623 Maderas Damián López

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: Lugo
  • Concello: Foz
  • Parroquia: San Xoán de Vilaronte
  • Lugar: A Espiñeira
  • Paraxe: As Charelas
  • Dirección: Non procede
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 43.543450343372676
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -7.277626874084473
  • Coordeadas UTM: Datum ETRS89: H 29 // X 639.142,08 m / Y 4.822.620,72 m
  • Clasificación: Serradoiro de madeira
  • CNAE: 16.10 Serrado e cepillado da madeira.
  • Tipoloxía: Accionado por motores eléctricos
  • Comarca: A Mariña Central
  • Marco Xeográfico: Marxe esquerda do comezo do esteiro do río Masma na súa desembocadura na ría de Foz.
  • Ámbito: Rural
  • Acceso: Dende Lugo colleremos a estrada nacional N-VI cara á Coruña e en Baamonde enfiaremos a estrada nacional N-634 en dirección Ribadeo. No cruce de San Cosme de Barreiros apartaremos á esquerda pola estrada nacional N-642 cara a Foz e Ferrol. A un quilómetro da redonda, deixaremos esta vía para continuarmos á esquerda pola antiga N-642 cara Á Espiñeira e Vilaronte. Algo máis de novecentos metros despois de cruza-la ponte sobre o río Masma, á esquerda da carreteira que vai a Vilaronte, atópase o conxunto de edificios de “Maderas Damián López”.

Tipo de propiedade:

Privada.

Visitable:

Exteriormente.

Xestión de visitas:

Non procede.

Historia:

Conta a mitoloxía grega que a serra fora inventada por Perdix, a quen o seu tío, Dédalo, lle aprendera as artes mecánicas. Nunha abraiante mostra do seu enxeño, Perdix imitou as espiñas dun esqueleto de peixe nunha lámina de ferro, inventando a serra. Con todo, o máis verosímil e que se observase que un coitelo resultase nalgúns casos máis eficaz triscado (“mellado”) que ben afiado.

Alén diso, no verán do ano 2005, no campo de tumbas de Hierápolis (Pamukkale, Turquía), identificábase no sartego de Marco Aurelio Amiano, datado na metade do século III d.C., un baixo relevo representando unha roda hidráulica accionando dúas serras de cortar pedra, a mostra máis antiga coñecida do mecanismo de biela e manivela, que converte un movemento circular nun movemento rectilíneo alternativo.

Da época tardo romana (século VI) descubríronse tamén restos de serras mecánicas de pedra en Gerasa (Gilead, Jordania) e en Éfeso (Ayasaluk, Turquía). É posible que tamén o sexan uns restos do século II atopados en Augusta Raurica (Augst, Basilea, Suiza).

Esta antiga e incipiente mecanización, que coñecería tamén aplicación na elaboración de táboas de madeira, viría aliviar as incomodidades dos serranchíns no seu fatigoso traballo, totalmente manual, e os serradoiros hidráulicos espallaríanse por todo o mundo civilizado.

Ata a mecanización, o serrado da madeira facíase por dous homes, que ían percorrendo o país, deténdose nos lugares nos que atopaban traballo. Tralo tallado da árbore e o escascado, careábase o tronco, dándolle catro caras, e procedíase ao serrado para obter as táboas, que se deixarían despois a secar amoreadas en castelos. Xa secas, pasarán ás mans dos carpinteiros para a súa utilización ou traballado.

Os serranchíns itinerantes foron desaparecendo co estabelecemento das serras mecánicas, unhas movidas pola forza da auga, outras accionadas por máquina de vapor, motor de gasolina ou motor eléctrico. Levábanse entón os troncos a serrar nas fábricas, nas que tamén quedaban a secar, ao aire ou en cámaras de secado nas que se introduce aire quente para acelerar e mellorar o proceso.

Os primeiros serradoiros mecánicos eran accionados pola auga dun curso fluvial, que facía virar unha roda a partir da cal convertíase o movemento circular nun movemento rectilíneo alternativo por medio do mecanismo coñecido como biela manivela. En España comezaron a empregarse dende a primeira metade do século XII para serrar troncos de madeira e convertelos en puntais e táboas para diversas aplicacións. Os serradoiros máis sinxelos tiñan unha serra simple, namentres que os máis complexos dispuñan de serras, tornos e cepilladoras que se accionaban combinando rodas e correas de transmisión.

As máquinas de vapor foron introducidas en España de 1725 en diante, procedentes de Inglaterra. A introdución da máquina de vapor en Galicia veu da man do enxeñeiro Rafael Clavijo e o mestre Andrés Antelo, coa posta en marcha, en 1796, dunha máquina atmosférica tipo Newcomen para o achique da auga do dique de carenas do Arsenal de Ferrol. Froito de iniciativas públicas e privadas, ata 1808 importáranse en España non máis de unha decena de máquinas de vapor inglesas, pero a Guerra de Independencia (1808-1814) supuxo un freo no incipiente proceso de modernización iniciado nas últimas décadas do século XVIII. A partir de 1814 retomaríase a importación de máquinas de vapor, aínda que non acadaría certa importancia até a década de 1830.

Na década de 1840 o Arsenal incorporaría unha serra movida a vapor, e a definitiva implantación desta tecnoloxía en España tería lugar da man de dúas grandes empresas barcelonesas: a dos irmáns escoceses Thomas e David Alexander (1849) e “La Maquinista Terrestre y Marítima” (1855) de Valentín Esparó, as que so se compararía naqueles anos a sevillana “Portilla, White y Cía.” (1857). Coa posta en marcha no Arsenal de Ferrol en 1855 da nova Factoría de Máquinas, comezaría a construción de máquinas de vapor mariñas de ata 500 CV, das que en 1858 sairía a primeira construída en España.

As primeiras serras de auga constrúense en Galicia na década de 1830; estes innovadores artefactos mecánicos para a serrado mecánico da madeira aparecen no sur da provincia de Pontevedra (vid. ficha 361 Serra dos Carranos), para o abasto da crecente demanda na construción e no envasado da sardiña salgada na área de Vigo.

Os primeiros serradoiros mecánicos movidos por máquina de vapor serán inicialmente un fenómeno urbano que, a partir de 1850, vai desenvolverse paseniño na Coruña, Vigo e Ferrol. Pero é dende a década de 1880 cando se produce o verdadeiro desenvolvemento do sector mecánico na primeira transformación da madeira. Ademais, a aparición de novos elementos de demanda vai orientarse ao piñeiro galego, no canto das frondosas tradicionais.

Primeiro foron os troncos de piñeiro para apuntalar as minas de carbón, que abastecían como frete de retorno aos buques que traían hulla dos portos galeses de Cardiff e Swansea, e do inglés de Newcastle-upon-Thyne. Pero vai ser de meirande importancia o subministro de madeira para caixas, caixóns e embalaxe de mercadorías varias.

A táboa e o cadrado de piñeiro abastecían dende a década de 1860 ás industrias de Málaga e Almería que producían táboa pequena e fina (tablilla) e elaboraban caixas para o envío de uva pasa a Inglaterra. Madeira de primeira serra servía tamén á industria galega de salga en diferentes portos do país.

A crecente demanda de táboa e táboa pequena para as industrias marítimas, levou a que un grupo de industriais vigueses establecera en 1879 “La Industrial Hispano Portuguesa”, para a provisión da madeira para envases do sector pesqueiro, serrada pola nova empresa con máquina de vapor no Areal de Vigo. Nos anos seguintes, co mesmo obxectivo, van instalarse na área viguesa outros serradoiros de vapor, aínda que venderán tamén “tablilla” aos exportadores malagueños e almerienses.

Tres anos despois, en 1882, os irmáns Candeira instalaban en Camposancos (A Guarda) as primeiras serras mecánicas a vapor para a elaboración de táboa miúda. Alí, na desembocadura do río Miño, chegaban río abaixo os troncos galegos e portugueses que se enviaban aos portos andaluces para o seu transformado. Unha nova riqueza vai quedar agora na comarca, e pronto se instalarán na zona máis serras, que converterán ao Baixo Miño nunha das áreas pioneiras nesta industria.

Tralas primeiras serras mecánicas a vapor, viguesas e miñotas, outras industrias de serra van espallarse por toda a Galicia atlántica no primeiro terzo do século XX, cunha meirande concentración no sur da provincia de Pontevedra, na bacía ourensá do río Miño, e na área costeira que vai de Ponteceso a Ferrol, convertendo a rexión na primeira produtora española de táboa e táboa miúda para envases.

No informe de Cosme Fernández Soler sobre a economía da provincia de Pontevedra en 1888, recollía a existencia de tres serradoiros, dous accionados por vapor e un terceiro movido por unha cabalería, admitindo a existencia de máis serradoiros, “no contabilizados porque están escondidos al fisco”. En 1895 xa se contaban vinte e un serradoiros na provincia de Pontevedra e cinco na da Coruña, cifras que en 1905 subiron a cincuenta e catro e trinta e sete, respectivamente. Algúns serradoiros do Condado e do Baixo Miño contaban daquela con máis de unha ducia de serras instaladas.

A Gran Guerra (Primeira Guerra Mundial, 1914-1918), coa supresión das importacións de madeira foránea e unha forte subida dos prezos, provocou a expansión dos serradoiros. O remate da guerra abriría unha época difícil, caracterizada polos intentos de concentración que buscaban superar o minifundismo do sector.

Resultado dos esforzos de concentración cabe citar “Serrerías del Miño” (1927, A Guarda, vid. ficha 350), “Aserradora Gallega” (Catoira), “Serrerías Gallegas” (1929, Carril, vid. ficha 468), “Lantero e Hijos” (Vilagarcía, vid. ficha 501) e “La Industrial Maderera Cedeirense” (1930, Cedeira, vid. ficha 561).

Contra 1933, eran catrocentos noventa e cinco os serradoiros galegos con serra de cinta que pagaban a contribución industrial, e, coa súa demanda de piñeiro autóctono, dinamizaban a explotación dos montes do país.

O sector da serra, cunha excesiva especialización na primeira transformación da madeira, con apenas valor engadido, enfiaría un forte proceso de reestruturación a partir da década de 1940, do que xurdiría o sector dos taboleiros fabricados, primeiro, por agregación de chapas de madeira natural encoladas, o contra chapado (Peninsular Maderera, en Ferrol, 1945), e despois, a partir de madeira triturada, encolada e prensada, o aglomerado (Tafisa, en Pontevedra, 1958).

A “Peninsular Maderera” desaparecería en 1976 (vid. ficha 585), pero a pioneira experiencia de Tafisa tería unha brillante continuidade cun pequeno grupo de empresas dedicadas á fabricación de taboleiros de madeira aglomerada, de partículas, de fibras, e de fibras de media densidade: Finsa (Pontecesures, 1963, vid. ficha 565), Ecar (Mondoñedo, 1964, vid. ficha 535), Losan (Curtis, 1965), e outras, ata sumar once establecementos en Galicia, a metade dos existentes en España.

Descrición Xeral do Entorno:

O serradoiro situárase a pouco máis de setecentos metros da estrada nacional N-642, na marxe esquerda do comezo do esteiro do río Masma na súa desembocadura na ría de Foz.

Construcción:

1945.

Abandono:

Contra 1963.

Descrición:

Damián López Ferrería (Damián López de Castro Ferrería) comezaría en 1927 a súa andaina empresarial na vila de Foz como armador do buque Fornel. Dous anos máis tarde terá un negocio de venda de sal ao por maior e un surtidor de gasolina n’A Espiñeira, do lado de San Cosme de Barreiros (Barreiros) e outro surtidor de gasolina na outra banda do río Masma, n’A Espiñeira de San Xoán de Vilaronte (Foz). En 1931 engadiría aos seus negocios un almacén de madeiras en Foz.

Finalizada a Guerra Civil Española (1936-1939) proseguirá a expansión dos negocios de Damián López, divididos en tres seccións diferenciadas: os transportes, a madeira, e a conserva de peixe (Conservas Dalo, vid. ficha 615). Ademais, contará cunha serie de actividades auxiliares complementarias das principais: almacenaxe e venda de sal, carbón e derivados do petróleo; e un taller mecánico e de reparación de automóbiles.

Os transportes, marítimos e terrestres, irían atendidos polos buques Adela López (duascentas toneladas) e Sofía López (cento sesenta toneladas), e por unha flota de nove camións e dúas furgonetas, ademais de servirse tamén dos seus barcos de pesca para distribuír polos portos as conservas elaboradas na súa factoría. Os seus cargueiros transportaban madeira principalmente aos portos de Xixón, Santander, Bilbao e Pasajes, e retornaban con fretes de carbón e de ferro que descargaban en Avilés, San Esteban de Pravia (Muros de Nalón), Puerto Vega (Navia), Ferrol, e por suposto, en portos da Mariña e Ortegal, nos que asemade cargaba madeira en rollo para o abasto dos seus serradoiros.

A madeira en rollo para serra a obtería das súas numerosas fincas no termo municipal de Foz e das citadas adquisicións nos portos de Ortegal e A Mariña (Cariño, O Barqueiro, Vicedo, Viveiro, San Cibrao e Burela). O principal destino era o porto de Xixón, ao que a exportaba en poste para fornecer as minas asturianas. Como se ten dito, desde 1931 o seu almacén de Foz exportaba tamén madeira aos portos de Santander, Bilbao e Pasajes. En 1945 recibe autorización para a instalación en Vilaronte dun serradoiro con capacidade de dous mil metros cúbicos de madeira serrada, e exportará tamén caixas para laranxas a Valencia.

A construción da nova industria terá lugar nunha finca de sete mil seiscentos metros cadrados localizada a uns setecentos metros ao sueste da igrexa parroquial de Vilaronte e cincocentos metros ao noroeste do núcleo de A Espiñeira, onde o promotor tiña a súa vivenda.

O conxunto fabril componse de varias edificacións de planta baixa. A meirande delas, con tres naves arrimadas formando un cadro duns vinte e cinco metros de lado e seiscentos trinta metros cadrados de planta, acollía nove serras de cinta, dúas limadoras, e un cepillo, accionados por cadanseu motor eléctrico. Nunha edificación separada instaláranse os cocedoiros e o secadoiro da madeira, xunto cunha caldeira de vapor para o aporte calorífico e outra caldeira con máquina de vapor para accionar un alternador trifásico de cincuenta quilovatios co que se alimentaban os motores eléctricos do conxunto. Un terceiro edificio de case trinta metros de lonxitude e trescentos metros cadrados de superficie destinábase tamén a secadoiro. Un local de sesenta e catro metros cadrados facía as veces de comedor e local social dos obreiros.

Algo afastadas das construcións fabrís, para acomodo gratuíto dos traballadores do serradoiro e as súas familias, levantáronse tres edificios iguais, de cen metros cadrados de superficie en planta, aliñados lonxitudinalmente en dirección nordeste suroeste e apartados uns cinco metros entre si. Cada un dos edificios, de planta baixa, un andar e faiado, con cuberta de lousa a dúas augas, acolle senllas vivendas iguais con entradas independentes pola planta baixa. Con tal disposición e tres alturas, cada un dos edificios podía acoller a dúas, catro ou ata seis familias. As vivendas, que continúan hoxe en día habitadas, contaban cunha dotación e un confort salientables naqueles anos, con cuarto de baño e luz eléctrica. Ademais, os residentes contaban con xardín e unha pequena horta.

Entre o secadoiro e o grupo de vivendas, o empresario construíra un edificio de planta baixa de cincuenta e oito metros cadrados que acollía unha completa clínica médica, na que pasaba periodicamente visita o médico de Foz.

Damián López tamén instalaría en Viveiro outro obradoiro de serra, e contaría con almacéns en Bacoi, no termo municipal de Alfoz, e na vila asturiana de Xixón. As oficinas centrais para administración das súas empresas as acomodaría en Vilaronte.

Xa cos fillos do fundador, Adela, Sofía e José Manuel López Souto colaborando nas tarefas de xestión de Ramón García Telenti como apoderado xeral da empresa, contra o ano 1963 o conxunto empresarial que fundara Damián López Ferrería (quen falecería en 1966) comeza a padecer a erosión na súa economía. Algún tempo despois, as varias instalacións de serra, conservas e talleres do que fora un dos principais conglomerados empresariais do Cantábrico galego quedarían abandonadas.

Mortas sen descendencia as súas irmás, José Manuel López (de Castro) Souto, máis coñecido como «Manolito de Damián», deixaría un legado, a administrar por un padroado, indicando que o beneficio da xestión do seu patrimonio dedicárase a aqueles veciños de San Xoán de Vilaronte e Santa María de Bacoi que foran estudantes carentes de recursos para continuar a súa formación ou persoas que pasaran por unha situación económica complicada.

Tempo de uso:

Todo o ano, aínda que as árbores se cortasen preferentemente no inverno.

Sistema de produción:

Un serradoiro é unha instalación, mecanizada ou artesanal, dedicada ao serrado da madeira e, ás veces, tamén ao seu secado. Son industrias de primeira transformación da madeira que proveen de produtos semi-acabados ás industrias de segunda transformación (carpintería, ebanistería, construción) encargadas da fabricación de obxectos ou partes de obxectos de consumo.

Os serranchíns, por canto traballan coa madeira, pódense considerar coma unha caste de carpinteiros, mais non adoitan a seren así considerados xa que limítanse á preparación do material con que han traballar os carpinteiros, diferenciación semellante á que se fai entre os pedreiros e os canteiros.

O primitivo traballo de serra facíase por dous homes que ían percorrendo o país, deténdose nos lugares nos que atopaban traballo. Aínda que non sempre, o seu traballo podía comezar polo tallado da árbore, tralo que levábase á casa do propietario. Unha vez escascado coas machadas, o tronco careábase, tamén a machetadas, dándolle unha forma máis ou menos prismática de catro caras.

Marcado o tronco para facer as táboas, púñase un cabo del no burro, quedando o outro no aire; entón, un dos serranchíns axeonllábase baixo del, namentres o outro rubía ao pao coa serra e comezaban o traballo, alternándose un e outro no posto ocupado.

O corte mantense aberto coas tillas, e cando chega ao burro, sen soltar totalmente a táboa, comézase outra, e a seguinte, até rematar. Rematada a serra, baixase o pau ao chan e vanse tirando as táboas, rachando o anaco do cabo que as mantén xunguidas.

As táboas póñense entón unhas riba doutras, aos pares, e apoiadas nos extremos para que sequen sen empenar (curvarse ou torcerse), formando torres ou castelos de táboas estibadas en pías, que pasarán varios meses ao aire para o secado da madeira. Xa secas, pasarán ás mans dos carpinteiros para a súa utilización ou traballado.

Os serranchíns itinerantes foron desaparecendo co estabelecemento das serras mecánicas, unhas movidas pola forza da auga, outras accionadas por máquina de vapor, motor de gasolina ou motor eléctrico. Coa modificación do serrado, saía máis a conta levalos troncos a serrar nas fábricas, nas que despois quedarían tamén a secar, ao aire ou en cámaras de secado nas que se introduce aire quente para acelerar e mellorar o proceso.

Os primeiros serradoiros mecánicos eran accionados pola auga dun curso fluvial, que facía virar unha roda a partir da cal convertíase o movemento circular nun movemento rectilíneo alternativo por medio do mecanismo coñecido como biela manivela. A dependencia do curso fluvial para a localización do serradoiro viña compensada pola posibilidade de empregalo para o transporte dos troncos de madeira, e mesmo dar saída aos puntais e táboas elaborados. Os serradoiros máis sinxelos tiñan unha serra simple, e os máis complexos dispuñan ademais de serras, tornos e cepilladoras, accionados tamén hidraulicamente combinando rodas e correas de transmisión.

As primeiras serras de movemento alternativo ou de vaivén foron superadas polas serras de cinta, ou serras sen fin, dotadas dunha longa folla dentada de metal flexible, dobrada e unida polos estremos como unha correa de transmisión, que pasa por dous tambores que a manteñen tirante e a arrastran ao xirar, producíndose o corte polo continuo deslizar da serra sobre a peza a cortar.

As “serras de vapor” tiñan a vantaxe adicional de empregar, cando menos parcialmente, os seus propios residuos de proceso como combustible (casca, costeiros, tacos, serraduras). Por outra banda, a técnica era ben sinxela e barata, xa que, superadas as serras de vaivén, reducíase ao emprego dunha serra de cinta, malia que contra a década de 1920 os serradoiros de maior tamaño contaran tamén coas máis custosas serras de carro.

Abandonadas as primitivas serras alternativas (de bastidor e vaivén), ademais das sinxelas serras de cinta (ou sen fin), empréganse serras circulares, serras de tambor (que resultan de acoplar varias serras circulares nunha árbore común) e serras de cadea. A serra (a folla de ferro co fío dentado) pode telos dentes triscados ou sen triscar (nesta, cada dente produce, por si mesmo, o ancho total do suco).

Para completar o traballo de serrado, algúns serradoiros completaban a dotación mecánica con acepilladoras (de arranque de labras e de abrasión), máquinas de por ao groso, tornos, barrenos, fresas, e demais útiles propios da carpintería.

As “serras de vapor” irían sendo substituídas polas serras eléctricas, pero moi lentamente, tanto pola precariedade do subministro de electricidade, como pola economía que supuña o aproveitamento dos seus propios residuos.

Actividades laborais:

A actividade dos serranchíns tradicionais (a meirande parte deles do veciño Portugal) era sempre itinerante, desprazándose en parellas, acompañados ás veces por un axudante para cargar coa ferramenta, polos lugares nos que se contrataba o seu traballo. Nos sistemas de produción modernos, as árbores lévanse a cortar e secar nas fábricas, nas que as serras son accionadas mecanicamente.

Emprego:

Sen datos.

Materias Primas:

Madeira (principalmente Pinus pinaster, o piñeiro galego).

Produtos Elaborados:

Tronco limpo, táboas, táboa pequena e fina (tablilla) para envases, ademais de doelas para todo tipo de envases (cascos, barrís, pipotes), travesas e puntais de mina.

Distribución e comercialización:

Comarcal, rexional e nacional.

Referencias Bibliográficas:

Carmona Badía, Xoán; Nadal Oller, Jordi (2005): El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Leal Bóveda, José María; Fernández Pacios, Juan Ramón (2020): “Notas para o estudo da conserva hermética de peixe na Mariña de Lugo. O caso ‘Dalo’ (Foz)”, en Nova Ardentía, Revista Galega de Cultura Marítima e Fluvial, núm. 12, xuño 2020 (p. 57-68). Culturmar, Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial. DL PO-295-2004. ISSN 1699-3128.

Lorenzo Fernández, Xaquín (1962): “Etnografía: cultura material. Os oficios: Serranchíns”, en Ramón Otero Pedrayo (dir.) Historia de Galiza, vol. II, O home-II, p. 472-476. Buenos Aires: Editorial Nós.

Lorenzo Fernández, Xaquín (1983): “Serranchíns”, Os oficios, p. 12-18. Biblioteca Básica da Cultura Galega, Vigo: Editorial Galaxia. DL VG-18-1983. ISBN 84-7154-425-3.

Rambuscheck, O. (1926): “Máquinas de trabajar la madera”, en Manual del Ingeniero, Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, trad. de la 24ª edición alemana, tomo II, capítulo III: Máquinas operadoras, sección I: Máquinas-herramienta, apartado B, p. 437-443. Barcelona: Gustavo Gili.

Rico Boquete, Eduardo (1993): A riqueza forestal de Galicia no século XX: producción e explotación, Tesis doctoral, dirigida por el Profesor Ramón Villares Paz, inédita. Universidade de Santiago de Compostela.

Rico Boquete, Eduardo (2014): “La industria del aserrío mecánico en Galicia, 1856-1935”, en Historia Agraria, 62, Abril 2014, p. 83-116. ISSN 1139-1472.

Taboada Arceo, Antonio (1971): Galicia, estructura y ritmo socio-económicos. La Coruña: Servicio de Estudios y Publicaciones de las Cámaras Oficiales de Comercio, Industria y Navegación de Galicia. DL C-145-1971.

Xunta de Galicia (2007-2011): Plan de Ordenación do Litoral [en liña] Dispoñible na Internet: http://www.xunta.es/litoral [Acceso 8 decembro 2020].

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 9-IV Foz /// Datum ETRS89: H 29 // X 639.142,08 m / Y 4.822.620,72 m

Centro Nacional de Información Geográfica (s/d): Fotototeca Digital, Instituto Geográfico Nacional, Ministerio de Fomento del Gobierno de España [en línea] Disponible en internet: http://fototeca.cnig.es/ [Acceso 22 decembro 2019].

Instituto de Estudos do Territorio (IDE) da Xunta de Galicia (s/d): Información Xeográfica de Galicia: visor de mapas [en liña]. Dispoñible na Internet: http://mapas.xunta.es/visualizador-de-mapas [Acceso 23 agosto 2019].

Instituto Geográfico Nacional (s/d): Serie MTN25 (Mapa Topográfico Nacional 1:25.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional25.jsp? [Acceso 9 abril 2014].

Instituto Hidrográfico de la Marina (1961): De Las Pantorgas a San Ciprián. Océano Atlántico Norte. Costa Norte de España. Carta 932, con levantamientos de 1918 y correcciones hasta 1977. Cádiz: Talleres del Instituto Hidrográfico de la Marina. DL CA-734-1971.

Xunta de Galicia (Consellería do Medio Rural) (s/d): Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícola (SixPac): visor de mapas [en liña]. Dispoñible na Internet: http://sixpac.xunta.es/visorsixpac/ [Acceso 8 decembro 2020].

Data de Actualización:

9 decembro 2020