607 Fabricaciones Eléctricas Navales y Artilleras, S.L. (FENYA)

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: A Coruña
  • Concello: Ferrol
  • Parroquia: Ferrol (urbana)
  • Lugar: Canido
  • Paraxe: Rúa Alegre
  • Dirección: Non procede
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 43.485343043153485
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.239237772247309
  • Coordeadas UTM: Datum ETRS89: H 29 // X 561.485,56 m / Y 4.814.979,30 m
  • Clasificación: Fabricación de material eléctrico
  • CNAE: 26.30 Fabricación de equipos de telecomunicacións. 27.12 Fabricación de aparatos de distribución e control eléctrico.
  • Tipoloxía: Aparatos e instrumentos eléctricos
  • Comarca: Ferrol
  • Marco Xeográfico: Cidade de Ferrol
  • Ámbito: Urbano
  • Acceso: En Ferrol accederemos ao barrio de Canido e enfiaremos a rúa Alegre cara a poñente. Unha vez deixado pola esquerda o chamado Palacete, chegamos á finca que acollera a FENYA, hoxe urbanizada con vivendas, unha praciña e un parque infantil.

Tipo de propiedade:

Privada

Visitable:

A zona foi urbanizada e non queda pegada algunha da industria

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

Despois dos experimentos pioneiros da iluminación eléctrica en España, realizados polos boticarios Antonio Casares Rodríguez (1851, Santiago de Compostela), José Simón Castañer (1852, Madrid), Ramón Torres Muñoz (1852, Madrid), e Francisco Domenech Maranges (1852, Barcelona), a industria eléctrica comeza realmente cando o empresario barcelonés Tomás Dalmau e o enxeñeiro industrial xerundense Narciso Xifra constrúen en 1873 na Rambla de Canaletas de Barcelona a primeira central eléctrica española, instalando catro motores de gas de cincuenta cabalos cada un que movían cadansúa máquina Gramme de douscentos voltamperios. Dende aquela aparecerán no país unha serie de iniciativas para a produción e distribución de electricidade e xa contra 1881 e para mellor atender á crecente demanda, Dalmau e Xifra crearían, tamén en Barcelona, a “Sociedad Española de Electricidad”. Ademais de producir e distribuír electricidade, a nova sociedade construiría baixo patente máquinas xeradoras de corrente continua Gramme, Maxim, Weston e Nystem, lámpadas de incandescencia Lane Fox, Maxim, Nickols e Swann, acumuladores eléctricos Kolbath e aparatos para os sistemas de telegrafía e telefonía.

En Galicia, dende o mes de xuño de 1884 a “Sociedad Anglo Española de Electricidad” iluminaba o Arsenal de Ferrol coa electricidade xerada con magneto dínamos do sistema de Charles Francis Brush nunha pequena instalación termoeléctrica [Carmona, 2016:27], e xa contra 1888 comezaría a funcionar en Pontevedra a que sería en Galicia a primeira central de vapor asociada a unha dínamo Brush para a subministración do alumeado público con fluído eléctrico, instalación que sería seguida por outras iniciativas semellantes –unhas termoeléctricas, hidroeléctricas outras– na Coruña (1890), Mondoñedo (1893), Lugo, Ferrol e Santiago (1894), Ponteareas e Ourense (1895), e Vigo, Monforte, Viveiro, Betanzos e Tui (1896) [Carmona e Nadal, 2005]. Dende 1900, timidamente primeiro e de maneira xeneralizada a partir do primeiro decenio, a corrente alterna substituiría e arrombaría ás pioneiras instalacións de corrente continua.

O primeiro terzo do século XX coñecería o progreso do desenvolvemento da industria da electricidade en Galicia, cun forte crecemento das instalacións hidráulicas por riba das térmicas, e o comezo da concentración empresarial neste incipiente sector, o que fai que contra 1931 haxa máis de corenta centrais en funcionamento, dezaoito delas cunha potencia instalada superior aos 500 kVA e que sumaban 45.555 kVA nun total da orde dos cincuenta mil quilovatios instalados. A produción, transporte, distribución e uso da electricidade requiriría a utilización do correspondente equipamento electromecánico, dende os condutores e cables eléctricos ata as lámpadas, pasando polos seccionadores, interruptores, illadores, motores, postes de tendido, equipos de control e medida, contadores e, en fin, todo un mundo de material eléctrico que sería inicialmente subministrado por fabricantes estranxeiros con representación ou instalación en España (Anglo-Española de Electricidad, en 1882 en Barcelona; Siemens-Halske, en 1889, tamén en Barcelona; AEG, tamén en 1889, pero en Madrid; etc.) ou fabricado baixo patente no territorio nacional (como a pioneira Española antes citada, ou a industria de Luis Muntadas, entre moitas outras).

A desfeita da Guerra Civil Española (1936-1939), co seu ronsel de destrución e miseria, vai ter unha desgraciada continuación coa Segunda Guerra Mundial (1939-1945), coa directa consecuencia para España da restrición, cando non imposibilidade, do acceso a calquera tipo de subministracións industriais, dende maquinaria a petróleo. A reconstrución do país tería entón que recorrer á capacitación e habilidade de traballadores e homes de empresa, que cos escasos medios dispoñibles serían quen de ir proveendo para a satisfacción das necesidades máis inmediatas.

Descrición Xeral do Entorno:

A fábrica situouse no alto do barrio ferrolán de Canido, non lonxe do centro da cidade e das instalacións dos talleres e estaleiros do Arsenal Militar.

Construcción:

1940. Iniciada a actividade fabril no 1941.

Abandono:

En 1980 cesaron as actividades nas instalacións fabrís de Canido. A empresa continuaría ata 1997 mantendo unha precaria actividade nunhas novas instalacións no Polígono Industrial de A Gándara, no veciño termo municipal de Narón.

Descrición:

Rematada a Guerra Civil Española (1936-1939), unha sociedade desfeita tiña que enfrontarse á escaseza, á precariedade, aos campos baleiros, ao atraso técnico e tecnolóxico. O inmediato comezo da Segunda Guerra Mundial (1939-1945) suporía dificultades engadidas pola imposibilidade de conseguir a importación de moitos dos materiais, equipos e maquinaria necesarios para a recuperación da maltreita industria española.

O barrio de Canido, na parte alta do norte da cidade Ferrol, era daquela unha zona pobre, apenas unhas poucas casas asentadas en ámbalas dúas beiras da rúa Alegre, entre o Cruceiro de Canido e a Porta de Canido, no camiño do norte que leva a Ortigueira. No ermo da posguerra, vai ser neste territorio, onde José María González-Llanos Caruncho, ferrolán, oficial da Mariña, enxeñeiro electricista polo Instituto Montefiori da Universidade de Lieja, e enxeñeiro naval pola Academia de Enxeñeiros de Ferrol, instalará unha nova industria que veña paliar algunhas das numerosas carencias da industria española naqueles tempos miserentos.

Inda que os talleres ferroláns da que fora a “Sociedad Española de Construcción Naval” (SECN), máis coñecida en Ferrol como “a Construtora” e dende a guerra civil xestionada polo goberno de España, tiñan capacidade técnica abonda, a fabricación de certos elementos e equipamentos podería supor para o Estado problemas legais cos propietarios das correspondentes patentes. E para eludir este inconveniente vai nacer “Fabricaciones Eléctricas Navales y Artilleras, S.L.” (FENYA).

O impulso para a creación da nova empresa virá do director da “Construtora”, o Capitán de Navío José María González-Llanos Caruncho. O promotor contará para o seu proxecto coa colaboración de dous empregados seus, Antonio Porto Carrera, enxeñeiro xefe dos servizos eléctricos do estaleiro, e Cristóbal Rodríguez Peña, contable no arsenal. Preparada a documentación técnica e administrativa, o 5 de febreiro de 1940 se presentan as solicitudes de senllas patentes de mellora para os teléfonos dos buques de guerra e para os teléfonos de peto e cabeza da dirección de tiro dos buques de guerra.

Concedidas as patentes, o 14 de maio de 1940 outórgase escritura pública da constitución da compañía “Fabricaciones Eléctricas Navales y Artilleras, S.L.” (FENYA), formada por quince socios e cun capital social de cincocentas mil pesetas, do que o desembolso efectivo serán trescentas cincuenta mil pesetas para a adquisición de materiais, ferramentas e máquinas, imputándose o resto como compensación económica pola aportación das patentes e o labor técnico e xestor José María González-Llanos, Antonio Porto e Cristóbal Rodríguez, así como pola aportación do terreo e o edificio fabril a construír nel polo socio Antonio Castro Pazos, contratista de obras.

As instalacións fabrís proxectan construírse nun espazo aberto do barrio de Canido, na zona coñecida como “los ranchitos”, con acceso pola calella de Piñeiros, que atravesaba dende a rúa dos Mortos (rúa Coruña) ata a rúa Alegre. A primeira edificación terá corenta e cinco metros de largo e doce de ancho, cunha altura da cornixa de oito metros e cuberta de chapa ondulada sobre armadura metálica. No interior da nave, unha entreplanta cadrada na cabeceira de levante acollerá as dependencias de dirección, administración e oficina técnica, co almacén, vestiarios e aseos no baixo, dedicándose o resto da nave a talleres. O 19 de xaneiro de 1941 ten lugar a inauguración oficial da fábrica.

A xestión técnica e administrativa da fábrica corresponderá a González-Llanos, Porto e Rodríguez, inda que os dous primeiros continuarán traballando no arsenal, deixándolle a dirección executiva a Cristóbal Rodríguez Peña. E do estaleiro e arsenal público procederán a meirande parte dos empregados, encabezados por Jesús Ferro, como xefe de fabricación, e José Ruán López, como responsable da oficina técnica.

A nova fábrica comezará traballando practicamente como unha sección do Arsenal, e incorporará, ademais dun bo número de traballadores do mesmo, a un grupo de profesionais formados na Escola de Máquinas e que foran expulsados da Mariña por terse mantido fieis durante a guerra á legalidade da República Española. A policía acudía mensualmente a pasar revista ao persoal da que sería coñecida como “a fábrica dos roxos”.

Xa no mes de xuño de 1941 solicitaríase licencia para a ampliación da fábrica, construíndose unha segunda nave, arrimada polo costado norte, á que seguiría aínda unha terceira, ademais doutras construcións exentas de menor tamaño para cubrir as necesidades de forxa, soldadura autóxena, soldadura eléctrica, ou tratamento dos aceiros.

E para os buques que se constrúen no Arsenal construirán teléfonos, telégrafos de goberno, conta revolucións, caixas e cadros de distribución eléctrica, sistemas de arranque de motores eléctricos, e mesmo motores eléctricos. A fábrica seguiría medrando e necesitando sucesivas ampliacións do capital social, que acadaría os oito millóns de pesetas en 1947.

Ademais de traballar para o Arsenal, que dende o 11 de xullo de 1947 recibiría o nome de “Empresa Nacional Bazán de Construcciones Navales Militares S.A.” (BAZÁN), da oficina técnica de FENYA sairían deseños e planos para algunhas das principais empresas da comarca, como a fábrica de lapis “Hispania”, as cerámicas “Santa Rita” e “Sanjurjo”, e ASTANO.

A finais do verano de 1980, FENYA pechou as instalacións fabrís de Canido, trasladándose a un novo local no Polígono Industrial de A Gándara, no veciño termo municipal de Narón. As propiedades da empresa na rúa Alegre serían suxeito dunha operación urbanística, construíndose alí edificios de vivendas. A actividade da empresa no novo establecemento iría decaendo sen remedio.

En 1995 unha inspección da Axencia Tributaria de Galicia sobre a empresa ferrolán “Gestión de Stock, S.A.” (GESTOCK) daba lugar a unha investigación dirixida polo maxistrado José Luis Aulet Barros, titular do Xulgado de Instrución número 3 de Ferrol, por unha posible evasión de capitais ao estranxeiro. A empresa Gestock asinara en 1991 un contrato administrativo para a subministración á Armada Española de catrocentas oitenta e nove tarxetas electrónicas de radar por un importe superior aos setecentos vinte millóns de pesetas (catro millóns trescentos vinte e sete mil euros).

A investigación da Facenda Pública considerou que Fenya fabricara duascentas sesenta e catro tarxetas por menos de once millóns de pesetas (uns sesenta e seis mil euros) e as vendera a Gestock por oitenta e oito millóns de pesetas (case cincocentos vinte e nove mil euros) e esta facturáralle douscentos oitenta e dous millóns de pesetas (case un millón seiscentos noventa e cinco mil euros) á Armada Española.

O caso espertou un grande interese en Ferrol cando foran chamados a declarar Manuel Criado Seselle e Carlos Avancini García, antigos militares da Intendencia da Armada, e Amador de Castro Pérez, que fora director de ASTANO (máis información no diario La Voz de Galicia do 23 de setembro de 1995).

A empresa “Fabricaciones Eléctricas Navales y Artilleras, S.L.” (FENYA) da que daquela era responsable Criado, presidente ao mesmo tempo de Gestock e copropietario con Amador de Castro da coruñesa “Inversiones Finisterre”, pecharía definitivamente no mes de outubro de 1997 e inda que argumentara que tramitaba unha declaración de quebra voluntaria, co Estado como principal acredor, sería condenada a indemnizar aos dezasete traballadores que quedaban no cadro de persoal.

Tempo de uso:

Todo o ano.

Sistema de produción:

O proceso comezaba pola preparación da documentación técnica (planos, relación de materiais, instrucións de montaxe, etc.) de acordo coas condicións das patentes rexistradas pola empresa. Cando se tiña acceso aos esquemas e planos preparados por outras empresas para facilitar as operacións de mantemento que tiñan lugar no Arsenal, copiábanse sen máis trámite, mesmo respectando o rotulado na lingua orixinal, como as pezas que figuran rotuladas en francés nos planos preparados para a “Cerámica de Jubia”.

En moitas ocasións, os especialistas da empresa procedían a preparar a documentación necesaria baseándose na coidadosa inspección dos equipos e elementos que poñíanse a súa disposición para copiar o que despois fabricaríase en Canido como “mellora” ou invención propia. As estancias dos barcos en Ferrol para tarefas de mantemento serían excelentes oportunidades de poñerse ao día nas novidades da maquinaria eléctrica e aplicalas a os seus fabricados.

Unha vez preparada a documentación técnica e adquiridos os materiais precisos, as operacións básicas eran as propias das construcións electromecánicas: trazado, marcado, cepillado, fresado, torneado, furado, roscado, bobinado, embutido, estampado, axuste, armado e realización das conexións eléctricas.

Os teléfonos británicos e alemáns empregados na Primeira Guerra Mundial serían a referencia con que “a fábrica dos roxos” comezaría coa fabricación de teléfonos e a ampliación dos coñecementos en electricidade. Pero apenas unha ducia de anos despois, xa contra 1953, avanzaría na fabricación de máquinas eléctricas. A empresa colaboraría coa Escola Naval de Madrid, e os proxectos realizados polos estudantes servirían como documentación inicial para os técnicos de FENYA, que atreveríase a fabricar un motor de corrente continua.

Ademais da formación autodidacta, profesional ou académica do persoal e a notable fonte de información que supoñía o Arsenal, a periódica inspección dos bacallaeiros que chegaban a reparar a ASTANO, ou dos barcos que facían escala en Ferrol por calquera motivo, serían fonte de inspiración para as denominadas “cuadrillas de fusilamiento” e facilitaría a actualización de coñecementos e a mellora nos traballos da fábrica. Os entusiastas empregados de FENYA desmontaban as máquinas, tomaban medidas, preparaban esquemas, revisaban, discutían, aprendían... e pronto fabricarían molinetes de áncoras, motores de arrastre das máquinas frigoríficas, cabrestantes de cuberta, sirenas de aire comprimido; mesmo algunha cociña de gas e algunha prancha eléctrica para a roupa sairía dos seus talleres.

Actividades laborais:

A xornada de traballo estendíase das oito menos cuarto ás doce e cuarto, e da unha e media ás seis; os aprendices recibían despois clases na Escola de Mestría Industrial ata as dez e media da noite, e cabo de catro cursos obtiñan o título de mestre industrial.

Emprego:

A finais do ano 1969 a empresa declaraba douscentos setenta e dous “produtores”, pero chegaría a superar os trescentos traballadores. Na data do peche, en outubro de 1997, contaba con dezasete empregados.

Materias Primas:

As propias dos traballos electromecánicos: condutores, illantes, aceiro para pezas e carcasas, bronce e latón, baquelita, etc.

Produtos Elaborados:

Maquinaria eléctrica (teléfonos, dínamos, conta voltas, motores eléctricos, etc.), principalmente.

Distribución e comercialización:

Nacional.

Referencias Bibliográficas:

Bartolomé Rodríguez, Isabel (2007): “La industria eléctrica en España (1890-1936)”, en Estudios de historia económica, nº 50, Madrid: Banco de España. DL M-15409-2008. ISSN 0213-2702.

Carmona Badía, Xoán; Nadal Oller, Jordi (2005): El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Fernández Negral, Justino (2013): FENYA: 1941-1961. Fabricaciones Eléctricas Navales y Artilleras. La fábrica de Canido y sus patentes. Madrid: Liber Factory. DL M-18193-2013. ISBN 978-84-9949-226-1.

Fernández Negral, Justino (2019): “Actividad industrial en Canido”, en Memoria histórica do Barrio de Canido, Juan Burgoa e Guillermo Llorca (coord.). Ferrol: Edicións Embora, p. 161-175. DL C-717-2019. ISBN 978-84-17824-02-0.

García Fontenla, Ramiro (coord.) (1990): Cien años de luz eléctrica en Galicia, introducción de Domingo García Sabell, Madrid: Unión Fenosa. D.L. M-45870-1990.

Gérard, Henry (1914): Curso Teórico Práctico de Electricidad Industrial, Barcelona: Librería de Feliu y Susanna.

Kesten, P., et al. (1926): “Electrotecnia”, en Manual del Ingeniero, Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, 2ª ed. trad. de la 26ª edición alemana, tomo II. Barcelona: Gustavo Gili, Capítulo VII, p. 966-1227.

Lara Coira, Manuel (2016): “Poboación e industria na ría de Ferrol”, en Ferrol Análisis: revista de pensamiento y cultura. 2016, núm. 30, p. 59-71. Ferrol: Club de Prensa de Ferrol. DL C-1873-2003. ISSN 1576-4540.

Lindoso Tato, Elvira (2006): “A la sombra del Arsenal: la oferta empresarial ferrolana en siglo XIX”, en Cuadernos de Estudios Gallegos, LIII, nº 119, enero-diciembre 2006, p. 271-304. ISSN 0210-847 X.

Marco Hernáez, Julio A. (1945): El Ferrol del Caudillo. Guía de la ciudad. Año I de su publicación. 2ª época. Enero de 1945. La Coruña: Talleres de Litografía e Imprenta Roel.

Nadal Oller, Jordi; Carmona Badía, Xoán (2005): Galicia industrial (c. 1750-2005). Catálogo de la exposición: Vigo, 28 oct. 2005-22 ene. 2006; A Coruña, 2 mar. 2006-4 jun. 2006. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2469-2005. ISBN 84-95892-18-9.

Sintes Olivés, Francisco F.; Vidal Burdils, Francisco (1933): La industria eléctrica en España. Estudio económico-legal de la producción y consumo de electricidad y de material eléctrico, Barcelona: Montaner y Simón.

Taboada Arceo, Antonio (1971): Galicia, estructura y ritmo socio-económicos. La Coruña: Servicio de Estudios y Publicaciones de las Cámaras Oficiales de Comercio, Industria y Navegación de Galicia. DL C-145-1971.

Xunta de Galicia (2007-2011): Plan de Ordenación do Litoral [en liña] Dispoñible na Internet: http://www.xunta.es/litoral [Acceso 8 febreiro 2020].

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 21-II Ferrol /// Datum ETRS89: H 29 // X 561.485,56 m / Y 4.814.979,30 m

Centro Nacional de Información Geográfica (s/d): Fotototeca Digital, Instituto Geográfico Nacional, Ministerio de Fomento del Gobierno de España [en línea]. Disponible en internet: http://fototeca.cnig.es/ [Acceso 22 decembro 2019].

Instituto de Estudos do Territorio (IDE) da Xunta de Galicia (s/d): Información Xeográfica de Galicia: visor de mapas [en liña]. Dispoñible na Internet: http://mapas.xunta.es/visualizador-de-mapas [Acceso 23 agosto 2019].

Instituto Geográfico Nacional (s/d): Serie MTN25 (Mapa Topográfico Nacional 1:25.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional25.jsp? [Acceso 9 abril 2014].

Instituto Hidrográfico de la Marina (1959): Ría de El Ferrol del Caudillo (hoja II). Desde el Castillo de S. Felipe hasta el fondo de la ría. Océano Atlántico Norte. Costa NW de España. Carta 9293, con levantamientos efectuados en 1953 y 1956 y correcciones hasta 1976. Cádiz: Talleres del Instituto Hidrográfico de la Marina. DL CA-95-1972.

Instituto Hidrográfico de la Marina (1960): De Punta Frouseira a las Islas Sisargas, con las rías de El Ferrol del Caudillo, Ares, Betanzos y La Coruña. Océano Atlántico Norte. Costa NW de España. Carta 929, con levantamientos no datados y correcciones hasta 1978. Cádiz: Talleres del Instituto Hidrográfico de la Marina. DL CA-1074-1971.

Xunta de Galicia (Consellería do Medio Rural) (s/d): Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícola (SixPac): visor de mapas [en liña]. Dispoñible na Internet: http://sixpac.xunta.es/visorsixpac/ [Acceso 23 agosto 2019].

Data de Actualización:

28 xullo 2020