629 Fabril Gallega de Jabones

Galería de Fotos

VerVerVerVerVerVerVerVerVerVerVer
  • Provincia: Pontevedra
  • Concello: Pontevedra
  • Parroquia: Pontevedra (urbana)
  • Lugar: Mollabao
  • Paraxe: Mollabao
  • Dirección: Non procede
  • Coord. Xeográficas - Latitude: 42.42147229288927
  • Coord.Xeográficas - Lonxitude: -8.658100845451354
  • Coordeadas UTM: Datum ETRS89: H 29 // X 528.126,11 m / Y 4.696.634,12 m
  • Clasificación: Fabricación de xabón
  • CNAE: 20.41 Fabricación de xabóns, deterxentes e outros artigos de limpeza e abrillantar.
  • Tipoloxía: Industrial por saponificación de aceites residuais
  • Comarca: Pontevedra
  • Marco Xeográfico: Marxe esquerda da desembocadura do río Lérez na ría de Pontevedra, na marisma que é hoxe a periferia do sur do casco urbano da c
  • Ámbito: Periurbano
  • Acceso: Sairemos de Pontevedra pola Avenida de Manuel Palacio, arranque da estrada nacional N-550 cara a Vigo, para enfiar enseguida a rúa Rosalía de Castro, comezo da estrada PO-546 cara a Marín. A algo máis de oitocentos metros, na man dereita da estrada, no número 128, atoparemos o edificio que acollera a antiga fábrica de xabón.

Tipo de propiedade:

Privada.

Visitable:

Exteriormente.

Xestión de visitas:

Non procede.

Historia:

A fabricación do xabón foi xa practicada polos exipcios, mesturando potasa ou sosa con aceite. O proceso coñeceuse en Israel e Grecia. Os gregos empregaban unha sal natural rica en carbonato sódico que chamaban natrón. Os romanos mesturaban graxas animais coa potasa contida na cinza de vexetais.

A cultura árabe, transmisora a occidente dos coñecementos de gregos e romanos, traería á Península Ibérica a técnica de fabricación do xabón.
O xabón medieval, un produto custoso e limitado aos máis ricos, fabricábase nas almonas ou xaboeiras de maneira artesanal e en pequenas cantidades. O proceso básico consistía en ferver graxas (animais ou vexetais) cun álcali forte (sosa ou potasa), deixando despois arrefriar a pasta obtida.

Na Idade Media, a fabricación de xabón foi moitas veces monopolizada, controlándose o peso das pezas e marcándoas cun selo.

A caída do comercio da sosa de Oriente (imprescindíbel para a fabricación de vidro e de xabón) favoreceu dende o século XVI a extensión do cultivo das chamadas “plantas barrilleras”, espontáneas nas salinas e mariñas e que deixan cando se queiman un produto rico en sales, a sosa (carbonato sódico), tamén coñecida como barrilla ou kali.

As plantas arrancadas de raíz deixábanse secar antes de proceder, nun burato feito no chan, á súa coidadosa queima, de maneira que as sales se derreteran sen mesturarse co vexetal carbonizado, formándose ao arrefriarse no fondo unha pedra uniforme e limpa de impurezas. Para a súa comercialización, a pedra escachábase en grandes pezas de uns douscentos quilos cada unha.

Ademais das modestas producións locais de xabón para autoconsumo, coas primeiras vagas de comerciantes cataláns de 1750 en diante, entre os diversos produtos levantinos (viño, augardente, licores, aceites…) que chegan ás poboacións costeiras de Galicia como mercadorías de intercambio coa sardiña das rías, estará presente o “xabón de Marsella”, un produto entón de luxo e só accesible para as clases máis adiñeiradas.

Xa deixara Fray Martín Sarmiento testemuña na súa Historia natural de Galicia (1756, citado por Meixide, 1991:115) de como era daquela "infinito el dinero que los maragatos extraen de Galicia a título de xabón y aceite", concluíndo rotundamente que "loza, vidrio, jabón y aceite son las cuatro polillas que chupan de Galicia mucho dinero".

Como ocorrería con moitas outras iniciativas de modernización do país, vai ser no reinado de Carlos III (1759-1788) cando se adopten as primeiras providencias para darlle pulo a unha industria nacional de xabón e eludir a habitual e masiva introdución no país do artigo estranxeiro. Sería nas cidades de Sevilla, Alacante e Elche onde comezaría a implantación desta industria que, grazas ao apoio oficial a empresarios privados e á abundancia de aceite e barrilla, pronto vai estabelecerse tamén noutros lugares da xeografía peninsular. Os xabóns fabricados serían dos tipos duro (ou “de pedra”, fabricado con sosa e sebo) e brando (fabricado con potasa e aceite de oliva) e serían comercializados destacando a súa composición (de sebo, de oliva, de sosa) e a súa orixe (de Sevilla, de Castela, etc.).

Ademais do crecemento dos establecementos dedicados á fabricación de xabóns, no que destacarían polo número deles Andalucía e o reino de Valencia sobre outras rexións, nos anos finais do século serían moitos os negociantes franceses, xenoveses e mesmo algún maltés, que teríanse instalado en Alacante, Cartaxena, Lorca, Murcia e Águilas para consagrarse ao lucrativo negocio da exportación de barrilla levantina, coñecida en toda Europa pola súa extraordinaria calidade.

O incansable Sarmiento remitiríalle ao seu irmán Javier, entón residente en Pontevedra, sementes de barrilla alacantina para que probase de introducir o seu cultivo en terreos da ría “das Xunqueiras” (a ría de Ares e Betanzos), na illa de Tambo e nos baldíos incultos de A Lanzada. Descoñecemos o resultado da aclimatación da barrilla levantina, aínda que non é infrecuente atopar exemplares da familia (Salsola kali Linneo) nos areais costeiros galegos, tanto atlánticos como cantábricos.

Trala Guerra de Independencia Española (1808-1814) comezou a decadencia da produción de barrilla, ao ir aparecendo nos mercados as primeiras partidas de sosa artificial (carbonato de sodio, CO3Na2), que empezaba a producirse nalgúns países europeos co método descuberto en 1791 polo médico francés Nicolas Leblanc (calcinación do sulfato de sodio obtido a partir da sal común). Non sería ata arredor de 1850 cando se iniciaría a explotación en España de algúns xacementos de sulfato de sodio de orixe mineral, a partir dos que se elaboraría carbonato de sodio para as fábricas de vidro e de xabón.

A primeira fábrica de xabón que se establecera en Galicia foi a promovida en 1763 nas proximidades de Pontevedra por Domingo de Tara, un comerciante milanés residente en Lisboa. Asociado con Miguel de Godoy, veciño de Vigo, e Francisco María Cantelo, veciño de Pontevedra, instalaría a súa industria nunha casa do fidalgo pontevedrés Manuel Félix Montenegro, situada no lugar de Tablada, na parroquia de San Martiño de Salcedo, “distante apenas un cuarto de legua de la villa de Pontevedra” (vid. ficha). Os elevados custos do abasto do aceite e a barrilla que precisaban sería unha grave pexa para a boa marcha da industria, e os fundadores de “Tara, Godoy y Cía.” incorporarían novos socios nun intento de remontar a crise, malia o que a empresa iría á ruína e desaparecería en 1785.

Outros promotores intentarían sacar adiante as súas fábricas de xabón en A Coruña (1768), en Betanzos (1771 e 1783) e, finalmente, “n’A Coruña, Ferrol ou Santiago” (1794), sen que ningunha das propostas conseguira chegar a realizarse. Habería que esperar aos comezos do século seguinte para atopar novas iniciativas, aínda con procedementos tradicionais, pero xa dunha certa dimensión, das que serían as máis significadas as das compañías “Jayme Dalmau y Cía.” (A Coruña, 1824) e “Sociedad Álvarez y Peñiya” (A Coruña, 1828). Con todo, a debilidade da demanda de xabón as obrigaría a pechar no decenio de 1840.

A elevada demanda de sosa na industria (téxtil, vidro, louza, papel e xabón, principalmente) chegaría a supor un grave problema de abasto das cinzas necesarias para a súa fabricación, pois necesitábanse máis de catro quilogramos de madeira para un quilogramo de borralla. O problema o resolvería o científico francés Nicholas Leblanc en 1789, ao conseguir coa sal común sintetizar sosa de orixe non orgánico. O seu método estaría vixente ata 1870, substituído en diante polo máis eficaz procedemento do belga Enrnest Solvay, que chegaría a supor o 95% da producción mundial de sosa en 1900.

A hixiene persoal iría collendo importancia desde os comezos do século XX, aparecendo as primeiras producións netamente industriais de xabóns de calidade, lideradas por fábricas malagueñas e barcelonesas, xabóns cuxo uso popularizaríase do decenio de 1920 en diante. En Galicia, o principal proxecto dunha industria xaboeira moderna sería o da Illa da Toxa (vid. ficha), en cuxa fábrica se elaborarían desde 1905 xabóns brandos de calidade, utilizando os álcalis producidos pola industria química e graxas vexetais diferentes do tradicional aceite de oliva. Após a Guerra Civil Española (1936-1939), crearíanse en Galicia outras fábricas de xabón, cosméticos e perfumería de certa dimensión.

Descrición Xeral do Entorno:

A fábrica situárase na beiramar da marxe esquerda da desembocadura do río Lérez na ría de Pontevedra, nunha zona tan ben comunicada por mar como por terra.

Construcción:

En 1938, nos estertores da Guerra Civil Española (1936-1939).

Abandono:

En 1944, coa morte do fundador, morrería esta industria.

Descrición:

O empresario Manuel Prieto Salvadores, asociado co químico Juan Ugarte Pollano, promovería en 1938 unha fábrica de xabóns e outros produtos de lavandería que vai ser construída cun proxecto deseñado polo arquitecto Emilio Quiroga.

A fábrica, que acadaría certa relevancia na primeira metade do decenio de 1940, vai construírse en Mollabao, daquela un barrio periférico na beiramar da marxe esquerda do río Lérez ao sur da cidade de Pontevedra.

A construción é un edificio de baixo e un andar, rectilíneo e cunha planta rectangular duns oitenta metros de longo e dez de ancho. A fábrica fíxose cunha mestura de materiais construtivos nas estruturas, con formigón en piares, predominio das vigas de madeira, ademais de algunha viga de aceiro, piso de madeira, paredes de ladrillo recebado, cuberta de tella sobre armadura de madeira, a catro augas.

A fábrica ergueríase entre a ribeira esquerda do esteiro do río Lérez e a estrada de Pontevedra a Marín, xa que logo cun bo acceso tanto terrestre como marítimo. O acceso directo á ría de Pontevedra facilitaba o remolque dalgún cachalote ata a mesma porta da fábrica, onde sería despezado para o aproveitamento da súa graxa para a fabricación do xabón.

Fabricaría produtos de lavandería e xabóns de baño e tocador. Os seus produtos máis populares serían os de Sales de San Xusto, elaborados coas augas minerais do monte das Caldas de San Xurxo de Sacos (Cotobade), e o xabón de tocador “Carmiña”.

Coa morte en 1944 do seu propietario Manuel Prieto Salvadores, a fábrica non tardaría en rematar a súa actividade.

Tempo de uso:

Todo o ano.

Sistema de produción:

O xabón é unha pasta que resulta da combinación dun álcali cos ácidos dos corpos graxos. A pasta é solúbel na auga, empregándose para lavar. Na fabricación empréganse lixivia de sosa e graxa de porco, sebo de vacún, ou aceites animais ou vexetais.

A preparación pode facerse en frío emulsionando as graxas con lixivias concentradas de sosa ou potasa, aínda que a saponificación non é completa e prexudica á conservación do produto.

O método clásico, ou marsellés, ten catro etapas: empaste (saponificación); salgadura (salinización); cochura (cocción); e liquidación.

O proceso comeza coa mestura das graxas coa sosa até a súa emulsión (empaste), engadíndolle unha disolución salina (salgadura) e quentando a pasta resultante (cocción) para a separación das lixivias e a glicerina da pasta de xabón líquido (liquidación). Esta pasta vértese nuns recipientes rectangulares de madeira (ou cantearía) e déixase arrefriar até obter unhas barras sólidas consistentes. Xa só resta por cortar as barras aos tamaños convenientes para a súa comercialización.

O desenvolvemento da industria foi introducindo modernizacións que supoñían tanto melloras produtivas como hixiénicas: depósitos de alimentación caldeados, máquinas de laminar arrefriadas, cilindros amasadores, prensas de extrusión, etc.

Actividades laborais:

Sen datos.

Emprego:

Sen datos.

Materias Primas:

Graxas animais, aceites vexetais, e aceites minerais.

Produtos Elaborados:

Xabóns de lavar, de baño, e de tocador. Marca comercial “Carmiña”.

Distribución e comercialización:

Rexional.

Referencias Bibliográficas:

Carmona Badía, Xoán; Nadal Oller, Jordi (2005): El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.

Fontenla Chas, Xosé Anxo (José Chas) (2017): “Fabril Gallega de Jabones”, en Memoria industrial en Galicia [en línea] Disponible en Internet https://memoriaindustrialengalicia.wordpress.com/2017/08/29/fabril-gallega-de-jabones/ [Acceso 21 diciembre 2020].

Meijide Pardo, Antonio (1991): “Tentativas para promover la industria del jabón en la Galicia setecentista”, en Cuadernos de Estudios Gallegos, 39 (104), 113–130.

Mora-Figueroa, Dagmar de, 1998, “Las plantas barrilleras y sus usos industriales”, en Ignacio González Tascón (coord.) Los ingenios y las máquinas. Ingeniería y obras públicas en la época de Felipe II. Madrid: Sociedad Estatal para la Conmemoración de los Centenarios de Felipe II y Carlos V, p. 310-317. DL M-23499-1999. ISBN 84-95146-14-2.

Puche Riart, Octavio; Mazadiego Martínez, Luis Felipe; Jordá Bordehore, Luis; Carvajal García, Daniel (2005): “El magnífico paisaje subterráneo de la mina Consuelo, Chinchón (Madrid): un paisaje cultural”, en Octavio Puche Riart y Mariano Oyarzagüena Sanz Minería y Metalurgia históricas en el Sudoeste Europeo, p. 487-498. Madrid: Sociedad Española para la Defensa del Patrimonio Geológico y Minero (SEDPGM). ISBN 84-669-6114-1.

Rey Goris, José María (2019): “La Fábrica de jabón de Mollabao”, en PorGaliciaBaixo [en liña] Disponible na Internet: https://gazeta.gal/web/es/la-fabrica-de-jabon-de-mollabao-2/ [Acceso 16 decembro 2020].

S. M., Jesús (2020): “Salsola kali L.”, en Flora de Galicia [en línea] Disponible en Internet https://floradegalicia.wordpress.com/2020/01/15/salsola-kali/ [Acceso 23/12/2020].

Sobrino Fagilde, Iria; Calviño Iglesias, Raimundo (2008): Arquitectura industrial en la provincia de Pontevedra. Vigo y zona de influencia (eje norte-sur) [en línea] Disponible na Internet: http://noncommon.files.wordpress.com/2012/04/00-a-indyarq_1-393_low.pdf [Acceso 16 de diciembre del 2020]. Vigo: Colegio Oficial de Arquitectos de Galicia.

Taboada Arceo, Antonio (1971): Galicia, estructura y ritmo socio-económicos. La Coruña: Servicio de Estudios y Publicaciones de las Cámaras Oficiales de Comercio, Industria y Navegación de Galicia. DL C-145-1971.

Xunta de Galicia (2007-2011): Plan de Ordenación do Litoral [en liña] Dispoñible na Internet: http://www.xunta.es/litoral [Acceso 8 decembro 2020].

Índice de mapas e planos:

Localización Mapa Topográfico Nacional 1:25.000: Folla 185-II Pontevedra /// Fuso 29 // X 528.126,11 m / Y 4.696.634,12 m

Centro Nacional de Información Geográfica (s/d): Fotototeca Digital, Instituto Geográfico Nacional, Ministerio de Fomento del Gobierno de España [en línea] Disponible en internet: http://fototeca.cnig.es/ [Acceso 28 febreiro 2020].

Instituto de Estudos do Territorio (IDE) da Xunta de Galicia (s/d): Información Xeográfica de Galicia: visualizador de mapas [en liña] Dispoñible na Internet: http://mapas.xunta.es/visualizador-de-mapas [Acceso 4 abril 2020].

Instituto Geográfico Nacional (s/d): Serie MTN25 (Mapa Topográfico Nacional 1:25.000), Madrid: Centro Nacional de Información Geográfica [en línea] Disponible en Internet: https://www.cnig.es/serieNacional25.jsp? [Acceso 9 abril 2014].

Instituto Hidrográfico de la Marina (1964): De Cabo Corrubedo a Cabo Silleiro. Océano Atlántico Norte. Costa NW de España. Carta 925, con levantamientos no datados y correcciones hasta 1977. Cádiz: Talleres del Instituto Hidrográfico de la Marina. DL CA-293-1972.

Xunta de Galicia (Consellería do Medio Rural) (s/d): Sistema de Información Xeográfica de Parcelas Agrícola (SixPac): visor de mapas [en liña] Dispoñible na Internet: http://sixpac.xunta.es/visorsixpac/ [Acceso 4 abril 2020].

Data de Actualización:

21 decembro 2020