624 JEALFER (Jesús Alonso Fernández)

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: A Coruña
  • Concello: Boiro
  • Parroquia: Santa Baia de Boiro
  • Lugar: Boiro
  • Paraxe: Vimieiro
  • Dirección: Rúa Doctor Norberto Pijuan, 15 – 15930 Boiro
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.64578127166031
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.881040690737906
  • Coordeadas UTM: Datum ETRS89: H 29 // X 509.739,89 m / Y 4.721.496,21 m
  • Clasificación: Industria téxtil
  • CNAE: 13.10 Preparación e fiado de fibras téxtiles. 13.20 Fabricación de tecidos téxtiles.
  • Tipoloxía: Fábrica de tecidos de punto
  • Comarca: Barbanza
  • Marco Xeográfico: Ribeira setentrional da ría da Arousa, entre a enseada de Rianxo e a de Boiro, nas abas sur orientais da Serra do Barbanza.
  • Ámbito: Urbano
  • Acceso: Na vila de Boiro, localízase o barrio do Vimieiro, a carón da Avenida da Constitución. A fábrica sitúase na esquina oriental que fan dita avenida e a rúa Norberto Pijuan.

Tipo de propiedade:

Privada.

Visitable:

Exteriormente.

Xestión de visitas:

Non procede.

Historia:

Aínda que no centro e o norte da Europa non fallan achados que proban a existencia no neolítico de tecidos de liño e de la (o tecido europeo de lá máis antigo que se coñece descubriuse nun lamazal danés e datárase contra o 1500 a.C.), e mesmo o emprego de certos aparellos para elaboralos, en Galicia temos que esperar até a cultura castrexa para contar con testemuñas directas da primitiva industria do tecido.

Antes da invención das cizallas –probabelmente na Idade de Ferro– a lá arrincábase a man ou con peites de cobre. No tempo dos romanos, a lá, o liño, e o coiro vestían á poboación europea; o algodón da India era unha curiosidade da que só os naturalistas oíran falar; e a seda, importada dende China pola Ruta da Seda, era un luxo extravagante.

Despois da romanización, son case que inexistentes as referencias aos tecidos en Galicia, aínda que cabe supor que continuarían coa técnica romana. Xa na Idade Media galega, atópanse referencias documentais (vendas, testamentos) aos tecidos, nomeadamente de liño, deixando mesmo pegadas nalgunhas tampas sepulcrais de Noia e Compostela (Santa Susana).

Malia que a elaboración de tecidos de lá tivera algunha importancia en todo o nordés da provincia de Pontevedra (nomeadamente, Cotobade, Tabeirós e Montes), e que en Monforte se traballara a seda, dun xeito que arrela foi o liño a principal fibra obxecto de transformación téxtil. Porén, e a maiores das actividades do rural que servían para completar a subsistencia das familias campesiñas, sábese de algunha experiencia coa lá propiamente industrial, como fora a fábrica de panas dos irmáns Lees en Pontevedra (vid. ficha 232).

Pódese dicir que dende principios do século XVIII o liño é o motor económico principal na vida rural dunha Galicia súper poboada, cunha difusa e parcelada poboación campesiña que atopa nas feiras locais a consolidación da transacción polo miúdo de fibras, fíos e tecidos.

Xa no tránsito do século XVIII ó XIX son famosos os lenzos de Viveiro e de Mondoñedo, de Padrón e de Caldas, e os centros de recolleita e comercialización de liño de Verín, A Fonsagrada e Ordes, mais as liñeiras de Galicia non son bastantes para o abastecemento dos seus teares, e vai medrando a entrada de expedicións das veigas leonesas e zamoranas, e mesmo de Rusia, os países do Báltico e Holanda, chegando a supor o oitenta por cento dos lotes manexados nos teares galegos.

A comezos do século XIX, a perda dos mercados coloniais, a competencia do contrabando británico de tecidos de la e de algodón, a importación de fiados de liño e a consolidación do téxtil catalán coa competencia crecente do algodón, vai acelerar a decadencia de todo o téxtil galego, xa fose de liño, de lá ou mesmo de algodón.

Por outra banda, a repatriación de capitais americanos e os fortes ingresos xerados pola exportación de gran favorecería en Galicia algúns investimentos produtivos que buscaban aproveitarse do devandito arancel para implantar modernas industrias de tecidos de liño.

Tres foran os estabelecementos que se puxeran daquela en marcha en Galicia para a fabricación de tecidos de liño: en 1845 a fábrica do Seixo (vid. ficha 154); en 1847 a fábrica do Roxal (que comezara en 1843 co algodón, vid. ficha 098); e en 1850 a fábrica de Chavín (vid. ficha 376).

Desestimados os intentos de mecanización do traballo do liño, as novas iniciativas téxtiles que xorden en Galicia a comezos da década de 1870 van quedar restrinxidas o ramo do algodón, favorecidas pola avanzada liquidación das industrias rurais, o que lles supón unha menor competencia na conquista dunha pequena parcela do mercado rexional. Foron estas industrias “La Primera Coruñesa” (1873, vid. ficha 492), “Barcón y Cía.” (1873, vid. ficha 452), e “La Arzuana” (1890, vid. ficha 201), pero esta é xa outra historia…

Descrición Xeral do Entorno:

O primeiro taller estivera na zona noroeste da vila de Boiro, no barrio de Cimadevila, no baixo da entón vivenda familiar. A fábrica –e a nova vivenda familiar– ergueríase no Vimieiro, unha zona de hortas, leiras e canedos entón na periferia sur de Boiro, e hoxe urbanizado e totalmente transformado.

Construcción:

O primeiro taller, en 1954. En 1969 se inauguraría a fábrica no Vimieiro.

Abandono:

No ano 2020 continúa traballando.

Descrición:

Jesús Alonso Fernández, nacido en 1929 en Louriño (Boiro), estudiaría en Vilagarcía Teneduría de Libros co profesor Alejandro Cerecedo. Non tardaría en entrar a traballar na sucursal vilagarciá da casa de banca “Hijos de Olimpio Pérez”, na que progresaría como técnico contable.

O seu afán por contribuír á economía familiar o levaría cara a 1949 de volta a Boiro, e, traballando na tenda de tecidos e paquetería que rexentaba a súa nai, proxecta pasar da venda de roupa a converterse en fabricante da mesma. Desbotada a fabricación de camisas, de imposible competencia con Regojo (vid. ficha 449), ante a gran demanda de roupa de bebé naqueles anos, en 1951 apostaría pola fabricación de prendas de punto. Adquiriría entón unha máquina de facer punto, unha «tricotosa», e contrataría a unha profesional viguesa para que lle aprendera a usala; e vai ser despois el mesmo quen lle aprenda ás mulleres boirenses a manexala. Tres anos despois, mercaría en Vigo máis máquinas e establecería o seu taller no barrio boirense de Cimadevila: en 1954 nacía JEALFER, acrónimo formado co seu nome e apelidos. Non pasaría moito tempo para a ampliación do negocio coa edificación e inauguración en 1969 dunha moderna fábrica no lugar de Vimieiro.

A nova fábrica arranca dunha casa vivenda de planta rectangular de dezaoito metros de fronte e doce metros de fondo, de baixo e dous andares, con cuberta a catro augas. Para acoller a maquinaria e instalación industriais, a vivenda prolóngase pola parte traseira en unha nave rectangular de planta baixa e uns corenta metros de lonxitude, cuberta a dúas augas. Arrimadas pola cara meridional desta construción construiríanse outras dúas naves, de cincuenta e dous metro de lonxitude e dezaoito metros de anchura.

En 1957 Jesús Alonso Fernández casaría con Purificación Escurís Batalla, filla do empresario Manuel Escurís López (vid. fichas 493 e 494), dono de negocios de transporte, serra de madeiras e, non había moito, de conservas de pescado. Animado polos consellos do seu sogro sobre as favorables perspectivas do sector conserveiro, Alonso decide alugar a fábrica de conservas que “Viuda e Hijos de Villaverde” tiña no Preguntoiro de Vilaxoán, non lonxe da conserveira de Víctor Pita Iglesias (Conservas Cuca) e de “Industrias Pompeán”, conserveira de “Industrias Gallegas”, o brazo industrial do Banco Pastor.

Aínda que o auténtico negocio de Jesús Alonso nestes anos é a fábrica de punto e non as conservas, o empresario aposta por deixar o arrendamento e construír para si unha fábrica de conservas. Despois de investigar posibles localizacións pola costa lucense, favorable para as costeiras de atún, “o bonito do norte”, decide asentarse na ría de Arousa. Tras adquirir uns terreos en As Laxes do Laranxo, no termo municipal do seu Boiro natal e a carón do pequeno porto de O Bodión, na freguesía de San Cristovo de Abanqueiro, constrúe a fábrica que comezará a traballar no outono de 1965 (vid. ficha 642).

O crecemento do negocio téxtil vai verse bruscamente freado nos anos finais do século XX coa irrupción nos mercados de prendas de baixo custo, manufacturadas en países de man de obra barata, principalmente a China, pero tamén Vietnam ou Marrocos. Moitas fábricas, non só as das grandes compañías de Cataluña, desaparecerían coa globalización, que afectaría igualmente a moitas empresas galegas. A téxtil boirense resistiría polo empeño do seu promotor e a axuda nos momentos máis complicados de outras industrias do seu conglomerado empresarial.

Afastándose da confección barata e de pobre calidade, e ademais de manter as súas propias marcas, Jealfer Mujer e Jealfer Hombre, a empresa establecería asociacións estratéxicas con grandes marcas internacionais, como a española Pertegaz ou a francesa Lacoste, abríndose desta maneira tamén aos mercados máis exixentes do resto de Europa. Sobrevivindo á crise do téxtil de comezos do século XXI, no ano 2018 a fábrica de Boiro incorporaría aos seus activos os de “Viriato”, a histórica fábrica de confección de Ordes.

Tempo de uso:

Todo o ano.

Sistema de produción:

Cinco foron as fibras téxtiles fundamentalmente empregadas dende a Idade Media para a elaboración de tecidos, redes e cordas: dúas de orixe animal, a lá e a seda, e tres de orixe vexetal, o cáñamo, o liño e o algodón. A lá e o liño, abondosas no norte da península, serían as preferidas para a confección de vestimenta. O algodón quedou practicamente restrinxido á súa zona de cultivo, o val do Guadalquivir, de Xaén a Cádiz, empregándose para vestidos. A seda, ligada a poboacións de orixe musulmán, dende Aragón ata Granada e Málaga, pasando por todo Levante, só foi utilizada en roupas suntuarias. E o cáñamo, cultivado en na metade meridional peninsular, A Mancha, Murcia e Andalucía, empregábase para a confección de tecidos bastos e resistentes, cordas e enxarcia para as embarcacións.

As fibras en si mesmas son materias carentes das mínimas propiedades industriais, polo que precisan dunha primeira modificación que converta o pelo dun animal ou o talo dunha planta en un elemento apropiado –a fibra limpa, cardada e peiteada– para ser traballado até se transformar en fío continuo. O fiado das fibras era a segunda transformación, consistente na agrupación e torcido dos filamentos de tal xeito que quedaran trabados entre eles formando un fío continuo, a base das seguintes transformacións.

As fías (as fibras xa fiadas) agrupábanse entón para obter a lonxitude desexada da tea a confeccionar, o urdido que se montaba no tear para proceder á realización da trama que daría como resultado o tecido. Ademais dos teares, verticais ou horizontais, a textura podía tamén ser realizada tecendo con agullas, cunha febra continua que evolucionaba sobre si mesma, uníndose por medio de unha grande variedade de puntos acaídos ó resultado desexado, dende unha media a unha rede formada por mallas. Os tecidos xa fabricados e finalizado o seu acabado (abatanado, lavado, etc.) cortábanse co tamaño e a forma requirida para a elaboración de vestidos, cobertores, velas, toldos, bandeiras, etc.

A mecanización vai mudando os usos e costumes, facilitando o traballo e a competitividade, mellorando a calidade e reducindo os custos. A baratura do fiado de importación facilitou o abandono dos duros labores do cultivo do liño, que non chegou a se mecanizar en Galicia. Aínda que si se mecanizaron as tarefas do urdido, do branqueado, do tecido, que mudaron a individualidade dos teares rurais pola centralización do maquinismo, demandando nesta angueira un novo e principal ben que vai ser en adiante imprescindíbel na industrialización: a enerxía.

A fabricación de tecidos comeza polo procesado da fibra, sexa o vélaro das ovellas (ou o pelo doutros animais, coello, camelo, alpaca, vicuña), a seda dos vermes, ou a fibra do liño, do algodón ou de calquera outra planta téxtil (cánabo, yute, ramio). A la debe ser clasificada e lavada antes do seu fiado. A seda desenrólase dos casulos despois de abrandar a goma natural en auga quente, o que permite unha separación doada sen romper as finas fibras. A fibra do liño vai obterse despois dunha serie de operacións mecánicas e químicas. O algodón en bruto procésase coa desmotadora, que elimina as sementes e outras impurezas, antes de ser transportado en balas ao fiado.

Obtida unha fibra susceptible de ser fiada, os filamentos continuos agrúpanse e tórcense para formar longos fíos de varias febras. Os filamentos rotos e o material de refugallo aprovéitanse e fíanse de maneira similar á empregada para as fibras curtas.

As fibras sintéticas (sexan rayón e acetatos derivados da celulosa, ou ben fibras realmente sintéticas, como nailon, poliéster, polipropileno, fibras acrílicas ou mesmo fibra de vidro) subminístranse xa en forma de filamentos ou de fibras curtas, xa como fibra de filamento continuo. As fibras sintéticas curtas procésanse antes do fiado de forma similar ao algodón cru ou a la, mentres que as de filamento continuo convértense en fío igual que a seda.

Unha vez fiadas as fibras, o fío obtido vai tecerse, a man ou a máquina, para obter a tea ou tecido. Un tecido é unha estrutura téxtil obtida por entrelazado de un só fío (tecido de punto) ou de dúas ou máis series de fíos, cada unha das cales móvese segundo unha determinada lei (tecido plano e tecido aglutinado).

O tecido de punto é o formado por mallas, bucles ou puntos, empregando un só fío moi longo. Faise anoando o fío para formar unha reixa cunha serie de lazadas máis ou menos amplas unidas entre si. Pódese tamén facerse pasando unha lazada de fío sobre unha agulla para logo pasala a outra agulla, entrelazando sempre o mesmo e único fío para formar unha soa estrutura. Os ligamentos básicos do tecido de punto son: baeta, flanela, xersei, piqué. As teas de tecido de punto son difíciles de manexar, esvaran ao cortalas e estiran doadamente, pero adáptanse moi ben ao corpo.

O tecido plano faise nunha máquina chamada tear, manual ou mecánico, e vai elaborándose entrecruzando unha serie de fíos paralelos entre sí (trama) con outra serie de fíos, tamén paralelos entre si (urdidoira), e que normalmente forman un ángulo recto cos primeiros. Segundo que os fíos de trama e urda se crucen simplemente, ou que cada dous fíos de urdido contiguos se crucen alternativamente de dereita a esquerda e viceversa (abrazando, en cada cruce, o fío da trama), vanse obter tecidos de ligamento recto, ou tecidos con ligamento de volta (gasas). Os ligamentos fundamentais de urdido e trama son o tafetán (tecido liso, ou á plana), a estameña (tecido cruzado, ou sarga) e o satén (raso).

O tecido aglutinado fabrícase con fibras non fiadas (naturais ou sintéticas) que van humectarse e someterse a presión e calor, co cal as fibras van adherirse formando o tecido. Os sistemas principais son os que empregan resinas aplicadas sobre o retículo das fibras que saen da máquina formadora, e os que utilizan fibras termoplásticas que forman o retículo e se prensan entre rolos quentes.

Os produtos téxtiles poden tinguirse de varias maneiras: coloreando as teas xa tecidas (tinguido na peza); poden tinguirse as fibras nunha cuba antes do fiado (tinguido en bruto); e pode tinguirse o fío antes de tecelo (tinguido no fío). No caso dos fíos sintéticos, pódeselle dar un tinguido previo incorporando pigmentos coloreados na solución de fiado antes da extrusión dos filamentos (tinguido en masa ou solución).

O estampado dos tecidos faise principalmente por huecograbado por medio de rolos de cobre nos que as depresións cóbrense coa pasta de estampado. Pódese facer tamén por impresión en relevo ou co emprego de retículas.

Ademais do tinguido e o estampado, as teas poden recibir outros acabados para mellorar o aspecto ou calidades: resistencia ás engurras, pregaduras permanentes, resistencia ao encollido, etc.

Actividades laborais:

O proceso industrial comezaba coa recepción, selección e clasificación dos fíos téxtiles adquiridos en diversos provedores, pasando entón ao tecido das prendas. Os operarios neste proceso mecanizado son basicamente mulleres, axudadas por homes no mantemento das máquinas.

Emprego:

A finais do ano 1969 a empresa declaraba corenta “produtores” no seu cadro de persoal. Chegará a contar hoxe en día con setenta traballadores directos e varios talleres auxiliares externos, que suman un importante emprego local.

Materias Primas:

Fibras téxtiles naturais e artificiais.

Produtos Elaborados:

Prendas de punto.

Distribución e comercialización:

Nacional e internacional.

Referencias Bibliográficas:

Alonso Álvarez, Luis; Lindoso Tato, Elvira; Vilar Rodríguez, Margarita (2008): Construyendo empresas: la trayectoria de los emprendedores coruñeses en perspectiva histórica, 1717-2006. 2 vol., vol. 2, p.11-27. Grupo de Estudios de Historia de la Empresa de la Universidad de A Coruña. A Coruña: Confederación de Empresarios de La Coruña (CEC). DL VG-1476-2008.

Bravo Cores, Daniel; Sánchez Pombo, Ernesto; Alvite Alvite, Juan Ramón; Docampo Gómez, Francisco (2008): “La fábrica de punto ‘JEALFER’, germen del emporio empresarial”, en 50 años de Jealsa, p. 64-67. Boiro: Jealsa Rianxeira. DL C-4522-2008.

Brüggemann, H. (1942): “Tecnología textil y fabricación del papel. Industrias textiles”, en Manual del Ingeniero, Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, 2ª ed. trad. de la 26ª edición alemana, Tomo IV, Capítulo VII, p. 777-857. Barcelona: Gustavo Gili.

Carmona Badía, Joam (1990). El atraso industrial de Galicia. Auge y liquidación de las manufacturas textiles (1750-1900). Barcelona: Ariel. DL B-35453-1990. ISBN 84-344-6566-3.

Carmona Badía, Xoán (1990). “Crisis y transformación de la base industrial gallega, 1850-1936”, en Jordi Nadal Oller y Albert Carreras Odriozola (dirección y coordinación) Pautas regionales de la industrialización española (siglos XIX y XX), p. 23-48. Barcelona: Ariel. DL B-218-1990. ISBN 84-344-6563-9.

Carmona Badía, Xoán (2011): “Los Alonso Escurís, la rápida ascensión de un líder empresarial”, en Xoán Carmona Badía (dir. e coord.) Las familias de la conserva. El sector de las conservas de pescado a través de sus sagas familiares, p. 574-591. Fundación Clúster de Conservación de Productos del Mar e ANFACO-CECOPESCA. Pontevedra: Diputación de Pontevedra. DL C-891-2011. ISBN 978-84-938942-0-7.

Carmona Badía, Xoán; Nadal Oller, Jordi (2005). El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Córdoba de la Llave, Ricardo (2008): “Industrias del tejido y del cuero”, en Pedro Navascués Palacio (coord.) Ars Mechanicae: ingeniería medieval en España, p. 225-233. Fundación Juanelo Turriano. Madrid: Ministerio de Fomento (CEDEX-CEHOPU). DL M-46232-2008. ISBN 978-84-7790-470-0.

Lindoso Tato, Elvira (2006): Los pioneros gallegos. Bases del desarrollo empresarial (1820-1913). Madrid: LID Editorial Empresarial. DL SE-4354-2005. ISBN 84-88717-94-6.

Lorenzo Fernández, Xaquín (1962). “Etnografía: cultura material. Os tecidos”, en Ramón Otero Pedrayo (dir.) Historia de Galiza, vol. II, O home-II, p. 623-658. Buenos Aires: Editorial Nós.

Lorenzo Fernández, Xaquín (1983). “Os tecidos”, en Os oficios, p. 223-273. Biblioteca Básica da Cultura Galega, Vigo: Editorial Galaxia. DL VG-18-1983. ISBN 84-7154-425-3.

Taboada Arceo, Antonio (1971): Galicia, estructura y ritmo socio-económicos. La Coruña: Servicio de Estudios y Publicaciones de las Cámaras Oficiales de Comercio, Industria y Navegación de Galicia. DL C-145-1971.

Xunta de Galicia (2007-2011): Plan de Ordenación do Litoral [en liña] Dispoñible na Internet: http://www.xunta.es/litoral [Acceso 8 decembro 2020].

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 151-II Pobra do Caramiñal /// Datum ETRS89: H 29 // X 509.739,89 m / Y 4.721.496,21 m

Centro Nacional de Información Geográfica (s/d): Fotototeca Digital, Instituto Geográfico Nacional, Ministerio de Fomento del Gobierno de España [en línea] Disponible en internet: http://fototeca.cnig.es/ [Acceso 3 febreiro 2020].

Instituto de Estudos do Territorio (IDE) da Xunta de Galicia (s/d): Información Xeográfica de Galicia: visualizador de mapas [en liña] Dispoñible na Internet: http://mapas.xunta.es/visualizador-de-mapas [Acceso 3 febreiro 2020].

Instituto Geográfico Nacional (s/d): Serie MTN25 (Mapa Topográfico Nacional 1:25.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional25.jsp? [Acceso 9 abril 2014].

Instituto Hidrográfico de la Marina (1964): De Cabo de la Nave a la Isla Sálvora. Océano Atlántico Norte. Costa NW de España. Carta 926, con levantamientos no datados y correcciones hasta 1976. Cádiz: Talleres del Instituto Hidrográfico de la Marina. DL CA-1427-1972.

Instituto Hidrográfico de la Marina (1964): De Cabo Corrubedo a Cabo Silleiro. Océano Atlántico Norte. Costa NW de España. Carta 925, con levantamientos no datados y correcciones hasta 1977. Cádiz: Talleres del Instituto Hidrográfico de la Marina. DL CA-293-1972.

Xunta de Galicia (Consellería do Medio Rural) (s/d): Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícola (SixPac): visor de mapas [en liña] Dispoñible na Internet: http://sixpac.xunta.es/visorsixpac/ [Acceso 3 febreiro 2020].

Data de Actualización:

12 decembro 2020