590 Salto de La Onza

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: Lugo
  • Concello: Alfoz
  • Parroquia: Santa María de O Pereiro
  • Lugar: As Pontellas
  • Paraxe: A Onza
  • Dirección: Non procede
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 43.49293616192738
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -7.461531268379207
  • Coordeadas UTM: Datum ETRS89: H 29 // X 624.387,97 m / Y 4.816.694,85 m
  • Clasificación: Central hidroeléctrica
  • CNAE: 35.15 Produción de enerxía hidroeléctrica.
  • Tipoloxía: Turbina hidráulica tipo Pelton
  • Comarca: A Mariña Central
  • Marco Xeográfico: Marxe esquerda do rego de Beloi, entre as serras da Toxiza e do Xistral.
  • Ámbito: Rural
  • Acceso: En Mondoñedo, deixamos a estrada nacional N-634 e apartamos á esquerda pola estrada LU-160, cara a Ferreira do Valadouro. No Castro d’Ouro, apartamos a esquerda pola estrada CP-0202 cara a igrexa de San Pedro de Mor. Continuamos ata Beloi e Pazo, cruzamos o rego de Pontellas e enfiamos a estrada CP-0204 cara A Torre, Gabián e As Pontellas. Apartamos á dereita e collemos a pista que sube a Rubeiro; despois de algo máis de setecentos metros chegamos a casa de máquinas, na marxe dereita do rego de Beloi. De seguir subindo ata Rubeiro, chegaremos a presa na que se derivan as augas para a central e podemos continuarmos pola CP-02-08 ata a parroquial de Santa María de O Pereiro.

Tipo de propiedade:

Privada no dominio público hidráulico

Visitable:

Exteriormente

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

De entre todas as experiencias dos numerosos investigadores pioneiros ó redor da electricidade (Franklin, Coulomb, Galvani, Volta, Rumford, Ampère), no que aquí nos ocupa, dúas delas resultan de singular transcendencia: en 1800, o arco eléctrico de Humphry Davy, que abriría o camiño á iluminación con enerxía eléctrica; e en 1831 o xerador eléctrico de Michael Faraday, que daría paso ao uso da electricidade sen necesidade de recorrer á amoladura das pilas voltaicas.

Cara a 1870 o enxeñeiro belga Zénobe Théophile Gramme construía a primeira máquina comercial xeradora de corrente continua, a dínamo de Gramme, que permitía a conversión da enerxía mecánica en enerxía eléctrica. A Exposición Universal de Viena de 1873, coas súas pilas, xeradores e espectaculares arcos voltaicos, sería o primeiro escaparate mundial da electricidade.

Continuador con vantaxe de anteriores experiencias, Thomas Alva Edison presentaba no outono de 1879 o prototipo das modernas fontes de iluminación, unha lámpada de incandescencia que, grazas ás súas innovacións, alumaba sen fundirse durante… corenta e oito horas seguidas.

Todos estes avances verían a súa culminación na Exposición Universal de París de 1881, na que, ademais de exhibirse a lámpada incandescente de Thomas Edison, o enxeñeiro francés Marcel Deprez presentaba como resultado dos seus experimentos a posibilidade de transmitir a electricidade a varios centenares de metros de distancia. A experiencia coñecería a maior difusión cando no ano seguinte, empregando unha tensión continua de dous mil voltios, conseguía transmitir unha potencia de 1’5 kW a unha distancia de trinta e cinco millas (uns 56 km). A iluminación eléctrica incandescente con corrente continua comezaría entón a utilizarse comercialmente en todo o mundo, competindo dende estas datas cos farois de gas na iluminación pública. Dende aquela sería imparable a continua evolución técnica para poñer a electricidade ao dispor dos cidadáns e a industria.

En 1882, Tomás Alva Edison estabelecía en Pearl Street (Manhattan, Nova York) a primeira central termoeléctrica, subministrando cento dez voltios en corrente continua aos seus primeiros oitenta e cinco clientes, que axiña van verse multiplicados, estendéndose a luz eléctrica a tódolos fogares. Tralo acordo entre Edison e Swan en 1883 e as melloras introducidas por Swan, a lámpada incandescente de filamento de tungsteno, de menor voltaxe, máis luminosidade e maior duración, coñecería dende 1906 a meirande difusión [Bartolomé, 2007: 42].

A situación da electricidade daría o envorco definitivo en 1888, cando o enxeñeiro turinés Galileo Ferraris conseguiu construír o primeiro motor de corrente alterna sen conmutador, o motor de indución, que desenvolverían Nikola Tesla (1888) e Mikhail Dolivo-Dobrovsky (1889), de gran eficiencia e competitivo cos de corrente continua, apto para múltiples usos e que fixo da corrente alterna a forma máis popular da electricidade.

En 1893 poríase en servizo en Redlands (California, EE.UU.) a primeira central hidroeléctrica comercial de corrente alterna trifásica [Edison Tech Center, n.d.]. A central hidroeléctrica de Jaruga (Dalmacia, Croacia) sería dende 1895 a primeira que na Europa subministrase comercialmente corrente eléctrica alterna, e a segunda no mundo [Delimar et al., 2007].

Despois dos experimentos pioneiros da iluminación eléctrica en España, realizados polos boticarios Antonio Casares Rodríguez (1851, Santiago de Compostela), José Simón Castañer (1852, Madrid), Ramón Torres Muñoz (1852, Madrid), e Francisco Domenech Maranges (1852, Barcelona), a industria eléctrica comeza realmente cando o empresario Tomás Dalmau e o enxeñeiro Narciso Xifra constrúen en 1873 na Rambla de Canaletas de Barcelona a primeira central eléctrica española, instalando catro motores de gas de cincuenta cabalos cada un que movían cadansúa máquina Gramme de douscentos voltamperios. Dende aquela aparecerán no país unha serie de iniciativas para a produción e distribución de electricidade e xa contra 1881 e para mellor atender á crecente demanda, Dalmau e Xifra crearían, tamén en Barcelona, a “Sociedad Española de Electricidad”.

Nestes anos contrastaba o vizoso avance das centrais termoeléctricas fronte ao lento progreso das hidroeléctricas, que xurdirían contra 1885 en diversos puntos de España asociadas a pequenos muíños ou industrias manufactureiras que producían para o seu propio consumo e que nalgúns casos chegaban a distribuír a electricidade a vivendas da veciñanza [Sintes e Vidal, 1933]. Sería fundamental a aportación do taller mecánico xerundense “Planas, Flaquer y Cía.”, estabelecido en 1858 e especializada na construción de motores hidráulicos tipo Fontaine-Baron (unha evolución rexistrada en 1840 da turbina Fourneyron de 1827) e que xa en 1860 tiña fabricadas dezanove turbinas, algunha de 80 cabalos de vapor (uns 60 kW) [Orellana, 1860]; dende 1886 a casa “Planas” interviría na adaptación de moitos motores hidráulicos á produción de electricidade e chegaría a ser a primeira empresa española dedicada á fabricación de material eléctrico [Nadal, 1976].

En Galicia, dende o mes de xuño de 1884 a “Sociedad Anglo Española de Electricidad” iluminaba o Arsenal de Ferrol coa electricidade xerada con magneto dínamos do sistema de Charles Francis Brush nunha pequena instalación termoeléctrica [Carmona, 2016:27], e xa contra 1888 comezaría a funcionar en Pontevedra a que sería en Galicia a primeira central de vapor asociada a unha dínamo Brush para a subministración do alumeado público con fluído eléctrico, instalación que sería seguida por outras iniciativas semellantes –unhas termoeléctricas, hidroeléctricas outras– na Coruña (1890), Mondoñedo (1893), Lugo, Ferrol e Santiago (1894), Ponteareas e Ourense (1895), e Vigo, Monforte, Viveiro, Betanzos e Tui (1896) [Carmona e Nadal, 2005].

A precariedade técnica nestes primeiros tempos fai que predominen as instalacións térmicas (con caldeira de carbón e máquina de vapor, unhas, ou con gasóxeno de carbón e motor de gas, outras) sobre as hidráulicas, xa que os promotores non se atrevían a construír as centrais xeradoras máis aló de dous ou tres quilómetros do centro das localidades ás que ían subministrar con corrente continua. Todas estas primitivas centrais eléctricas eran de pequeno tamaño, normalmente non superior aos douscentos cabalos de vapor (uns 150 kW) e principalmente destinadas ao servizo do alumeado público.

Ademais das de iluminación pública, só temos constancia de dúas empresas que posúen nestes primeiros tempos unha central termoeléctrica para o alumeado das súas instalacións, e ámbalas dúas son fábricas téxtiles e as puxeran en marcha contra 1892: “Galicia Industrial”, en Xubia (Neda) (vid. ficha 452), e “La Primera Coruñesa” (vid. ficha 492).

Coa central hidroeléctrica de Porto de Bois (Viloalle, Mondoñedo), unha das primeiras na Península Ibérica (en 1894 entraría en servizo a de Biel en Vila Real, Portugal [Simões, 1982]), a “Electricista Mindoniense” (vid. ficha 486) proveía desde 1893 o alumeado público de Mondoñedo, aproveitando uns 290 litros por segundo nun salto de 14 metros das augas do río Tronceda cunha turbina de 70 cabalos de vapor que arrastraba unha dínamo Oerlikon de 32 quilovatios [Carmona, 2016]. Nos años seguintes subministrarían electricidade de orixe hidráulica “Alumbrado Eléctrico de Lugo” (1894, Acea de Castro Romay, Lugo, vid. ficha 491), “Antonio Sestelo” (1895, Salto de Pardellas, Ponteareas, vid. ficha 488), “Jesús Adrán” (1896, Salto de Vilanova, Monforte, vid. ficha 515) e “José Barro” (1896, Salto de Chavín, Viveiro, vid. ficha 376), en tódolos casos mediante xeradores de corrente continua [Carmona y Nadal, 2005].

O primeiro terzo do século XX coñecería o progreso do desenvolvemento da industria da electricidade en Galicia, cun forte crecemento das instalacións hidráulicas por riba das térmicas, e o comezo da concentración empresarial neste incipiente sector, o que fai que contra 1931 haxa máis de corenta centrais en funcionamento, dezaoito delas cunha potencia instalada superior aos 500 kVA e que sumaban 45.555 kVA nun total da orde dos cincuenta mil quilovatios instalados. O que comezaba a coñecerse como “grupo galego”, formado polas compañías "Sociedad General Gallega de Electricidad" e “Fábricas Coruñesas de Gas y Electricidad” (vid. ficha 155) estruturadas en torno ao Banco Pastor, controlaba neste ano de 1931 o 76% da electricidade vendida en Galicia [Carmona y Nadal, 2005]; ámbalas dúas desenvolverán unha actuación conxunta baixo o control do Banco Pastor ata a súa formal integración en Fenosa en 1955, rematando así o proceso iniciado coas centrais de Segade (vid. ficha 113) e A Fervenza (vid. ficha 189) a comezos do século XX.

En efecto, finalizada a guerra civil española (1936-1939), o proceso de concentración e ampliación do sector eléctrico galego tería un novo e definitivo impulso cando Pedro Barrié de la Maza, á fronte do “Banco Pastor”, constitúe en Vigo o 23 de agosto de 1943 a empresa “Fuerzas Eléctricas del Noroeste” (FENOSA) para eludir os compromisos existentes coa “Electra Popular de Vigo y Redondela” e poder construír no río Limia o encoro das Conchas para a subministración eléctrica á puxante cidade de Vigo. Transcorridos os vinte anos pactados, a “Sociedad General Gallega de Electricidad” e “Fábricas Coruñesas de Gas y Electricidad” integraríanse en FENOSA en 1955.

O mantemento polo Goberno franquista duns prezos da electricidade artificialmente baixos, coa conseguinte descapitalización das empresas produtoras e a imposibilidade de modernización das súas instalacións para dar cumprido servizo aos seus clientes, faría que a meirande parte das pequenas “fábricas da luz” que comezaran a electrificación das aldeas e vilas galegas, foran pouco a pouco abandonándose ou malvendéndose e integrándose en FENOSA ou nalgunha das outras grandes empresas eléctricas, como BEGASA ou IBERDUERO.

Descrición Xeral do Entorno:

O aproveitamento hidroeléctrico coñecido como “Salto da Onza” construíuse na ribeira dereita do rego de Beloi, entre as serras da Toxiza e do Xistral. A captación e derivación das augas faise nas proximidades da aldea de Rubeiro e próximo ao lugar de As Pontellas, a restitución das augas derivadas ao leito do Beloi.

Construcción:

Cara a 1911.

Abandono:

A central da Onza sigue en activo no mes de xuño do ano 2020.

Descrición:

Nos seus "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega", Edelmiro Bascuas López recollía que o termo “onza” é prerromano, especificamente, céltico, dunha raíz *en-/*on- co significado de auga ou charco, e mencionaba no seu estudo do topónimo "Mondoñedo" o topónimo "O Pozo da Onza" (na cabeceira do barrio de San Cristovo, en Santa Eulalia de Budián, termo d’O Valadouro), asignándolle o significado de "charco". O topónimo fixo fortuna neste territorio, e atopámolo tamén en San Mamede das Oiras e en San Vicente da Lagoa, no termo municipal de Alfoz.

E na “onza” de As Pontellas remataba o violento descenso de arredor de douscentos metros do rego de Beloi, dende as proximidades da aldea de Rubeiro ata a cabeceira da chaira de As Pontellas. Con data 1 de xaneiro do ano 1904 quedaba rexistrada a autorización administrativa para a derivación no rego de Beloi dun caudal máximo de cincocentos litros por segundo para o seu aproveitamento nun salto de cento oitenta metros con fins de produción de electricidade. A potencia solicitada era daquela de douscentos vinte quilovatios.

Apenas oito anos despois, o 27 de decembro de 1911, asentábase no rexistro de augas da Confederación Hidrográfica do Norte a concesión dun máximo de cincocentos litros por segundo cun salto de cento setenta e dous metros e oitenta centímetros, e unha potencia instalada de douscentos vinte e cinco quilovatios. A electricidade producida na central proporcionaría a forza motriz necesaria para accionar o serradoiro que Pérez Mel posuía en As Pontellas.

Augas abaixo da aldea de Rubeiro, unha presa no leito do río Beloi deriva as augas pola marxe dereita e as conduce por un canal de uns douscentos oitenta e seis metros ata o estanque ou cámara de carga. Da cámara de carga parte unha longa tubaria de presión que salva os mais de cento setenta metros de salto que hai ata a casa de máquinas, localizada nas proximidades de As Pontellas.

Na casa de máquinas, unha turbina tipo Pelton de un so chorro e regulación oleohidráulica, o alternador síncrono trifásico, o transformador elevador de saída e os aparellos eléctricos de regulación, protección e seccionamiento.

Advertidos da desaparición da fábrica de luz da “Eléctrica de Pantón” (vid. ficha 575) pola posta en servizo do embalse de Os Peares, José Pérez Mel e Damián López Ferreiría adquirirían en 1953, a turbina, o alternador e demais material aproveitable da central para a modernización da súa instalación hidroeléctrica no “Salto de La Onza”.

Ao abeiro dunha lexislación favorecedora xurdida da Lei de Conservación da Enerxía, de 30 de decembro de 1980, o enxeñeiro de camiños Simón Molinero Llorente estudaría as posibilidades de ampliación e automatización das instalacións do Salto da Onza para poder subministrar a enerxía eléctrica producida ao sistema eléctrico nacional.

En 1992 as renovadas instalacións do vello “Salto de La Onza”, agora baixo a razón social de “Hidroeléctrica de la Onza, S.L.”, serían postas en servizo, aproveitando 172’80 metros de salto bruto cun caudal máximo de 500 litros por segundo e acadando os 750 quilovatios de potencia instalada e unha produción media anual de 1.151 MWh. A electricidade producida, unha vez elevada a súa tensión a vinte mil voltios, entrégase ao sistema eléctrico nacional na rede de distribución propiedade de “Barras Eléctricas Galaico Asturianas”.

Tempo de uso:

Todo o ano, con algunha interrupción nas estiaxes ou nos anos de fortes secas.

Sistema de produción:

As primeiras “fábricas de luz” en construírse (despois de 1882) foran moitas veces unha sinxela adaptación dunha dínamo de corrente continua na roda hidráulica dun muíño fariñeiro ou papeleiro xa existente. No mellor dos casos, o motor hidráulico da instalación sería a roda horizontal creada co nome de turbina por Benoît Fourneyron en 1827 (comercializada en Francia a partir do 1837) e a súa variante, rexistrada en 1840 como tipo Fontaine-Baron e amplamente utilizada dende aquela polo seu elevado rendemento. Aínda que as limitacións na transmisión da corrente continua non permitisen o seu transporte a distancias significativas, as primitivas centrais hidroeléctricas constituíron a base da electrificación das poboacións próximas ao seu emprazamento.

Naqueles casos en que a enerxía hidráulica resultaba dificilmente accesible, instaláranse centrais termoeléctricas baseadas en motores de gas ou máquinas de vapor, alimentadas en ámbolos dous casos por carbón, consumido no gasóxeno, no primeiro caso, e na caldeira, no segundo.

Pola incerteza do funcionamento das primitivas centrais hidroeléctricas, e a precariedade técnica nestes primeiros tempos, axiña predominaran as instalacións térmicas (máquina de vapor ou motor de gas) sobre as hidráulicas, xa que os promotores non se atrevían a construír as centrais xeradoras máis aló de dous ou tres quilómetros do centro das localidades ás que ían subministrar. Todas eran de pequeno tamaño, en xeral non superior aos douscentos cabalos de vapor (uns 150 kW) e principalmente destinadas ao servizo do alumeado público.

Pronto deseñaríanse e construiríanse instalacións especificamente destinadas á produción de electricidade, e nelas xa o xerador sería de corrente alterna trifásica (dende 1893), cun transformador eléctrico de saída para elevar o nivel de tensión para o transporte económico da enerxía até os puntos de consumo.

Co obxectivo de optimizar a produción de electricidade, as máquinas hidráulicas (turbinas) que accionaban os alternadores serían elixidas consonte as características de caudal e de altura do aproveitamento hidroeléctrico a desenvolver, sendo as máis frecuentes as turbinas de reacción do angloamericano James Bicheno Francis (1849), as turbinas de acción do estadounidense Lester Allan Pelton (1879) e as xa máis modernas turbinas de fluxo axial do austríaco Viktor Kaplan (1913). A este tres tipos fundamentais pódese engadir o da turbina de fluxo cruzado, desenvolvida de maneira independente polo australiano Anthony Michell (1903), o húngaro Donat Banki (1917) e o alemán Fritz Ossberger (1933), que, aínda que ten un rendemento inferior ás anteriores, resulta moi económica e permite traballar con grandes variacións de caudal.

No caso do salto da “Hidroeléctrica de la Onza”, as turbinas hidráulicas que utilizou nas súa dúas etapas pasadas foron turbinas de acción do tipo Pelton de un só chorro, que arrastraban un alternador síncrono trifásico. A turbina actualmente empregada e tamén tipo Pelton de un só chorro acoplada a un alternador síncrono trifásico.

Actividades laborais:

Nos primeiros tempos, o encargado da central, e ás veces un axudante, eran os únicos operarios necesarios para o funcionamento e mantemento das instalacións. Para mellor atender ao servizo día e noite, as centrais desta época tiñan prevista unha casa vivenda para o encargado e a súa familia, completada cunha horta e un galiñeiro para atender á súa mantenza. En caso de proximidade dunha zona habitada, o encargado e a súa familia residían nunha vivenda dos arredores.

Emprego:

Sen datos.

Materias Primas:

Auga.

Produtos Elaborados:

Electricidade.

Distribución e comercialización:

Local, nos primeiros tempos; hoxe en día conectada ao sistema eléctrico nacional.

Referencias Bibliográficas:

Augas de Galicia (2011): “Ficha de caracterización das demandas de auga en centrais hidroeléctricas”, Plan hidrolóxico da demarcación hidrográfica Galicia-costa, Santiago de Compostela: Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia.

Bartolomé Rodríguez, Isabel (2007): “La industria eléctrica en España (1890-1936)”, Estudios de historia económica, nº 50, Madrid: Banco de España. DL M-15409-2008. ISSN 0213-2702.

Bascuas López, Edelmiro (2006): Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia, Sada: Ediciós do Castro. DL C-753-2006. ISBN 84-8485-222-9.
Bolstorff, H. (1926): “Alumbrado”, Manual del Ingeniero, Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, trad. de la 24ª edición alemana, tomo II. Barcelona: Gustavo Gili, Capítulo VI, p. 936-965.

Carmona Badía, Xoán (2016): La Sociedad General Gallega de Electricidad y la formación del sistema eléctrico gallego (1900-1955), Biblioteca de Historia del Gas, Sabadell: Fundación Gas Natural Fenosa. DL B-21370-2016. ISBN 978-84-617-5114-3.

Carmona Badía, Xoán; Nadal Oller, Jordi (2005): El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Delimar; Marko; Moser, Josip; Szabo, Aleksandar (2007): "First AC Power Systems in Croatia", 2007 Institute of Electrical and Electronics Engineers (IEEE) Conference on the History of Electric Power Schedule/Program [on line] Available at http://www.ieee.org/web/aboutus/history_center/conferences/che2007/prog_comm [Retrieved 10/08/2017].

Edison Tech Center (n.d.): “Dolgeville Hydro Power 1879”, in The Miracle of Electricity and Engineering, Edison Tech Center, Schenectady, New York, U.S.A. [on line] Retrieved August 29, 2001, from http://www.edisontechcenter.org/Dolgeville.html.

Enríquez Rodríguez, Flora (2010): “A Eléctrica de Pantón no Saviñao”, Circular Polo Saviñao III: 50 aniversario do Círculo Cultural Recreativo Saviñao, Escairón: Círculo Cultural Recreativo Saviñao.

García Fontenla, Ramón (ed.) (1990): Cien años de luz eléctrica en Galicia, introducción de Domingo García Sabell, Madrid: Unión Fenosa. D.L. M-45870-1990.

Kyser, Herbert (1930): Centrales generadoras de energía eléctrica. Versión directa de la 2ª ed. alemana revisada y ampliada por Manuel Lucini, Barcelona: Editorial Labor.

Minicentrales hidroeléctricas (1989): Estudio coordinado por “Gestión Energética de Galicia, S.A.” (GESTENGA), Santiago de Compostela: Consellería de Industria, Comercio e Turismo da Xunta de Galicia.

Simões, Ilídio Mariz (1982): “As primeiras instalações de produção e distribução de energia eléctrica em Portugal”, Revista Electricidade, núm. 285, Fevereiro 1982, e núm. 288, Abril 1992.

Sintes Olivés, Francisco F.; Vidal Burdils, Francisco (1933): La industria eléctrica en España. Estudio económico-legal de la producción y consumo de electricidad y de material eléctrico, Barcelona: Montaner y Simón.

Vázquez Gigon, Lucas (2020): Fábrica da luz de Pantón, comunicación personal vía correo electrónico de segredosdepanton@gmail.com a asociacionbuxa@asociacionbuxa.com

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 24-I Mondoñedo // Datum ETRS89: H 29 // X 624.387,97 m / Y 4.816.694,85 m

Centro Nacional de Información Geográfica (s/d): Fotototeca Digital, Instituto Geográfico Nacional, Ministerio de Fomento del Gobierno de España [en línea]. Disponible en internet: http://fototeca.cnig.es/ [Acceso 28 febreiro 2020].

Instituto de Estudos do Territorio (IDE) da Xunta de Galicia (s/d): Información Xeográfica de Galicia: visualizador de mapas [en liña]. Dispoñible na Internet: http://mapas.xunta.es/visualizador-de-mapas [Acceso 4 abril 2020].

Instituto Geográfico Nacional (s/d): Serie MTN25 (Mapa Topográfico Nacional 1:25.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional25.jsp [Acceso 9 abril 2014].

Xunta de Galicia (Consellería do Medio Rural) (s/d): Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícola (SixPac): visor de mapas [en liña]. Dispoñible na Internet: http://sixpac.xunta.es/visorsixpac/ [Acceso 4 abril 2020].

Data de Actualización:

8 xuño 2020