584 Carboeiros

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: Lugo
  • Concello: Riotorto
  • Parroquia: Santa María de Espasande de Baixo
  • Lugar: Carboeiro
  • Paraxe: Rego do Carboeiro
  • Dirección: Non procede
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 43.33280233006587
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -7.268357159729004
  • Coordeadas UTM: Datum ETRS89: H 29 // X 640.387,63 m / Y 4.799.192,90 m
  • Clasificación: Silvicultura, explotación da madeira.
  • CNAE: 02.20 Explotación da madeira.
  • Tipoloxía: Fabricación de carbón de leña.
  • Comarca: Meira
  • Marco Xeográfico: Aba noroccidental da Serra do Pousadoiro, no levante da Serra de Lourenzá.
  • Ámbito: Rural.
  • Acceso: Sairemos de Ribadeo pola estrada nacional N-640 en dirección Meira. Saíndo de A Pontenova apartaremos á dereita pola estrada LU-124 cara a Vilameá e As Rodrigas. Ao chegarmos a As Rodrigas, continuamos pola carreteira LU-P-5501. A pouco máis de un quilómetro, na man esquerda da estrada, atoparemos a aldea de Carboeiro.

Tipo de propiedade:

Privada.

Visitable:

Si, aínda que a única pegada da actividade carboeira é hoxe en día a toponimia.

Xestión de visitas:

Non procede.

Historia:

O carbón de leña, carbón de madeira ou carbón vexetal, historicamente chamado simplemente carbón, foi adxectivado para diferencialo do carbón de pedra, ou carbón mineral, cando este comezou a popularizarse e ser de uso frecuente na segunda metade do século XVIII, após a patente de James Watt en 1769 dos perfeccionamentos introducidos na máquina de vapor de Newcomen, e a creación en 1774 da fábrica “Boulton & Watt”.

O carbón vexetal é unha substancia combustible, negra, sólida e porosa, que resulta da combustión incompleta (carbonización) da materia vexetal. O seu descubrimento e uso aparecerían coa utilización do lume pola humanidade desde a súa “invención” alá polo 500.000 a.C., xa que os anacos de madeira carbonizada, madeira a medio queimar, que quedarían nas fogueiras poden ser considerados un carbón rudimentario.

Sábese que hai máis de quince mil anos empregárase o carbón de leña para marcar a contorna das figuras, e que convertíase en pigmento mesturándoo con graxa, sangue ou cola de peixe. Despois descubriríase a súa capacidade como combustible de dar máis calor que a madeira (de vinte e nove a trinta e cinco millóns de xulios por quilogramo, fronte aos doce a vinte e un da madeira), e utilizaríase na metalurxia (do cobre, 4.000 a.C.; do bronce 3.500 a.C.) e na siderurxia (1.200 a.C.).

Ademais de como combustible de alto poder calorífico, que arde apenas sen fume e sen lapas, na historia da humanidade sería fundamental o seu emprego como axente redutor dos óxidos metálicos e na súa aliaxe co ferro para dar lugar ao aceiro, moito máis duro que aquel. O carbón de leña empregaríase tamén para a fabricación da pólvora, unha mestura de salitre (nitrato de sodio e de potasio), xofre e carbón descuberta polos chineses cara ao ano 1100, que arde coa produción dun gran volume de gases (catrocentas veces superior ao volume da mestura), o que orixina unha elevada presión no recipiente que os contén e da lugar a súa aplicación en pirotecnia, armas de fogo e como explosivo.

Pola súa grande porosidade outra aplicación é como absorbente, coñecida polos exipcios e xa recomendada no 400 a.C. por Hipócrates para o filtrado da auga para beber. Modernamente emprégase tamén como adsorbente molecular e iónico.

A fabricación de carbón de leña en Galicia foi moi común, con moitísimas carboeiras espalladas por todo o país, tanto pola abundancia de bosques como pola carencia de carbón de pedra no noso territorio. E numerosa é a pegada da actividade carboeira na toponimia galega: o término aparece localizado en noventa e seis lugares de cincuenta e tres municipios Atópase unha especial concentración do topónimo no norte da rexión, xenerosa en monte arborado: Riotorto, con nove; Ribadeo, con oito; Cospeito, con seis; As Somozas, con cinco; e con catro, Abadín, A Capela, e Arteixo.

Ademais da imprescindible aplicación nas ferrerías, foi importante tamén o uso doméstico, e temos así documentada a saída de grandes cantidades de carbón vexetal do porto de San Cibrao para os portos de Ferrol, Coruña e Vigo.

A enorme deforestación producida pola irracional explotación dos bosques levaría no século XVIII ao establecemento en moitas localidades das devesas reais, montes nos que o aproveitamento forestal quedaba restrinxido ás cortas necesarias para a construción das embarcacións da Armada Real e outras necesidades dos exércitos (palizadas, cureñas, portas, pontes).

De todas as áreas nas que houbo fabricación de carbón, tómase nesta ficha como exemplo a de a comarca de Riotorto, ben coñecida polas ferrerías, un dos mellores clientes do carbón de leña.

Descrición Xeral do Entorno:

A zona de explotación silvícola para a actividade carboeira está nas ladeiras setentrionais da Serra do Pousadoiro e no levante da Serra de Lourenzá, bisbarra toda ela de abundantes bosques, explotados como madeira con saída por Ribadeo e produtora de carbón de leña para as numerosas ferrerías locais.

Construcción:

Intemporal.

Abandono:

Decenio de 1960.

Descrición:

A explotación forestal para a produción de carbón de leña ven de tempo inmemorial, polas vantaxes como combustible deste fronte a leña: temperaturas máis altas, apenas lapas e pouca produción de fume. Porén, o impulso máis grande ao seu consumo viría vinculado a súa utilización nas ferrerías, ben abundantes nas zonas boscosas e con bos recursos hidráulicos que atopamos no norte da provincia de Lugo.

Calquera espazo aberto, chairo, seco e próximo a unha zona arborada, podía ser utilizado para preparar as carboeiras.

Na zona que se elixiu como referencia neste artigo, no termo municipal de Riotorto, atopamos nove topónimos que dan conta da importancia pasada actividade carboeira: A Moa de Carboeiro, As Minas de Carboeiro, Carboeiro, Carboeiro de Riba, e O Rego de Carboeiro, na parroquia Santa María de Espasande de Baixo; Carboeiro, Carboeiro de Baixo, e Rego de Carboeiro, na de San Pedro de Riotorto; e Os Carboeiros, en Santa Marta de Meilán.

O consumo de carbón vexetal iría decaendo coa desaparición das ferrerías e a xeneralización do carbón de pedra e outros combustibles nos demais usos industriais e domésticos, o que suporía a lenta pero inexorable desaparición dos carboeiros tradicionais.

Con todo, a produción de carbón de leña evolucionaría coa utilización de fornos de ladrillo, primeiro, e fornos metálicos, despois; os fornos intermitentes serían mellorados co desenvolvemento de fornos continuos e a produción de carbón de leña evolucionaría coa preparación de carbón de leña aglomerado (briquetas).

A maior vantaxe dos fornos industriais é a uniformidade na calidade do carbón obtido, cumprindo os requisitos das normativas propias dos países nos que se vende (AFNOR francesa, DIN alemá, etc.), o que fai que se poida empregar tanto na industria como para o consumo doméstico. Outra vantaxe é o seu alto rendemento técnico, superior ao 25%, e rendible economicamente, xa que a tecnoloxía está consolidada e a man de obra requirida é escasa en comparación coa produción obtida. As únicas chatas son os custos de ter que trasladar a madeira ao forno é o investimento que require unha instalación que ten certa complexidade.

A produción de carbón de leña mantense pola especificidade dalgunhas das súas aplicacións, domésticas hostaleiras e industriais: combustible para chemineas, braseiros, barbacoas e outros dispositivos semellantes; na metalurxia non ferrosa (aluminio, boro); na produción de silicio puro para semicondutores; na industria química; como axente redutor metalúrxico; na produción de vidro, pinturas, eléctrodos, plásticos, pólvora de fume; carbón activo.

Tamén teñen aproveitamento industrial os derivados líquidos que se producen durante a destilación da madeira na fabricación do carbón de leña: alcatrán de madeira (brea), trementina, ácido acético, colofonia, alcohol metílico, disolventes de alcohol, etc.

No territorio español ten certa dimensión a produción de carbón de leña en Extremadura, cunhas trinta e cinco empresas, a meirande parte delas de pequeno tamaño e carácter familiar. Non sendo o caso de catro industrias de mediano tamaño, que fabrican tamén conglomerado de carbón (briquetas), a produción maioritaria é de carbón a granel. A produción anual total é da orde das quince mil toneladas de carbón a granel e doce mil de briquetas.

Tempo de uso:

As campañas facíanse entre abril e outubro, preferentemente con tempo seco, en fornadas que podían durar doce días, deixando arrefriar tres días antes de retirar o carbón.

Sistema de produción:

Deixando á parte o aproveitamento incidental das madeiras carbonizadas, a preparación do carbón de leña faise quentando, en ausencia de aire, madeira e residuos vexetais, a temperaturas de entre catrocentos e setecentos graos centígrados, sen chegar á temperatura de gasificación. O proceso coñécese quimicamente como pirólise, ou descomposición química da materia orgánica polo quecemento a altas temperaturas en ausencia de oxixeno.

A lenta elevación da temperatura da madeira, evitando a inflamación ao non estar o aire presente, consigue a descomposición pola acción da calor de substancias complexas en produtos máis simples, e o desprendemento irreversible (volatilización) dos mesmos: hidróxeno, monóxido de carbono, metano e outros hidrocarburos máis volátiles procedentes da rotura das moléculas orgánicas, xunto cos xa existentes na propia madeira. Os alcatráns, aceites, fenois e ceras poderán condensarse á temperatura ambiente e deixar residuos líquidos. No límite, o proceso deixaría como único residuo carbono puro.

Esquematicamente, o proceso ten catro fases: quecemento, desde a temperatura ambiente ata 100 ?C; deshidratación, entre 100 e 120 ?C; pirólise (exotérmica), dende uns 270 ?C ata os 500 ou 700 ?C, en que –dependendo do tipo de madeira– remata a carbonización; arrefriado do carbón e secado da cheminea, coa condensación dos alcatráns.

Os sistemas básicos empregados nas carboeiras serían o da froia ou braseiro e o da carboeira propiamente dita. Segundo a descrición de Xaquín Lorenzo (1962: 506-508) o braseiro preparábase cavando no chan un burato duns dous metros de diámetro e arredor de medio metro de fondo, no que botábanse as raíces previamente arrigadas, preferiblemente cepas de torgueira (erica, coas variantes locais de breixo, urce, uz, carpaza, carrasca, queiroga). Despois amoreábanse fentos secos e poñíaselle lume, deixándoo arder unhas dez horas antes de tapa-las brasas ben con terra para completar a carbonización. Na mañá seguinte podíase recoller o carbón así preparado.

Tamén describe como preparábase unha pequena carboeira facendo sobre o chan un cono arrimando ramas de mimosa (acacia dealbata) deixándolle unha cheminea no centro. Despois cubríase ben a pía formada con fentos e terra para que non collese aire, poñéndolle lume pola cheminea cun mangado de muíña ou frouma de piñeiro. Deixábase arder e despois duns días recollíase o carbón.

A preparación das carboeiras de máis entidade requiría un traballo algo máis coidadoso, mesmo sofisticado. O traballo do carboeiro comezaba co abatemento dos árbores a utilizar, deixándoos un tempo a secar, ata que as follas estiveran pardas. Logo tronzábase en cachos de entre un e dous metros, tallando despois os anacos máis grosos en achas máis ou menos regulares. Coa axuda de carretas, trasladábase entón a madeira ata a zona onde íase preparar o carbón, depositando as achas no chan formando un círculo de uns catro metros de diámetro, no centro do cal vai construírse a carboeira.

O proceso de construción da carboeira, que vai ter un aspecto de cono ou campá de dous metros de diámetro e outro tanto de altura, comeza espetando no centro un poste de dous metros, arredor do cal, e deixando un espazo a xeito de cheminea, vanse arrimando verticalmente as achas e anacos de madeira, no centro os máis grosos e os máis delgados na periferia, formando un castelo ou pira.

Arredor da base do cono prepárase unha estacada de polas que axuden ao sostemento da madeira e da cobertura que se lle vai facer. Sobre a construción de madeira vai agregándose unha capa de musgo, fentos, follas ou palla dun palmo de espesor, e cóbrese ben cun palmo de capa de terra ben testa, para que non pase o aire. Na base da pira déixanse uns buratos ou troneiras que axudarán á saída dos vapores e o fume durante a carbonización.

No curuto do castelo, pola boca da cheminea, lárgase un fachuco de palla ou unha presa de isca e follas para prender lume no interior e que comece a formación das brasas e a cocción (carbonización) da madeira. Durante os dez ou quince días que dura o proceso, para evitar que se arruíne e bote a perder, hai que mirar noite e día pola carboeira; os primeiros días o carboeiro terá que abrir por riba cada tanto e botar achas pequenas para evitar que se apague o lume, tapando de novo con terra cando a cheminea deixa de fumear.

Pasados os días e coa axuda dunha esqueira, o carboeiro subía con moita precaución ao cumio da pira e pisaba tenteando a dureza e estabilidade da capa. Cando pola solidez da cuberta percibía que o risco de caer dentro desaparecera, que a carbonización rematara e que o interior arrefriara e endurecera, retiraba as capas de terra e folla e abría a pila para apañar o carbón formado, meténdoo en sacos para o transporte aos clientes e aos mercados. En función do tipo da madeira, do tamaño da carboeira e do tipo de cocción, cada fornada podía producir de douscentos cincuenta a catro mil quilogramos de carbón. O carbón de mellor calidade obtense das madeiras máis densas.

Segundo a madeira coa que se fixera, o carbón recibía nomes diferentes: carbón de aciñeira, cisco de carballo, picón de videira, carbón de torga... E cada tipo de carbón tiña unha aplicación característica, fora nas forxas dos ferreiros ou nos braseiros domésticos.

Os seus rendementos do proceso tradicional son moi baixos, precisando de oito a doce quilogramos de leña para obter un de carbón vexetal, e, por seren difícil manter unha carbonización uniforme, a calidade non é uniforme. Por outra banda, o proceso e moi contaminante, ao emitir alcatráns e gases velenosos.

O carbón de leña, malia que inda se fabrique artesanalmente en algures, prodúcese principalmente en fornos metálicos industriais que facilitan e optimizan o proceso.

Nos decenios de 1970 e 1980 do pasado século conseguiuse mellorar a produción tradicional de carbón vexetal equipando os fornos de terra con chemineas feitas con bidóns de petróleo (fornos Casamance, no Senegal) e construíndo pequenos fornos de ladrillo ou metálicos. Todos estes métodos baséanse na combustión parcial da carga de leña para producir a calor necesaria para a carbonización do resto; o rendemento depende en gran medida do contido de humidade da madeira, necesitándose entre seis e oito quilogramos de leña para obter un quilogramo de carbón. Cunha boa práctica, e coa leña previamente secada ao aire, son posibles rendementos de un quilogramo de carbón a partir de catro ou cinco quilogramos de leña.

A vantaxe dos procedementos que utilizan unha cuberta sólida (ladrillo, metal ou formigón) é o seu peche hermético, que permite mellorar o control do proceso, minimiza o efecto dunha mala supervisión e dá resultados máis uniformes. Porén, e inda que dan menos traballo e producen mellores resultados, poden ser menos accesibles para os carboeiros tradicionais polo seu elevado custo.

A demanda industrial de carbón vexetal no século XX suscitou novas tecnoloxías en maior escala para mellorar o rendemento e a calidade. Concibíronse diferentes tipos de fornos de ladrillo ou metal, de funcionamento intermitente, e retortas de funcionamento continuo, conseguindo elevar considerablemente o rendemento (un quilogramo de carbón de entre cinco e sete de leña) e producir un carbón moito máis uniforme cun maior contido de carbono fixo. Moitas fábricas deste tipo funcionan aínda hoxe, pero cunha elevada contaminación ambiental.

A tendencia actual na produción de carbón vexetal aspira a mellorar os efectos ambientais mantendo ou elevando ao mesmo tempo o rendemento e a calidade do produto. Recipientes de aceiro ou  retortas énchense con leña previamente secada e colócanse nun forno de carbonización de ladrillo quentado a 900 ?C. Os alcatráns e gases producidos ao quentarse a madeira condúcense a unha cámara de combustión a alta temperatura. Os gases producidos nesa cámara úsanse para quentar o forno de carbonización, e a calor residual do forno utilízase para o secado da leña. O rendemento deste tipo de equipo permite producir un quilogramo de carbón vexetal con só tres ou catro quilogramos de leña.

As altísimas temperaturas da cámara de combustión conseguen que se queimen por completo todas as partículas, alcatráns e gases emitidos na carbonización. Nos Países Baixos, certificouse que este tipo de equipo cumpre cos requisitos estritos de emisións nas instalacións de combustión. Os contidos residuais de alcatráns, monóxido de carbono e peróxido de nitróxeno, así como os compoñentes olorosos, están moi por baixo dos límites legais polo que esta tecnoloxía estendeuse nos últimos anos nos países da Unión Europea (Francia, Países Baixos, Estonia), e nalgunhas rexións en desenvolvemento (China, Ghana, Sudáfrica).

Actividades laborais:

Cabe diferenciar tres tipos de tarefas: a corta e preparación da madeira; a construción da carboeira e atención ao proceso; e a clasificación e ensacado da produción.

Emprego:

Sen ter en conta o persoal ocupado nos traballos previos de corta, preparación e transporte da madeira, un só carboeiro era quen de preparar a pira e controlar o proceso, inda que normalmente foran dous os que o atenderan, para mellor xestionar os tempos de descanso durante as fornadas.

Materias Primas:

Materiais leñosos (leñas, raíces ou anacos de madeiras varias).

Produtos Elaborados:

Carbón de leña.

Distribución e comercialización:

Rexional.

Referencias Bibliográficas:

Carmona Badía, Xoán; Nadal Oller, Jordi (2005): El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Donapetry Iribarnegaray, Juan (1953): Historia de Vivero y su Concejo, Vivero: Ayuntamiento de Vivero, edición facsímil de 1991 de la Diputación Provincial de Lugo. DL LU-811-1991. ISBN 84-86824-00-1.

Fernández Pintos, Xulio (2015): As devesas reais en Matamá (séculos XVII-XIX) [en liña] http://www.montedematama.org/sites/default/files/Artigo%20Completo.%20Devesas%20Reais%2C%20Matam%C3%A1_0.pdf. [Acceso 21/05/2020].

González López, Emilio (1970): Siempre de negro. Galicia en la contrarreforma: el reinado de Felipe II. Vigo: Galaxia.

González Pérez, Clodio (1994): A producción tradicional do ferro en Galicia: as grandes ferrerías da provincia de Lugo, Debuxos de José Pena, Lugo: Servicio de Publicacións da Deputación Provincial. DL LU-41-1994. ISBN 84-86824-49-4.

Labrada Romero, José Lucas (1804): Descripción económica del Reyno de Galicia, Ferrol, edición facsimilar de 1971 de Francisco Javier Río Barja, Vigo: Galaxia.

Lorenzo Fernández, Xaquín (1962): “Etnografía: cultura material. Os oficios: Carboeiros”, Historia de Galiza, Ramón Otero Pedrayo (dir.), Buenos Aires: Editorial Nós, vol. II, O home-II, p. 506-508.

Lorenzo Fernández, Xaquín (1983): “Carboeiros”, Os oficios, Biblioteca Básica da Cultura Galega, Vigo: Editorial Galaxia, p. 64-67. DL VG-18-1983. ISBN 84-7154-425-3.

Martínez González, Alfredo José (2013): “Bosques y política naval atlántica: las reformas normativa e institucionales de José Patiño (1717-1736)” Revista Hispanoamericana, Revista Digital de la Real Academia Hispano Americana de Ciencias, Artes y Letras, 2013, núm. 3. ISSN-e 2174-0445. Disponible en: http://revista.raha.es/13_art2.pdf. [Acceso 21/05/2020].

Morgade Martínez, Xosé Carlos (2003): As devesas reais da parroquia de Mourente. Aproximación á política forestal do Reino de España en Galicia (séculos XV a XIX). Pontevedra: Concello de Pontevedra. DL VG-410-2003. ISBN 84-95350-87-4.

Organización de las Naciones Unidas para la Agricultura y la Alimentación (FAO) (s/d): Métodos simples para fabricar carbón vegetal. Roma: Publicaciones FAO. ISBN 92-5-301328-1 [en línea] http://www.fao.org/3/X5328s/X5328S00.htm [Acceso 23/05/2020].

Pardo Gómez, Fernando (2002): La navegación a vela en la mariña lucense. Lugo: El Progreso. DL LU-72-2002.

Pardo Gómez, Fernando (2008): Historia de San Ciprián. Lugo: El Progreso. DL LU-26-2008.

Pezzi Cristóbal, Pilar (2001): “Proteger para producir. La política forestal de los Borbones españoles”. Baetica. Estudios de Arte, Geografía e Historia, núm. 23, p. 583-596. ISSN 0212-5099.

Stassen, Hubert E. (s/d): Nuevas tecnologías de producción de carbón vegetal [en línea] http://www.fao.org/3/y4450s/Y4450S11.htm [Acceso 23/05/2020].

Taboada Arceo, Antonio (1971): Galicia, estructura y ritmo socio-económicos. La Coruña: Servicio de Estudios y Publicaciones de las Cámaras Oficiales de Comercio, Industria y Navegación de Galicia. DL C-145-1971.

Urien Pinedo, Andrea (2013): Obtención de biocarbones y biocombustibles mediante pirólisis de biomasa residual, Trabajo Fin de Maestría [en línea] https://digital.csic.es/bitstream/10261/80225/1/BIOCARBONES_CENIM_CSIC.pdf [Acceso 21/05/2020].

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 24-IV A Pontenova /// Datum ETRS89: H 29 // X 640.387,63 m / Y 4.799.192,90 m

Centro Nacional de Información Geográfica: Fotototeca Digital, Instituto Geográfico Nacional, Ministerio de Fomento del Gobierno de España [en línea]. Disponible en internet: http://fototeca.cnig.es/ [Acceso 22 decembro 2019].

Instituto de Estudos do Territorio (IDE) da Xunta de Galicia. Información Xeográfica de Galicia: visualizador de mapas [en liña]. Dispoñible na Internet: http://mapas.xunta.es/visualizador-de-mapas [Acceso 24 marzo 2020].

Instituto Geográfico Nacional. Serie MTN25 (Mapa Topográfico Nacional 1:25.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional25.jsp [Acceso 22 diciembre 2019].

Xunta de Galicia (Consellería do Medio Rural). Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícola (SixPac): visor de mapas [en liña] Dispoñible na Internet: http://sixpac.xunta.es/visorsixpac/ [Acceso 24 marzo 2020].

Data de Actualización:

23 maio 2020