585 Peninsular Maderera (PEMSA)

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: A Coruña
  • Concello: Ferrol
  • Parroquia: San Salvador de Serantes
  • Lugar: A Malata
  • Paraxe: A Malata
  • Dirección: Non procede
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 43.490011593098856
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.239831807250976
  • Coordeadas UTM: Datum ETRS89: H 29 // X 561.405,93 m / Y 4.815.584,25 m
  • Clasificación: Industria da madeira
  • CNAE: 16.10 Serrado e cepillado da madeira. 16.21 Fabricación de chapas e taboleiros de madeira. 16.29 Fabricación de outros produtos
  • Tipoloxía: Fabricación de elementos de taboleiro contrachapado
  • Comarca: Ferrol
  • Marco Xeográfico: Enseada da Malata, na marxe dereita da ría de Ferrol. Terreos da aba setentrional do Monte de Canido, na marxe esquerda da desem
  • Ámbito: Periurbano
  • Acceso: Saíndo de Ferrol cara a Doniños pola estrada da Malata, atoparemos na man dereita o Estadio Municipal, nos terreos que ocuparan as instalacións da fábrica de portas “Record”.

Tipo de propiedade:

Pública (municipal)

Visitable:

A zona toda foi totalmente transformada coas instalacións deportivas municipais, polo que no hai pegada algunha.

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

Conta a mitoloxía grega que a serra fora inventada por Perdix, a quen o seu tío, Dédalo, lle aprendera as artes mecánicas. Nunha abraiante mostra do seu enxeño, Perdix imitou as espiñas dun esqueleto de peixe nunha lámina de ferro, inventando a serra. Con todo, o máis verosímil e que se observase que un coitelo resultase nalgúns casos máis eficaz triscado (“mellado”) que ben afiado.

Alén diso, no verán do ano 2005, no campo de tumbas de Hierápolis (Pamukkale, Turquía), identificábase no sartego de Marco Aurelio Amiano, datado na metade do século III d.C., un baixo relevo representando unha roda hidráulica accionando dúas serras de cortar pedra, a mostra máis antiga coñecida do mecanismo de biela e manivela, que converte un movemento circular nun movemento rectilíneo alternativo.

Da época tardo romana (século VI) descubríronse tamén restos de serras mecánicas de pedra en Gerasa (Gilead, Jordania) e en Éfeso (Ayasaluk, Turquía). É posible que tamén o sexan uns restos do século II atopados en Augusta Raurica (Augst, Basilea, Suiza).

Esta antiga e incipiente mecanización, que coñecería tamén aplicación na elaboración de táboas de madeira, viría aliviar as incomodidades dos serranchíns no seu fatigoso traballo, totalmente manual, e os serradoiros hidráulicos espallaríanse por todo o mundo civilizado.

Ata a mecanización, o serrado da madeira facíase por dous homes, que ían percorrendo o país, deténdose nos lugares nos que atopaban traballo. Tralo tallado da árbore e o escascado, careábase o tronco, dándolle catro caras, e procedíase ao serrado para obter as táboas, que se deixarían despois a secar amoreadas en castelos. Xa secas, pasarán ás mans dos carpinteiros para a súa utilización ou traballado.

Os serranchíns itinerantes foron desaparecendo co estabelecemento das serras mecánicas, unhas movidas pola forza da auga, outras accionadas por máquina de vapor, motor de gasolina ou motor eléctrico. Levábanse entón os troncos a serrar nas fábricas, nas que tamén quedaban a secar, ao aire ou en cámaras de secado nas que se introduce aire quente para acelerar e mellorar o proceso.

Os primeiros serradoiros mecánicos eran accionados pola auga dun curso fluvial, que facía virar unha roda a partir da cal convertíase o movemento circular nun movemento rectilíneo alternativo por medio do mecanismo coñecido como biela manivela. En España comezaron a empregarse dende a primeira metade do século XII para serrar troncos de madeira e convertelos en puntais e táboas para diversas aplicacións. Os serradoiros máis sinxelos tiñan unha serra simple, namentres que os máis complexos dispuñan de serras, tornos e cepilladoras que se accionaban combinando rodas e correas de transmisión.

As máquinas de vapor foron introducidas en España de 1725 en diante, procedentes de Inglaterra. A introdución da máquina de vapor en Galicia veu da man do enxeñeiro Rafael Clavijo e o mestre Andrés Antelo, coa posta en marcha, en 1796, dunha máquina atmosférica tipo Newcomen para o achique da auga do dique de carenas do Arsenal de Ferrol. Froito de iniciativas públicas e privadas, ata 1808 importáranse en España non máis de unha decena de máquinas de vapor inglesas, pero a Guerra de Independencia (1808-1814) supuxo un freo no incipiente proceso de modernización iniciado nas últimas décadas do século XVIII. A partir de 1814 retomaríase a importación de máquinas de vapor, aínda que non acadaría certa importancia até a década de 1830.

Na década de 1840 o Arsenal incorporaría unha serra movida a vapor, e a definitiva implantación desta tecnoloxía en España tería lugar da man de dúas grandes empresas barcelonesas: a dos irmáns escoceses Thomas e David Alexander (1849) e “La Maquinista Terrestre y Marítima” (1855) de Valentín Esparó, as que so se compararía naqueles anos a sevillana “Portilla, White y Cía.” (1857). Coa posta en marcha no Arsenal de Ferrol en 1855 da nova Factoría de Máquinas, comezaría a construción de máquinas de vapor mariñas de ata 500 CV, das que en 1858 sairía a primeira construída en España.

As primeiras serras de auga constrúense en Galicia na década de 1830; estes innovadores artefactos mecánicos para a serrado mecánico da madeira aparecen no sur da provincia de Pontevedra (vid. ficha 361 Serra dos Carranos), para o abasto da crecente demanda na construción e no envasado da sardiña salgada na área de Vigo.

Os primeiros serradoiros mecánicos movidos por máquina de vapor serán inicialmente un fenómeno urbano que, a partir de 1850, vai desenvolverse paseniño na Coruña, Vigo e Ferrol. Pero é dende a década de 1880 cando se produce o verdadeiro desenvolvemento do sector mecánico na primeira transformación da madeira. Ademais, a aparición de novos elementos de demanda vai orientarse ao piñeiro galego, no canto das frondosas tradicionais.

Primeiro foron os troncos de piñeiro para apuntalar as minas de carbón, que abastecían como frete de retorno aos buques que traían hulla dos portos galeses de Cardiff e Swansea, e do inglés de Newcastle-upon-Thyne. Pero vai ser de meirande importancia o subministro de madeira para caixas, caixóns e embalaxe de mercadorías varias.

A táboa e o cadrado de piñeiro abastecían dende a década de 1860 ás industrias de Málaga e Almería que producían táboa pequena e fina (tablilla) e elaboraban caixas para o envío de uva pasa a Inglaterra. Madeira de primeira serra servía tamén á industria galega de salga en diferentes portos do país.

A crecente demanda de táboa e táboa pequena para as industrias marítimas, levou a que un grupo de industriais vigueses establecera en 1879 “La Industrial Hispano Portuguesa”, para a provisión da madeira para envases do sector pesqueiro, serrada pola nova empresa con máquina de vapor no Areal de Vigo. Nos anos seguintes, co mesmo obxectivo, van instalarse na área viguesa outros serradoiros de vapor, aínda que venderán tamén “tablilla” aos exportadores malagueños e almerienses.

Tres anos despois, en 1882, os irmáns Candeira instalaban en Camposancos (A Guarda) as primeiras serras mecánicas a vapor para a elaboración de táboa miúda. Alí, na desembocadura do río Miño, chegaban río abaixo os troncos galegos e portugueses que se enviaban aos portos andaluces para o seu transformado. Unha nova riqueza vai quedar agora na comarca, e pronto se instalarán na zona máis serras, que converterán ao Baixo Miño nunha das áreas pioneiras nesta industria.

Tralas primeiras serras mecánicas a vapor, viguesas e miñotas, outras industrias de serra van espallarse por toda a Galicia atlántica no primeiro terzo do século XX, cunha meirande concentración no sur da provincia de Pontevedra, na bacía ourensá do río Miño, e na área costeira que vai de Ponteceso a Ferrol, convertendo a rexión na primeira produtora española de táboa e táboa miúda para envases.

No informe de Cosme Fernández Soler sobre a economía da provincia de Pontevedra en 1888, recollía a existencia de tres serradoiros, dous accionados por vapor e un terceiro movido por unha cabalería, admitindo a existencia de máis serradoiros, “no contabilizados porque están escondidos al fisco”. En 1895 xa se contaban vinte e un serradoiros na provincia de Pontevedra e cinco na da Coruña, cifras que en 1905 subiron a cincuenta e catro e trinta e sete, respectivamente. Algúns serradoiros do Condado e do Baixo Miño contaban daquela con máis de unha ducia de serras instaladas.

A Gran Guerra (Primeira Guerra Mundial, 1914-1918), coa supresión das importacións de madeira foránea e unha forte subida dos prezos, provocou a expansión dos serradoiros. O remate da guerra abriría unha época difícil, caracterizada polos intentos de concentración que buscaban superar o minifundismo do sector.

Resultado dos esforzos de concentración cabe citar “Serrerías del Miño” (1927, A Guarda, vid. ficha 350), “Aserradora Gallega” (Catoira), “Serrerías Gallegas” (1929, Carril, vid. ficha 468), “Lantero e Hijos” (Vilagarcía, vid. ficha 501) e “Unión Industrial Maderera” (1930, Cedeira, vid. ficha 561).

Contra 1933, eran catrocentos noventa e cinco os serradoiros galegos con serra de cinta que pagaban a contribución industrial, e, coa súa demanda de piñeiro autóctono, dinamizaban a explotación dos montes do país.

O sector da serra, cunha excesiva especialización na primeira transformación da madeira, con apenas valor engadido, enfiaría un forte proceso de reestruturación a partir da década de 1940, do que xurdiría o sector dos taboleiros fabricados, primeiro, por agregación de chapas de madeira natural encoladas, o contra chapado (Peninsular Maderera, en Ferrol, 1945), e despois, a partir de madeira triturada, encolada e prensada, o aglomerado (Tafisa, en Pontevedra, 1958).

A “Peninsular Maderera” desaparecería en 1976 (vid. ficha 585), pero a pioneira experiencia de Tafisa tería unha brillante continuidade cun pequeno grupo de empresas dedicadas á fabricación de taboleiros de madeira aglomerada, de partículas, de fibras, e de fibras de media densidade: Finsa (Pontecesures, 1963, vid. ficha 565), Ecar (Mondoñedo, 1964, vid. ficha 535), Losan (Curtis, 1965), e outras, ata sumar once establecementos en Galicia, a metade dos existentes en España.

Descrición Xeral do Entorno:

A fábrica construíuse na enseada da Malata, en terreos da ladeira que descende da Porta de Neira, na aba setentrional do Monte de Canido, entre a antiga fábrica de curtidos e a marxe esquerda da desembocadura do río de Serantes ou río de Sardiña. A posibilidade de acceso ata o fondo da enseada con embarcacións de pequeno calado, a facilidade da provisión dos grandes troncos por flotación, e a proximidade do porto, a estrada e a liña do ferrocarril garantía a óptima entrada de materias primas e de saída dos produtos fabricados.

Construcción:

1945.

Abandono:

1976.

Descrición:

Os Territorios Españois do Golfo de Guinea (hoxe, Guinea Ecuatorial), con Ifni, o Sahara Español, e o Protectorado Español de Marrocos, foi unha colonia de España no continente africano. A colonia do Golfo de Guinea formouse xuntando as colonias de Río Muni, Fernando Póo, Elobey, Annobón, Corisco e outras illas adxacentes, converténdose en 1926 en Guinea Española. A ocupación colonial española estendeuse de 1885 a 1968. As illas e os dereitos de comercio sobre a costa continental entre os ríos Níxer e Ogooué foran cedidos por Portugal a España polo tratados de San Ildefonso (1777) e do Pardo (1778), reinando María I en Portugal e Carlos III en España.

Durante a primeira metade do século XX, España desenvolveu grandes plantacións de cacao na illa de Fernando Póo (hoxe, Bioko) con miles de traballadores nixerianos importados como braceiros. Os territorios da Guinea Ecuatorial na época colonial acadaría os meirandes ingresos per cápita de África, xunto cunha das maiores taxas de alfabetización do continente e unha notable rede de instalacións sanitarias. Para a explotación da riqueza en madeira, café e cacao da colonia, que desde 1959 vai configurarse como as provincias de Río Muni e Fernando Póo, o goberno español organizaba poxas nas que as compañías estabelecidas no territorio peninsular podían obter importantes concesións administrativas.

Unha das compañías concesionarias sería a “Peninsular Maderera, S.A.” (PEMSA). Aproveitando a man de obra local efectuaría talas de arborado e trasladaría os enormes troncos ata costa, onde os barcos madeireiros os recollían e transportaban ás factorías da compañía en Valencia, Santander e Bilbao. A ría de Ferrol, con man de obra barata, sería elixida para instalar un novo centro de traballo.

No lugar elixido para instalarse existía un serradoiro, rexentado por Enrique Iglesias Piñeiro e con cinco traballadores: un afiador, un serrador, e tres oficiais de segunda. Os seis irían incorporándose á nova fábrica entre 1940 e 1945.

O 26 de xuño de 1945 a “Peninsular Maderera” recibiría a concesión administrativa dos terreos a ocupar e comezaría a construción sobre pilotes dos espazos e as naves fabrís. En 1947, o director das obras, Luis Rial Paz, efectuaba unha nova traza na zona para a ampliación da concesión, que chegaría a ocupar máis de cen mil metros cadrados.

O principal promotor deste e outros proxectos fora o odontólogo e doutor en dereito Francisco Bergaz Santos, fundador en 1942, co doutor Manuel Ruiz Jiménez, da que chegaría a ser a coñecida Clínica Médico Quirúrgica Ruber, de Ruiz e Bergaz. Quede anotado que nos nomes de case que tódolos proxectos de Bergaz figuraría unha parte do seu apelido, como en CUBERG ou OREMBER, complexos madeireiros estabelecidos respectivamente en Cuenca (1963) e Ourense (1968).

Co nome de “Explotaciones de Maderas Garitorenza”, Bergaz contaba cunha importante concesión forestal en Guinea, que vai ser a provedora de madeiras tropicais para a fábrica que proxecta instalar extramuros da cidade de El Ferrol del Caudillo (así nomeada do 30 de setembro de 1938 ao 5 de outubro de 1984), na enseada da Malata da ría de Ferrol. O Banco General de Comercio e Industria, no que Bergaz era conselleiro, aportará o apoio financeiro.

As instalacións da “Peninsular Maderera, S.A.” irán conformando a súa estrutura definitiva, composta no esencial por: depósito de troncos a flote; embarcadoiro de troncos; nave de caldeiras; edificio de transformación; nave de clasificación de chapa e guillotinas; nave para máquina plana e chapas finas; ciclóns dos equipos de aspiración; almacén de portas; edificio de oficinas. En 1960 obterá unha nova ampliación da concesión para a construción dunha nave industrial.

A orientación principal da empresa vai ser a fabricación de taboleiros e elementos de madeira laminada contrachapada, frisos, cercos e portas. As portas “Record”, marca rexistrada en 1956, serán o seu principal produto, favorecido pola indubidable calidade e a enorme demanda naqueles anos nos que a industrialización do país e o abandono do campo reclamaban a urxente construción de novas vivendas nas vilas e cidades de España.

A declaración de independencia de Guinea, en 1968, vai supor a perda da explotación das reservas forestais a baixo prezo, o que xunto coa saturación do mercado da vivenda, vai ser o comezo da fin da empresa. O deterioro nas condicións de traballo conducirá en 1970 a unha longa folga (trinta e sete días) dos traballadores. Malia a progresiva redución no número de traballadores, o declive da “Peninsular” é xa imparable: en 1975 se declara a suspensión da actividade na fábrica, e en 1977 terá lugar o definitivo peche da factoría, coa rescisión da relación laboral dos cento cincuenta empregados que aínda figuraban no cadro de persoal.

A maquinaria foi retirada e vendida e as instalacións abandonadas foron arruinándose ata que a finais do decenio de 1980 o Concello de Ferrol decide sanear a zona e aproveitar os terreos para construír un novo Estadio Municipal que substitúa ao existente no Inferniño, inaugurado en 1921 e bautizado como Estadio Manuel Rivera após as obras de modernización realizadas en 1951.

O Estadio da Malata foi inaugurado en 1993 e forma parte dun complexo deportivo que conta con piscina climatizada, campo de adestramento, e outras instalacións.

Tempo de uso:

Todo o ano.

Sistema de produción:

A falta de madeiras de calidade en Exipto faría que xa no 3.500 a.C. fabricasen artigos de madeira formados por láminas pegadas transversalmente entre si. Crearían taboleiros compostos nos que o interior sería de madeira de pouca calidade, recuberto polas madeiras mellores. A mellora do aspecto final engadíase a unha meirande resistencia estrutural.

Tempo despois atopamos no século II a.C. o mellor desta técnica nos escudos empregados polos lexionarios romanos. Estes escudos, planos ou convexos, construíanse superpoñendo tiras de madeira coas vetas cruzadas, cubertas con coiro e unidas coa cola obtida da cocción de restos de animais. Conseguían así un escudo moi resistente e relativamente lixeiro (cinco a sete quilogramos).

Dende o século XVI a técnica do contrachapado empregaríase para a construción de clavicordios, que terían continuidade nos pianos de cola, xa no XIX. Son tamén ben coñecidos os excelentes traballos en contrachapado dalgúns dos mobles ingleses de gran calidade fabricados nos séculos XVIII e XIX.

No decenio de 1830, en Suecia, a invención e desenvolvemento por Emmanuel Nobel do torno xiratorio para o desenrolado da madeira e a obtención das láminas, abarataría o proceso de obtención das chapas e a progresión desta tecnoloxía. A primeira destas máquinas instalaríase nos Estados Unidos contra 1850.

No decenio de 1920, a fábrica de contrachapado “Portland Manufacturing Company”, do empresario estadounidense Thomas John Autzen, desenvolvería unha técnica de ensamblaxe que reduciría os tempos de secado e fabricación, co que a madeira laminada e contrachapada converteríase nun dos produtos para a construción máis abundantes e accesíbel.

A madeira cortada na Guinea chegaba nos buques madeireiros ao porto de Ferrol, onde os troncos (“trozas”) eran descargados e pesados, tralo que botábanse na auga e, amarrando as toradas entre si, formábanse unhas balsas que eran remolcadas por unha das lanchas de pasaxe ata as proximidades da carreteira que pecha o recuncho da enseada da Malata no que se ergueu a factoría. Alí quedaban ben amarrados para que o vento e, por riba de todo, o devalo da marea non os espallasen pola ría.

Para achegalos á fábrica, tiñan que pasar primeiro polas aberturas deixadas baixo o terraplén da vía do ferrocarril á base da Graña e baixo a carreteira, quedando despois no interior da estacada preparada a carón da fábrica para contelos. O desprazamento dun tronco illado era unha tarefa que levaban a termo dous homes que, subidos enriba del e provistos de cadansúa pértega, o conducían habilmente ata o lugar desexado.

O paso seguinte consistía na selección dos troncos que valían para elaborar chapa fina (o mellor era o okume), separándoos dos que servirían para outros fins. Os troncos elixidos achegábanse ao embarcadoiro da fábrica e subíanse para introducilos no foso do cocedoiro, onde permanecerían varios días nunha nube de vapor que despegaba a cortiza e amolecía o núcleo.

O tronco xa preparado trasladábase á nave de transformación, e limpábase ben dos restos da cortiza, colocándose entón nun dos dous tornos de desenrolo. O torneiro controlaba o laminado do tronco, producindo unha lámina continua duns cinco milímetros de espesor que quedaba enrolada formando unha bobina. As bobinas trasladábanse á área de secado. Unha vez a madeira seca, nas cizallas de corte facíase o escuadrado e o corte dimensional das chapas.

O proceso da elaboración de taboleiros continuaba co encolado e ensamblado das chapas, prensándoas en quente (uns 140 ?C) e deixándoas despois arrefriar. Cabe lembrar que a pouco satisfactoria utilización das colas de orixe animal para o encolado das láminas, sería substituída trala Segunda Guerra Mundial (1939-1945) pola aplicación de resinas sintéticas derivadas dos plásticos.

Cos retoques finais do acabado, o lixado e o repaso do canteado, remataba o proceso de fabricación e quedaban os taboleiros de contrachapado listos para a expedición. Hai que destacar que este tipo de taboleiros pódese cortar, parchear, puír, lacar ou pintar, segundo o uso que se lle vaia a dar.

Con todo, o produto estrela da Peninsular serían as portas, construídas con marcos laminados, alma de bandas onduladas que aportaban unha gran estabilidade estrutural, e caras de madeira tropical de calidade. Cada unha das caras estaba formada por dúas chapas superpostas (folla e contra folla) colocadas coas direccións das fibras de unha delas formando ángulo recto coas da outra. Conseguiuse desta maneira unha porta lixeira, que consumía na fabricación un mínimo de madeira, pero que contaba cunha gran resistencia e estabilidade.

En función dos desexos dos clientes, as portas podían fabricarse con acabado en madeira natural ou en madeira natural lacada. Máis adiante, a empresa substituiría as láminas de madeira da alma por retículas de cartón e as tapas de contrachapado polo máis económico taboleiro de fibras “Tablex” (fabricado por Tafisa en Pontevedra) ao que lle daría o acabado desexado (nogueira, embero, palisandro, sapeli) coa técnica “impresswood” (reprodución fotográfica da imaxe da madeira natural sobre a superficie do panel). Na etapa final, a fábrica da Malata introduciría en 1967 a técnica “plast”, consistente na aplicación sobre o taboleiro dunha resina plástica antes da compresión a alta temperatura, conseguindo un acabado final económico, duro e resistente.

Actividades laborais:

Persoal masculino e feminino en tódalas fases produtivas e administrativas.

Emprego:

A 31 de decembro de 1969 a empresa declaraba 409 empregados. Chegaría a contar con 480 traballadores fixos e 120 eventuais (das que 28 do total eran mulleres). En 1977, peche da factoría coa rescisión da relación laboral dos 150 empregados que quedaban.

Materias Primas:

Madeiras tropicais: elondo (Erythrophleum ivorensis), sapeli ou caoba africana (Entandrophragma cylindricum Sprague), okume (Aucoumea klaineana), ukola (Tieghemella africana), iroko (Milicia excelsa), ébano (Diospyros crassiflora), teka (Tectona grandis L.), beté ou nogueira africana (Mansonia altissima A Chev.), embero (Lovoa trichiiloides Harms).

Produtos Elaborados:

Táboas, taboleiros e elementos de madeira laminada contrachapada, frisos e cercos, destacando as portas “Record” en variantes normal, lacada, impresswood e plast.

Distribución e comercialización:

Nacional.

Referencias Bibliográficas:

Barrera Beitia, Enrique (2009): Traballo e solidariedade na Peninsular Maderera e PYSBE, Ferrol: Asociación Cultural Fuco Buxán. DL C-1283-2009. ISBN 978-84-613-1589-5.

Barrera Beitia, Enrique (2018): “El fracaso de la burguesía industrial en Ferrol: una oportunidad perdida”. Ferrol Análisis: revista de pensamiento y cultura. 2018, núm. 31, p. 55-65. Ferrol: Club de Prensa de Ferrol. DL C-1873-2003. ISSN 1576-4540.

Carmona Badía, Xoán; Nadal Oller, Jordi (2005): El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Fernández Negral, Justino (2018): La Peninsular Maderera Ferrol, PEMSA 1952-1975. La transformación de troncos en puertas. Ferrol: Central Librera. DL C-1344-2018. ISBN 978-84-945680-7-7.

Lorenzo Fernández, Xaquín (1962): “Etnografía: cultura material. Os oficios: Serranchíns”, Historia de Galiza, Ramón Otero Pedrayo (dir.), Buenos Aires: Editorial Nós, vol. II, O home-II, p. 472-476.

Lorenzo Fernández, Xaquín (1983): “Serranchíns”, Os oficios, Biblioteca Básica da Cultura Galega, Vigo: Editorial Galaxia, p. 12-18. DL VG-18-1983. ISBN 84-7154-425-3.

Nájera y Angulo, Fernando (1930): La Guinea Española y su riqueza forestal. Dirección General de Marruecos y Colonias. Madrid: Instituto Forestal de Investigaciones y Experiencias (IFIE).

Rambuscheck, O. (1926): “Máquinas de trabajar la madera”, Manual del Ingeniero, Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, trad. de la 24ª edición alemana. Barcelona: Gustavo Gili, tomo II, capítulo III: Máquinas operadoras, sección I: Máquinas-herramienta, apartado B, p. 437-443.

Rico Boquete, Eduardo (1993): A riqueza forestal de Galicia no século XX: producción e explotación, Tesis doctoral, dirigida por el Profesor Ramón Villares Paz, inédita.

Rico Boquete, Eduardo (2014): “La industria del aserrío mecánico en Galicia, 1856-1935”, Historia Agraria, 62, Abril 2014, p. 83-116. ISSN 1139-1472.

Seijas Llerena, Daniel (2005): “Un caso de demografía industrial de principios del siglo XX: las comarcas de Caldas y O Ullán pontevedrés entre los años 1899 y 1921”. Congreso de Historia Económica, Sesión: Demografía Empresarial, Santiago de Compostela: Universidad de Santiago de Compostela.

Taboada Arceo, Antonio (1971): Galicia, estructura y ritmo socio-económicos. La Coruña: Servicio de Estudios y Publicaciones de las Cámaras Oficiales de Comercio, Industria y Navegación de Galicia. DL C-145-1971.

Xunta de Galicia (2007-2011): Plan de Ordenación do Litoral [en línea]. Disponible na Internet: http://www.xunta.es/litoral [Acceso 11 marzo 2020].

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 21-II Ferrol // Datum ETRS89: H 29 // X 561.405,93 m / Y 4.815.584,25 m

Centro Nacional de Información Geográfica (s/d): Fotototeca Digital, Instituto Geográfico Nacional, Ministerio de Fomento del Gobierno de España [en línea] Disponible en internet: http://fototeca.cnig.es/ [Acceso 11 marzo 2020].

Instituto de Estudos do Territorio (IDE) da Xunta de Galicia (s/d): Información Xeográfica de Galicia: visualizador de mapas [en liña]. Dispoñible na Internet: http://mapas.xunta.es/visualizador-de-mapas [Acceso 11 marzo 2020].

Instituto Geográfico Nacional (s/d): Serie MTN25 (Mapa Topográfico Nacional 1:25.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional25.jsp? [Acceso 9 abril 2014].

Xunta de Galicia (Consellería do Medio Rural) (s/d): Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícola (SixPac): visor de mapas [en liña]. Dispoñible na Internet: http://sixpac.xunta.es/visorsixpac/ [Acceso 11 marzo 2020].

Data de Actualización:

28 maio 2020