628 Cervezas La Barxa

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: Pontevedra
  • Concello: Vigo (ata 1941, Lavadores)
  • Parroquia: Santiago de Vigo
  • Lugar: Vigo
  • Paraxe: A Barxa
  • Dirección: Non procede
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.23617130525373
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.712227940559387
  • Coordeadas UTM: Datum ETRS89: H 29 // X 523.743,96 m / Y 4.676.042,62 m
  • Clasificación: Elaboración de bebidas
  • CNAE: 11.05 Fabricación de cervexa.
  • Tipoloxía: Cervexa
  • Comarca: Vigo
  • Marco Xeográfico: Casco urbano da cidade de Vigo.
  • Ámbito: Urbano
  • Acceso: No centro urbano de Vigo buscaremos a rúa García Barbón e seguirémola até o final, cara a Guixar. Na esquina coa rúa Serafín Avendaño dobramos á dereita: entre esta e a rúa Callao, ao fondo e no espazo ata as torres do Círculo de Empresarios, atopábase a fábrica de Cervezas de Santander.

Tipo de propiedade:

Privada

Visitable:

A zona foi totalmente urbanizada e non hai pegada algunha da cervexeira santanderina.

Xestión de visitas:

Non procede

Historia:

O tránsito da recolección ao cultivo dos cereais vai suceder na Mesopotamia entre os milenios XI e VII a.C. E sería posibelmente neste tempo no que entenderíase o proceso da fermentación da fariña con auga, proceso do que xurdirían o pan (fariña mesturada cunha pouca auga) e a cervexa (fariña mesturada con moita auga). Do IV milenio a.C. son as evidencias máis antigas da produción de cervexa, atopadas no que fora o Imperio de Elam, no actual Irán.

A cervexa (propiamente, un fermentado alcohólico obtido de cereal) serviría como alimento, coa vantaxe de que, coa mesma cantidade de trigo, podíase elaborar moita máis cantidade de cervexa que de pan; mesmo podíase elaborar cervexa engadíndolles máis auga aos refugos de pan. Por outra banda, o alcohol producido coa fermentación da fariña libraba á auga da contaminación bacteriana.

Unha vez estendido o cultivo do trigo e outros cereais, a cervexa perduraría como unha bebida popular en toda a conca mediterránea, na que o consumo do viño (de uva) sería máis común entre as clases podentes. O procedemento de elaboración máis antigo que se coñece, recollido no século III no chamado papiro de Zósimo de Panópolis, indica que os exipcios usaban pan de cebada pouco cocido que se deixaba a fermentar en auga. Sábese tamén que no Oriente empregábase como materia a fermentar, ademais do leite, o arroz, así como o zume do bambú e da cana de azucre.

As evidencias máis antigas da elaboración de cervexa en Europa atopáranse no xacemento neolítico da Cova de Can Sadurní (termo municipal de Begas, Barcelona) e foran datados en 1999 nunha estratificación que vai do 5.500 ao 4.000 a.C.

Con todo, ao considerar que o que propiamente enténdese como cervexa hoxe en día é un fermentado alcohólico proveniente de cereal, que necesariamente debe incluír o amargor e os aromas propios do lúpulo e outras plantas, hai que aclarar que foi na Europa onde apareceu esta bebida no século XIII. Pódese entón resumir que a cervexa é unha bebida alcohólica, non destilada, de sabor amargo, que se fabrica con grans de cebada xermolados cuxo amidón ferméntase en auga con fermento e se aromatiza con lúpulo e outras plantas.

Coa extensión do Imperio Romano, as áreas mediterráneas consolidaríanse como basicamente vinícolas e no norte e centro de Europa a cervexa iría homoxeneizando a súa maneira de elaborarse coa formulación que hoxe en día é comunmente aceptada. O uso dos grans –principalmente de orxo– xermolados artificialmente e despois secos e torrados, o malte, estenderíase como ingrediente principal, co complemento do lúpulo como aromatizante e favorecedor da conservación da bebida.

A primeira disposición que regulaba o que debía entenderse como cervexa sería promulgada polo duque Guillermo IV de Baviera en 1516, e nela estableceu que soamente auga, malte de cebada e lúpulo poderían empregarse na súa elaboración.

A cervexa elaborábase no outono e consumíase na primavera, e pasaría moito tempo ata que deixara de ser un produto de tempada, xa que, malia procurar unha fermentación lenta e almacenarse os barrís de madeira nos lugares máis frescos, a falta de refrixeración facilitaba a perda do anhídrido carbónico producido na fermentación e estragaba a bebida co ascenso das temperaturas.

Xa no século XIX, o emprego de conservantes diferentes do lúpulo, o almacenamento en envases herméticos refrixerados e a posibilidade da fabricación en serie de botellas de vidro para a súa distribución, favorecerían o tránsito da fabricación artesanal á industrial e o crecemento e expansión do sector cervexeiro por todo o mundo.

En 1864 o alsaciano Louis Moritz abriría en Barcelona a que foi a primeira das grandes fábricas de cervexa localizadas en España. A seguirían outras marcas, como “La Salve” (Bilbao, 1886), “Mahou” (1890, Madrid), “Ámbar” (Zaragoza, 1900), “Cruzcampo” (1904, Sevilla), “La Estrella de Galicia” (1906, A Coruña)...

Ademais da xa común cervexa embotellada, en 1933 aparecerían nos Estados Unidos as cervexas en envases metálicos. Hoxe en día, despois da auga e o té, a cervexa é a bebida máis consumida no planeta, e a primeira das alcohólicas.

Descrición Xeral do Entorno:

As instalacións da fábrica de cervexas faríanse no que daquela era a periferia urbana da cidade, próxima ao porto comercial e á zona entón asento de estaleiros e de moitas industrias de salga e conservas. En todo caso, cun bo acceso ás comunicacións marítimas, por carreteira e por ferrocarril.

Construcción:

En 1922 comeza o proxecto, inaugurándose a fábrica en 1925.

Abandono:

1989. O 30 de xaneiro de 1995 remataba o derribo da antiga fábrica de Skol na Barxa, onde se construirían dúas torres e a sede do Club Financeiro de Vigo.

Descrición:

Dúas antigas empresas cervexeiras cántabras, “La Austríaca” (1797) e “La Cruz Blanca” (1860) acordarían en 1917 fusionarse creando “Cervezas de Santander”. A nova sociedade non tardaría en medrar e expandirse pola península coa adquisición de outras fábricas. Ademais da fábrica de Santander e a de San Juan, adquirida xa en 1912 en Valladolid, compraría en 1922 “La Gaditana”, en Cádiz, e “La Leonesa”, en Trobajo del Camino, en 1924. Ao ano seguinte o grupo cervexeiro incorporará a fábrica que xa está construíndo en Vigo.

No decenio de 1920, Vigo era unha cidade en expansión na que a emigración a América, o retorno dos “indianos” que alá fixeran fortuna e a transformación da industria de salga en fábricas de conservas supuña un notable movemento da poboación. Manuel Prieto Lavín, representante de “Cervezas de Santander”, vería as posibilidades de negocio na cidade e, aínda que en Vigo xa había dous pequenos elaboradores de cervexa (Moreira y Cía, e García Bañón), decidiría a construción nas proximidades do porto dunha moderna fábrica de cervexa.

Con proxecto do arquitecto local Manuel Gómez Román, as obras comezarían en 1922 nun solar de case dez mil metros cadrados en A Barxa, nos que se edificará aproximadamente a metade. Con tres pozos para obter a auga necesaria, as previsións son de elaborar ata cinco millóns de litros anuais. O 29 de xaneiro de 1925 inauguraríase a fábrica que comercializaría as marcas “La Cruz Blanca” e “La Austríaca” en varios tipos de elaboración.

O éxito da nova fábrica vai ser inmediato e importante, de tal maneira que entre 1925 e 1935 vai superar as vendas da súa principal competidora, a coruñesa “La Estrella de Galicia”. En tanto, a casa matriz da fábrica viguesa de cervexas, aínda mercaría as fábricas de “El Gallo” (1930, en Salamanca), “Santa Bárbara” (1932, en Madrid) e “Gambrinus” (1938, en Valladolid).

“Cervezas de Santander” continuaría coa súa política expansiva unha vez rematada a Guerra Civil Española (1936-1939). Crearía novas fábricas en Madrid (1956), en Cádiz (1961), en Breda (Gerona, 1964) e adquiriría outras máis en Santiponce (Sevilla, 1962) e Franquelo (Málaga, 1976). Pola resistencia da cervexeira local, “El Águila”, fracasaría na tentativa de establecer factoría en Valencia, tropezo que compensaría coa adquisición en 1976 de “La Cervecera del Norte”, que ademais de en Bilbao, tiña fábrica tamén en Valencia.

A entrada de capital estranxeiro na compañía levaría á desaparición das marcas tradicionais e a aparición de outras novas, levándose tamén por diante a “Cervezas de Santander, S.A.”, que pasará a denominarse “Unión Cervecera, S.A.” e establecerse en Madrid.

Como farían outras fábricas do grupo, a fábrica d’A Barxa comezara en 1970 a fabricar a marca “Skol”, en detrimento das outras antigas marcas. A produción en 1976 ascendería ata os doce millóns novecentos mil litros.

A reestruturación do grupo cervexeiro comezaría con peche en 1979 das fábricas de Valladolid e Santander. A fábrica de Vigo continuará fabricando “Skol” ata 1989, no que tamén pecharía. En 1991 do grupo só quedarían funcionando as fábricas de Bilbao, Valencia e Málaga, que en 1996 pasarán a depender da compañía irlandesa “St. James's Gate Brewery”, máis coñecida pola súa marca Guinness.

O 30 de xaneiro de 1995 remataba o derribo da que fora inicialmente a fábrica de Cervezas de Santander na Barxa. No solar se construirían dúas edificacións de vivendas e tería a súa sede o Clube Financeiro de Vigo.

Tempo de uso:

Todo o ano, cunha concentración da actividade no tempo do verano.

Sistema de produción:

O proceso comeza coa limpeza e clasificación da cebada. Despois do remollo da cebada seleccionada, déixase a xermolar nun ambiente húmido e cálido para obter o malte verde. O xermolado pódese facer en eira (local ventilado e en penumbra, case escuro), en caixa (con ventilación mecánica) ou en tambor xiratorio (tamén con ventilación mecánica).

O malte verde (a cebada xermolada) sométese a desecamento e torrado no proceso coñecido como “malteado”, obténdose un produto granulado, homoxéneo e estable, o malte.

O malte seco e torrado tritúrase en muíños de cilindros para que se lle desprenda a cuberta, levándose á cuba primeira. Desta pasa á caldeira onde cócese a mestura do malte moído e auga, que vai levarse despois á cuba filtrante (na que se separa o bagaño), da que xa pasa á caldeira de mosto, na que ten lugar a cocción co lúpulo ata conseguir a concentración desexada.

Na preparación do mosto (sacarificación), o amidón solubilizado do gran de malte vai converterse en azucre fermentable (maltosa) pola acción da diastase producida no xermolado coa rotura dos albuminoides. Esta fase do proceso dura unhas doce horas.

O mosto de cervexa obtido refrixérase entre dúas e catro horas antes de pasar ás cubas de fermentación primaria, nas que se engaden os fermentos, manténdoas arrefriadas entre sete e dez días, e nas que ten lugar a transformación parcial do azucre en alcohol e ácido carbónico.

A cervexa nova obtida pasa despois á bodega de maduración ou fermentación secundaria, na que estará de un a cinco meses e na que o ácido carbónico formado vai combinarse química e mecanicamente para dar o produto final.

Da bodega de maduración a cervexa vai levarse ao envasado, que faise en barrís ou en botellas, a presión, para que non perda o ácido carbónico e forme espuma, quedando logo preparada para a expedición.

Actividades laborais:

Man de obra basicamente masculina.

Emprego:

A finais do ano 1969 a empresa declaraba oitenta e oito “produtores” no seu cadro de persoal.

Materias Primas:

Auga, cebada (orxo, Hordeum vulgare), lúpulo (Humulus lupulus) e fermentos (principalmente Saccharomyces cerevisiae ou Saccharomyces pastorianus).

Produtos Elaborados:

Cervexas de diferentes calidades.

Distribución e comercialización:

Rexional.

Referencias Bibliográficas:

Carmona Badía, Xoán; Nadal Oller, Jordi (2005): El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Fernández González, Ángel Ignacio (2012): “Cervezas gallegas: La Barxa (Vigo)”, Galicia agraria: historias sobre la agricultura gallega del siglo XX. Comentarios, análisis, documentos acerca de la economía agraria y la vida campesina [en línea] Disponible en http://galiciaagraria.blogspot.com/search?q=la+barxa [Acceso 16 diciembre 2020].

Gerbracht, H.; Gesell H. (1942): “Industrias de la alimentación y afines”, en Manual del Ingeniero, Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, 2ª ed., trad. de la 26ª edición alemana, tomo IV, capítulo V, p. 540-554. Barcelona: Gustavo Gili.

Pérez Fernández, Francisco (2016): Arquitectura industrial en Vigo (1898-1939): orígenes, evolución y estado actual (usos y perspectivas de futuro), p. 124-130. Colección Vigo na Memoria. Vigo: Instituto de Estudios Vigueses. DL VG-73-2016. ISBN 978-84-89599-61-1.

Rolland Etchevers, Eduardo (2014): “25 años sin cerveza viguesa”, La Voz de Galicia, ed. Vigo, 09/02/2014.

Rolland Etchevers, Eduardo (2016): “La rubia que enamoró a la ciudad”, La Voz de Galicia, ed. Vigo, 05/12/2016.

Sobrino Fagilde, Iria; Calviño Iglesias, Raimundo (2008): Arquitectura industrial en la provincia de Pontevedra. Vigo y zona de influencia (eje norte-sur) [en línea] Disponible na Internet: http://noncommon.files.wordpress.com/2012/04/00-a-indyarq_1-393_low.pdf [Último acceso 16 de diciembre del 2020]. Vigo: Colegio Oficial de Arquitectos de Galicia.

Taboada Arceo, Antonio (1971): Galicia, estructura y ritmo socio-económicos. La Coruña: Servicio de Estudios y Publicaciones de las Cámaras Oficiales de Comercio, Industria y Navegación de Galicia. DL C-145-1971.

Xunta de Galicia (2007-2011): Plan de Ordenación do Litoral [en liña] Dispoñible na Internet: http://www.xunta.es/litoral [Acceso 8 decembro 2020].

Índice de mapas e planos:

Localización no Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 223-III Vigo /// Datum ETRS89: H 29 // X 523.743,96 m / Y 4.676.042,62 m

Centro Nacional de Información Geográfica (s/d): Fotototeca Digital, Instituto Geográfico Nacional, Ministerio de Fomento del Gobierno de España [en línea] Disponible en internet: http://fototeca.cnig.es/ [Acceso 28 febreiro 2020].

Instituto de Estudos do Territorio (IDE) da Xunta de Galicia (s/d): Información Xeográfica de Galicia: visualizador de mapas [en liña] Dispoñible na Internet: http://mapas.xunta.es/visualizador-de-mapas [Acceso 4 abril 2020].

Instituto Geográfico Nacional (s/d): Serie MTN25 (Mapa Topográfico Nacional 1:25.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional25.jsp? [Acceso 9 abril 2014].

Instituto Hidrográfico de la Marina (1964): De Cabo Corrubedo a Cabo Silleiro. Océano Atlántico Norte. Costa NW de España. Carta 925, con levantamientos no datados y correcciones hasta 1977. Cádiz: Talleres del Instituto Hidrográfico de la Marina. DL CA-293-1972.

Xunta de Galicia (Consellería do Medio Rural) (s/d): Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícola (SixPac): visor de mapas [en liña] Dispoñible na Internet: http://sixpac.xunta.es/visorsixpac/ [Acceso 4 abril 2020].

Data de Actualización:

17 decembro 2020