622 Pesquerías Españolas de Bacalao, S.A. (PEBSA)

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: A Coruña
  • Concello: A Coruña
  • Parroquia: A Coruña (urbana)
  • Lugar: Porto comercial de A Coruña
  • Paraxe: Molle do Leste
  • Dirección: Non procede
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 43.36230186201041
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.396558644409179
  • Coordeadas UTM: Datum ETRS89: H 29 // X 548.912,85 m / Y 4.801.280,63 m
  • Clasificación: Pesca, procesado e conservación de peixe
  • CNAE: 03.11 Pesca mariña. 10.21 Procesado de peixes, crustáceos e moluscos.
  • Tipoloxía: Salga e desecado do bacallau
  • Comarca: A Coruña
  • Marco Xeográfico: Ría d'A Coruña
  • Ámbito: Portuario
  • Acceso: Na zona portuaria d’A Coruña buscaremos o que se chamara Molle do Leste, prolongado dende mediado o decenio de 1980 co Peirao do Centenario. No que hoxe é o ángulo no que se insire a prolongación, tiñan o seu asento as edificacións da empresa bacallaeira.

Tipo de propiedade:

Privada no dominio público marítimo terrestre (concesión portuaria).

Visitable:

As instalacións foron desmanteladas coa construción do Peirao do Centenario e a zona portuaria reorganizada, e hoxe non queda pe

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

A conservación dos alimentos vai ser unha preocupación principal dende os tempos máis remotos e, aínda que nas áreas costeiras o consumo de peixes e mariscos producíase mormente en fresco, co paso do tempo foise aplicando o secado, o afumado, o salgado e o escabechado –os métodos de conservación daquela coñecidos– para cando non se podía pescar ou para a súa comercialización nos mercados distantes do litoral.

A deshidratación parcial dos alimentos polo aire e o sol (secado ou curado ao aire) ou polo fume de madeiras pouco resinosas (afumado ou curado ao fume do fumeiro), ao reducir a humidade dos alimentos, aumenta o seu tempo de conservación. A inmersión dos alimentos nun medio salino (salgado) ou nun medio ácido (escabechado), detén a putrefacción e prolonga igualmente a súa conservación.

O secado natural ou curado ao aire (o cicial), sería o procedemento máis antigo de conservación, coa redución da humidade dos alimentos por deshidratación parcial pola simple exposición ao sol e ao aire seco e salobre da beiramar, nun descubrimento de orixe intemporal, e case de seguro, accidental, “co ventiño do Nordés e a salseira”.

A moira, salgado ou salga por inmersión en auga saturada de sal (salga en salmoira), a trouxeran os romanos dende Exipto, e deixara nomeado o pontevedrés barrio da Moureira (propiamente, a moireira). O proceso supón a case total deshidratación das viandas pola forte higroscopicidade do sal, prolongando o seu período de conservación.

O máis sofisticado afumado, a deshidratación parcial ou curado ao fume, impregnando as viandas co fume morno e aromático dos fumeiros alimentados con labras de bidueiro e de loureiro, aprendeuse dun procedemento para a conservación dos arenques empregado dende tempo inmemorial no Mar do Norte, costas nas que rarea o abasto do sal. Dende o século XIII en Noruega tiñan leis que regulaban a pesca do arenque, describindo os utensilios a empregar, os métodos de conservación e os castigos para os infractores.

Finalmente, o escabeche, un guiso con caldo de vinagre de viño e especias (fundamentalmente pementa), nacido en Persia e desenvolvido na cociña árabe, recibímolo procedente dos portos hanseáticos a partir do século XVI. O medio ácido detén a putrefacción e evita a síntese do composto responsable do olor a podre (a trimetilamina). O procedemento melloraríase co aditamento do aceite fritido e do pemento, de notables propiedades funxicidas. En Galicia documéntase xa no século XII co nome de prebe ou pebre, derivado do nome latino da pementa (piper-piperis).

Nunha zona abondosa na pesca e cun clima favorable, o curado ao aire e o salgado asentáronse con forza, e xa na Idade Media, ao longo do século XV, están documentadas as saídas dos portos galegos de grandes cantidades de peixes salgados e de polbos secos e curados ao aire con destino aos portos cantábricos, portugueses e andaluces. Tamén se constatan dende o século XVI os envíos de ostra escabechada á veciña Castela. Convén lembrar a importancia do consumo de pescado en toda a Europa católica, xa que a Igrexa de Roma prohibía o consumo de carnes nada menos que en cento sesenta e seis días de vixilia, case a metade do ano.

Porén, o curado do peixe ao fume coñecería apenas difusión en Galicia, ao contrario do que ocorreu co afumado dos queixos e dos embutidos de carne magra de porco (chourizos, androllas e botelos).

O curado do peixe ao natural (o cicial, previamente lañado ou escochado), o mesmo que outros primitivos procedementos de conservación dos alimentos (afumado, salgado, escabechado), iría esmorecendo (pero pode aínda contemplarse nos arredores de vilas costeiras como Muxía ou A Guarda) coa implantación das conservas herméticas, iniciada en Galicia coa esterilización ao “baño maría” en caldeiras abertas das viandas previamente introducidas en frascos e latas (para máis detalle, vid. ficha 368, por exemplo).

Unha salientable excepción do curado tradicional para a conservación do peixe a constitúe o proceso de deshidratación do bacallau en túneles de secado, evolución industrial das prácticas artesanais de curado ao natural e de afumado en cámaras.

A pesca do bacallau en augas de Terranova polos galegos está documentada dende 1517 [Ferreira, 1998], con un claro predominio da actividade na vila de Pontevedra [Ménard, 2008: 28], e continuaría ata a definitiva expulsión dos españois dos bancos de pesca polos ingleses coa firma do Tratado de París en 1763 (os ingleses xa se fixeran coa illa de Terranova no Tratado de Utrech, en 1713).

A costume do curado en cabrias ou perchas (baculum) podería se a orixe do nome do bacallau, cuxo nome científico é Gadus morhua (en francés morue valía por prostituta, e nas Antillas Inglesas saltfish designaba tamén a cona), un peixe que pode chegar a medir metro e medio e pesar vinte quilogramos.

Dende os primeiros días de marzo ata finais de abril as embarcacións partían rumbo as chamadas “illas dos bacallaus”, ás que arribarían dous meses despois dunha dura travesía, para pescar nos comezos do verano, cando o bacallau é máis fácil de pescar por atoparse máis próximo á superficie. Os navegantes galegos habitualmente facían primeiro rumbo sur, aprovisionándose de sal na costa portuguesa (xeralmente en Aveiro) e, como os navegantes portugueses, achegábanse ás Azores para buscar as correntes favorables que os levarían ao Atlántico Norte. En ocasións seguirían rumbos máis setentrionais, como facían vascos e bretóns.

Unha vez o peixe a bordo, cortábaselle a cabeza e abríase quitándolle a espiña e separando a lingua, o fígado e as míllaras, salgándoo a continuación para levalo de volta a Europa. Se o proceso facíase en terra, ademais do salgado, curábase ao sol e o vento antes de embarcalo para o transporte. No primeiro caso falábase de bacallau verde, e de bacallau seco no segundo. As míllaras salgadas valían como cebo para a pesca da sardiña e da putrefacción dos fígados obtíñase o aceite.

A viaxe de regreso, favorecida polos ventos e correntes dominantes, duraba normalmente menos da metade da viaxe de ida, estando de retorno “polo San Miguel” (29 de setembro). O bacallau descargado tiña varias posibilidades de comercialización: na propia Galicia; no Cantábrico (preferentemente, o porto de Avilés); nas feiras e mercados de Castela; en América, autorizándose a partida dende A Coruña e Baiona; Andalucía, Canarias e ocasionais destinos mediterráneos.

Após a perda dos dereitos de pesca nas augas de Terranova, serían os ingleses, principalmente, e os franceses quen subministraría o bacallau aos portos de A Coruña, Vigo, Ferrol e Ribadeo. Na segunda metade do século XVIII, baixo o pulo de Jerónimo de Hijosa Rodríguez (1774) e de Antonio Sáñez Reguart (1788) e coa axuda de especialistas franceses no secado do bacallau “ao estilo de Terranova”, se intentaría con éxito a preparación da mesma maneira dalgunhas especies locais, o abadexo, a pescada e o congro, que non chegarían a substituír a “o peixe que cambiou o mundo”.

Malia a riqueza piscícola das costas galegas, a escasa amplitude da plataforma continental e a incorporación da máquina de vapor ás embarcacións favorecerían a expansión da flota pesqueira galega desde o primeiro terzo do século XX. As nacentes flotas pesqueiras de altura e de gran altura despregaríase polas augas de Cádiz, Marrocos, Irlanda... e Terranova.

As limitacións na produción e no abasto de alimentos a unha poboación empobrecida trala Guerra Civil Española (1936-1939), faría que o novo goberno impulsara a pesca e as industrias de transformación e conservación da mesma. A tal fin, fomentaría a motorización das flotas pesqueiras de baixura, altura e gran altura, e promovería a modernización e ampliación da industria conserveira.

Neste ámbito, o goberno quebraría o monopolio bacallaeiro da compañía donostiarra “Pesquerías y Secaderos de Bacalao de España” (PYSBE), estabelecida en 1919 e con factoría en Pasajes, e facilitaría a implantación en 1940 da “Compañía de Pesca e Industrias del Bacalao” (COPIBA, vid. ficha 273), en Vigo; en 1945 dunha nova factoría da PYSBE, en Ferrol (vid. ficha 614); e en 1948 de “Pesquerías Españolas de Bacalao” (PEBSA), n’A Coruña.

A redución das capturas e a decadencia dos caladoiros de Terranova pola irracional intensificación dos esforzos de pesca da flota mundial, levou á imposición de medidas reguladoras da luz de malla que impediran a captura dos espécimes máis novos, e a ampliación das augas xurisdicionais a doce millas náuticas nos comezos da década de 1960. Estas medidas suporían o inicio da fin da pesca española do bacallau en Terranova e, xunto coa falta de adaptación técnica e administrativa da industria, levarían á paulatina desaparición das empresas bacallaeiras: COPIBA sería absorbida por PESCANOVA en 1966; PYSBE, presentou expediente de crise en 1974; e PEBSA aguantaría ata 1997, en que presentou quebra voluntaria.

Descrición Xeral do Entorno:

As instalacións ocupaban o extremo do chamado Molle do Leste, no porto comercial de A Coruña, na enseada do mesmo nome.

Construcción:

Creada a empresa en 1939, iniciaría a actividade pesqueira en 1947 e en 1959 na planta de procesado d’A Coruña.

Abandono:

En 1990 declarouse en suspensión de pagos, e en 1997 en quebra voluntaria. En 1998 comezaba a demolición das instalacións portuarias.

Descrición:

No ano 1919 fundábase en San Sebastián (Guipúzcoa) “Pesquerías y Secaderos de Bacalao de España, S.A.” (PYSBE), pioneira na captura do bacallau nas pesqueiras de gran altura. A factoría e a base dos seus barcos estaría na veciña poboación portuaria de Pasajes de San Juan. En 1936 seríalle outorgada a concesión para construír un molle e unha factoría para a manipulación e secado do bacallau no porto comercial de Ferrol. Coa paralización do proceso pola Guerra Civil Española (1936-1939), a inauguración do peirao e da factoría retrasaríanse ata 1945 (vid. ficha 614).

Coa referencia do marco bélico, as favorables perspectivas da demanda e as dificultades para a importación de bacallau daríanlle pulo a outras iniciativas empresariais. No mes de maio de 1938, promovida por Enrique Prieto Garnacho, empresario salmantino de coloniais e destacado importador de bacallau, constituíase en Salamanca a sociedade “Industrias Marítimas Españolas S.A.” (IMESA), que cambiaría domicilio e razón social establecéndose en Madrid o 6 de xaneiro de 1939 como “Pesquerías Españolas de Bacalao S.A.” (PEBSA), a fin de exercer a «pesca, preparación e venda do bacallau e os seus derivados».

Finalmente, promovida polo barcelonés Federico Heredia, outro dos principais importadores españois de bacallau, en 1940 constituíase en Vigo a empresa “Compañía de Pesca e Industrias del Bacalao S. A.” (COPIBA, vid. ficha 273). PYSBE, PEBSA e COPIBA formarían parte das chamadas "empresas bacaladeras nacionales", fortemente vinculadas ao sector de distribución e coas que o réxime franquista tratou de reducir as gravosas importacións do produto.

Malia estar fortemente subsidiada polo Instituto de Crédito para a Reconstrución Nacional, o atraso na construción da frota decidiría ao Consello de Administración de PEBSA a participar na compañía “Astilleros y Talleres del Noroeste, S.A.” (ASTANO) en 1944. Nestes anos, o Banco Pastor impulsaba a creación dun importante grupo industrial en Galicia e Pedro Barrié de la Maza, estreitamente vinculado ao banco, presidiría desde 1948 ambas empresas. Porén, PEBSA non disporía dos seus primeiros barcos ata 1947, e non podería inaugurar a factoría bacallaeira do porto d’A Coruña ata 1959, e tería en tanto que vender en fresco en lonxa ou en verde a pequenos secadoiros, e recorrer ao procesado das capturas nas factorías bacallaeiras viguesas de COPIBA (desde 1947) e M.A.R. (desde 1955).

A flota de PEBSA contaba en 1953 con seis barcos. Os catro primeiros foran construídos nos santanderinos Astilleros San Martín (Corcho e Hijos, S.A.): en 1947 botaron o “Santa Elisa” e o “Santa Marina”, e en 1951 o “Santa Rita” e o “Santa Eugenia”. Os dous seguintes os construiría en Perlío (Fene) ASTANO (Astilleros del Noroeste, S.A.): en 1952 o “Santa Celia” e en 1953 o “Santa Amalia”. Os seis bacallaeiros sumaban oito mil cento corenta toneladas de rexistro bruto e sete mil novecentos cabalos de vapor, e mobilizaban a catrocentos vinte tripulantes.

Despois sairían tamén de ASTANO os outros seis bacallaeiros que completarían a flota de PEBSA: en 1954 o “Santa Inés” e o “Santa Elvira”; en 1957 o “Santa Paula” e o “Santa Mónica”; e en 1959 o “Santa Matilde” e o “Santa Regina”.

A factoría construída no Molle do Este do porto d’A Coruña e que sería inaugurada en 1959, tiña dezasete mil metros cadrados de superficie construída en tres plantas, dos cales sete mil eran de cámaras frigoríficas, que podían almacenar ata trece mil cincocentas toneladas de bacallau e outros peixes. A capacidade de secado era de oitenta toneladas diarias. O emprego na factoría andaba polas duascentas persoas, que procesaban diariamente arredor de cento vinte toneladas de peixe e as almacenaban en mil setecentos fardos.

COPIBA, cunha flota limitada e de escasa dimensión, foi absorbida por PESCANOVA en 1964. PYSBE suspendeu pagos, pechou as súas plantas de proceso e, en 1974, amarrou a flota. PEBSA tamén atravesou na segunda metade dos sesenta acumulación de perdas; morto Pedro Barrié de la Maza en 1971, fusionouse coa Agrupación Pesquera Coruñesa (Agrupesca), en 1972, coa Sociedad Anónima Pesquera Industrial Gallega (SAPIG) en 1988, e rematou integrada en 1993 no grupo zaragozano “Planta de elaborados alimenticios marinos, S.L.” (Pleamar), unha agrupación alimentaria moi diversificada. Os esforzos por sobrevivir serían vans, e en 1990 PEBSA declarouse en suspensión de pagos, e en 1997 en quebra voluntaria.

En 1998 comezaba a demolición das instalacións portuarias da empresa, e a concesión administrativa para o uso do peirao revertería na Administración Pública do Estado.

Tempo de uso:

Todo o ano.

Sistema de produción:

Unha vez pescado o bacallau procédese a bordo ao eviscerado, quítaselle a cabeza e ábrese o peixe da cabeza á cola, retirando as vísceras e a espiña dorsal. Sepáranse e consérvase algunhas partes que teñen interese de seu, como o fígado, a papada (kokotxa), as míllaras (ovas), ou a vexiga natatoria (callos).

O peixe enteiro aberto ou as partes talladas de meirande contido en carne, límpanse, esténdense e sálganse ben con sal mariña. Uns días despois, cando teñen ben collido o sal, lávanse con auga de mar e déixanse pousar en pías.

Despois, na salga tradicional, expúñanse as pezas salgadas ao sol e ao vento, sobre pedras ou en tendedeiras, ata completar a deshidratación, deixando o peixe preparado para a almacenaxe. Na salga industrial, as follas de bacallau colgábanse duns marcos que introducíanse despois para o curado nos secadoiros de aire quente.

Nas zonas frías o proceso de conservación podía ser máis sinxelo, e o peixe eviscerado e limpo colocábase en pías entre capas de sal na bodega do barco e trasladábase ao porto de destino. Ás veces, trala descarga en destino, rematábase o proceso lavándoo de novo e deixándoo secar ao sol.

Os avances en refrixeración e conxelación permitiron o transporte do peixe sen procesar ata a factoría de destino, onde ten lugar un proceso semellante de elaboración, aínda que de dimensión industrial, con túneles de secado controlado, lavadoiros e frigoríficos que garanten unha mellor conservación do bacallau salgado e seco.

O bacallau prepárase despois para a súa comercialización, enteiro, nas tradicionais follas, ou tallado, elixíndose as mellores pezas e separando as pequenas pezas magras sen espiñas que van comercializarse aparte como “migas de bacallau”.

Do fígado extráese o aceite e consérvase outras partes do bacallau de interese comercial, como a papada, da que se aproveitan separadamente as “cocochas” e as linguas, as ovas (coas que se prepara a raba, cebo para pesca) e aínda as espiñas para elaborar fariñas de pescado.

O sistema de pesca do bacallau durante décadas desenvolvíase cun buque nai que despregaba ao seu redor unha pequena flota de embarcacións chamadas “doris” (do inglés “dories”, plural de “dory”), desde a que os mariñeiros pescaban o bacallau. O mariñeiro largaba dende o seu bote vinte e catro palangres de más de cen metros cada un, levando uns corenta anzois en cada palangre.

Unha “dory” é unha pequena embarcación tradicional da costa oriental de América do Norte, seica baseada no “bateau” francés. Ten pouco calado, uns cinco a sete metros de eslora, unha manga xenerosa no través e pode izar vela. Adoita ser un barco lixeiro con lados altos, un fondo plano e proa afiada. Son fáciles de construír debido ás súas liñas simples. Durante séculos, as “doris” utilizáronse como barcos de pesca, tanto en augas costeiras como en mar aberto.

Estritamente falando, a única característica verdadeira que define ao “dory” é que está construído con táboas anchas que corren de proa a popa, tanto no fondo como nos costados. A parte inferior do casco é transversalmente plana e arqueada de proa a popa; a forma do casco vai definida pola curva do serrado das táboas dos costados, nunca dobradas con vapor. A popa vai normalmente rematada cun espello estreito e inclinado que aínda se estreita máis e de maneira pronunciada cara ao fondo da embarcación, dándolle a estes botes case unha fasquía de teren dúas proas.

A pesar da simplicidade do seu deseño, os “doris” eran coñecidos pola súa navegabilidade e facilidade para remar, aínda que esta reputación debíase máis á habilidade dos mariñeiros que a factores inherentes ao deseño. Debido aos seus fondos planos e estreitos, teñen pouca estabilidade inicial ao seren apuntados. Tradicionalmente, foron deseñados para transportar grandes cantidades de peixes, a miúdo máis dunha tonelada. Os bacallaus pequenos podían pesar de cinco a doce quilogramos, e os máis grandes ata preto dos cen.

Remaban neles mariñeiros experimentados, que comprendían as características do deseño e podían compensar as limitacións do mesmo. As “doris” gozan dunha gran estabilidade, inclinándose só ata certo punto, equilibrándose logo de maneira significativa e resistindo un maior escoramento. Son bastante voluminosos e poden soportar unha carga pesada para o que é o seu tamaño. Os seus lados altos dan un amplo franco bordo mesmo cando están moi cargados, e a medida que a carga aumenta, tamén o fai a estabilidade.

Son embarcacións lixeiras, fáciles de izar a bordo e que ocupan pouco espazo abordo ao poderse estibar encaixadas unhas noutras. Unha goleta bacallaeira podía embarcar máis de vinte “doris”. A película «Capitáns intrépidos», que Victor Fleming dirixira en 1937, amosa a pesca daqueles tempos.

Os bous (o bou é un barco que navega arrastrando unha rede en forma de saco) e as parellas (dous barcos que navegan parellos tirando da rede), sucederan ás goletas na pesca do bacallau, traballando en Terranova desde o decenio de 1940 ata o de 1970. Os bous eran barcos abertos e de pouco franco bordo, e o traballo de procesado do bacallau por parte da mariñeiría facíase á intemperie. A cuberta era varrida frecuentemente polo mar e a temperatura naquela zona nos meses de inverno podían chegar aos dezaoito ou vinte graos baixo cero. As parellas eran barcos máis pequenos que os bous, de entre setenta e noventa toneladas de carga, nos que o peixe clasificábase na cuberta antes de estibalo con xeo na adega do buque.

O traballo nos buques da PEBSA organizábase en quendas de doce horas, repartidas en dúas quendas de seis, que podían aumentarse cando viña moito peixe. A tripulación estaba formada por un capitán da mariña mercante, dous oficiais de cuberta, un agregado, un telegrafista, un practicante, un xefe redeiro e dous axudantes, dous contramestres, un xefe salgador e dous axudantes. O resto da tripulación cortadores, abridores e lavadores, ata completar unha tripulación duns oitenta homes. A cociña ou fonda estaba formada por dous cociñeiros, panadeiro, marmitón e camareiro. Na sala de máquinas traballaban o xefe, dous oficiais maquinistas, o caldeireta, o electricista e os engraxadores.

O tempo de arrastre de cada lance podía oscilar entre trinta minutos e seis horas, segundo a cantidade de peixe atopado. Unha vez o peixe en cuberta, volvía largarse o aparello para un novo lance, e no barco entraban en faena os mariñeiros descabezaban o peixe e o pasaban aos que o abrían. Logo os limpadores extraían as vísceras que eran arroxadas ao mar, salvo o fígado, unha parte valiosa coa que se elaboraba aceite. O peixe lavado en grandes enviábase polo zapón á adega, onde os salgadores o estibaban convenientemente coa cantidade precisa de sal.

Nunha campaña de cinco ou seis meses a carga dun bou podía chegar ata as mil duascentas toneladas de bacallau “verde”. Adoitábanse facer dúas campañas ao ano, e unha vez chegado a porto, o armador vendía o bacallau aos secadoiros, con prezos establecidos por tamaños. O bacallau descargábase, clasificábase e pasaba ás cámaras frigoríficas. Daquela sacábase e pasaba ao lavadoiro, para retirarlle calquera resto de sangue, e despois curábase nos túneles de secado. Xa seco volvía clasificarse e envasábase en caixas, sacos ou fardos para a súa posterior comercialización.

O salario consistía nun soldo base e a prima de pesca, que se calculaba sobre o peso e a calidade do peixe descargado. Segundo mariñeiros que traballaron nos bacallaeiros, o soldo base era máis alto que a media e coa prima de pesca redondeábase un bo salario. A prima de pesca era unha porcentaxe sobre tonelada extraída e que en diferente proporción remuneraba a toda a tripulación.

O exceso de pesca da especie foi o gran causante da desaparición dos grandes bancos de bacallau dos caladoiros de Terranova, Labrador e Nova Escocia. No século XIX pescábanse anualmente nesas augas entre cento cincuenta mil e catrocentas mil toneladas, e dicían os mariñeiros que “fervían as augas” coa cantidade de bacallaus que había no mar. En 1950 pescáronse novecentas mil toneladas. En 1960 serían dous millóns de toneladas.

En 1966 advírtese que os adultos de gran tamaño están a desaparecer, tanto na costa como nos grandes bancos, e os investigadores estiman que os continxentes de bacallau nos seus caladoiros descenderan un noventa e seis por cento dende 1886. En 1977 Canadá establece as duascentas millas como zona económica exclusiva, e en 1992 o Goberno de Canadá declara unha moratoria para a pesca do bacallau.

Actividades laborais:

Man de obra masculina nos barcos de pesca e principalmente feminina no persoal de terra. As xornadas no mar podían chegar ás dezaoito horas diarias cando había pescado na cuberta do barco. As xornadas na factoría transcorrían de oito a doce da mañá e da unha e media ás cinco e media da tarde. Cando chegaban os bacallaeiros multiplicábase o traballo, facíanse horas extraordinarias e contratábanse neses días varios centos máis de mulleres.

Emprego:

A finais do ano 1969 a empresa declaraba douscentos trinta e catro “produtores” na factoría coruñesa, aos que haberían de sumarse as máis de oitocentas persoas que formaban as tripulacións dos doce barcos da flota bacallaeira da compañía.

Materias Primas:

Bacallau (Gadus Morhua Linneo).  Ocasionalmente, outras especies.

Produtos Elaborados:

Follas, tallas e migas de bacallau curado. Follas, tallas e migas de bacallau seco. Aceite de fígado de bacallau. Linguas e cocochas. Ovas.

Distribución e comercialización:

Nacional.

Referencias Bibliográficas:

Barkham, Selma (1976): “Two documents written in Labrador, 1572 and 1577”, in Canadian Historical Review, vol. 57, núm. 2, Toronto, p. 235-238.

Barrera Beitia, Enrique (2009): Traballo e solidariedade na Peninsular Maderera e PYSBE, Ferrol: Asociación Cultural Fuco Buxán. DL C-1283-2009. ISBN 978-84-613-1589-5.

Barrera Beitia, Enrique (2018): “El fracaso de la burguesía industrial en Ferrol: una oportunidad perdida”, en Ferrol Análisis: revista de pensamiento y cultura. 2018, núm. 31, p. 55-65. Ferrol: Club de Prensa de Ferrol. DL C-1873-2003. ISSN 1576-4540.

Bouza Faraldo, Manuel (2012): “Pesca, salazón y manufacturación del bacalao – PYSBE. De las orillas del Eume a Terranova”, en Cátedra, Revista eumesa de estudios, núm. 19, p. 97-131. ISSN 1133-9608.

Carmona Badía, Xoán; Nadal Oller, Jordi (2005): El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Espido Bello, María del Carmen; Giráldez Rivero, Jesús (2016): “Mercado internacional, mercado nacional: el bacalao en España en el primer tercio del siglo XX”, en Investigaciones de Historia Económica, 14 (2018), año XXVII, 2018, 31-42.

Espido Bello, María del Carmen; Giráldez Rivero, Jesús (2018): “La actividad bacaladera bajo el franquismo (1939-1975)”, en Revista de Historia Industrial, núm. 74, año XXVII, 2018, p. 137-175.

Fernández Casanova, Carmen (1998): “Cambio económico, adaptacións e resistencias nos séculos XIX (dende 1870) e XX”, en Carmen Fernández Casanova (coord.) Historia da pesca en Galicia, p. 139-206, Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela. DL C-1816-1998. ISBN 84-8121-719-0.

Ferreira Priegue, Elisa María (1998): “O desenvolvemento da actividade pesqueira dende a alta idade media ó século XVII”, en Carmen Fernández Casanova (coord.) Historia da pesca en Galicia, p. 51-86, Santiago de Compostela: Universidade de Santiago de Compostela. DL C-1816-1998. ISBN 84-8121-719-0.

García Orellán, Rosa (2006): “Rumbo al Gran Banco: Una etnohistoria de la pesca industrial del bacalao en los bancos de Terranova”, Revista internacional de los estudios vascos, 51, 2, 2006, p. 577-592. ISSN 0212-7016.

Lindoso Tato, Elvira (2006): “A la sombra del Arsenal: la oferta empresarial ferrolana en siglo XIX”, Cuadernos de Estudios Gallegos, LIII, nº 119, enero-diciembre 2006, p. 271-304. ISSN 0210-847 X.

López Facal, Xan (1980): “O poder industrial: grupos e monopolios”, en O poder industrial en Galicia. Vigo: Edicións Xerais de Galicia, p. 93-127. DL M-21790-1980. ISBN 84-7507-010-8.

Marco Hernáez, Julio A. (1945): El Ferrol del Caudillo. Guía de la ciudad. Año I de su publicación. 2ª época. Enero de 1945. La Coruña: Talleres de Litografía e Imprenta Roel.

Ménard, Caroline (2008): La pesca gallega en Terranova, siglos XVI-XVIII. Universidad de Sevilla y Diputación de Sevilla. Madrid: Consejo Superior de Investigaciones Científicas. DL M-57.791-2008. ISBN 978-84-00-08741-8.

Meijide Pardo, Antonio (1980): El comercio del bacalao en la Galicia del XVIII. La Coruña: Diputación Provincial.

Mirás Araujo, Jesús (2003): La actividad pesquera en el puerto de A Coruña, 1914-1960. Instituto Universitario de Estudios Marítimos de la Universidade da Coruña [en línea] http://www.udc.es/iuem [Acceso 23 noviembre 2020].

Mirás Araujo, Jesús (2005): “La pesca y sus fluctuaciones en el puerto de A Coruña, 1914-1960”, en Historia Agraria, núm. 37, diciembre 2005, p.489-511.

Niese, H. (1942): “Industrias de la alimentación y afines. Curado y conservación del pescado”, en Manual del Ingeniero, Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, 2ª ed. trad. de la 26ª edición alemana, Tomo IV, Capítulo X, p. 643-647. Barcelona: Gustavo Gili.

Nogueira Román, Camilo; Soto Baño, Luis; López Facal, Xan (1980): O poder industrial en Galicia, Vigo: Edicións Xerais de Galicia. DL M-21790-1980. ISBN 84-7507-010-8.

Pérez Fariña, María Luisa (1985): “La industria del bacalao en Galicia: la importancia de la Ría de Arosa”, Paralelo 37, Instituto de Estudios Almerienses, págs. 429-444. ISSN 0210-3796, Nº 8-9, 1985 (Ejemplar dedicado a: Homenaje a Manuel de Terán).

Sanfiz Raposo, Henrique (2007): “PYSBE: bacallau con denominación de orixe de Ferrol”, en Ferrol Análisis: revista de pensamiento y cultura. 2007, núm. 22, p. 25-28. Ferrol: Club de Prensa de Ferrol. DL C-1873-2003. ISSN 1576-4540.

Taboada Arceo, Antonio (1971): Galicia, estructura y ritmo socio-económicos. La Coruña: Servicio de Estudios y Publicaciones de las Cámaras Oficiales de Comercio, Industria y Navegación de Galicia. DL C-145-1971.

Tolosa Bernárdez, María Teresa (2000): “La pesca del bacalao en el siglo XX: el caso de la compañía PYSBE”, en Itsas Memoria, Revista de Estudios Marítimos del País Vasco, núm. 3, p. 363-382, San Sebastián: Museo Naval.

Urrutia Ochoa, Peio (2003): “El gran banco de Terranova: mareas, mitos y miserias”, en Itsas Memoria, Revista de Estudios Marítimos del País Vasco, núm. 4, p.595-618. San Sebastián: Museo Naval.

Xunta de Galicia (2007-2011): Plan de Ordenación do Litoral [en liña] Dispoñible na Internet: http://www.xunta.es/litoral [Acceso 8 febreiro 2020].

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 21-III A Coruña /// Datum ETRS89: H 29 // X 548.912,85 m / Y 4.801.280,63 m

Centro Nacional de Información Geográfica (s/d): Fotototeca Digital, Instituto Geográfico Nacional, Ministerio de Fomento del Gobierno de España [en línea] Disponible en internet: http://fototeca.cnig.es/ [Acceso 22 decembro 2019].

Instituto de Estudos do Territorio (IDE) da Xunta de Galicia (s/d): Información Xeográfica de Galicia: visor de mapas [en liña] Dispoñible na Internet: http://mapas.xunta.es/visualizador-de-mapas [Acceso 23 agosto 2019].

Instituto Geográfico Nacional (s/d): Serie MTN25 (Mapa Topográfico Nacional 1:25.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional25.jsp? [Acceso 9 abril 2014].

Instituto Hidrográfico de la Marina (1959): Ría de El Ferrol del Caudillo (hoja II). Desde el Castillo de S. Felipe hasta el fondo de la ría. Océano Atlántico Norte. Costa NW de España. Carta 9293, con levantamientos efectuados en 1953 y 1956 y correcciones hasta 1976. Cádiz: Talleres del Instituto Hidrográfico de la Marina. DL CA-95-1972.

Instituto Hidrográfico de la Marina (1960): De Punta Frouseira a las Islas Sisargas, con las rías de El Ferrol del Caudillo, Ares, Betanzos y La Coruña. Océano Atlántico Norte. Costa NW de España. Carta 929, con levantamientos no datados y correcciones hasta 1978. Cádiz: Talleres del Instituto Hidrográfico de la Marina. DL CA-1074-1971.

Xunta de Galicia (Consellería do Medio Rural) (s/d): Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícola (SixPac): visor de mapas [en liña] Dispoñible na Internet: http://sixpac.xunta.es/visorsixpac/ [Acceso 23 agosto 2019].

Data de Actualización:

22 nov. 2020