Madalena (San Pedro de Meire, Melide).

As turbeiras luguesas localízanse no norte da provincia, nas serras do Buio e do Xistral. O depósito da Serra do Buio, situado n’A Comba de Cal Grande, parroquia de Santo André de Boimente, no termo municipal de Viveiro, está constituído por turba inmatura (turba rubia), que aflora exenta de recubrimento. Ocupa unha dez hectáreas cunha profundidade máxima de tres metros e unhas reservas estimadas en trinta e cinco mil toneladas. O elevado contido en humidade (80 a 90%) e a textura fibrosa faina non apta para o seu emprego como combustible.

Na Serra do Xistral localízanse os xacementos do Cadramón, Chao do Coto Bello, Picheira Vella e Mariñas do Real, ocupando unhas sesenta e seis hectáreas. Están tamén compostos por turbas fibrosas (turba rubia) con potencias medias de dous a tres metros, chagando aos cinco na Espita Vella. Estimáronse unhas reservas de ata duascentas cincuenta mil toneladas de turbia rubia xa seca, pero non apta como combustible nin como fertilizante.

No termo municipal de Mondoñedo identificouse o xacemento de Cabradoiro, na linde co termo municipal de Vilalba, cunha superficie de unhas vinte hectáreas e potencias medias de metro e medio a dous metros. As reservas, estimadas en cincuenta mil toneladas de turba rubia seca son dunha calidade análoga á dos anteriores.

O depósito de turba negra de Río Moucide (Santo Estevo de Moucide, O Valadouro), e o de turba rubia de Carboeiro (Santa María de Montouto, Abadín) son de pouca extensión, e por tanto industrialmente non explotables.

Na provincia de Ourense téñense sinalado dous indicios na Serra da Queixa, o da Chaira da Lagoa e o da Chaira da Pedrafita (San Bernabé de Chaguazoso, Vilariño de Conso), próximos ao curso alto do río Cenza, que tampouco presentan interese industrial.

Descrición Xeral do Entorno:

A zona de explotación das turbeiras está nas suaves, frescas e húmidas ladeiras sur orientais dos Montes do Buio, a uns quince quilómetros do mar e protexida dos ventos marítimos polas alturas setentrionais da mesma Serra do Buio e, máis ao leste, dos Montes dos Cabaleiros.

Construcción:

Contra 1920.

Abandono:

No ano 2020 continúa en explotación.

Descrición:

A explotación do xacemento de turba rubia dos montes de Buio comezara a desenvolverse no decenio de 1920. Daquela traballábase con maquinaria importada e dábaselle saída á produción polo porto de Viveiro. Con pouco éxito intentara empregarse como combustible, pero a súa baixa calidade axiña desbotaría tal aplicación. O seu uso quedaría entón limitado a material para a cobertura do chan nas cortes do gando, e como aromatizante na elaboración de whisky.

En 1980 os propietarios da concesión mineira iniciaban os estudos para mellorar a explotación racional das turbeiras, modernizar a maquinaria empregada na extracción e o secado, e orientar a produción para comercializala como substrato para a horticultura e a floricultura.

A concesión mineira toca terreos das freguesías de Santo André de Boimente, San Isidoro do Monte e Santa María de Vilacampa, nos termos municipais de Viveiro, Xove e O Valadouro, respectivamente.

Os dereitos mineiros foran concedidos á compañía “Turberas del Buyo y del Gistral, S.A.”, constituída o 4 de abril de 1933 e posteriormente incorporada ao grupo de empresas que foi medrando arredor da sociedade “Tolsa, S.A.”, creada en Toledo o 17 de novembro de 1957. “Tolsa” apostou pola investigación, construíndo en 1976 unha primeira fábrica en Madrid, e na actualidade, con trinta e dúas explotacións mineiras, lidera o mercado das arxilas e absorbentes (sepiolita, bentonita, atapulgita, turbas) e fosfatos (alumínico e cálcico) da máis alta calidade. Distribúe cento vinte millóns de toneladas anuais de materia prima en cinco continentes e conta con filiais en Italia, Francia, Países Baixos, nos Estados Unidos, Brasil, Arxentina, Marrocos e Senegal.

Das cinco concesións mineiras iniciais (Turbera de Buyo, Primeira Ampliación de Buyo, Segunda Ampliación de Buyo, Turbera del Gistral e Sorpresa Terceira), a empresa mantén na actualidade tres concesións mineiras (Turbera de Buyo, Primeira Ampliación de Buyo, e Turbera del Gistral), cunhas reservas de oito millóns e oitocentas vinte e seis mil toneladas de turba cun grado de humidade do cincuenta por cento.

Cunha produción que acadou un pico de máis de sete mil seiscentas toneladas de turba no ano 2014, as últimas cifras recollidas da explotación do Monte de Candaoso son de só mil duascentas toneladas no ano 2016, o un con dous por cento da produción española nese ano (porcentaxes do 75’7% en Castellón, 17’7% en Granada, 2’4% en Valencia, 1’8% en Cantabria, 0’9% en Burgos e 0’3% en Valladolid).

A produción de turba rubia de Buio emprégase como substrato na agricultura e xardinería, consumíndose o 95% en España e exportándose o resto a Portugal. España é deficitaria en turba, habendo importado no 2016 unhas duascentas seis mil toneladas.

A nivel mundial os principais produtores de turba rexistrados no 2013 foron Finlandia (7’5 millóns de toneladas), Irlanda (6’6), Suecia (3’3), Alemaña (3), Rusia(1’5), Letonia (1’4), e Canadá (1’3). Aínda que no ano de referencia o 44% das aplicacións fosen en combustión e o 36% na agricultura, o uso da turba como combustible está en continuo retroceso, tanto polo seu impacto ambiental como por terse identificado como importantes sumidoiros de dióxido de carbono ao almacenar máis cantidade por unidade de superficie que calquera outro ecosistema.

O consumo da turba medra na agricultura e na horticultura, como abono e corrector dos solos, e nas aplicacións industriais, nas que destaca como absorbente das graxas, medio filtrante dos contaminantes nos efluentes mineiros, drenaxe das augas urbanas e absorbente estéril en produtos de hixiene feminina.

Tempo de uso:

Todo o ano, con algunha interrupción en tempo de fortes choivas.

Sistema de produción:

A explotación da turba realízase a ceo aberto, con arranque mediante fresadora e carga con palas automóbiles nun tractor que a leva ata a planta de tratamento.

O proceso de recolección comeza coa preparación da mina, retirando da turbeira a capa superficial de solo e eliminando herbas e raíces. Coa axuda da moto niveladora e a grade faise o achaiado para a recolección mecanizada da turba. Prepáranse despois as gabias de drenaxe para axudar ao baleirado da auga do terreo da colleita.

Na fase de removido faise un fresado superficial (uns tres centímetros de profundidade) para expor a turba a un primeiro secado por deloura (asollado), que vai favorecerse repetindo varias veces o removido para facilitar a evaporación. Despois a turba vaise extraendo en finas capas e aspírase coa máquina para levala á nave de secado. Ou ben, cando o tempo prevese estable, amoréase en camallóns para axudar a escorregar e secar durante uns días antes do traslado á nave de secado.

A turba xa seca sométese a un cribado e posterior moenda, clasificándose segundo o seu destino ou presentación comercial. Despois de preparada como substrato sinxelo ou como substrato abonado para aplicacións específicas, a turba e ensacada para a expedición e venda, comercializándose baixo o nome de “Turbyg”. O destino principal destas turbas é para usos hortícolas e floricultura.

Actividades laborais:

Manexo da maquinaria nos procesos de extracción na área mineira e de preparación, clasificación e ensacado na nave de produción.

Emprego:

Sen datos.

Materias Primas:

Turba rubia de altura.

Produtos Elaborados:

Turba rubia de altura sen procesar e produtos manufacturados derivados da mesma, como substratos abonados ou absorbentes industriais.

Distribución e comercialización:

Nacional e internacional.

Referencias Bibliográficas:

Anónimo (1984): “La turbera del Buyo, al norte de Galicia”, en Horticultura, Revista de Industria Distribución y Socioeconomía Hortícola, año 1984, núm. 17,p. 65-70. ISSN: 1132-2950 [en línea] https://www.mapa.gob.es/ministerio/pags/biblioteca/revistas/pdf_Hort/Hort_1984_17_65_70.pdf [Acceso 02/05/2020].

Carmona Badía, Xoán; Nadal Oller, Jordi (2005): El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Cornide Saavedra, José Andrés (1783): Memoria sobre las minas de Galicia y otras producciones del reino mineral, reproducción facsimilar por la Cámara Oficial Minera de Galicia, 2006 [en línea]. Disponible en Internet: http://www.camaraminera.org/ver/biblioteca.html [Acceso 21 de agosto del 2009].

Cueto y Noval, Ramón del (1928): La minería de la región gallega, reproducción facsimilar por la Cámara Oficial Minera de Galicia, 2006 [en línea]. Disponible en Internet: http://www.camaraminera.org/ver/biblioteca.html [Último acceso 21 de agosto del 2009].

Donapetry Iribarnegaray, Juan (1953): Historia de Vivero y su Concejo, Vivero: Ayuntamiento de Vivero, edición facsímil de 1991 de la Diputación Provincial de Lugo. DL LU-811-1991. ISBN 84-86824-00-1.

Fikuart, Werner (1984): “Producción industrial de sustratos de turba”, en Horticultura, Revista de Industria Distribución y Socioeconomía Hortícola, año 1984, núm. 13, p. 73-74. ISSN: 1132-2950 [en línea] https://www.mapa.gob.es/ministerio/pags/biblioteca/revistas/pdf_Hort/Hort_1984_13_73_74.pdf [Acceso 02/05/2020].

Instituto Geológico y Minero de España (IGME) (2008): Mapa de Rocas y Minerales Industriales de Galicia 1:250.000. Madrid: Instituto Geológico y Minero de España.

Instituto Geológico y Minero de España (IGME) (2018): “Turba 2016”, en Panorama minero 2017, p. 685-693. Madrid: Instituto Geológico y Minero de España.

Labrada Romero, José Lucas (1804): Descripción económica del Reyno de Galicia, Ferrol, edición facsimilar de 1971 de Francisco Javier Río Barja, Vigo: Galaxia.

Lara Coira, Manuel (2010): “La minería y el patrimonio minero en Galicia”. Tierra y tecnología, revista de información geológica, número 36, segundo semestre 2009, Madrid: Ilustre Colegio Oficial de Geólogos, p. 65-76. DL-M-10.137-1992. ISSN 1131-5016.

Madel, A. (1942): “Laboreo de minas”, Manual del Ingeniero, Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, trad. de la 26ª edición alemana, tomo IV. Barcelona: Gustavo Gili, Capítulo II, p. 243-314.

La minería de Galicia (1991): Dirección Xeral de Industria de la Xunta de Galicia, Santiago de Compostela. DL C-1341-1991.

Mirre Gavalda, Juan Carlos (1990): Guía dos minerais de Galicia, Vigo: Galaxia. DL VG-328-1990. ISBN 84-7154-729-5.

Schulz, Gillermo (1835): Descripción geognóstica del Reino de Galicia, acompañada de un mapa petrográfico de este país, Madrid: Herederos de Collado, ed. facsimilar de 1985 da Área de Xeoloxía e Minería do Seminario de Estudos Galegos, Sada: Ediciós do Castro.

Taboada Arceo, Antonio (1971): Galicia, estructura y ritmo socio-económicos. La Coruña: Servicio de Estudios y Publicaciones de las Cámaras Oficiales de Comercio, Industria y Navegación de Galicia. DL C-145-1971.

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 9-I Burela /// Datum ETRS89: H 29 // X 620.613,93 m / Y 4.827.609,94 m

Centro Nacional de Información Geográfica: Fotototeca Digital, Instituto Geográfico Nacional, Ministerio de Fomento del Gobierno de España [en línea] Disponible en internet: http://fototeca.cnig.es/ [Acceso 22 decembro 2019].

Instituto de Estudos do Territorio (IDE) da Xunta de Galicia. Información Xeográfica de Galicia: visualizador de mapas [en liña]. Dispoñible na Internet: http://mapas.xunta.es/visualizador-de-mapas [Acceso 24 marzo 2020].

Instituto Geográfico Nacional. Serie MTN25 (Mapa Topográfico Nacional 1:25.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional25.jsp [Acceso 22 diciembre 2019].

Xunta de Galicia (Consellería do Medio Rural). Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícola (SixPac): visor de mapas [en liña]. Dispoñible na Internet: http://sixpac.xunta.es/visorsixpac/ [Acceso 24 marzo 2020].

Data de Actualización:

2 maio 2020