625 Ferrería d’A Rodela

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: Lugo
  • Concello: Quiroga
  • Parroquia: San Salvador de O Hospital
  • Lugar: A Rodela
  • Paraxe: Ferrería
  • Dirección: Non procede
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.50091152809275
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -7.21003520690918
  • Coordeadas UTM: Datum ETRS89: H 29 // X 647.029,85 m / Y 4.706.883,44 m
  • Clasificación: Metalurxia férrea
  • CNAE: 24.10 Fabricación de productos básicos de ferro, aceiro e ferroaleacións. 25.50 Forxa, estampación e embutición de metais. 25.71
  • Tipoloxía: Ferrería tradicional
  • Comarca: Quiroga
  • Marco Xeográfico: A ferrería construíuse na marxe esquerda do río Quiroga, no val do mesmo nome, nas abas sur orientais da Serra do Courel.
  • Ámbito: Rural
  • Acceso: En Quiroga enfiaremos a estrada nacional LU-623 cara a Campos de Vila. A algo menos de catro quilómetros, apartaremos á dereita pola estrada LU-P-5001 cara a A Seara e uns seiscentos metros máis adiante, colleremos a carreteira que pola esquerda baixa aos lugares de A Ponte e A Rodela. A un quilómetro desde este desvío, atoparemos o que queda da ferrería.

Tipo de propiedade:

Privada no dominio público fluvial.

Visitable:

Exteriormente.

Xestión de visitas:

Non procede.

Historia:

O ferro chega ao noroeste peninsular coas dúas invasións (cara ao 950 a.C., a primeira, e cara ao 650 a.C., a segunda) procedentes de Centroeuropa dos pobos portadores da chamada “cultura celta”, pobos que contaban con armas dunha resistencia ata entón descoñecida. Estes invasores pronto recoñecen a gran experiencia dos pobos autóctonos en traballos metalúrxicos, e identifican grandes depósitos aptos para a obtención de bo metal. A coincidencia destes dous factores favorece a fusión de invasores e invadidos, iniciándose así o florecemento dunha industria fundamental no desenvolvemento na rexión da cultura castrexa, que se manterá aínda durante a romanización.

Os utensilios e as armas de ferro procedentes de Galicia pronto acadan fama en todo o mundo coñecido. Aínda que chegou a aventurarse a idea de que o seu bo tempero e a súa dureza debésense ao contido en volframio, tal idea resulta un pouco desatinada, tendo en conta que nin aquelas forxas podían acadar as elevadas temperaturas necesarias para a fusión do volframio, nin os depósitos de ferro se localizan próximos aos de volframio.

No ano 137 a.C., oitenta despois do desembarco romano na mediterránea Emporion (Ampurias, Tarragona) para cortar as subministracións terrestres de Aníbal durante a segunda guerra púnica, o procónsul Décimo Julio Bruto, que se titularía “Galaico”, inicia a ocupación dos territorios que máis de catrocentos anos despois (desde o 305 d.C. co emperador Diocleciano) pasaría a chamarse Gallaecia.

A gran experiencia mineira acumulada polos romanos lévalles a comprender decontado as grandes posibilidades da rexión (ouro, estaño, ferro), na que crean un enorme couto mineiro que explotarán sen intermediarios, cun Procurator Metallorum que vela polos intereses do Estado mentres a Sétima Lexión Xemelga (Legio Septima Gemina) custodia o perímetro Braga-Astorga-Lugo e o trazado das calzadas principais subordinase aos intereses mineiros do territorio galaico.

Do mesmo xeito que no caso doutros metais, a explotación do ferro coñece nesta época adiantos técnicos importantes. Coa descomposición do imperio, o terreo que cede Roma vai sendo ocupado polas vilas bárbaras; os suevos ocupan Galicia desde o 411, e continúan a herdanza mineira dos romanos aínda que carentes da súa organización e sentido comercial, coa conseguinte decadencia e o refuxio da técnica nos mosteiros.

Entre a ocupación de Lugo por Muza (714) e o arrasamento de Compostela por Almanzor (997), o dominio árabe é moi lixeiro, e no que atinxe á minaría só interésanse polo ouro e as pedras para xoiaría, como os abelorios (berilos) de Viveiró (Muras, Lugo).

Das invasións normandas nesta época, cómpre mencionar a do ano 968, que desde Iria Flavia e tras ser rexeitada en Compostela, acada e ocupa as minas e ferrerías do Cebreiro, o que lles permite fornecerse de armas e guerrear en terra galega durante dous anos.

As loitas feudais e a continua ameaza de invasións orixinan un importante desenvolvemento da minaría do ferro e das ferrerías, que conseguen o perfeccionamento de procedementos e técnicas. Os depósitos entón explotados eran aqueles máis favorables para a redución dos seus minerais coas técnicas ao uso, desenvolvidas nos mosteiros beneditinos (Celanova, documento do 959; Sobrado, do 966; Samos, do 1062). A crise vasca da primeira metade do século XVI, pola perda dos mercados europeos (copados polos ferros suecos e rusos), vai traer a Galicia a moitos ferróns vascos (arotzas), que perfeccionarán as técnicas locais coa aportación dos seus coñecementos metalúrxicos.

Aproveitábanse daquela minerais de alta lei en ferro e baixo contido en fósforo “que agre o aceiro” (acritude, alteración do estado estrutural de equilibrio) e as ferrerías situábanse nos sitios máis axeitados para o aproveitamento das augas dos ríos nos procesos de mecanizado, aireación, arrefriado e tempero; as madeiras de castaño e carballo achegaban a temperatura necesaria e a redución dos óxidos lográbase grazas ao carbón de uz. A calidade dos aceiros medievais galegos recoñécese en toda Europa, e o porto de Pontevedra configúrase tamén como un dos máis importantes puntos de exportación dos diversos produtos elaborados cos nosos ferros.

Xa na Idade Moderna, o condado de Maceda ostentará durante douscentos anos o dominio dun dos principais “veneiros” (xacementos) de ferro, o de Formigueiros (Visuña, Folgoso do Courel, vid. ficha 464), desde 1513 ata a súa cesión á Abadía de Samos en contrato datado o ano 1707. Pola súa banda, o condado de Lemos controlaba o outro gran “veneiro” da época, o de Roques (Ferreiros, Pobra do Brollón, vid. ficha 450).

A demanda de ferro redúcese notablemente unha vez finalizadas as guerras irmandiñas (1469) e a reconquista peninsular (1492), e pese ao intento de reactivación da minaría mediante unha pragmática outorgada en Valladolid o 10 de xaneiro de 1559 pola princesa gobernadora dona Juana, que se traduce nun aluvión de solicitudes que obriga vinte e cinco anos despois á redacción das chamadas “Ordenanzas de Felipe II” para a regulación do sector, a realidade é que non se acadan os obxectivos pretendidos ao resultar máis rendible (tamén para a Coroa) a explotación dos minerais americanos, e en consecuencia o século XVII caracterízase por un novo abandono da minaría, acentuado se cabe polo auxe agrícola coa adaptación do terreo ao cultivo do millo e a pataca.

A sobre explotación madeireira e a crecente dificultade para obter carbón vexetal, o avellentamento das técnicas utilizadas e a competencia pola introdución noutros países dos procedementos siderúrxicos indirectos ao forno alto, aceleran o declive da ferrería tradicional e a decadencia da minaría férrea en Galicia.

Co século XVIII iníciase o despegue da industria mineira galega, activado por tres factores fundamentais como foron a utilización da pólvora no avance de pozos e galerías, o emprego da máquina de vapor (1712) e, máis tarde, a evolución da ferrería (forno baixo, fragua ou forxa á catalana) ao forno alto e á fundición (vid. ficha 211, Sargadelos, 1791).

O século XIX vese envolto, case sen interrupción, por continuos conflitos bélicos, desde as guerras napoleónicas ata a perda das últimas colonias ultramarinas, Cuba e As Filipinas, pasando polas contendas carlistas. Tras a morte do seu creador (1809) a siderurxia de Sargadelos acada as súas máximas producións, pero a falta de renovación das súas instalacións, a deforestación, a crecente dificultade na explotación dos depósitos férreos e, sobre todo, a maior competencia de materiais procedentes doutras rexións ao quedar Galicia comunicada por ferrocarril (1883, Coruña-Ponferrada), aceleran a decadencia do complexo siderúrxico lugués.

Os principais xacementos de ferro do interior, Formigueiros e Roques, irían deixando de explotarse coa paulatina desaparición das ferrerías tradicionais, ás que abastecían. Na “Estadística Minera de España” do ano 1886 xa figuran ámbolos dous sen actividade, aínda que manteríase unha certa explotación irregular case até a fin do século. A desaparición da ferrería tradicional, a escaseza de combustible pola tremenda deforestación, as dificultades do transporte e a falta de modernización das explotacións explicarían a súa desaparición.

Aínda que foron numerosos outros depósitos de ferro que se explotaron desde entón nun último esplendor (Abeledo, Pena do Corvo, Santar, Roupar, Ferreiras, Fonsagrada, San Clodio, Reinante, Incio… ), a minaría do ferro en Galicia conta con tres senlleiros e magníficos exemplos serodios que foron explotado racional e sistematicamente desde finais do século XIX ata mediados do XX.

As minas de Freixo (Monforte de Lemos, Lugo), documentadas xa desde o século XV, coñeceron tempos de esplendor desde o ano 1913 ata o seu peche en 1958 (vid. ficha 115), extraéndose magnetita para a súa exportación a Inglaterra e Alemaña desde os embarcadoiros de Rande (Redondela, na ría de Vigo) (vid. ficha 143).

Nas minas de Vilaoudriz (A Pontenova, Lugo) desde 1866 ata 1960 (vid. ficha 117) extraérase hematites, xunto con goethita, siderita e pirita; o mineral calcinábase nuns fornos situados na boca da mina e un ferrocarril construído ex-profeso trasladaba os concentrados ata o porto de Ribadeo, onde se embarcaban para os seus destinos finais en Inglaterra e Alemaña (vid. ficha 142).

En terceiro lugar, as minas de ferro da Silvarosa (Viveiro, Lugo) beneficiaron magnetita con hematites e goethita desde 1893 ata 1960 (vid. ficha 102). O mineral extraído transportábase mediante un funicular bicable ata o cargadoiro de Ínsua, xa na ría de Viveiro, desde onde se despachaba en buques aos habituais destinos en Inglaterra e Alemaña (vid. ficha 141).

Pode concluírse que o ferro foi un dos principais impulsores da industrialización en Galicia, con dúas etapas claramente diferenciadas: unha primeira desde a época romana ata a conquista de América; e unha segunda desde finais do século XVIII ata mediados do século XX. Os estudos realizados como consecuencia do illamento internacional sufrido por España trala Segunda Guerra Mundial, evidencian o interese destes depósitos de ferro polas súas posibilidades de explotación e posterior transformación, pero deixaron igualmente claro que tal explotación non sería competitiva mentres fosen accesibles minerais doutros depósitos, con prezos inferiores, altas leis e baixas impurezas.

Descrición Xeral do Entorno:

Para construír a ferrería elixiuse unha zona chan na marxe esquerda do río Quiroga, case seis quilómetros augas arriba da vila de Quiroga e uns catrocentos metros augas abaixo da ferrería de Quintá.

Construcción:

Anterior a 1685.

Abandono:

Deixaría de fundir regularmente contra 1876, inda que fixera algunha fornada de cando en vez ata 1878. Despois seguiría traballando como forxa e no decenio de 1940 sería transformada en central hidroeléctrica e subministraría electricidade a Quiroga, San Clodio e algunhas aldeas da contorna.

Descrición:

A ferrería d’A Rodela sería fundada polos monxes bieitos do Mosteiro de Samos antes do ano 1685, no que por un preito queda documentada a súa existencia. O lugar elixido para o establecemento sería unha zona chan na marxe esquerda do río Quiroga, a uns catrocentos metros augas abaixo da ferrería de Quintá.

A zona é abundante na madeira necesaria para a calcinación das veas de ferro e a fabricación de carbón para as forxas. As veas procedían dos ricos xacementos de ferro de Formigueiros (Visuña, Folgoso do Courel, vid. ficha 464), “distante case cinco leguas” (uns vinte e sete quilómetros). A forte estiaxe do río non lle permitía traballar máis de seis meses, normalmente entre decembro e xullo. Cornide Saavedra recolle, de cara a 1780, que labraba uns setecentos quintais de ferro ao ano (case trinta e cinco toneladas).

Con el proceso de desamortización impulsado por Juan Álvarez Mendizábal en 1836, a ferrería poríase polo Estado á venda e pasaría en 1839 a man de particulares, que a seguirían explotando. Na fundición traballaría cinco operarios, dedicándose outros vinte e cinco á elaboración do carbón nos montes veciños.

En 1876 aínda fundíase nela, traendo entón tamén carbón dos xacementos de Roques (Ferreiros, Pobra do Brollón, vid. ficha 450). Porén, coa mingua da actividade mineira e a competencia do ferro biscaíño, a ferrería d’A Rodela non tardaría en cesar como fundición, aínda que, con ferro elaborado noutras fundicións, manteríase o traballo de forxa, estirando o metal para a fabricación de cravos e ferramentas agrícolas.

Despois dun bo número de anos de abandono, no decenio de 1940 as instalacións serían acondicionadas como central hidroeléctrica para o aproveitamento da enerxía hidráulica do río Quiroga na produción de electricidade, que subministraría a Quiroga, San Clodio e algunhas aldeas da contorna.

A finais do decenio de 1960, a pequena central hidroeléctrica d’A Rodela deixaría tamén de funcionar, quedando todo o conxunto abandonado.

Tempo de uso:

Todo o tempo que o permitise o caudal aproveitable do río, normalmente uns seis meses, coa interrupción nas longas estiaxes do val de Quiroga e algúns anos de fortes secas.

Sistema de produción:

O proceso metalúrxico comezaba coa extracción do mineral polos chamados venaqueiros, empregando picos e cuñas ou guillos nos que petaban con pesadas marras. Co gallo de reducir o peso do material a transportar ata a ferrería, os propios mineiros procedían moitas veces ao rudimentario calcinado do mineral (raguado) a carón da mina ou na metade do camiño. Amoreando leña ao aire libre ou practicando no solo un oco grande dun xeito similar ás carboeiras, queimaban nel leña mesturada co mineral extraído, nun proceso que duraba horas e mesmo días, e no que o mineral deshidratábase, separábanse as sustancias volátiles e tiña lugar a rotura e o primeiro esmiuzado do minerario (a mena) do ferro.

As veces, os venaqueiros levaban o minerario sen calcinar ata a mesma ferrería, diante da cal tería entón lugar a arragua ou cocido da vea, previo ao traballo na forxa.

A partir do minerario calcinado (cocido), o beneficio do ferro desenvolvíase en tres tipos de instalacións (a ferrería, o mazo e a fragua), que podían ou non estar unidas e que cumprían funcións distintas. Nun primeiro paso, o minerario resultado da calcinación ou raguado, un aglomerado esponxoso (arragua vale en árabe como espuma) de óxidos de ferro, sometíase na ferrería (ou no forno alto) a un proceso de redución con carbón vexetal, obténdose da fornada ferro bruto informe ou en lingotes.

Normalmente, os propietarios da ferrería a arrendaban a un ferrón, e este contrataba ao equipo de produción: o mestre ou aroza; o tirador, que sacaba o ferro do forno e o traballaba no mazo; os fundidores, que atendían ao forno; e o tazador, aprendiz encargado de esmiuzar a vea para que fundise mellor. Cada fornada duraba unhas catro horas, obténdose arredor dun quintal de ferro “fundido” (realmente, non chegaba a fundir; a temperatura que é preciso acadar para obter o ferro por fusión é de 1.520 ?C, e como moito conseguíanse uns 1.200 ?C nas ferrerías).

De seguido o ferro bruto ben quente labrábase ou estirábase poñendo a zamarra (a masa informe e esponxosa de ferro) na ingre do mazo (tamén chamado machuco ou picapeixes) e baténdoa repetidamente para limpa-lo ferro de impurezas (escouras). O mazo atopábase xeralmente a carón da ferrería aínda que existiron tamén mazos illados que debían xa que logo contar cun forno para quentar o ferro e podelo traballar.

Nos primeiros fornos baixos conseguíase a fusión a baixa temperatura pola formación de silicato de ferro, unha masa pastosa e esponxosa que aglomeraba no fondo da cubeta a forza de remexer coa berlinga (pudelado) e que precisaba do posterior traballo na forxa para conseguir eliminar o resto de impurezas por reiterado golpeo en quente (cinglado) até finalmente obte-lo ferro puro.

Finalmente, nas fraguas ou forxas os ferreiros transformaban o ferro en diversos obxectos de uso común: cravos, ferraxes, reixas de arado, apeiros de labranza, etc.

As máis das veces ferrería, mazo e fragua eran partes diferenciadas dunha única instalación, aínda que como se ten dito, podían ser independentes e mesmo atoparse afastadas unhas das outras.

Actividades laborais:

Tódolos traballos propios da ferrería, elaboración de carbón, fundición e forxa, eran normalmente feitos unicamente por homes.

Emprego:

Sen outros datos que os dos cinco fundidores e vinte e cinco carboeiros do ano 1839.

Materias Primas:

Mineral de ferro (hematita, Fe2O3; magnetita, Fe3O4; limonita, FeO(OH)·nH2O; siderita, FeCO3).

Produtos Elaborados:

Obxectos de ferro forxado (cravos e ferramentas agrícolas).

Distribución e comercialización:

Comarcal.

Referencias Bibliográficas:

Agricola, Georgius (Georg Bauer) (1556): De re metallica. Facsímil del Max-Planck-Institut für Wissenschaftsgeschichte (Instituto Max Planck para la Historia de la Ciencia) [en línea]. Dispoñible na Internet: http://libcoll.mpiwg-berlin.mpd.de [Acceso 7 de abril del 2011].

Agricola, Georgius (Georg Bauer) (1556): De re metallica (1950 English edition) Translated from the first latin edition of 1556 by Herbert Clark Hoover and Lou Henry Hoover and published in 1912 by The Mining Magazine, London. New York: Dover Publications, Inc. ISBN 0-486-60006-8.

Carmona Badía, Xoán (1990): “Crisis y transformación de la base industrial gallega, 1850-1936”, en Jordi Nadal Oller y Albert Carreras Odriozola (dirección y coordinación) Pautas regionales de la industrialización española (siglos XIX y XX), p. 23-48. Barcelona: Ariel. DL B-218-1990. ISBN 84-344-6563-9.

Carmona Badía, Xoán; Nadal Oller, Jordi (2005): El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Córdoba de la Llave, Ricardo (2008): “Las artes del fuego: metalurgia y alfarería”, en Pedro Navascués Palacio (coord.) Ars Mechanicae: ingeniería medieval en España, p. 203-213. Fundación Juanelo Turriano. Madrid: Ministerio de Fomento (CEDEX-CEHOPU). DL M-46232-2008. ISBN 978-84-7790-470-0.

Cueto y Noval, Ramón del (1928): La minería de la región gallega, reproducción facsimilar por la Cámara Oficial Minera de Galicia, 2006 [en línea] Disponible en Internet: http://www.camaraminera.org/ver/biblioteca.html [Acceso 21 de agosto del 2019].

Fernández Negral, Justino (1991): Forxas hidráulicas, mazos ou machucos no norte galego. Arquitectura, síntese histórica, e análise do artilugio mecánico. Cadernos do seminario de Sargadelos, núm. 54, Sada: Ediciós do Castro. DL C-942-1991. ISBN 84-7492-533-9.

Fernández Negral, Justino (2009): Estudio del proceso de calcinación y uso de la cal en los procesos sidero-metalúrgicos y en la construcción. Análisis de los procesos de obtención y de la estructura de los hornos. Tesis Doctoral (inédita). Departamento de Enxeñaría Industrial II. Ferrol: Universidade da Coruña.

González Pérez, Clodio (1994): A producción tradicional do ferro en Galicia: as grandes ferrerías da provincia de Lugo. Debuxos de José Pena. Lugo: Servicio de Publicacións da Deputación Provincial. DL LU-41-1994. ISBN 84-86824-49-4.

Hernández Sampelayo, Primitivo (1922): Hierros de Galicia, tomo I. Madrid: Gráficas Reunidas.

Hernández Sampelayo, Primitivo (1931): Hierros de Galicia, tomo II. Madrid: Gráficas Reunidas.

Hernández Sampelayo, Primitivo (1935): Hierros de Galicia, tomo III. Madrid: Gráficas Reunidas.

Hofman, H.O. (1925): Tratado de metalurgia general. Trad. por Rafael Hernández del original inglés del Instituto Tecnológico de Massachusetts. Barcelona: Gustavo Gili.

Ibáñez, Maite; Torrecilla, María José; Zabala, Marta; Yañiz, Santiago (2001): “La industria del hierro”, en Colección Bertan, número 16, San Sebastián: Dirección General de Cultura de la Diputación Foral de Guipúzcoa. DL SS-752/2001. ISBN 84-7907-333-0. Disponible en Internet: http://bertan.gipuzkoakultura.net [Acceso 06 agosto 2020].

Lara Coira, Manuel (2010): “La minería y el patrimonio minero en Galicia”, en Tierra y tecnología, revista de información geológica, número 36, segundo semestre 2009, p. 65-76. Madrid: Ilustre Colegio Oficial de Geólogos. DL-M-10.137-1992. ISSN 1131-5016.

Lorenzo Fernández, Xaquín (1962): “Etnografía: cultura material. A Terra: O ferro”, en Ramón Otero Pedrayo (dir.) Historia de Galiza, vol. II, O home-II, p. 462-464. Buenos Aires: Editorial Nós.

Lorenzo Fernández, Xaquín (1962): “Etnografía: cultura material. Os oficios: Ferreiros”, en Ramón Otero Pedrayo (dir.) Historia de Galiza, vol. II, O home-II, p. 531-542. Buenos Aires: Editorial Nós.

Lorenzo Fernández, Xaquín (1982): “A minería”, en Os oficios, p. 275-289. Biblioteca Básica da Cultura Galega. Vigo: Editorial Galaxia. DL VG-283-1982. ISBN 84-7154-407-5.

Lorenzo Fernández, Xaquín (1983): “Ferreiros”, en Os oficios, p. 97-109. Biblioteca Básica da Cultura Galega. Vigo: Editorial Galaxia. DL VG-18-1983. ISBN 84-7154-425-3.

La minería de Galicia (1991): Santiago de Compostela: Dirección Xeral de Industria de la Xunta de Galicia. DL C-1341-1991.

Mirre Gavalda, Juan Carlos (1990): Guía dos minerais de Galicia. Vigo: Galaxia. D.L. VG-328-1990. ISBN 84-7154-729-5.

Schulz, Guillermo (1835): Descripción geognóstica del Reino de Galicia, acompañada de un mapa petrográfico de este país, Herederos de Collado, Madrid, ed. facsimilar de 1985 da Área de Xeoloxía e Minería do Seminario de Estudos Galegos, Sada (Coruña): Ediciós do Castro.

Taboada Arceo, Antonio (1971): Galicia, estructura y ritmo socio-económicos. La Coruña: Servicio de Estudios y Publicaciones de las Cámaras Oficiales de Comercio, Industria y Navegación de Galicia. DL C-145-1971.

Vázquez Vaamonde, María del Carmen (1995): La metalurgia en Galicia de los siglos XVIII al XX: ferrerías, fundiciones y forjas. Departamento de Historia II, Área de Historia Contemporánea, Tesis Doctoral dirixida por Ramón Villares Paz, Santiago de Compostela: Universidade de Santiago.

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 156-IV Salcedo /// Datum ETRS89: H 29 // X 647.029,85 m / Y 4.706.883,44 m

Centro Nacional de Información Geográfica (s/d): Fotototeca Digital, Instituto Geográfico Nacional, Ministerio de Fomento del Gobierno de España [en línea] Disponible en internet: http://fototeca.cnig.es/ [Acceso 3 febreiro 2020].

Instituto de Estudos do Territorio (IDE) da Xunta de Galicia (s/d): Información Xeográfica de Galicia: visualizador de mapas [en liña] Dispoñible na Internet: http://mapas.xunta.es/visualizador-de-mapas [Acceso 3 febreiro 2020].

Instituto Geográfico Nacional (s/d): Serie MTN25 (Mapa Topográfico Nacional 1:25.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional25.jsp? [Acceso 9 abril 2014].

Xunta de Galicia (Consellería do Medio Rural) (s/d): Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícola (SixPac): visor de mapas [en liña] Dispoñible na Internet: http://sixpac.xunta.es/visorsixpac/ [Acceso 3 febreiro 2020].

Data de Actualización:

10 decembro 2020