598 Balneario Laxinias

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: Pontevedra
  • Concello: Catoira
  • Parroquia: Santa Baia de Oeste
  • Lugar: A Estación
  • Paraxe: Balneario
  • Dirección: Non procede
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.67088145660861
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.727668033859247
  • Coordeadas UTM: Datum europeo 1950: H 29 // X 522.315,28 m / Y 4.724.305,08 m
  • Clasificación: Balneario
  • CNAE: 11.07 Fabricación de bebidas no alcohólicas; produción de augas minerais e outras augas embotelladas. 20.42 Fabricación de perfu
  • Tipoloxía: Augas de mineralización débil, sulfatadas cloruradas sódicas, fluoruradas, sulfuradas, e frías.
  • Comarca: Caldas
  • Marco Xeográfico: Ribeira esquerda do río Ulla en Catoira
  • Ámbito: Rural (hoxe, periurbano)
  • Acceso: En Santiago de Compostela enfiaremos a estrada nacional N-550 (ou ben a autoestrada AP-9) cara a Padrón e Pontevedra. Xa en Padrón, continuaremos pola mesma estrada nacional N-550 cara a Pontevedra, e no quilómetro 85, saíndo de Pontecesures, apartaremos á dereita pola estrada C-548 cara a Vilagarcía de Arousa. Pouco antes do quilómetro nove, entrando en Catoira, apartaremos a dereita cara á estación ferroviaria. Na praza da estación atoparemos a entrada ao Hotel Balneario (Villa Cayo) e dende a mesma praza poderemos pasar ao outro lado das vías e achegármonos as instalacións do Balneario Laxinias.

Tipo de propiedade:

Privada

Visitable:

Exteriormente

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

O aproveitamento con fins máxicos, sacros ou medicinais, dos xurdimentos de augas de especiais características de temperatura, color, olor ou sabor, pérdese nas revoltas dos tempos idos. Na meirande parte dos aproveitamentos do que hoxe denominamos augas mineromedicinais, os datos máis antigos remóntanse á ocupación romana, arredor do século primeiro da era cristián.

Cóntase que, a instancia de Afonso VIII de Castela e León despois da batalla de Uclés (1108), tódolos baños dos seus reinos, xa tiveran orixe romana ou árabe, foran derrubados pois podían afeminar ás súas tropas. Porén, di a tradición que no verán de 1282 casara no burgo de Troncoso (Mondariz) o rei Dinís de Portugal coa infanta Isabel de Aragón, quen tomaba as augas destas fontes pola súa delicada saúde. É seguro que as fontes termais continuaran utilizándose, con máis ou menos asiduidade, tanto na Idade Media como nos séculos seguintes.

Como ocorrera antes na Europa Central, a práctica dos baños termais vaise recuperar con forza en España nos comezos do século XVIII, co redescubrir das caldae romanas, numerosas ao longo das viae que atravesaban a Península Ibérica, e das alhamas árabes, de importancia nas terras meridionais dela, xunto coa difusión das novas ideas sobre a saúde corporal, co apoio da química analítica no estudo científico das augas e as súas aplicacións terapéuticas.

A primeira regulamentación sectorial, reinando Fernando VII, xurde en 1816, e entre outros aspectos vaise estabelecer a figura do Director Médico, retribuído pola Administración Pública e que vai responsabilizarse da sanidade e hixiene dos centros balnearios. As primeiras casas de baños con regulación oficial en Galicia van ser as de Caldas de Cuntis, Caldas de Reis, e Caldelas de Tui, na provincia de Pontevedra, e Cortegada, na de Ourense.

A partires da segunda metade do século XIX, a concorrencia de enfermos ás instalacións balnearias vai ampliarse coa nova figura do bañista ou “agüista”, un personaxe fundamentalmente urbano que vai acudir coa súa familia a pasa-lo verán nunha estación termal, como era xa moda nos balnearios alemáns, franceses e suízos. Sen perder a súa natureza terapéutica, os baños van mudar en poderosos centros de sociabilidade que alternaban actividades deportivas, culturais, lúdicas e festivas. Os novos establecementos balnearios van complementar as fondas e casas de veciños existentes coa construción dun “gran hotel” para aloxar aos bañistas.

Nos primeiros anos do século XX vai comezar a decadencia balnearia, co deterioro do paradigma hixienista polos avances da medicina hospitalaria e farmacolóxica como remedio para as doenzas. Un primeiro capítulo dos balnearios españois vaise pechar coa Guerra Civil (1936-1939) e unha longa posguerra que vai facer caer a renda dos españois durante máis de vinte anos.

Xa nos anos finais da década de 1980, o esforzo dos propietarios, o apoio da clase médica, e as axudas das administracións públicas, van recuperar o turismo balneario, nesta volta con novos criterios comerciais, máis dinámicos e modernos, orientados a usuarios de tódalas idades e condicións.

Descrición Xeral do Entorno:

O balneario acomodouse na ribeira esquerda do río Ulla, próximo ao lugar onde abrollaban as augas mineiro medicinais.

Construcción:

O aproveitamento comercial das augas nos baños do balneario levantado no manancial de Laxiña comezaría en 1902, e sería algo posterior a construción a carón da estación ferroviaria do hotel que usaría o pequeno caudal das augas da fonte de Recarén (ou Licarei). As instalacións serían renovadas e modernizadas contra 1958.

Abandono:

Caera en práctico desuso dende finais da década de 1930, co comezo da Guerra Civil Española (1936–1939) e as instalacións do balneario e o hotel pecharían en 1953. A recuperación da actividade balnearia comezou en 1958 coa compra por Ricardo Dios López do conxunto de balneario e hotel, instalación nas que faría importantes reformas, malia o que pecharía definitivamente contra 1963.

Descrición:

É máis que posíbel que as augas minerais de Catoira foran xa coñecidas desde a antigüidade, máxime sabendo da existencia dun asentamento romano nas proximidades. Xa en tempos máis recentes sábese do uso como bebida das augas das fontes de Codeseda, Recarén (citada as veces como Licarei) e Laxiña, e da existencia dun pequeno pozo ou pía de cantearía construído en A Ponte para aproveitar as augas do manancial que xorde na ribeira dereita do río de Catoira, cerca da igrexa de San Miguel.

A documentación analítica comeza en 1772 coa cita de Pedro Gómez de Bedoya de “dúas fontes de auga non moi fría, de olor e sabor estraño, con xofre e aluminio”. Continúa con Pedro María Rubio, que informa da existencia en Catoira dun manancial de auga mineral sulfurosa no “Tratado de las Fuentes Minerales de España” (1853). E xa en 1877 vai ser o médico viveirense Nicolás Taboada Leal quen mencione a auga dos mananciais “clara, transparente, de olor bastante perceptible y semejante a huevos podridos, de sabor azufroso y temperatura fría”.

O proxecto empresarial do balneario vai nacer da man de Adolfo Mosquera Castro, avogado en Caldas de Reis, que en 1893 encarga a análise química das augas ao zamorano Eduardo Talegón y Las Heras, catedrático de Química Orgánica na Facultade de Farmacia de Santiago de Compostela. Como resultado da solicitude realizada en base ao informe de Talegón, as augas serán declaradas de utilidade pública por Real Orde do Ministerio de Gobernación de 8 de novembro de 1907, e recoñecidas súas propiedades medicinais en Real Decreto Lei do 26 de abril de 1928.

Os baños no balneario construído para aproveitar as augas do manancial Laxiña comezarían en 1902, e pensamos que sería algo posterior o comezo do funcionamento do Hotel Balneario Catoira, edificado a carón da estación do ferrocarril e no que se aproveitarían para bebida as augas da fonte de Recarén (citada as veces como Licarei).

Ademais do balneario e o hotel, o proxecto de Mosquera contemplaba a utilización das augas de Laxiña para a fabricación de xabón medicinal e de sales de toucador. O xabón se fabricaría en Caldas de Reis, onde residía Adolfo Mosquera e Fermín Mosquera Vázquez tiña una fábrica de curtidos (vid. ficha 187), que proporcionaría os restos animais para o proceso produtivo. O xabón comercializaríase coa marca “Torres de Oeste” e acadaría certa sona na Arxentina, onde a numerosa colonia da emigración galega contribuiría á súa difusión. Nas exposicións celebradas nos primeiros decenios do século XX en Londres, Roma e Bos Aires, o xabón e as sales recibirían diversos premios.

O primitivo balneario era unha sinxela construción de madeira, de planta rectangular e cuberta a dúas augas, con oito cuartos de baño e un salón de espera. Catro das bañeiras, que se dicían de primeira, eran de mármore; as outras catro pías, as de segunda, estaban construídas en cemento. Atendía entre cincuenta e sesenta bañistas diarios.

A trescentos corenta metros de distancia, en liña recta, construírase o hotel, un edificio de dúas plantas cunha gran terraza sobre o andar. Polas fotografías da época pódese ver que para o acceso ao andar contaba cunha escaleira exterior. Na guía do turista de 1912 pódese ler “fermosa casa de pedra, situada en medio da finca, fronte da ría, dominándoa nunha grande extensión. Ten vinte habitacións, un espléndido comedor-galería e ampla cociña, que rixe un intelixente cociñeiro. Os prezos son de seis e sete pesetas día” (en castelán no orixinal).

A tempada oficial dos baños comezaba o 1 de xullo e remataba o 30 de setembro. A prescrición médica xeralmente incluía no tratamento baños e auga en bebida, e as curas tiñan unha duración de unha ou dúas semanas. A indicación principal eran procesos dermatolóxicos como a psoríase, os eccemas ou a erisipela, e acadaría unha certa reputación polo éxito dos tratamentos.

O decenio de 1930 foi o de maior actividade balnearia, que decaería co comezo da Guerra Civil Española (xullo 1936 – abril 1939) e xa non recuperaría o pasado esplendor, pechando as instalacións do balneario e do hotel en 1953.

A instancia do que sería o novo propietario, no mes de decembro de 1957 fixérase unha nova análise das augas dos catro mananciais e solicitouse da administración pública o chamado perímetro de protección, a delimitación dunha superficie do terreo na que non se permite a realización de actividades que poidan alterar as augas do manancial obxecto de protección. Neste caso, propúxose un só perímetro para os mananciais de Laxiña (o do balneario) e de Recarén (o do hotel), situados a trescentos metros un do outro, perímetro que cubre unha distancia de cen metros a cada un deles e abrangue un total de doce hectáreas de terreo.

Ricardo Dios López, o novo propietario, adquiriría en 1958 o balneario e o hotel, acometendo neles importantes obras de renovación e modernización que mellorarían as condicións de tratamento e aloxamento dos novos “agüistas”. Con todo, a nova etapa balnearia xa non acadaría o esplendor de antes da guerra e os propietarios clausurarían as instalacións contra 1963, e transformarían o hotel coa súa finca no seu lugar de residencia e veraneo familiar dándolle o nome de “Villa Cayo”.

O balneario quedaría dende entón abandonado e sufriría os danos do desleixo e da barbarie de xentes incultas. Está situado no interior dunha finca pechada con muros de cachotería e cantearía que ten na entrada un portal de forxa. A finca ten uns mil setecentos metros cadrados e linda ao norte co camiño que baixaba da estación á ribeira (hoxe en día, recheo ocupado pola piscina municipal), coas lindes de CEDONOSA no leste e sur, e coa ribeira do río Ulla no poñente. A edificación é de planta baixa, rectangular, de vinte metros de lonxitude e nove de anchura. A cuberta é de tella curva do país, a catro augas.

O acceso ao balneario facíase pola porta principal do edificio, aberta na metade da súa fachada de levante. Enriba da porta, realizado con teselas azuis, brancas e negras, aínda pódese ler un letreiro que pon BALNEARIO LAXINIAS na primeira liña, e CATOIRA, na segunda; as letras son de teselas azuis, brancas as do fondo, e negras as que forman as liñas que enmarcan o rótulo. Podemos asegurar que a idea e as pequenas pezas tiveron a mesma orixe que as que forman o rótulo e adornos da portada da veciña CEDONOSA, a fábrica posta en marcha en 1947 por Eloy Domínguez Veiga (vid. ficha 498), e que puideran ter sido fabricadas na “Cerámica Celta” de Ramón Diéguez Carlés (vid. ficha 390).

No vestíbulo arrancan, a esquerda e dereita, cadanseu corredor e, fronte da porta e tralo mostrador da recepción, hai un espazo agrandado de planta aproximadamente semicircular (nalgún escrito cualificase de exedra, inda que non estea descuberto) que sobresae da fachada traseira do balneario e no que se abren cara o río tres ocos pechados con xanelas de guillotina. Este espazo sería posiblemente una sala de espera para os bañistas.

Os corredores laterais, simétricos e practicamente iguais, acollen as estancias nas que terían lugar os baños mineromedicinais. Despois dos estragos sufridos, nas salas de baño só quedan os muros de acomodo das bañeiras e o pequeno asento de fábrica que tiñan arrimado. No final de cada corredor, cadanseu cuarto de aseo, hoxe en día coa louza sanitaria arrancada.

O corredor da dereita da entrada presenta, como única diferencia, o cuarto da caldeira, ao que tamén podía accederse por unha porta que comunica co exterior.

A cada lado da porta principal, nas paredes das estancias, catro ocos iguais con cadansúa xanela. O mesmo polas paredes da outra fachada, a un e outro lado das tres ventás da que temos por sala de espera.

O Concello de Catoira tentou comprar o balneario no ano 1991 para reabrilo como parte dun proxecto integrado de turismo rural, cun paseo fluvial, un polideportivo e un centro de actividades náuticas, ademais de rexenerar a chamada Praia da Estación e recuperar algún dos elementos do patrimonio histórico artístico do termo municipal. Aínda que coa instalación de reixas metálicas nas fiestras e na porta principal se comezara por protexer o balneario dos accesos vandálicos, o proxecto non frutificaría polas esaxeradas exixencias dos propietarios.

No que atinxe ás augas, e consonte o estudo da Xunta de Galicia de 1995, son de mineralización débil, sulfatadas cloruradas sódicas, fluoruradas, sulfuradas, e xorden con caudais e temperaturas de 50 l/h e 17’4 ?C (Balneario Laxinias), e 6 l/min e 13 ?C (Hotel Balneario de Catoira, Hotel Licarei ou Villa Cayo).

Os resultados dos estudos xeofísicos realizados dende o ano 2002 coa finalidade de detectar a presenza de augas mineiro medicinais no concello de Catoira puxeron de manifesto no ano 2011 a existencia dun importante manancial de auga bicarbonatada, clorurada sódica e sulfurada, que se atopa próximo a unha das esquinas do interior do recinto do campo de fútbol municipal de As Lombas.

O pozo perforado, dun diámetro de cento sesenta e cinco milímetros, alcanzou unha profundidade de cento cincuenta metros, detectándose un caudal de case sete litros por segundo (vinte e cinco mil litros por hora, cando moitos balnearios empregan entre tres e cinco mil) a dezasete con nove graos centígrados entre os cento trinta e tres e os cento corenta e sete metros de profundidade.

A administración municipal aspira a que este achado abra a posibilidade dun novo desenvolvemento balneario na zona.

Tempo de uso:

A tempada oficial estendíase cada ano do primeiro día de xullo até o derradeiro día de setembro.

Sistema de produción:

No caso do manancial Laxiña, as augas canalizábanse até a sala da caldeira do balneario, da que partían as canalizacións coa auga quentada até as salas de baños propiamente ditas.

No caso da fonte de Recaréns, as augas mineromedicinais canalizábanse até o hotel do balneario, a unha fonte da que bebían os pacientes e “agüistas”. 

Ademais, no hotel e durante o que pódese chamar a primeira etapa, unha derivación levaba a auga a unha pequena planta de tratamento, na que se obtiñan as sales minerais coas que se preparaban os xabóns e as sales de toucador nas instalacións que Mosquera tiña en Caldas de Reis.

Co cambio de dono en 1958, abandonarase a fabricación de xabón e de sales e, xa que logo, a obtención de minerais da auga dos mananciais.

Actividades laborais:

Inda que non foran numerosos os empregados do complexo balneario, si eran variadas as competencias, dende a xerencia e a dirección médica, até os cociñeiros, camareiros, limpadoras e xardineiros.

Emprego:

Sen datos.

Materias Primas:

Augas mineiromedicinais.

Produtos Elaborados:

Oferta balnearia medicinal, xabón e sales de toucador.

Distribución e comercialización:

Internacional na primeira etapa. Nacional despois.

Referencias Bibliográficas:

Alonso Álvarez, Luis; Lindoso Tato, Elvira; Vilar Rodríguez, Margarita (2011): O lecer das augas. Historia dos balnearios de Galicia 1700-1936. Vigo: Galaxia. DL VG-54-2011. ISBN 978-84-9865-350-2.

Asociación de Balnearios de Galicia (s/d): Balnearios de Galicia [en liña] Dispoñible en Internet: http://www.balnegal.com/ [Acceso 19 xuño 2020].

Asociación Cultural Os Penoucos (s/d): Balneario Laxinias [en liña] Dispoñible en https://www.obaixoulla.gal/elementos/catoira/arquitectura-civil/balneario-laxinias [Acceso 5 xuño 2020].

Carmona Badía, Xoán; Nadal Oller, Jordi (2005): El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Dios Villamea, Flor (2002): “Aguas Minerales de Catoira”, en Natura Medicatrix, 2002, 20(5): 229-233. Trabajo de fin de curso del Diploma de Medicina Naturista de Les Heures. Universidad de Barcelona.

Ruiz Pérez, Melchor; Menéndez Suárez, Carlos (coord.) (1995): As augas minerais en Galicia. Geomecánica y Aguas S.A., Santiago de Compostela: Consellería de Industria e Comercio da Xunta de Galicia. DL C-1839-1995. Fixérase versión en castelán, DL C-1840-1995.

Sobrino Fagilde, Iria (2008): Arquitectura industrial en la provincia de Pontevedra. Vigo y zona de influencia (eje norte-sur), Vigo: Colegio Oficial de Arquitectos de Galicia [en línea] Disponible en Internet: http://noncommon.files.wordpress.com/2012/04/00-a-indyarq_1-393_low.pdf [Acceso 19 xuño 2020].

Taboada Arceo, Antonio (1971): Galicia, estructura y ritmo socio-económicos. La Coruña: Servicio de Estudios y Publicaciones de las Cámaras Oficiales de Comercio, Industria y Navegación de Galicia. DL C-145-1971.

Varios autores (1912): Mondariz-Vigo-Santiago. Guía del turista, Madrid: Sucesores de Rivadeneyra. Existe unha edición reimpresa por Editorial MAXTOR (Valladolid) no ano 2003. DL VA-554-2003. ISBN 84-976-1077-6.

Vidal Lago, Pedro (2016): “Balneario Laxinias”, en Entre ruinas, blog de exploraciones urbanas (URBEX) [en liña] http://entre-ruinas.blogspot.com/2016/01/balneario-laxinias [Acceso 5 xuño 2020].

Xunta de Galicia (2007-2011): Plan de Ordenación do Litoral [en liña] Dispoñible na Internet: http://www.xunta.es/litoral [Acceso 8 decembro 2017].

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 120-III Catoira /// Datum ETRS89: H 29 // X 522.315,28 m / Y 4.724.305,08 m

Centro Nacional de Información Geográfica (s/d): Fotototeca Digital, Instituto Geográfico Nacional, Ministerio de Fomento del Gobierno de España [en línea] Disponible en Internet: http://fototeca.cnig.es/ [Acceso 19 xuño 2020].

Instituto de Estudos do Territorio (IDE) da Xunta de Galicia (s/d): Información Xeográfica de Galicia: visualizador de mapas [en liña] Dispoñible na Internet: http://mapas.xunta.es/visualizador-de-mapas [Acceso 27 maio 2020].

Instituto Geográfico Nacional (s/d): Serie MTN25 (Mapa Topográfico Nacional 1:25.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional25.jsp? [Acceso 9 abril 2014].

Instituto Hidrográfico de la Marina (1964): De Cabo Corrubedo a Cabo Silleiro. Océano Atlántico Norte. Costa NW de España. Carta 925, con levantamientos no datados y correcciones hasta 1977. Cádiz: Talleres del Instituto Hidrográfico de la Marina. DL CA-293-1972.

Xunta de Galicia (Consellería do Medio Rural) (s/d): Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícola (SixPac): visor de mapas [en liña] Dispoñible na Internet: http://sixpac.xunta.es/visorsixpac/ [Acceso 27 maio 2020].

Data de Actualización:

19 xuño 2020